Cambados

Cambados é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2015 tiña 13.895 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cambadés[5][6].

Limita cos concellos de Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meaño e co océano Atlántico.

Coordenadas: 42°30′55″N 08°48′53″O / 42.51528, -8.81472

Cambados
Bandeira de Cambados
---
Escudo de Cambados
Cambados.jpeg
Panorámica da vila
Situacion Cambados
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca do Salnés
Poboación13.814 hab. (2018)
Área23,4 km²
Densidade590,34 hab./km²
Entidades de poboación5 de parroquias
Política (2019[2])
AlcaldesaFátima Abal Roma (PSdeG[3])
ConcelleirosBNG: 2
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 4
Outros: Somos Cambados-Mareas Locais 3, CAMBA PODE 1
Eleccións municipais en Cambados
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes57,87%
Na rede
http://www.cambados.gal/
contacto@cambados.es

Historia

Sobre a orixe do seu nome hai varias teorías (todas precientíficas). Unha di que este nome é debido aos descendentes da familia Camba; outra, que se debe aos celtas, de Cambrae (Cambra, berce). Unha terceira di que deriva dos vocábulos cam (lago) e bados (casa). Calquera que sexa verdade, o certo é que hai vestixios de poboados nos seus montes e bosques, nas proximidades dos ríos e o mar, nos séculos VI e V a. C.

Posteriormente, ao igual que toda a costa galega, foi explorada polos fenicios en busca de cobre e estaño, como o testemuña a torre de Lobeira, que desempeñou funcións de faro para a navegación destes comerciantes, establecidos na desembocadura do Umia, onde tamén aproveitaron as riquezas salinas das terras do Salnés.

Na dominación romana, dende a zona de Cambados organizáronse loitas contra o invasor. Exemplo diso foron as loitas contra o procónsul Décimo Xunio Bruto, co cal se chegou a firmar un tratado, aínda que posteriormente este procónsul arrasou a zona, perdendo esta unha gran parte da súa importancia.

O rei godo Éxica designou ao seu fillo Witiza, futuro sería rei dos Godos, como Gobernador de Galicia. Durante o seu goberno concedeu grandes privilexios a Cambados.

Cambados Galicia 23
Praza de Alfredo Brañas.

Na invasión árabe, Abdelaziz entrou en Galicia atacando Lugo, Tui, Ourense e Cambados; posteriormente, Froila I, fillo de Afonso I, vénceos á beira do Umia. Nas continuas razzias dos árabes polo norte da Península Ibérica e durante o século seguinte, entre os anos 816 e 821, seguiron atacando as poboacións galegas; na segunda destas datas, o Rei Afonso I o Casto derrótaos e despois de iso, Cambados buscando unha protección, faise feudo do bispado de Tui, xa que pertencera ao seu antigo dominio (Tudem Graviorum).

Durante os séculos IX e X, Cambados foi tamén vítima, como case toda a costa galega, das correrías e tropelías dos normandos.

Fernando II, Rei de León, en 1170 deulle o título de "Moi Real Vila" e confirmoulle os privilexios que Witiza lle concedera.

No século XII o núcleo máis antigo de Cambados, denominado Vila Vella, estaba constituído por San Tomé xunto con Santa Mariña. Diego Xelmírez incorporou a vila ao bispado de Compostela. No século seguinte e por aforamento, pasou a ser señorío de Paio Gómez Chariño e durante moitos anos estivo vinculada á casa de Soutomaior e Chariño, e tamén aos condes de Castronuevo e Villaumbrosa.

Durante o levantamento dos Irmandiños, únense as forzas das súas parroquias, que actuaron polas zonas limítrofes, chegando ata Ponte Sampaio.

Os Reis Católicos concederon tamén privilexios a Cambados polos seus merecementos e valor na conquista de Granada, eximíndoa de moitos tributos que estaban obrigados a pagar ao Arcebispo Compostelán.

O 25 de setembro de 1484, a raíña Isabel deu orde de restituír ao Conde de Caminha, os seus lugares de Cambados e Nogueira.

