Cantigueiro galego do burro

Artigo principal: O burro na cultura popular galega.
Donkey2
E, poidas que non poidas,/ arrea, burro, pra diante;/ como trasportes a carga/ nunca a cabeza levantes
  • A burra da miña tía / non anda pero recúa, / si tes gana de parola / vaite que vai boa lúa.
  • Á mestra de Lubeira / morreulle a burra bermella; / tódolos que non cantaren / leven o camiño dela [1].
  • Ai, miña probe Francisca, / ¿qué lle fixeches ó cura / que cando che bautizou / púxoche o nome da burra?
  • Alá vai Esclavitú: / -Déixame ir, que meto un grito; / quero as orellas do burro / pra faguer un abanico.
  • Algo che pasa, meniña, / pois dis: ¡agora xa foi! / soio dimpois que tropeza / ó burro lle berran: ¡xo!
  • Arre, burro, arre, burro,/ arre, burro, pró Outeiro; xa que che puxen a albarda/ heiche pór o cabeceiro [2].
  • ¡Arre meu burriño! ¡Arre!; / Pásame pronto a Galicia, / aos de atráis non lles din nada, / vanme meter en xusticia.
  • Cala, burro, cala, burro,/ xa me enfado do te ouvir;/ se os outros foron á feira/ tu, burro, tamén has ir [3].
  • Canta tu, cantarei eu,/ miña boquiña de troita,/ por baixo dun burro xema/ quen o meu cantar escoita [4].
  • Canta tú, cantaréi eu, / miña cariña de troita; / por baixo de un burro xema / quen o meu cantar escoita.
  • Casar, casar calquera casa, / calquera burro é casado, / manter fillos e muller..., / a porca retorce o rabo.
  • Castellanos de Castilla, / orellas de burro blanco, / que non dades aos galegos / unha hora de descanso [5].
  • Dices que non canto ben, / para ti canto bastante; / si non me queres oir, / arre, burro, para adiante.
  • Disme que eu canto mal/ para min xa é bastante;/ o que me non queira ouvir/ arre, burro, para adiante! [6].
  • E, poidas que non poidas, / arrea, burro, pra diante; / como trasportes a carga / nunca a cabeza levantes.
  • Eí vai Luisa de Guinio, / corre coma unha cadela, / busca-los dentes do burro / pra faguer unha peineta [7].
  • Eso solo vos son contos / o de nós non te-lo mando: / onde estamos nolos hombres / por burras indes pasando.
  • Esta noite virei tarde/ porque se o burro perdeu:/ cando oias pasos de burro/ asómate, que son eu [8].
  • Eu cantar ben che cantaba / a gracia non era moita; / ¡quen me dera un burro vello / pra botar a quen me escoita!
  • Eu, cantar, cántoche ben, / gracia non che teño moita, / téñoche un burriño branco / pra botar a quen me escoita.
  • Eu non sei que quer decer/ o burro de Xancebás;/ eu na miña cama deixo/ deitado un lindo rapaz [9].
  • Eu non son ningunha burra / que teña que rexistrar; / se é que ves con esa ideia / daquí xa podes largar.
  • Faralleiros son nas Grañas, / revellados en Mañón, / cabanexos en Cabanas, / burros en San Pantaón [10].
  • Fun ó monte por sardiñas,/ fun ó mar cargar de toxo,/ polo monte fun nadando,/ polo mar nun burro coxo [11].
  • Guapo, que estás nesa porta, / non penses levar cebada, / que a un burro como eres ti / bástalle roer na palla.
  • Había moitos que teimaban,/ i eu era o pirmeiro,/ que había morrer un burro á sede/ o vinteoito de febreiro [12].
  • Il é tratante de vacas/ e tamén o é de burros;/ coitada da Cristelina,/ que leva dous macanudos [13].
  • Inda che hei de botar unha/ por riba dun seixo blanco,/ que tu non has de negar/ que es fillo dun burro blanco [14].
  • Ise burro que eí ornea,/ ornea pola cebada;/ non a ha levar esta noite/ tampouco de madrugada [15].
  • Meu santo, San Antoniño,/ nacido no sobreiral,/ o pesebre do meu burro/ évos voso irmán carnal.
  • Mozo de orellas de burro,/ agárrate a traballar;/ namentres te no’acostumbres/ contigo non hei casar [16].
  • Nin bo pedro/ nin bo burro negro/ nin bo lameiro/ por riba do rego [17].
  • Niste lugar de Facós/ non entra carro ferrado/ se non o trae o Manoel/ co burriño polo rabo [18].
  • No lugar de Fradalvite/ non entra carro ferrado/ se non o trai Elisiña/ co burriño polo rabo [19].
  • O burro morreu,/ rechinou os dentes/ e díxolle adios/ a tódolos presentes [20].
  • O cantar é alegría,/ ben burro é o que non canta;/ canta nena, que o que canta/ tódolos males espanta [20].
  • O cantar é alegría/ e ben burro é o que chora;/ eu canto hasta me fartar/ e mais teño a muller fóra [21].
  • O crego de Escravitude/ leva a criada na burra,/ na primeira carballeira/ dalle unha sacudidura [22].
  • O home de neno é rei/ e de mozo capitán,/ de casado pasa a burro/ e de vello queda en can [23].
  • O rei mandou unha carta/ dentro dun figo maduro:/ que as mulleres beban viño/ e os homes, mexo de burro.
  • Os de Vilagarcía/ mataron un burro,/ os de Carril, comérono crudo/ e os de Vilaxoán puxeron a bandeira/ para que lles deran a tripa cagueira [24].
  • Pasaches e non falaches,/ pensas que te eu precuro;/ heime de casar con outro/ xa que tu eres tan burro [25].
  • Pensaches por ser moi rica/ que xa me tiñas seguro;/ tes un xenio de cadela/ i eu non nacín pra burro [26].
  • Pensas que as túas palabras/ me van a min convencer;/ se es burro, meu amigo,/ non teño que lle faguer [27].
  • Polo mar andan as lebres/ e polo monte as anguías,/ polo aire andan os burros,/ mirade que tres mentiras.
  • Por botar un eixo a un carro/ ¿canto levan na túa terra?/ Contéstame logo, Antona,/ e bota a conta sin erro./ Anda ti, fillo dun burro,/ nativo de Roque Pas,/ por botar o eixo a un carro/ lévanche nove reás.
  • Por que vas presa, Sabela?/ Señor, por cousa ningunha:/ porque roubei unha corda/ i atrás da corda ía a burra [28].
  • Quen che dera unha peseta/ pra comprar de xabrón/ para lavar ese burro/ que está negro de nación [29].
  • Quen o había de decer,/ quen o había de pensar,/ que o burro había morrer/ á sede niste lugar [30].
  • Responde, burro, responde,/ acaba de responder;/ teño unha mañiza de herba/ pra che botar de comer [31].
  • Teño unha albarda ben feita,/ ben feita ó meu parecer,/ para lle poñer ó burro/ que non soupo responder.
  • Teño unha albardiña feita/ cosida con liñas brancas/ para traguere a ise burro/ por baixo das miñas chancas [32].
  • Teño unha albardiña feita,/ feita ó meu parecer,/ pra lle poñer a ese burro/ que non sabe responder [32].
  • Teño unha herba na horta/ que bota fóra do muro;/ non me criaron meus pais/ pra contestar a ise burro [33].
  • Tírate diante de min,/ cara de gato esfolado,/ ó demo morreulle o burro,/ vaille a servir de criado.
  • Tódolos xastres son burros / heinos de cargar de sal / ¡arre, burro!, ¡arre, xastre!/ ¡arre! para Portugal.
  • Turra, turra,/ Xan, pola burra./ Pedro non quero/ que son caballero.
  • Veño dende alá tan lonxe,/ pisando cardos molares,/ por ver a cara do burro,/ cara de quitapesares [34].

