Cabalo de pura raza galega

O Cabalo de Pura Raza Galega (PRG) é a denominación que recibe oficialmente[1][2] unha raza de cabalos Equus ferus caballus de pequeno tamaño, recoñecida como raza equina autóctona de Galicia. Outras denominacións tradicionais son cabalo galego de monte[3], cabalo galaico, poni galego, faca galiciana, faca galega ou, simplemente, cabalo do país[4].

Recentemente tense suxerido a pertenza desta raza a unha nova subespecie de cabalos, o Equus ferus atlanticus[5] . Para esta nova subespecie propúxose a denominación de "garrano".[6]

A finais do século XX atopábase en estado de perigo de extinción: en 1999 o rexistro oficial mantiña un censo de soamente 190 exemplares. O programa para procurar a súa recuperación e preservación conseguiu censar en 2001 450 exemplares (o 80% deles en idade reprodutora) e a finais de 2012 a poboación censada era de máis de 1.500 exemplares[7][8].

Cabalo de pura raza galega
Cabalo de pura raza galega no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia.

Cabalo de pura raza galega no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Perissodactyla
Familia: Equidae
Xénero: Equus
Especie: Equus ferus
Subespecie: E. f. caballus
Nome trinomial
Equus ferus caballus
Linnaeus, 1758
Orixe da raza

Orixe da raza

Orixes

Rapa das bestas. Galiza
Escena da popular Rapa das bestas, un evento de interese turístico e cultural de Galicia celebrado en varias localidades onde o principal protagonista é o cabalo galego mestizo xunto coa exhibición de exemplares de cabalo de pura raza galega (PRG).

Os testemuños máis antigos que se conservan da presenza de poboacións de équidos en Galicia atópanse en representacións rupestres na área de Sabucedo ou nos petróglifos de Viladesuso (na Serra da Groba), datados no período da Idade de Bronce.[Cómpre referencia]

A teoría máis aceptada sobre a orixe do cabalo galego de pura raza sostén que foron os pobos celtas chegados do norte da Península Ibérica, cara aos séculos VII e VI a.C., os que introduciron un cabalo de testa pequena e orellas curtas, grupa forte, e pelo basto de cor escura. A eles refírense autores clásicos, como Estrabón, Marcial ou Plinio, ou da época medieval da Reconquista, onde a cría cabalar vencellouse fortemente á actividade colonizadora dos mosteiros establecidos durante os séculos X e XI[9].

Este tronco común foise diferenciando ao longo dos séculos polas condicións ambientais e a intervención de procesos de mestizaxe dando orixe ás diversas razas afíns á galega que se espallan pola fachada atlántica europea dende Portugal ata Escocia e Islandia.

Malia vivir tradicionalmente en réxime de liberdade nas áreas montañosas do relevo galego, principalmente en grupos ou mandas, o cabalo galego foi explotado polo ser humano na antigüidade como animal de combate, e posteriormente destinado á montura e ós labores rurais, sendo en menor medida, polas características da súa carne, empregado tamén para a produción cárnica e o consumo.

Coa mecanización da agricultura e o interese preferente por aumentar a poboación de animais destinados á produción de carne, nas últimas décadas do século XX a poboación de cabalo de monte xeneticamente pura viuse minguada por mor de procesos de mestizaxe. Neste contexto, cara a finais da década de 1980, a iniciativa de diversos organismos internacionais como Nacións Unidas e a FAO ou a entón CEE, promovéronse nas instancias de política agraria diversas iniciativas destinadas á protección e conservación das razas domésticas en perigo de extinción[10].

Desenvolvemento lexislativo

Ruta de Padrendo, Lobios. Cabalos
Cabalos en réxime de liberdade (Lobios, Ourense)

Mentres estudos académicos e universitarios constataban a deterioración e retroceso do estado xenético do cabalo galego de monte, a CEE publicou en 1992, no marco da reforma da Política Agraria Común, o Regulamento (CEE) 2078/92 do Consello, do 30 de xuño, polo que se provisionaba unha axuda económica ás iniciativas nos Estados membros en favor da crianza e mantemento de animais de razas locais en perigo de extinción. O novo Regulamento serviu tamén para a constitución do organismo europeo Centro de Estudos e de Investigación sobre a Economía e a Organización das Producións Animais (CEREOPA) coa finalidade de seleccionar, tras un inventario, aquelas razas de interese en perigo e definir os requisitos para o desenvolvemento das políticas para a súa protección.

