Bronce

O bronce[1] é o nome co que se denominan toda unha serie de aliaxes metálicas que teñen como base o cobre e outro metal, xeralmente estaño (entre un 3-20%) e proporcións variables doutros elementos como zinc, aluminio, antimonio, fósforo, prata. Outros elementos con características de dureza superiores ao cobre fan mellorar as súas propiedades mecánicas.

Bronze Marcus Aurelius Louvre Br45
Fragmento dun retrato de Marco Aurelio de bronce

Características principais

Presenta unha boa ductilidade e boa resistencia ao desgaste e á corrosión. É moi empregado para realizar pezas de fundición pola súa colabilidade e para a fabricación de pás de hélice para propulsión de buques pola resistencia que ten á cavitación.

Historia

Foi a primeira aliaxe fabricada conscientemente: consistía en mesturar o mineral de cobre (calcopirita, malaquita etc.) e o de estaño (casiterita) nun forno alimentado con carbón vexetal. O monóxido de carbono resultante reducía os minerais a metais: cobre e estaño que se fundían e aliaban entre un 5 e un 10% en peso de estaño. O coñecemento metalúrxico da fabricación de bronce deu orixe, nas distintas civilizacións, á chamada Idade de Bronce.

Familias de bronces

  • Bronces binarios (cobre con estaño).
    • Bronces forxados.
    • Bronces moldeados.
  • Bronces complexos (que teñen un terceiro elemento)
    • Bronces con zinc.
    • Bronces con chumbo.

Aplicacións

O bronce utilizouse para fabricar armas, escudos, estatuas etcétera. Actualmente emprégase especialmente en aliaxes condutoras da calor, en baterías eléctricas e, os seus sales, no tratamento de certos tipos de depresión. Tamén se utiliza o bronce na fabricación de cordas para guitarras acústicas en dúas modalidades: aliaxe de 80% cobre e 20% zinc, e mesturado con fósforo. Ademais, na maioría de competicións deportivas entrégase unha medalla de bronce ao terceiro posto.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bronce.

Véxase tamén

Outros artigos

Abegondo

Abegondo é un concello da provincia e comarca da Coruña. Está no partido xudicial de Betanzos e forma parte do consorcio das Mariñas e da área metropolitana da Coruña. Limita con Cambre, Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Mesía, Ordes e Carral. Abegondo ocupa 87,9 km2 de terreo, que se reparte en 19 parroquias.

En 2017 tiña unha poboación de 5467 persoas. O norte do concello é o máis poboado.

A metade norte do concello delimítano o río Barcés e o Mero. Vai subindo de altitude cara o sur, pasando dos 100 aos 400 metros de altitude en Vizoño. Boa parte das augas do encoro de Cecebre están nas súas parroquias do norte: Orto e Crendes. O encoro e as ribeiras do ríos Barcés e Mero están declarados como espazo natural ZEC encoro de Abegondo-Cecebre. Un punto de ancoraxe na AP-9 en Folgoso foi declarado de interese xeolóxico polo perfil estratigráfico da serie de Ordes que mostra. Abegondo forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo.

Entre o patrimonio destacan os castros e mámoas e o posible paso da calzada romana Vía XX per loca marítima por Vizoño, as minarías de ouro no Barcés, a Torre Figueroa e as Torres de Peito Bordel do século XII, o pazo de Quiroga do XVII ou os Cruceiros Bonitos. Dúas variantes do Camiño Inglés, seguen os Camiños Reais e pasan por Abegondo desde A Coruña e Ferrol. Os abegondeses Antonio de Parga e Juan Armada foron ministros nos reinados de Fernando VII e Afonso XIII.

En Mabegondo están o Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo e a cidade deportiva do Deportivo da Coruña.

O xentilicio local é «abegondés»/«abegondesa»

Antas de Ulla

Antas de Ulla é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Ulloa. Segundo o IGE, en 2014 tiña 2 152 habitantes (2 219 no 2012, 2 275 no 2011, 2 346 no 2010, 2 407 no 2009, 2 499 no 2008, 2 549 no 2007, 2 573 no 2006, 2 602 no 2005, 2 640 no 2004, 2 676 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é seoanés, ullán ou ullao.

Arquitectura prehistórica de Galicia

A arquitectura prehistórica de Galicia abrangue aquelas formas de construción empregadas polos habitantes de Galicia dende hai 2 millóns de anos (Prehistoria) ata a chegada dos romanos e a conseguinte romanización de Galicia.

Castro de Borneiro

O castro de Borneiro ou da Cibdá é un castro galaico datado a finais da Idade de Bronce, pertencente á coñecida como Cultura castrexa, tamén coñecido como. Sitúase na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), a 500 metros da estrada LC-430 de Ponteceso a Baio. A poucos quilómetros está o famoso dolmen de Dombate. O poboado castrexo ten sido obxecto de escavacións arqueolóxicas e traballos de consolidación que permiten a súa visita. Foi catalogado como Ben de Interese Cultural en 2011

Castro de Santa Trega

O Castro de Santa Trega é un castro galaico e un sitio arqueolóxico que se atopa no contorno do monte de Santa Trega. Pertencente á cultura castrexa e o máis emblemático e visitado dos castros galegos. Foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931 e tamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural.

