Burguesía

Burguesía é un termo empregado en economía, política e socioloxía para describir de forma xeral unha parte da sociedade, que no seu conxunto é a posuidora da maior parte dos bens produtivos, o que a converte nunha forma importante do poder económico. A súa recente conformación de poder foi orixinada das ganancias do comercio na época feudal, pero diversificouse cando foron capaces de tomar o poder político en diversos lugares ou países.

O termo burguesía comezouse a utilizar na Idade Media para designar o conxunto de comerciantes que acumulaban riquezas provenientes dos seus negocios. Xurdiu a partir de que estes comerciantes instalábanse nas aforas das fortalezas feudais (burgos), e de aí procede bourgois (burgués, en francés). Co avance dos medios de produción, a burguesía foi desenvolvendo unha oposición de tipo político ós señores feudais, que comezaban a decaer, e cos anos desprazou do poder político o feudalismo coa Revolución francesa, dando paso a un novo sistema imperante, coñecido como capitalismo.

Baixa Idade Media

A Baixa Idade Media é o período histórico que abrangue a historia europea dende o século XII ata o século XV. Comeza coa batalla de Hastings en 1066, fundación do reino de Inglaterra, e remata co xurdimento do Renacemento en Italia e España. Como data de remate empréganse dúas datas, ben a conquista de Bizancio polos otománs en 1453 ou o descubrimento de América por Cristovo Colón o 12 de outubro de 1492.

Barroco

O Barroco é un movemento cultural e artístico que tivo lugar principalmente durante o século XVII. O termo provén do francés baroque, de barocco, figura de siloxismo que os renacentistas aplicaban aos razoamentos absurdos, cruzado co portugués barroco, perla irregular ou, por extensión, xoia falsa.A cultura barroca nace dunha situación histórica concreta, que é a crise económica e social que as monarquías absolutistas e a Contrarreforma non puideron ocultar. Por esa razón, o home desa época refuxiouse nos avances da ciencia e na expresión artística e literaria. O Barroco caracterízase tanto polo esplendor artístico e cultural como pola decadencia social e económica.

O Barroco é unha reacción fronte ao manierismo, movemento elitista, complicado e intelectual e, en xeral, á orde estética renacentista, de beleza equilibrada e razoable. O Barroco non cifra o seu ideal na proporción bela, máis ben procura a realidade cotiá, con frecuencia tratada con extrema crueza. Á vez mostra gusto polo aparatoso e monumental, empregado como instrumento propagandístico tanto da monarquía como da Igrexa católica.

Casa Amatller

A Casa Amatller é o segundo gran monumento modernista do Paseo de Gracia, en Barcelona, proxectado polo arquitecto Josep Puig i Cadafalch entre os anos 1898 e 1900. A causa da proximidade coa Casa Lleó Morera e coa Casa Batlló (de Antoni Gaudí), o lugar onde se localizan estes tres edificios modernistas tense denominado a Illa de la Discòrdia .

No ano 1898, o industrial chocolateiro Antoni Amatller quixo transformar un edificio vello de 1875, que comprara para trasladarse para el. O industrial encarregou as obras a Puig i Cadafalch, que apostou por darlle a aparencia dun pazo gótico urbano, cunha fachada plana e un patio central cunha escaleira que dá acceso ao andar principal, tendo en conta que o edificio había de ser habitado por diversas familias.

Puig i Cadafalch creou a Casa Amatller cunha lectura moi persoal do gótico, mesturando influencias do gótico catalán co gótico dos palacetes urbanos dos Países Baixos e Flandres; finalmente tamén están presentes os típicos detalles de inspiración medieval. O máis sorprendente do edificio é a fachada escalonada de reminiscencia nórdica, que lembra unha tableta clásica de chocolate.

O andar principal é un dos poucos de Barcelona que aínda conserva a riqueza ornamental e a atmosfera dourada e opulenta daquela burguesía do ensanche barcelonés.

Actualmente acolle as oficinas do Institut Amatller d'Art Hispànic.

Cerdanyola del Vallès

Cerdanyola del Vallès é un municipio da comarca do Vallès Occidental, na provincia de Barcelona, Comunidade Autónoma de Cataluña, España.

A cidade conta cun poboado ibero (ca n'Olivé), a ermida románica de Sant Iscle de les Feixes, o castelo de Sant Marçal e un gran número de masías, testemuño do pasado agrícola. Así mesmo tamén hai casas modernistas que se construíu a burguesía como casas de veraneo.

En Cerdanyola atopamos a Universidade Autónoma de Barcelona (máis coñecida como a UAB) situada no barrio de Bellaterra, o Parque Tecnolóxico do Vallès (PTV), e construirase no futuro un sincrotrón (un acelerador de partículas).

