Cadea trófica

A cadea trófica, tamén coñecida como cadea alimenticia[1], (do grego trophé 'alimentación'), é a corrente de enerxía e nutrientes que se establecen entre as distintas especies dun ecosistema en relación coa súa nutrición. As cadeas sempre se inician cun produtor sendo os demais membros os consumidores. Non adoitan ter un gran número de elos (de 4 a 7 como máximo), xa que enerxía vaise esgotando a medida que se pasa dun nivel cara o seguinte, polo que adoitan seguir a regra do 10%, e dicir, aproximadamente o dez por cento da enerxía pasa dun nivel cara o seguinte, e o resto (aproximadamente o 90%) pérdese en forma de calor etc.

Food chain
Exemplo dunha cadea trófica

Niveis tróficos dun ecosistema

Nunha biocenose ou comunidade biolóxica existen diferentes niveis tróficos como son os seguintes:

  • Produtores primarios, autótrofos, que utilizando a enerxía solar (fotosíntese) ou reaccións químicas minerais (quimiosíntese) obteñen a enerxía necesaria para fabricar materia orgánica a partir de nutrientes inorgánicos.
  • Consumidores, heterótrofos, que producen os seus compoñentes a partir da materia orgánica procedente doutros seres vivos.
    • As especies consumidoras poden ser, se as clasificamos pola modalidade de explotación do recurso:
      • Depredadores. Organismos que inxiren o corpo das súas presas, enteiro ou en parte. Esta actividade pode chamarse e chámase ás veces predación, pero é máis común para a actividade dos carnívoros, é dicir, os consumidores de segunda ou superior orde.
      • Descompoñedores e detritívoros. Os primeiros son aqueles organismos saprótrofos, como bacterias e fungos, que aproveitan os residuos por medio da dixestión externa seguida de absorción (osmotrofia). Os detritívoros son algúns protistas e pequenos animais, que devoran (fagotrofia) os residuos sólidos que encontran no chan ou nos sedimentos do fondo, así como animais grandes que aliméntanse de cadáveres, que son os preeiros.
Amanita muscaria tyndrum
Os fungos son descompoñedores que fan un papel moi importante de reciclaxe cara o bo funcionamento das cadeas tróficas
      • Parasitos e comensais. Os parasitos poden ser depredados, como o son os pulgóns das plantas por xoaniñas, ou os parasitos dos grandes herbívoros africanos, depredados por picabois e outras aves. Á súa vez, os parasitos acostuman ter os seus propios parasitos, de maneira que cada parasito primario pode sela base dunha cadea trófica especial de parasitos de distintas ordes.
    • Se examinamos o nivel trófico máis alto de entre os organismos explotados por unha especie, atribuiremos a esta unha orde na cadea de transferencias, segundo o número de termos que teñamos que contar dende o principio da cadea:
      • Consumidores primarios, os fitófagos ou herbívoros. Devoran ós organismos autótrofos, principalmente plantas ou algas, aliméntanse deles de forma parasita, como fan por exemplo os pulgóns, son comensais ou simbiontes de plantas, como as abellas, ou especialízanse en devorar os seus restos mortos, como os ácaros oribátidos ou os milpés.
      • Consumidores secundarios, os zoófagos ou carnívoros, que aliméntanse directamente de consumidores primarios, pero tamén os parasitos dos herbívoros, como por exemplo o ácaro Varroa, que parasita ás abellas.
      • Consumidores terciarios, os organismos que inclúen de forma habitual consumidores secundarios na súa fonte de alimento. Neste capítulo están os animais dominantes nos ecosistemas, sobre os que inflúen nunha medida moi superior á súa contribución, sempre escasa, á biomasa total. No caso dos grandes animais cazadores, que consomen incluso outros depredadores, correspóndelles chamarse superpredadores (ou superdepredadores). En ambientes terrestres son, por exemplo,os grandes felinos e cánidos. Estes sempre foron considerados como unha ameaza para os seres humanos, por padecer directamente a súa predación ou pola competencia polos recursos da caza, e foron exterminados de maneira sistemática e levados á extinción en moitos casos. Neste capítulo entrarían tamén, ademais dos predadores, os parasitos e comensais dos carnívoros.
      • En realidade poden haber ata seis ou sete niveis tróficos de consumidores formando como vimos só cadeas baseadas no parasitismo, o mutualismo, o comensalismo ou a descomposición.

