Britania posromana

Os séculos V e VI da historia de Gran Bretaña foron denominados a "Idade Escura" porque é certamente moi pouco o que se sabe dese período histórico. O seu carácter escuro é, porén, verdadeiramente crucial na formación das nacións británicas, porque é o momento en que acontecen en poucos anos dous feitos radicais: o abandono romano da illa e a invasión dos anglos, xutos e saxóns. O período conclúe cunha supremacía absoluta do anglosaxón, un retroceso imparábel do celta e a desaparición do latín. A escaseza de fontes históricas serviu de acicate para deixar voar a imaxinación para estes séculos, escenario temporal do ciclo artúrico.

Britain in AD500 - Project Gutenberg eText 16790
Britania en 500, despois da Vitoria do Rei Artur (probabelmente o romano-británico Ambrosio Aureliano) sobre os bárbaros anglosaxóns na Batalla de Monte Badon.

Fontes

Material escrito

Consérvase moi pouco material escrito deste período. Só hai dúas fontes británicas coetáneas: a Confessio de san Patricio e De Excidio Britanniae (Sobre a ruína de Britania) de Xildas. A confesión de san Patricio revela aspectos da Britania que el coñeceu durante o seu cativerio. É particularmente útil o fincapé que fai no estado do cristianismo naquel momento. A obra de Xildas está escrita nun estilo xeremíaco e polémico, coa intención de precaver os gobernantes das maldades do pecado, demostrando a través de exemplos históricos e bíblicos como os malos gobernantes son sempre castigados por Deus, no caso de Britania a través da destrutiva ira dos invasores saxóns. O compoñente histórico da Excidio é breve e o material que contén aparece claramente seleccionado en función dos intereses do autor. Non ofrece datas absolutas e algúns dos detalles, como os relativos aos muros de Hadrián e Antonino son claramente erróneos. Non obstante, Xildas reflicte como percibían o seu inmediato pasado os monxes que vivían e estudaban nos reinos anglosaxóns que resultaron deste escuro proceso histórico.

As fontes continentais, máis abundantes, son enormemente problemáticas. A máis famosa é o chamado Rescrito de Honorio, no que o emperador de Occidente Honorio comunicou ás civitates britonas que en diante deberían procurar a súa defensa por si mesmas. A primeira referencia a este rescrito aparece na obra do bizantino Zósimo, no século VI, no contexto dunha discusión acerca da situación do sur de Italia. Non hai máis mencións a Britania no texto de Zósimo, o que levou a pensar a algúns investigadores que o rescrito en realidade se refería a Bruttium, é dicir, a Calabria, e non a Britania. A Crónica Gala, outro texto de interpretación complicada, ofrécenos información acerca de san Xermano e da súa visita ou visitas a Britania. Na obra de Procopio, outro escritor bizantino do século VI, encóntranse certas referencias a Britania, cuxa exactitude está lonxe de parecer certa.

Numerosas fontes posteriores afirman poder ofrecer información fiábel acerca deste período. O primeiro en intentalo foi o monxe Beda o Venerábel, que escribiu a comezos do século VIII. O correspondente ao período posromano da súa Historia ecclesiastica gentis Anglorum está baseado maiormente en Xildas, aínda que co intento engadido de datar o que en De Excidio só está descrito. Fontes máis tardías, coma a historia atribuída a Nennio, a Crónica anglosaxoa e os Annales Cambriae, aparecen xa fortemente condicionadas polo mito e só poden ser usadas coa maior precaución.

