Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.[1][2]

Camiño de Santiago
Ways of St. James in Europe
Camiños de Santiago
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísEspaña España
TipoCultural
CriteriosII, IV, VI
Inscrición1993 (17ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador669

Vías

O Camiño ten varias vías alternativas en función da orixe do peregrino, de maior ou menor uso segundo as épocas e circunstancias do seu nacemento:

Spain Leon - Santiago Shell
Cuncha de Santiago

Historia

Santiago de Compostela, O apóstolona Catedral
Santiago Peregrino na catedral de Santiago, típica imaxe iconográfica de Santiago o Maior como peregrino

Pode ser explicado como o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o sol no fin do mundo en Fisterra, pero a súa historia comeza co descubrimiento dos restos do Apóstolo Santiago.

No ano 813 tivo lugar o acontecemento relixioso máis importante da Europa cristiá medieval [Cómpre referencia], o descubrimento en Galiza, dunha arca cuns restos que foron atribuídos ao apóstolo. Segundo a tradición cristiá, nese ano o ermitán Paio albiscou nas inmediacións do castro Libredón (antiga Santiago de Compostela) unha estrela (posibelmente un fogo fatuo) sobre unha arca de mármore. Avisado o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, este acudiu axiña ao lugar, identificando os restos atopados como o corpo decapitado do Apóstolo Santiago. Este "inventio" foi, a seguir, atendido polo monarca galego-ovetense, Afonso II (791-842), quen, tras peregrinar ao sartego no mesmo ano, ordenou edificar unha igrexa arredor da tumba "santa" e estableceu unha comunidade relixiosa permanente, espallando a nova por toda a cristiandade europea. O culto a Santiago esténdese por Galiza e Asturias. Afonso III o Magno, que peregrinou no 872 e volveu no 874 coa raíña Ximena, ordenou edificar unha nova basílica, que consagraron no ano 899 e é no seu reinado cando a peregrinación cara a Compostela chega ata os Pireneos. A Diocese de Iria e o seu titular convertéronse na máis poderosa administración eclesiástica non só da Gallaecia altomedieval, senón de toda a península ibérica, acrecentando o seu poder coas constantes doazóns por parte dos monarcas á igrexa compostelá.

No século X comezou a desenvolverse o camiño francés, coa chegada de peregrinos de Tours, Limoges e Le Puy, e mesmo a mediados do século chega en peregrinación o bispo de Le Puy, Gotescalco, un dos primeiros peregrinos de nome coñecido.

A comezos do século XI, Sancho III O Maior fixou o trazado definitivo do Camiño de Santiago, ao librar de incursións musulmás a zona comprendida entre os Pireneos e Nájera e aproveitar o trazado dunha antiga vía romana que substituíu o percorrido anterior que cruzaba Áraba. Tamén a el se lle debe a influencia cluniaciense por todo o camiño. Convertida no terceiro centro de peregrinación da Cristiandade —só despois de Xerusalén e Roma—, foi a partir do século XI e principalmente XII, cando desde numerosos puntos de Europa comecen a chegar peregrinos, ben desde Occitania, Francia, Navarra ou Aragón-Cataluña vía terrestre, ben desde as Illas Británicas, Escandinavia, ou Alemaña vía marítima. Afonso VI de León e Castela e Sancho Ramírez de Navarra, tamén no século XI, dotaron de infraestruturas as vilas polas que pasaba o camiño: construción de hospitais para os peregrinos, pontes, melloras no trazado viario, e favoreceu as repoboacións das cidades do camiño, en especial con francos e eximindo do pago dalgúns portádegos ós peregrinos.

A partir do século XVI, a peregrinación a Santiago comezou un importante declive, no que interviron as novas circunstancias políticas e relixiosas imperantes en Europa, especialmente a expansión da Reforma protestante a partir de 1517, coa que desapareceron os peregrinos procedentes de Inglaterra, Alemaña e Holanda. Noutra orde de cousas, a posibilidade de redimir as penas con diñeiro fai que desaparezan tamén os peregrinos que facían o Camiño por ese motivo, e xorde paralelamente un desprestixio da imaxe do peregrino, que comeza a verse como un desocupado que sobrevive das esmolas.