En moitas especies distintas, as categorías de individuos poden ter diferentes maneiras de nutrirse, que nalgúns casos as situarían en distintos niveis tróficos. Por exemplo as moscas da familia Sarcophagidae, son colleitadoras de néctar e outros líquidos azucrados durante a súa vida adulta, pero mentres son larvas a súa alimentación típica é a partir de cadáveres (están entre os “vermes” que se desenvolven durante a putrefacción). Os anuros (rás e sapos) adultos son carnívoros, pero as súas larvas, os cágados, roen as pedras para obter algas. Nos mosquitos (fam. Culicidae) as femias son parasitas hematófagas de animais, pero os machos empregan o seu aparato bucal picador para alimentarse de zume vexetal.

Pirámides tróficas

A pirámide trófica é unha forma especialmente abstracta de describir a circulación de enerxía na biocenose e a composición desta. Baséase na representación desigual dos distintos niveis tróficos na comunidade biolóxica, porque sempre é máis a enerxía mobilizada e a biomasa producida por unidade de tempo, canto máis baixo é o nivel trófico.

Piramide energia
Pirámide de enerxía.

Este fenómeno adoita manifestarse indirectamente tamén cando se censan ou recontan os individuos de cada nivel, pero aquí as excepcións son máis frecuentes e teñen que ver coas grandes diferenzas de tamaño entre os organismos e cos distintos tempos de xeración, dando lugar a pirámides invertidas. Así nalgúns ecosistemas os membros dun nivel trófico poden ser moito máis voluminosos e/ou de ciclo vital máis largo que os que dependen deles. É o caso que observamos por exemplo en moitas selvas ecuatoriais onde os produtores primarios son grandes árbores e os principais fitófagos son formigas; nun caso así o número máis pequeno representa o nivel trófico máis baixo. Tamén se inverte a pirámide de efectivos cando as biomasas dos membros consecutivos son semellantes, pero o tempo de xeración é moito máis breve no nivel trófico inferior; un caso así pode darse en ecosistemas acuáticos onde os produtores primarios son cianobacterias ou nanoprotistas. Tamén podemos atopar a relación da enerxía e os niveis tróficos: nesta sucesión de etapas, nas que un organismo se alimenta e é devorado, a enerxía flúe dende un nivel trófico a outro. As plantas verdes ou outros organismos que realizan a fotosíntese utilizan a enerxía solar para elaborar hidratos de carbono para as súas propias necesidades. A meirande parte desta enerxía química procésase no metabolismo e pérdese en forma de calor na respiración. As plantas converten a enerxía restante en biomasa, sobre o chan como tecido leñoso e herbáceo e baixo como raíces. Por último, este material, que é enerxía almacenada, se transfire ó segundo nivel trófico que comprende os herbívoros que pastan, os descompoñedores e os que se alimentan de detritos. Si ben, a maior parte da enerxía asimilada no segundo nivel trófico pérdese de novo en forma de calor na respiración, unha porción se converte en biomasa. En cada nivel trófico os organismos converten menos enerxía en biomasa que a que reciben. Polo tanto, cantos máis pasos se produzan entre o produtor e o consumidor final, a enerxía que queda dispoñible é menor. Rara vez existen máis de catro elos, ou cinco niveis, nunha rede trófica. Co tempo, toda a enerxía que flúe a través dos niveis tróficos pérdese en forma de calor. O proceso por medio do cal a enerxía perde a súa capacidade de xerar traballo útil denomínase entropía.