A zona de Cambados fora doada primeiramente ás Ordes do Temple e do Santo Sepulcro e posteriormente á de San Xoán de Xerusalén, aforándoa estas Ordes ás Casas de Soutomaior e de Ulloa, pasando despois á Casa de Monterrei e desta á de Alba.

Filipe IV concede unha cédula para que non se leven mariñeiros de Santo Tomé para a súa Real Armada, posto que estes han de defender esta vila dos ataques dos piratas.

En 1709, o señorío e xurisdición de Santo Tomé e Santa Mariña pasan por venda do IV Conde de Castronuevo ao I Marqués de Montesacro.

Durante a Guerra de Independencia, os veciños de Cambados actuaron continuamente acosando ás divisións dos Mariscais Soult e Ney, contribuíndo así á derrota dos franceses.

En 1820 naceu o concello de Cambados, cabeza de partido xudicial, integrando a totalidade do territorio actual e mailo de Ribadumia. Segregáronse en 1841 este concello e tamén a parroquia de Deiro, incorporada ao concello veciño de Vilanova de Arousa. Cambados mantivo a capitalidade de partido xudicial.

Demografía

A vila ten unha poboación de 13.895 habitantes (2015)[7].

Censo total 2015 13.895 habitantes
Menores de 15 anos 2.071 (14.9 %)
Entre 15 e 64 anos 9.030 (64.99 %)
Maiores de 65 anos 2.794 (20.11 %)
Evolución da poboación de Cambados   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
5.603 6.956 9.290 12.628 13.564 13.872 13.946 13.898 {{{13}}} {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Cambados II

Goberno e política

Artigo principal: Eleccións municipais en Cambados.
Cambados Galicia 18
Casa do Concello

Na actualidade, a alcaldesa do concello de Cambados é Fátima Abal Roma do Partido Socialista Obrero Español, quen substituíu no 2015 a Luis Aragunde Aragunde, do Partido Popular, quen substitiui en 2009 no cargo ao alcalde electo nas Eleccións Municipais de xuño de 2007, José Manuel Cores Tourís, tras ser nomeado este último Delegado Territorial da Xunta de Galicia para a provincia de Pontevedra. Nas seguintes eleccións municipais (2011), Luís Aragunde foi elixido alcalde por maioría absoluta. Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do PP e do PSOE, son o BNG con Víctor Caamaño Rivas e ANOVA-Irmandade Nacionalista que formalizou a súa creación neste Concello[8] no 2013.

O concello de Cambados estrutúrase en diferentes concellerías: de cultura e normalización lingüística, de servizos municipais: deportes, mocidade, transportes e alumeado público; de medio ambiente; de benestar social e participación cidadá, de promoción económica, turismo e comercio e policía local; e de obras. O concello celebra plenos ordinarios cada dous meses, ademais de celebrarse algún pleno extraordinario, coa fin de debater temas e problemas que afectan ao concello.

A xunta de goberno, presidida polo alcalde, está composta actualmente polos 11 concelleiros do PP. A corporación municipal está formada por 17 membros, 11 do PP, 3 do BNG e 3 do PSOE.

Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[9]
Partido Votos % Concelleiros
PP 4.279 47,47 % 9
PSOE 2.488 19,68 % 5
BNG 1.774 8,71% 3
Eleccións municipais, 22 de maio de 2011[10]
Partido Votos % Concelleiros
PP 5.208 60,23% 11
BNG 1.742 20,15% 3
PSOE 1.385 16,02% 3