Desamortización

A desamortización foi un longo proceso histórico-económico iniciado en España a finais do século XVIII por Manuel de Godoy e fechado xa moi entrado o século XX (16 de decembro de 1964), que consistiu en poñer no mercado, mediante poxa pública, as terras e bens non produtivos en poder das chamadas "mans mortas" que non as cultivaban (case sempre a Igrexa católica ou as ordes relixiosas) que as acumularan como habituais beneficiarias de doazóns, testamentos. A finalidade principal da desamortización era acrecentar a riqueza nacional e crear unha burguesía e clase media de labregos propietarios. Ademais, o erario obtiña uns ingresos extraordinarios cos que pretendían amortizar os títulos de débeda pública.

A desamortización converteuse na principal arma política con que os liberais modificaron o réxime da propiedade do Antigo Réxime, para implantar o novo Estado burgués durante a primeira metade do século XIX.

Ditadura de Primo de Rivera

A ditadura de Primo de Rivera foi o réxime político que houbo en España desde o golpe de estado do capitán xeneral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, o 13 de setembro de 1923, ata a súa dimisión o 28 de xaneiro de 1930 e a substitución pola chamada dictablanda do xeneral Dámaso Berenguer.

A pesar dos seus esforzos de rexeneración e o inmenso progreso da economía e as infraestruturas, a Ditadura foi capaz de estabilizar a situación política durante un longo período, pero a finais da Ditadura produciuse unha crise política que desprestixiou o rei Afonso XIII e achandou o camiño á Segunda República española.

Ditadura do proletariado

A ditadura do proletariado é un termo empregado polos postulado polo marxismo para referirse ó estado de transición revolucionaria entre o capitalismo e a sociedade comunista. O termo non se refire a unha concentración de poder nun ditador, senón a unha situación na que o proletariado ten o poder e substitúe o sistema político controlado pola burguesía (ditadura da burguesía). Esta etapa de transición é denominada tamén por moitos marxistas como socialismo.

El Carmel

El Carmel é un barrio popular do distrito de Horta-Guinardó de Barcelona, situado na parte alta da cidade. Esténdese polo outeiro do mesmo nome, pertencente ás estribacións da serra de Collserola, cunha orografía accidentada con numerosos desniveis, o que provoca fortes pendentes en numerosas rúas do barrio.

Antigamente estaba dividido entre catro poboacións: Gràcia, Sant Joan d'Horta, Sant Martí de Provençals e Sant Andreu de Palomar. Entre finais do século XIX e principios do XX foi un lugar de segundas residencias para a burguesía da entón vila de Gràcia. Ata os anos 1920 tivo un carácter marcadamente rural, con numerosos hortos e zonas verdes, feito que empezou a cambiar coa chegada dunha crecente inmigración do resto de España. Entón, as vivendas unifamiliares deixaron paso ás barracas, mentres que a partir dos anos 1960 empezaron a construírse grandes bloques de vivendas dentro do boom inmobiliario da época, que acabaron por transformar a fisionomía do barrio.El Carmel delimita cos barrios de La Teixonera, La Clota, Horta, La Font d'en Fargues e Can Baró do distrito de Horta-Guinardó, así como cos de El Coll e La Salut do distrito de Gràcia.

Getxo

Getxo é un municipio da costa do territorio histórico e provincia de Biscaia, no País Vasco, España. Está situado na marxe dereita da ría de Bilbao, na desembocadura do Ibaizabal-Nervión. Forma parte da comarca do Gran Bilbao e da área metropolitana de Bilbao.

Ten 78.846 habitantes (INE 2016) e destaca pola gran presenza de palacetes e vivendas construídas pola alta burguesía durante a industrialización.

Golf

O golf é un deporte de precisión, que ten como obxectivo introducir unha bóla nos buracos que están distribuídos no campo co menor número de golpes, empregando para cada tipo de golpe un pau dun conxunto de paus lixeiramente diferentes entre eles, xa que a cabeza do pau ten graos distintos, igual que as varas teñen lonxitudes distintas. A menor número de graos maior lonxitude da vara e polo tanto máis distancia. Como máximo poden levarse 14 paus.

O golf ten as súas orixes no século XV en Escocia, onde os pastores se entretiñan golpeando croios con paus ata chegar a unha meta. Co tempo os pastores perfeccionaron o xogo e introduciron as primeiras regras básicas.

Máis tarde o golf chegou á aristocracia e á alta burguesía. Desenvolvéronse os paus e as bólas, engadindo diversas bases de metais, para poderen golpear a maior ou menor distancia as bólas e mellorar as súas traxectorias. Tamén xurdiron os primeiros campos de golf e establecéronse regras máis precisas para o xogo. Co incremento das distancias dos golpes mesmo comezaron a usarse vehículos especializados para os desprazamentos, aínda que tamén se usen para achegarse ó punto de partida dos campos dende a recepción se está moi afastado. A meta converteuse nun buraco, no que debía entrar a bóla despois dun número determinado de golpes.

