Capela ardente

Chámase capela ardente[1] a aquela en que se mantén iluminación permanente por razón do sacramento, ou por mor de conservarse ou acharse exposto nelas á veneración ou relixiosa atención dos fieis, o corpo ou reliquias dalgún santo ou o sarcófago dun príncipe ou outro personaxe.

Na actualidade, as capelas ardentes móntanse tras a morte dun personaxe popular do mundo da cultura, a política ou outros para a veneración dos seus admiradores ou fieis. Organízase antes do funeral descansando na mesma o defunto de corpo presente. Organízanse tanto en edificios relixiosos como noutros recintos amplos como polideportivos, centros culturais e mesmo en cines ou teatros, de forma que o público dispoña de espazo suficiente para a visita.

A capela ardente é un conxunto de ornamentos na súa maior parte luminosos —hoxe en día poden ser eléctricos— utilizados durante un velorio ou funeral e así honrar ao recentemente falecido antes de sepultalo ou incineralo. A capela ardente confórmase xeralmente por dúas filas de tres cirios cos seus respectivos candeeiros, colocados paralelamente a ámbolos dous lados do cadaleito co cadáver do defunto (tamén poden ser catro colocados un en cada esquina do catafalco, isto depende da dignidade); un reclinatorio aos pés do defunto para quen desexen orar; e un crucifixo na parte anterior ao mesmo cadaleito; estes dous últimos elementos adoitan darse en velorios católicos ou protestantes, neste último caso é unha cruz espida.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para capela ardente.

Véxase tamén

Bibliografía

Antonio Puerta

Antonio José Puerta Pérez, nado o 26 de novembro de 1984 en Sevilla e falecido o 28 de agosto de 2007 na mesma cidade, foi un xogador de fútbol español. Xogaba de defensa e o seu primeiro e único equipo foi o Sevilla FC. Foi internacional coa selección española.

Antón Fraguas

Antón Fraguas Fraguas, ou Antonio Fraguas Fraguas, nado en Insuela, na parroquia de Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, foi un destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. En 1923 fundou, xunto con outros compañeiros, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a defensa da lingua e a elaboración dun dicionario. Foi membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de ensino secundario depurado polo franquismo. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Real Academia Galega, foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, membro do Consello da Cultura Galega e Cronista Xeral de Galicia. Dedicouse ó estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e o Premio San Martiño de normalización lingüística. O 7 de xullo de 2018 a Real Academia Galega, decidiu, en sesión plenaria, que Fraguas sería o escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas do ano 2019, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.

Asasinato de Robert F. Kennedy

O asasinato de Robert F. Kennedy, senador dos Estados Unidos e irmán do presidente dos Estados Unidos John F. Kennedy, ocorreu pouco despois da medianoite do 5 de xuño de 1968 nos Ánxeles, no estado de California. Pouco antes do atentado, Kennedy estaba cos seus seguidores celebrando a vitoria nas eleccións primarias do estado de California, realizadas en plena carreira electoral para decidir quen sería o candidato demócrata nas eleccións presidenciais do mes de novembro daquel mesmo ano. Kennedy foi tiroteado mentres camiñaba pola cociña do Hotel Ambassador, onde se atopaba seguindo os resultados. As lesións producidas polo atentado foron graves abondo para provocar a súa morte, que se produciu no Hospital The Good Samaritan vinte e seis horas máis tarde. Sirhan Sirhan, un inmigrante de orixe palestina de 24 anos, foi declarado culpable do asasinato de Kennedy e condenado a morte, sentenza que foi posteriormente conmutada pola cadea perpetua.

A capela ardente do corpo de Kennedy instalouse en Nova York, concretamente na catedral St. Patrick, o cal permitiu que fose visitada por un gran número de persoas durante os dous días que precederon a un multitudinario funeral. O seu corpo atópase soterrado preto do seu irmán John no Cemitirio Nacional de Arlington. A súa morte supoxo un aumento da protección dos candidatos presidenciais por parte do Servizo Secreto dos Estados Unidos. Hubert Humphrey, vicepresidente saínte, foi nomeado candidato demócrata á presidencia, pero finalmente foi derrotado por Richard Nixon.

