Cúpula

A cúpula é un elemento arquitectónico que serve para cubrir un espazo de planta circular, cadrada, poligonal ou elíptica, por medio de arcos semicirculares, parabólicos ou oxivais, que rotan respecto a un punto central de simetría.

As cúpulas posúen unha gran forza estrutural. Unha cúpula pequena pode ser construída con albanelaría corrente, coidando tanto a fricción como as forzas compresivas. As grandes cúpulas, comprenden unha dobre cúpula, unha interna e outra externa, desde que Brunelleschi cubriu triunfalmente, coa súa dobre cúpula, o transepto de Santa María del Fiore, a catedral ou duomo de Florencia.

StPetersDomePD
Cúpula central da Basílica de San Pedro, no Vaticano, deseñada por Miguel Anxo, ten 42,5 m de diámetro e 132 de altura.

Etimoloxía

O termo cúpula[1] provén do italiano cupola con raíces latinas cupella e este do idioma grego kupellon, que significa "pequena cunca" (cupa, en latín = cunca). A palabra relaciónase en consecuencia coa forma característica desta cuberta. Nótese que noutros idiomas, como o inglés ou francés, o termo equivalente é "dome", derivado así mesmo do latín 'doma' ou do grego 'dôma'.

Características construtivas

Forma xeométrica

A superficie dunha cúpula pode adoptar distintas formas segundo o método construtivo e as tradicións formais, variando en función da forma de planta e o perfil de acordo á cónica utilizada:

  • Semiesférica, que é a forma máis simple desde o punto de vista construtivo.
  • Semielipsoide de planta circular, utilizada en cúpulas rebaixadas.
  • Semielipsoide de planta elíptica, adecuada a espazos rectangulares.
  • Semiparaboloide de planta circular, permite cúpulas máis estilizadas, "aliviando" a percepción formal do edificio.
  • Semiparaboloide de planta elíptica.
  • Semihiperboloide de planta circular, tamén máis esvelta, mellora o comportamento estrutural ao reducir os empurres horizontais.
  • Semihiperboloide de planta elíptica.
Penditifkuppel
Esquema de cúpula sobre pendentes.
Penditifkuppel-mit
Esquema de cúpula con tambor.
Igloo spirale
Construción dun iglú.

Elementos dunha cúpula

A base sobre a que se apoia a cúpula pode consistir en muros continuos ou en arcos sobre pilastras. Cando a base é cilíndrica, a cobertura do espazo resultante pode construírse mediante unha cúpula simple; noutro caso, a cuberta convértese nunha cúpula de cuarteiróns. Para resolver a transición entre a base circular ou elíptica da cúpula e a forma cadrada ou poligonal do baseamento, utilizáronse frecuentemente elementos de transición como trompas ou pendentes. Entre a cúpula propiamente dita, e os elementos de transición adoita interporse un tambor cilíndrico ou ciborio, polo xeral perforado con xanelas, que posibilitan a iluminación do espazo interior. A iluminación pode así mesmo complementarse mediante unha lanterna superior, visible desde o exterior como elemento formal de coroamento do conxunto.

Sistemas construtivos

Un dos métodos construtivos máis simples e antigos consiste en levantar fiadas sucesivas de mampostos, pechándose progresivamente cara ó centro. Este sistema é moi antigo, e permite cubrir espazos de diámetro relativamente pequeno. Ás veces, a colocación dos mampostos segue un patrón en espiral, tal como o aplicaron tradicionalmente os esquimós para levantar os seus iglús. A construción resultante adoita denominarse falsa cúpula ou aproximación de fileiras ó conseguirse por este medio. Neste sistema cada aro ou volta de mampostos logra ó "pecharse" a estabilidade necesaria, e o comportamento estático é o dunha estrutura alintelada, sen esforzos horizontais de importancia:

As cúpulas verdadeiras están conformadas por pezas chamadas doelas, cunha clave superior que equilibra os esforzos en forma similar ó que se require nun arco ou unha bóveda, só que en tres dimensións. Para permitir un óculo cenital que dea paso á luz exterior ou -máis tardiamente- unha lanterna co mesmo obxectivo, a clave pode substituírse por un anel superior de pezas que resistan en conxunto os esforzos de compresión. Este aro superior construíuse frecuentemente en aliaxes como o bronce, para asegurar a estabilidade e durabilidade.[2]

