Caldelas de Tui, Tui

San Martiño de Caldelas de Tui (do latín aquas calidas, 'augas cálidas, termais') é unha parroquia que se localiza no concello de Tui. Segundo o IGE de 2013 tiña 840 habitantes (404 mulleres e 436 homes), distribuídos en 16 entidades de poboación, o que supón un lixeiro aumento en relación ao ano 1999, cando tiña 802 habitantes.

Caldelas de Tui
Estación de tren de Caldelas de Tui, Tui
ConcelloTui
Área2,88 km²
Poboación840 hab. (2013)
Densidade291,67 hab./km²
Entidades de poboación16

Xeografía

Mapatui
Situación da parroquia no concello.

Bañada polo río Miño e o seu afluente o Caselas, é a parroquia máis oriental do concello de Tui e limita cos termos municipais de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Ocupa unha superficie de 2,88 km². É a terceira parroquia tudense por densidade de poboación, despois da capital municipal e Randufe.

Historia

Casco de Caldelas de Tui
Casco de bronce atopado na parroquia.

O seu nome ten orixe no latín "(aquas) calidellas", ou "(augas) quentiñas", facendo alusión ás famosas augas termais da zona.

Os achados arqueolóxicos dan conta de que a zona xa estaba habitada oito ou nove séculos antes de Cristo, pois esa é a época aproximada de cinco machadas de bronce atopadas no leito do Miño en 1983. Sete anos antes aparecera, igualmente no río, un casco de bronce, datado no século IV antes de Cristo.

A primeira referencia documental de Caldelas é de 1301, cando Fernando de Castro dóalle ao bispo de Tui, Joan Fernández de Sotomayor, o couto de Caldelas.

Caldelas viviu épocas de auxe grazas ao tren e as augas termais. Tivo sala de cine e festas, na estación de Caldelas de Tui paraban os expresos e chegou a haber varios hoteis. No século XX contou cunha potente industria da madeira, que deu paso nos anos setenta ás areeiras, que extraían area do río para a construción. O seu forte impacto ecolóxico fixo que finalmente foran pechadas. O propietario dunha delas foi, precisamente, o que fixo os citados achados arqueolóxicos durante o seu traballo.

As augas termais

Caldelas de Tui
Muíño.

O propio topónimo de Caldelas de Tui evidencia a importancia que teñen as augas termais no desenvolvemento da parroquia. As augas son citadas xa no século XVII, aínda que a súa explotación comercial non chegaría ata o seguinte.

O seu manancial, que data probablemente de 1650, foi descuberto de forma casual, nas beiras do Miño, no barrio dos Baños. Os veciños fixeron un pozo de pouca profundidade, que quedou asolagado pola crecida do río. Cara 1750, as augas foron redescubertas, e se antes se lle daba uso agropecuario (para regar o millo e para curar feridas no gando), daquela xa se lle comezou a dar proveito humano.

Inicialmente instaláronse cabanas para tomar as augas. Dous incendios no verán de 1788 fan que sexan substituídas por barracas de madeira. Funcionaron ata que, pasada a metade do século XX, se construíu unha edificación para albergar as augas.

O entremés

Caldelas de Tui é o escenario no que se desenvolve o chamado Entremés famoso sobre da pesca do río Miño, obra de Gabriel Feixoo de Araúxo, que está considerada como a primeira peza teatral en galego. O título completo da peza fai referencia a esta localidade, que está situada enfronte da portuguesa de Lapela, no concello de Monção: Entremés famoso en que se contiene la contienda que tuvieron los labradores de Caldelas con los portugueces. Año de 167...

Festas

Caldelas de Tui celebra dúas festas cada ano:

  • Virxe da Rocha, arredor do último domingo de agosto. Segundo os anos, as festas prolónganse de dous a catro días. O luns das festas celébrase a festa da empanada nas beiras do Miño, onde as familias cean ao aire libre. A parte relixiosa repártese entre a igrexa parroquial, consagrada a San Martiño, e a capela do Carme, que está situada preto do campo da festa, nas beiras do Miño.
  • San Martiño, polo 11 de novembro. O mal tempo ten feito que, a diferenza do que ocorre coas festas da Rocha, algún ano non se chegara a celebrar.

Lugares e parroquias

Parroquias de Tui

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

A Igrexa, Caldelas de Tui, Tui

A Igrexa é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. No ano 2009 tiña 46 habitantes (22 homes e 24 mulleres), segundo o padrón municipal de habitantes do Instituto Nacional de Estadística. Isto supón un incremento do 15 por cento respecto ao ano 2000, aínda que un descenso en relación ao 2008.

A Telleira, Caldelas de Tui, Tui

A Telleira é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Tiña 46 habitantes, segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística referido ao 2009. Destes, 18 son homes e 28, mulleres. En relación ao 2000, experimentou un aumento de poboación do 12,2 por cento.