No castro atópanse desde petróglifos, en varias das pedras do monte, elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro, que, seguindo a tese mantida por de la Peña Santos, director das últimas campañas de escavacións arqueolóxicas na década dos oitenta, tivo unha ocupación continuada entre o século I a. C., ao pouco de comezar o proceso de romanización de Galicia, e o século I d. C., e que a partir dese momento comezou un lento proceso de abandono, que ben puido ter sido interrompido por reocupacións esporádicas temporais en época tardorromana.

Cista

Unha cista (do grego antigo κίστη, cofre ou caixa) é o nome que recibe en arqueoloxía, unha estrutura feita de pedra usada nos tempos antigos para enterramentos. Trátase do tipo máis sinxelo e simple de dolmen, e consta de pedras verticais ou laxes (dúas, tres ou catro) máis outra horizontal que as cobre. As cistas adoitan seren de pequeno tamaño para facer un osario ou algo maiores para conter un cadáver enteiro, normalmente en posición fetal.

Aparecen por toda toda Europa e Oriente Medio, máis tamén en América. A máis antiga data do 4 300 a.C. e apareceu preto de Lausana (Suíza). A aparición de cistas en escavacións arqueolóxicas adoita interpretarse como signo dunha sociedade evolucionada.

Cobre

O cobre (do latín cuprum, e este do grego kypros), é o elemento químico de número atómico 29 e símbolo Cu. Trátase dun metal de transición de cor arrubiada e brillo metálico que, canda a prata e o ouro, forma parte da denominada familia do cobre, caracterizada por ser os mellores condutores de electricidade. Grazas á súa alta condutividade eléctrica, ductilidade e maleabilidade, converteuse no material máis utilizado para fabricar cables eléctricos e outros compoñentes eléctricos e electrónicos.

O cobre forma parte dunha cantidade moi elevada de aliaxes que xeralmente presentan mellores propiedades mecánicas, aínda que teñen unha condutividade eléctrica menor. As máis importantes son coñecidas co nome de bronces e latóns. Por outra banda, o cobre é un metal duradeiro porque se pode reciclar un número case ilimitado de veces sen que perda as súas propiedades mecánicas.

Foi un dos primeiros metais en ser utilizado polo ser humano na Prehistoria. O cobre e a súa aliaxe co estaño, o bronce, adquiriron tanta importancia que os historiadores chamaron Idade do Cobre e Idade de Bronce a dous períodos da Antigüidade. Aínda que o seu uso perdeu importancia relativa co desenvolvemento da siderurxia, o cobre e as súas aliaxes seguiron sendo empregados para facer obxectos tan diversos como moedas, campás e canóns. A partir do século xix, concretamente da invención do xerador eléctrico en 1831 por Faraday, o cobre converteuse de novo nun metal estratéxico, ao ser a materia prima principal de cables e instalacións eléctricas.

O cobre posúe un importante papel biolóxico no proceso da fotosíntese das plantas, aínda que non forma parte da composición da clorofila. O cobre contribúe á formación de glóbulos vermellos e ao mantemento dos vasos sanguíneos, nervios, sistema inmunitario e ósos e xa que logo é un oligoelemento esencial para a vida humana.

Coral de Ruada

A Coral de Ruada é unha histórica agrupación musical galega con sede en Ourense.

Cultura castrexa

A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur.

Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce. A esta compoñente precastrexa sumáronselle influencias culturais centroeuropeas, atlánticas e mediterráneas; as primeiras serían consideradas tradicionalmente celtas e de aí a identificación tanto culta como popular e mítica que deu raíz ao celtismo. No lento período formativo, que duraría ata o século V a.C. os castros fóronse estendendo de sur a norte e da costa cara ao interior. Esta cultura desenvolveuse a continuación durante dous séculos e comezou a ser influenciada pola cultura romana no século II a.C. e continuou na forma de Cultura Galaico-romana despois da invasión romana e ata os séculos III ou mesmo o IV d.C.

Ferro

O ferro (do latín ferrum) é un elemento químico, símbolo Fe, de número atómico 26 (26 protóns e 26 electróns ) e masa atómica 56 u. A temperatura ambiente, o ferro atópase en estado sólido.

É extraído da natureza baixo a forma de mineral de ferro que, despois de distintos procesos de transformación, é usado na forma de lingotes. Se se engade carbono dáse orixe a varias formas de aceiro.

Este metal de transición atópase no grupo 8B da Clasificación Periódica dos Elementos. É o cuarto elemento máis abundante da codia terrestre (aproximadamente 5%) e, entre os metais, soamente o aluminio é máis abundante. Tamén é un dos elementos máis abundantes do Universo. O núcleo da Terra está formado principalmente por ferro e níquel (NiFe), xerando un campo magnético.O ferro foi historicamente importante, e un período da historia recibiu o nome de Idade de Ferro.

