Capital

Unha capital é unha cidade que desempeña un papel relevante na condución da política dun país. Na maioría dos casos a capital é a cidade onde está a sede do goberno, habendo no entanto excepcións. Algúns dos factores que determinan que unha cidade sexa considerada capital inclúen:

  • A cidade é sede do goberno ou da residencia do xefe de Estado.
  • A cidade é a sede do poder xudicial.
  • A cidade é sede do parlamento.
  • Nunha monarquía é frecuente que a capital sexa o lugar onde o monarca ten a corte, sendo normal que acuda con relativa frecuencia.
  • A cidade é un importante centro de actividade para o país.
  • Existencia de leis que determinen a localización da capital.

Un país (ou entidade política equivalente) pode ter máis que unha capital oficial ao mesmo tempo. Pode ser ou non a sede do goberno e pode mesmo mudarse periodicamente.

En Suráfrica, por exemplo, a capital administrativa é Pretoria, a capital lexislativa é a Cidade do Cabo e a capital xudicial é Bloemfontein. Esta é unha herdanza deixada polo compromiso acordado entre a maioría das diferentes provincias cando foi creada a Unión de Suráfrica en 1910. Fronte a isto, unha forte cidade economicamente é Xohanesburgo, e turisticamente Durban xunto a Cidade do Cabo.

En Chile, o congreso nacional mudouse para a cidade de Valparaíso, manténdose no entanto Santiago do Chile como capital. Nos Países Baixos, o goberno, xefe de Estado e supremo tribunal están situados na A Haia, mais a constitución determina que a capital oficial sexa Ámsterdan. Outro país con capitalidade múltiple é o Canadá, con Otava e Montreal.

Outras cidades poden ser consideradas capitais económicas ou culturais, pola súa enorme forza fronte á capital política, pero non ter recoñecemento oficial: é o caso do Río de Xaneiro ou São Paulo fronte a Brasilia ou Barcelona fronte a Madrid.

Véxase tamén

Outros artigos

Atenas

Atenas (en grego: Αθήνα, tr. "Athína", [aˈθina] (AFI)) é a capital da Grecia e tamén a capital da rexión de Ática. Ademais de ser unha cidade moderna, Atenas tamén é famosa por ter sido unha poderosa cidade-Estado e un centro de cultura moi importante nos tempos antigos.

En grego antigo, Atenas era chamada Athenai (Αθήναι) e, no século XIX, este nome foi retomado formalmente como nome da cidade. Desde o abandono oficial do grego Katharevousa na década de 1970, a forma popular Athina converteuse no nome oficial da cidade.

Australia

Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar da Tasmania, ao leste. A través destes mares, ten fronteira marítima coa Indonesia, Timor-Leste e Papúa-Nova Guinea, ao norte, e co territorio francés da Nova Caledonia, ao leste. A súa capital é Canberra.

Berlín

Berlín (en alemán: Berlin, [bɛɐ̯ˈliːn] (AFI), escoitar) é a capital e un dos dezaseis estados de Alemaña. Cunha poboación de 3,4 millóns nos límites do concello, Berlín é a meirande cidade do país xermano. Constitúe a segunda maior cidade da UE e a novena maior área metropolitana. Berlín atópase no nordeste do país, e constitúe o centro da área metropolitana Berlín-Brandeburgo, fogar de máis de 5 millóns de persoas de máis de 190 nacionalidades.Documentada por primeira vez no século XIII, ao longo da súa historia Berlín foi capital do Reino de Prusia (1701-1918), o Imperio alemán (1871-1918), a República de Weimar (1919-1933) e do Terceiro Reich (1933-1945). Trala segunda guerra mundial, a cidade foi dividida; o Berlín do leste converteuse na capital da República Democrática Alemá mentres o Berlín do oeste converteuse na capital da Alemaña occidental, estando a cidade separada polo Muro de Berlín entre 1961-1989. Trala Reunificación alemá en 1990, a cidade recuperou o seu status como capital de toda Alemaña.

Biblioteca Nacional de Australia

A Biblioteca Nacional de Australia (en inglés: National Library of Australia) é a maior biblioteca de referencia de Australia e atópase na súa capital, en Camberra. Tamén fai a función de depósito legal de Australia. Segundo os datos de 2012 e 2013, a biblioteca conta cun fondo de 6 496 772 ítems, e cunha estimación doutros 2 325 900 ítems adicionais na colección de manuscritos.