Evidencias arqueolóxicas

A arqueoloxía ofrece evidencias algo maiores, pero aínda moi limitadas. O estudo dos enterramentos e cremacións e dos enxovais funerarios asociados a eles contribuíu a fortalecer o coñecemento das identidades culturais deste período. As escavacións realizadas en distintos asentamentos revelaron como puideron cambiar as estruturas sociais e ata que punto a vida en Gran Bretaña continuou inalterada en certos aspectos ata a Alta Idade Media. As escavacións en cidades foron particularmente importantes a este respecto. As investigacións sobre sistemas de cultivo e de arqueoloxía ambiental contribuíron a aclarar os elementos de permanencia e cambio no mundo agrícola durante este período. A arqueoloxía, porén, ten os seus límites, especialmente no relativo á datación. A datación por radiocarbono non pode ofrecer unha datación suficientemente precisa para un período tan breve en termos arqueolóxicos, pero tan intenso e decisivo desde unha perspectiva histórica xeral. O método apropiado para un período como este é a dendrocronoloxía, pero son moi poucas as pezas de madeira axeitadas que se encontraron. A numismática, tan útil noutros períodos, resulta frustrante para este momento, pois non entraron en circulación novas moedas desde os primeiros anos do século V.

Evidencias lingüísticas e toponímicas

O estudo do inglés antigo ou anglosaxón, do celta britónico, do celta goidélico e do latín permitiu encontrar evidencias do contacto entre os britanos e os anglosaxóns, así como entre os britanos das terras baixas e altas. A toponimia revela así mesmo a lingua da cultura dominante política e socialmente.

Xenética

As investigacións recentes sobre o cromosoma Y e o ADN mitocondrial das actuais poboacións británicas e continentais botaron algo de luz acerca de como puideron ocorrer os movementos de poboación durante o período posromano. En 2002, investigadores do University College de Londres sinalaron que puido haber realmente unha migración en gran escala de anglosaxóns na Inglaterra central e oriental. Un estudo máis completo do mesmo centro inclinouse máis ben cara a unha migración anglosaxoa substancialmente menor da que inicialmente se pensara, e tamén ofrece evidencia de que o compoñente xenético preanglosaxón está presente en todas as zonas das illas Británicas. Este estudo resulta aínda máis sorprendente por sinalar a posibilidade dunha presenza significativa de poboacións xeneticamente emparentadas cos anglosaxóns nunha área do Gales central, anterior ao século V.

O final da Britania romana

Un dos grandes retos da historiografía do final da Britania romana é a súa datación exacta. As datas propostas son varias: o final da cuñaxe de moeda en 402, a rebelión do usurpador Constantino III en 407, a rebelión mencionada por Zósimo en 409 ou o suposto rescrito de Honorio de 410. A pesar dos ríos de tinta que fixo correr o intento de encontrar a data na que Roma abandonou de forma efectiva Britania, non se debería considerar esta cuestión nos termos dunha moderna descolonización. A data da fin da Britania romana é unha cuestión complexa, e o proceso exacto probabelmente permaneza oculto.

Hai unha certa controversia acerca de por que terminou o dominio romano sobre Britania. Segundo a interpretación clásica, sostida entre outros por Mommsen, Roma abandonou Britania; a inestabilidade interna do Imperio e a necesidade de retirar tropas para frear o avance bárbaro foron as principais razóns argumentadas para este abandono. Deste xeito, foi o colapso do sistema imperial o que abocou ao final da Britania romana. Porén, outros historiadores como Michael Jones defenderon teses alternativas nas que en troques de que Roma abandonou Britania, habería que dicir que foi Britania a que abandonou Roma. Britania foi foco de numerosos intentos de usurpación imperial a finais do século IV e comezos do V, e o fluxo de diñeiro cara á illa parece que se secou a comezos do século V, significando isto que non se puido pagar de forma regular aos administradores e ás tropas. Todo isto leva a pensar que Britania entrou nun período de rebeldía xeneralizada contra o centro imperial. Ambos os dous argumentos son susceptíbeis de crítica, malia que aínda non existen outras investigacións que poidan achegar máis ao entendemento de por que acabou a Britania romana.