O problema máis importante dos construtores de cúpulas antes da Revolución industrial foi achar materiais con resistencia á tracción para contrarrestar os esforzos horizontais na base da cúpula que, pola súa forma, tende a abrirse. A solución clásica consistiu en contrarrestar tales esforzos mediante contrafortes pesados de obra, despois por outras cúpulas e semicúpulas, que van levando os esforzos a sitios menos visibles (caso de Santa Sofía de Constantinopla) e que no gótico foron substituídos por arcobotantes. Posteriormente contrarrestáronse os esforzos horizontais mediante un zuncho, xeralmente de aceiro, na base, funcionando a tracción, pero con interesantes variantes, por exemplo, na catedral de Puebla, (México), onde se utilizou un material tan inesperado como un trenzado de tripa de cabalo, debido a que é moito máis flexible e resiste moito mellor os esforzos da cúpula cando se produce un terremoto; da bondade da solución ideada polos arquitectos españois dá fe que a cúpula segue enteira tras bastantes movementos sísmicos.[3]

Cálculo estrutural

Desde o punto de vista estrutural unha cúpula delgada pode considerarse un elemento bidimensional de dobre curvatura con simetría radial (respecto ó centro da esfera inscrita). Os esforzos predominantes son de tracción no sentido dos paralelos e de compresión no sentido dos meridianos. Estruturalmente as súas ecuacións de equilibrio corresponden a unha lámina de revolución.

Nas cúpulas de sección circular e de parede delgada prodúcense esforzos de flexión porque a circunferencia afástase da forma óptima de catenaria, caendo a resultante fóra do terzo medio da sección, pero este afastamento está xeralmente por encima da catenaria, o cal permite anular esta flexión con aneis de aceiro horizontais en forma de paralelos traballando á tracción e permitindo así axustar o polígono funicular de forzas á forma circular requirida.

En cúpulas de gran diámetro existen problemas serios de cargas eventuais que poden chegar a ser moi importantes e obrigan a un estudo profundo dos esforzos de flexión que poden producirse. Exemplos destas cargas eventuais poden ser presión desemparella por ventos veloces, dilatacións diferenciais por temperatura desemparella (lado iluminado polo sol e lado de sombra), acumulacións desemparellas de neve ou xeo, asentos diferenciais de cimentacións, etc.

Historia

Desde os albores da civilización construíronse falsas cúpulas con materiais variados, incluíndo as cubertas tradicionais -aínda en uso- das iurtas da Asia central, dos iglús esquimós, os "trulli" do sur de Italia e os nuraghi de Sardeña.[4] Co crecente uso de habitacións de forma rectangular, este tipo de cubertas quedou circunscrito á arquitectura funeraria, por exemplo nos "tholos". Un dos tholos máis relevantes é o Tesouro de Atreo en Micenas, cuxa construción se estima tivo lugar en 1250 a. C. É unha construción de pedra alintelada que constitúe por tanto unha falsa cúpula, cun diámetro de 14,5 m. O uso da cúpula foi pouco común na Antiga Grecia, e até o Imperio romano non se comezan a levantar as primeiras cúpulas verdadeiras.

Imperio romano

Pantheon.drawing
Sección do Panteón de Agripa, en Roma.

No Imperio Romano emprégase a cúpula moito máis frecuentemente. Os máis grandes complexos termais e palacios romanos incluíron cúpulas como cuberta. O cume da construción de cúpulas en Roma aparece na do panteón de Agripa, cunha luz libre que non foi nunca superada con técnicas tradicionais e foi necesario o emprego do aceiro estrutural ou o formigón armado para conseguilo.

A cúpula do panteón é semiesférica, formada de formigón con cascotes de tufo e escoura volcánica. As partes externas da cúpula forráronse con opera latericia. Tamén se utilizaron ladrillos bipedais[5] en capas horizontais, a modo de aneis.[6] Foi a maior cúpula construída na súa época, cos seus 43,44 m de diámetro, coroada por un amplo óculo de 8,9 m que enche de luz o espazo interior. A estabilidade estrutural logrouse mediante o uso de formigón, forrada en opera latericia,[7] característica da arquitectura romana, e diversas técnicas de alixeiramento do peso propio, sexa mediante redución progresiva do espesor da cúpula[8] ou a substitución do travertino por pedra pómez nas zonas superiores.