Lugares de interese

  • Torre de San Sadurniño: A torre atópase na illa de Figueira, que pertence ao concello de Cambados. A torre foi construída na praia da Mouta no século X co obxectivo de defender a ría de Arousa dos ataques viquingos.
  • Pazo de Bazán: As súas orixes remóntanse á primeira metade do século XVII. Hoxe é o Parador nacional do Albariño. A primitiva condición da casa, coa súa torre, patios, solainas, plazuelas e capela, perdeuse a mediados do século XVIII, quedando convertida nunha estancia de recreo.
  • Ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo: As ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo, en Cambados, son os restos que quedan dunha igrexa gótica construída no século XV por dona María de Ulloa, señora de Cambados e nai de Alonso III de Fonseca, sobre unha edificación románica do século XII. Desde 1943 é Monumento Histórico-Artístico.
  • Ermida da Pastora: Moi próxima ás ruínas de Santa Mariña, no monte da Pastora. Foi construída a finais do s. XVI e posta baixo a advocación do Bo Xesús e a Virxe das Neves, esta última substituída pola Virxe da Pastora no s. XVIII . Acolle no seu interior a imaxe sedente da virxe, artisticamente meritoria e de valioso policromado.
  • Pazo de Montesacro: Atópase no lugar de San Tomé do Mar en Cambados. As orixes do pazo remóntanse ao século XVIII. O inmoble edificouse por orde dos marqueses de Montesacro. O inmoble forma un só corpo coa capela, acaroada ao extremo dereito do edificio. Interiormente foi adaptado para o seu actual destino, consérvanse os seus suntuosos salóns e a súa escaleira nobre.
  • Pazo de Fajardo: O pazo atópase no n.º 11 da praza do Rollo, con fachada posterior á rúa Infantes. Aínda que é de propiedade privada pódese apreciar desde calquera destas dúas localizacións. As orixes do inmoble remóntanse ao século XVII. Segundo despréndese da súa árbore xenealóxica, as orixes desta casa están relacionadas coas familias de Acuña Malvar e Fajardo. O derradeiro dono da casa por liña herditaria foi Xulio Ricoy e Rodríguez Fajardo, de quen a adquiriu, entre 1914 e 1918, o avogado de cambados Juan Salgado, cuxos herdeiros habítano na actualidade.
  • Pazo de Molto: Desde o centro de Cambados, accedese por esta nobre rúa á vila mariñeira de San Tomé. Mantense como unha das vías principais para achegármonos a diferentes lugares que forman parte do Conxunto-Histórico de Cambados. Nesta rúa peonil aínda se conserva o frescor da pedra de tempos pasados. O pazo de Molto, antigo Hospital Real do século XVI, acollía ós enfermos diagnosticados de peste. Ostenta na súa fachada o escudo de armas dos Fonseca, dos Castro e dos Valladares.
  • Capela do Hospital: tamén denominada da Purificación por consagrarse noutrora os apestados. Reformada no s. XVIII, consta de nave e cruceiro, e unha soa torre. Recibiron sepultura no seu interior os restos mortais de Josefa Ozores de Saavedra, nai do Conde Amarante.
  • Pazo das Quintáns: Atópase na parroquia de Santa Cruz de Castrelo. Trátase dunha casa grande de planta en escuadra, con ás moi curtas, nas que destacan a porta de arco de medio punto, a escalinata e o escudo. A leira, con hórreo e pombal en ruínas, reparte as súas sete hectáreas entre pastos, plantación de uva albariño e piñeiral.
  • Casa reitoral: Edificio do século XVIII que ten a peculiaridade de estar situado lonxe da igrexa parroquial.
  • Mosteiro de San Francisco: Fundado por D. Juan Daval e Dª. María Pérez en 1588, baixo a advocación da Immaculada Concepción. Mantívose como convento franciscano ata 1835, ano en que, con motivo da desamortización, converteuse en igrexa parroquial, substituíndo a “desteitada” igrexa de Santa Mariña. De estilo gótico mariñeiro, presenta, así mesmo, trazos renacentistas. Caracterízase pola súa planta alongada, dunha soa nave, sen cruceiro e dúas capelas ó lado do Evanxeo. Destaca na súa fachada un escudete coas cinco chagas franciscanas, os relevos dos fundadores, as figuras de Adán e Eva, e o escudo dos Figueroa.
Pazo de Ulloa
Pazo de Ulloa.
  • Pazo de Ulloa: Construído a finais do s. XV, sobre o terreo que albergaba a antiga morada de D. Lope Sánchez de Ulloa, coñecida como “a Casa dos Pazos”. Foi residencia de María de Ulloa, a súa filla, e dos descendentes desta, D. Diego de Acevedo, militar, e D. Alonso Fonseca III, arcebispo de Santiago e de Toledo, e un dos impulsores da Universidade de Santiago de Compostela. No s. XVIII foi ampliado e reformado na estrutura que hoxe presenta, agás un recente engadido do s. XX. É de admirar un elegante e ladeado escudo, no que se atopan as armas dos Acevedo, os Ulloa, os Fonseca e os Castro.

