Cabo Touriñán

O cabo Touriñán é o punto máis occidental de Galicia, e da España peninsular. Sitúase no concello de Muxía, na provincia da Coruña.

O cabo é unha pequena península que se introduce no mar preto de 1 km, tendo na súa parte máis estreita un istmo de centenar e medio de metros de ancho, entre os coídos de Balal e de Cuño. A altitude máxima son 93 metros sobre o nivel do mar. A estrutura xeolóxica é granítica. A erosión da rocha propiciou a formación de depósitos de cantos rodados, coñecidos como coídos e formacións de penedías que forman barras pétreas (laxes) que a marea cobre ou deixa ao descuberto, formándose algún illote como A Ínsua ou O Castelo, na cara oeste do cabo. A punta occidental do cabo, denominado Os Buxeirados, ofrece unha serie de laxes que penetran no mar uns 300 ou 400 metros, coñecidos como A Laxe de Buxeirados ou Baixos de Buxeirados, moi perigosa para a navegación, onde se teñen rexistrados algúns graves naufraxios de que hai constatación documental.

Dado o agreste da paraxe, a vexetación está basicamente formada por queiroas e toxos.

Na parte norte aséntase o faro vello (inaugurado o 15 de decembro de 1898) e o novo (inaugurado en 1981). A súa luz, situada a 61 metros de altitude, acada os 37 km.

A denominación procede da próxima parroquia de Touriñán, á cal pertence o cabo, e que debe remontar a un posesor de nome latino, que debemos supor fose un Taurinius ou ben Taurinianus, a través do xenitivo (vila) Tauriniani. Así o considerou, por exemplo, Frei Martín Sarmiento na súa Obra de 660 pliegos:

Coordenadas: 43°03′12″N 09°17′54″O / 43.05333, -9.29833

Cabo Touriñán1
Cabo Touriñán.

Galería de imaxes

Illa do Castelo, Touriñán

Illa do Castelo.

Costa da morte

Onda rompendo nas rochas do cabo Touriñán.

Cabo Touriñán2

Sinal informativo sobre o faro.

Cabo Touriñán 13VII2013 01

Cabo Touriñán.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Baña Heim, José, Viaje a la Costa de la Muerte, con la historia y anecdotario de sus naufragios. s.l.(impresa en Mesoiro, A Coruña), DL. 1980, 4ª edición - ISBN 8440400285

Outros artigos

Cabo (xeografía)

En xeografía, un cabo é un accidente xeográfico formado por unha masa de terra que se proxecta deica o interior do mar; recibe este nome cando a súa influencia sobre o fluxo das correntes costeiras é grande, provocando dificultades para a navegación. Algúns cabos débenlle a súa sona por ser a característica a máis salientable, como o cabo de Fornos. Tamén se poden denominar como "puntas" aqueles cabos de pequenas dimensións ou con extremos moi agudos.

En España destacan o Cabo Fisterra, a Punta de Tarifa e o de Estaca de Bares, entre outros.

A navegación realizada entre cabos sen a perda do contacto visual coa costa denominase cabotaxe.

Cabo Fisterra

O cabo Fisterra é un promontorio de granito dunha altura de 600 m situado no concello coruñés de Fisterra en plena Costa da Morte, constituído por unha península que penetra no mar 3 km.

Hai autores[quen?] que identifican o cabo Fisterra co antigo Promontorio Nerio dos xeógrafos romanos, outros sitúan neste lugar a Ara Solis, na cal se practicaba o culto celta ao Sol. Os romanos pensaron que este era o punto máis occidental do mundo coñecido. Porén, o cabo Touriñán sitúase máis cara o oeste.

O faro foi construído en 1853. A torre do faro, feita de cantaría, é de base octogonal, e acaba nunha cornixa sobre a que se apoia a balconada. Encima está a bóveda, cunha lanterna poligonal. A torre mide 17 metros e a súa luz, situada a 143 metros sobre o nivel do mar, acada máis das 30 millas náuticas. A constante néboa do inverno provocou que se lle engadise unha sirena en 1888, a Vaca de Fisterre, para avisar aos navegantes do perigo existente. Aínda así, foi escenario de naufraxios, como en 1870, cando o Monitor Captain se afundiu levando 482 persoas da súa tripulación no suceso máis lutuoso desta costa.

Hai tamén, preto do lugar unha serie de pedras vencelladas a lendas relixiosas: As Pedras Santas, As Pedras Manchadas de Viño, A Cadeira de Pedra, A Tumba de Orcabella.

Cabo da Nave

O cabo da Nave é o segundo cabo máis occidental de Galicia e da España peninsular logo do cabo Touriñán. Sitúase no concello coruñés de Fisterra, en plena Costa da Morte, a uns 5 km do cabo Fisterra.

Castelo de San Xurxo

O castelo de San Xurxo foi unha fortaleza medieval situada no macizo granítico do Monte Pindo, en Carnota.