Dentro do edificio pode inscribirse unha esfera perfecta, representando a celeste, xunto a toda unha serie de relacións simbólicas desde os puntos de vista gnómico, xeométrico e mecánico, que serviron de modelo ás sucesivas xeracións de arquitectos. A cúpula romana, e a súa derivada paleocristiá, construíronse case sempre sobre un ciborio con forma cilíndrica ou de prismas de base cadrada, octogonal ou dodecagonal.

Imperio bizantino

Hagia-Sophia-Laengsschnitt
Cúpula de Santa Sofía, Istambul, construída entre o ano 532 e o 537.

No Imperio bizantino, herdeiro da capacidade tecnolóxica romana, a técnica construtiva de cúpulas evolucionou ata lograr impoñer a estrutura sobre un cubo, mediante o uso de elementos arquitectónicos de transición como a pechina, que derivaría na trompa, unha bóveda cónica usual na arquitectura románica.

O principal exemplo do período é " Hagia Sophia", a igrexa de Santa Sofía en Constantinopla, actual Istambul, construída no século VI baixo o reinado do emperador Xustiniano I. A igrexa é un espazo rectangular de 77 por 71 m. A cúpula central ten un diámetro de 31,87  m e unha altura de 56,60 m. Non ten [[ciborio[]], e apóiase en catro pendentes e corenta contrafuertes perimetrais separados por xanelas. En conxunto cunha serie de semicúpulas, máis a combinación interior do xogo de luces cos mosaicos típicos da arte bizantino, dan unha sensación de ingravidez, e inmaterialidade, que —por diversos camiños— constituiría a procura constante da arquitectura sacra dos séculos seguintes.

Outro edificio notable do período é a igrexa de San Vital en Rávena, consagrada no ano 547, que presenta unha planta central con cúpula de 16 m de diámetro sobre pilastras que forman unha base octogonal. Xunto con San Apolinario in Clase e San Apolinar Novo constitúen o grupo de monumentos máis importante da antigüidade tardía en Italia, construídos todos desde que o emperador Honorio designase a Rávena como nova capital do Imperio Romano de Occidente no ano 402. Paralelamente, coa conquista de Constantinopla polos otománs en 1453, Santa Sofía pasou a ser tamén un edificio modélico para as mesquitas do mundo islámico.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cúpula.
  2. Un exemplo clásico do uso do bronce para este fin atópase no Panteón de Agripa.
  3. "Cúpula en Arquitectuba.". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2007. Consultado o 01 de xullo de 2015.
  4. J.F. Casabona, P. Vidal, J. Ibáñez, M. A. Zapater; http://www.aragob.es/edycul/patrimo/etno/barragen/tecnicas.htm Arquivado 07 de xuño de 2007 en Wayback Machine. Arquitectura popular: las barrachinas.
  5. Os ladrillos bipedais romanos (aprox. 60x60x7 cm.) eran o dobre de grandes que os comúns, (aínda que tamén se utilizaban en paredes verticais), o feito de ter o seu centro de gravidade máis afastado do bordo permitía tomar esborralles máis pronunciados que os posibles con ladrillos comúns, o que facía que fosen especialmente aptos para construír cúpulas sen encofrados, permitindo completar un sector de arco maior da cúpula traballando só con fiadas horizontais, moito máis simples, que as fiadas de orientación radial (as que implican traballar con superficies cónicas). Tellas e ladrillos romanos Arquivado 03 de novembro de 2010 en Wayback Machine.
  6. García e Bellido, Antonio. Arte romana (1955). Consello Superior, páxina 376.
  7. Opera latericia; muros de ladrillos con morteiro de cemento.
  8. Desde 5,9 m na base até menos de 1,40 m na súa coroación.
Arte bizantina

A arte bizantina é a arte producida no Imperio bizantino desde o século V ata a caída de Constantinopla en 1453, tamén se emprega para referirse á arte de estados contemporáneos a el que compartían formas culturais comúns sen ser parte do imperio como Macedonia, Bulgaria, Serbia ou Rusia e mesmo certos aspectos da arte da República de Venecia.