Problemas nas cadeas tróficas

Caso de ter desaparecido un elo da cadea, isto pode ter consecuencias en todo o ecosistema, xa que poden darse as seguintes situacións:

  • Que desapareza con el todos os elos seguintes, xa que non atoparán o alimento que precisan.
  • Que o elo inmediatamente inferior sufra superpoboación xa que desaparece o seu predador e entón os individuos poderán reproducirse sen nada que limite o seu número.
  • Que produza un desequilibrio nos niveis anteriores debido as razóns antes expostas.

Todo isto leva a conclusión de que as redes tróficas son mellores para solucionar estes problemas xa que os individuos da rede están conectados por varios camiños, e no caso de faltar un elo pódese empregar un camiño alternativo.

Notas

  1. Menos usado, cadea alimentaria.
Albertosaurus

Albertosaurus (que quere dicir "lagarto de Alberta") é un xénero de dinosauro terápodo que viviu en Norte América occidental durante o período Cretáceo tardío, hai 70 millóns de anos. A especie tipo, A. sarcophagus, estaba aparentemente restrinxida ó que hoxe se coñece como a provincia canadense de Alberta, razón pola cal leva o seu nome. Os científicos non concordan co contido do xénero, recoñecendo algúns deles o Gorgosaurus libratus como unha segunda especie.

Como membro da familia Tyrannosauroidea, Albertosaurus era un depredador bípede con dúas pequenas mans e unha testa masiva con ducias de dentes longos e afiados. É posible que estivese no máis alto da súa cadea trófica no seu ecosistema. Mentres que o Albertosaurus era grande para ser un terápodo, era moito máis pequeno que o famoso Tyrannosaurus rex, medindo entre nove e dez metros de longo e pesando algo menos de 2 toneladas.

Dende a primeira descuberta en 1884, recuperáronse máis de 30 exemplares fósiles, o cal achegou ós científicos un coñecemento máis polo miúdo da anatomía do Albertosaurus en comparanza con outros tiranosáuridos. O descubrimento de 26 individuos nun único lugar achega evidencias dun comportamento de caza en manada e permitiu estudos de ontoxenia e poboación biolóxica, os cales son imposibles en dinosauros menos coñecidos.

Biodiversidade

Biodiversidade (neoloxismo do inglés Biodiversity, á súa vez do grego βιο-, vida, e do latín diversĭtas, -ātis, variedade), ou diversidade biolóxica, é o termo polo que se fai referencia á riqueza de seres vivos dun hábitat ou dun ecosistema, ou a todo o conxunto de seres vivos da Terra. A biodiversidade refírese tanto á riqueza en diversidade de especies, á súa diversidade intraespecífica, como á de grupos taxonómicos, á de grupos morfolóxicos e á de grupos funcionais. Así, o concepto abrangue as diferenzas de composición das individuos de especies (diferenzas xenéticas) e de especies de hábitats ata a variedade taxonómica e funcional das especies dun ecosistema.

Os patróns de biodiversidade dos hábitats e ecosistemas son resultado de procesos que van de mecanismos a curta escala, como a migración ou nacementos, a escalas de miles de millóns de anos, como os procesos especiación e evolución. O termo popularizouse logo da Conferencia Internacional do Río de Xaneiro de 1992 na que numerosos estados asinaron a Convención sobre a diversidade biolóxica.

Non se sabe con certeza o número total de diferentes especies existentes no planeta: a súa riqueza de especies. Estímase que podería haber máis de 30 millóns de especies, aínda que só se ben só se clasificaron algo máis de 2 millóns. Unha estimación de 2011 a cuantificouna en 8,74 millóns de especies, cunha marxe de erro de 1 millón [1].

