Britanos

Este artigo trata dos antigos britanos (Brittons), habitantes de illa de Bretaña, ou Gran Bretaña, e non dos bretóns, habitantes da actual país de Bretaña, en Francia.

Os britanos[1] (en latín Britanni) designa ante todo os habitantes da illa de Bretaña (en latín Britannia), ou máis exactamente que habitaban a parte da illa limitada ao Norte polos ríos Clyde e Forth (en Escocia hoxe).

Manor 014
Relevo dunha muller romano-britana.

Outros habitantes de Bretaña

Os outros habitantes da illa nese momento eran, ao norte destes ríos, os Caledonios, Maeatae, Attacotti etc., ou, logo, a confederación dos pictos; e sobre as costas galesas, os Hiberni, ou gaels de Irlanda. Máis tarde chegaron os anglos e os saxóns, asentados en inicio nas costas do Leste; os escotos, vidos de Irlanda, e situados na parte occidental da Caledonia.

Deste xeito, a definición abre a dupla cuestión do poboamento da illa de Bretaña, e do «carácter céltico» dese poboamento. Tal cuestión debe considerarse para dous períodos distintos que duran preto de mil anos: durante a prehistoria e a protohistoria da illa, antes da conquista romana dunha banda; durante a Alta Idade Media doutra banda.

Orixes prehistóricas

Britonia6hcentury
Mapa dos asentamentos britanos arredor do século VI d.C.

Os britanos, é dicir, os antigos habitantes de Gran Bretaña na época inmediatamente anterior á conquista romana, comprendían numerosas tribos e pobos, cun carácter céltico comprobado, especialmente no Sur da illa e na foz do río Támese; entanto «cando e como as illas –Bretaña e Irlanda– se celtizaran é descoñecido» (Barry Raftery).

Se as relacións continuas co continente existían durante o período de Hallstatt (na primeira Idade de ferro), o certo é que a produción arqueolóxica das illas nesta época se mantén resoltamente autóctona.

Na época de La Tène, existiu unha metalurxia do ferro nas dúas illas (desde o século VII a.C.). Mais é preciso agardarmos ata o século IV a.C. (e ata o II ou I en Irlanda), para que o material arqueolóxico mostre unha produción metalúrxica laténiana, e faltan totalmente paralelos da fase antiga de La Tène. Ao tempo, a «sociedade britana» revela innúmeros indicios dunha xerarquía moi forte, dominada por unha clase aristocrática, capaz mesmo de importar tales obxectos do continente.

A fins do século III a.C., aparecen emisións de moeda no Sur da illa de Bretaña; mais ningunha moeda, no mesmo período, se ten descuberto na Irlanda.

Sen dúbida, salvo a posibilidade de incursións episódicas desde o continente (Norte da Galia, litoral atlántico), o poboamento das Illas británicas afunde as súas raíces na Prehistoria.

Migracións célticas na Alta Idade Media

A partir de mediados do século V, novos invasores xermánicos, os anglosaxóns desprazaron progresivamente os britanos do sur e do leste para o oeste da illa de Bretaña, mentres os irlandeses efectuaban ataques sobre a costa occidental de Bretaña (foi con ocasión dun destes ataques cando foi capturado San Patricio que era britano). Acabaron por fundar verdadeiros principados nas costas galesas e escocesas. Se os primeiros foron finalmente esmagados, os segundos fundaron Escocia pola fusión do Dal Riada cos reinos britónicos do Norte. Durante este período, sobre o cal faltan fontes fiábeis (son as « épocas escuras » ou Dark Ages da historiografía inglesa), as poboacións celtas pouco romanizadas estabeleceran numerosos « reinos célticos » na illa, especialmente no País de Gales, en tanto outros emigraran para Irlanda. De resto, nisto áchase probabelmente a causa primeira, dunha emigración en masa de britanos cara a península armoricana, que de aí acabou tomando o nome de Bretaña. Outra parte, menor, chegou a atinxir as costas setentrionais da Galiza, na Península Ibérica, onde fica documentado un bispo Mailoc ou Maeloc, posibelmente do celta Mach Low (latinizado Maclou na Galia), e onde fundan o bispado de Britonia, que lembra o seu país de orixe, e que se acostuma identificar coa actual Bretoña, no concello lucense da Pastoriza (hai ademais varias Bretoñas máis na Galiza, que sen dúbida teñen a mesma orixe).

