Caldo de castañas

O caldo de castañas (tamén chamado caldo de maias, sopa de castañas ou calduda[1]) é un caldo típico da cociña galega elaborado con castañas fervidas nunha especie de potaxe. É unha preparación culinaria moi habitual nas zonas montañosas do interior de Galiza.[2] É un prato moi típico dos días fríos de inverno.

Características

As castañas pélanse e cócense con allo, a seguir sóese elaborar un rustrido con abundante cebola, pemento en po e un pouco vinagre. Non leva nin verzas, nin feixóns.[3] Menciónase que este prato se adoita preparar nos días de neve cando resulta difícil sair na procura de verzas e se pode arranxar coas castañas almacenadas do outono. Ás veces acompáñase o caldo con carne de porco fría.

Algunhas variantes levan, ademais, fabas, patacas e unto[4].

Variantes

Nalgunhas zonas de Francia e Galiza adóitanse preparar os caldos de castañas, ou tamén acompañadas de leite (Castañas con leite).

Notas

  1. Xosé María Gómez Clemente, Pedro Benavente Jareño, (1997): Diccionario de sinónimos da lingua galega, Editorial Galaxia, px. 161.
  2. Álvaro Cunqueiro, (2004): La cocina gallega, Ed. Galaxia, ISBN 84-8288-706-8, px. 28.
  3. Eladio Rodríguez González, (1967): Diccionario enciclopédico gallego-castellano.
  4. Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27.

Véxase tamén

Outros artigos

A castaña na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada da castaña e do castiñeiro na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Tamén, por similitude, se inclúe algunha información sobre o castiñeiro de Indias (Aesculus hippocastanum).

O castiñeiro recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira, castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos, bravádegos ou castiñeiróns. A denominación abundancial máis común é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira, castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal.

A castaña ten tamén os nomes de cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos; estas destínanse á ceba do porco.

Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela).

As castañas cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos. Acostuman cocerse con sal e unhas herbas, normalmente fiúncho e nébeda, para seren máis dixestíbeis.

Outra forma de comer as castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo , que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas

Caldo galego

O caldo galego é unha sopa ou caldo típico da gastronomía de Galicia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.