Do mesmo xeito que a morte do seu irmán, o asasinato de Robert Kennedy e as circunstancias que o envolven deron pé a un gran número de hipóteses e teorías conspiratorias. É un dos dous únicos senadores estadounidenses asasinados (o outro foi Huey Long).

Camilo José Cela

Camilo José Cela Trulock, nado en Iria Flavia o 11 de maio de 1916 e finado en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, foi un escritor galego de sona. Escribiu en castelán algunhas das obras canónicas da literatura de posguerra como La colmena, Mazurca para dos muertos ou La familia de Pascual Duarte. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1989.

Carolina Casanova

Carolina Casanova Rodríguez, máis coñecida como Carolina Casanova de Cepeda ou simplemente como «La Cepeda», nada o 10 de xaneiro de 1847 no ferrolán barrio de Esteiro e finada en Madrid o 8 de febreiro de 1910, foi unha soprano galega, considerada como unha das mellores sopranos da segunda metade do século XIX. Foi unha das primeiras sopranos españolas en acadar renome en Europa.Ao longo da súa carreira Carolina Casanova actuou nalgúns dos teatros de ópera máis prestixiosos do mundo, como o Teatro alla Scala de Milán, o Teatro San Carlo de Nápoles, ou a Royal Opera House de Londres, tendo realizado estreas mundiais como a de Il mercadante di Venezia de Ciro Pinsuti. Logo de deixar a súa carreira concertística exerceu como profesora na Escola Nacional de Música e Declamación (actualmente denominado Real Conservatorio Superior de Música de Madrid), onde formaría a futuras personalidades importantes do mundo da ópera española.

No momento da súa morte, durante as festividades do Entroido, o Conservatorio abriu as súas portas para que alumnado e profesorado do centro puideran darlle a última homenaxe, e algúns xornais cualificaron a súa como «unha perda irreparable» para a arte española.

Claudio Abbado

Claudio Abbado, nado en Milán o 26 de xuño de 1933 e finado en Boloña o 20 de xaneiro de 2014, foi un director de orquestra italiano. En 2013 foi nomeado senador vitalicio no Senado de Italia. Abbado estivo á fronte de catro das institucións máis importantes da música europea, o Teatro alla Scala de Milán, a London Symphony Orchestra, a Wiener Staatsoper, e a Berliner Philharmoniker. O seu interese por formar e achegar a música clásica á xente nova materializouse en proxectos como a European Union Youth Orchestra en 1978 ou a Gustav Mahler Jugendorchester en 1986. Abbado destacou tamén pola difusión da música contemporánea, especialmente do compositor italiano Luigi Nono, de quen estreou varias obras.Abbado foi considerado por moitos, xunto con Riccardo Muti, un dos sucesores da tradición italiana encarnada por Arturo Toscanini e Victor de Sabata.

Dani Jarque

Daniel Jarque González, nado en Barcelona o 1 de xaneiro de 1983 e finado en Florencia o 8 de agosto de 2009, foi un futbolista catalán que xogaba de defensa central. O club no que se desenvolveu toda a súa carreira deportiva foi o RCD Espanyol.

Durante a final do Mundial de fútbol 2010 Andrés Iniesta dedicou o gol marcado na súa memoria.

Fernando Fernán Gómez

Fernando Fernán Gómez, nado en Lima (Perú), o 28 de agosto de 1921 e finado en Madrid o 21 de novembro de 2007, foi un escritor, actor, guionista, director de cine e de teatro español. Foi membro da Real Academia Española, da que ocupou a cadeira B.

Jon Idigoras

Jon Idigoras Gerrikabeitia, nado en Amorebieta, Biscaia, o 3 de maio de 1936 e finado en Deusto, Bilbao, en 2005, foi un sindicalista e político vasco e dirixente histórico da coalición Herri Batasuna.