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para britano.

Véxase tamén

Outros artigos

Anextiomarus

No politeísmo celta, Anextiomarus é un epíteto do deus-solar Apolo gravado nunha inscrición romano-britana de South Shields, Inglaterra. A forma é unha variante de Anextlomarus "gran protector", un nome atestado nunha dedicación galo-romana fragmentada de Le Mans, Francia. Anextlomarus é tamén atestado como o nome do pai para os galos en Langres, e a forma divina feminina, Anextlomara, aparece noutras dúas dedicacións galoromanas en Avenches, Suíza.

Anglosaxóns

Os anglosaxóns foron un conxunto de pobos xermánicos que poboaron Gran Bretaña a partir do século V.

A partir de 430, chegaron a Britania os xermanos, en número considerábel. Falaban dialectos do xermánico occidental que deron orixe ao inglés antigo, eran politeístas e non coñecían a escritura:

Os saxóns procedían da rexión entre o río Elba e o Rin. Establecéronse na parte meridional do Támese e deron orixe aos reinos de Wessex (oeste), Essex (leste) e Sussex (sur).

Os anglos viñan da rexión entre o Elba e Xutlandia. Establecéronse ao norte de Essex (reino de Anglia Oriental), entre os ríos Humber e Firth of Forth (reinos de Bernicia e Deira que, ao unírense, formarían máis tarde o reino de Northumbria) e na zona central ao leste de Gales (reino de Mercia).

Os xutos procedían de Xutlandia. Establecéronse en Kent e na illa de Wight (reino de Kent).

Os francos e os frisios procedían do Rin.A loita foi constante cos nativos britanos celtas e entre os invasores. Non quedou en pé ningunha vila romana e só Londres conservou vida urbana. Os nativos opuxeron gran resistencia. Desta época procede a lenda do Rei Arturo, que narra as súas xestas e as dos seus cabaleiros contra a invasión.

Algúns dos britanos celtas refuxiáronse nos outeiros do oeste, Gales, o noroeste e o suroeste, e na Bretaña francesa, que tomou o seu nome deles. Tamén un grupo destes refuxiados chegou a Galicia, onde fundaron a diocese de Britonia (hoxe Bretoña) guiados por bispos como Maeloc. Xunto con escoceses e irlandeses, conservaron o cristianismo. O principal impulso ao cristianismo proveu da igrexa celta irlandesa encabezada por San Patricio. Enviou a Columba a Escocia, quen converteu aos pictos en 563 e fundou un mosteiro na illa de Iona.

En 597, o Papa Gregorio I o Grande enviou a Santo Agostiño a Kent, con corenta monxes beneditinos romanos, para converter ao rei Santo Adalberto ou Ethelberto (560-616), casado cunha raíña franca cristiá. Santo Agostiño fundou un mosteiro en Canterbury, onde foi coroado bispo en 601. Recibiu poderes para nomear bispos. Canterbury é desde entón sé oficial da Igrexa Romana en Gran Bretaña. Pouco máis tarde construíronse as catedrais de Rochester e de Londres (San Paulo).

En 633 o rei cristián Santo Oswoldo unificou Northumbria e chamou a Santo Aidan e aos monxes de Dowe para converter aos seus habitantes. Santo Aidan fundou un mosteiro na illa de Lindisfarne. O rei de Northumbria Oswy reinou de 641 a 670. Derrotou aos mercios en 655 e impúxolles o cristianismo. Os britanos celtas romperan a súa relación con Roma e evanxelizaban ás clases baixas. Oswy convocou o Sínodo de Whitby, que unificou a Igrexa baixo o primado do grecofalante Teodoro de Tarso, arcebispo de Canterbury. Teodoro fundou mosteiros e creou unha estrutura diocesana que permaneceu ata a Idade Media. A unidade eclesiástica aproximou aos distintos pobos ingleses, introduciu a cultura escrita e unha lingua común. En torno ás principais igrexas, comezou a rexurdir a vida urbana.

Offa reinou en Mercia (757-796), e chegou a dominar todos os reinos, salvo Northumbria, Wessex e as terras ao norte do Humber. Foi o primeiro que utilizou o nome de rei dos ingleses. Mercia prosperou grazas ao comercio. Acuñou a súa propia moeda, e cercou aos celtas de Gales e Cornualles coa muralla de Offa, barreira defensiva de 240 km de lonxitude.

