Capadocia

Capadocia[1][2] (en turco: Kapadokya; grego: Καππαδοκία) é unha rexión histórica de Anatolia central, en Turquía, que abarca partes das actuais provincias de Kayseri, Aksaray, Niğde e Nevşehir.

Capadocia caracterizase por ter unha formación xeolóxica única no mundo, e polo seu patrimonio histórico e cultural. No ano 1985, foi incluída pola UNESCO na lista do Patrimonio da Humanidade, cunha zona protexida de 9.576 ha.

Parque Nacional de Göreme e enclaves rupestres da Capadocia
Goreme valley
Parque Nacional de Göreme e enclaves rupestres da Capadocia
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísTurquía
Localización38º40'N 34º51'E
Criteriosi, iii, v, vii
Inscrición1985
Identificador357

Información xeral

Map of Cappadocia
Mapa de Cappadocia.

Desde hai miles de anos e até a actualidade, houbo sempre asentamentos humanos na rexión. Algunhas civilizacións antigas floreceron aquí, como a hitita, e outras procederon de civilizacións europeas ou de outras rexións de Asia Menor, e todas elas deixaron a súa pegada na Capadocia.

As características xeolóxicas do lugar derón pé a que as súas paisaxes se describan como "paisaxes luares". A terra do lugar, chamada toba calcárea, adquiriu formas caprichosas tras millóns de anos de erosión, e é de abondo débil para permitir que o ser humano constrúa as súas moradas traballando a rocha, en troques de erixir edificios. De este xeito, as paisaxes luares están cheos de cavernas, naturais e artificiais, moitas das cales continúan habitadas.

A situación xeográfica da Capadocia foi encrucillada de rutas comerciais durante séculos, e tamén obxecto de continuas invasións. Os habitantes da rexión construíron refuxios subterráneos (exemplos que poden ser visitados son as cidades de Kaymaklı e Derinkuyu), onde cidades enteiras podían refuxiarse debaixo da terra, e subsistir durante moitos meses sen arriscarse no exterior. Estas cidades subterráneas construídas en varios niveis (a cidade de Kaymaklı ten nove subterráneos, aínda que só catro están abertos ao turismo, o resto están reservados para investigación arqueolóxica e antropolóxica), e estaban equipadas con respiradoiros, cortes, panaderías, pozos de auga, e o necesario para albergar poboacións que podían chegar até os 20.000 habitantes. Cando estas cidades subterráneas foron usadas durante o cristianismo bizantino, algunas cámaras foron adaptadas como templos e decoradas con frescos nas paredes.

Orixe e significado do nome

Crese que o nome "Capadocia" proven do vocábulo Katpadukya, ou Terra de belos cabalos. Os cabalos da rexión cobraron fama por ser ofrecidos como agasallo aos reis Asurbanipal, de Asiria, e Dario e Xerxes I, de Persia.

Xeografía e xeoloxía

Cappadocia
Moradas trogloditas
Zelve Cappadocia
Zelve

A rexión de Capadocia pode considerarse un círculo de cincuenta quilómetros de diámetro, onde se atopan, entre outras, as cidades de Aksaray e Nevşehir, así como numerosas poboacións. A poboación na área non chega ao millón de habitantes, pero os asentamentos están tan próximos uns dos outros, que dan a impresión de tratarse dunha soa cidade estendida por unha rexión moi grande.

En moitos mapas, o nome de Capadocia non é mencionado xa que non se trata dunha demarcación política como tal. Máis ben tratase dunha rexión histórica que abarca anacos de varias provincias.

A paisaxe única de Capadocia é o resultado da acción de forzas naturais a través dos milenios. Fai 60 millóns de anos, formouse a cadea montañosa do Tauro en Anatolia meridional, ao mesmo tempo que se formaba a cadea alpina en Europa. A formación da cordilleira dos Montes Tauro provocou numerosas barrancas e depresións en Anatolia central. Fai dez millóns de anos, estas depresións foron enchidas polo magma e outros elementos volcánicos provistos polos numerosos volcáns en erupción de Anatolia central, especialmente os volcáns Erciyes, Keciboyduran, Develi, Göllü dağı e Melendiz.

