Calendario gregoriano

O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea utilizado en Europa, as súas antigas colonias e en boa parte do resto do mundo. Recibe este nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, e substituíu en 1582 ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a. C.

Historia do calendario

O I Concilio de Nicea fixaba que a Pascua se celebraría o domingo seguinte á primeira lúa chea despois do equinoccio de primavera, o que significaba que o domingo de Pascua tería que caer entre o 22 de marzo e o 20 de abril. Pola contra, nos tempos do papado de Gregorio XIII a Pascua caía xa a primeiros de marzo e os astrónomos decatábanse que pouco a pouco, ao longo dos séculos, a Pascua se ía achegando ao Nadal. Xa o Concilio de Trento advertía deste problema e dispuña que se lle dese estudo e solución ao problema.

A Comisión do Calendario

Gregorio XIII, para poder levar adiante a reforma, constitúe a chamada Comisión do Calendario, un grupo de eclesiásticos e expertos na que destacaban Cristovo Clavio[1] e Luís Lilio. Clavio, astrónomo e xesuíta, o "Euclides do seu tempo", era un reputado matemático e astrónomo, o mesmo Galileo Galilei o chamou como aval científico das súas observacións telescópicas. En canto a Lilio, médico e astrónomo, sabemos que foi o principal autor da reforma do calendario aínda que morreu en 1576 sen ver rematado o proceso. Finalmente, un personaxe máis nesta historia: Afonso X o Sabio, o valor dado ao ano trópico nas Táboas afonsinas de 365 días 5 horas 49 minutos e 16 segundos é o tomado como correcto pola Comisión do Calendario. Pedro Chacón, matemático español, redacta o Compendium co ditame de Lilio, apoiado por Clavio, e chégase ao 14 de setembro de 1580 cando se aproba a reforma, para levala á práctica en outubro de 1582.

O axustamento gregoriano

A diferenza principal entre o calendario gregoriano e o seu precedente, o calendario xuliano, está na distribución dos anos bisestos .

Como xa se dixo, o ano tropical medio, é dicir, o período de translación da Terra ó redor do Sol, dura 365,2422 días. Engadindo un día bisesto cada catro anos, o calendario xuliano atribuía ó ano unha duración media de 365,25 días. Isto inducía un desprazamento duns 8 días por milenio con respecto ó tempo real, facendo que por exemplo a festa de Pascua, determinada polo equinoccio de primavera, caese alá por febreiro.

Foi preciso entón suprimir os anos bisestos para os anos que son múltiplos de 100 sen ser múltiplos de 400. Así 1600 e 2000 son bisestos, pero non 1700, 1800 nin 1900.

Aplicando esta regra chegamos a un ano de 365,2425 días no canto dos 365,2424 días en exceso de tres días cada 10.000 anos. Foi proposta unha emenda na regra para consideraren os anos múltiplos de 4.000 como normais. Pero do feito do acurtamento do ano tropical avaliado en 0,5 s por século e do alongamento do día de 1,64 milisegundos por século, é ilusorio chegar a este nivel de precisión, as incertezas sobre a duración do ano cada 10.000 anos está na mesma orde de diferenza.

Estrutura do calendario

A súa forma baséase no calendario xuliano da Roma clásica. É un calendario solar, baseado na translación da Terra arredor do Sol de 365,2422 días de 24 horas de 60 minutos de 60 segundos métricos. O calendario gregoriano dá un tempo medio para o ano de 365,2425 días; para asegurar un número enteiro de días por ano, engadimos regularmente (97 anos bisestos cada 400 anos) un día bisesto, o 29 de febreiro.

Subdivisións

O calendario gregoriano está dividido en doce meses:

Nome Días
1 Xaneiro 31
2 Febreiro 28 ou 29
3 Marzo 31
4 Abril 30
5 Maio 31
6 Xuño 30
7 Xullo 31
8 Agosto 31
9 Setembro 30
10 Outubro 31
11 Novembro 30
12 Decembro 31

Ademais, cada período de sete días forma unha semana, herdanza dun calendario luar. Os días da semana son: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo. A orde dos días é igual en todo o mundo, pero segundo a área cultural o primeiro día da semana pode ser o domingo (como en Reino Unido e nas súas antigas colonias, ou como no calendario litúrxico que usa a Igrexa), ou o luns (como en España).

  • O ano solar fai necesaria unha media de 365,2425 días =8.765,82 horas= 525.949,2 minutos = 31 556 952 segundos.
  • Un ano común ten 365 días =8.760 horas= 525.600 minutos = 31 536 000 segundos.
  • Un ano bisesto ten 366 días =8.784 horas= 527.040 minutos = 31 622 400 segundos.
  • A era normalmente usada co calendario gregoriano é a era cristiá, é dicir, "antes / despois de Cristo", segundo os cálculos de Dionisio o Exiguo. Cómpre salientar que non hai un ano "cero"; os séculos e milenios comezan co ano "un". Así que, o século XXI e o terceiro milenio comezan 1 de xaneiro do ano 1 do terceiro milenio, 2001.

