Camiño de Fisterra-Muxía

O Camiño de Fisterra é o único dos Camiños de Santiago con orixe na cidade de Compostela. Realmente, trátase da continuación, prolongación ou epílogo dos diferentes Camiños e, de feito, hai unha tendencia a non conceder a categoría de Camiño de Santiago a este itinerario, e mesmo a cualificalo como pagán ou profano, en contraposición ó carácter relixioso doutros itinerarios que si se dirixen cara o Apóstolo [1], unha vez alcanzada a meta da peregrinación a Santiago. Tras visitar ó Apóstolo na catedral, numerosos peregrinos deciden continuar a ruta para rematar a súa viaxe en Fisterra ou en Muxía.

Con este Camiño, os peregrinos que se dirixen a Fisterra pretenden alcanzar a fin do mundo antigo, o finis terrae. Os que optan por camiñar cara Muxía buscan visitar o santuario da Virxe da Barca, onde a tradición di que quedou petrificada a a barca na que a Virxe veu animar a Santiago na súa predicación en Galicia; a barca sería o que hoxe se coñece como a Pedra de Abalar, a vela sería a Pedra dos Cadrís e unha terceira pedra coñécese como a Pedra do Temón.

Pilgrim's Boot - Finisterre - Galicia
As botas, símbolo do peregrino, en Fisterra

Historia

Coñécense relatos, xa desde o século XIV, de peregrinos máis ou menos ilustres que chegaron ata Fisterra continuando a súa peregrinación a Compostela. Así, de 1355 é a descrición da súa viaxe do húngaro Xurxo Grisaphan; de 1466-1467, a viaxe de León de Rosmithal, procedente de Bohemia; de cara 1584, a do alemán Erich Lassota; no século XVII, 1670, tamén fixo esta viaxe o crego Domenico Laffi, de Boloña, e así outros nobres e relixiosos europeos. Domenico Laffi describe o itinerario que deben seguir os peregrinos italianos ata Santiago e Fisterra [2]: "Preparamos buenas provisiones de pan y vino y salimos por la puerta situada hacia el Mediodía, dirigiéndonos hacia poniente" [3].

Ademais destes documentos escritos, tamén existen outras mostras históricas que recollen a presenza dos peregrinos nesta ruta. Así, por exemplo, os diversos hospitais de peregrinos que deberon existir nas localidades polas que discorre deixaron a súa pegada na toponimia, como aconteceu co lugar de Hospital, en Dumbría, e na existencia demostrada doutros hospitais en Cee, Corcubión e Fisterra. Tamén houbo hospital de peregrinos en Fisterra, a carón da igrexa de Santa María das Areas. Outros topónimos posiblemente relacionados serían os lugares do Camiño Real e Portocamiño.

Tamén, a tradición oral recolleu a relación coa translatio e a presenza dos discípulos do Apóstolo nestas terras, e así, o Códice Calixtino (no seu Libro III, Capítulo I) inclúe a lenda da traslación do corpo do Apóstolo desde Dugium (hoxe Duio, tamén en Dumbría) cara Compostela. Finalmente, tamén hai constancia de condenas impostas por tribunais europeos medievais consistentes en peregrinar a Fisterra ou Santo André de Teixido, entre outros lugares santos.

Outra lenda que relaciona estes lugares co Apóstolo é a da aparición da Virxe do Pilar a Santiago en Muxía, da que xa falamos.

Xa en tempos máis recentes pero moito antes da revitalización dos Camiños co gallo do Xacobeo 1993, un dos primeiros libros que estudaron en profundidade as peregrinacións xacobeas foi o titulado Las peregrinaciones jacobeas, escrito por Luciano Huidobro Serna en tres tomos, entre 1949 e 1951. Neste texto xa se describe a ruta entre Santiago e Fisterra (px. 300 a 316 do tomo III), se ben non menciona a desviación a Muxía.

Itinerario

A distancia a percorrer é duns 89 km se se segue a ruta de Fisterra e duns 87 km se se segue a de Muxía; se, como é común, se completa o Camiño indo desde Fisterra a Muxía, falaríamos xa duns 119 km [4].

As diferentes Guías publicadas adoitan dividir a ruta en tres etapas ata Fisterra, máis unha cuarta desde Fisterra a Muxía, pero esta división obedece ó reducido número de albergues intermedios que había ata hai ben pouco, e situados só nas localidades máis importantes (Negreira e Olveiroa), o que obrigaba a facer etapas moi longas, da orde de 33–35 km, excepto a primeira, de tan só 21 km. Ata o Xacobeo de 2010, o Camiño só contaba con oito albergues, catro deles localizados en Fisterra ou Muxía e outros catro en localidades intermedias [5]; nese mesmo ano do Xacobeo de 2010 abríronse outros oito [6], tanto en destino como noutros puntos intermedios, e en 2011 alcanzouse a cifra de 19 albergues, entre públicos e privados. Isto permite ó peregrino redistribuír as etapas dunha forma menos ríxida e máis razoable, en función do esforzo que cada quen estea disposto a realizar e do tempo dispoñible para facer o Camiño.

Á dificultade que representa para o peregrino a extensión xa citada das etapas desta ruta, que representa un verdadeiro esforzo, súmase o feito de que abundan os tramos de ata varios quilómetros sen ningún servizo de restauración ou de venda de alimentos. Así mesmo, o reducido número de peregrinos explica o deficiente mantemento do camiño en numerosos tramos [7].

Camiño de Fisterra 01-04a, 6.12.2016
No asfalto, apoarecen algunhas frechas marelas indicando a dirección a Compostela

Nos últimos anos naceu a tendencia de facer esta ruta tamén en sentido inverso, desde a costa, sexa Fisterra ou Muxía, ata Santiago. En calquera caso, cómpre advertir que non se poderá recibir a Compostela, dado que non se cumpre o requisito de facer, andando, os últimos 100 km, como mínimo, pero si que a pode obter se fai o itinerario completo Fisterra-Muxía-Santiago ou Muxía-Fisterra-Santiago, pois xa superaría amplamente os 100 km. Non obstante, os concellos de Fisterra e de Muxía entregan ós peregrinos cadanseu documento que acredita ter feito o Camiño, a Fisterrana e a Muxiana, respectivamente.

A sinalización resulta, en xeral, máis que suficiente, aínda que na saída desde o Obradoiro non hai indicacións, e algún que outro tramo poida dar lugar a confusión. No tramo entre Fisterra e Muxía, os fitos quilométricos sinalan o sentido e as distancias en ámbalas direccións.