Göreme 1 11 2004
Vista panorámica de Göreme

Paseniñamente, as depresións foron desaparecendo, transformando a rexión nun altiplano. O mineral que encheu as depresións non é moi resistente á acción de ventos, choivas, ríos e diferenzas de temperatura; polo que a erosión foi "esculpindo" os numerosos vales polos cales Capadocia é famosa.

Algunhas das poboacións máis importantes son Aksaray, Nevşehir, Kayseri, Ürgüp, Uçhisar, Niğde, Gülşehir e Gülağaç.

Algúns lugares sobresaíntes son o Museo ao ar aberto de Göreme, a cidade subterránea de Kaymaklı, a cidade subterránea de Derinkuyu, o val de Zelve, Gomeda, Peribacalar vadisi (val das chemineas de fada), Soğanlı vadisi, as cidades subterráneas de Özkonak, Tatlarin, Mazı e Acıgöl; e igrexas como as de El Nazar e Aynalı.

Historia

Çatalhöyük e Puruskanda

Çatalhöyük é unha cidade que data do período neolítico. Nela foi atopado o que se considera o comezo da historia de Anatolia. Tratase dun fresco mural do ano 6200 a.C., que presenta en primeiro plano, as casas da localidade, e ao fondo, un volcán en erupción; crese que o volcán é o Hasandağ. O fresco está exposto no Museo das Civilizacións de Anatolia en Ankara, e é probablemente a pintura paisaxística máis antigua do mundo.

Entre o 5000 e o 4000 a.C., Capadocia tivo varios principados independentes. A cidade máis importante durante ese período era Puruskanda. Dezasete destes principados uníronse en 2300 a.C. para loitar contra o rei asirio Naram Sin, constituíndo a primeira de moitas alianzas na historia de Anatolia.

Período de colonias de comercio asirio

Ao inicio do II milenio a.C., Anatolia viviu unha etapa brillante na cal atraeu numerosos habitantes. Os asirios, célebres pola súa habilidade no comercio, instaláronse na rexión atraídos por esta riqueza, e organizaron bazares chamados Kârum. O Kârum máis importante é da cidadela de Kanesh (hoxe Kültepe). Os asirios levaban estaño, textís e perfumes, e mercaban ouro, prata e cobre en Anatolia.

Este tipo de comercio durou cento cincuenta anos, até que se dispersou polas guerras entre reinos da rexión. En 1925, un equipo arqueolóxico descubriu en Kültepe as "Táboas da Capadocia", que describen esta colonia mercantil en tempos asirios, e que marcan o rexistro escrito más antigo coñecido sobre a historia da Capadocia.

Período hitita

Aínda se ten pouca certeza sobre a orixe da civilización Hitita, pero o certo é que esta civilización floreceu en Anatolia central no II milenio a.C., sendo Hattusas (hoxe Boğazköy) o seu centro de poder na rexión, que chamaban Tabal. Os hititas fundaron varios poblados en conxunción cos habitantes da rexión, e conformaron un imperio que se estendía ata Babilonia. O imperio durou de seis a sete séculos, e puxo fin ao dominio da dinastía semita de Hammurabi. Especial lugar na historia hitita teñen os séculos XV e XVI a.C., que marcan o período de maior desenvolvemento da civilización. A finais de milenio, as guerras co Exipto (que culminarían no tratado de paz de Kadesh, de 1286 a.C.) desgastaron ao imperio, que finalmente caeu ante os invasores de Europa oriental.

Despois da caída do imperio hitita, Capadocia atravesou o período máis escuro da súa existencia, entre os séculos X e VII a.C.

Período persa

Capadocia caeu en mans persas no século VI a.C., estado que mantería ata a conquista por Alexandre Magno dous séculos despois. Os persas dividiron Anatolia en provincias, asignando un gobernador (sátrapa) a cada unha.