En Galicia constituíuse en 1997 a Asociación de propietarios e criadores de cabalo galego de monte e, pouco máis tarde, elaborouse dende o goberno autónomo un primeiro plan de fomento, mellora e conservación do cabalo galego que, con todo, foi criticado dende as asociacións de gandeiros por consideralo un instrumento de control da Administración.

O CEREOPA fixo público en 1994 a lista europea de razas equinas de especial protección, na que incluíu o cabalo galego de monte e, pouco despois, o Estado español adoptaba o ordenamento comunitario por medio do Real decreto 51/1995, de 20 de xaneiro, que se comezou a aplicar en Galicia a partir de 1996. Con todo, durante o mesmo ano unicamente foron rexistrados cinco exemplares, como resultado das reticencias non resoltas por parte dos gandeiros que vían insuficiente a compensación censal de animais puros, unha perda económica en comparación co cruzamento dos exemplares con outros doutras razas de tamaño medio para a produción de carne[11].

Descrición da raza

Cabalo galego
Cabalo de pura raza galega exposto na Semana Verde de Silleda (2008)

O cabalo de pura raza galega é un cabalo de perfil recto ou subcóncavo, de proporcións pequenas. A alzada á cruz oscila entre os 120 e 140 cm.

A cor da capa é negra ou castaña, cos extremos escuros. Crinas e rabo negros, con cerdas longas e abundantes. Admítese a presenza dunha estrela na fronte, aínda que se considera un defecto. Rexéitase calquera despigmentación na capa.

Na cabeza destaca un abundante topete de pelo sobre a fronte. Ten orellas pequenas e abundante pelo. No belfo pode presentar un bigote patente (indicativo da rusticidade da raza) e longos pelos na queixada (barbela). A cruz adoita ser marcada e a liña dorsolumbar lixeiramente afundida, tendendo a recta. As patas son curtas, finas pero fortes. O casco é escuro ou negro, pequeno e duro.

Distribución e cría

O cabalo de pura raza galega críase fundamentalmente en réxime de liberdade (ó redor do 75% dos exemplares) en montes comunais das provincias da Coruña e Pontevedra, así como no norte da de Lugo e algunhas mandas no oeste da de Ourense. O terreo axeitado para a cría son as serras abertas, con abundante vexetación arbustiva e escasas árbores e libres da presión humana, espazos nos que se criaba en réxime extensivo, ceibo durante todo o ano. Por tratarse dunha raza rústica, capaz de aproveitar os escasos recursos alimenticios que ofrecen estes ecosistemas e resistir as duras condicións climatolóxicas, desenvólvense e multiplícanse facilmente nestas condicións, onde ningunha raza especializada sobreviviría. O cambio de réxime de cría extensiva cara á estabulación permanente no caso dos exemplares destinados a equitación explica o cambio desde a denominación orixinal de Cabalo galego de monte á actual de Cabalo de Pura Raza Galega, contemplando así a cría intensiva[12].

O seu aproveitamento non é cárnico, dado o reducido hábito en Galicia de comer carne de cabalo, senón para actividades deportivas e de lecer, turismo ecuestre etc. Outras razas autóctonas procedentes do mesmo tronco, criadas en Francia ou Inglaterra, xa son de uso normal en equitación.

A cría no monte ofrece unha vantaxe secundaria: ó comer na matogueira e actuaren a modo de desborazadores naturais, inflúen positivamente na redución en número e extensión dos incendios forestais. Este valor ecolóxico da presenza do cabalo ceibo no monte súmase ó aproveitamento puramente gandeiro.