Adopción dun novo calendario

En 1582, o papa Gregorio XIII decidiu mediante a bula Inter gravissimas que o xoves 4 de outubro de 1582 sería inmediatamente seguido polo venres 15 de outubro para compensar o desfase acumulado dende o ano 45 d. C. (Anécdota: Pola supresión de dez días, santa Tareixa de Ávila morreu na noite do 4 e foi enterrada ao día seguinte, o 15 de outubro de 1582).

É necesario salientar que o paso ó calendario gregoriano non foi adoptado en toda Europa ó mesmo tempo. Foi imposto por Gregorio XIII nos estados onde era soberano pontífice. España, Portugal e Polonia adoptárono inmediatamente. Outros, coma Francia, seguírono rapidamente. Pero Inglaterra (protestante) non adoptará o calendario gregoriano ata 1752.

Outros países foron moito máis lentos en adoptar esta reforma gregoriana, preferindo como di o astrónomo Johannes Kepler "estar en desacordo co Sol, antes que de acordo co papa".

Cumprirá esperar á revolución de outubro de 1917 para que Rusia o adopte. Iso fixo que a revolución chamada de "outubro" tivese lugar... a comezos de novembro, segundo o calendario gregoriano!

En Turquía foi no 1927, como parte do proceso occidentalizador de Atatürk.

Estas variacións de calendario supoñen un crebacabezas para os historiadores, xa que un documento inglés datado por exemplo o 10 de xaneiro de 1603 é de feito posterior a un documento francés ou español datado o 15 de xaneiro dese mesmo ano. Por exemplo, William Shakespeare e Miguel de Cervantes morreron na mesma "data" (23 de abril de 1616), pero non no mesmo "día".

Ademais, en cada país onde se adoptaba o novo calendario, protestábase, dicindo por exemplo que se tería que pagar un alugueiro mensual enteiro habendo só 21 días no mes laboral!

Con todo, segue quedando algún resto do antigo calendario xuliano, por exemplo, no calendario litúrxico ortodoxo. Deste xeito, os ortodoxos celebran o Nadal, nas datas nas que os católicos celebran os Reis.

Reformas do calendario gregoriano

Se o principio de axuste gregoriano non foi posto en causa, non sucede o mesmo coa súa estrutura interna.

Os críticos ven os seus vínculos co cristianismo, a través das festas cristiás e das referencias ós santos. Iso motivou moitos proxectos de calendarios laicos, como por exemplo o calendario republicano da revolución francesa.

Outras críticas atinxen á construción mesma do calendario:

  • meses de lonxitude variable (de 28 a 31 días), que falsean por exemplo as estatísticas económicas;
  • ausencia de sincronización entre o nome dos días e o seu número de mes;
  • variación da data de certos días festivos que se rexen polo calendario lunar, como a Pascua e as festas que se celebran segundo o día que se fixa esta: por orde cronolóxica Entroido, Coresma, Semana Santa todas antes da Pascua, Ascensión, Pentecoste e Corpus Christi, despois dela. Ou o Ramadán para os musulmáns.

No curso dos tres últimos séculos as proposicións de reforma multiplicáronse. As máis coñecidas son as propostas do calendario universal e do calendario fixo. A mediados do século XX, a Sociedade de Nacións (antecesora da ONU) fixo estudos para reformar o calendario. Pero foron abandonados pola presión de países como Estados Unidos, Reino Unido, Países Baixos ou Indonesia, oficialmente por razóns relixiosas.

Notas

  1. En homenaxe a Clavius, un dos cráteres da Lúa leva o seu nome.

Véxase tamén

Outros artigos

11 de outubro

O 11 de outubro é o 284º día do ano do calendario gregoriano (285º nos anos bisestos). Quedan 81 días para finalizar o ano.

14 de febreiro

O 14 de febreiro é o 45º día do ano do calendario gregoriano . Quedan 320 días para finalizar o ano, 321 nos anos bisestos.

14 de xullo

O 14 de xullo é o 195º día do ano do calendario gregoriano e o 196º nos anos bisestos. Quedan 170 días para finalizar o ano.

2009

2009 (MMIX) comezou un xoves no calendario gregoriano o designado ano do boi, segundo o horóscopo chinés.

2017

2017 é un ano común do calendario gregoriano, que comezou en domingo.

A ONU declarou ao 2017 como o Ano Internacional do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento , coa intención de promover esa actividade económica creando conciencia da importancia de impulsala e desempeñala responsablemente.

O Día das Letras Galegas está adicado a Carlos Casares.

2018

2018 (MMXVIII) é un ano común do calendario gregoriano dentro do século XXI.

2019

2019 (MMXIX) é un ano común do calendario gregoriano dentro do século XXI.

Abril

Para o artigo sobre o nome propio, véxase Abril (nome).

Abril é o cuarto mes do ano no calendario gregoriano e ten 30 días.

Ano bisesto

O ano bisesto é aquel que posúe un día a máis cós anos comúns. O obxectivo é manter o calendario utilizado en sincronía cos eventos estacionais relacionados coas estacións do ano. No caso do calendario gregoriano, asígnaselle 1 día extra cada 4 anos no mes de febreiro, que pasa a ter 29 días (e o ano 366 días) en vez de 28 como nos anos comúns de 365 días, co fin de equilibrar a duración do ano solar co calendario.