O Camiño de Fisterra cruza terras de dez concellos: ademais do propio Santiago, pasa por Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía.

1ª etapa: Santiago de Compostela - Negreira

 Santiago de Compostela - A Ponte Sarela - Sarela de Abaixo - As Moas de Abaixo - O Carballal - Roxos - Quintáns - Portela - Ventosa - O Lombao - Pedras - Augapesada - Carballo - Trasmonte - Reino - Burgueiros - A Ponte Maceira - Os Outeiros - A Barca - A Chancela - Negreira 

Santiago 15-20a rúa de Hortas
A rúa das Hortas, pola que comeza a andaina do peregrino

O itinerario comeza ante a Catedral, na propia praza do Obradoiro, dirixíndose á esquina entre o Hostal dos Reis Católicos e o Pazo de Raxoi para coller a rúa das Hortas. Neste punto, onde hoxe discorren as rúas de Entrerríos e da Trindade, abríase na muralla da cidade a Porta do Santo Peregrino ou Porta da Trindade e, moi cerca, a carón da Igrexa de San Frutuoso, o cemiterio de peregrinos [8], hoxe convertido en xardín.

O peregrino baixa pola rúa das Hortas, na que pode observar un bo número de marcas de propiedade nas casas de ámbalas beiras da rúa [9]. Cruza As Galeras e avanza polas rúas Cruceiro do Galo e de San Lourenzo ata chegar á Carballeira do mesmo nome, que o recibe do convento franciscano de San Lourenzo de Trasouto, hoxe convertido en pazo.

Camiño de Fisterra 01-02, 6.12.2016, Carballeira de San Lourenzo
O primeiro fito quilométrico, que indica a distancia a Fisterra e a Muxía

Como xa se dixo, nesta carballeira se atopan os primeiros fitos quilométricos deste Camiño indicando a distancia a percorrer ata Fisterra (88,139 km) e Muxía (86,337 km).

Deixando á esquerda o Pazo de San Lourenzo, descéndese pola Costa do Cano cara o río Sarela; tras cruzar A Ponte Sarela pásase xunto a unha vella fábrica de curtidos, hoxe en ruínas, e, pouco despois, polo lugar de Sarela de Abaixo, ambas na parroquia de San Paio, aínda no concello de Santiago. Desde aquí o peregrino poderá ver por última vez as torres da catedral de Santiago.

A un par de quilómetros chega ó lugar das Moas de Abaixo, xa na parroquia de Figueiras, tamén do concello de Santiago. Segue polo Carballal, outra parroquia de Santiago de Compostela, e por Roxos, Quintáns e Portela, tres lugares da parroquia compostelá de Villestro, para chegar por fin ó primeiro bar restaurante da etapa, tras uns 10 km de camiñada.

O Camiño deixa o concello de Santiago e entra agora no de Ames. Tras un leve ascenso ata Ventosa, na parroquia de Covas debe seguirse un longo ramo de asfalto ata o lugar do Lombao, aínda en Covas. Segue pola estrada polos lugares de Pedras e Augapesada, xa na parroquia de Ames. Rosalía de Castro pasou temporadas da súa infancia na lindeira parroquia de Ortoño.

Toca agora unha forte subida, a única dificultade real desta etapa, cara o Alto do Mar de Ovellas, de 272 m de altitude. Tras cruzar o Rego dos Pasos comeza un longo ascenso de máis de 2,5 km e 215 m de desnivel, no que varios bancos de cemento poden servir de repouso ó peregrino [10]. Alcanzado o cumio, séguese por asfalto en continuado descenso ata Carballo, Trasmonte, Reino e Burgueiros, os catro na parroquia de Trasmonte (Ames).

Ponte Maceira2
A Ponte Maceira, sobre o río Tambre

Chégase así ó lugar da Ponte Maceira, xa na parroquia de Agrón, aínda no concello de Ames. A Ponte Maceira é en realidade un único núcleo urbano dividido administrativamente en dous polo río Tambre. Unha parte pertence a Ames e a outra, máis historiada e con edificios máis nobres, é A Ponte Maceira da parroquia de Portor, Negreira, pola que o Camiño entra neste concello.

A ponte que identifica o lugar, a Ponte Vella cruza o río Tambre, linde natural entre os concellos de Ames e Negreira. De orixe romana pero moi modificado posteriormente (na Idade Media e nos séculos XIV e XVIII), era o paso obrigado para cruzar o río desde Santiago cara a Costa da Morte.

Conta a lenda -recollida por vez primeira no Libro III do Códice Calixtino- que os discípulos do Apóstolo Santiago viñan de Duio co seu corpo cara o que séculos despois sería Compostela, perseguidos polos lexionarios romanos que querían darlles morte. Por fin alcanzaron e cruzaron a Ponte Maceira levando os romanos cabo deles pero, cando estes intentaron cruzar a ponte, esta veuse abaixo causando a morte de todos eles e garantindo así a supervivencia dos cristiáns. O derrubamento da ponte pola intercesión divina quedou reflictido no escudo do concello, onde se ve a ponte rota, un romano a un lado e a cruz do cristiáns ó outro e, no medio, a cuncha que simboliza ó Apóstolo [11].

Negreira 03-02r, escudo
O milagre, representado no escudo de Negreira

Unha vez atravesada a Ponte Vella, o Camiño entra agora no concello de Negreira e na comarca da Barcala. Avanza á beira do Tambre e pasa baixo o viaduto da estrada AC-450, pasa polos lugares dos Outeiros (na parroquia de Portor) e da Barca e A Chancela (ambas na parroquia de Logrosa).

A etapa chega ó seu fin e entra en Negreira pola avenida de Santiago. Os peregrinos que queiran dormir no albergue público deberán atravesar a cidade, xa que este se atopa á saída de Negreira; na cidade existen outros sete albergues privados.