Tamén tivo que influír decisivamente o feito da desaparición das reliquias do Apóstolo en 1589, cando o arcebispo Juan de Sanclemente agochou o sepulcro como medida de cautela ante o inminente ataque do pirata Francis Drake. Por algunha razón, o lugar onde as pousou quedou en segredo e, co paso dos anos, as reliquias déronse por perdidas.

Ó irse reducindo o número de peregrinos e, con eles, as achegas económicas que puideran facer nas vilas que percorrían, os gobernantes da época deixaron de crear e manter camiños, pontes e hospitais, dado que a transcendencia económica e social do Camiño deixou de interesar. O declive foi continuo durante os séculos XVII e XVIII ata case desaparecer no XIX, século no que reapareceron os restos do Apóstolo, en 1879, e foron autentificados polo papa León XIII en 1884. Isto permitiu unha certa recuperación pero que non foi significativa ata que a mediados do século XX, iniciativas particulares, primeiro, e oficiais, despois, conseguiron revitalizar o Camiño ata o auxe que actualmente experimenta, especialmente desde 1993.

Recoñecementos

En 1931 decláranse monumentos nacionais algunhas das localidades principais que atravesaba o Camiño. En 1962 declárase Conxunto Histórico-Artístico. En 1971 declárase Ruta de Interese Turístico, e apróbanse as primeras subvencións para a construción de albergues. Tamén nese mesmo ano nace en Estella a primeira das hoxe numerosas Asociacións de Amigos do Camiño. A finais dos 70, o cura do Cebreiro Elías Valiña comezou un labor persoal de delimitar as rutas e sinalizar o Camiño coas frechas amarelas que hoxe guían ós peregrinos.

En 1982, Ano Santo, o papa Xoán Paulo II invita a tódolos católicos a peregrinar a Santiago e o Consello Europeo nomea o Camiño Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

En 1991 créase a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo 93, co obxectivo de organizar o Ano Santo de 1993. En 1999 volve constituírse, para organizar o Xacobeo dese ano, pero agora xa con carácter de perpetuidade, como empresa pública dependente da Xunta de Galiza destinada á promoción turístico-cultural e á dotación de servizos dos Camiños de Santiago.

Tamén en 1993 se produce a declaración da UNESCO do Camiño francés como Patrimonio da Humanidade, recoñecemento que se amplía en 1998 ás rutas francesas.

En 1996 publícase a Lei 3/1996, de 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago [3], que por primeira vez recoñece as outras rutas e non só o Camiño Francés.

En 2001 créase o Plan Director dos Camiños de Santiago, co obxectivo de actualizar e fomentar os oito itinerarios históricos do Camiño en Galiza.

Influencia do Camiño no desenvolvemento de Santiago

O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do reino de Galiza, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100-1136) convertendo Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma. Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral —centro artístico-relixioso de primeira magnitude— senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa, onde se coroarían reis galegos, onde medraría a grande escola galego-portuguesa, e onde reside desde a Idade Media a capital de Galiza. Os estudos histórico-arqueolóxicos levados a cabo no século XX na propia catedral revelaron, non obstante, que desde época galaico-romana e sueva, Compostela fora un lugar relevante onde xa se soterraban importantes dignidades civís ou relixiosas moito antes do ano 813, o que motivou a diversos especialistas a defender que o corpo atribuído ao apóstolo Santiago fora en realidade o de Prisciliano, patriarca da igrexa galega, decapitado en Tréveris no ano 385.

Visitantes

Estatua peregrino
Estatua en Pontevedra.