A biodiversidade ten patróns bioxeográficos e temporais: a riqueza de especies varía segundo a latitude e os ecosistemas analizados e segundo os estadios das sucesións. Estímase que hábitats con maior diversidade son os bosques tropicais, os arrecifes de coral e as zonas de afloramento costeiro.

Botánica

A botánica, (do grego βοτάνη = herba) ou fitoloxía (do grego φυτόν = planta e λόγος = tratado), é unha rama da bioloxía e é a ciencia que se ocupa do estudo das plantas. O concepto de vexetal, que estaba claro en tempos de Aristóteles, quedou esvaecido polo avance do coñecemento, chegándose a definir como todo aquilo que estuda a botánica. Na práctica, os botánicos estudan as plantas, as algas e os fungos. No campo da botánica, hai que distinguir entre a botánica pura, cuxo obxecto é ampliar o coñecemento da natureza; e a botánica aplicada, cuxas investigacións están ao servizo da tecnoloxía agraria, forestal, farmacéutica etc.

A botánica cobre un amplo abano de contidos, que inclúen aspectos específicos propios dos vexetais; das disciplinas biolóxicas que se ocupan da composición química (fitoquímica); a organización celular (citoloxía vexetal) e tisular (histoloxía vexetal); do metabolismo e o funcionamento orgánico (fisioloxía vexetal), do crecemento e o desenvolvemento; da morfoloxía (fitografía); da reprodución; da herdanza (xenética vexetal); das enfermidades (fitopatoloxía); das adaptacións ao ambiente (ecoloxía), da distribución xeográfica (fitoxeografía ou xeobotánica); dos fósiles (paleobotánica) e da evolución.

Caracol

O caracol, cascarolo ou cosco é o nome común que reciben os moluscos gasterópodos con cuncha en espiral, a diferenza dos que non a posúen, que se chaman lesmas (terrestres) ou dos que a teñen pero non é espiral, que son as lapas.

Carnívoro

Os animais carnívoros son os que teñen en común o feito de que se alimentan de carne, e que se sitúan no máis alto da cadea trófica.

Estes animais predan outras especies pero non son comidos (exceptuando os ataques que poidan sufrir doutro carnívoro).

A súa principal fonte de alimento en terra provén dos herbívoros e no mar procede de peixes, mamíferos, crustáceos etc.

Ademais da denominación anterior, en función do seu réxime alimentario e que carece de valor taxonómico, co nome de carnívoros (ou Carnivora) desígnase unha orde de mamíferos.

Un caso particular é o dos animais que se alimentan de pequenos invertebrados, que adoitan recibir a cualificación de insectívoros.

Por outra parte, tamén existen algúns vexetais que se alimentan de animais, as denominadas plantas carnívoras.

Diclorodifenildicloroetileno

O diclorodifenildicloroetileno (DDE) é un composto químico formado a partir do DDT pola perda dun cloruro de hidróxeno (deshidrohaloxenación), e é un dos produtos de degradación do DDT máis comúns. Debido á alta frecuencia do uso do DDT na sociedade e na agricultura a mediados do século XX, o DDT e o DDE aínda se poden atopar moi frecuentemente en mostras de tecidos animais, maloia a prohibición actual destes produtos. O DDE é especialmente perigoso porque é liposoluble igual que outros organoclorados, polo que raramente é excretado do corpo e as súas concentracións tenden a incrementarse ao longo da vida (bioacumulación). A maior excepción a isto é a excreción de DDE polo leite, o que fai chegar unha porción substancial do DDE da nai á cría ou meniño. Ademais da súa acumulación nun organismo ao longo da súa vida, a estabilidade deste composto fai que se bioacumule no ambiente e cadea trófica e isto amplifica os seus efectos negativos.

