Cabaleiro

O termo cabaleiro designa unha posición social no sistema feudal da Idade Media, caracterizado por servir militarmente montado a cabalo[1]. Orixinouse na época carolinxia e foi evolucionando conforme aumentaba o seu poder.

Co desenvolvemento das cruzadas, o cabaleiro deixou de ser simplemente o combatente a cabalo para se transformar no representante por excelencia da nobreza, ao que se lle atribuían ideais relixiosos e virtudes como a lealdade ao señor e a defensa dos débiles. Os novos cabaleiros tiñan que ser armados segundo uns ritos determinados pero previamente teñen que aprender o oficio actuando de escudeiro e demostrando que tiñan as cualidades físicas necesarias para o exercicio das armas e as virtudes cristiáns así como valor, sabedoría, siso, lealdade, misericordia, castidade e humildade; non é pois un título que se puidera herdar aínda que para ser cabaleiro era preciso ter nobreza de sangue, agás casos excepcionais.

Na Península Ibérica o proceso que seguía un escudeiro antes de ser armado cabaleiro consistía en confesar e comungar, pasar o día anterior en xaxún, logo durante a misa debía ofrecerse ao presbítero e á orde de cabalería e logo do sermón o príncipe ou señor que armaba ao novo cabaleiro cínguelle a espada, bícao e dálle un golpe no lombo. O novo cabaleiro montaba no cabalo coas armas que lle son propias: a espada símbolo da xustiza e a lanza símbolo da rectitude.

Knight Santiago
Cabaleiro da Orde de Santiago.
Hubert van Eyck 020
Cabaleiro, fragmento do retablo O año místico de Jan van Eyck.

Notas

  1. Aínda que os plebeos que tiñan renda suficiente para manter un cabalo servían montados nel, coñecíanse como cabaleiros viláns ou coteifes
Bedivere

Sir Bedivere, tamén coñecido como Sir Bedevere, Bedwyr en galés ou Bédoier en francés, é un cabaleiro da Táboa Redonda e un personaxe recorrente nas lendas da Materia de Bretaña.

Bedivere é o cabaleiro que devolve a espada Excalibur á Dona do Lago. Tamén é un dos personaxes máis antigamente asociados con Artur, como Sir Kay e Sir Gauvain, cumprindo coa función de mariscal do rei.

En Historia Regum Britanniae, de Godofredo de Monmouth, Sir Bedivere aparece como un dos cabaleiros máis leais ó rei Artur, e esta posición mantense ó longo das distintas lendas artúricas. Tamén é un dos poucos superviventes da Batalla de Camlann, na que Artur fica mortalmente ferido. Trala batalla, o rei moribundo solicita a Sir Bedivere que devolva a espada guindándoa ó lago. Despois da morte do seu rei, Bedivere faise ermitán para o resto dos seus días.

Cabaleiro Verde

O Cabaleiro Verde é un personaxe que aparece no romance artúrico do século XIV Sir Gawain e o Cabaleiro Verde e tamén en The Greene Knight. No primeiro dise que o seu verdadeiro nome é Bercilak (ou Berkilak) de Hautdesert mentres que en The Greene Knight chámanlle Bredbeddle.

O alcume de Cabaleiro Verde vénlle de que de feito ten a pel verde. Nalgunhas versións é descrito como un dos mellores campións do Rei Artur.

Calogrenant

Sir Calogrenant, tamén coñecido como Colgrevance en inglés ou Cynan ap Clydno en galés, é un cabaleiro da Táboa Redonda na corte do Rei Artur que aparece nas lendas da Materia de Bretaña. É o curmán de Sir Ywain.

Porén, semella que non é o personaxe principal de ningunha obra. Efectivamente, só se lle fai mención en Yvain, o Cabaleiro do León de Chrétien de Troyes, onde é descrito como un cabaleiro de boa actitude que perde un combate contra outro.

Gaheris

Gaheris ou Guérrehet é un cabaleiro da Táboa Redonda e un personaxe recorrente nas lendas da Materia de Bretaña. É o terceiro fillo do Rei Lot e a raíña Morgause e á súa vez, sobriño do Rei Artur. Os seus irmáns son Gauvain, Agravain, Gareth e Mordred.

No libro Le Morte d'Arthur de Thomas Malory, Gaheris é escudeiro do seu irmán maior, Gauvain, e axuda a calmar o seu fero temperamento antes de ser nomeado cabaleiro. Participa nos asasinatos por vinganza do rei Pellinore e de sir Lamorak, fillo de Pellinore. O primeiro por asasinar ó seu pai e o segundo por ser amante da súa nai.

Galaaz

Galaaz (en inglés: Galahad; en galés: Gwalchavad) é unha personaxe lendaria das historias do Ciclo Artúrico. Galaaz era un dos Cabaleiros da Táboa Redonda do Rei Artur e un dos tres que conseguiu alcanzar o Santo Graal. Era o fillo ilexítimo de Lancelot e de Elaine de Corbenic.