Museos

Pazo de Torrado, Fefiñáns, Cambados
Pazo de Torrado, sede da Fundación Plácido Castro.
  • Pazo Torrado. Museo das Rutas do Viño.
  • Casa do Pescador.
  • Museo Muíño das Mareas A Seca.
  • Museo Etnográfico do Viño.
  • Casa-Museo Ramón Cabanillas: Casa natal de Ramón Cabanillas, escritor galego nado no barrio cambadés de Fefiñáns. O inmoble é unha pequena edificación mariñeira, rehabilitada en 1990 pra ser transformada en Casa-Museo.

Gastronomía

  • Festa do albariño: 1º domingo de agosto, esta é unha festa de Interese Turistico Nacional, a que acoden cada ano arredor de 150000 visitantes.
  • Festa da Vieira: en setembro [11].
  • Festa dos Pezuños de Porco: en outubro

Comunicacións

As principais vías de comunicación do concello son as estrada C-550, de Pontevedra a Fisterra, e a autovía do Salnés AG-41, que conta cun desvío até este concello e enlaza coa Autoestrada do Atlántico (AP-9), que une A Coruña con Vigo. Ademais diso, unha pequena rede de estradas locais comunica as distintas entidades de poboación entre si.

Cambados na cultura popular galega

Cambados ten unha curiosa etimoloxía popular, que recolleu Álvarez Blázquez do seguinte xeito [12]: cando os romanos chegaron a Galicia, un dos seus barcos perdeuse entre a brétema da Ría de Arousa. Os tripulantes sentían que estaban cerca da costa pero non vían nada nin atinaban co rumbo. Por iso, para atopa-lo camiño, botaron ó mar un canciño que levaban a bordo e animárono a que nadase cara á costa, cos berros de Can, vade; can, vade ("can, vai", "anda canciño", en latín). E foron seguíndoo ata que, ó cabo, o can chegou á terra firme, que os mariñeiros bautizaron deste xeito: "Can-vade", que o paso do tempo mudou a Cambados.

En distintos cruceiros de Cambados hai a tradición de levar os meniños que se atrasaban en empezar a andar ou falar, así como os tatexos. Tiña que ser ás 12 do mediodía e había que dar voltas ó cruceiro, sen falar, mentres as campás tocaban a oración. De aí as oracións: As doce a dar, meniño a andar ou Campá a tocar, meniño a andar.

Refraneiro
  • Se de rico te queres volver probe sal de Cambados e métete no Grove.
  • Se queres amolar a un probe sácao de Cambados e méteo no Grove.
  • Se queres foder a un probe, sácao de Cambados e cásao no Grove.
Cantigueiro
  • As nenas de Vilariño,/ non é unha que son todas,/ levan tres pares de medias/ pra facer as pernas gordas [13].
  • Cambadesa, por te ver,/ pasei o mar de Cambados/ a piques de me perder [14].
  • Cambados, porto de cabras,/ e Fefiñáns de cabritos,/ Santo Tomé de cabróns,/ mira que tres lugaritos [15].
  • Cambados, vello Cambados,/ os mozos téñenche medo/ van a ti con peito ledo/ e volven enamorados [16].
  • Eu pasei por Vilariño,/ por Vilariño cantando,/ as mozas de Vilariño/ quedan no río lavando [17].
  • Ai, que rapaciña!/ Que bonita é!/ Non hai outra en Cambados que baile tan ben,/ Que baile tan ben,/ que baile tan ben,/ que baile tan ben./ Ai, que rapaciña!/ Que bonita é![18]

Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Cambados
Cambados Galicia 20

Estatua do deus Baco, feita por Francisco Leiro.