Santiago 15-64b, cemiterio de peregrinos na rúa da Trindade

Antigo cemiterio de peregrinos, hoxe xardín urbano

Santiago 15-46 A Ponte Sarela

A Ponte Sarela

Camiño de Fisterra 01-06r, 6.12.2016

Un banco para o reposo do peregrino, na dura subida ó alto de Mar de Ovellas

Negreira 02-02a

Monumento ó peregrino, á entrada de Negreira

2ª etapa: Negreira – Olveiroa

 Negreira – Zas – O Camiño Real – O Rapote – A Pena – Piaxe – Portocamiño – Vilaserío – O Cornado - Santa Mariña - Bo Xesús - A Gueima - Vilar de Castro - As Abeleiroas - Mollón - A Ponte Olveira - Olveiroa 

Pazo de Cotón.Negreira.Galiza
Pazo de Cotón, visto desde a saída de Negreira

Trátase dunha longa etapa (32–34 km, segundo as fontes) que adoita dividirse en dúas, facendo noite nalgún lugar intermedio, como Vilaserío ou Santa Mariña, aínda que a primeira opción cae demasiado cerca do punto de partida e a segunda leva ó peregrino a unha localidade sen apenas servizos. O primeiro terzo, ata Vilaserío, faise en suave pero continua ascensión [13] pero o resto do traxecto non ofrece dificultades especiais.

O comezo da etapa dependerá de onde pernoctara o peregrino, pero pode situarse no centro da vila. Debe collerse a estrada ou Carreira de San Mauro, que en tempos foi Camiño Real, cara o pazo do Cotón, baixo cuxos arcos hai que pasar. O Pazo, do século XIV, está unido á igrexa de San Mauro por unha pasarela con tres arcos sobre a estrada, e toma o nome do lugar sobre o que está construído, O Cotón (hoxe xa unido ó núcleo urbano), de onde se supón natural o trobador Afonso Eanes do Coton.

Axiña se alcanza e cruza o río Barcala, tomando a vía cara á igrexa de San Xián (do século XVIII) e, baixo a sombra dunha mesta carballeira, ascéndese cara o Alto da Cruz. A seguir chégase ó núcleo de San Mamede de Zas e, máis adiante, déixase a un lado o lugar do Camiño Real. A ruta continúa avanzando polo val de Barcala e chega ó lugar do Rapote (xa na parroquia de San Martiño de Broño) e, tras un novo ascenso, ós da Pena e Piaxe, pasando ante a igrexa de San Mamede da Pena. O ascenso continuo levará logo ó peregrino a Portocamiño e, tras cruzar o río Forxán, chégase ó pouco a Vilaserío, xa na parroquia de Bugallido.

Como dixemos, Vilaserío pode considerarse fin de etapa, e conta con albergues e servizos para o peregrino. De continuar a camiñada, pasarase polo Cornado. Tras varios quilómetros sen servizos por corredoiras que poden estar intransitables en inverno, crúzase os regos da Barbeira e das Maroñas e alcánzase ó pouco o lugar de Santa Mariña das Maroñas, onde se abandona o concello de Negreira e se entra no de Mazaricos.

Escudo de Santa Comba
Escudo de Santa Comba, con dúas cunchas de vieira, características do peregrino

Cómpre indicar que neste último tramo, o Camiño atravesa durante no más de 800 metros polo extremo sur do concello de Santa Comba, concretamente por terras da parroquia de San Martiño de Fontecada [14]. De feito, no escudo de Santa Comba figuran dúas cunchas de vieira, símbolo clásico da peregrinación xacobea, e entre os diferentes lugares do concello figura un co nome do Hospital, onde houbo un hospital de peregrinos .[15]. Sábese igualmente que na capital municipal, na capela de Santa Catarina, a carón da casa do concello, tamén eran atendidos os peregrinos enfermos.

Pasada Santa Mariña, hai que cruzar –con precaución- a estrada AC-400 e pouco despois pásase polos lugares de Bo Xesús e da Gueima. A seguir chégase a Vilar de Castro, aínda na parroquia das Maroñas.

O Camiño sobe agora ó Monte Aro e, superado o cumio, comeza un descenso que conducirá ó peregrino ata Olveiroa, a fin da etapa. Durante este descenso, a paisaxe mostra á dereita do Camiño o encoro da Fervenza, construído en 1966 sobre o río Xallas anegando terras dos concellos de Mazaricos, Dumbría, Vimianzo e Zas.

A seguir pásase polos lugares de Campo Valado, Porteliñas e As Abeleiroas, así como pola igrexa parroquial de San Cristovo de Corzón. Ó pouco alcánzase o lugar de Mollón e, por fin, o río Xallas, linde dos concellos de Mazaricos e Dumbría, no que entra agora o peregrino.

Traspasada a ponte éntrase na Ponte Olveira [16]. Nesta localidade tivo lugar en 1809 unha cruenta batalla contra as tropas napoleónicas dentro da Guerra da Independencia española, cunha sonora derrota dos galegos sublevados.

Aínda cómpre andar un último tramo ata chegar a Santiago de Olveiroa, pequena vila de trazado medieval na que se pode ver a igrexa de Santiago, de estrutura románica e reconstruída no XVIII. A pequena vila restaurou recentemente o seu patrimonio de arquitectura tradicional, no que destacan os hórreos centenarios, e actualmente está orientada ós servizos ós peregrinos, contando con albergues e establecementos de restauración.

Negreira A Pena 09

Cruceiro e indicador do Camiño en San Mamede da Pena (Negreira)

Maroñas5

Indicador cara Ás Maroñas

Dolmen Pedra da Arca (I)

Dolmen da Pedra da Arca, a uns 5 km ó norte de Olveiroa

3ª etapa: Olveiroa – Fisterra

 Olveiroa – O Logoso – Hospital – Figueiroa - Os Camiños Chans – Cee – Corcubión - -O Vilar – Amarela – Estorde – Sardiñeiro - Calcova – Fisterra – San Roque 

Camiño de Santiago, Fisterra
Fin do Camiño, km 0, ó pé do Faro de Fisterra

Esta será outra longa etapa, de case 35 km. Abandonando o lugar de Olveiroa, o Camiño comeza seguindo durante un momento a beira do Xallas, tras cruzar un pequeno rego e ladeando a aba do monte Sino. Logo dunha suave subida chegará ó río Hospital, que se cruza por unha moderna ponte no chamado Vao de Ripas, e deixa a compañía do Xallas para seguir á beira do río Hospital.

Ó pouco chégase ó lugar do Logoso, pequena localidade que xa conta con servizos para o peregrino, ó pé do Monte Castelo [17]. A subida, que comezou ó salvar o río Hospital, segue ata levar o peregrino ata o lugar de Hospital, topónimo que reflicte a presenza dun hospital de peregrinos, xa documentado no século XIII. Superado o lugar axiña se chega á estrada DP-3404, no punto onde o camiño se bifurca (km 6 da etapa): á dereita, se o peregrino se dirixe a Muxía, ou á esquerda se continúa cara Fisterra. Neste artigo, o itinerario da etapa rematará en Fisterra [18]. Dentro do imaxinario popular, cabe lembrar que as lendas sitúan en Hospital a presenza dun monstro, chamado Vaker [4] ou Vakner, que devoraba os peregrinos que se atrevían a pasar polo lugar [19].