Lenin

Vladimir Ilich Lenin (en ruso: Владимир Ильич Ленин; ( [vlɐˈdʲimʲɪr ɪlʲˈjitɕ ˈlʲenʲɪn] ) nado Vladimir Ilich Ulianov, en ruso: Владимир Ильич Ульянов), nado o 22 de abril (xul. 10 de abril) de 1870 en Simbirsk e falecido o 21 de xaneiro de 1924 en Moscova, foi un revolucionario comunista, político e teórico político ruso que serviu como líder da R. S. S. F. de Rusia dende 1917 e de presidente do Consello de Ministros da Unión Soviética dende 1922 até 1924.

Nado no seo dunha adiñeirada familia de clase media en Simbirsk, Lenin adquiriu interese pola política revolucionaria de esquerda logo da execución do seu irmán en 1887. Pouco despois ingresa na Universidade de Kazán, onde é expulsado pola súa participación en protestas antitsaristas, adicando os seguintes anos á obtención do título en dereito e á política radical, adoptando as teses do marxismo. En 1893 mudouse á daquela capital de Rusia San Petersburgo, onde continuou coa súa actividade política, converténdose nunha figura importante dentro da Unión de Loita pola Emancipación da Clase Obreira. Arrestado e exiliado a Siberia durante tres anos, consegue fuxir posteriormente cara a Europa occidental, vivindo en Alemaña, Inglaterra e Suíza. Despois da Revolución de Febreiro de 1917 na que foi derrocado o Tsar, e na que un goberno provisional asume o poder, decide regresar ao seu lar.

Como líder da facción bolxevique do Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, tivo un papel principal na orquestración da Revolución de Outubro en 1917, que o levou ao derrocamento do goberno provisional ruso e o establecemento da República Socialista Soviética Federativa de Rusia, o primeiro Estado constitucionalmente socialista do mundo. Inmediatamente despois, Lenin procede a aplicar as reformas socialistas, incluíndo a transferencia de propiedades e terras da coroa aos soviets de traballadores. Fronte á ameaza da invasión alemá, argumentou que Rusia debía asinar de inmediato un tratado de paz, o cal conduciu á saída dos rusos da primeira guerra mundial. En 1921 Lenin propuxo a Nova Política Económica, un sistema de capitalismo de Estado co que comezou o proceso de industrialización e recuperación da guerra civil rusa. En 1922, a R. S. S. F. de Rusia uniuse aos antigos territorios do Imperio Ruso formando a Unión Soviética. A facción bolxevique converteuse máis tarde no Partido Comunista da Unión Soviética.

Como político, Lenin era un orador carismático e convincente. Como intelectual os seus amplos desenvolvementos teóricos e filosóficos do marxismo produciron o marxismo-leninismo, unha aplicación pragmática rusa do marxismo que fai fincapé no papel fundamental desempeñado por unha vangarda política comprometida e disciplinada no proceso revolucionario, defendendo a posibilidade dunha revolución socialista nos países capitalistas menos desenvolvidos a través dunha alianza do proletariado co campesiñado rural. Lenin segue a ser hoxe en día unha figura controvertible en todo o mundo. Os seus críticos táchano de ditador, tese contrarrestada polos seus partidarios aducindo as limitacións do seu poder e considerándoo un heroe da clase obreira. Tivo ademais unha grande influencia no movemento marxista-leninista, que dende a súa morte evolucionou nunha gran variedade de escolas de pensamento como o estalinismo, o maoísmo ou o trotskismo.

Manuel Curros Enríquez

Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.

Manuel Fraga

Manuel Fraga Iribarne, nado en Vilalba o 23 de novembro de 1922 e finado en Madrid o 15 de xaneiro de 2012, foi un político galego.

Durante o franquismo ocupou os cargos de ministro de Información e Turismo e embaixador de España no Reino Unido. Tivo as carteiras de ministro de Gobernación e vicepresidente segundo do Goberno durante o mandato de Arias Navarro. Foi un dos pais da Constitución española de 1978.

Presidiu Alianza Popular e o Partido Popular e foi o terceiro presidente da Xunta de Galicia, o que ocupou o Pazo de Raxoi durante máis anos, dende o 5 de febreiro de 1990 ata o 29 de xullo do 2005.