En 789 chegaron os primeiros barcos viquingos daneses. As primeiras incursións tiveron como finalidade a pillaxe.

Ecgberht reinou en Wessex (802-839), venceu aos mercios, invadiu Kent e dominou Inglaterra, cuxo corpo político formalizou por primeira vez como Reino (827).

Entre 830-860, os viquingos realizaron moitas incursións polo esteiro do Támese, con flotas de centos de barcos. En 865 desembarcou en Anglia Oriental unha grande armada viquinga danesa, que tomou York en 867. En 869 eran donos de Northumbria e Anglia Oriental. En 870 deciden invadir Wessex, pero atopan unha organizada oposición no seu rei Etelredo I e o seu irmán Alfredo o Grande. En 871 Alfredo accede ao trono, que ocuparía ata 899. Negocia cos viquingos, que respectan o seu reino e conquistan Mercia. Pero en 878, atacan Wessex de novo. Alfredo refuxiouse nas marismas de Somerset, onde formou un exército, que venceu en Edington. Polo Tratado de Wedmore de 878, Alfredo aceptou que os viquingos daneses ocupasen gran parte de Inglaterra onde o seu rei Guthrum recibiu o bautismo e foi coroado monarca de Danelaw. Alfredo gañou así tempo para asentar as bases dunha nación unificada e formar un exército e unha armada organizados. Este modo de organización daría orixe ao feudalismo inglés. En 886, Alfredo tomou Londres. Construíu trinta cidades fortificadas con fins defensivos e comerciais. Grazas a estas disposicións, a partir de 890 os daneses apenas acosan o seu reino. Conquistou Mercia parcialmente. Nos últimos dez anos da súa vida fundou escolas, atraeu a monxes eruditos á Corte e el mesmo traduciu algunhas obras latinas ao inglés.

No Danelaw, a cultura anglosaxoa desapareceu. A lingua dos viquingos foi transformando ao antigo inglés en inglés medieval. O Danelaw constituía a zona máis próspera e poboada, grazas á actividade comercial. York converteuse nun centro de comercio internacional e Lincoln, Norwich e Londres eran tamén prósperos centros comerciais.

Un fillo de Alfredo, Eduardo o Vello, reinou en Wessex entre 899-924. Conquistou todo o Danelaw ao sur do Humber. Un neto de Alfredo, Aethelstan reinou en 924-939. En 926 capturou York e comezou a reconquista de Northumbria. En 927 venceu en Brunnanburh á alianza dos escandinavos de Dublín, e os reis de Strathclyde e Escocia. Logo, absorbeu os reinos de Mercia, East Anglia, Essex, Sussex e Kent.

Edred foi o primeiro rei dunha Inglaterra unificada en 946-955. Edgar reinou en 959-975. Fundou novos mosteiros onde se seguía estritamente a regra de San Bieito, reorganizando a cultura monástica, desmantelada polos daneses. A xerarquía eclesiástica fíxose máis culta e influente.

En 991 produciuse unha nova invasión danesa, que venceu en Maldon. O rei Ethelred (978-1016) casou coa filla do duque de Normandía en 1001 para asegurar o seu apoio. Os ataques continuaron e en 1013 o rei danés Sveyn Forkbeard invadiu Inglaterra con ánimo de permanencia. Capturou Oxford e Londres e Ethelred fuxiu a Normandía. En 1014 morreu Sveyn e os daneses de Inglaterra aceptaron como rei a Knut ou Canuto o Grande, fillo de Sveyn e irmán de Harold, o novo rei de Dinamarca. En 1016 Canuto venceu a Edmund Ironside, fillo de Ethelred, casou coa viúva deste, converteuse ao cristianismo e coroouse rei de Inglaterra (1016-1035). En 1018 Canuto convocou unha grande asemblea na que conciliou a ingleses e daneses, xurando respectar as leis e tradicións anglosaxoas. Á morte do seu irmán Harold, Canuto asumiu a coroa danesa e foi desentendéndose de Inglaterra. Conquistou Noruega e chegou a recibir homenaxe do rei de Escocia.

