Buxo

Os buxos son arbustos do xénero Buxus de follas perennes, da familia das Buxáceas, que pode atinxir unha altura ata de 5 ou 6 metros. Son plantas de crecemento ás veces moi lento, que pode vivir varios séculos. A especie que abunda en Galiza é o buxo común.

Buxos (xénero Buxus)
Buxo común Buxus sempervirens

Buxo común Buxus sempervirens
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Eudicotyledoneae
Orde: Buxales
Familia: Buxaceae
Xénero: Buxus
L.

Distribución

Hai dúas especies indíxenas en Europa. A primeira é Buxus balearica, ás veces chamado buxo de Maó, atópase aínda en estado salvaxe en Andalucía nas serras de Segura e Cazorla, así como nas Illas Baleares e Sardeña.

A outra especie, mellor coñecida, é o Buxus sempervirens, que se estende desde Marrocos a Portugal e a Galiza, pasando polo Norte de España e Francia, ata Alemaña, Inglaterra, Luxemburgo e Suíza. Debeu formar parte da flora belga ata o século pasado, pero nunca o formou da de Italia (a pesar dos textos de Plinio o Vello e doutros autores antigos). Atópase nos Balcáns (antiga Iugoslavia, Grecia, Kosovo etc.) ata Bulgaria e Suroeste de África.

Descrición

Produce en primavera flores axilares, abrancuxadas, de pequeno tamaño, sen interese decorativo, mais apreciadas polas abellas.

Usos

A súa madeira, compacta, dura, flexible e duradeira, foi moi demandada e empregada para elaborar ferramentas. Tamén se utiliza na elaboración da gaita galega.

Nos xardíns o buxo emprégase a miúdo a xeito de sebe, mesmo tallado e en figuras. É a base da chamada arte topiaria.

Toxicidade

O contacto co zume de buxo pode provocar irritacións cutáneas. A cortiza, as follas e os froitos son tóxicas e a súa inxesta pode, en fortes doses, provocar vómitos, vertixes, tremores e parálise espiñal.

Enfermidades

.

O buxo padece o ataque do fungo Pseudometria rousseliana, que produce o chamado cancro do buxo, caracterizado por manchas de cor rosada ou vermella en follas e pólas; diminúe marcadamente o vigor da planta e pode aínda chegar a matala. Utilízanse preparados de cobre para combatelo.

Outros fungos que o afectan son o Mycosphaerella patouillardi, que provoca a caída das follas, manifestándose con pintas brancas persistentes. O Phyllosticta buxina produce síntomas similares á cancrose dos cítricos e o Phytophthora cinnamomi afecta a raíz de maneira incurábel.

Dende 2014, os buxos de Galiza vénse afectados pola avelaíña do buxo (Cydalima perspectalis), un insecto de orixe asiática cuxas eirugas aliméntanse masivamenta das follas do arbuto até causar a súa morte.

Galería de imaxes

Buxus sempervivens. Buxo

Buxus sempervivens

Véxase tamén

Outros artigos

Alma de buxo

Alma de buxo é o segundo álbum de estudio da gaiteira Susana Seivane, producido por Rodrigo Romaní, publicado en 2001.

Arbusto

Un arbusto é un vexetal leñosos de mediano porte, entre as herbáceas e os árbores; é un termo difícil de describir e algunhas especies consideradas arbustos poden acadar tamaño de árbores en boas circunstancias.

A diferenza das árbores, que só teñen un só talo ou toro, considérase que os arbustos ramifican dende o chan, tendo polo tanto varios talos. Os arbustos poden ser miúdos, incluso de tamaños inferiores a moitas herbáceas, tamén son chamados neste caso gamallos (como é o caso das urces); outros poden acadar varios metros de altura, sendo considerados ás veces arboriñas (é o caso da abeleira).

