Burela

Burela é un concello da provincia de Lugo, pertencente á Comarca da Mariña Central. En 2015 tiña 9.580 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é burelao[5], burelense[6] ou burelés[7]. É o segundo concello máis poboado da comarca despois de Foz. Está bañado polo Mar Cantábrico polo norte e leste. Limita polo oeste co concello de Cervo, e polo sur co de Foz. O seu porto é un dos máis importantes da costa galega, cunha gran frota pesqueira. A poboación creceu considerablemente nos últimos anos do século XX, pasando dos 7.834 habitantes de 1995 aos 9.660 que ten en 2014. A súa economía baséase principalmente na pesca, destacando a pesca da pescada e do bonito. Como consecuencia desta actividade desenvolveuse tamén a industria conserveira de gran calidade. Ademais disto conta tamén con cerámicas, estaleiros, serradoiros e un hospital comarcal.

Ata 1994, cando se segrega, formaba parte de Cervo. Debido á gran demanda de persoal para traballar no mar, Burela é un concello multicultural, xa que actualmente residen nel comunidades de caboverdianos (establecidos desde hai anos) e recentemente incrementouse a chegada de suramericanos e filipinos.

Coordenadas: 43°39′N 7°21′O / 43.650, -7.350

Burela
Bandeira de Burela
---
Escudo de Burela
Porto de Burela
Porto de Burela
Situacion Burela
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca da Mariña Central
Poboación9.566 hab. (2018)
Área7,3 km²
Densidade1.310,41 hab./km²
Entidades de poboación1 parroquia
Capital do concelloBurela
Política (2019 [2][3])
AlcaldeAlfredo Llano García (PSdeG-PSOE)
ConcelleirosBNG: 3
PPdeG: 4
PSdeG-PSOE: 6
Outros: 0
Eleccións municipais en Burela
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes61,77%
Na rede
http://www.burela.gal/

Xeografía

Amencer en Burela (Lugo)
Amencer en Burela

O concello de Burela atópase na chamada Mariña Luguesa e no bordo norte da chaira lucense. En Burela comeza a rasa cantábrica, superficie chá situada entre o mar e as estribacións montañosas, orixinando un tipo de costa liñal de longas praias formadas aos pés dos cantís e separadas a miúdo por farallóns.

Burela fai fronteira polo noroeste co concello de Cervo, polo norte co Mar Cantábrico, polo sueste co concello de Foz, e polo leste co Mar Cantábrico. A poboación de Burela distribúese tan só nunha única parroquia chamada Santa María de Burela.

Historia

A historia de Burela remóntase aos tempos prerromanos. Os restos máis antigos de poboacións achados na zona corresponden ao Castro de Burela situado na parte extrema do cabo. Foron os habitantes destes castros, a poboación castrexa, a que deixou un dos emblemas do concello, o Torque de Burela -que actualmente se atopa no museo Provincial de Lugo-, e que forma parte do escudo de Burela.

Cerca do porto de Burela, durante a construción da lonxa nova, atopáronse restos dun hipocausto romano, datado inicialmente entre os séculos II e III, cerca do porto de Burela en fase de escavación.

Preto dos restos castrexos atópase un vilaris e unha vila romana. Este pequeno asentamento vai dar orixe a unha freguesía rural que se erixe en parroquia baixo a protección de Santa María no 1250, e pertencendo á diocese de San Martiño de Mondoñedo.

Burela estivo baixo xurisdición da igrexa ata que en 1593 Filipe II incorpora á Coroa Real a xurisdición do coto redondo de Santa María de Burela e concede unha carta privilexio a favor do bispo de Mondoñedo.

Coa Constitución das Cortes de Cádiz (1812) termináronse as antigas xurisdicións e señorías e xurdiron os novos concellos. Nunha lista de novos concellos publicados en 1835 aparecen os concellos de San Cibrao e o de Nois, pertencendo a parroquia de Burela a este último. Estes dous concellos tan só duraron 5 anos.

En 1840 produciuse unha reforma da división xudicial e municipal da provincia de Lugo que estableceu o concello de Cervo, ao que pasou a pertencer a parroquia de Burela. A capital do concello quedou establecida en Cervo.