Trala extinción da liña de sucesión danesa en 1042, restaurouse a dinastía de Wessex na persoa de Eduardo o Confesor (1042-1066), fillo de Ethelred. Estaba xa enraizado o feudalismo. O Witan estaba formado por nobres, bispos e homes influentes, elixían ao rei e aconsellábano. Os condados eran as unidades administrativas. Cada condado dispoñía de tribunal e sheriff ou representante do rei. Existía un eficaz sistema de recadación baseado no catastro. Malia o seu voto de castidade, Eduardo contraeu matrimonio, coa filla de Godwin, conde de Wessex e Kent. Eduardo educouse en Normandía e rodeouse de conselleiros normandos. Entre eles, elixiu a Roberto de Jumieges como Arcebispo de Canterbury. Foi dispensado polo Papa do seu voto de peregrinar a Roma a cambio da construción da Abadía de Westminster; construíu nas proximidades o seu palacio e trasladou a corte desde Londres. Eduardo alcanzou, durante o seu reinado, unha gran popularidade entre o pobo que converteu a súa memoria no símbolo da Inglaterra independente.

A partir de 1050, sen descendencia de Eduardo, loitaron polo poder Godwin e os seus fillos Sveyn, Harold e Tostig, o rei Magnus de Noruega e o seu fillo Harold Hardrada e Guillerme, fillo bastardo do duque Roberto II de Normandía. Guillerme venceu na batalla de Hastings (14 de outubro de 1066) e foi coroado na abadía de Westminster o día de Nadal do mesmo ano.

Bases históricas do rei Artur

As Bases históricas do rei Artur son unha fonte de considerábel debate entre os historiadores. A primeira mención datábel do Rei Artur nun contexto histórico provén dun texto latino do século IX (máis de trescentos anos despois da súa vida que se supón entre os séculos V e VI durante a Britania posromana). Nese texto dise que comezou loitando como un soldado xunto ós reis britanos en contra dos invasores saxóns. Máis tarde, os textos comezan a consideralo como un rei lendario dos britanos.

Porén, o Rei Artur das lendas da Materia de Bretaña, personaxe que se desenvolveu a partir do século XII, xa se separa moito da posibilidade de ser un personaxe histórico e non hai consenso no tocante á súa identidade.

Belatucadros

Belatucadros ou Belatucadrus é unha deidade celta adorada no norte de Britania, particularmente en Cumberland e Westmorland. Está relacionado con Belenus e Cernunnos, e foi equiparado co deus romano Marte. Semella que foi louvado tanto polos soldados romanos de baixo rango como polos propios britanos.

Belatucadros é coñecido por 28 inscricións atopadas nos arredores da Muralla de Hadrián, Inglaterra. A escrita do nome do deus varía dunha inscrición a outra: Balatocadrus, Balatucadrus, Balaticaurus, Balatucairus, Baliticaurus, Belatucairus, Belatugagus, Belleticaurus, Blatucadrus e Blatucairus son aceptadas como variantes de Belatucadros. A máis común destas formas é Belatucadrus, polo que é o máis usado nos escritos modernos. En cinco desas inscricións, Belatucadros é equiparado co deus romano Marte como Mars Belatucadrus.

Os altares dedicados a Belatucadros son pequenos e sinxelos, o cal fai supoñer que o deus era adorado principalmente por xente de baixo status social.

Britania posromana

Os séculos V e VI da historia de Gran Bretaña foron denominados a "Idade Escura" porque é certamente moi pouco o que se sabe dese período histórico. O seu carácter escuro é, porén, verdadeiramente crucial na formación das nacións británicas, porque é o momento en que acontecen en poucos anos dous feitos radicais: o abandono romano da illa e a invasión dos anglos, xutos e saxóns. O período conclúe cunha supremacía absoluta do anglosaxón, un retroceso imparábel do celta e a desaparición do latín. A escaseza de fontes históricas serviu de acicate para deixar voar a imaxinación para estes séculos, escenario temporal do ciclo artúrico.

Constantino II de Escocia

Constantino, fillo de Áed (en gaélico medieval: Constantín mac Áeda; en gaélico moderno: Còiseam mac Aoidh, coñecido na maioría das listas de reis como Constantino II), finado en 952, foi un rei de Escocia, coñecida daquela polo nome gaélico Alba. O reino de Alba, un termo que apareceu por vez primeira durante a vida de Constantino, sitúase na moderna Escocia. O núcleo do reino estaba formado polas terras arredor do río Tay. O seu límite polo sur era o río Forth, cara ó leste estendíase até Moray Firth e quizais Caithness, mentres que as fronteiras occidentais son descoñecidas. O avó de Constantino, Kenneth I de Escocia (Cináed mac Ailpín, finado en 858) foi o primeiro da familia en ser rei, mais como rei dos pictos. Este cambio de título, de rei dos pictos a rei de Alba, é parte dunha gran tranformación do reino picto e a orixe do reino de Alba.