Non todas as plantas lígneas ramificadas dende a base son consideradas arbustos; por exemplo, o tomiño (xénero Thymus) ou o cantroxo (xénero Lavandula) son matos leñosos ou, como tamén se di, subarbustos. Termos coma árbore, arbusto ou gamallo/mato describen biotipos na lingua común e son máis ou menos equivalentes doutros técnicos; os equivalentes botánicos para este concepto son os termos caméfito, nanofanerófito e microfanerófito.

É frecuente que especies que se presentan normalmente coma arbustos crezan coma árbores, ou onde as circunstancias ecolóxicas son distintas, como ocorre co Quercus coccifera no norte de África, ou por un esforzo deliberado no cultivo, como se ve ás veces co loendro (Nerium oleander).

As plantas rubideiras considéranse por algúns coma arbustos gateadores.

As árbores na cultura popular galega

As plantas teñen un significado primordial na cultura galega sendo as árbores e os bosques e as fragas os máximos expoñentes.

Castelao dicía : O albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza.O albre é un engado dos ollos, pola súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.

Buxo común

O buxo común (Buxus sempervirens) é un arbusto ou arboriña sempreverde, orixinaria de Europa, onde medra brava dende as Illas Británicas até a beiramar mediterránea e o Mar Caspio. Común e bravo en Galiza, emprégase moito coma ornamental en xardinaxe formal, especialmente a xeito de sebes. A madeira, dura e rexa, emprégase en ebanistaría para tallas e na construción de instrumentos como a gaita.

Camilo Nogueira Martínez

Camilo Nogueira Martínez, nado o 22 de xullo de 1904 no daquela concello de Lavadores e finado o 2 de marzo de 1982 ibídem, foi un escultor e político galego.

Cydalima perspectalis

Cydalima perspectalis, a avelaíña do buxo é unha especie de traza da familia Crambidae. É nativa do leste de Asia (Xapón, China, Taiwán, Corea, a parte máis afastada de Rusia e a India).É unha especia introducida en Europa que causa grandes danos nos buxos. Óllanse zonas acastañadas coas follas parcialmente ou enteiramente consumidas, pequenos fíos de seda, e eirugas verdes coa testa escura. En Galiza supón un grave problema para a sobrevivencia desta especie de arbusto, tanto a nivel bravo, como nas tan comúns sebes de xardinaxe, e especialmente no sur do país.

Foi por vez primeira rexistrada en Alemaña en 2006, e subsecuentemente na Suíza e nos Países Baixos en 2007, Gran Bretaña en 2008, Francia e Austria en 2009, Hungría en 2011, Romanía e Turquía. Tamén se ten atopado en Eslovaquia, Bélxica e Croacia. Durante a preparación dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 no ano 2012 levouse dende Italia até Sochi (SO de Rusia) coa plantación de buxos comúns (Buxus sempervirens); ao seguinte ano as eirugas comezaron a defoliair a especie de buxo Buxus colchica en grandes cantidades.

En 2013 aparece xa en Dinamarca en varios lugares da illa de Sjælland. En 2014 cítase na comarca do Baixo Miño, en Galiza..

Ediciós do Castro

Ediciós do Castro é unha editorial galega fundada en Sada, en 1963, ao amparo do Grupo Sargadelos como parte do complexo industrial Laboratorio de Formas impulsado por Isaac Díaz Pardo. Edita libros en galego e castelán case sempre sobre temas relacionados con Galicia. Ditas publicacións inclúen narrativa, poesía, ensaio, economía, teatro, etnografía, arte e historia entre outras.

Gaita galega

A gaita galega é un instrumento de vento madeira propio de Galicia, norte de Portugal, occidente de Asturias e o Bierzo. É vista como un símbolo da música tradicional galega.

O cabaliño de buxo

O cabaliño de buxo é unha novela de literatura infantil e xuvenil de Xosé Neira Vilas publicada en 1971 por Ediciós do Castro. Está adicada a Anisia Miranda, e segue a liña de obras protagonizadas por nenos comezada con Memorias dun neno labrego (1961).