Tramitouse varias veces o expediente para cambiar o nome do concello de Cervo polo Concello de Burela, sen resultado. Finalmente, en 1994 a localidade de Burela separouse de Cervo, constituíndose en concello.

Demografía

Burela desde castelo
Vista de Burela desde O Castelo

Cunha poboación de 9580 habitantes en 2015[8], Burela supera por primeira vez na década do 2000 na súa historia os 9000 habitantes, e situase como o segundo maior concello da comarca despois de Foz e o oitavo da provincia.

O concello posúe unha superficie de 7,3 km² e unha densidade de poboación de 1256,30 hab./km², feito que o converte no primeiro concello da provincia de Lugo en densidade, e o cuarto concello galego con maior densidade, tan só despois das cidades da Coruña, Vigo e Ourense. Burela constitúe un dos concellos máis novos de Galicia, xa que a súa historia como concello independente remóntase ao ano 1994 cando se segregou do veciño Cervo.

Cunha idade media ao redor dos 41 anos, e unha poboación moza que supera amplamente aos maiores de 65 anos, o concello de Burela é un dos concellos máis novos de Galicia e o de menor idade media da súa provincia[9]. Así mesmo, Burela é un dos concellos galegos cunha maior tradición de acollida de estranxeiros, 1193 do total de habitantes, e onde estes se atopan máis integrados na sociedade[10], como exemplo cómpre resaltar a súa comunidade caboverdiana que mora no concello dende hai décadas[11]. A esta comunidade uníuselle máis recentemente inmigrantes procedentes de países latinoamericanos, principalmente Perú, e de Indonesia para traballar na pesca.

Censo total 2015 9580 habitantes
Menores de 15 anos 1337 (13,95 %)
Entre 15 e 64 anos 6715 (70,09 %)
Maiores de 65 anos 1528 (15,95 %)
Evolución da poboación desde

1995 ata 2008

1995

1996 1999 2000 2001 2002 2003 2004 2005 2006 2007 2008

7834

7925 7939 8045 8105 8176 8380 8348 8621 8755 8873 9171

Economía

Puerto burela 16 07 2009
Porto pesqueiro de Burela.

O sector pesqueiro ten o seu máximo expoñente no porto de Burela, o máis importante de todo o Mar Cantábrico[Cómpre referencia]. As especies máis importantes neste porto son: a pescada, que supón o 50 % da facturación da lonxa, o bonito, sendo Burela o porto boniteiro máis importante do Cantábrico e, en menor medida, outras especies do cerco ou arrastre como a xarda, xurelo, sardiña etc. Ao amparo da pesca xeráronse ao redor de 4.476 postos de traballo cunha frota diversificada en palangre, artesanal, arrastre litoral e boniteira.

O sector secundario atópase representado polas industrias de transformación da madeira, as cerámicas, as fábricas de xeo, os talleres gráficos e mecánicos, os estaleiros e os postos relacionados coa próxima Alúmina-Aluminio de San Cibrao, ademais do crecemento do subsector construtivo, en auxe polo desenvolvemento económico e turístico en todo o municipio.

O sector terciario, en auxe nos últimos anos, alcanzou un gran desenvolvemento como consecuencia do "boom" demográfico, económico e turístico. É destacábel a existencia do Hospital da Costa, xa que xera un gran número de empregos e presta un servizo básico para A Mariña.

Alcaldes

Lista de alcaldes
2015-2019 Alfredo Llano García PSdeG-PSOE
2011-2015 José María González Barcia PPdG
2007-2011 Alfredo Llano García PSdeG-PSOE
2005-2007 José María González Barcia PPdG
1995-2005 Manuel Mon Rouco PPdG

Comunicacións

Estradas

A principal estrada do concello é a N-642, coñecida como a Estrada da Mariña que vai de Ferrol a Foz. Actualmente bordea a vila de Burela en dirección noroeste-sueste, pois hai varios anos fíxose esta circunvalación que suprimía o paso da estrada polo centro da vila, pola Avenida Arcadio Pardiñas.