Ecoloxía

A ecoloxía (do grego: οἶκος, "casa"; -λογία, "estudo de") é a disciplina científica da bioloxía que estuda as interrelacións entre os seres vivos e o seu ambiente: é «a bioloxía dos ecosistemas». Estuda como esas interaccións entre os organismos e o seu ambiente afectan á distribución ou a abundancia das especies, entre outras. O concepto de ambiente abrangue a características físicas e químicas (factores abióticos locais, climáticos ou xeolóxicos) e a especies que coexisten neses hábitats (factores bióticos).

Os ecosistemas están compostos por partes que interactúan dun xeito dinámico (a nivel espacial e temporal), e que inclúen aos organismos e aos factores abióticos. Os procesos dos ecosistemas, como a produción primaria, a pedoxénese, o ciclo de nutrientes ou a formación de hábitats, regulan o fluxo de enerxía e materia no ambiente. Estes procesos susténtanse en organismos que evolucionaron características morfolóxicas ou funcionais específicas, que son a biodiversidade. A biodiversidade pódese cuantificar ou definir en base á diversidade de xenes, especies, grupos taxonómicos ou grupos funcionais e que é a base de múltiples servizos do ecosistema.

Algúns dos primeiros conceptos da ecoloxía xurdiron con filósofos gregos como Hipócrates ou Heródoto e os seus estudos da natureza, describindo a bioxeografía ou as interaccións entre especies. O definición da teoría evolutiva, cos conceptos de adaptación e a selección natural, asentaron as bases para o inicio dunha disciplina, que acadou só a súa forma a finais do século XIX e comezos do XX cos avances na bioloxía evolutiva e a xenética. Comprender como a biodiversidade afecta a función ecolóxica foi o principal enfoque dos estudos ecolóxicos no seu nacemento, e arestora un dos fundamentais. Os ecólogos tratan de explicar as interaccións entre individuos e especies, a adaptación aos hábitats, a distribución dos organismos no ambiente, o fluxo de materia e enerxía nos ecosistemas e a sucesión ecolóxica.

Os conceptos da ecoloxía aplícanse na bioloxía da conservación e manexo de recursos naturais (como na agricultura, a silvicultura ou a pesca), a planificación urbana (ecoloxía urbana) e ocupación humana dos ecosistemas ou á economía. Os ecosistemas determinan os procesos que sustentan o capital natural (como a biomasa, os recursos de combustibles ou as fontes para elaboración de medicamentos), determinan os ciclos bioxeoquímicos globais e os hídricos e teñen un impacto humano a nivel histórico e económico.

Especie pioneira

Unha especie pioneira ou oportunista é aquela especie resistente que inicia a colonización dun lugar como a primeira etapa dunha sucesión ecolóxica.

Adoitan ser seres vivos fotosintéticos, xa que son os organismos iniciais de calquera cadea trófica.

Teñen unha gran valencia ecolóxica, pois téñense que adaptar a condicións pouco favorables para a perpetuación de calquera ser vivo. Debido a esta facultade, son especies eurióicas (ou xeralistas), son moi tolerantes ás variacións das condicións do medio, pero o número de individuos non adoita ser moi elevado.

Fonte hidrotermal

Unha fonte hidrotermal (tamén ás veces respiradoiro hidrotermal, cheminea hidrotermal ou fumarola hidrotermal) é unha fisura na superficie da codia continental ou oceánica do planeta na cal se emiten materiais acuosos quentes xeotermais. As fontes hidrotermais encóntranse xeralmente preto de lugares volcanicamente activos, que adoitan ser áreas nas que as placas tectónicas se están movendo, cuncas oceánicas, e puntos quentes. As fontes hidrotermais existen porque a Terra é xeoloxicamente activa e ten grandes cantidades de auga na súa superficie e no interior da codia. Tipos comúns destas fontes nos continentes son as fontes de augas termais, fumarolas e géyseres. Baixo o mar, as fontes hidrotermais poden formar estruturas chamadas fumarolas negras ou chemineas negras se emiten un líquido escuro, ou fumarolas brancas ou chemineas brancas se emiten un líquido claro. Comparadas coa maioría do fondo do mar profundo, as áreas arredor das fontes hidrotermais submarinas son máis produtivas bioloxicamente, e a miúdo albergan complexas comunidades que dependen troficamente dos compostos químicos disolvidos que saen cos fluídos hidrotermais. As bacterias quimiosintéticas e arqueas forman a base da cadea trófica, que sostén a vida de diversos organismos, entre os que hai vermes tubícolas xigantes, ameixas, lapas e gambas. Fontes hidrotermais activas crese que existen tamén noutros corpos celestes como na lúa Europa de Xúpiter, e especúlase que en Marte existen antigas fontes hidrotermais.