Actualmente é utilizado para a fabricación de ferramentas, máquinas, vehículos de transporte (automóbeis, navios etc.), como elemento estrutural de pontes, edificios, e infinidade doutras aplicacións.

Grupo Galaico de Arte Rupestre

Un petróglifo é unha representación gravada sobre unha pedra ou rocha. O Grupo Galaico de Arte Rupestre está constituído polos gravados galegos realizados en pedra en tempos prehistóricos. A denominación vense usando xa dende 1993 por arqueólogos como De La Peña Santos ou Rey García.

Idade de Bronce

A Idade de Bronce é un período na civilización en que se desenvolveu o emprego deste metal na metalurxia, resultado da mestura de cobre e estaño. O bronce foi inventado en oriente medio cara ao IV milenio a. C. substituíndo ao cobre, que dera lugar ao período Calcolítico, aínda que noutros lugares esta última idade foi descoñecida e o bronce substituíu directamente ao período Neolítico. Na África negra o Neolítico foi seguido da Idade de Ferro.

A data de adopción do bronce varía segundo as culturas:

Na Asia central o bronce chega ao redor do 2000 a.C. en Afganistán, Turkmenistán e Irán.

Na China adóptao a dinastía Shang (1766 a.C.- 1122 a.C.).

Idade de Ferro

A Idade de Ferro é a época final do sistema de tres idades, precedida polas Idades de Pedra (Neolítico) e de Bronce. É unha era arqueolóxica na Prehistoria e na Protohistoria de Europa e do Oriente Próximo, e por analoxía tamén é usado para noutras partes do Vello Mundo. O sistema de tres idades foi introducido na primeira metade do século XIX para arqueoloxía europea en particular, pero na segunda metade dese século estendeuse tamén á arqueoloxía de Oriente Próximo. Como suxire o seu nome, é o período en que se desenvolveu a produción de ferramentas e armas mediante a metalurxia do ferro. O ferro é superior ao bronce en relación á dureza e abundancia de xacementos.

A duración da Idade de Ferro varía dependendo da rexión en cuestión. Está definida pola convención arqueolóxica, e a mera presenza de ferro fundido ou ferro forxado non é abondo para representar unha cultura da Idade de Ferro; máis ben, o termo implica que a produción de aceiro ao carbono estaba tan perfeccionada que era posible a produción masiva de ferramentas e armas superiores ás equivalentes en bronce. No antigo Oriente Próximo, esta transición prodúcese no chamado colapso da Idade de Bronce, no século -XII. A tecnoloxía espallouse axiña pola rexión do Mediterráneo e o sur de Asia. Tamén o fixo de xeito máis serodio en Asia central, o leste e centro de Europa, e aínda máis tarde na rexión do norte de Europa, arredor do ano -500.

A Idade de Ferro remata, segundo as convecións, co comezo do rexistro historiográfico. Isto non adoita representar unha diferenza clara no rexistro arqueolóxico. No antigo Oriente Medio remata co estabelecemento do Imperio Aqueménida no -550, (considerado histórico en virtude do rexistro de Heródoto) en Europa central e occidental remata coa conquista romana no século -I. A Idade de Ferro Xermánica de Escandinavia remata arredor do ano 800, co comezo da Era viquinga.

Idade do Cobre

A Idade do Cobre ou Calcolítico é un dos períodos da prehistoria. Sucede ao Neolítico e precede á Idade de Bronce. Tamén se acostuma utilizar este nome para denominar algunhas culturas que presentan formas culturais diferenciadas entre o 2500 e 1800 a.C.

Manuel González González

Manuel González González, nado en Beba (Mazaricos) o 25 de outubro de 1951, é catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Metalurxia

Metalurxia designa un conxunto de procedementos e técnicas para extracción, fabricación, fundición e tratamento dos metais e as súas ligas.

Até a aparición da metalurxia utilizábanse obxectos ornamentais de metais preciosos e de ferro procedente de meteoritos, mais o uso extensivo dos metais non foi posíbel até que se puido reducir os minerais que se encontran na natureza (en forma oxidada) en metal máis ou menos puro por procesos metalúrxicos.

O Valadouro

O Valadouro é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Central. Segundo o IGE a súa poboación no 2014 era de 2.069 habitantes (2.233 no 2006, 2.268 no 2005, 2.305 no 2004, 2.328 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valadourés».

Podio

Un podio é unha plataforma usada para elevar a unha persoa por riba de quen o rodea. Deriva do grego πόδι (pé). En arquitectura, un edificio pode descansar sobre un gran podio. Os podios tamén poden ser usados para destacar persoas, como os directores dunha orquestra ou os oradores.

No deporte, unha especie de podio é empregado para honrar os tres primeiros competidores en eventos como os Xogos Olímpicos. Nos xogos emprégase un podio con tres niveis, sendo o máis alto para o medalla de ouro, un pouco máis baixo pola dereita o medalla de prata, e a terceira para o medalla de bronce. Nalgúns deportes, os tres mellores resultados dunha competición son chamados podios.

Prehistoria

A Prehistoria é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.