Datos dos visitantes dende 1985. En amarelo os Anos Santos:[4][5]

ano 1985-6 1987 1988 1989 1990 1991 1992 1993 1994
Peregrinos 2.491 2.905 3.501 5.760 4.918 7.274 9.764 99.436 15.863
Dos cales o número de estranxeiros 2.391 2.151 2.330 2.751 5.093 4.183
ano 1995 1996 1997 1998 1999 2000 2001 2002 2003 2004
Peregrinos 19.821 23.218 25.179 30.126 154.613 55.004 61.418 68.952 74.614 179.944
Dos cales estranxeiros 5.757 6.710 7.671 12.173 20.403 19.925 21.854 27.355 30.518 43.873
ano 2005 2006 2007 2008 2009 2010
Peregrinos 93.924 100.377 114.026 125.141 145.877 272.135
Dos cales estranxeiros 40.496 48.166 58.700 64.029 66.870 84.046
ano 2011 2012 2013 2014 2015 2016
Peregrinos 183.366 192.488 215.880 237.882 262.583 278.224
Dos cales estranxeiros 85.544 97.213 109.989 124.258 140.131 153.828

Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes do Camiño de Santiago
Chemin de Saint-Jacques

Sinal do camiño en Francia e Suíza

5 peseta-jacobeo-reverse

Moeda de 5 pesetas do ano santo de 1993

Wegmarkierungen Jakobsweg

Sinalización

Muszla Jakuba
León, Camiño Santiago 01-02

O Camiño de Santiago ó seu paso por León

Notas

  1. "Route of Santiago de Compostela" (en inglés). UNESCO Culture Sector. Consultado o 17 de febreiro de 2013.
  2. "Routes of Santiago de Compostela in France" (en inglés). UNESCO Culture Sector. Consultado o 17 de febreiro de 2013.
  3. DOG nº 101, de 23.05.1996.
  4. "Estadísticas". Oficina del Peregrino (en castelán). Consultado o 21 de abril de 2017.
  5. "PEREGRINOS EN LOS ÚLTIMOS AÑOS". Archidiócesis Santiago de Compostela (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 3 de marzo de 2016. Consultado o 21 de abril de 2017.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

1993

1993 foi Ano Santo Xacobeo.

Aguilar de Campoo

Aguilar de Campoo é un concello español da provincia de Palencia (Castela e León). A súa poboación é de 7 160 habitantes (INE 2013). O municipio é coñecido pola súa industria galleteira, a máis importante de España, e porque nel se atopa o encoro de Aguilar.

É unha das localidades do Camiño de Santiago do Norte, na Ruta do Besaya.

Ano Santo Xacobeo

O Ano Santo Xacobeo, tamén chamado Ano Santo Compostelán, é unha celebración católica que ten lugar en Santiago de Compostela os anos que o 25 de xullo, festividade do Apóstolo, cae en domingo. Isto acontece cunha regularidade de 28 anos de 6-5-6-11 anos, o que supón que en cada século haxa catorce Xacobeos.

Castelo da Palma

O castelo da Palma ou castelo de Nosa Señora da Palma é un castelo do século XVI situada no concello de Mugardos, que formaba parte do sistema defensivo da ría de Ferrol.

Convento de San Domingos da Coruña

O convento de San Domingos é un convento da Orde dos Predicadores situado na cidade vella da Coruña.

Hospital de Órbigo

Hospital de Órbigo é unha localidade da provincia de León. A súa poboación en 2007 era de 1.052 habitantes e a superficie do termo municipal é de 4,58 km², sendo a densidade poboacional de 229,69 hab./km². Atópase a unha altitude de 823 m.

Monte do Gozo

O monte do Gozo é unha elevación do terreo próxima á cidade de Santiago de Compostela, no lugar de San Marcos en Bando, chamada así polo sentimento de gozo que desperta nos peregrinos, xa que este monte é o primeiro punto dende o cal a xente que fai o Camiño de Santiago ve as torres da catedral.