Arciprestado de Entenza

O arciprestado de Entenza é un arciprestado pertencente á diocese de Tui-Vigo. Recibe o seu nome da parroquia de Entenza (Salceda de Caselas), e abrangue 16 parroquias dos concellos de Ponteareas, O Porriño, Tui, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño:[Cómpre referencia]Nogueira (Ponteareas), San Salvador de Budiño (O Porriño), Santo Estevo de Budiño, Soutelo, Entenza, Parderrubias, San Xurxo de Salceda, Santa María de Salceda e A Picoña (Salceda de Caselas), Alxén, Cabreira, Arantei e Porto (Salvaterra de Miño), Paramos, Baldráns e Caldelas de Tui (Tui).[Cómpre referencia]

As Peteiras, Caldelas de Tui, Tui

As Peteiras é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Tiña 46 habitantes no ano 2009, segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística, dos que 20 eran homes e 26, mulleres. Isto representa un incremento do 9,5 por cento respecto ao 2000, aínda que un descenso en relación ao 2008.

Engarde, Caldelas de Tui, Tui

Engarde é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Tiña 18 habitantes no ano 2009, segundo o padrón municipal de habitantes do Instituto Nacional de Estadística, dos que 10 eran homes e 8 mulleres. Isto supón un descenso do 18 cento respecto ao ano 2000.

Juan Llauder

Juan José Rodríguez de Llauder Riesco, nado en Barcelona o 28 de maio de 1934, e finado en Caldelas de Tui (Tui) o 3 de abril de 2018, foi un neuropsiquiatra galego, cofundador do centro educativo O Pelouro.

O Calvario, Caldelas de Tui, Tui

O Calvario é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. No ano 2009 sumaba 39 veciños, segundo o padrón municipal de habitantes do Instituto Nacional de Estadística, dos que 21 eran homes e 18 mulleres. Representa un incremento do 56 por cento respecto ao ano 2000, o que o converte no lugar que máis medrou, en aspectos relativos, da parroquia.

O Coello, Caldelas de Tui, Tui

O Coello é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. O padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística adxudicáballe 32 habitantes no ano 2009, 14 homes e 18 mulleres, o que supón un descenso dun 13,5 por cento na poboación. Porén, no 2009 o lugar está a recuperar habitantes, despois de tres anos seguidos de caída demográfica.

O Foxo, Caldelas de Tui, Tui

O Foxo é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Tiña 13 habitantes no ano 2009, segundo o padrón municipal de habitantes do Instituto Nacional de Estadística, dos que 7 eran homes e 6 mulleres, un 18,75 por cento menos que no ano 2000.

O Monte, Caldelas de Tui, Tui

O Monte é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Tiña 38 veciños no ano 2009, segundo o padrón municipal de habitantes do Instituto Nacional de Estadística, tantos homes como mulleres. Esta cifra supón un incremento dun 31 por cento respecto ao 2000.

O Monteiro, Caldelas de Tui, Tui

O Monteiro é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. É o único núcleo deshabitado da parroquia, segundo datos do IGE e do INE para o período 1999-2008.

O Pelouro

O Pelouro é un centro educativo situado no lugar dos Baños, na parroquia de Caldelas de Tui (Tui).

O Piñeiro, Caldelas de Tui, Tui

O Piñeiro é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. No ano 2009 tiña dez veciños, catro homes e seis mulleres, según o padrón municipal de habitantes do Instituto Nacional de Estadística. Isto significa un descenso do 16,6 por cento respecto ao 2000 e sitúa a este lugar como o que ten menos habitantes de toda a parroquia, descontando o deshabitado O Monteiro.

O Pozón, Caldelas de Tui, Tui

O Pozón é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Ten 11 habitantes, segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística do ano 2009, dos que seis son homes e cinco, mulleres. Aínda que gañou poboación respecto ao 2000, en varios anos da década ten estado por debaixo dos dez habitantes. Despois d'O Monteiro, deshabitado, e O Piñeiro, é o lugar con menos veciños da parroquia.

O Seixal, Caldelas de Tui, Tui

O Seixal é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Ten 46 habitantes, segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística referido ao ano 2009, dos que 21 son homes e 25, mulleres. Dende o 2000 tivo un comportamento demográfico moi flutuante, oscilando entre os 56 veciños de 2000 e os 42 do 2008.

O Souto de Arriba, Caldelas de Tui, Tui

O Souto de Arriba é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Ten 37 habitantes, segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística referido ao 2009, dos que 16 son homes e 21, mulleres. Isto representa unha variación negativa de preto do 20 por cento en relación ao ano 2000.

O Souto de Engarde, Caldelas de Tui, Tui

O Souto de Engarde é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Ten 90 residentes, repartidos a partes iguais entre os dous sexos, segundo datos de 2009 do padrón municipal de habitantes do Instituto Nacional de Estadística. Respecto ao ano 2000, rexistra un incremento de poboación dun 17 por cento.

É o segundo núcleo con máis veciños da parroquia.

Os Baños, Caldelas de Tui, Tui

Os Baños é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Tiña 284 habitantes no ano 2009, segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística, dos que 132 eran homes e 152 mulleres, o que representa unha variación dun 1,4 por cento respecto ao ano 2000.

Os Gaios, Caldelas de Tui, Tui

Os Gaios é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística en 2009 tiña 60 habitantes (29 homes e 31 mulleres), catro menos ca en 2000.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.