Bruxelas

A Cidade de Bruxelas (Ville de Bruxelles en francés, Stad Brussel en neerlandés, Stadt Brüssel en alemán) é a capital oficial de Bélxica e funciona na práctica como capital da Unión Europea.

Comarca da Terra Chá

A comarca da Terra Chá é unha comarca galega situada na zona norte e interior da provincia de Lugo. É a comarca máis extensa de Galicia con 1822,75 km². No ano 2014 tiña 42.336 habitantes. A paisaxe desta chaira combina frecuentes outeiros coroados na súa maioría por castros —cómpre citar o castro de Viladonga— con agros e pasteiros chans, importantes lagoas como a de Cospeito ou Caque e máis dun cento de ríos e regatos que percorren a comarca.

Pertencen a ela os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade, sendo a súa capital Vilalba.

A Terra Chá pódese definir como unha comarca rural cunha economía de clara vocación agrícola e gandeira. A climatoloxía e os solos permiten que haxa unha importante extensión de parcelas dedicadas a pastos onde se alimentan un gran número de vacas destinadas especialmente á produción láctea contando para iso con modernas explotacións que son, na súa maioría, de carácter familiar pero altamente competitivas. Naqueles lugares da comarca onde a topografía é máis montañosa cobra auxe a gandaría extensiva, dedicada á produción cárnica e predominando a raza autóctona rubia galega. A flora da comarca da Terra Cha é moi variada incluíndo importantes áreas de carballeiras, soutos e fragas; domina o carballo acompañado por bidueiros, salgueiros, ameneiros, castiñeiros e piñeiros do país.

Comarca de Betanzos

A comarca de Betanzos é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e a súa capital é Betanzos. Pertencen a ela os concellos de Aranga, Betanzos, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Vilarmaior e Vilasantar. Ten unha superficie de 669,3 km² e no 2014 tiña 38.768 habitantes.

Comarca de Chantada

A comarca de Chantada é unha comarca galega situada na provincia de Lugo cuxa capital é Chantada. Pertencen a ela os concellos de Carballedo, Chantada e Taboada.

Comarca do Eume

A comarca do Eume é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e con capital en Pontedeume. Pertencen a esta comarca os concellos da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Pontedeume e Monfero. Limita ao norte coas comarcas de Ferrolterra e Ortegal, ao sur coa de Betanzos e ao este coa da Terra Chá pertencente á provincia de Lugo.

Constantinopla

Constantinopla (Nome romano: Constantinopolis; Grego: Konstantinoupolis ou Κωνσταντινούπολις) é o antigo nome da cidade de Istambul, na Turquía. O nome orixinal era Bizancio (Bυζάντιον en grego).

Constantinopla foi a capital do Imperio Bizantino, tamén coñecido como Imperio Romano de Oriente. Foi capturada e saqueada pola Cuarta Cruzada en 1204 e despois recapturada polas forzas de Nicea, baixo as ordes de Miguel VIII Paleólogo en 1261.

"Constantinopla" é unha adaptación de Konstantinoupolis, que significa "Cidade de Constantino". O nome é unha referencia ao emperador romano Constantino I o Grande que converteu esta cidade na capital do imperio romano, o 11 de maio de 330. Constantino chamouna "Nova Roma", pero o nome non prosperou. Posteriormente Constantinopla quedou como capital do Imperio Romano de Oriente e, tras a caída do Imperio Romano de Occidente, como capital do Imperio Bizantino.

Constantinopla e o Imperio Bizantino caeron finalmente ante o Imperio Otomán a 29 de maio de 1453. Nos tempos otománs, ambos os nomes Constantinopla e Istambul foron usados, a pesar dos occidentais invariabelmente usaron o nome Constantinopla. Istambul só se tornou o nome oficial en 1930. Cando a República da Turquía foi fundada en 1923, a capital moveuse de Istambul a Ancara.

En tempos bizantinos, os gregos chamaban Constantinopla "i Poli" (a cidade), unha vez que era o centro do mundo grego e durante a maioría do período bizantino a maior cidade da Europa.

O nome Istambul é unha tradución ao turco de "Constantinopla". A crenza de que vén da frase grega "is tin Poli" (cara a cidade) é apenas unha lenda folclórica.