Galaaz era considerado o cabaleiro máis puro e, consecuentemente o único que podía sentar na Cadeira Perigosa da Táboa Redonda, un asento que ficaba sempre baleiro, xa que só o escollido aí se podería sentar. Pola súa pureza, Galaaz está considerado unha encarnación de Xesús na forma de cabaleiro.

Gareth

Sir Gareth ou Beaumains é un cabaleiro da Táboa Redonda e un personaxe recorrente nas lendas da Materia de Bretaña. É o fillo máis novo do Rei Lot e a raíña Morgause e á súa vez, sobriño do Rei Artur. Os seus irmáns son Gauvain, Gaheris, Agravain e Mordred.

Na literatura medieval aparece no libro Le Morte d'Arthur de Thomas Malory, onde se conta como se fixo cabaleiro.

Gauvain

Gauvain ou Galván, sobriño do Rei Artur e cabaleiro da Mesa Redonda, é un personaxe das obras literarias da Materia de Bretaña ou Ciclo Artúrico. O personaxe é moitas veces designado como Gawain, variante máis común nos países anglo-saxóns, aí normalmente precedida polo título Sir. Nas versións medievais galego-portuguesas das historias artúricas, era común traducir o nome da personaxe como Galvão ou Gualvam e precedelo polo título Don.

Griflet

Griflet (tamén coñecido como Sir Griflet le Fise, Girflet ou Jaufre) é un Cabaleiro da Táboa Redonda que aparece nas lendas artúricas. Tamén é nomeado como o fillo de Do (ou Don) e é curmán de Lucan e Bedivere.

Griflet aparece por primeira vez como escudeiro converténdose nun dos primeiros aliados do Rei Artur. Cando é nomeado cabaleiro é tamén un dos primeiros en se converter en Cabaleiro da Táboa Redonda. Tamén é o xefe dos conselleiros de Artur durante toda a súa vida e de acordo co Ciclo de Lancelot-Graal, foi un dos poucos superviventes da Batalla de Camlann, sendo o cabaleiro ó que Artur pide que devolva a espada Excalibur á Dona do Lago.

En cambio, na obra Le Morte D'Arthur, Griflet é un dos cabaleiros asasinados defendendo a execución da raíña Xenebra cando esta é rescatada por Lancelot.

Lamorak

Sir Lamorak ou Lamorak de Gulis é un cabaleiro da Táboa Redonda e un personaxe recorrente nas lendas da Materia de Bretaña.

Era o fillo do rei Pellinore, irmán de Sir Tor, Aglovale, Perceval e Dindrane. Tamén era o amante de Morgause.

Dependendo das versións, existen diferentes finais para a súa vida:

asasinado por Gareth, cando o sorprendeu no acto de adulterio coa súa nai, a raíña Morgause;

morto a mans de Mordred nunha xusta.Na literatura medieval, a súa historia é nomeada no libro Lancelot-Graal. Era descrito como o terceiro mellor cabaleiro do mundo despois de Lancelot e Tristán.

Maleagant

Maleagant, tamén coñecido como Meleagant ou Malagant, é un vilán e un personaxe recorrente nas lendas da Materia de Bretaña. Orixinalmente foi un cabaleiro da Táboa Redonda e fillo do rei Bagdemagus de Gorre, mais o seu recoñecemento vénlle por ser o cabaleiro que secuestra á raíña Xenebra. A personaxe de Maleagant suponse que ten a súa orixe en Melwas, o vilán das primeiras versións galesas, quen tamén captura a Xenebra e a leva para a súa fortaleza en Glastonbury.

A súa primeira aparición na literatura medieval foi no libro Lancelot, o Cabaleiro da Carreta por Chrétien de Troyes, no que se relata como leva a Xenebra para o seu castelo. A raíña é rescatada por Lancelot e Gauvain, sendo esta a primeira aparición de Lancelot na lendas artúricas.

Porén, o papel de Maleagant diminuíu en importancia despois de que Mordred adquirise máis popularidade e tornase a ser unha das personaxes principais. Aínda así, Maleagant aparece na maioría das historias do rapto de Xenebra.

Materia de Bretaña

A Materia de Bretaña, denominada ás veces ciclo artúrico ou ciclo bretón, é unha temática literaria que trata sobre o Rei Artur e os cabaleiros da mesa redonda que van á busca do Santo Graal. É unha das temáticas que máis libros produciu na literatura universal. A Materia de Bretaña, xunto coa Materia de Francia (que se refire ás lendas de Carlomagno) e a Materia de Roma (que inclúe materiais da mitoloxía clásica), era un dos tres grandes ciclos literarios da literatura medieval. O poeta francés do século XII Jean Bodel creou o nome segundo as liñas do seu poema épico Chanson de Saisnes:

Ne sont que III matières à nul homme atandant,

De France et de Bretaigne, et de Rome la grant.Hai soamente tres materias que ninguén debería esquecer,

a da Francia, a da Bretaña, e a da grande Roma.