A ruta cara Fisterra avanza, en prolongado descenso, pola estrada CP-2303, bordeando a central de Ferroatlántica e deixando a un lado, nas inmediacións do Camiño, o petróglifo de Pedra Ancha, con representacións de armas (espadas e alabardas) e cruciformes. Pouco despois crúzase o río do Fragoso.

A uns 2 km pásase a carón do cruceiro de Marco do Couto, antigo marco xurisdicional que marca o linde entre as parroquias de Dumbría, que abandona agora o peregrino, e San Pedro de Buxantes, na que se interna. Desde este tramo do Camiño pódese divisar por primeira vez, alá ó lonxe e se o tempo o permite, o mar e o faro de Fisterra. Á esquerda pódese ver o monte Pindo.

A seguir, a ruta chega ó Santuario de Nosa Señora das Neves, un dos lugares simbólicos do Camiño. Situado no lugar de Figueiroa, na parroquia de Buxantes, trátase realmente dunha pequena capela, unha sinxela construción de finais do século XV e reconstruída no XVIII. Coñeceuse tamén como ermida da Nosa Señora da Fonte [20]. Refírese a unha fonte santa que hai a carón da capela e á que se atribúe a propiedade de aumentar a cantidade e calidade do leite das mulleres que beben nela, así como das femias do gando doméstico que abeberan alí [21]. No interior da capela consérvase un gravado coa silueta dun pé, que a tradición popular atribúe a un peregrino francés que morreu neste lugar no seu camiño cara Fisterra [22].

O Camiño continúa agora cun prolongado descenso, alternado con breves subidas. Nalgún momento, que non se sinaliza, o peregrino deixa o concello de Dumbría e entra no de Cee, para chegar logo á ermida de San Pedro Mártir, na parroquia da Pereiriña; trátase dunha pequena capela do século XVII tamén dotada dunha fonte milagreira, cuxa auga cura as dores de cabeza e a reuma. Segue o descenso e alcánzase o cruceiro da Armada [23] e, máis adiante, o lugar dos Camiños Chans, na parroquia de Brens, onde acaba o pronunciado descenso que viña desde o cruceiro da Armada, unha vez que se alcanza, case, o nivel do mar.

Moi preto xa, chégase a Cee, onde o peregrino poderá atopar tódolos servizos que precise. Pode, tamén, dividir aquí esta etapa, unha vez andados 19,5 km desde a saída en Olveiroa, ou facelo na inmediata vila de Corcubión. En Cee cómpre visitar a igrexa de Santa María de Xunqueira, do século XVI e con capela maior de estilo gótico.

O itinerario urbano por Cee leva ó peregrino ata o paseo marítimo, e este ata Corcubión. Cómpre visitar aquí, no casco antigo, a igrexa parroquial de San Marcos, orixinalmente románica do século XII, con elementos góticos e moi modificada en séculos posteriores.

Na saída de Corcubión comeza unha curta pero forte pendente ata o campo de San Roque, pasando polo lugar do Vilar, na parroquia de San Pedro de Redonda, onde hai un albergue de peregrinos. Nesta continua sucesión de subidas e baixadas, o camiño volve a descender para chegar ó lugar da Amarela e segue pola beiravía da estrada AC-552 para ir parar á zona das praias de Estorde, de novo e por pouco tempo no concello de Cee para entrar, axiña, no de Fisterra.

O Camiño cruza agora Sardiñeiro, onde pode haber algunha confusión coa sinalización, coa igrexa parroquial de San Xoán, de estilo barroco (s. XVIII). A saída faise polo antigo Camiño Real, que evita camiñar por asfalto pero pronto volve a seguir a estrada. Achégase á praia de Talón e, ó pouco, descende á praia de Langosteira, longa praia de máis de 2 km, de area fina e augas limpas, cara ó interior da ría de Corcubión. Antes de baixar á praia crúzase o lugar de Calcova (na parroquia de San Martiño de Duio).

A ruta percorre de principio a fin a praia de Langosteira. O itinerario oficial, marcado, faino por un sendero tralas dunas pero resulta habitual baixar á area e facer este tramo a pé de praia (mesmo recollendo as cunchas de vieira que aparecerán entre a area). Pasada a praia, déixase atrás o cruceiro de Baixar (do s. XVI) e o barrio de San Roque, para seguir polo paseo marítimo da vila de Fisterra. Chégase así ata a rúa Real, onde se abre o albergue público e onde se pode solicitar a Fisterrana.

Iglesia de Santa María das Areas de Fisterra (5335543116)
Interior da igrexa de Santa María das Areas

Aínda lle quedan ó peregrino uns tres quilómetros de marcha, pois debe continuar ata alcanzar o faro de Fisterra. Trátase, ademais, dun tramo todo costa arriba e todo por asfalto. Na estrada que o leva ata alí ha pasar primeiro por diante da igrexa de Santa María das Areas, cuxa primeira construción se data no século XII con ampliacións posteriores. A carón da igrexa levantouse en 1479 o Hospital de Peregrinos da Nosa Señora do Rosario, do que hoxe apenas quedan restos; e no interior da mesma custódiase a imaxe do Santo Cristo de Fisterra, o Cristo da barba dourada. A lenda conta que a imaxe foi roubada por uns mariños ingleses que non puideron escapar ó verse sorprendidos por unha forte treboada que só calmou cando botaron ó Cristo ó mar e foi rescatado polos mariñeiros do lugar. Tamén se lle atribúe a conversión milagreira duns mouros que desembarcaron alí para profanar o templo. Na igrexa existe unha Porta Santa que no século XV permitía alcanzar indulxencia plenaria ós peregrinos que a cruzaban.

O Camiño continúa cara o sur, ascendendo pola estrada, e pasa xunto un moderno monumento ó peregrino, estatua en bronce dun peregrino desafiando o vento. Tamén se pasa xunto á ermida de San Guillerme, da que só quedan as ruínas no alto do monte Facho. Conta a tradición que alí viviu un tempo Guillerme X, duque de Aquitania, que peregrinara a Santiago en 1137 e terminou morrendo ó chegar á Catedral, dando pé ó Romance de don Gaiferos. Máis probable semella ser que a ermida fose o resultado da cristianización dun lugar de culto pagán relacionado co culto ó sol (Ara Solis). Tamén se relaciona con ritos de fecundidade, conservándose entre as ruínas unha gran lousa na que se deitaban os matrimonios que non conseguían ter fillos. Martín Sarmiento fíxose eco deste costume na súa Viaje a Galicia en 1745: "No hace mucho tiempo, había una pila o cama de piedra en la que se echaban marido y mujer que, por estériles, recurrían al Santo y a aquella ermita". Ó final, a ermida foi derruída no século XVIII.