O seu reinado, coma o dos seus predecesores, estivo dominado polas accións dos gobernantes viquingos das illas Británicas, particularmente Uí Ímair ("os netos de Ímar", ou Ivar o Desosado). Durante o reinado de Constantino, os gobernantes dos reinos sureños de Wessex e Mercia, posteriormente o reino de Inglaterra, estenderon a súa autoridade cara ó norte, no reino en disputa de Northumbria. Ó comezo, Constatino foi aliado dos gobernantes sureños contra os viquingos, pero despois entrou en conflito con eles. O rei Æthelstan tivo éxito en someter a Constantino en 927 e 934, pero volveu loitar con el cando Constantino se aliou cos britanos de Strathclyde e o rei viquingo de Dublín, invadindo o reino de Æthelstan en 937, mais foi derrotado na batalla de Brunanburh. En 943, Constantino abdicou e retirouse a Céli Dé (Culdee) no mosteiro de St Andrews, onde morreu en 952. Foi sucedido polo fillo do seu predecesor, Malcolm I.

Cuilén de Escocia

Cuilén (tamén chamado Culén, Cuilean), finado en 971, foi un rei de Alba (Escocia). Era fillo de Illulb mac Custantín, do cal recibe o patronímico mac Illuilb (tamén mac Iduilb, mac Ilduilb) do clan Áeda meic Cináeda, unha póla da dinastía Alpin. Durante o século X, os Alpin alternaron o reinado de Alba entre as dúas pólas dinásticas principais. Dub mac Maíl Choluim, un membro da póla rival da familia, parece que conseguiu o poder despois da morte de Illulb en 962. Cuilén desafiouno pero foi derrotado en 965. Dub foi finalmente expulsado e asasinado en 966/967. Descoñécese se Cuilén foi responsable da súa morte.

Despois da caída de Dub, Cuilén semella que gobernou como rei sen disputa dende 966 até 971. Pouco se coñece do curto reinado de Cuilén agás a súa morte en 971. Segundo diferentes fontes, el e o seu irmán, Eochaid, foron asasinados por britanos. Algunhas fontes identifican ó asasino de Cuilén como Rhydderch ap Dyfnwal, un home cuxa filla fora raptada e violada polo rei. Rhydderch era evidentemente un home cunha posición importante, e puido ter sido fillo de Dyfnwal ab Owain, rei de Strathclyde naquela época.

Despois do asasinato de Cuilén, o reinado de Alba puido ser asumido por outro membro do clan Áeda meic Cináeda, Cináed mac Maíl Choluim, un home que semella que lanzou unha serie de represalias contra os cumbrios. Sábese que Kenneth tivo unha oposición clara do irmán de Cuilén, Amlaíb, quen conseguiu o título de rei de Alba e morreu a mans de Cináed en 977. O fillo de Cuilén, Custantín, sucedeu a Cináed como rei. Hai probas que suxiren que Cuilén tivo outro fillo, Máel Coluim.

Diocese de Britonia

A diocese de Britonia (tamén chamada de Bretoña) foi unha antiga división episcopal da Gallaecia, e na actualidade é unha sé titular da Igrexa Católica.

Dumnonia

Dumnonia é o nome latinizado dun reino ou conxunto de sub-reinos britanos da Britania posromana que existiu entre o século IV e o século VIII d.C., na península hoxe coñecida como Cornualles. Incluía a área coñecida posteriormente como Devon, así como partes de Somerset e, posiblemente, Dorset. A súa fronteira oriental estaba suxeita a continuos cambios.

Interprétase xeralmente que incluía "Cornubia" ou Cornualles, aínda que o reino de Cornualles estaba poboado por unha subtribo, os cornovii, que aparentemente posuíron un alto grao de independencia que mantiveron mesmo despois de que outras zonas de Dumnonia caesen baixo control anglosaxón, entre os séculos VII e X d.C.