Os principados estaban ligados ao porto de Éfeso (preto da cidade turca de Kuşadası) pola "vía real", que comezaba en dita cidade, e pasaba polas cidades de Sardes e Mazaca (hoxe Kayseri), chegando a Mesopotamia e a Susa, capital de Persia. Os sátrapas enviaban a Persia os impostos que recadaban, en forma de ouro, carneiros, burros e os famosos cabalos de Capadocia.

Período helenístico

No século IV a.C. o conquistador macedonio Alexandre Magno emprendeu a conquista de Asia Menor, despois do famoso episodio do nó gordiano, arrebatando Capadocia das mans persas. Deixou ao seu tenente Cabictas para controlar a rexión, a cal estivo baixo o dominio macedonio ata a morte de Alexandre no 323 a.C. Un ano despois, Capadocia recuperou a súa independencia e soberanía baixo o liderado de Ariarates I.

Período romano

Capadocia comezou a súa larga historia de relacións co Roma, baixo o reinado de Ariarates IV, primeiro como inimigos (apoiando a causa de Antíoco o Grande), e despois como aliados, loitando contra Perseo de Macedonia.

A partir de entón, Capadocia aliouse sempre coa República. No 130 a.C. Ariarates V marchou xunto ao procónsul romano Craso contra Aristónico, que reclamaba o trono de Pérgamo. Ao ser liquidado xunto co seu exército, trouxo consigo loitas intestinas que marcaron o fin da dinastía.

Capadocia entón elixiu un líder local chamado Ariobarzanes I, co apoio de Roma, en 93 a.C.. Porén, Ariobarzanes non puido comezar o seu reinado ata trinta anos despois, cando Roma alisoulle o camiño facendo a un lado aos reis armenios. Na guerra civil que Roma sostivo antes da ascensión ao poder de Xulio César, Capadocia cambiou de bandos entre Pompeio e César.

Posteriormente, a dinastía Ariobarzanes terminaría, e a rexión mantería a súa independencia tributaria até o ano 17, cando o Emperador Tiberio reduciría á rexión a ser unha provincia romana. Dúas lexións romanas formaron guarnicións permanentes baixo o Emperador Vespasiano, quen buscaba protexer a súa provincia de Levante. As guarnicións aumentaron e convertéronse en fortalezas baixo Traxano, que ademais construíu vías militares na rexión. No século III, as relacións comerciais entre Capadocia e as rexións de Esmirna e Éfeso estaban tan desenvolvidas, que foron emitidas moedas cos nomes destas cidades.

Período bizantino

A partir do século IV Capadocia comezou unha transformación máis, esta vez influenciada polos mosteiros de Palestina e Exipto, dos que os seus modelos foron seguidos na introdución da relixión cristiá, baixo o patrocinio do Imperio Bizantino.

Nos séculos VI e VII, apareceron as primeiras igrexas pintadas. Estas igrexas, ao igual que a maioría das casas da rexión, non eran construídas como edificios, senón "escavadas" na rocha. Estas covas artificiais eran despois decoradas e acondicionadas. Existen máis de seiscentas igrexas destas características na rexión.

O período iconoclasta de Bizancio (anos 725 a 843) tivo a súa repercusión nas igrexas de Capadocia, e numerosas pinturas murais sufriron danos, pois prohibiuse a representación de todas as figuras sagradas.

Período selxúcida

Os selxúcidas, considerados antepasados directos dos turcos occidentais, comezaron a chegar a Capadocia a partir do século XI, despois da Batalla de Manzikert no 1071 onde derrotaron ao exército bizantino, e comezaron a conquista paulatina do territorio. Despois da toma de Kayseri no 1082, os selxúcidas iniciaron unha grande expansión urbanística na rexión, construíndo mesquitas en Kayseri, Aksaray, Niğde e outras cidades, e unha academia de medicina no 1206. Ademais, construíron numerosos caravansarays ou caravasares (literalmente, palacio de caravanas), unha especie de refuxio para que as caravanas que transitaban a Ruta da seda, pernoctaran de forma segura no seu traxecto; algúns tiñan servizos adicionais ao de hostalería, como enfermería, cortes e mesquitas. Os caravansarays están dispersos por toda Anatolia, distanciados a uns 30 km entre si, e en tempos de guerra, servían como postos de defensa do territorio. Destaca o caravansaray de Agzikarahan, construído no século XIII.