E, por fin, chégase ó fin do Camiño, onda o faro do cabo Fisterra, no que se sitúa o fito quilométrico dos 0,0 km. O faro foi construído en 1853 e no edificio da base atópase o Centro de Información Turística, tendas para os turistas e bar.

2016. Praia da Langosteira. Fisterra. Galiza-2

Praia de Langosteira

Fisterra, Galiza. 28 Mar 09

Monumento ó peregrino, na subida ó Faro

Fisterra-leuchtturm

Faro de Fisterra

Ermida de San Guillerme (Fisterra)

A cama do santo, na ermida de San Guillerme

Tradicións ó chegar a Fisterra

Cabo Fisterra (4917219884)
Punta do cabo Fisterra, coas pegadas das roupas queimadas polos peregrinos
Ocaso en Finisterre
Solpor en Fisterra

A tradición –probablemente recente- impón certos rituais ó peregrino que chega a Fisterra [24]:

  • Bañarse na praia de Langosteira, pouco antes de entrar no pobo de Fisterra. Trataríase dun rito purificador que limpa o pecado e prepara o peregrino para dar os últimos pasos do Camiño. Este baño purificador é equivalente ó que se daban na Lavacolla os peregrinos do Camiño Francés ou na Ponte do Sar os que viñan pola Vía da Prata. Non se documenta un lugar de lavado ritual coma estes para os peregrinos do Camiño Portugués, pero hai que ter presente que os últimos quilómetros deste Camiño sufriron notables modificacións durante a construción das estradas de acceso a Santiago.
  • Queimar a roupa que vestía ata ese momento, tamén coa mesma intención purificadora e de renuncia a todo o material; outros reducen esta quema ás botas ou ó calzado que se utilizara ata chegar alí. Esta práctica está prohibida, pois xa provocou máis dun incendio no mato existente na zona, pero recentemente se construíu un pequeno espazo acoutado a modo de queimadeiro para poder realizar este ritual con seguridade para o entorno[25].
  • Contemplar o solpor, como símbolo místico e máxico da morte e resurección do sol no océano.

Algúns engaden tamén a obriga de asistir a misa, esixible só ós peregrinos que fixeran o Camiño por motivos relixiosos.

Fisterrana e Muxiana

Como xa se dixo, o peregrino que fai o Camiño ata Fisterra ou Muxía non recibirá a Compostela pero, no seu lugar, os concellos destas dúas localidades estableceron hai anos unha acreditación similar que certifica que o peregrino fixo esta ruta.

O concello de Fisterra creou en 1997 a Fisterrana, unha certificación oficial que se concede no Albergue da localidade, acreditando que o peregrino chegou ó fin da terra. Pola súa banda, o concello de Muxía creou en 2002 outra certificación equivalente, a Muxiana, que se concede na Oficina de Turismo local ou na Casa da Cultura.

Para xustificar a realización do Camiño, o peregrino deberá presentar a credencial cuñada nas distintas etapas, nas igrexas parroquiais, albergues, bares ou outros lugares, tal como se esixe nos outros Camiños cara Santiago. Como credencial do peregrino vale a utilizada nos outros camiños ou outros formatos que imprimen os concellos polos que transcorre o itinerario.

Parece ser que existe unha relación temporal entre a creación da Muxiana e a catástrofe do petroleiro Prestige, no sentido de que a sona nacional e internacional que adquiríu Muxía daquela trouxo consigo unha masiva chegada de voluntarios que querían axudar na limpeza da costa, e de peregrinos que desexaban coñecer o lugar e colaborar naquelas tarefas de limpeza. Nesta liña, a Muxiana servía para organizar un sistema de rexistro destes visitantes para poder darlles unha atención adecuada [26].