Eochaid de Escocia

Eochaid, finado en 889, foi un britano que puido ter gobernado como rei de Strathclyde ou rei dos pictos. Era fillo de Rhun ab Arthgal, e descendía dunha antiga liñaxe de reis britanos. Segundo os rexistros históricos, a nai de Eochaid era filla de Kenneth I. Esta relación vía materna coa dinastía Alpin explica que Eochaid reinase sobre os pictos despois da morte do fillo de Kenneth I, Áed, en 878. Segundo diferentes fontes, Áed foi asasinado por Giric, un home de devanceiros descoñecidos, a quen se atribúe o reinado despois da morte de Áed.

Historia Brittonum

A Historia Brittonum ou A Historia dos Britanos é un libro histórico que foi escrito nalgún momento pouco despois do ano 833, do que existen varias versións con certas diferenzas. Pretende relatar a historia dos habitantes britanos de Gran Bretaña desde os tempos máis temperáns, polo que este texto foi usado para escribir unha historia tanto de Gales como de Inglaterra. Tradicionalmente, sinálase a Nennio como o autor deste texto, aínda que esta interpretación é cuestionada.

Logres

Logres, tamén coñecido como Logris ou Loegria, é un reino lendario na historia mítica de Gran Bretaña creado por Godofredo de Monmouth a partir de lendas locais. Así pois, Logres sería o reino do Rei Artur na Materia de Bretaña. O nome deriva da forma forma galesa Lloegr, un nome de orixe incerta que significa "Inglaterra".

No contexto da Materia de Bretaña, Logres adoita usarse para describir o territorio dos britanos que aproximadamente coas fronteiras de Inglaterra antes de que fose invadida polos pobos anglosaxóns. De acordo coa crónica pseudohistórica Historia Regum Britanniae de Godofredo de Monmouth, o reino foi nomeado após do rei lendario Locrinus, o fillo máis vello de Brutus de Troia. Na súa Historia, Godofredo usa a palabra Loegria para describir a provincia que contén a maior parte de Inglaterra agás Cornualles e posiblemente Northumberland.

O nome Logres úsase en numerosas obras modernas de fantasía en Gran Bretaña, como en That Hideous Strength de Clive Staples Lewis e Over Sea, Under Stone de Susan Cooper.

Pobo británico

Os británicos son os cidadáns do Reino Unido, dos Territorios Británicos de Ultramar das dependencias da Coroa e o seu descendentes. A lei nacional británica é a que goberna ás persoas de cidadanía e nacionalidade británica, que pode ser adquirida, por exemplo, por ser descendente de británico. Cando o termo é usado nun contexto histórico pode refererirse ós britanos celtas, os habitantes indíxenas de Gran Bretaña e Bretaña, cuxos superviventes son os modernos pobos galés, córnico e bretón.Malia que as primeiras identificacións como británicos datan da Baixa Idade Media, non foi até a creación do Reino de Gran Bretaña en 1707 cando xurdiu o sentido de identidade nacional británica. A noción británica forxouse durante as guerras napoleónicas entre o Reino Unido e o Primeiro Imperio Francés, e desenvolveuse durante a época vitoriana. A complexa historia de formación do Reino Unido creou un "sentido particular de nacionalidade e pertenza" en Gran Bretaña e Irlanda; A británica converteuse nunha "identidade superimposta en identidades anteriores", como a inglesa, a escocesa, a galesa e a irlandesa, cuxas particularidades culturais resistiron a homoxeneidade da identidade británica. Por mor das duradeiras divisións etnosectarias, a identidade británica en Irlanda do Norte é controvertida, pero é mantida firmemente polo sector unionista da sociedade.Os británicos modernos son descendentes de diversos grupos étnicos que se asentaron nas Illas Británicas antes do século XI: poboacións prehistóricas, britanos, romanos, anglosaxóns, nórdicos e normandos. A progresiva unificación política das Illas Británicas facilitou o intercambio migratorio, cultural e lingüístico, ademais dos matrimonios mixtos entre ingleses, escoceses e galeses durante a Idade Media, a Idade Moderna e posterior. Dende 1922 produciuse un proceso de inmigración cara ó Reino Unido por xente procedente da República de Irlanda, da Commonwealth, da Europa continental e doutros lugares. Eles e os seus descendentes son maioritariamente británicos, e manteñen unha identidade británica, dobre o dual ou múltiple.Os británicos son unha sociedade diversa, multinacional e multicultural, con "fortes acentos, expresións e identidades rexionais". A estrutura social do Reino Unido cambiou radicalmente dende o século XIX, cun declive da relixiosidade, un crecemento da clase media, e a partir da década de 1950, un incremento da diversidade étnica. A poboación do Reino Unido rolda os 62,5 millóns, cunha diáspora de 140 millóns concentrada en Australia, o Canadá, Suráfrica, Hong Kong, Nova Zelandia, os Estados Unidos de América, Irlanda, Francia e España.