Evolución da poboación

Ano Femias Machos Total Ganderías
2009 778 127 905 1
2010 1119 250 1369 280
2011 1245 281 1526 334
2012 1276 245 1521 265
2013 1337 286 1623 304
2014 1385 321 1706 314
2016[13] 1402 281 1683 303

Notas

  1. Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de 4 de abril de 2001 pola que se establece a regulamentación específica do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega (DOG nº 74, de 17 de abril).
  2. Orde APA/33/2002, de 2 de xaneiro, pola que se modifica o Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, de conformidade co previsto no Real decreto 1682/1997, de 7 de novembro, polo que se actualiza o Catálogo Oficial de Razas de Gando de España (BOE nº 13, de 15.01.2002).
  3. Esta foi a denominación coa que figuraba no Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, no que se introduciu en 1997, ata a súa reforma pola Orde APA/33/2002.
  4. Pose e col. 2001; mediorural.xunta.es
  5. BÁRCENA, F. 2012. Garranos: Os póneis selvagens (Equus ferus sp.) do norte da Península Ibérica. Pp 75-96, Livro de Atas, I Congresso Internacional do Garrano, Arcos de Valdevez, 23-25 setembro 2011.
  6. MAGDALENA R. y VIDAL T. 1984. Los garranos galaicos. Quercus 15: 35-38.
  7. mediorural.xunta.es[Ligazón morta]
  8. Da mestizaxe existente dá idea o feito de que en 2001 o censo de cabalos criados ceibos nos montes galegos ascendía a uns 22.000 exemplares.
  9. mediorural.xunta.es[Ligazón morta]
  10. Pose e col. 2001.
  11. Pose e col. cifraban o diferencial do prezo da carne de entón dun poni de pura raza a outro cruzado en 60 ou 90 euros.
  12. Que, contra 2001, era xa do 20% aproximadamente dos exemplares rexistrados.
  13. Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (ed.). "Aplicación ARCA". Consultado o 27 de marzo de 2016.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Pose, H., G. Rivero, A. Fernández, J.L. Viana, G. Santamarina e M. Fernández: "Actuaciones para la conservación del cabalo galego de monte" en Archivos de Zootecnia 0004-0592 2001 vol 50; num 189-190; pp. 251–258. Dispoñible en [1]
  • Fernández Rodríguez, Miguel, e outros: Razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción. Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, 2001
  • Lagos Abarzuza. Ecología del lobo (Canis lupus), del poni salvaje (Equus ferus atlanticus) y del ganado vacuno semiextensivo (Bos taurus) en Galicia: interacciones depredador - presa. Tese Doutoral. Universidade de Santiago de Compostela. 2013.

Outros artigos

Ligazóns externas

Cabalo

O cabalo, ou egua se é femia, (Equus ferus caballus) é un animal mamífero perisodáctilo da familia dos équidos (Equidae), herbívoro, cuadrúpede e de pescozo longo e arqueado. É unha das dúas subespecies existentes de Equus ferus ou cabalo salvaxe. O cabalo evolucionou ó longo dos pasados 45-55 millóns de anos dende o pequeno Hyracotherium ata o animal de hoxe en día. Os humanos comezaron a domesticar cabalos no -4000, e a súa doma crese que se estendeu no -3000. Os cabalos da subespecie caballus son domésticos, pero algunhas poboacións viven en liberdade ou semiliberdade. Estas poboacións de cabalos asilvestrados non son verdadeiros cabalos salvaxes, xa que este termo emprégase para describir cabalos que nunca foron domesticados, como o ameazado cabalo de Przewalski, unha subespecie separada e o único cabalo salvaxe que aínda existe.

A anatomía do cabalo permítelle facer uso da velocidade para escapar de depredadores e teñen un ben desenvolvido sentido do equilibrio e unha forte resposta de loita ou fuxida. Relacionado coa necesidade de fuxir de depredadores na vida salvaxe, os cabalos son quen de durmir tanto de pé como deitados. As femias, chamadas eguas, coidan das súas crías durante aproximadamente 11 meses, e un cabalo novo, chamado poldro, pode correr coa nai pouco tempo despois do nacemento. A maioría dos cabalos domesticados comezan a adestrarse coa cadeira de montar ou co arnés entre os dous e os catro anos. Acadan a madurez completa ós cinco anos, e chegan a vivir entre 25 e 30 anos.