Calendario chinés

O calendario chinés (chinés tradicional:農曆; chinés simplificado: 农历; pinyin: nónglì) é un calendario lunisolar, a diferenza do calendario gregoriano occidental que emprega calendario solar.

O calendario chinés divídese en seis meses de 29 días e seis meses de 30 días, o que resulta en anos de 354 días. De aí que o calendario chinés non coincida co calendario occidental que, en xeral, ten 365 días. Cada mes lunar iníciase na lúa nova e o Aninovo Chinés está determinado pola segunda lúa nova despois do solsticio do 21 de decembro (ou solsticio de inverno), que ocorre entre finais de xaneiro e mediados de febreiro segundo o calendario gregoriano.

Para axustar o ciclo lunar de 354 días ó ciclo solar de 365 débese intercalar un mes cada dous ou tres anos, á diferenza do calendario gregoriano solar que engade un día cada catro anos.

Calendario hindú

O termo calendario hindú é confuso xa que se refire ao conxunto de calendarios rexionais da India, que se comportan de distintos xeitos, así como ao Calendario nacional indio.

Poden ser "calculados" (como o calendario gregoriano por exemplo), de tal maneira que o número de mes, días no mes etc. son sempre os mesmos, determinados por regras, mediante os cales inténtase que dean resultados conforme ao movemento real das estacións, o sol e os astros.

Poden ser "astronómicos", de tal maneira que a observación efectiva dos eventos astronómicos determinan o comezo dos anos e os meses. Así, o número de días por mes e ano pode variar, non é un calendario previamente fixado ou planeado: o ceo, as observacións astronómicas son o calendario, pero iso redunda nunha perfecta exactitude.

Poden ser solares, fundamentados no movemento do sol.

Poden ser lunares, fundamentados no movemento da lúa; pero como iso conduce a incongruencia co movemento solar (como acontece no calendario musulmán), os calendarios lunares son máis exactamente lunar-solares, porque tamén se considera o movemento solar e inténtase seguilo da maneira máis fiel posíbel.Tamén existen varias eras.

a Era Vikram.

a Era Saka: o ano 0 é o 78, o 79 é o ano 1, o 21 de marzo de 2000 comezou o ano 1922; véxase orixe da era Saka.Por decreto publicado na Gazette of India estableceuse en 1957 o Indian National Calender (calendario nacional indio), que é de tipo calculado e solar, e cuxa era é a Saka.

Estacións e meses nos calendarios hindús

Calendario persa

O Calendario Persa ou Calendario Iraniano é un calendario Solar no que o ano comeza o 21 de marzo.

Este calendario foi adoptado en 1925 en Irán e en 1957 en Afganistán. Considérase máis preciso có Calendario gregoriano dado que no calendario gregoriano hai un erro dun día cada 3320 anos, mentres que no calendario persa o mesmo erro aparecería cada 3.8 millóns de anos.

O calendario persa ten seis meses con 31 días e os seis meses seguintes con 30 días, excepto o último con 29 ou 30 días segundo sexa bisesto ou non. O ano comeza en Novruz que coincide co 21 de marzo do Calendario gregoriano.

O primeiro de xaneiro de 2000 do calendario gregoriano é o 11 de Dej de 1378 do calendario persa.

Decembro

Decembro (tamén chamado Nadal) é o duodécimo e derradeiro mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días. O seu nome é derivado do latín, por ser o décimo mes do calendario romano.

Febreiro

Febreiro é o segundo mes do ano no calendario gregoriano, con 28 días os anos normais e 29 os anos bisestos. Tres veces ao longo da historia, e só en determinados países, houbo un 30 de febreiro.

Marzo

Marzo é o terceiro mes do ano no calendario gregoriano, con 31 días, inicialmente dedicado ao deus grego Marte.

O mes de marzo empeza no mesmo día da semana que febreiro, agás cando é ano bisesto. Tamén comeza no mesmo día da semana que novembro cada ano.

Outubro

Outubro é o décimo mes do ano no Calendario gregoriano e ten 31 días. O seu nome vén de ter sido o oitavo mes do calendario romano.

En Galicia recibe tamén o nome de outono.

Setembro

Setembro é o noveno mes do ano no calendario gregoriano e ten 30 días. O seu nome, que vén da mesma raíz latina ca "sétimo", débese a que era o sétimo mes no calendario romano.

O mes de setembro empeza no mesmo día da semana que decembro cada ano.

Shaka Samvat

O calendario nacional indio Shaka Samvat, é o calendario civil oficial utilizado na India. Emprégase, xunto co calendario gregoriano, na Gazette of India, en difusións de noticias da All India Radio, e en calendarios e comunicacións publicados polo goberno da India.

Ao marxe de tales propósitos formais, o calendario non é moi amplamente utilizado.

Xaneiro

Xaneiro é o primeiro mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días.

A súa orixe está no nome latino para o undécimo mes do ano (primeiro a partir da reforma de Xulio César) Ianuarius, que viña sendo o mes dedicado ó deus Xano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.