Italia

Italia ( pronunciación ) (en italiano: Italia, [iˈtaːlja] (AFI), escoitar), oficialmente República Italiana ( pronunciación ) (en italiano: Repubblica Italiana), é unha república parlamentaria cuxo territorio está en Europa meridional (99,97%) e no norte de África (0,03%). O territorio europeo confórmano a maior parte da península Itálica, o val do río Po e dúas grandes illas no mar Mediterráneo: Sicilia e Sardeña. O territorio africano fórmano as pequenas illas de Lampedusa, Lampione e Pantelaria.

No norte está flanqueado polo arco alpino onde limita, de leste a oeste, con Eslovenia, Austria, Suíza e Francia. O resto do territorio está circundado polos mares Lígur, Tirreno, Xónico e Adriático. Os pequenos estados da Cidade do Vaticano e San Marino son enclaves dentro do territorio italiano. Á súa vez Campione d'Italia é un concello italiano que forma un pequeno enclave en territorio suízo. A superficie total é de 301.340 km2, cunha poboación de 60,8 millóns de habitantes. A súa capital desde os tempos do Imperio romano é Roma, e foi durante séculos o centro político e cultural da civilización occidental

Ten sido o fogar de moitas culturas europeas coma a civilización de Nuraga, os etruscos, os gregos e os romanos. Despois da caída do Imperio Romano de Occidente, a Italia medieval foi invadida e sometida á dominación de pobos xermánicos coma os Ostrogodos, os Longobardos e os Normandos. Isto non impediu que a Península, coa revitalización comercial das comunas medievais, chegara a se-lo berce do capitalismo. No século XV, coa difusión do Renacemento por toda Europa, convértese no centro cultural do mundo occidental; mais despois das guerras do século XVI cae baixo a soberanía de potencias estranxeiras, coma Francia, España e Austria. Durante o Risorgimento combate pola independencia e pola unidade, ata que en 1861 foi proclamado o Reino de Italia. A ditadura fascista, iniciada en 1922, rematou coa derrota na segunda guerra mundial e a guerra de liberación. En 1946, logo dun referendo institucional, o Estado italiano convértese nunha república parlamentaria regulada pola Constitución de 1948.

No 2014 Italia, oitava potencia económica mundial e cuarta europea, é un país cun elevado nivel de vida: o índice de desenvolvemento humano é moi alto, 0,872, e a esperanza de vida é de 82,4 anos. É membro fundador da Unión Europea, da OTAN, do Consello de Europa e da OCDE; adherido á ONU e ó tratado de Schengen. É ademais membro do G7, do G8 e do G20; participa no proxecto Nuclear Sharing da OTAN, é unha gran potencia rexional europea, capaz de exercer influencia política sobre opcións e decisións de orde extraeuropeo e internacional, e está en novena posición do mundo por gasto militar. En Roma teñen a súa sede numerosas organización internacionais coma a Organización para a Agricultura e a Alimentación, o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola, o Glocal Forum ou o Programa Mundial de Alimentos.

Italia posúe o maior número de sitios declarados patrimonio da Humanidade pola UNESCO. É o quinto país do mundo e terceiro da Unión Europea que máis turistas recibe por ano, sendo Roma a terceira cidade máis visitada. Outras cidades importantes son Milán, centro industrial e finaceiro, e, segundo o "Global Language Monitor", a capital da Moda; Turín, centro da industria automobilística e do deseño industrial, Boloña, coa universidade máis antiga do mundo; as cidades históricas de Venecia, Florencia e Nápoles etc.

Lisboa

Lisboa é a capital e maior cidade de Portugal, situada na foz do río Texo. Alén diso é tamén capital do distrito de Lisboa, da rexión de Lisboa, da área metropolitana de Lisboa, e é tamén o principal centro da subrexión estatística da Grande Lisboa. A cidade ten unha poboación de 545.245 habitantes (2011), mais a súa área metropolitana ten preto de 2,9 millóns, un 27% da poboación do país.

A cidade corresponde ao concello, que é pequeno cos seus 83,84 km². A densidade demográfica sobe a 6.518,1 hab./km². O concello subdivídese en 53 freguesías e está limitado ao norte polos municipios de Odivelas e Loures, ao oeste por Oeiras, ao noroeste pola Amadora e ao leste e sur polo estuario do Texo. A través do estuario, Lisboa lígase aos concellos da marxe sur: Almada, Seixal, Barreiro, Moita, Montijo e Alcochete.