Orotz-Betelu

Orotz-Betelu (en castelán e tamén oficial: Oroz-Betelu) é un concello español da Comunidade Foral de Navarra, situado no meiriñado de Sangüesa, na comarca de Auñamendi e a 45 km da capital da comunidade, Pamplona. A súa poboación en 2013 foi de 165 habitantes (INE), o seu termo municipal ten unha superficie de 23,46 km² e a súa densidade de poboación é de 7,03 hab/km².

Parque do Laberint d'Horta

O parque do Laberint d'Horta é un xardín histórico situado no distrito de Horta-Guinardó de Barcelona, o máis antigo que se conserva na cidade. Atópase na antiga propiedade da familia Desvalls, nunha ladeira da serra de Collserola. Iniciado en 1794 e acabado na súa primeira fase en 1808, foi obra do arquitecto italiano Domenico Bagutti. O parque inclúe un xardín neoclásico do século XVIII e un xardín romántico do século XIX.

Pazo de San Lourenzo de Trasouto

O pazo ou convento de San Lourenzo de Trasouto é un pazo e antigo mosteiro franciscano localizado a rentes da carballeira de San Lourenzo, na cidade de Santiago de Compostela. O conxunto conta cun recinto amurallado que ocupa unha superficie de máis de 40.000 m²; está incluído desde 1979 coma Ben de Interese Cultural - Patrimonio Artístico Nacional. Salienta o seu xardín de buxos.

Pelota vasca

A pelota vasca (en éuscaro: pilota ou eusko pilota) é un deporte tradicional vasco, practicado na zona norte de España —principalmente no País Vasco, Navarra, Burgos e A Rioxa— e no País Vasco francés.

Xeralmente require a participación de dous xogadores ou equipos que golpean alternativamente unha pelota contra un muro, chamado "frontis", até conseguir un tanto.

A pelota segue a fabricarse de xeito artesanal e está formada por un núcleo, xeralmente de madeira de buxo, e diferentes capas de látex e la, até chegar á derradeira, de coiro. A cancha na cal se xoga denomínase frontón, existindo unha variante chamada trinquete.

Os primeiros documentos en facer alusión ao xogo son algúns textos franceses do século XIII que mencionan dúas variantes:

Courte paume ou palma curta, practicada pola nobreza e o clero.

Longue paume ou palma longa, practicado pola poboación en espazos abertos.Na actualidade existen outras variantes entre as que destacan a pelota a man (que se practica coas mans núas), a paleta coiro, o xare, o frontenis, a paleta coiro, a paleta goma e o jai alai ou cesta-punta, a variante máis coñecida no mundo.

Planta ornamental

Unha planta ornamental, tamén chamada planta de xardín, é a que se cultiva e/ou comercializa con fins decorativos polas súas características estéticas, coma as flores (camelias), follas (pradairos), perfume (roseiras ou cantroxo), a textura da súa follaxe (alciprestes), froitos (espiños de fogo) ou mesmo talos (salgueiros choróns) en xardíns e deseños paisaxísticos, como planta de interior ou para flor cortada. O seu cultivo forma unha parte fundamental da horticultura.

Existen numerosas plantas que teñen un uso duplo, alimentario e ornamental como a oliveira, a laranxeira ou o romeu.

Estas plantas adóitanse vender en centros de xardinaxe con ou sen testo para seren transplantadas ao xardín ou simplemente ficaren coma plantas de interior.

A importancia deste tipo de plantas tense incrementado co desenvolvemento económico da sociedade e o incremento das áreas axardinadas das vilas, así coma co uso de plantas de exterior e interior polos particulares.

Actualmente hai máis de 3000 plantas que se consideran de uso ornamental.

Galicia ten pouca tradición ornamental e paisaxística, porén veuse incrementada nos últimos anos.