A impronta romana, o gusto polo luxo, a suntuosidade e a proporción herdados da cultura grega deu lugar a unha arte imperial-relixiosa presidida pola idea do dogmático e por unha concepción xerarquizante e simbólica da arte na que as formas e as técnicas respondían a unhas normas fixas, segundo un preciso e inmutable contido teolóxico, no que Deus e o emperador quedaban no mesmo rango no nivel representativo.

Os templos bizantinos tiñan planta centralizada cunha gran cúpula central como un trasunto arquitectónico da bóveda celeste, conservando en xeral a organización da basílica paleocristiá. O iconostasio separaba o presbiterio das naves, constituíndo un lugar específico para as imaxes. Usualmente utilizaba como material de construción o ladrillo, como os romanos, pero acentuando a súa función decorativa, empregando frecuentemente o arco de medio punto e as cubertas abovedadas.

Os edificios no interior amosaban unha decoración suntuosa a base de mosaicos, esmaltes, ourivaría, teas e un longo etcétera. Exteriormente predominaba a verticalidade e conxugación de rectas e curvas.

A escultura bizantina renovou as formas e os motivos decorativos. Pictograficamente a forma de Cristo seguiu o modelo sirio de melena longa e barba partida, representado frecuentemente como Pantocrátor. A Virxe tiña unha tipoloxía máis variada con formas como a kiriotissa, hodigitria, theotokos, galactotrofusa e glycofilusa entre as máis frecuentes.

Bacoi, Alfoz

Santa María de Bacoi é unha parroquia do concello de Alfoz. Segundo o IGE en 2010 tiña 215 habitantes (114 homes e 101 mulleres) distribuídos en 14 entidades de poboación, cunha densidade media de 62,5 hab./km².

A parroquia ten unha superficie de 3,44 km², e limita coas parroquias de Carballido e O Castro de Ouro, ademais dos concellos de Foz e O Valadouro. Pertencente o arciprestado do Valadouro.

Basílica de San Pedro

A basílica papal de San Pedro (en latín: Basilica Sancti Petri, en italiano: Basilica Papale di San Pietro in Vaticano), coñecida comunmente como basílica de San Pedro, é un templo católico situado na Cidade do Vaticano. Con 193 metros de lonxitude, 44,5 metros de altura e 2,3 hectáreas de superficie, é a igrexa cristiá máis grande do mundo. A altura que lle confire a súa cúpula fai que sexa unha característica dominante no horizonte de Roma. É considerada como un dos lugares máis sagrados do catolicismo. Describiuse como «ocupante dunha posición única no mundo cristián», e como «a máis grande de todas as igrexas da cristiandade». É unha das catro basílicas maiores.

Na tradición católica, a basílica atópase situada sobre o lugar do enterro de san Pedro, que foi un dos doce apóstolos de Xesús de Nazaret, primeiro bispo de Antioquía, primeiro bispo de Roma e, polo tanto, o primeiro dos pontífices. A tradición e as evidencias históricas e científicas sosteñen que a tumba de San Pedro está directamente debaixo do altar maior da basílica; por mor disto, moitos papas foron enterrados en San Pedro desde a época paleocristiá. No sitio da actual basílica foron construídas igrexas desde o século IV. A construción do actual edificio, sobre a antiga basílica constantiniana, comezou o 18 de abril de 1506, por orde do papa Xulio II, e finalizou o 18 de novembro de 1626.Como obra arquitectónica, é considerada como o maior edificio da súa época. Malia a crenza popular, San Pedro non é unha catedral, xa que a Arquibasílica de San Xoán de Latrán é a catedral de Roma.

Biblioteca Nacional Central de Florencia

A Biblioteca Nacional Central de Florencia (en italiano Biblioteca Nazionale Centrale dei Firenze) é unha biblioteca pública nacional e unha das dúas bibliotecas centrais de Italia, xunto coa Biblioteca Nacional Central de Roma. Atópase en Florencia.

Bóveda (arquitectura)

Unha bóveda é unha obra de mampostería ou fábrica de forma curva, que serve para cubrir o espazo comprendido entre dous muros ou unha serie de piares enliñados.