Recentemente estase considerando a posibilidade de que cara a finais do século V un rei ou "ducator" romano-británico –que algúns identifican con Aurelius Ambrosianus– puidese derrotar (arredor de 495 ou 503) momentaneamente o invasor anglosaxón na batalla de Mons Badon (preto de Bath) e dar orixe á lenda do rei Artur. Este período coincide co regreso do goberno romano nos tempos de Xustiniano e termina coa terríbel praga de Xustiniano, que despoboou o mundo mediterráneo arredor de 540. Neses anos os anglosaxóns lograron conquistar os poucos territorios que quedaban dos últimos británicos romanizados (enormemente golpeados pola praga e a conseguinte redución da natalidade) e a partir do ano 550 desaparecen todas as evidencias dunha continuación da civilización romana en Britannia.[1]

A migración anglosaxoa

Sutton Hoo helmet 2016
O famoso casco de Sutton Hoo.
Artigo principal: Invasión anglosaxoa de Gran Bretaña.

A explicación tradicional

Tradicionalmente sostivérase que os anglosaxóns migraran a Britania en gran número durante os séculos V e VI, desprazando de maneira substancial a poboación britana. O anglosaxonista Frank Stenton, aínda que admitindo unha considerábel presenza reminiscente britana, asumiu esencialmente esta interpretación, argumentando que a maior parte do sur de Inglaterra foi invadida na primeira fase da guerra. Esta interpretación está baseada nas fontes escritas, particularmente en Xildas, pero tamén en fontes posteriores, que describiron a chegada dos anglosaxóns como un feito substancialmente violento. A toponimia e a lingüística prestan apoio a esta interpretación, pois a toponimia britana existente na parte oriental da illa é moi escasa e as palabras britanas que entraron no anglosaxón ou inglés antigo foron moi poucas. Esta interpretación foi acollida moi favorabelmente polos primeiros historiadores ingleses, que querían fortalecer a súa idea dunha Inglaterra que se desenvolveu de forma diferente á Europa continental, cunha monarquía limitada e un pobo amante da liberdade. De acordo con esta interpretación, a peculiaridade inglesa provén da masiva invasión anglosaxoa. A visión tradicional aínda é sostida por algúns historiadores; en 2002 Lawrence James escribiu que Inglaterra foi mergullada por unha corrente anglosaxoa que desprazou completamente os romano-británícos.

Interpretacións recentes

Esta interpretación tradicional foi criticada considerabelmente. No centro da argumentación está a revisión do número de anglosaxóns que chegaron a Britania durante este período. Pénsase que a invasión non foi tan masiva como tradicionalmente se pensou e que é altamente improbábel que a poboación britana fose desprazada substancialmente polos anglosaxóns. A toponimia e a lingüística poden ser explicadas porque os anglosaxóns eran política e socialmente dominantes no sur e o leste de Britania, de xeito que a súa lingua e cultura se converteron en dominantes. Hai algunhas evidencias arqueolóxicas de que os anglosaxóns e os britanos viviron nos mesmos lugares. Por exemplo, no cemiterio de Wasperton, en Warwickshire, é posíbel ver como unha familia foi adoptando a cultura anglosaxoa ao longo dun extenso período.

O destino dos britano-romanos

RemainsofTintagel
Tintagel

Outra cuestión difícil de resolver é o destino da poboación britano-romana despois do dominio romano. É claro que algúns adoptaron a cultura anglosaxoa e acabaron identificándose a si mesmos como anglosaxóns. Outros puideron vivir en comunidades separadas baixo o dominio anglosaxón. As leis do rei Edelberto de Kent, probabelmente escritas nos comezos do século VII, fan referencia a unha infraclase legal coñecida como "laets", que poderiamos identificar con comunidades britano-romanas ou "latins". Máis clara é a referencia aos wealas, unha infraclase britana obxecto de lexislación no código de Ine de Wessex, composto a finais do século VII ou comezos do VIII.

Porén, a natureza violenta do período non debería ser obviada, e é bastante probábel que este período estivese dominado por tensións endémicas, ás que se fai alusión en todas as fontes escritas. Esta situación puido contribuír grandemente a unha mortalidade considerábel da poboación romana britano-romana. As epidemias, coñecidas tamén polas referencias escritas, contribuíron probabelmente a incrementos de mortalidade, aínda que non se coñece ata que punto puido chegar a afectar desigualmente a britanos e anglosaxóns.