Morga

A elizate de Morga é un concello da provincia de Biscaia, Euscadi.

Por el transcorre o Camiño de Santiago.

Mosteiro de San Martiño Pinario

O mosteiro de San Martiño Pinario é un mosteiro beneditino fundado no século X e que no século XVI, coa reforma promovida polos Reis Católicos, dirixiu e gobernou a totalidade dos mosteiros bieitos masculinos de Galicia.

Pazo de Raxoi

O Pazo de Raxoi é un edificio civil de Santiago de Compostela de estilo neoclásico francés , sede da corporación municipal da cidade, aínda que ao longo da historia ten acollido outros organismos. O seu nome honra ao arcebispo Bartolomé de Raxoi, que foi impulsor principal da edificación, aínda que non o único.

Porta do Camiño (Santiago de Compostela)

A Porta do Camiño de Santiago de Compostela era a primeira porta pola que entraban á cidade os peregrinos que acudían polo Camiño Francés. Desde este lugar pódese contemplar o Convento de San Domingos de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego desde 1963.Antigamente existía un arco que formaba unha das sete entradas á cidade amurallada de Compostela, tras ser arrasada polas tropas do árabe Almanzor.

Provincia de Burgos

A provincia de Burgos é unha das provincias de Castela e León, está situada ao nordés desta comunidade. A súa capital é a cidade homónima de Burgos. Ocupa unha superficie de 14.300 km² e a súa poboación en 2006 era de 363.874 habitantes. Moitos dos 370 concellos da provincia (131 en 2006) teñen menos de 100 habitantes.

Burgos posúe un enclave no interior da provincia de Áraba: o enclave de Treviño.

Provincia de León

León (en leonés: Llión) é unha provincia española pertencente á comunidade autónoma de Castela e León. Está situada no Noroeste da Península Ibérica e a súa capital é a cidade homónima de León. Limita ao norte co Principado de Asturias e Cantabria, ao oeste con Galiza (coas provincias de Ourense e de Lugo), ao sur coas provincias de Zamora e de Valladolid, e ao leste coa provincia de Palencia.

Ten unha superficie de 15.581 km². Posuía unha poboación de 495.902 habitantes (INE 2005). A súa densidade era de 31,82 hab/km².

Lugar de paso entre importantes zonas da Península Ibérica, percorren a provincia leonesa dúas grandes rutas históricas: de Sur a Norte a Vía da Prata, e de Leste a Oeste o Camiño de Santiago.

Ademais do español, nalgunhas zonas de León fálanse outras linguas:

Leonés, lingua romance, derivada do latín, e unha das máis antigamente documentadas na Península Ibérica, e que está recoñecida polo estatuto castelán e leonés aínda que non goza de oficialidade e continúa a ser falada na provincia, especialmente en zonas setentrionais da provincia, con especial vividez na comarca de Laciana, no Bierzo e na Cabreira.

Galego, falado no Bierzo. Este idioma románico está recoñecido oficialmente no Estatuto de Autonomía de Castela e León pero sen status de oficialidade, en cuxo artigo 4º indícase que "gozarán de respecto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen". A pesar disto a aplicación práctica necesitou da defensa popular para facelo efectivo.

Sarria

Sarria é unha vila galega da provincia de Lugo, capital da comarca de Sarria. Cos seus 13.345 habitantes (13.352 no 2006, 13.155 no 2005, 13.132 no 2004, 13.142 no 2003) segundo o INE é o quinto en poboación da provincia. O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) sarriao/sarriá.

Soutomerille, Castroverde

San Salvador de Soutomerille é unha parroquia deshabitada que se localiza no concello de Castroverde. A igrexa parroquial, en ruínas, é prerrománica reconstruída no século XVII. No lugar de Gondar houbo un hospital para os peregrinos do Camiño de Santiago que pasa pola parroquia.

Torre de Hércules

A Torre de Hércules é unha torre e faro situado na península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. Está nun cabo.