Notas

  1. Xaquín Lorenzo Fernández, 36. No orixinal: bermella, todolos, de ela.
  2. Xaquín Lorenzo Fernández, 45.
  3. Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: .
  4. Xaquín Lorenzo Fernández, 58. No orixinal: tú, cantaréi, de un.
  5. Xaquín Lorenzo Fernández, 61.
  6. Xaquín Lorenzo Fernández, 71.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández, 73. No orixinal: ehí, buscalos.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 77.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 82.
  10. Son lugares do concello de Mañón, A Coruña.
  11. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 15.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 86.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 89.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 89. No orixinal: és, de un.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: ehí, nona.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 106.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 107. Trátase dun exemplo de cantiga que tamén corre como refrán. O pedro é un chourizo que se fai co intestino groso do porco.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 108. No orixinal: nono. Facós é lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira, concello de Lobeira. Na Galicia rural, o carro representaba un signo externo de riqueza, que reflictía tanto a posesión de gando para tirar del como de colleitas, leña, pedra, etc en cantidade tal como para necesitar un carro propio para o seu transporte. Aplicábase á riqueza persoal de quen se gababa de ter carro, así como á riqueza en gando e colleitas dunha determinada aldea: a falla de gado non permete xunguir o carro pra levar e traguer as cousas.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: nono. Fradalvite é un lugar da parroquia de San Trocado de Santa Comba, no concello de Lobeira, parroquia dividida polo límite de dous concellos (Lobeira e Bande). Non obstante, Xaquín Lorenzo di que é “lugar da parroquia de San Martiño de Grou”, que é outra parroquia do mesmo concello (px. 289).
  20. 20,0 20,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 115. No orixinal: todolos.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 115. No orixinal: fora.
  22. Fermín Bouza-Brey, 1929, 153-204 [en facsímile II], 195. No texto: Esclavitude.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 117.
  24. Fermín Bouza-Brey, 1929, 153-204 [en facsímile II], 190. No texto: Vilaxohán, lle deran.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 128. No orixinal: .
  26. Xaquín Lorenzo Fernández, 131.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 132.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 135.
  29. Fermín Bouza Brey 1929, 191.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 138. No orixinal: quéno.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 139. No orixinal: erba.
  32. 32,0 32,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 152.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández, 152. No orixinal: erba, fora.
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 161.

Véxase tamén

Bibliografía

O burro na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada do burro na cultura popular galega, na fraseoloxía e na tradición oral galega (refráns, cantigas e adiviñas).

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.