Fotosíntese

A fotosíntese (do grego φώτο foto, 'luz' e σύνθεσις synthesis, 'composición') é o proceso no que as plantas, cianobacterias e outras bacterias e algas macroscópicas, todas elas seres autótrofos, transforman enerxía luminosa en enerxía química procesando o dióxido de carbono (CO2), auga (H2O) e minerais en compostos orgánicos e osíxeno gasoso (O2).

A través do proceso aqueles producen o seu propio alimento, constituído esencialmente por azucres, como a glicosa (C6H12O6), de onde obteñen enerxía e carbono, aínda que tamén necesitan elementos químicos procedentes de sales minerais absorbidos polas raíces. Coa fotosíntese iníciase toda a cadea trófica. Sen esta, os animais e os outros seres heterotróficos serían incapaces de sobrevivir, pois a base da súa alimentación estará sempre nas substancias orgánicas proporcionadas polas plantas verdes.

Herbívoro

En zooloxía e en ecoloxía, un herbívoro é un animal (mamífero, peixe ou invertebrado) cuxa dieta alimenticia se basea principalmente na inxestión de plantas; aínda que, sendo as plantas herbáceas un subconxunto do reino vexetal, é máis correcto, desde o punto de vista semántico, o uso do termo fitófago.Na práctica, porén, moitos herbívoros tamén se alimentan de proteínas animais como, por exemplo, ovos.

Os humanos que non comen carne non son considerados herbívoros senón vexetarianos.

Na cadea trófica, os herbívoros son os consumidores primarios, mentres que os que se alimentan de carne son consumidores secundarios.

Modelización

A modelización á a concepción dun modelo. Segundo o seu obxectivo e os medios utilizados, a modelización pode ser matemática, xeométrica, 3D, mecanicista (por exemplo: modelización da cadea trófica dun ecosistema), cinemática, etc.). Require xeralmente ser confirmada por controis in situ, que pasan pola configuración e a calibración dos modelos.

Nivel trófico

Un nivel trófico é o lugar que ocupa un organismo na cadea trófica.

Nutrición autótrofa

A nutrición autótrofa (de autos, "por si mesmo", e trofo, "que se alimenta") é o tipo de nutrición característica dos denominados individuos autótrofos ou produtores, é dicir, aqueles capaces de sintetizaren substancias esenciais para o seu metabolismo partindo de substancias inorgánicas. Os autótrofos obteñen o seu carbono do CO2. Existen dous tipos de procesos autótrofos:

A fotosíntese dos seres fotolitoautrótofos (característico de plantas e outros organismos) que é o proceso no que se elabora materia orgánica, como os azucres, a partir de materia inorgánica, como a auga, dióxido de carbono e sales minerais. Para realizar esta reacción química requírese a enerxía bioquímica que a clorofila produce a partir da enerxía solar.A fotosíntese presenta unha fase luminosa, na que a enerxía procedente do Sol é transformada en enerxía bioquímica, e unha fase escura, na que, utilizando esta enerxía bioquímica, se obteñen azucres.A quimiosíntese dos organismos quimiolitótrófos realizada por bacterias mediante a oxidación de compostos inorgánicos (anhídrido sulfuroso ou compostos ferrosos) para produciren enerxía.