O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Vello de Santiago de Compostela.

Vilafranca do Bierzo

Vilafranca do Bierzo (en español e oficialmente Villafranca del Bierzo) é un concello galegofalante de Castela e León, antiga capital do Bierzo (s.XIX). Está situada ao noroeste da provincia de León. Forma parte do Camiño de Santiago, formando etapa e meta ao mesmo tempo: na Igrexa dedicada ao Apóstolo, na vila, pode gañarse o xubileu. É considerado tradicionalmente como un dos 47 concellos da Galicia estremeira.

Nela conflúen os ríos Burbia e Valcarce. Ten unha altitude de algo máis de 500 m.

Vilalba

Vilalba é un concello da provincia de Lugo, capital da comarca da Terra Chá. Segundo o IGE en 2015 tiña 14.645 habitantes, dos que máis dun terzo viven no núcleo urbano. O seu xentilicio é «vilalbés» ou tamén «chairego».

Vilalba é a vila principal da súa comarca e a cuarta na provincia, xusto despois de Viveiro. O concello posúe unha densidade de poboación de 38,64 hab./km², e unha superficie de 379 km², o que o converte no segundo maior dos concellos galegos en canto a superficie despois da Fonsagrada.

O concello de Vilalba atópase na metade norte da provincia de Lugo; limita polo norte cos concellos de Abadín, Muras e Xermade, polo sur, con Cospeito, Begonte e Guitiriz, polo leste, con Abadín e Cospeito e polo oeste, con Xermade e Guitiriz. A poboación de Vilalba distribúese nas 29 parroquias do concello, ademais do núcleo urbano da vila.

Vilalba (do latín Villam Albam, 'vila branca'), posúe un rico patrimonio arqueolóxico e cultural. O concello conserva un bo número de mostras de castros galaicos, entre os que destacan os castros de Gondaísque e Belesar. Dentro do seu patrimonio cultural destaca a Torre da homenaxe do desaparecido castelo de Vilalba, vencellada historicamente á casa dos Andrade, e convertida no século XX en parador de turismo.

Con respecto á industria, o concello caracterízase pola súa escasa industrialización, sendo as escasas industrias existentes derivadas do sector primario, é dicir a agroalimentaria, representada por unha empresa multinacional de produtos lácteos, e algunhas pequenas industrias de embutidos, xamóns e de elaboración do queixo D.O. de San Simón.

A gastronomía é un dos meirandes atractivos da vila na que hai que destacar o queixo de San Simón da Costa, o roscón de améndoas e os célebres capóns de Vilalba que se comercializan nunha feira anual, que ten lugar o 21 de decembro.

Vía da Prata

A Vía da Prata é unha ruta cultural e histórica de orixe incerta que unía Mérida, capital da Lusitania, con Astorga, capital da Gallaecia astur. Actualmente [cando?] promocionouse unha ruta turística que arrinca de Sevilla e chega ata Xixón.

Un gamallo desta ruta constitúe, cara á actual Galicia, unha das rutas do camiño de Santiago, recoñecida oficialmente pero pendente de delimitación. Desde Chaves entra en Galicia cara a Verín. En Monterrei divídese, cun camiño cara a Xinzo de Limia e outro cara a Laza, para se xuntaren despois de novo.

Do seu interese cultural fala a presenza no seu traxecto de cidades Patrimonio da Humanidade, como Salamanca ou Zamora.

Camiño de Santiago
Na península Ibérica
En Francia
Noutros países
Artigos sobre a cidade de Santiago de Compostela
Edificios institucionais
Edificios relixiosos
Teatros
Museos
Outros edificios
Parques
Centros comerciais
Rueiro
Transporte
Medios de comunicación
Clubs deportivos
Recintos deportivos
Outros recintos
Centros de saúde
Empresas locais
Restos arqueolóxicos
Accidentes xeográficos
Educación
Outros

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.