Requinta

A requinta é un tipo de frauta traveseira típica de Galicia, máis especificamente das Terras do Ulla. Naceu como instrumento de acompañamento de formacións típicas de música tradicional con gaita, bombo e tamboril. A súa construción é artesanal, e a madeira empregada adoita se-lo buxo, aínda que non é infrecuente atopar requintas doutras madeiras nobres, como o granadillo, ou doutras moito máis cativas como a hedra. Está composta de cinco pezas aneladas en alpaca, latón, ou ás veces en prata. A primeira peza leva a embocadura e a rosca de afinación, e a derradeira adoita levar unha chave que aumenta o cromatismo do instrumento, e resulta fundamental para afina-las notas na terceira oitava.

A principal afinación das requintas é o fa#, para poder servir de acompañamento ás gaitas afinadas en si natural, aínda que tamén se poden atopar requintas afinadas en sol, para acompañar gaitas afinadas en do natural. O xeito máis común de tocar é unha oitava por riba da gaita, e cando coinciden dúas requintas, facendo unha mesma melodía en terceiras paralelas. A súa dixitación ven condicionada polo feito de que hai que tocar nunha escala de Si natural nun instrumento orixinariamente afinado en Fa e retocado para levalo ao Fa#. Así, a dixitación está pragada de tranquillas, posturas entrecruzadas dos dedos que se empregan para obter as notas desexadas.

Os recursos de ornamentación de que fan uso os requinteiros son moi diversos, e só están limitados pola súa imaxinación e pola súa capacidade técnica. Adoitan utilizar trinos longos sobre notas cadenciais, fraseos picados e contranpuntísticos. O feito de que se atopasen pezas compostas para dúos e tríos de requintas sen gaita é unha proba de que este instrumento non foi nunca menosprezado en favor da gaita, en contra do que se puidese pensar. De feito hai evidencias de grupos compostos exclusivamente por requinteiros.

No ano 2017, publicouse un libro-cd que reúne en máis de 80 partituras transcritas, o primeiro cancioneiro de música do repertorio dos grupos tradicionais que empregaban nas súas formacións a requinta da Ulla, traballo feito por Rafael Carracedo Crespo na editorial Embora e coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Susana Seivane

Susana Seivane Hoyo, nada en Barcelona o 25 de agosto de 1976, é unha gaiteira cun estilo musical tradicional dos antigos gaiteiros, mais incorporando ás veces influencias doutras músicas.

Talo

O talo ou caule é, entre as plantas con flores, o eixe, xeralmente aéreo, que prolonga a raíz e no que se penduran as xemas e as follas. Ramifícase xeralmente en diversas pólas.

Diferénciase da raíz pola presenza de entrenós nos que se penduran as xemas auxiliares e as follas, pola ausencia de cofia terminal e pola súa estrutura anatómica. A transición entre raíz e talo faise no "pescozo". Poden existir talos subterráneos como existen raíces aéreas.

Polo seu xeito de crecemento e de ramificación, o talo determina o porte da planta; tamén ten unha función de sostén da planta e de transporte dos elementos nutritivos entre as raíces e as follas.

Un sinónimo usado ás veces, para diferencialo do talo das plantas inferiores ou talófitas, é o cultismo caule.

Xilografía

A xilografía (do grego xylón, madeira; e grafé, inscrición) é unha técnica de impresión con prancha de madeira. O texto ou a imaxe desexada tállase á man cun cicel ou buril na madeira. Utilízase habitualmente unha soa matriz (chamada tamén taco) para cada páxina. A continuación imprégnase con tinta e prémese contra un soporte (como o papel) obténdose a impresión do relevo.

As madeiras máis apropiadas para realizala son a de buxo, a de cerdeira ou a de pereira.

Existen dous tipos de xilografía en función de como se realice o gravado na madeira:

Xilografía "ó fío": a superficie de gravado está cortada en paralelo ás febras do tronco. Este método é propenso á aparición de nós e febras irregulares co consecuente problema para a impresión.

Xilografía "a testa": a cara é perpendicular ás febras.Diferénciase dos demais sistemas de impresión de textos en que utiliza unha prancha fixa para imprimir todo o contido, mentres que os restantes se basean en tipos móbeis (letras) que se reordenan e utilizan para outras páxinas.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia dende o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.