As razas de cabalo divídense en tres categorías baseadas no seu temperamento: de "sangue quente e enérxicos" con velocidade e resistencia; "sangue frío", como o cabalo albardeiro e algúns ponis, axeitados para traballos lentos e pesados; e de "sangue morno", produto de cruces entre os de sangue quente e de sangue frío, centrándose a miúdo en crear razas para fins específicos de monta, especialmente en Europa. Existen máis de 300 razas de cabalo no mundo, desenvolvidas para diferentes usos.

Cabalos e humanos interveñen en gran cantidade de actividades competitivas e non competitivas, así como actividades de traballo como policía, agricultura, entretemento e terapia. Tamén foron historicamente usados na guerra, do cal desenvolvéronse unha ampla variedade de técnicas de equitación e condución, con moitos estilos diferentes de equipos e métodos de control. Por outra banda obtéñense moitos produtos destes animais, como a carne, o leite, pel, pelo, óso e os produtos farmacéuticos extraídos dos ouriños de eguas embarazadas.

Cabra galega

A cabra galega é unha raza de cabras de orixe galega. No ano 2017, o número total de exemplares era de 1013 (778 femias e 62 machos) distribuídos en 59 explotacións gandeiras. Son animais moi adaptadas ó medio e, segundo o Invesaga (Investigación en Sanidade Animal de Galicia) presentan máis resistencia ás infeccións que outras razas caprinas, como o parasito do verme hepático.

Cachena

A cachena é unha raza de vacún de grande rusticidade, perfectamente adaptada ó medio no que se desenvolve onde aproveita uns recursos naturais para pacer que dificilmente serían aproveitados por outras razas bovinas. É un tipo de vaca galleira, cos cornos longos cara a arriba e abertos para os lados.

As cachenas son animais de pequeno tamaño e cornos de grandes proporcións. A súa área de orixe sitúase nas zonas montañosas dos concellos incluídos no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, especialmente na aldea de Olelas, e nas estribacións montañosas do homólogo parque nacional portugués de Peneda-Gerés.

Caldelá

A caldelá é unha raza de vacún autóctona de Galicia. Actualmente a poboación é moi reducida, cuns 1304 exemplares (2014). A raza caldelá ten un temperamento tranquilo e polo tanto é boa para a súa utilización para o traballo. É unha raza típica da provincia de Ourense e o seu nome provén de Castro Caldelas, concello que é centro xeográfico da raza.

Centro Ecuestre de Antela

O Centro Ecuestre de Antela abrangue unha serie de instalacións, dependentes da Deputación Provincial de Ourense, situadas no concello de Sandiás, no antigo predio da lagoa de Antela.

Centro Hípico Los Porches

O Centro Hípico Los Porches é unha entidade adicada á equitación situada na parroquia de Morás, en Arteixo, e que foi fundada en 1993 por unha familia afeccionada ó mundo hípico. O centro está homologado pola Federación Hípica Española cunha categoría de 3 estribos nun rango de 1 a 4.

Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia

O Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia (CRZG), inaugurado en 2006 e situado no Pazo de Fontefiz (Ucelle, Coles), é un organismo que ten por obxectivo a recuperación e conservación das razas animais autóctonas en perigo de extinción. O organismo dependen da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.No Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, as razas bovinas autóctonas críanse seguindo a agricultura ecolóxica, caracterizada pola crianza ao aire libre e a alimentación natural.

Concurso de Saltos Internacional da Coruña

O Concurso de Saltos Internacional da Coruña é unha proba hípica que cada mes de decembro se disputa no Centro Hípico Casas Novas, en Arteixo. A primeira vez que se disputou foi no ano 1990. Trátase dunha proba con categoría de 5 estrelas (5*****), distinción que teñen os concursos que ofrecen un mínimo de 385.221 euros en premios (500.000 francos suízos) e nos que participan cabalos dunha idade mínima de 7 anos.