Industrialización

Coñécese como industrialización o proceso polo que un Estado ou comunidade territorial pasa dunha economía baseada na agricultura, a unha fundamentada no desenvolvemento industrial, e no que este representa: o sostén fundamental do Produto Interior Bruto e a oferta de traballo á maioría da poboación.

En cada Estado os procesos de industrialización se deron en momentos diferentes. A clave a nivel global en Europa e América encóntrase a finais do século XVIII e o XIX, nos que a primeira revolución industrial, coa incorporación de novas tecnoloxías á explotación agrícola e a superación dos traballos artesanais para a industria mediante produción en masa, cambiaron drasticamente o modo económico e social.

As características fundamentais da industrialización son:Abandono do medio rural por amplas capas de poboación en busca de traballo ás cidades.

Expansión e crecemento das urbes en torno ás cales se instalan as grandes empresas industriais.

Emerxencia da burguesía como clase social detentadora dos medios de produción e que defenderá o liberalismo na creación de empresas e o comercio.

Aparición da cultura do proletariado e, con ela, do movemento obreiro que encontra a súa expresión sociolóxica e filosófica no marxismo.

Progresiva desaparición dos modos ilustrados e da nobreza como detentadores da titularidade dos recursos económicos e do poder político.Por extensión fálase de industrialización para referirse a calquera modo de sociedade moi desenvolvida, se ben dende a década dos 50 do século XX. As sociedades con maior poder económico son aquelas que posúen uns altos niveis de desenvolvemento tecnolóxico.

Karl Marx

Karl Heinrich Marx (pronunciado: [kaːɐ̯l ˈhaɪnʀɪç ˈmaːɐ̯ks]), nado en Tréveris o 5 de maio de 1818 e falecido en Londres o 14 de marzo de 1883, foi un filósofo, economista, politicólogo, sociólogo, xornalista e socialista revolucionario prusiano. Procedente dunha familia de clase media, estudou economía política e a filosofía hegeliana. Como adulto, Marx volveuse apátrida e pasou a maior parte da súa vida en Londres onde continuou a desenvolver o seu pensamento en colaboración co alemán Friedrich Engels e publicou varias obras, a máis coñecida sendo o panfleto de 1848 O manifesto comunista. O seu traballo dende entón influíu a historia intelectual, económica e política subseguinte.

As teorías de Marx sobre a sociedade, a economía e a política —colectivamente coñecidas como marxismo— sosteñen que as sociedades humanas se desenvolven a través da loita de clases; no capitalismo, esta maniféstase no conflito entre a clase dominante (coñecida como burguesía) que controla os medios de produción e a clase obreira (coñecida como proletariado) que activa eses medios de produción vendendo a súa forza de traballo por un salario. Empregando un enfoque crítico denominado materialismo histórico, Marx prediciu que, ao igual que os sistemas socioeconómicos anteriores, o capitalismo producía tensións internas que o conducirían á súa autodestrución e á substitución por un novo sistema: o socialismo. Para Marx, a loita de clases baixo o capitalismo, debido en parte á súa inestabilidade e a súa natureza propensa á crise, podería acabar no desenvolvemento da conciencia de clase por parte da clase obreira, conducindo á súa conquista do poder político e finalmente o establecemento dunha sociedade sen clases e comunista constituída por unha asociación libre de produtores. Marx loitou activamente pola súa introdución, argumentando que a clase obreira debería levar a cabo unha acción revolucionaria organizada para derrocar o capitalismo e traer consigo a emancipación socioeconómica.Marx foi descrito como unha das figuras máis influentes da historia humana e o seu traballo foi tanto gabado coma criticado. A súa obra sobre economía estableceu a base para a meirande parte do coñecemento actual sobre a forza de traballo e a súa relación co capital, e o pensamento económico posterior. Moitos intelectuais, sindicatos obreiros, artistas e partidos políticos mundiais foron influenciados polo traballo de Marx, con moitas ideas modificadas ou adaptadas. Marx é tipicamente citada como un dos principais arquitectos da ciencia social moderna.

Marxismo

O marxismo é o conxunto de doutrinas políticas e filosóficas derivadas da obra de Karl Marx, filósofo, economista, xornalista e revolucionario do século XIX e do seu amigo Friedrich Engels. Marx e Engels baseáronse na filosofía de Friedrich Hegel e de Feuerbach, ambos alemáns, a economía política de Adam Smith, a economía ricardiana e o socialismo francés do século XIX para desenvolver unha crítica da sociedade que é tanto científica como revolucionaria. Esta crítica alcanzou a súa expresión máis sistemática na súa obra máis importante, O capital: crítica da economía política.