É unha estrutura moi apropiada para cubrir espazos arquitectónicos amplos con pezas pequenas. A súa xeometría pode ser de simple ou dobre curvatura. Nas edificacións modernas, tamén se aplica o termo a estruturas de cubertas curvadas nas que o espesura é mínima, chamadas tamén cascas.

Tanto nas antigas bóvedas como nas modernas a solicitación predominante nos seus elementos é a de compresión, asemellándose a un arco, ou, mellor dito, a un conxunto de arcos, que conforman unha superficie.

O material empregado na construción pode ser a pedra, para formar doelas; o ladrillo, para a bóveda á catalá; aceiro, formigón armado etc. As doelas poden ir aparelladas en seco, isto é, sen trabazón, aínda que o habitual é que se unan cun material aglomerante.

Na Historia da Arquitectura as bóvedas, de ladrillo ou pedra, tiveron un papel importante na edificación que perdeu coa xeneralización das técnicas e materiais de construción modernos. Primeiro o aceiro e logo o formigón armado posibilitaron edificacións alinteladas de grandes luces, antes só posibles con bóvedas.

Non obstante, as bóvedas de formigón armado son utilizadas profusamente na enxeñaría civil para construír galerías, túneles, cubertas de grandes luces e, en xeral, todas aquelas obras onde os elementos traballando a flexión resulten desvantaxosos desde un punto de vista técnico e económico.

Ciborio

En Arquitectura denomínase ciborio ao corpo cilíndrico ou octogonal que serve de base á cúpula. Non é un elemento exclusivo da arquitectura relixiosa, aínda que é nos templos onde se alcanza a súa máxima utilización.

En efecto, nas igrexas de planta en forma de cruz, ben sexa latina ou ben grega, prodúcese un espazo de encontro entre a nave principal e a que a curta ortogonalmente ou transepto que recibe o nome de cruceiro. É habitual que este ámbito cúbrase mediante unha cúpula elevada sobre un ciborio.

Segundo que a anchura do transepto sexa ou non igual á da nave, o cruceiro é un cadrado perfecto ou un rectángulo; en todo caso, os seus catro lados van constituídos por senllos arcos torais sobre os que se alza o ciborio. Tendo en conta que este é de planta circular ou octogonal, mentres que o cruceiro é un cuadrilátero, para realizar o debido asento disponse nos catro vértices deste último outras tantas pezas estruturais abovedadas, xa sexa en forma de triángulos esféricos, nese caso denomínanse pendentes, ou de beirís fora do muro, no que se designan como trompas. No ciborio adoita abrirse ocos ou lucernarios que alivian o seu peso e propician a iluminación superior.

Cruceiro (arquitectura)

Nas igrexas cuxa planta posúe forma de cruz latina ou grega, denomínase cruceiro ao espazo definido pola intersección da nave principal e a transversal ou transepto. Este espazo adóitase cubrir mediante unha bóveda ou cúpula alzada sobre un ciborio ou tambor que se sustenta nos arcos torais. Deste xeito obtéñense dous efectos: resaltar ao exterior o punto de encontro das naves con esa especie de torre que se encumbra sobre el, chamada tiburio, e favorecer a iluminación a través dos ocos abertos no propio ciborio ou na lanterna que en ocasións se intercala entre este e a cúpula.

Non é raro ver o termo cruceiro utilizado para referirse ao transepto (do latín Transeptum), é dicir, á propia nave que cruza á principal no canto do lugar onde se cruzan.

Cúpula da Rocha

A Cúpula da Rocha ou o Domo da Rocha (en lingua árabe, قبة الصخرة Qubbat as-Sajra) é un monumento islámico situado na cidade vella de Xerusalén, no centro do Monte do Templo. Os musulmáns cren que a rocha que se atopa no centro da cúpula é o punto dende o cal Mahoma ascendeu aos ceos para se reunir con Deus, acompañado polo anxo Gabriel. En honra a devandito episodio da vida de Mahoma, foi construído o edificio entre os anos 687 e 691 polo noveno califa, Abd al-Malik.