Concurso de Saltos Internacional de Vigo

O Concurso de Saltos Internacional de Vigo foi unha proba hípica da Copa do Mundo de Saltos que cada mes de febreiro dende o ano 2002 ata o 2011 se organizaba dentro do IFEVI de Vigo. Tratábase da única proba da Copa do Mundo de Saltos que se disputaba en España.

O CSI Vigo tivo unha categoría de 5 estrelas (5*****), a máxima posible, un recoñecemento que teñen os concursos internacionais de saltos cun mínimo de 385.221 euros en premios (500.000 francos suízos) e nos que participan cabalos dunha idade mínima de sete anos.

Curro da Enxa

O curro da Enxa é unha instalación ecuestre situada nos Chans de Raña, no monte da Enxa (538 m), en Baroña (Porto do Son). As instalacións inclúen un circuíto de carreiras de cabalos, 3 curros de madeira, unha zona de lecer e picnic, e 2 alpendres.

Frieiresa

A frieiresa é unha raza de vacún autóctona de Galicia. Actualmente a poboación é moi reducida, cuns 673 exemplares (2014) distribuídos en 30 ganderías. É unha raza típica da provincia de Ourense.

Guicho

O guicho ou quisquelo é unha raza de cans de orixe galega. O seu nome vén das súas características orellas guichas. A súa función zootécnica é a de can de caza especializado na caza do coello de monte de Galicia, polo cal tamén recibe o nome popular de "coelleiro". Os bos exemplares en pureza non abundan, sendo moi solicitados e requiridos polos cazadores.

Limiá

A limiá é unha raza de vacún autóctona de Galicia. Actualmente a poboación é moi reducida, cuns 852 exemplares (2014).

Ovella galega

A ovella galega é unha raza de ovellas de orixe galega. Clasifícase dentro da póla de produtoras de la entrefina, cuxo antergo é o Ovis aries celtibericus. O número de exemplares desta raza en Galicia medrou notablemente nos últimos anos. No ano 2012 o número total de exemplares era de 4.548 (3.862 femias e 686 machos) distribuídos en 110 explotacións gandeiras.

Perdigueiro galego

O perdigueiro galego é unha raza de cans de orixe galega. É un can de caza de mostra, especializado na caza de pluma (perdiz, arcea e paspallás). Tamén recibe o nome popular de "can das perdices".

A partir da década dos setenta, coa introdución de razas foráneas, foi moi mesturado e practicamente absorbido polos pointer ingleses e os braco alemáns, o que causou o declive e a práctica desaparición desta raza. Nestes momentos estase intentando recuperar a partir dos poucos exemplares que aínda se poden atopar en maior ou menor pureza, dispersos polas provincias de Lugo e Ourense.

Podengo galego

O Podengo galego é unha raza de cans de orixe galega. É un can de caza de coello principalmente, aínda que tamén de lebre e raposo.

Porco celta

A raza porcina porco celta é unha variedade que até comezos do século XX era a maioritaria en Galicia. Despois de estar a piques de desaparecer durante os anos oitenta, en 1999 púxose en marcha a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta. O apoio público coa creación dun rexistro da raza e a difusión das cualidades deste animal está a favorecer o rexurdimento da cabana noutrora maioritaria en Galicia, antes de se ver desprazada por novas razas que ofrecían un maior crecemento.

Razas de vacún

Existen unhas 800 razas de vacún recoñecidas no mundo enteiro, adaptadas aos climas locais e aos seus usos especializados. Dentro delas poderiamos facer dous grandes grupos: os que corresponden á especie vaca (Bos taurus) e os que corresponden á especie cebú (Bos indicus). As vacas son as máis abondosas no mundo, particularmente nas zonas temperadas e frías, mentres que os cebús aparecen nas zonas máis cálidas pola súa resistencia á calor. Tamén existen algunhas razas híbridas.

As razas tradicionais galegas son a cachena, a caldelá, a frieiresa, a limiá a rubia galega e a vianesa.

Vianesa

A vianesa é unha raza de vacún autóctona de Galicia.

Razas autóctonas galegas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.