Londres

Londres (en inglés: London, [ˈlʌndən] (AFI), escoitar) é a capital de Inglaterra e do Reino Unido; atópase ás beiras do río Támese na illa de Gran Bretaña. Segundo os datos do censo do 2012, viven 8 173 194 habitantes na división administrativa do Gran Londres, composta por 32 distritos municipais (boroughs) e mais pola Cidade de Londres propiamente dita (City of London), nunha área de 1579 km². A aglomeración urbana ten preto de 11,3 millóns de habitantes.Dunha cidade romana chamada Londinium, a capital da rexión administrativa romana Britannia, a cidade acabou por se tornar o centro do imperio británico, contribuíndo hoxe en día co 17% do PNB dun país que é a cuarta maior economía do mundo.

Londres ten sido un dos máis importantes centros da política e do comercio mundiais por case dous milenios (a pesar de ter sido Winchester a capital de Inglaterra durante gran parte da Idade Media).

Madrid

Madrid é a capital de España e da Comunidade de Madrid. Está situada no centro da Península Ibérica, ó sur da Serra de Guadarrama, no río Manzanares. Cunha poboación de 3.233.527 habitantes (INE 2012) é a cidade máis grande e poboada do país e da Península Ibérica, e a terceira da Unión Europea. A súa área metropolitana, de 6.043.031 habitantes, é a terceira área urbana máis poboada da Unión Europea, por detrás das de Londres e Berlín.

Como capital do Estado, Madrid alberga as sedes do Goberno, Cortes Xerais, Ministerios, Institucións e Organismos asociados, así como a residencia oficial dos reis de España. No plano económico, Madrid é a cuarta cidade máis rica de Europa, tras Londres, París e Moscova. É o principal centro financeiro e empresarial de España, actualmente, o 50,1% dos ingresos das 5.000 principais empresas españolas son xerados por sociedades con sede social en Madrid, as cales representan o 31,8% delas. É sede do principal mercado de valores do país, e de varias das máis grandes corporacións do mundo.

Nacida a partir do asentamento fortificado hispanomusulmán de Maǧrīţ, conquistado por Afonso VI de León e Castela en 1083, a vila foi designada en 1561 como sede da corte de Filipe II, sendo a primeira capital permanente da monarquía española. Desde entón, salvo un breve intervalo de tempo entre 1601 e 1606 no que a capitalidade pasou temporalmente a Valladolid, Madrid foi a capital de España e sede do Goberno da Nación.

París

Esta páxina é sobre a capital de Francia. Para a figura mitolóxica vexa Paris.

París (en francés Paris [pa.ʁi] ) é a capital de Francia, Chef-lieu da Illa de Francia e a única comuna-departamento do país. Atópase nun meandro do río Sena no centro da Conca parisiense, entre a confluencia do río Marne e o Sena augas arriba, e o Oise e o Sena augas abaixo.

A cidade de París dentro dos seus límites administrativos ten unha poboación estimada de 2 190 327 habitantes (2016). Con todo, durante o século XX, a área metropolitana de París espallouse alén dos límites da comuna. A súa área urbana, a segunda máis grande de Europa, ten unha poboación de 11 174 740 habitantes (1999).A rexión de París (Illa de Francia) é, xunto con Londres, o centro económico máis importante de Europa. Con 500,8 mil millóns de euros (630 mil millóns de dólares), produciu unha cuarta parte do Produto Interior Bruto (PIB) de Francia no 2006. La Défense é o primeiro barrio de negocios de Europa, alberga a sede social de case a metade das grandes empresas francesas, así como a sede de vinte das 100 máis grandes do mundo. París tamén acolle ou acolleu a moitas organizacións internacionais como a Unesco, a OCDE, a Corte Penal Internacional e o Club de París.

A cidade é o destino turístico máis popular do mundo, con máis de 26 millóns de visitantes estranxeiros por ano. Adoita considerarse como a cidade máis fermosa, elegante e espectacular do mundo por contar con moitos dos monumentos máis famosos e admirados do orbe: a Torre Eiffel, a Catedral de Notre-Dame, os Campos Elisios, o Arco do Triunfo, a Basílica do Sacré Cœur, d'Os Inválidos, o Panteón, o Arco de La Défense, a Ópera Garnier ou o barrio de Montparnasse, entre outros. Tamén alberga institucións de recoñecemento mundial: o Louvre, o Museo de Orsay e o Museo Nacional de Historia Natural de Francia.