Porén, o marxismo traspasou as ideas dos seus precursores, tornándose unha corrente política-teórica que abrangue unha ampla gama de pensadores e militantes, non sempre coincidentes e asumindo posicións teóricas e políticas ás veces antagónicas.

O marxismo aséntase sobre 3 grandes eixes: a análise do pasado, a crítica do presente e o proxecto de futuro.[Cómpre referencia]

O discreto engado da burguesía

O discreto engado da burguesía (en francés Le Charme discret de la bourgeoisie) é un filme francés de 1972 dirixido polo realizador español Luis Buñuel. Como en moitas das súas longametraxes pódense observar escenas propias do surrealismo. Na 45ª edición dos Oscar gañou o Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa e foi candidato ao premio ao mellor guión orixinal.Foi estreado en galego pola TVG o 4 de maio de 1991.

Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso

O Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso (POSDR) (en ruso: Российская социал-демократическая рабочая партия, РСДРП; Rossiyskaya sotsial-demokraticheskaya rabochaya partiya, RSDRP) foi fundado en 1898 en Minsk, cando se reuniron no seu Primeiro Congreso diversas organizacións marxistas ou "Unións de Loita", de San Petersburgo, Moscova, Kiev, Yekaterinoslav (Dnipro), ademais da Unión Xeral de Traballadores Xudeus de Lituania, Polonia e Rusia (o Bund). A este Congreso asistiron nove delegados que aprobaron e publicaron un Manifesto fundacional.

Revolución Francesa

A Revolución Francesa de 1789 xurdiu a consecuencia das ideas da Ilustración e en contra do Antigo Réxime e o poder do clero e da nobreza no Reino de Francia. A Revolución Americana serviría de exemplo aos ideais de liberdade e igualdade.

A revolución dá inicio á era moderna na Francia. Acabou co feudalismo en Francia e proclama os principios de "Liberdade, Igualdade e Fraternidade" (Liberté, Egalité, Fraternité). Acabou tamén cos privilexios da nobreza e de castas e comezaron a imperar os ideais igualitarios.

Romanticismo

O Romanticismo foi un movemento artístico e ideolóxico que se orixinou en Alemaña e no Reino Unido a finais do século XVIII como unha reacción contra o racionalismo da Ilustración e o Neoclasicismo, dándolle preponderancia ó sentimento e a unha serie de valores humanos como a liberdade, o irracionalismo e a particularidade do individuo.

O Romanticismo apareceu como consecuencia das loitas políticas, ideolóxicas e sociais que se estaban a dar no continente europeo, baixo un contexto de revolucións liberais e conquistas territoriais por parte do imperio napoleónico, que unidos a un desexo de liberdade contribuíron á aparición dun sentimento patriótico e nacionalista en Europa.

Ademais, en medio das violentas tensións xeradas pola nova clase ascendente da burguesía e a decadente nobreza desenvolveuse o proceso de consolidación das grandes nacionalidades europeas.

Desenvolveuse fundamentalmente na primeira metade do século XIX, estendéndose dende Alemaña a Inglaterra, Francia, Italia, España, Rusia, Polonia, Estados Unidos e as recentemente nacidas repúblicas hispanoamericanas. Posteriormente, fragmentouse ou transformouse en diversas correntes, como o Parnasianismo, o Simbolismo, o Decadentismo ou o Prerrafaelismo, sumidas na denominación xeral de Posromanticismo, unha derivación do cal foi o chamado Modernismo hispanoamericano e español. Posteriormente, unha das correntes vangardistas do século XX, o Surrealismo, levou ó extremo os postulados románticos.

A insistencia do romántico no sentimento e no irracioanalismo pulou a paixón creadora nas artes, onde atopou a súa perfecta forma de expresión e, especialmente, na literatura e na música.

O individualismo da burguesía atopou a súa máxima expresión cultural no romanticismo. O artista romántico exaltou a sensibilidade e a subxectividade, e temas como a imaxinación, a paixón, o sentimento, o mito, a lenda ou as paisaxes exóticas convertéronse en motivos temáticos que reforzaban esa mentalidade individualista e que recoñecían o dereito do artista a seguir o seus propios sentimentos e instintos humanos.

Segunda República Francesa

A Segunda República Francesa foi o réxime político republicano instaurado en Francia durante o período comprendido entre o 25 de febreiro de 1848 e o 2 de decembro de 1852. A pesar da súa brevidade, producíronse grandes reformas, que levarían a implantar o sufraxio universal masculino, ademais da abolición da escravitude.

Sinclair Lewis

Harry Sinclair Lewis, nado en Sauk Centre, Minnesota o 7 de febreiro de 1885 e finado en Roma o 10 de xaneiro de 1951, foi un escritor estadounidense. As súas novelas son unha sátira da burguesía e das súas inquietudes mercantís e relixiosas. Obtivo o Premio Nobel de Literatura en 1930, sendo o primeiro escritor estadounidense en logralo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.