Ferrocarril

Polo concello de Burela pasa a liña de ferrocarril de vía estreita que vai de Ferrol a Oviedo, pertencente a FEVE. No centro da vila está situada a estación de ferrocarril de Burela.

Hai catro trens diarios procedentes de Oviedo e Ribadeo con destino a Ferrol, e outros catro en sentido contrario, dous a Ribadeo e os outros dous a Oviedo.

Comunicacións aéreas

O aeroporto da Coruña é o aeroporto máis próximo a Burela, situado a 132 km. Dende este aeroporto hai voos directos a diversas cidades españolas e tamén a europeas.

O aeroporto de Santiago de Compostela está pouco máis lonxe que o da Coruña, a 159 km. Hai voos directos a varias cidades españolas peninsulares e insulares, e tamén a cidades europeas e americanas.

O Aeroporto de Asturias está a 136 km pola estrada N-642. Hai voos directos a varias cidades españolas peninsulares e insulares, e tamén a París e Bruselas.

Lugares de interese

CuevaBurela
Cova na zona do Cantiño
  • Barrio do Cantiño. Zona residencial que conta coas praias do Cantiño, Areoura e a praia dos Alemás, un paseo marítimo cunha zona de lecer (parque, zona de grelladas...).
  • A Marosa (bandeira azul). Conta coa praia da Marosa, as instalacións deportivas da S.D. Burela e un paseo marítimo.
  • O Portelo (bandeira azul). Praia artificial en pleno centro urbano da poboación. Unida coa Marosa polo paseo marítimo anterior. Está pegada a unha pequena cala chamada O Cabaliño. Entre A Marosa e O Cabaliño sitúase outra pequena cala chamada Praia de Ril (bandeira azul).
  • O Castelo. Zona de recreo situada na cima do monte O Castelo. Conta cun campo de tiro, unha ermida e un miradoiro con magníficas vistas.
  • Igrexa de Vila do Medio, con pinturas murais que datan da Idade Media.
  • Porto pesqueiro. Un dos máis importantes de Galicia.
  • Castro de Burela denominado Chao do Castro, próximo ao paseo marítimo que une as praias da Marosa e O Portelo.
  • Hipocausto romano datado inicialmente entre os séculos II e III, cerca do porto de Burela, descuberto no ano 2004 e en certo estado de degradación.
  • Zona xeolóxica do Perdouro, considerado xeoloxicamente como un dos espazos máis interesantes da Península, xa que neste punto conflúe a rasa cantábrica -cuarzitas- e o batolito de San Cibrao -granito-
  • Barco Museo Boniteiro "Reina del Carmen"

Festividades

  • Festas Patronais na honra a Virxe do Carme e San Xoán Bautista, no mes de xuño. Dentro desta celebración hai que destacar as súas procesións, a primeira a do sábado pola noite, é a procesión que acompaña á patroa dos mariñeiros, a Virxe do Carme, desde a igrexa parroquial ao porto, a través de fermosas alfombras florais, para despedir e bendicir aos seus mariñeiros próximos a partir.
  • Romaría e Subida ao Monte Castelo, en xullo.
  • Feira do bonito, o primeiro domingo de agosto, coincidente coa feira de artesanía e ecoloxía Produart.
  • Expomar, feira monográfica náutico-pesqueira celebrada en maio.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Burela.
Burela, Galiza

Vista de Burela

Alfombras burela fiestas

Alfombras florais nas festas patronais

Burela e o mar

Dende A Marosa (esq.) ó porto (der.)

Casa concello Burela

Casa do concello.

Placa altimétrica Burela

Placa altimétrica.