Polonia

Polonia (en polaco: Polska, [ˈpɔlska] (AFI), escoitar), oficialmente República de Polonia (Rzeczpospolita Polska), é un país da Europa central membro da Unión Europea (UE), cuxa capital e maior aglomeración urbana é a cidade de Varsovia. Polonia fai fronteira con Alemaña polo oeste; a República Checa e Eslovaquia polo sur; Ucraína, Belarús e Lituania polo leste; e o mar Báltico e o enclave ruso de Kaliningrado polo norte. O país abrangue unha superficie de 312.696 km² , facendo de Polonia o sexasésimo noveno país do mundo e o noveno de Europa. Polonia ten unha poboación por riba dos 38 millóns de habitantes, o que o converte no trixésimo cuarto país máis poboado do mundo e o oitavo de Europa. Polonia é un Estado unitario dividido en 16 subdivisións administrativas.

O territorio polaco comprende na súa porción máis grande ao norte parte da gran chaira europea e abarca ao sur territorio montañoso dos Sudetes, os Cárpatos e a Serra da Santa Cruz. A súa capital e cidade máis poboada é Varsovia, a capital histórica de Mazovia, aínda que para moitos polacos, é máis importante a antiga capital, Cracovia, e Poznań, a capital antiga dos polacos, devanceiros de Polonia.

O establecemento dun estado polaco é a miúdo identificado coa adopción do cristianismo polo gobernante Miecislao I, no ano 966, cando o país abranguía unha superficie semellante á actual. En 1025, Polonia converteuse nun reino e en 1569, cimentou unha asociación co Gran ducado de Lituania, trala sinatura da Unión de Lublin, formando a República das Dúas Nacións. A mancomunidade colapsou en 1795 producíndose a partición de Polonia entre Prusia, Rusia e Austria. Polonia recuperou novamente a súa independencia como a Segunda República Polaca en 1918, despois da I Guerra Mundial, mais volveuna perder trala II Guerra Mundial; entón foi ocupada pola Alemaña nazi e maila Unión Soviética. Durante a II Guerra Mundial Polonia perdeu máis de seis millóns dos seus cidadáns. Emerxeu anos máis tarde como a República Popular de Polonia dentro do Bloque do leste, baixo unha forte influencia soviética.

Durante as Revolucións de 1989, o goberno comunista foi derrocado e Polonia converteuse constitucionalmente na "Terceira República Polaca". Polonia é un estado unitario, constituído por 16 voivodinas (en polaco: województwo). Polonia é membro da Unión Europea, OTAN e da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE).

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Provincia de Lugo

Lugo é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. É a meirande provincia galega e a de menor poboación relativa.

Limita ó norte co mar Cantábrico, ó oeste coa provincia da Coruña e a de Pontevedra, ó sur coa provincia de Ourense e ó leste co Principado de Asturias e a provincia de León, pertencente a Castela e León. A súa capital e a cidade máis poboada é Lugo, sendo a segunda cidade en poboación Monforte de Lemos, seguida de Viveiro, Vilalba, Sarria, Ribadeo, Foz, Burela e Chantada.

Aínda que é a maior das provincias galegas, é a terceira en número de habitantes, con 339 386 habitantes en 2015, tras A Coruña e Pontevedra.

Roma

Roma é unha cidade, capital da Italia e da rexión do Lazio, provincia de Roma, con 2.754.440 habitantes (2010). Esténdese por unha área de 1.285 km², tendo unha densidade de poboación de 2.136,13 hab/km². Ten máis de 3,33 millóns de habitantes na súa zona metropolitana.

A cidade, que xurdiu no século VIII a.C., foi capital do Imperio Romano, e antes dun reino e unha república (ver Roma Antiga).

Roma é unha das cidades con maior importancia na historia mundial, sendo un dos símbolos da civilización europea e centro espiritual do catolicismo. Conserva numerosas ruínas e monumentos de tres milenios na parte da cidade antiga, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e que congrega cada ano a millóns de visitantes.

No interior da cidade encóntrase tamén o estado do Vaticano, residencia do Papa desde o século I. Tras o repregamento do dominio de Bizancio no século VII, foi centro dos Estados Pontificios ata a súa anexión en 1870 por parte do Reino de Italia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.