Os credos xudeu e cristián afirman que ese lugar foi onde Abraham estivo a piques de sacrificar ao seu fillo Isaac por orde de Xahveh e onde Xacob viu á súa vez a escaleira ao ceo, segundo os relatos da Xénese. O islam recolle tamén a tradición do sacrificio de Abraham, aínda que na versión islámica o fillo non era Isaac senón o primoxénito, Ismael. Segundo a tradición xudía desde esta primeira pedra construíuse o mundo. Alí foi erixido o Sanctasanctórum, a parte máis sacra do templo de Xerusalén.

Sen cambios esenciais durante máis de trece séculos, a Cúpula da Rocha segue a ser un dos máis preciosos e duradeiros tesouros arquitectónicos do mundo.

Tecnicamente, a Cúpula da Rocha non se considera unha mesquita, mais si é un lugar de culto para o islam. Xunto ao Domo da Rocha, coa súa cúpula dourada, no extremo sur da chaira, atópase a Mesquita de Al-Aqsa coa súa cúpula prateada, e anexa ao Domo da Rocha atópase a Cúpula da Cadea. Tamén se adoita chamar erroneamente Mesquita de Omar á Cúpula da Rocha.

O significado deste sitio abrolla tradicións relixiosas monoteístas ligadas coa rocha á que preserva a cúpula dourada: coñecida como a "Rocha Fundacional", a mesma é considerada un importante punto de referencia polos monoteístas.

Deng Xiaoping

Deng Xiaoping (en chinés tradicional: 鄧小平; en chinés simplificado: 邓小平; pinyin: Dèng Xiǎopíng; Wade-Giles: Teng Hsiao-p'ing) (Escuchar) , nado en Guang'an, Sichuan o 22 de agosto de 1904 e finado en Pequín o 19 de febreiro de 1997 foi un político chinés, máximo líder da República Popular da China dende 1978 ata os últimos anos da súa vida.

Baixo o seu liderado, a República Popular da China emprendeu as reformas económicas de liberalización da economía socialista que permitiron a este país acadar unhas altas cotas de crecemento económico. Fronte a estes éxitos na economía, Deng exerceu un poder de marcado carácter autoritario, e o seu papel foi decisivo na represión violenta das protestas da praza de Tian'anmen en 1989.

Membro do Partido Comunista da China dende os seus anos de estudo en Francia e na Unión Soviética, Deng converteuse nun dos dirixentes máis importantes do partido durante a época de Mao Zedong. Porén, a súa proximidade ideolóxica ao entón presidente da República Popular Liu Shaoqi, fixo del un dos albos da Revolución Cultural e Deng e Liu foron acusados de dereitistas e contrarrevolucionarios. Apartado da cúpula do poder durante eses anos, Deng volveu ao primeiro plano da actividade política trala morte de Mao, impoñéndose finalmente ao sucesor deste, Hua Guofeng, na loita polo poder. A diferenza do seu antecesor, as súas aparicións públicas foron escasas.

Durante os últimos anos da súa vida, Deng non ocupaba ningún cargo político e, aqueixado de párkinson, apenas podía seguir os asuntos de estado. Con todo, seguiu a ser considerado o líder supremo da China ata a súa morte.

Fachada

Denomínase fachada ao exterior dun edificio, especialmente a fronte, pero tamén algunhas veces os laterais e o contrafrente.

En arquitectura, a fachada dun edificio é a miúdo a máis importante dun deseño, e marca o carácter do resto da construción. Moitas fachadas teñen valor histórico, e atópanse protexidas por un marco legal que impide a súa alteración.