Pobo escocés

Os escoceses (escocés: scots fowk, gaélico escocés: albannaich), son unha nación e grupo étnico nativo de Escocia. Historicamente, xurdiron dunha mestura entre pictos e gaels, que fundaron o Reino de Escocia (ou Alba) no século IX, e que son etnolingüisticamente celtas. Tempo despois, os veciños britanos cúmbricos, que tamén falaban unha lingua celta, así como os anglosaxóns e nórdicos xermánicos, foron incorporados á nación escocesa.

Pobo inglés

Os ingleses (inglés: english people), son unha nación e grupo étnico nativo de Inglaterra, que fala a lingua inglesa. A identidade inglesa ten orixe medieval, cando eran coñecidos en inglés antigo como Angelcynn ("familia dos anglos"). O seu etnónimo provén dos anglos, un dos pobos xermánicos que migraron cara a Gran Bretaña durante o século V. Inglaterra é un dos países do Reino Unido.

Historicamente, a poboación inglesa descende de diferentes pobos — os antigos britanos e as tribos xermánicas que se asentaron en Britania despois da marcha dos romanos, incluíndo os anglos, os saxóns, os xutos e os frisóns. Coñecidos colectivamente como anglosaxóns, fundaron o que se convertería en Inglaterra (do inglés antigo Englaland) xunto cos dinamarqueses, normandos e outros grupos. Na Lei de Unión (1707), o Reino de Inglaterra foi sucedido polo Reino de Gran Bretaña. Co paso dos anos, a identidade e costumes ingleses foron identificados coa identidades e os costumes británicos en xeral.

O pobo inglés son os responsables da lingua inglesa, do sistema Westminster, do dereito anglosaxón e de numerosos deportes, como o crícket, o fútbol, o rugby e o tenis. Estas e outras características da cultura inglesa espalláronse por todo o mundo, en parte por mor do Imperio Británico.

Vortigern

Vortigern (pronunciado en inglés ˈvɔrtɨɡɝːn; tamén escrito Vortiger e Vortigen, e en galés Gwrtheyrn) foi un caudillo do século V na Britania posromana, un gobernante entre os britanos. A súa existencia é considerada probábel, aínda que a información sobre el está cuberta pola lenda. Dise que convidou os anglosaxóns a se instalaren en Gran Bretaña como mercenarios, só para velos sublevarse e establecer os seus propios reinos. Isto gañoulle unha mala reputación; co tempo, foi lembrado como un dos peores reis dos britanos en posteriores lendas.

Yr Hen Ogledd

Yr Hen Ogledd é unha expresión galesa que significa 'O Vello Norte' e que se refire aos reinos britanos posteriores aos romanos situados no que hoxe é o norte de Inglaterra (incluíndo Cumbria e o sur de Escocia. Pode ser que o cúmbrico, un dialecto da linguas britónicas moi parecido ao galés, fose a lingua falada polos Homes do Norte (Gwŷr y Gogledd en galés).

Æthelfrith de Northumbria

Æthelfrith (tamén Aethelfrido, Aethelfrith, Etelfrido), finado c. 616, foi rei de Bernicia desde c. 593 até c. 616; e tamén foi, desde c. 604, o primeiro rei berniciano que reinou en Deira, un reino ao sur de Bernicia. Tendo en conta que Deira e Bernicia foron os dous reinos que formaron o coñecido posteriormente como Reino de Northumbria, pode ser considerado, en termos históricos, o primeiro rei de Northumbria. Tamén é lembrado polas súas exitosas campañas contra os britanos e pola súa vitoria sobre o reino irlandés de Dalriada. Aínda que foi derrotado e morreu en batalla e foi substituído polo seu rival dinástico, a súa liña foi finalmente restaurada no trono na década de 630.

Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.