Notas

  1. "A igrexa compostelá mirou nalgúns momentos con receo o feito de que os peregrinos continuasen viaxe a Fisterra e Muxía, trala estancia en Santiago" (Manuel F. Rodríguez: Santiago de Compostela para los peregrinos. Guía secreta. Bolanda ediciones, 2014, px. 178). Así, a Xacopedia dálle o nome de Camiño de Fisterra y Muxía pero tamén recolle as denominacións de Prolongación del Camino a Fisterra y Muxía, Prolongación Jacobea a Fisterra y Muxía e Prolongación Jacobea a Finisterre. Outras fontes, como Vivecamino.com (de La Voz de Galicia) dálle soamente o nome de Camiño de Fisterra-Muxía, o mesmo que fai caminodesantiago.gal (da Xunta de Galicia); os folletos turísticos editados pola Xunta de Galicia tamén utilizan sempre a denominación Camiño de Fisterra-Muxía. Finalmente, a web consumer.es denomínao unicamente Epílogo a Fisterra y Muxía.
  2. Xacopedia, consultado o 14.01.2017.
  3. Manuel F. Rodríguez: Santiago de Compostela para los peregrinos. Guía secreta. Bolanda ediciones, 2014, px. 178.
  4. As distancias do Camiño e de cada etapa son diferentes segundo a Guía que se consulte. Os fitos quilométricos oficiais, que comezan na carballeira de San Lourenzo, xa á saída de Santiago, indican desde ese punto 88,139 km no primeiro caso, e 86,337 km no segundo
  5. O primeiro albergue, en Fisterra, abreu en 1977; en 2001 abriron dous en Negreira e Olveiroa; en 2004 outro en Corcubión; en 2007 en Muxía; en 2008, dous en Fisterra; e en 2009 un en Mazaricos (Consumer.es)
  6. Tres en Negreira, un en Vilaserío, un en Cee, outro en Dumbría e dous en Fisterra (Consumer.es)
  7. Vivecamino.com.
  8. Que recollía os peregrinos mortos no, daquela, Hospital Real.
  9. As marcas de propiedade son inscricións ou gravados feitos no lintel ou na xamba da porta das casas para identificar a propiedade sobre o edificio. Nesta rúa pódese ver a cuncha de vieira, sinal de propiedade do Cabido catedralicio, o piñeiro do Mosteiro de San Martiño Pinario, a cruz potenzada do Hospital Real, etc. Para máis información ver aquí.
  10. Recoméndase que os ciclistas fagan este tramo por estrada, porque o firme do camiño é moi pedregoso e, de haber chuvias, pode ter moita lama
  11. O historiador local, Amancio Liñares, nega que esta fose a ponte do milagre, e asegura que en realidade sería a Ponte Pías, entre as parroquias de Ons, no concello de Brión, e Logrosa, no de Negreira. Desta ponte xa non quedarían restos visibles. Pode verse a explicación neste vídeo de La Voz de Galicia, publicado o 26.06.2013.
  12. Refírese ó paso polo mar Roxo.
  13. Desde os 164 m sobre o nivel do mar de Negreira ata os 410 m do monte que precede a Vilaserío.
  14. Páxina web do concello de Santa Comba.
  15. Este lugar está a varios quilómetros ó norte do itinerario actual.
  16. Trátase doutra localidade dividida administrativamente en dous concellos: A Ponte Olveira de Mazaricos, e A Ponte Olveira, de Dumbría.
  17. A escasos 300 m ó suroeste do lugar atópase o castro do Logoso, do que se podería derivar o topónimo do concello, Dumbría "El castro de O Logoso y el origen del topónimo Dumbría".
  18. Cómpre advertir que desde o lugar de Hospital e ata Cee ábrese un tramo duns 14 km nos que o peregrino non vai atopar ningún establecemento de restauración Vivecamino.com.
  19. O bispo Mártir, peregrino armenio que en 1489-1496 veu a Santiago e continuou ata Fisterra, describiuno por vez primeira como un animal salvaxe moi grande e maligno. Conta tamén que os nativos do lugar, "comedores de peixe e falantes dunha lingua que non entende" se marabillaban ó ver que o bispo puido pasar san e salvo cando compañías de numerosas persoas non o conseguiran (Xoán R. Cuba e outros: Dicionario dos seres míticos galegos, Xerais 2008, 247.)
  20. E así o recolleu o coengo da catedral de Santiago, Jerónimo del Hoyo en 1607 (Memorias del Arzobispado de Santiago): "Hay una ermita de Nuestra Señora de la Fuente Santa por la que tiene muy buena y grande fuente; un poco más abajo posee una gran pila redonda... " [1] Arquivado 31 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine..
  21. El Camino de Santiago desde Asturias.
  22. Vivecamino.com.
  23. O cruceiro está a uns 100 m do Camiño e desde alí pódese contemplar unha ampla vista da Costa da Morte.
  24. [2] [3]
  25. El Camino de Santiago desde Asturias.
  26. Xacopedia: Muxiana.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

A Ponte Olveira, Olveiroa, Dumbría

A Ponte Olveira é un lugar da parroquia de Olveiroa no concello coruñés de Dumbría na Comarca de Fisterra. Segundo o Instituto Nacional de Estadística en 2009 tiña 28 habitantes (15 homes e 13 mulleres).

Ano Santo Xacobeo

O Ano Santo Xacobeo, tamén chamado Ano Santo Compostelán, é unha celebración católica que ten lugar en Santiago de Compostela os anos que o 25 de xullo, festividade do Apóstolo, cae en domingo. Isto acontece cunha regularidade de 28 anos de 6-5-6-11 anos, o que supón que en cada século haxa catorce Xacobeos.

Camiño Francés

O Camiño Francés ou Camiño Real é a ruta principal entre as distintas variantes que ofrecen os Camiños de Santiago. Recolle os peregrinos procedentes de Europa e percorre o norte da península desde Roncesvalles (Navarra) ou Somport (Huesca) ata Santiago de Compostela. No seu percorrido vai acollendo outras vías que conflúen nesta en diferentes puntos; esta imaxe de diferentes camiños confluíndo nun mesmo destino final quérese ver representada na figura da vieira como símbolo do Camiño.

Pode considerarse como o Camiño de Santiago por antonomasia por ser, con diferenza, a vía máis frecuentada dos diferentes Camiños: en 2016 foi a vía escollida por 176.329 peregrinos rexistrados pola Oficina do Peregrino (un 63,38% do total); en segundo lugar, moi lonxe, estaría o Camiño Portugués, cunhas porcentaxes do 16-18%.. Tamén é a vía mellor sinalizada e a que conta cun maior número de albergues ó longo do seu percorrido.

Como o resto dos Camiños, tivo numerosas ramificacións e rutas alternativas polas que os peregrinos buscaban achegarse ós distintos santuarios que existían ou se foron construíndo ó longo do Camiño ou, simplemente, optar por rutas máis seguras ou máis cómodas.

A Historia Compostelá, escrita pola contorna do bispo Diego Xelmírez a partir do ano 1109 recolle a primeira referencia documentada sobre o número de peregrinos que ían cara a Santiago. Relata o asombro do emir Alí ibn Yúsuf (1083-1143) cando, na súa viaxe a Galicia para falar coa raíña Urraca, observou a marea de peregrinos e preguntou:

O Camiño de Santiago Francés foi declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1993, ampliado ás rutas francesas en 1998. Tamén fora declarado o 23 de o utubro de 1987 "Primeiro Itinerario Cultural Europeo" polo Consello de Europa e está recoñecido como a Rúa Maior de Europa.

Camiño Inglés

O camiño inglés é a vía do camiño de Santiago usada polos peregrinos procedentes das Illas Británicas e doutros portos do norte de Europa, que chegaban ós portos da Coruña e Ferrol para emprende-lo camiño rumbo sur cara a Santiago de Compostela.

Camiño Portugués

Baixo a denominación de Camiño Portugués agrúpanse distintas vías do Camiño de Santiago que, con orixe en Portugal, van cara a Santiago de Compostela. Tradicionalmente, descríbense dúas rutas principais que ascenden desde o sur de Portugal, unha pola costa desde Lagos a Lisboa, Coímbra e Tui; e outra polo interior desde Faro a Évora, Chaves e Verín. Estas dúas rutas principais presentan numerosas variantes locais e comunicacións entre unha e outra formando unha rede de Camiños interconectados cara ao norte. En consecuencia, o acceso a Galicia faise por Valença do Minho a Tui ou por Braga a Ourense, sendo a primeira alternativa a máis utilizada, con diferenza, e a que, xa en Galicia, recibe oficialmente o nome de Camiño Portugués. Mesmo existe unha terceira variante que entra por Caminha á Guarda e ascende pola costa de Pontevedra, que recibe o nome de Camiño Monacal en referencia ó mosteiro de Oia, por onde pasa.