Mercè Rodoreda

Mercè Rodoreda i Gurguí, nada no barrio de Sant Gervasi de Barcelona o 10 de outubro de 1908 e finada en Xirona o 13 de abril de 1983, foi unha escritora catalá, máis coñecida como novelista e contista, pero tamén escribiu algunhas obras de teatro e poesía lírica.

Foi a novelista catalá máis importante da posguerra pola densidade e o lirismo da súa obra. Foi a autora da novela en catalán máis aclamada de todos os tempos, La plaça del Diamant (1962), que pode lerse en máis de vinte idiomas. Empezou escribindo contos para revistas, como escape a un decepcionante matrimonio, e unha serie de novelas que ela mesma rexeita posteriormente, a excepción de Aloma (1938), gañadora do Premio Crexells. A principios da guerra civil española traballa no Comisariado de Propaganda da Generalitat de Cataluña e na Institució de les Lletres Catalanes. Exiliada primeiro en varias localidades francesas e despois en Xenebra, rompe o seu silencio de vinte anos con Vint-i-dos contes (Vinte e dous contos, 1958), que obterá o Premio Víctor Català. Con El carrer de les Camèlies (A rúa da camelias, 1966) gaña o Premi Sant Jordi, o da Crítica e o Ramon Llull. A mediados dos anos setenta volve a Cataluña, á poboación de Romanyà de la Selva, onde conclúe a novela Mirall trencat (Espello roto, 1974) e, entre outras narracións, aínda publica Viatges i flors e Quanta, quanta guerra en 1980, ano no que lle é outorgado o Premi d'Honor de les Lletres Catalanes. Foi membro e Socia de Honra da Associació d'Escriptors en Llengua Catalana.

Nelson Mandela

Nelson Rolihlahla Mandela, nado en Mvezo o 18 de xullo de 1918 e falecido en Xohanesburgo o 5 de decembro de 2013, foi un activista, líder político e filántropo surafricano, presidente do país dende 1994 ata 1999. Foi o primeiro xefe de estado de raza negra do país e o primeiro elixido nunha elección democrática completamente representativa. O seu goberno centrouse na disolución do apartheid procurando combater o racismo institucionalizado e fomentar a reconciliación racial. De ideoloxía nacionalista africana e socialista, presidiu o Congreso Nacional Africano (CNA) dende 1991 ata 1997.

Mandela naceu no seo da familia real tembu do pobo xosa. Estudou dereito na Universidade de Fort Hare e na Universidade de Witwatersrand antes de traballar como avogado en Xohanesburgo. Alí comezou a involucrarse na política nacionalista africana e anticolonialista, uníndose ó CNA en 1943 e cofundando a súa Liga Xuvenil en 1944. O CNA encomendouse á disolución do apartheid, o sistema de segregación racial establecido polo goberno de raza branca minoritaria dominante do Partido Nacional. Mandela foi nomeado presidente da rama de Transvaal do CNA, acadando notoriedade coa súa participación na Campaña de Desafío de 1952 e no Congreso do Pobo de 1955. Foi arrestado en varias ocasións por sedición e xulgado no chamado Xuízo por Traizón de 1956, quedando en liberdade. Influenciado polo marxismo, uniuse en segredo ó Partido Comunista Surafricano (PCS). Malia que inicialmente comprometeuse coa protesta pacífica, cofundou a organización armada Umkhonto we Sizwe en 1961 xunto con outros membros do PCS e liderou unha campaña de sabotaxe contra o goberno. En 1962 foi arrestado por conspirar para derrocar o estado e sentenciado a cadea perpetua no Xuízo de Rivonia.