Tamén está claro que algúns britanos emigraron ao continente, do que resultou que a Armórica gala fose coñecida como Bretaña. Hai tamén evidencia de migracións britanas á Gallaecia. A datación destas migracións é incerta, pero estudos recentes suxiren que as migracións desde o suroeste de Britania a Bretaña comezaron xa nos comezos do século IV e que concluíron maiormente cara ao ano 500. Estes poboadores non parece que fosen propiamente refuxiados, tendo en conta que empezaron a migrar antes das invasións xermanas, e fixeron sentir a súa presenza na toponimia das provincias atlánticas máis occidentais de Armórica, Cornualles e "Domnonea" (Devon). Porén hai claras evidencias lingüísticas de contactos estreitos entre o suroeste de Britania e Bretaña ao longo de todo o período posromano.

En Gallaecia, unha zona igualmente de forte substrato celta, houbo unha inmigración britana na zona de Mondoñedo. Precisamente a súa sede episcopal é a herdeira directa da coñecida coma Britonia ou Bretoña, que foi o bispado britano durante o reino suevo. Finalmente estas poboacións, coma as celtas galaicas, perderon o seu idioma propio e latinizáronse.

Durante o período posromano, non só se crearon os reinos anglosaxóns. No oeste da illa creáronse uns reinos celtas, de que hai noticias en Xildas. A organización destes reinos puido estar fundamentada nas estruturas romanas, aínda que é máis segura a influencia de Irlanda, que nunca fora parte do imperio romano. A arqueoloxía axudou a fortalecer o coñecemento destes reinos, especialmente en depósitos como o de Tintagel ou o do oppidum de South Cadbury. Ao norte dos reinos anglosaxóns desenvolvéronse os reinos britanos de Rheged, Strathclyde, Elmet e Gododdin. Rexístranse reparacións no muro de Hadrián durante os séculos V e VI. Achados casuais en cidades como Wroxeter e Caerwent contribuíron a documentar a ocupación continuada de cidades romanas. Este uso urbano continuado puido estar asociado á estrutura eclesiástica.

O oeste de Gran Bretaña neste período atraeu a aqueles que desexan caracterizar ao rei Artur como unha figura histórica. Aínda que hai pouca evidencia escrita dos contemporáneos para isto, os restos arqueolóxicos suxiren considerabelmente a posibilidade de que un rei britano-romano (se cadra Aurelius Ambrosianus) puido exercer un considerábel poder durante o período posromano, como demostran a creación de sitios coma Tintagel ou o terraplén de Wansdyke. É pouco probábel que se achen evidencias firmes para soster isto, aínda que este tipo de interpretacións poden continuar atraendo a imaxinación popular, tanto como o escepticismo académico xeneralizado.

Cambios ambientais

Hai evidencias de cambio climático no século V, cunhas condicións que se volveron máis frías e húmidas, que puideron facer desaxeitadas para o cultivo cerealeiro certas terras altas. A dendrocronoloxía revela un evento climático particular no ano 540. Michael Jones suxire que o declinar dunha produción agrícola que acadara altos niveis de explotación tivo que ter considerábeis consecuencias demográficas.