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués comezou a sinalizar e cartografar o Camiño Portugués en 1993, desde Tui. Membros desta asociación cifraban en 500 peregrinos anuais os que seguían esta ruta nos seus inicios, experimentando desde hai anos un crecemento progresivo ata alcanzar os 52.000 do ano 2016, o que o converteu na segunda ruta Xacobea en importancia, aínda que a gran distancia do Camiño Francés. Segundo a Oficina do Peregrino, nos últimos anos accederon a Santiago polo Camiño Portugués un número crecente de peregrinos: 35.494 en 2014 (un 14,92% do total de peregrinos por tódolos camiños), 43.158 en 2015 e 52.190 en 2016., fronte ós 176.329 que chegaron polo Camiño Francés en 2016 (o 63,38% do total). Canto á nacionalidade dos peregrinos, os portugueses representan ó redor do 5% e manteñen ano tras ano un cuarto posto, por detrás de españois (ó redor do 50%), alemáns (8%) e italianos (6,5%).

Para mellorar e aumentar o atractivo desta ruta, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e mais os doce concellos polos que transcorre o Camiño acordaron en 2014 crear unha mesa de seguimento para analizar os problemas detectados, afrontar labores de mantemento e deseñar medidas para potencialo. En setembro dese mesmo ano comezaron os traballos de limpeza e sinalización, cun orzamento dun millón de euros.

Camiño Primitivo

O Camiño Primitivo ou Ruta Xacobea Primitiva, un dos diferentes Camiños de Santiago, comunica a cidade de Oviedo con Santiago de Compostela, cun percorrido total de 343 km . A Xunta de Galicia dálle tamén o nome de Camiño de Santiago do Norte-Ruta Interior .

O cualificativo de Primitivo débese a que foi a ruta utilizada no século IX polo rei Afonso II de Oviedo (Afonso II o Casto) cando coñeceu a noticia do descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago. Trala visita ó sepulcro e a confirmación real de que se trataba dos restos do Apóstolo, mandou construír unha capela no lugar que, tras sucesivas reformas e reconstrucións, converteuse na actual Catedral de Santiago. En conmemoración deste feito, no ano 2010 colocouse na catedral de Oviedo unha placa con esta inscrición:

A maiores, outorgou doazóns e promoveu a creación dunha comunidade monástica que atendese a nova igrexa de Santiago e fomentou, a partir de entón, as peregrinacións ó Apóstolo.

Ata que ben entrado o século X non se asegura a conquista do norte da península, o Camiño Primitivo foi o itinerario seguido polos peregrinos do norte español e europeos. A partir dos séculos X e XI foi entrando en declive ó ser substituído polo Camiño Francés. Aínda así, mantivo sempre certa relevancia polo interese dos peregrinos en visitar as reliquias da catedral de Oviedo: moitos dos que viñan polo Camiño Francés se desviaban en León para visitar a catedral do Salvador e recuperaban logo a peregrinación a Santiago seguindo o Camiño Primitivo, como recolle o dito popular Quen vai a Santiago e non ó Salvador, serve ó criado e esquece ó Señor. Tamén se deu a alternativa de tomar esta desviación no camiño de regreso desde Santiago.

Con este Camiño Primitivo enlazan o Camiño do Norte, que viña de Irún a Santiago bordeando a costa cantábrica, e o Camiño de Santiago Real, que subía desde León ata Oviedo.

Nos últimos anos, os gobernos asturiano e galego esforzáronse en crear e manter camiños para os peregrinos así como na sinalización e na dotación de albergues. Aínda así, estes últimos son escasos (1-2 cada tramo de 15–25 km) excepto o comprendido entre Lugo e Melide.

O número de peregrinos que percorre esta ruta é reducido aínda que se observa un leve incremento ano tras ano. Segundo as estatísticas publicadas pola Oficina do Peregrino, ocupa o cuarto lugar en número de peregrinos, con 12.098 en 2016 .

Camiño de Pequena Polonia

O Camiño de Pequena Polonia (Ruta Xacobea de Pequena Polonia ou Camiño Małopolska) son as vías do Camiño de Santiago que dende Polonia van cara a Santiago de Compostela. O camiño vai dende Sandomierz e pasa por Klimontów, Kotuszów, Szydów, Szczaworyż, Wiślica, Pałecznica, Niegardów, Więcławice, Cracovia. De Cracovia pode ir a Sanka, Oświęcim e, finalmente, á fronteira coa República Checa.

Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.

Camiño do Norte

O Camiño do Norte ou ruta da costa é un dos diversos Camiños de Santiago polo que os peregrinos percorren a península para render culto ó Apóstolo. Este itinerario percorre todo o norte peninsular, bordeando a costa cantábrica, desde Irún ata Ribadeo, para logo entrar en terras galegas cara a Santiago, enlazando co Camiño Francés en Arzúa. Presenta, como é habitual nos Camiños de Santiago, numerosas rutas alternativas dentro do mesmo itinerario así como conexións co Camiño Francés desde distintas localidades.

Recollía, fundamentalmente, os peregrinos que viñan de Europa pola costa occidental francesa e mais os que viñan en barco desde Inglaterra ou distintos puntos da Europa setentrional e desembarcaban en Bordeos, Bermeo, Donostia, Santander ou Xixón, entre outros portos cantábricos. Estes peregrinos, unha vez en terra, seguían o itinerario do Camiño do Norte ou descendían perpendicularmente para enlazar co Camiño Francés: desde Irún a Burgos (Camiño Vasco do Interior), desde Torrelavega a Aguilar de Campoo e Carrión de los Condes ou desde Oviedo a Lugo e Palas de Rei (Camiño Primitivo). Á súa vez, a ruta cantábrica recollía peregrinos que viñan polo Camiño Francés e, desde León, ascendían a Oviedo polo Camiño Real, para visitar a catedral de San Salvador e seguir logo a peregrinación cara a Santiago polo Camiño do Norte.

Entre outros peregrinos célebres que fixeron este itinerario no seu camiño cara a Santiago podemos citar a Francisco de Asís, de quen a tradición conta que fixo a viaxe en 1214; o astrónomo veneciano Bartolomeo Fontana, que o fixo entre 1538 e 1539; ou Filipe I, xa no século XVI.

Segundo a Oficina do Peregrino, o Camiño do Norte ocupa o terceiro lugar en número de peregrinos, con 17.312 en 2016, observando un incremento nos últimos anos .