Igrexa de Santa Sofía

Santa Sofía ou Hagia Sophia (do grego Άγια Σοφία [aˈʝia soˈfia], «Santa Sabedoría»; en latín: Sancta Sophia ou Sancta Sapientia; turco Ayasofya) foi unha antiga basílica patriarcal ortodoxa convertida en mesquita e hoxe en día en museo, sita en Istambul, (Turquía) considérase a obra máis importante da época bizantina. Foi empregada como igrexa durante 916 anos, dende a súa construción no ano 537 ata a conquista da cidade no ano 1453. Dende esta data ata 1934, durante 481 anos, foi empregada como mesquita. Logo de pasar unha restauración cumprida por orde de Mustafa Kemal Atatürk, fundador da república Turca, o 1 de febreiro de 1935, foi inaugurada como museo.Santa Sofía rompeu moldes. Responde á idade de ouro da arte bizantina e á dinámica de construción de grandes edificios que implantou o cristianismo. É unha síntese entre a tradición clásica grecolatina e a tradición construtiva oriental; a primeira presentada pola planta basilical, os piares de carga principais, e a grande escala do conxunto; e a segunda polo espazo central coroado por unha cúpula. Santa Sofía legoulle á posteridade o emprego do sistema de cunchas a escala monumental pasa pasar da forma cadrada da base á circular da cúpula; futura constante da arquitectura bizantina e, máis adiante, da occidental. Tamén lle deu o impulso definitivo ao mosaico, a técnica que mellor permitía explota-las posibilidades da luz e da cor no interior das igrexas bizantinas.

Monte de San Pedro, Visma, A Coruña

O Monte de San Pedro é un lugar da parroquia de Visma no concello da Coruña. Dende 1933 albergou unha batería de costa do exército, pero tralo abandono da mesma en 1996, o lugar foi convertido nun parque, aínda que se conservaron moitos elementos da antiga instalación militar, coma os canóns, algúns deles antiaéreos.

Ostrogodos

Cara ao 370, a partir das invasións dos hunos, os godos dividíronse en dúas pólas separadas. Os ostrogodos constituíron un vasto reino ao leste do río Dnister, nas terras ao redor do mar Negro (o que hoxe é parte da actual Ucraína e Belarús). Os visigodos foron os godos do occidente, cuxo dominio territorial se estendía desde o Dniéster ata o Danubio.

Os ostrogodos estiveron sometidos aos hunos desde o 375 ata a morte de Atila, ocorrida en 453, cando recobraron a súa independencia e se estableceron como un pobo federado de Roma. Posteriormente uníronselles outros godos que fuxiran das súas terras á chegada dos hunos. No 474 foi elixido rei Teodorico, o máis coñecido dos monarcas ostrogodos. Houbo varios períodos de guerras e treguas entre el e o emperador bizantino Zenón. En 488 Teodorico invadiu Italia e en 493 derrotou e deu morte en Adda a Odoacro, rei dos hérulos.

Trala súa morte no 526, a situación volveuse tan violenta que no 535 o emperador bizantino Xustiniano I enviou ao seu xeneral Belisario en contra dos exércitos ostrogodos en Italia. A superioridade do exército bizantino foi a clave para o exterminio e o esmagamento da resistencia ostrogoda.

Este pobo foi finalmente asimilado en forma gradual por outras tribos xermánicas tales como os vándalos e os francos.

Pendente (arquitectura)

Unha pendente, chamada cuncha nalgunhas fontes, é en arquitectura cada un dos elementos construtivos triangulares que resolve o encontro entre a base circular dunha cúpula e un espazo inferior cadrado. Ten unha superficie esférica triangular limitada por tres arcos de circunferencia.

Este recurso arquitectónico comezou a utilizarse en Bizancio no século VI. Un dos edificios máis destacados que utiliza este tipo de soporte para a súa cúpula é a igrexa de Santa Sofía en Constantinopla.

Santa María del Fiore

A Basílica Catedral Metropolitana de santa María del Fiore, ou Catedral de santa María da Flor é a sé episcopal (en italiano duomo) da arquidiocese católica romana de Florencia, Italia. É unha das obras mestras da arte gótica e do primeiro Renacemento italiano.

Símbolo da riqueza e do poder da capital toscana durante os séculos XIII e século XIV, a catedral florentina é un dos edificios máis grandes da cristiandade. O seu nome refírese ao lirio, símbolo de Florencia, ou ao antigo nome do pobo chamado Fiorenza. Pero, por outra parte, un documento do século XV afirma que a «flor» se refire a Cristo.