Pasou os seguintes 27 anos en prisión, primeiro na illa Robben e posteriormente na prisión Pollsmoor e na prisión Victor Verster. Tras unha crecente presión doméstica e internacional e temendo unha guerra civil racial, o presidente F. W. de Klerk liberouno en 1990. Mandela e de Klerk negociaron a fin do apartheid e organizaron as eleccións xerais multirraciais de 1994 nas que Mandela liderou ó CNA para obter a maioría converténdose no presidente do país. Liderando un goberno de coalición que promulgou unha nova constitución, Mandela centrouse na reconciliación entre os grupos raciais do país e creou a Comisión para a Verdade e a Reconciliación para investigar abusos dos dereitos humanos no pasado. Economicamente, a súa administración mantivo o marco liberalista do seu predecesor malia as súas propias crenzas socialistas, introducindo tamén medidas para promover reformas territoriais, combater a pobreza e mellorar a sanidade. No marco internacional actuou como mediador no xuízo do bombardeo do voo 103 de Pan Am e actuou como secretario xeral do Movemento de Países Non Aliñados dende 1998 ata 1999. Rexeitou presentarse de novo ás eleccións do seu país e foi sucedido polo seu adxunto Thabo Mbeki. Mandela converteuse nun home de estado e centrouse en combater a pobreza e a SIDA por medio da súa fundación ata a súa morte no ano 2013 por mor dunha infección respiratoria.

Mandela foi unha figura controvertida durante gran parte da súa vida. Mentres que os críticos da dereita política denunciárono por terrorista comunista, a esquerda radical considerouno demasiado aberto a negociar unha reconciliación cos simpatizantes do apartheid. Porén, acadou a aclamación internacional polo seu activismo e está considerado unha icona da democracia e da xustiza social. Recibiu máis de 250 distincións, incluíndo o premio Nobel da Paz, e pasou a ser unha personalidade de culto. Obtivo un profundo respecto no seu país, onde adoita ser chamado polo seu nome de clan xosa Madiba, sendo descrito en ocasións como o "Pai da Nación".

Nicolás Franco

Nicolás Franco Bahamonde nado en Ferrol o 1 de xullo de 1891 e finado en Madrid o 15 de abril de 1977, foi un militar e político galego, participante na sublevación militar contra a II República que deu orixe á Guerra Civil Española. Era o irmán maior de Ramón, Pilar, María de la Paz e Francisco Franco Bahamonde, quen asumiu a xefatura do Estado tralo conflito.

Papagaio Ravachol

Ravachol, nado cara a 1891 e finado o 24 ou 25 de xaneiro de 1913, era un papagaio, mascota de Perfecto Feijoo, e vivía na botica que este tiña na praza da Peregrina en Pontevedra. Recibiu o seu nome do anarquista francés Ravachol, condenado a morte en 1892.

Era moi apreciado polas xentes da vila polos seus afamados diálogos e expresións, non sempre correctas, pois era moi mal falado. Frases famosas súas eran se collo a vara, aquí non se fía, ou arre, arre.

Suso Díaz Seoane

Suso Díaz Seoane, nado o 15 de xullo en Suíza en 1971 e falecido en Ourense o 12 de outubro de 2010, foi un actor, escenógrafo, iluminador, deseñador gráfico, director e autor teatral galego.

Telesforo Monzón

Telesforo de Monzón y Ortiz de Urruela, nado en Bergara o 1 de decembro de 1904 e finado en Baiona o 9 de marzo de 1981, foi un escritor, político e líder nacionalista vasco.

Monzón foi un histórico dirixente do Partido Nacionalista Vasco durante a Segunda República e a guerra civil. Tras a contenda viuse forzado a exiliarse durante máis de corenta anos. Co seu regreso ó País Vasco converteuse nunha figura de referencia do nacionalismo vasco e nun dos fundadores da coalición política Herri Batasuna.

Terence McSwiney

Terence Joseph MacSwiney (Tordhealbhach Mac Suibhne en irlandés), nado en Cork o 20 de marzo de 1879 e finado na prisión de Brixton (Inglaterra) o 25 de outubro de 1920, foi un político e escritor irlandés. Foi elixido alcalde de Cork polo Sinn Féin en 1920, en plena Guerra da Independencia Irlandesa foi arrestado polas forzas británicas acusado de sedición e encarcerado na prisión de Brixton, en Inglaterra. A súa morte en outubro, tras 74 días de folga de fame, situou ao conflito irlandés en primeira plana da actualidade internacional da época.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.