Nos séculos que seguiron, Anatolia foi escenario de conflitos entre os selxúcidas, Bizancio e os cruzados. Estes últimos tomaron a capital selxúcida Iznik, e obrigaron aos selxúcidas a emigrar cara Konya, no centro de Anatolia. Os selxúcidas sentaron as raíces do Imperio Otomán, que viría a existir a partir do século XV pois non en balde os turcos otománs procedían dun dos sultanatos —núcleo orixinario do futuro Imperio otomán— escindidos do estado selxúcida baixo o mando do líder Osmán I Gazi— que daría o nome da dinastía otomá u osmanlíes.

Séculos XX e XXI

Capadocia sempre foi unha zona de atractivo turístico importante, coa afluencia de visitantes da rexión e de países veciños. A rexión chamou a atención de Europa e do resto do mundo nas décadas de 1930 e 1940, coa difusión da obra do sacerdote francés Guillaume de Jerphanion, que publicou os estudos que fixera das igrexias en Capadocia. Estes feitos levaron a un dramático crecemento na demanda turística na segunda metade do século XX. Durante as décadas de 1970 e 1980, Capadocia tivo unha explosión de turistas que non podía ser satisfeita cos hoteis existentes na rexión. Os poboadores comezaron a alugar cuartos e transformar a súas propiedades para poder acoller aos visitantes, mentres novas instalacións eran construídas, respectando as paisaxes e a natureza, e sen contradicir ao folclore local. Segundo as cifras oficiais, no 2005 visitaron a rexión 850.000 turistas estranxeiros e un millón de turistas nacionais.

Esta demanda revitalizou a actividade económica na rexión, pois non só a industria do turismo e a gastronomía se benefician, senón que ademais os produtores locais de cerámica, textís e artesanías atopan un mercado amplo e receptivo.

Cristianismo en Capadocia

Capadocia ten un papel especial na tradición cristiá, por varios motivos.

  • Durante os primeiros anos da relixión cristiá, Capadocia foi unha rexión fértil para a súa expansión, en parte pola súa proximidade ás Sete Igrexas de Asia Menor, (mencionadas no libro do Apocalipse), e en especial de Antioquía, a primeira comunidade cristiá, fundada por San Pedro. Moitos dos primeiros cristiáns habitaban Capadocia durante os séculos II e III, e no século IV, catro santos naceron na Capadocia: San Mamede, San Basilio o Grande (nado en Cesarea de Capadocia), San Gregorio de Nacianzo, o Vello e San Gregorio de Nacianzo, o Novo.
  • Pablo de Tarso efectuou tres viaxes a través da Capadocia, entre os anos 44 e 58.
  • Aínda que controvertida historicamente, a tradición di que San Xurxo foi nativo de Capadocia, fillo dun soldado do exército romano do século III. Na Idade Media, a lenda de San Xurxo e o dragón tomou forma, e o santo converteuse no patrón de múltiples estados e monarquías en Europa, incluíndo, entre outras, á Coroa de Aragón, e os reinos de Portugal e Inglaterra. A cruz de San Xurxo atópase aínda nas bandeiras de Xeorxia e Inglaterra, e tamén no escudo de Barcelona e de Aragón.