Cambados Galicia 13
Muiño da Seca, Tragove, Cambados

Muíño da Seca, Tragove

Capela da Pastora, Cambados

Capela da Pastora

Lugares de Cambados

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cambados vexa: Lugares de Cambados.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultado eleccións 2019
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Cambados". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cambadés.
  6. Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 44. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7
  7. http://www.ine.es/jaxi/tabla.do Censo 2007 Cambados
  8. "Anova ofrece un acto público para presentar la asamblea cambadesa" en Diario de Arousa
  9. Eleccións municipais de 2007 en ABC
  10. Eleccións municipais de 2011 Arquivado 09 de setembro de 2014 en Wayback Machine. en La Información
  11. Comezou a celebrarse en xullo de 2002, pero a partir de 2006 pasouse a setembro
  12. Celso de Baión (pseudónimo de Xosé María Álvarez Blázquez): Os nomes da terra recollidos do pobo, Ed. Castrelos, Vigo 1976, 20-21.
  13. Santo Adrián de Vilariño é unha das parroquias de Cambados. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 193. Non se pode asegurar que a cantiga se refira ó Vilariño de Cambados, pero cabe supoñelo porque o cantigueiro recolle coplas de toda a ría de Arousa.
  14. Fermín Bouza Brey 1929, 161.
  15. Fermín Bouza Brey 1929, 170.
  16. Fermín Bouza Brey 1929, 158.
  17. Fermín Bouza-Brey 1929, 175).
  18. Foliada de Xil de Cambados

Véxase tamén

Bibliografía

  • BAIÓN, Celso de (pseudónimo de Xosé María Álvarez Blázquez: Os nomes da terra. Castrelos, Vigo 1976; Col. O Moucho 47.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.

Ligazóns externas

Cambados, Cambados

Santa Mariña de Cambados é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Cambados na comarca do Salnés. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 6.708 habitantes (3.210 homes e 3.498 mulleres) distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 6.005 habitantes.

Castrelo, Cambados

Santa Cruz de Castrelo (do latín castellum e castrum, "cidade alta e fortificada") é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Cambados na comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2016 tiña 2.008 habitantes (1.005 mulleres e 1.003 homes) distribuídos en 17 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ó ano 2010, cando tiña 2.098 veciños, e 2005 cando eran 2.174 habitantes.

Club Juventud Cambados

O Club Juventud de Cambados é un club galego de fútbol fundado en 1963 en Cambados. Na actualidade compite no Grupo Sur da Preferente Autonómica de Galicia.

Comarca do Salnés

A comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa á cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza. Con poucas palabras, está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas.

Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia. No Parochiale suevorum do século VI faise mención á Comarca Saliniense. Fontes históricas apuntan á existencia de conflitos relacionados coas salinas localizadas en diferentes puntos da comarca, concretamente nas freguesías de Nogueira, Vilalonga, Noalla e Dena, actualmente pertencentes aos concellos de Meis, Sanxenxo e Meaño.

Corvillón, Cambados

San Mamede de Corvillón é unha parroquia que se localiza no norte do concello pontevedrés de Cambados na comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2016 tiña 2.342 habitantes (1.219 mulleres e 1.123 homes), o que supón un aumento en relación ó ano 2010, cando tiña 2.210 veciños, e 2005 cando tiña 2.166 habitantes.

A parroquia está atravesada pola estrada PO-549 que une Cambados con Vilagarcía de Arousa, e mais polo corredor de alta capacidade VG-4.3. É unha parroquia costeira, da que os seus accidentes máis importantes son a punta de Tragove e numerosos illotes de reducidas dimensións. Bañan o territorio regatos pequenos.

Francisco Asorey

Francisco Hipólito Asorey González, nado en Fefiñáns, Cambados o 4 de marzo de 1889 e finado en Santiago de Compostela o 2 de xullo de 1961, comunmente citado como Asorey, foi un escultor galego, considerado por algúns críticos como unha das figuras mais relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres.

Francisco Fernández Rei

Francisco Fernández Rei, nado en Fefiñáns (Cambados) o 30 de novembro de 1952, é un filólogo galego. Exerce a docencia na USC, sendo catedrático de Filoloxía Románica desde 1992.