Lugares de Burela

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Burela vexa: Lugares de Burela.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2019". resultados.eleccioneslocaleseuropeas19.es. Consultado o 27 de maio de 2019.
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Burela". www.fegamp.gal. Consultado o 14 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para burelao.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para burelense.
  7. Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 43. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7
  8. http://www.ige.eu/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?idioma=gl&codigo=0201001002 Censo 2007 Lugo
  9. http://www.burela.gal/demografia.htm Demografía de Burela
  10. http://es.youtube.com/watch?v=UOm14IGACXQ
  11. http://www.iesparquedelisboa.org/comenius2/Inmigracion/pdf/eps27102002/p1.html Afrogallegos

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

A Burela, Carballido, A Fonsagrada

A Burela é un lugar da parroquia de Carballido, no concello lugués da Fonsagrada, na comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE, en 2015 tiña 4 habitantes (2 homes e 2 mulleres).

Cangas, Foz

San Pedro de Cangas é unha parroquia do concello de Foz, na provincia de Lugo, cunha superficie de 9,25 km². Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2017 tiña 813 habitantes (411 mulleres e 402 homes) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 877 habitantes.

Castro de Burela

O Castro de Burela ou Chao do Castro é un antigo castro que se atopa no concello de Burela, na provincia de Lugo. É coñecido por nel atoparse o Torque de Burela, entre outros instrumentos como arcadas e puntas de frechas.

Castros de Galicia

Para unha relación non exhaustiva de castros existen as seguintes listaxes de castros de Galicia, ordenados por provincias:

Castros da provincia da Coruña

Castros da provincia de Lugo

Castros da provincia de Ourense

Castros da provincia de Pontevedra

Cervo

Cervo é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Occidental. Segundo o IGE no 2014 tiña 4.369 habitantes (4.847 no 2006, 4.949 no 2005, 4.978 no 2004, 5.060 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «cervense».

Club Deportivo Burela Fútbol Sala

O Club Deportivo Burela Fútbol Sala, coñecido por motivos de patrocinio como Burela Pescados Rubén, é un equipo galego de fútbol sala fundado en 2001 en Burela. Actualmente xoga na Primeira División.

Xogou cinco tempadas consecutivas na Primeira División entre 2012 e 2017, acadando na tempada 2013/14 un sétimo posto que lle permitiu xogar o play-off polo título, no que foi eliminado en cuartos de final.

Tamén ten un equipo feminino que xoga na máxima categoría.

Comarca da Mariña Central

A comarca da Mariña Central é unha comarca galega situada na provincia de Lugo cuxa capital é Mondoñedo, que é a súa terceira cidade en poboación, tras Foz e Burela. A ela pertencen os concellos de Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro. Esta comarca é unha división político-administrativa da Mariña de Lugo.

Copa Xunta de Galicia de fútbol sala

A Copa Galicia de fútbol sala é unha competición de fútbol sala que se disputa anualmente en Galicia. Está organizada pola Real Federación Galega de Fútbol e a súa primeira edición disputouse en 1990, coincidindo co inicio da División de Honra. No 2007 a competición non se puido disputar por falta de datas no calendario, e ao ano seguinte disputouse durante o parón invernal propiciado polo Mundial de Brasil.

Galería de imaxes de castros galegos

Galería de imaxes de castros galegos.

Irmandamento

Irmandamento (derivado do verbo irmandar) é o proceso político polo que dúas localidades distintas establecen un vencello común, que pode ser simplemente simbólico ou de intensidade moito máis forte. As razóns máis visibles do irmandamento son as de etimoloxías similares para os topónimos (v. Lalín, Santiago de Compostela, A Pobra de Trives, Palas de Rei, Monterrei, Beade ou Gondomar), inda que tamén se pode deber a unha grande proporción de emigrantes dunha das localidades na poboación da outra (v. irmandamentos con Arxentina, Cuba, Francia e Alemaña ou Burela no sentido inverso), unha historia semellante (v. Baiona a Real), a unha similitude cultural ou económica (v. Tomiño), a unha busca común de recursos ou a outros motivos.

José María González Barcia

José María González Barcia, nado en Burela en 1956, é un político galego do PPdeG.