Notas

  1. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524.
  2. González Rei, Begoña (2004). Ortografía da lingua galega. Galinova Editorial. ISBN 978-8497370417.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Estambul: Capadocia. (1993). Colección "Guías GT Salvat". Barcelona: Salvat Ediciones Generales. ISBN 84-8031-026-X e ISBN 978-84-8031-026-0.
  • Goytisolo, Juan. (2002). Aproximaciones a Gaudí en Capadocia. Ediciones Península. ISBN 84-8307-492-3.
  • Lafora, Carlos R. (1993). Tras las huellas del arte rupestre en Capadocia, Turquía. Madrid: Tierra de Fuego, Librería-Editorial de Viajes. ISBN 84-86233-46-1 e ISBN 978-84-86233-46-4.
  • Teja Casuso, Ramón. (1974). Organización Económica y Social de Capadocia en el Siglo I V. Salamanca: Universidade de Salamanca. Ediciones Universidad Salamanca. ISBN 84-600-6086-1 e ISBN 978-84-600-6086-4.
  • Wilemart, Helene e Wilemart, Pierre. (2004). Guías Salvat gran turismo: Estambul y Capadocia . Segunda edición. Barcelona: Salvat Editores. ISBN 84-345-5810-6 e ISBN 978-84-345-5810-6; (en francés)
  • Jerphanion, Guilliaume de: Les Eglises Rupestres de Cappadocia. París: Librairie Orientaleste Paul Geuther, 1925.
  • Thierry, Nicole: La Cappadoce de l'antiquité au moyen âge. Turnhout, 2002. (ISBN 2-503-50947-9.); (en inglés)
  • Demir, Omer: Cappadocia: cradle of history. Promat, 1997. (ISBN 975-7334-07-3.)
  • Kostof, Spiro & Carpenter, Malcolm C.: Caves of God: Cappadocia and its churches. Oxford University Press, 1989. (ISBN 0-19-506000-8.)
  • Rodley, Lyn: Cave monasteries in Bizantyne Cappadocia. Cambridge University Press, 1986. (ISBN 0-521-26798-6.)
  • Van Dam, Raymond: Kingdom of snow: Roman rule and Greek culture in Cappadocia. University of Pennsylvania Press, 2002. (ISBN 0-8122-3681-5.)

Outros artigos

Ligazóns externas

Ariarates II de Capadocia

Ariarates II (en grego antigo: Ἀριαράθης, Ariaráthēs), nado cara o 320 a.C., foi un sátrapa e, despois, rei de Capadocia.

Ariarates I de Capadocia

Ariarates I (en arameo: Ariorath ou Ariourat; en grego antigo: Ἀριαράθης: Ariaráthēs; 405/4 a.C. – 322 a.C.) foi o derradeiro gobernador (sátrapa) da provincia (satrapía) de Capadocia cando formaba parte do imperio Aqueménida. Gobernouna do 340 a.C até o 331 a.C. Estivo á fronte da defensa do territorio contra a invasión macedonia de Alexandre o Grande, e loitou tamén na batalla de Gaugamela con Darío III, o derradeiro rei aqueménida.

Coa desaparición do imperio aqueménida, Ariarates seguiu a loitar contra Alexandre e creou o Reino de Capadocia, establecendo a dinastía Ariátida. Finalmente foi capturado e, posteriormente, executado polo xeneral macedonio Pérdicas, no 322 a.C., sendo o seu territorio anexionado e despois disputado entre varios dos sucesores de Alexandre e os seus xenerais.

Fundou a dinastía homónima Ariarátida, unha familia iraniana que reivindicou a descendencia de Ciro o Grande, o primeiro rei do Imperio aqueménida persa, e Anafas, un dos sete conspiradores persas que mataron ao falso Esmerdis. Con todo, os seus sucesores recuperaron o control de Capadocia e gobernaron o reino até o 96 a.C., durando tres séculos antes de ser incorporado como provincia ao imperio romano.

Basilio o Grande

Basilio o Grande, nado en Cesárea, Capadocia, no 329 e falecido o 1 de xaneiro de 379, foi un bispo capadocio que protagonizou a loita contra a herexía ariana. É considerado un dos Pais da Igrexa, tanto pola Igrexa ortodoxa como para a Igrexa católica.

Capadocia (provincia romana)

Capadocia foi unha provincia romana do Imperio romano en Anatolia (moderna zona centro-oriental de Turquía), coa súa capital en Caesarea. Fundouse no ano 17 a.C. polo emperador Tiberio (14 - 37 d.C.), trala morte do último rei de Capadocia, Arquelao.

Cappadocia era unha provincia imperial, o que significa que o seu gobernador (legatus Augusti) era nomeado directamente polo emperador. Durante o final do século I, a provincia tamén incorporou as rexións de Bitinia e Ponto e Armenia inferior.