Francisco Leiro

Francisco Leiro Lois, máis coñecido como Paco Leiro, nado en Cambados en 1957, é un pintor e escultor galego, residente en Nova York desde 1988.

Illa de Beiro

A Illa de Beiro é un illote deshabitado galego da Ría de Arousa, a medio camiño entre a Illa da Toxa e a costa do municipio de Cambados. Ten 6 hectáreas de superficie e é totalmente chaira, e baixa, cunha praia na súa costa norte e roquedal cara ao sur e oeste. Cóbrea vexetación halófila e cando as mareas son baixas pode chegar a quintuplicar o seu tamaño. Atópase situada dentro da área protexida Complexo Intermareal Umia-Grove-A Lanzada.

Oubiña, Cambados

San Vicenzo de Oubiña é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cambados. Segundo o padrón municipal en 2016 tiña 452 habitantes (229 mulleres e 223 homes), cinco menos ca en 2010 e 30 menos ca en 2005. Ten 12 entidade de poboación.

A parroquia, situada na beira norte do río Umia, está atravesada pola estrada PO-300.

PO-300

A PO-300 é unha vía da Xunta de Galicia, que vai desde a estrada PO-531 en San Tomé de Nogueira (Meis) até a VG-4.3 en Cacabelos (Cambados).

Preferente Galicia

A Preferente Galicia é a quinta categoría de fútbol de Galicia. É a división inmediatamente inferior á Terceira División e por encima da Primeira Galicia. É unha categoría non profesional e a súa organización corre a cargo da Federación Galega de Fútbol. Anteriormente coñeceuse como Serie A Rexional e despois como Rexional Preferente e Preferente Autonómica.

Provincia de Pontevedra

Pontevedra é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. Limita ao norte coa provincia da Coruña, ao leste coa provincia de Ourense e a provincia de Lugo, ao sur con Portugal e ao oeste co océano Atlántico. A súa capital é a cidade de Pontevedra, con 82.539 habitantes en 2015, sendo Vigo a súa maior cidade cunha poboación de 294.098 habitantes (2015). É provincia máis pequena e a segunda máis poboada de Galicia trala da Coruña.

Ramón Cabanillas

Ramón Cabanillas Enríquez, tamén chamado O Poeta da Raza, nado en Fefiñáns (Cambados) o 3 de xuño de 1876 e finado en Cambados o 9 de novembro de 1959, foi un escritor galego. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1976, coincidindo co centenario do seu nacemento.

Río Umia

O río Umia nace na parroquia de Aciveiro (Forcarei), e percorre os concellos da Estrada, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Portas, Meis, Vilanova de Arousa, Ribadumia e Cambados creando unha bacía de 404 km². Finalmente, desemboca na ría de Arousa na Ponte da Barca (Cambados). Estímase unha lonxitude total de 70 km e un caudal medio de 16,3 m3.

Torre de San Sadurniño

A Torre de San Sadurniño encóntrase nunha pequena illa con forma de triángulo irregular (San Tomé do Mar) fronte á actual zona urbana de Cambados na provincia de Pontevedra.

VG-4.2

A VG-4.2 (anteriormente denominada G-104.1) ou Vía Rápida de Cambados é unha vía de alta capacidade dependente da Xunta de Galicia. Constitúe un ramal de acceso á vila de Cambados desde a AG-41, construída inicialmente tamén como vía rápida. Grazas a conexión coa VG-4.3 serve tamén como circunvalación da propia vila de Cambados.

VG-4.3

A VG-4.3 ou Vía de Alta Capacidade Cambados-Vilagarcía é unha vía para automóbiles dependente da Xunta de Galicia. Une as localidades de Cambados e Vilagarcía e canda a VG-4.2 constitúe unha circunvalación da primeira. Entrou en servizo en setembro de 2003.

Vilariño, Cambados

Santo Adrián de Vilariño é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cambados. Segundo o IGE en 2016 tiña 2.183 habitantes (1.121 mulleres e 1.062 homes) distribuídos en 16 entidades de poboación,o que supón un descenso en relación ó ano 2010, cando tiña 2.267 veciños, e 2005, cando eran 2.298.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.