Destaca, de forma singular, a grandiosa cúpula, obra de Filippo Brunelleschi, unha estrutura isostática de 100 metros de altura interior; 114,5 metros de altura exterior; 45,5 metros de diámetro exterior e 41 metros de luz (diámetro interior) coa particularidade de que esta cúpula, en si mesma, anula empúrrelos horizontais para non transmitir ao tambor que a sustenta practicamente máis cargas que as verticais correspondentes ao seu propio peso. Á cúpula hai que engadir o campanario independente, trazado por Giotto, de 82 m de altura, e o baptisterio de San Xoán, coas famosas portas de bronce de Ghiberti. O conxunto, formado pola igrexa, o campanario e o baptisterio, constitúe unha das xoias artísticas e arquitectónicas de Florencia.

A basílica atópase dentro da declaración do Centro histórico de Florencia coma Patrimonio da Humanidade pola UNESCO dende 1982.

Transepto

O termo transepto utilízase comunmente na terminoloxía arquitectónica relixiosa para designar a nave transversal que nas igrexas cruza á principal ortogonalmente (perpendicularmente).

Xerusalén

Xerusalén (hebreo: ירושלים, Yerushaláyim; árabe: القدس, al-Quds; grego: Ιεροσόλυμα, Ierossólyma), é a capital de Israel e a súa cidade máis grande e poboada. Localizada nunha meseta nas montañas da Xudea entre o Mediterráneo e o mar Morto, é unha das cidades máis antigas do mundo. Considerada sagrada polas tres principais relixións abrahámicas — xudaísmo, cristianismo e islamismo.

Durante a súa longa historia, Xerusalén foi destruída polo menos en dúas ocasións, asediada 23 veces, 52 veces atacada, e capturada e recuperada en 44 ocasións. A parte de Xerusalén coñecida como Cidade de David foi establecida no cuarto milenio antes de Cristo. A cidade foi coñecida como "Urusalima" nas antigas táboas cuneiformes mesopotámicas, probablemente significando Cidade de Shalem, en honra a unha divindade caanita, durante os primeiros anos do dominio dese pobo. Durante o período israelita, comezouse unha significante actividade construtora que comezou cara o século IX a. C., e durante o século VIII a. C. a cidade desenvolveuse ata converterse no centro relixioso e administrativo do Reino de Xudá. En 1538, reconstruíronse as murallas da cidade, durante o reinado de Solimán o Magnífico. Hoxe en día estas murallas definen o perímetro da Cidade vella, que tradicionalmente está dividida en catro cuartos desde o século XIX. A Cidade vella foi nomeada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1981, e está incluída na lista de patrimonio mundial en perigo. Desde 1860 Xerusalén creceu máis aló das antigas murallas. En 2015, a cidade tiña unha poboación de 850 000 residentes, dos cales 200 000 eran xudeus israelís seculares, 350 000 xudeus ultraortodoxos e 300 000 palestinos.O status da parte oriental da cidade, conquistada en 1967 por Israel, está disputado, xa que neste sector —referido habitualmente como Xerusalén Leste ou Xerusalén Oriental, que inclúe a Cidade vella— é onde o Estado de Palestina pretende establecer a súa capital. Israel discute as reclamacións palestinas e, trala Guerra dos Seis Días, considera a cidade como un todo unificado e un mesmo municipio, declarándoa como a súa capital "eterna e indivisible" mediante a Lei de Xerusalén en 1980. Esta anexión provocou un amplo rexeitamento na comunidade internacional, materializado na resolución 478 do Consello de Seguridade da ONU, que a considerou contraria ao Dereito internacional, e en sinal de protesta por este acto unilateral os Estados membros das Nacións Unidas acabaron por trasladar as súas embaixadas a Tel Aviv, tal como pedía a resolución.

Ábsida

A ábsida é a parte rectangular, semicircular ou poligonal detrás do altar e que sobresae da cabeceira dunha igrexa. Orixinalmente era un nicho no que se colocaba a estatua dunha deidade nos templos romanos. Os templos paleocristiáns construíronse baseados nas basílicas romanas, e na ábsida integrouse o presbiterio e o altar. Na Idade Media xeralizouse o emprego da ábsida, converténdose nun dos elementos máis característicos da arquitectura románica, bizantina e gótica.

As ábsidas pequenas nas que remata unha nave lateral ou que se abren no deambulatorio ou, por veces, no transepto, denomínanse absidiolas.

Elementos da arquitectura eclesiástica
Áreas
Exterior
Interior
Outros

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.