Costa da Morte

A Costa da Morte é a franxa costeira galega que gañou ese nome polos numerosos naufraxios acontecidos no século xix e comezos do século xx e que se popularizaron a través da literatura galega e inglesa. Un dos naufraxios de máis repercusión nos medios foi o dos mariñeiros do Serpent, que naufragaron en 1890 e se enterraron en Cabo Vilán.Algunhas veces a Costa da Morte foi delimitada como a costa que vai desde o cabo Fisterra ata as illas Sisargas, en Malpica, e outras mesmo desde Muros ata A Coruña.Os actuais proxectos gobernamentais,das agrupacións locais e europeos adoitan incluír dentro da Costa da Morte as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra e parte de Xallas ,Muros e A Coruña ; incluíndo os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Arteixo,Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.Agás as vilas costeiras, o litoral e o espazo marítimo están catalogados como espazos naturais LIC e ZEC por ser unha área de importancia para as aves acuáticas que hibernan alí, un refuxio de fauna e pola vexetación dos seus cantís e polas peculiaridades xeolóxicas da costa.

Faro de cabo Touriñán

O faro de cabo Touriñán atópase na localidade de Muxía en plena Costa da Morte e foi construído no ano 1898.

Fisterra

Fisterra (do latín finis terrae 'fin da terra') é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».

Galería de imaxes de Touriñán, Muxía

San Martiño de Touriñán é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Muxía.

Galería de imaxes de faros de Galicia

Galería de imaxes de faros de Galicia.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Lista de faros de Galicia

Esta é unha lista de faros de Galicia.

Muxía

Muxía é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE a súa poboación no 2014 era de 5.068 habitantes (5.424 no 2010, 5.746 no 2006, 5.823 no 2005, 5.899 no 2004, 6.029 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «muxián».

Prestige

O Prestige foi un buque petroleiro monocasco construído no Xapón en 1976 que afundiu fronte ás costas galegas o 19 de novembro de 2002, producindo unha inmensa marea negra que afectou a unha ampla zona comprendida dende o norte de Portugal ata as Landas ou Vendée, en Francia, provocando a maior catástrofe ecolóxica na historia de Galicia e unha mobilización social e política. Desta mobilización xurdiu a plataforma Nunca Máis.

Ría de Lires

A ría de Lires é unha ría galega situada na Costa da Morte. Os seus limites son o cabo Fisterra ó sur e o cabo Touriñán ó norte.[Cómpre referencia] E unha ría moi aberta ó mar. Nela desemboca o río Castro. Esta e unha das rías mais pequenas de Galicia

Touriñán

O topónimo galego Touriñán pode referirse a:

Touriñán, parroquia do concello de Muxía;

Touriñán, lugar de dita parroquia;

cabo Touriñán, situado en dita parroquia, punto máis occidental de Galiza;

Faro de cabo Touriñán.Amais, como apelido pode referirse a:

Xosé Antonio Touriñán, actor galego (n. 1980).

Touriñán, Muxía

San Martiño de Touriñán é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Muxía. Segundo o IGE de 2013 tiña 77 habitantes (45 homes e 32 mulleres) distribuídos en 3 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 98 habitantes.

Xeografía de Galicia

A xeografía de Galicia caracterízase polo contraste entre os relevos costeiro, de baixa altitude, e o do interior, dunha maior altitude. Tamén contrasta a morfoloxía entre as chairas elevadas setentrionais e as serras e depresións meridionais. A superficie do territorio galego é de 29 574,4 km².

Zona especial de conservación da Costa da Morte

O espazo natural da Costa da Morte é unha contorna catalogada como zona especial de conservación (ZEC) e que protexe o litoral e as augas costeiras que van desde a praia de Alba en Arteixo ata cabo Fisterra. Xa que acolle as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra recibe o seu nome da rexión coruñesa homónima: a Costa da Morte. Destaca por contornas como son as Illas Sisargas, as marismas de Baldaio, a enseada da Ínsua, a lagoa de Traba, a praia do Trece, a ría de Corme e Laxe, e os cabos de Vilán e Fisterra. Protexe unha importante área do mar diante do cabo Fisterra. É unha área de importancia para as aves acuáticas que hibernan alí, como refuxio de fauna e pola vexetación dos seus cantís.Coas súas 11.809 ha, o espazo natural da Costa da Morte é o máis extenso dos costeiros galegos. Malia a todo, a zona protexida non é continua en toda a costa. As poboacións costeiras, como son Malpica, Corme, Laxe e Muxía, a ría de Camariñas e o litoral de Arou a Camelle quedan fóra do espazo protexido.Este espazo ten unha alta diversidade de hábitats, nos que destacan os costeiros coas súas dunas e os de vexetación halófita. Ten varias especies de protección prioritaria: Omphalodes littoralis subsp. gallaecica e o sapoconcho mariño Caretta caretta, que non está sempre pero que é habitual velo na costa. O 69,3% da área do espazo natural ten un valor de conservación alto e o 20,3% o maior valor de conservación.A zona de protección de aves (ZEPA) da costa da Morte non casa na súa totalidade do LIC. Vai desde cabo Caión ata cabo Touriñán e abrangue ata as 20 millas náuticas desde a costa, co que chega a ser unha área de protección de 316.283,05 ha.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.