PCB

Os PCBs (PCB=bifenilospoliclorados) pertencen ao grupo dos contaminantes persistentes con tendencia a acumularse no tecido adiposo e a concentrarse na cima da cadea trófica.

Químicamente son compostos orgánicos constituídos por dous aneis benceno que se unen a través dun átomo de carbono de cada un deles (bifenilo) e un diverso número de átomos de cloro que substitúen a átomos de hidróxeno dos bencenos en distintas posicións. Este distinto número de átomos de cloro e as súas posibles posicións fan que o número de posibles PCBs sexa de máis de douscentos.

Son compostos sintéticos que se obteñen de forma illada, como un conxunto de isómeros ou como unha variada mestura. Non son inflamables, teñen unha estabilidade elevada e unha temperatura de ebulición alta. Todo isto xunto coa súa calidade de ser illantes eléctricos fai que grandes cantidades dos mesmos se empreguen na refrixeración de transformadores e condensadores eléctricos.

Reciben tamén uso, mesturados con polímeros, como plastificantes. Ademais, aplícanse como fluídos hidraúlicos e como tinturas. A combustión de lixo libera PCBs.

Pelagophyceae

Pelagophyceae é unha clase de algas unicelulares heterocontas mariñas. Estiveron clasificadas dentro de Chrysophyceae.. En rexións como a costa do golfo de México teñen impacto na pesca xa que forman mareas "marróns" e sustentan a cadea trófica.Son ovoides e dun tamaño entre os 3-5 μm. Teñen unha teca orgánica, habitualmente estreita, que rodea a case toda a célula. Cando teñen flaxelos o aparato basal queda reducido a un menor tamaño. O pé dos flaxelos ten unha pequena hélice de transición, que está por riba da placa. A pelame dos flaxelos é bipartita ou tripartita, e sempre orientada no mesmo xeito. Carecen de placas "oculares", ou puntos de recepción lumínica .

Teñen cloroplastos con lamelas estreitas con tres tilacoides. Os plástidos conteñen clorofila a e c. A pigmentación que posúen son a fucoxantina, diatoxantina, diadinoxantina e nalgúns casos a 19'-butanoxilofucoxantina. Non teñen, porén, violaxantina. Posúen mitocondrias densas con cristas tubulares.

Soen ser bacterióvoros. Polo común, atópanse na fase vexetativa como células cocoidais flaxeladas con capacidade natatoria ou como masas celulares agregadas por algún composto excretado.

Plancto

En ecoloxía denomínase plancto ao conxunto de organismos de moi pequeno tamaño, principalmente microscópicos, que viven nas augas salgadas ou doces e que, por seren incapaces de nadar contra a corrente, flotan e son arrastrados polas correntes.O plancto tipicamente flúe coas correntes de auga. Mentres que algunhas formas son capaces de realizar movementos independentes e poden nadar verticalmente centos de metros nun só día (comportamento denominado migración vertical diaria), a súa posición horizontal está determinada principalmente polas correntes.

Isto fai que se distinga do necto, o conxunto de organismos que son nadadores activos; do bentos, conxunto dos organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos, e do neusto, conxunto dos organismos que viven na interface ou límite da auga co aire, é dicir, na superficie.

Os organismos que forman o plancto comprenden a todos os animais, plantas, archaea, algas, e bacterias que habitan na zona peláxica de océanos, mares, lagos, ríos ou outros corpos de auga. É dicir, o plancto defínese polo seu nicho ecolóxico, non pola clasificación taxonómica ou filoxenética.

Os organismos que o compoñen proporcionan unha fonte crucial de alimentos a moitos outros organismos acuáticos, grandes ou pequenos, como peixes e baleas, entre outros.