Cilicia

Cilicia foi unha rexión do sueste da Asia Menor. Foi satrapía persa e seléucida, e despois provincia romana e bizantina.

Década de 10

A década de 10 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 10 e remata o 31 de decembro de 19.

Frixia (rexión)

Frixia (do grego antigo :Φρυγία) foi unha antiga rexión da Asia Menor que ocupaba a maior parte da península de Anatolia, no territorio que actualmente corresponde a Turquía. Estaba rodeado polas fontes do río Sakarya e situada entre as provincias modernas de Afyonkarahisar, Eskişehir e Ancara. Asentáronse no que fora o centro dos dominios hititas xa que estes foron derrotados no século XI a.C. e a poboación reducida á rexión de Capadocia e os montes Tauros mentres tanto pobos procedentes do oeste asolaban o resto da Asia Menor. Estes frixios poderían ser os devanceiros dos xeorxianos. De momento os frixios estableceron un reino na Asia Menor Central que subsistiu ata que foi destruído polos escitas e os seus restos acabaron en mans dos persas en 546 a.C.

Heraclio

Caesar Flavius Heraclius Augustus (Capadocia, c. 575 - Constantinopla, 11 de febreiro de 641) foi emperador bizantino desde o 5 de outubro de 610 ata a súa morte.

Kayseri

Kayseri é unha cidade de Anatolia Central, Turquía. Está localizada na provincia de Kayseri. A cidade de Kayseri está composto de cinco distritos metropolitanos, os dous centrais de Kocasinan e Melikgazi, e dende 2004, tamén Hacılar, İncesu e Talas.

Kayseri está a carón do extinto volcán do Monte Erciyes, cunha altitude de 3.916 metros.Na época romana chamábase Cesarea de Capadocia (Caesarea Cappadocia) ou Cesarea Mazaca.

Licaonia

Licaonia (latín Lycaonia, grego Λυκαονία) foi unha rexión de Asia Menor, ao sueste de Frixia e na parte occidental de Capadocia. Baixo dominio romano en xeral pertenceu a Capadocia. Os seus habitantes serían os licaóns (pobo) ou licaonios (xentilicio). É mencionada entre o século V a.C. e o século VI.

O nome de Lycaonia aparece nas fontes sobre a expedición de Ciro o Novo. En grego, Λυκαωνία = Lykaônia significa " terra de lobos "; para os gregos, este territorio pertencía á Gran Frixia .

Lista de gobernantes de Capadocia

Esta páxina lista os sátrapas aqueménidas e os posteriores monarcas de Capadocia, unha antiga rexión da Anatolia central.

Mamede de Capadocia

Mamede de Capadocia, nado en Cesarea de Capadocia (Imperio Romano) no 259 e finado na Capadocia en 275, foi un mártir cristián, coñecido como San Mamede. A Igrexa Católica celebra o seu día o 17 de agosto.

Nicéforo II

Nicéforo II Focas foi o emperador bizantino entre os anos 963 e 969. Procedía dunha familia de Capadocia que dera varios xenerais distinguidos.

Padres da Igrexa

Padres da Igrexa ou pais da Igrexa é a denominación que se lles dá aos autores da antigüidade cristiá que a Igrexa ortodoxa e a Igrexa católica consideran referencias fundamentais para a definición das verdades en materia de fe e de moral.

Reino do Ponto

O reino do Ponto foi un estado da parte norte de Asia Menor. Os antigos habitantes eran o bébrices.

Xurxo de Capadocia

Xurxo de Capadocia (en grego: Γεώργιος Geṓrgios; latín: Georgius) foi un soldado romano de Capadocia (na actual Turquía), mártir e máis tarde santo cristián. Se ben a súa existencia non é demostrable, adoita crerse que viviu entre o 275 ou 280 e o 23 de abril de 303. Crese que foi parente de Santa Nina.

A súa popularidade na Idade Media levouno a ser un dos santos máis venerados nas diferentes crenzas cristiás e mesmo —nun fenómeno de sincretismo— no mundo musulmán.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.