Lugar de interese xeolóxico

Un lugar de interese xeolóxico (LIX) é unha zona xeolóxica única ou de interese científico ou divulgativo catalogada para a súa promoción e protección no estado español. Estes lugares xeolóxicos decláranse pola presenza de estruturas xeolóxicas, de formas do terreo e elementos do seu modelado, de tipos de solo, de rochas ou dunha composición mineral, de fósiles ou meteoritos presentes, entre outros, e que son de interese para entender as orixes e evolución das formación xeolóxicas, da vida e do planeta.A declaración destas zonas está amparada pola lei 42/2007 española e actualízase no catálogo de lugares de interese xeolóxico, que é un traballo de colaboración entre o estado, as comunidades autónomas e entidades científicas. En 2017 só Andalucía, Aragón, Cataluña, e Euskadi contaban con inventarios propios e oficiais. Nas demais comunidades é o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IXME) quen mantén o rexistro de lugares de interese xeolóxico actualizado, en colaboración con organismos científicos. O IXME cataloga estes lugares indicando se é un proxecto cartográfico propio, das autonomías ou para o proxecto internacional Geosites.O número de LIX en España en 2015 foi de 2787, entre os cales estaban 276 unidades declaradas como Global Geosites. Galicia conta con 62 LIX, dos cales 16 son geosites.

Montes dos Cabaleiros

Os montes dos Cabaleiros pertencen ás serras setentrionais de Galiza e están localizados ao norte da serra do Xistral. Ao sur, limitan coa montes de Buio, entre os concellos de Cervo, Foz, O Valadouro e Burela.

Son montes de escasa altura que describen unha curva de orientación NE-SO.

O lugar de maior altura é o Monte Neda, con 798 metros sobre o nivel do mar.

Praias da provincia de Lugo

Esta é unha lista parcial das máis de 60 praias da provincia de Lugo, dos concellos litorais de: Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Primeira Galicia

A Primeira Galicia é a sexta categoría de fútbol de Galicia. É a división inmediatamente inferior á Preferente Galicia e por encima da Segunda Galicia. É unha categoría non profesional e a súa organización corre a cargo da Federación Galega de Fútbol.

Provincia de Lugo

Lugo é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. É a meirande provincia galega e a de menor poboación relativa.

Limita ó norte co mar Cantábrico, ó oeste coa provincia da Coruña e a de Pontevedra, ó sur coa provincia de Ourense e ó leste co Principado de Asturias e a provincia de León, pertencente a Castela e León. A súa capital e a cidade máis poboada é Lugo, sendo a segunda cidade en poboación Monforte de Lemos, seguida de Viveiro, Vilalba, Sarria, Ribadeo, Foz, Burela e Chantada.

Aínda que é a maior das provincias galegas, é a terceira en número de habitantes, con 339 386 habitantes en 2015, tras A Coruña e Pontevedra.

Sociedade Deportiva Burela

A Sociedade Deportiva Burela é un club de fútbol galego, da vila de Burela, na provincia de Lugo. Foi fundado no 1966. Actualmente compite no Grupo III da Primeira Autonómica de Galicia.

Torque de Burela

O Torque de Burela é o máis grande dos torques atopados en Galicia. Foi atopado por casualidade por un agricultor da vila no ano 1945 no castro de Burela, no lugar do Chao de Castro, na parroquia de Burela, do concello do mesmo nome, e nun primeiro momento fora desprezado xa que pensaban que se trataba dunha asa dun caldeiro. Pertenceu á Colección Blanco-Cicerón, da que pasou á de Álvaro Gil Varela; atópase no Museo Provincial de Lugo. Pode datarse aproximadamente entre os séculos III e o II a. C.

O 24 de outubro de 2013 ás 10 horas os representantes dos herdeiros de Álvaro Gil acudiron ao Museo Provincial de Lugo para facer cumprir a sentenza que obriga á devolución das pezas da colección marchando con 40 destas pezas, entre elas o Torque de Burela. En xuño de 2014 a Deputación de Lugo anunciou que ía mercar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para devolvela ó Museo Provincial. A Deputación pensaba mercar estas pezas por un total de 2.964.000 euros. Finalmente esta compra foi realizada o 10 de febreiro de 2015 por 2.346.200 €, ós que hai que engadir outros 600.000 € que tamén se aboaron ós herdeiros de Álvaro Gil en concepto de gastos xudiciais.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.