Zooplancto

Tradicionalmente dividiuse a comunidade planctónica en fitoplancto ou plancto vexetal e en zooplancto ou plancto animal.Denomínase zooplancto á fracción do plancto constituída por seres que se alimentan por inxestión, de materia orgánica xa elaborada. Intégrana protozoos, é dicir, protistas diversos, fagótrofos que engloban o alimento fagocitándoo, e tamén por larvas de animais máis grandes, como esponxas, vermes, equinodermos, moluscos ou crustáceos e doutros artrópodos acuáticos, así como formas adultas de pequeno tamaño de crustáceos como copépodos ou cladóceros, rotíferos e fases xuvenís de peixes.

Son heterótrofos que oupan na cadea trófica as primeiras posicións de consumidores, alimentándose dos produtores primarios (compoñentes do fitoplancto), de organismos descompoñedores (como bacterias) ou doutros compoñentes do zooplancto. Algúns se alimentan de residuos orgánicos particulados.

En moits casos os integrantes do zooplancto gardan unha gran proximidade sistemática con outros do fitoplancto, ás veces incluso son do mesmo xénero. Por exemplo, moitas algas unicelulares flaxeladas simultanean ou alternan a fotosíntese coa inxestión de alimentos orgánicos.

Ácido docosahexaenoico

Non confundir con dihidroxiacetona, que tamén se abrevia DHA.A ácido docosahexaenoico (DHA) é un ácido graxo omega-3 que é un compoñente estrutural importante do cerebro humano, pel, espermatozoides, testículos e retina. Pode sintetizarse a partir do ácido alfa-linolénico ou obtido directamente do leite materno ou de aceite de peixe. A estrutura do DHA é a dun ácido carboxílico (terminación -oico do nome) de 22 carbonos (docosa- en grego significa 22) e seis ("hexa" en grego) dobres enlaces de tipo cis (polo que leva -en- no nome), polo que é un ácido graxo poliinsaturado. O seu primeiro dobre enlace está localizado no terceiro carbono empezando polo final, polo que é un ácido omega-3. Tamén ten o nome común de ácido cervónico, o seu nome sistemático é ácido todo-cis-docosa-4,7,10,13,16,19-hexa-enoico, e a súa denominación abreviada é 22:6(n-3).

Os peixes oceánicos de auga fría son ricos en DHA. A maioría do DHA dos peixes e de organismos pluricelulares que comen alimentos de augas mariñas frías procede de microalgas, e a concentración de DHA increméntase a medida que ascendemos na cadea trófica. O DHA tamén se elabora comercialmente a partir de microalgas; como Crypthecodinium cohnii e outras do xénero Schizochytrium.Algúns animais con acceso a alimentos mariños sintetizan moi pouco DHA no seu metabolismo, xa que o obteñen doadamente da dieta. Porén, nos herbívoros estritos, e carnívoros que non comen alimentos mariños, o DHA ten que ser biosintetizado internamente a partir de ácido α-linolénico, un ácido graxo omega-3 máis curto sintetizado polas plantas (e que tamén teñen os animais que se alimentan de plantas). Os ácidos eicosapentaenoico e docosahexapentaenoico son os principais produtos do metabolismo do ácido α-linolénico nos homes xoves, e é importante para o feto e durante a lactancia. Un estudo de 2004 encontrou taxas de conversión un 15% maiores en mulleres que en homes, e as que tomaban contraceptivos orais tiñan uns niveis de DHA un 10% maiores que as que non. A administración de testosterona ou o inhibidor da aromatase anastrozol, que bloquean a conversión da testosterona en estradiol, reduce a conversión de DHA. O DHA é o principal ácido graxo nos fosfolípidos dos espermatozoides e do cerebro e na retina. O DHA da dieta pode reducir o risco de enfermidades cardíacas ao reducir o nivel sanguíneo de triglicéridos nos humanos. Niveis inferiores ao normal de DHA foron asociados coa enfermidade de Alzheimer. Un nivel baixo de DHA tamén se dá en pacientes con retinite pigmentosa.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.