O Camiño do Norte percorre, bordeando a costa, as provincias de Guipúscoa, Biscaia, Cantabria e Asturias. Entra en Galicia por Ribadeo e pasa por Mondoñedo, Vilalba, Sobrado e conflúe co Camiño Francés en Arzúa.

Como acontece con outras rutas, as distintas guías e fontes que se poden consultar difiren -lixeiramente- en canto o itinerario a seguir, sendo maiores as diferenzas no número e distancia das etapas nas que dividen o Camiño. No presente artigo seguiremos a distribución proposta pola Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, que divide o Camiño en 32 etapas (ata Arzúa). Todos coinciden en que non sofre a masificación do Camiño Francés pero, como consecuencia, a infraestrutura está moito menos dotada en canto á sinalización, mantemento dos camiños e albergues de peregrinos (en número e capacidade).

Códice Calixtino

Este artigo trata sobre o códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, para o libro de poemas de Luz Pozo Garza véxase Códice Calixtino.

O códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus e en galego como Libro de Santiago ou máis comunmente como Códice Calixtino é un conxunto de textos reunidos en Santiago de Compostela nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do papa Calisto II. É o libro referecial do mundo xacobeo e o máis antigo centrado exclusivamente nesta temática.O exemplar máis antigo, datado entre 1150 e 1160, consérvase na catedral de Santiago de Compostela e é copia dun exemplar modelo. A copia que realizou o monxe Arnaldo de Monte en 1173 coñécese como manuscrito de Ripoll e consérvase actualmente en Barcelona.

Parte do manuscrito traduciuse ao galego no primeiro terzo do século XV, coñecido como Miragres de Santiago, recolle partes da Historia Karoli e da Guía do Peregrino. En 2010 publicouse a primeira tradución íntegra ó galego, da man de Xosé López Díaz, editada por Xosé Fernández Puga, director d'A Nosa Terra e ilustrada por Francisco Leiro, se ben xa se realizaran outras traducións parciais do libro anteriormente, como a editada pola editorial Xerais co gallo do Xacobeo do ano 1993 e que consistía nunha tradución ao galego do Libro V e se ocupaba da parte referida á peregrinación e da cal se lanzaron dúas edicións, mais foi descatalogada no 2008 pola editorial.O Códice Calixtino imprimiuse por vez primeira en 1882, nunha edición feita por Fidel Pita. Foi restaurado en 1966 e volvéuselle engadir o Libro IV que estaba fóra do manuscrito dende 1609.

O exemplar máis vello foi roubado da catedral de Santiago de Compostela en xullo de 2011. O martes, día 5 de xullo foi cando os responsables do libro se decataron da súa falta. Foi recuperado un ano despois en bo estado de conservación.

Pelegrín

Pelegrín foi unha mascota galega empregada para promocionar o camiño de Santiago e o Ano Xacobeo. Foi a mascota oficial do camiño entre o Ano Xacobeo de 1993 e o de 2004. É un boneco que leva un bordón con cabaza, dous dos elementos distintivos dos peregrinos.

Pere Tobaruela

Pere Tobaruela Martínez, nado en Barcelona o 14 de novembro de 1965, é un escritor en catalán e en galego.

Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla

A Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea conmemora a chegada por mar do corpo do apóstolo Santiago a Galicia, logo do seu martirio en Xerusalén; ordenou Herodes Agripa I a súa decapitación no ano 44.

A antiga lenda xacobea, recollida nos textos medievais, relata que tralo martirio algúns discípulos de Santiago recolleron o seu corpo decapitado e trasladárono a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia. A travesía fixérona na célebre "barca de pedra"; a tradición conta que foi no Pedrón, unha ara romana dedicada a Neptuno, onde se amarrou a barca do Apóstolo logo da longa viaxe.

Os dous discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e Atanasio, tiveron que andar espelidos para se enfrontar á obstinación da raíña Lupa e a furia dos lexionarios romanos acantoados na cidade de Dugium (preto de Fisterra). No carro de bois que portaba o corpo do Apóstolo, vencidos os perigos, seguiron o seu camiño ata soterraren os seus restos no monte Libredón (Santiago de Compostela).

A conmemoración anual da Translatio Xacobea a través da ría de Arousa, promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, celébrase a finais de xullo ou principios de agosto. Non se lle outorga ó peregrino a Compostela trala realización do percorrido, no canto obtense o Diploma Traslatio Xacobea.

Vía Lemovicensis

A vía Lemovicensis (ou vía do Limousine ou vía de Vézelay) é o nome latino dun dos catro camiños franceses da peregrinación a Santiago de Compostela. A vía pasa por Limoges, de aí o seu nome, mais o verdadeiro lugar de xuntanza e partida é a abadía de La Madeleine en Vézelay. Atravesa o país de etapa en etapa até a localidade de Ostabat, onde se funde coa vía turonensis. O camiño pasa na súa primeira sección por Bourges e Châteauroux. Existe, porén, unha variante máis ao sur por Nevers.

Vía da Prata

A Vía da Prata é unha ruta cultural e histórica de orixe incerta que unía Mérida, capital da Lusitania, con Astorga, capital da Gallaecia astur. Actualmente [cando?] promocionouse unha ruta turística que arrinca de Sevilla e chega ata Xixón.

Un gamallo desta ruta constitúe, cara á actual Galicia, unha das rutas do camiño de Santiago, recoñecida oficialmente pero pendente de delimitación. Desde Chaves entra en Galicia cara a Verín. En Monterrei divídese, cun camiño cara a Xinzo de Limia e outro cara a Laza, para se xuntaren despois de novo.

Do seu interese cultural fala a presenza no seu traxecto de cidades Patrimonio da Humanidade, como Salamanca ou Zamora.

Vía tolosana

A vía tolosana é o nome latino dun dos catro camiños franceses da peregrinación a Santiago de Compostela, a situada máis ao sur. Pasa pola cidade de Tolosa, da cal toma o seu nome, mais o punto de xuntanza e de partida estaba en Arles. Atravesa o país de etapa en etapa e franquea os Pireneos polo paso de Somport. Xa do lado español, o camiño continúa con o nome de Camiño aragonés até a etapa de Puente la Reina, onde se efectúa a unión con o Camiño navarro, que non é senón a prolongación doutros camiños procedentes de Francia. Desde aí, o camiño cara a urbe compostelá prosegue baixo a denominación de Camiño francés.

Xubi

Xubi é unha mascota galega empregada para promocionar o camiño de Santiago e o Ano Xacobeo. Foi creada en 2010 cando substituíu a anterior mascota, Pelegrín.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.