Morholt

Morholt, tamén coñecido como Marhalt, Morold ou Marhaus, é un cabaleiro irlandés e un personaxe recorrente nas lendas da Materia de Bretaña. Pídelle tributos ó rei Mark de Cornualles ata que é asasinado por Tristán, sobriño e defensor do rei Mark.

Aparece en case tódalas versións da historia de Tristán e Isolda. Na literatura medieval, aparece en libros como Prose Tristan, Ciclo da Pos-Vulgata ou Le Morte d'Arthur nos que é descrito como un cabaleiro da Táboa Redonda.

Orde do Imperio Británico

A Excelentísima Orde do Imperio Británico é unha orde de cabalería británica, instituída o 4 de xuño de 1917 polo rei Xurxo V. A orde outórgaa o rei ou a raíña de Inglaterra a todos aqueles que fixesen algo significativo no nome do Reino Unido.

Ten cinco categorías:

Cabaleiro da Gran Cruz ou Dama da Gran Cruz, (GBE) (Knight Grand Cross or Dame Grand Cross)

Cabaleiro Comendador ou Dama Comendadora (KBE or DBE) (Knight Commander or Dame Commander)

Comendador (CBE)

Oficial (OBE)

Membro (MBE)As siglas dos títulos colócanse despois dos apelidos en inglés.

Owain mab Urien

Owain mab Urien ou Owein, finado contra o 595, foi fillo de Urien, rei de Rheged c. 590, e loitou co seu pai contra os anglos de Bernicia. A figura histórica de Owain ficou incorporada na lenda artúrica onde tamén o coñecen como Ywain, Yvain, Ewain ou Uwain. Na súa forma lendaria é o protagonista do Cabaleiro do león de Chrétien de Troyes e do conto galés Owain, ou a dama da fonte, que se corresponde co poema de Chrétien.

Pellinore

Existen dous personaxes que levan o nome de Pellinore nas lendas da Materia de Bretaña.

Pellinore de Listenois, era un rei galés, pai de Perceval, Lamorak, Aglovale e Dornar. Nalgunhas versións, convértese en cabaleiro da Táboa Redonda despois dos seus fillos.

Pellinore de Autice era o cabaleiro que abateu a Glatisant a Besta, e tamén o pai de Sir Tor. No libro Le Morte d'Arthur, Pellinore derrota en combate singular o Rei Artur e moitos dos seus cabaleiros, como Griflet. Por consello de Merlín, Artur renuncia a vingarse. Noutras versións, Pelinor é tamén o nome dun cabaleiro que pelexa na xusta con Tristán.

Segwarides

Segwarides é un cabaleiro da Táboa Redonda e fillo do rei sarraceno Esclabor nas lendas artúricas. Ten dous irmáns que son Palamedes e Safir. Porén, en Tristán en prosa e en Le Morte D'Arthur, Segwarides é un vasalo do Rei Mark de Cornualles. Semella que orixinalmente había dous personaxes con este nome, mais as historias nas que aparece non distinguen entre eles.

En Le Morte D'Arthur, Tristán ten un breve romance coa esposa de Segwarides e fere ó cabaleiro tras ser descuberto. Tristán atópase con Segwarides máis tarde na Illa de Servage. Segwardies perdoa ó cabaleiro máis famoso dicindo que "nunca vai odiar a un nobre cabaleiro por unha dama de luz". Ámbolos dous unen forzas para afrontar os perigos da illa. Pouco despois, Tristán nomea a Segwarides Señor de Servage.

Segwarides morre ó tentar impedir que Lancelot rescate a Xenebra da fogueira.

Sir Breunor

Sir Breunor le Noir, nalgunhas versións tamén coñecido como Brunor, é un cabaleiro alcumado La Cote Mal Taillée por Sir Kay despois da súa chegada á corte do Rei Artur vestido coa armadura deformada do seu pai asasinado. É un personaxe que se menciona nas lendas artúricas e irmán de Dinadan e Daniel.

Recibe o título de cabaleiro despois de salvar á raíña Xenebra dun león que fuxira. A súa historia é contada parcialmente nalgunhas seccións de Le Morte d'Arthur de Thomas Malory e en Prose Tristan a pesar de que de feito é un romance independente.

Xenebra (raíña)

Xenebra ou Xenevra (tamén coñecida por Guinevere, procedente do galés Gwenhwyfar: a Fada Branca ou o Fantasma Branco) era a raíña consorte do Rei Artur nas lendas do Ciclo Artúrico.

Xenebra é sobre todo coñecida polo seu romance con Lancelot, o principal cabaleiro da Táboa Redonda, que é relatado por primeira vez na obra de Chrétien de Troyes, "Lancelot, o Cabaleiro da Carroza". Este episodio é retomado en case todas as obras do Ciclo Artúrico.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.