Notas

  1. Little, Lester K. Plague and the End of Antiquity: The Pandemic of 541 – 750

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Bibliografía

  • Arthurian Period Sources, volumes 1–9, General Editor John Morris, published Phillimore & Co, Chichester (includes full text of Gildas & Nennius, St Patrick material and various annals and charters).
  • Esmonde-Cleary, A.S. The Ending of Roman Britain (London: Batsford, 1989).
  • Dark, K. Britain and the End of the Roman Empire (Stroud: Tempus, 2000).
  • Jones, M.E. The End of Roman Britain (Ithaca: Cornell University Press, 1996).
  • Collins, R. & Gerrard J. (ed.). Debating Late Antiquity in Britain AD300–700 (Oxford: British Archaeological Review, 2004).
  • Fouracre, P. (ed.), The New Cambridge Medieval History, Volume I, c.500–c.700 (Cambridge: Cambridge University Press, 2005).
  • Dumville, D.N. Sub-Roman Britain: History and Legend, History 62 (1977), pp. 173–92.
  • Pryor, F. Britain AD: A Quest for Arthur, England and the Anglo-Saxons. Harper Collins, 2004, ISBN 0-00-718186-8.
  • Alcock, L. Arthur's Britain: History and Archaeology AD 367–634, Allen Lane, The Penguin Press, Harmondsworth, 1971, ISBN 0-7139-0245-0.
  • Little, L.K. Plague and the End of Antiquity: The Pandemic of 541–750 Cambridge, 2006. ISBN 0-521-84639-0.
Bases históricas do rei Artur

As Bases históricas do rei Artur son unha fonte de considerábel debate entre os historiadores. A primeira mención datábel do Rei Artur nun contexto histórico provén dun texto latino do século IX (máis de trescentos anos despois da súa vida que se supón entre os séculos V e VI durante a Britania posromana). Nese texto dise que comezou loitando como un soldado xunto ós reis britanos en contra dos invasores saxóns. Máis tarde, os textos comezan a consideralo como un rei lendario dos britanos.

Porén, o Rei Artur das lendas da Materia de Bretaña, personaxe que se desenvolveu a partir do século XII, xa se separa moito da posibilidade de ser un personaxe histórico e non hai consenso no tocante á súa identidade.

Bretwalda

Bretwalda (brytenwalda, bretenanwealda) é un termo anglosaxón, utilizado en tempos da Britania posromana e designaba un rei que detentaba unha supremacía temporal sobre os restantes.

Britania

Britania (Britannia en latín) é o nome dado polos romanos á provincia que ocupaba o sur da actual illa de Gran Bretaña. Como provincia romana, existiu entre os séculos I e V.

O xentilicio é britano/aBritania romana (latín: Britannia ou, posteriormente, Britanniae, "os Británicos") era a área da illa de Gran Bretaña que estivo gobernada polo Imperio romano, do 43 ao 410 d.C. Comprendía case a totalidade de Inglaterra e Gales e, por un curto período, o sur de Escocia.

Xulio César invadíu Gran Bretaña nos anos 55 e 54 a.C. como parte da súa Guerra das Galias. De acordo con César, os britóns, foran invadidos ou culturalmente asimilados por outras tribos celtas durante a Idade de Ferro británica e axudaron aos inimigos de César. Recibiu tributos, instalou ao rei amigo Mandubracio sobre os trinovantes e volveu á Galia. As invasións planificadas por Augusto canceláronse nos anos 34, 27 e 25. No ano 40, Calígula reuniu 200.000 homes na parte da canle do continente, só para recoller cunchas ('Mexillóns segundo Suetonio, quizais como un xesto simbólico para proclamar a vitoria de Calígula sobre o mar. Tres anos máis tarde, Claudio dirixiu a catro lexións para invadir Gran Bretaña e restaurar ao rei exiliado Verica sobre os Atrebates. Os romanos derrotaron aos Catuvellaunos, e logo organizaron a súa conquista como a Provincia de Gran Bretaña (latín: Provincia Britannia). No ano 47, os romanos ocuparan as terras ao sueste da Fosse Way. O control de Gales demorouse polos reveses e os efectos da revolta de Boadicea, pero os romanos estendéronse de forma constante cara ao norte.

A conquista romana de Gran Bretaña continuou baixo o mando de Cneo Xulio Agrícola (77–84), que expandiu o Imperio Romano ata Caledonia. No verán do 84, Agrícola enfrontouse aos exércitos dos Caledonianos, liderados por Calgaco, na Batalla do monte Graupius. Tácito estimou que as vítimas de batalla estaban en torno aos 10.000 homes no lado caledonio e ao redor de 360 homes do lado romano. O baño de sangue de Monte Graupius concluíu a conquista durante corenta anos de Gran Bretaña, un período que causou a morte de entre 100.000 e 250.000 británicos. No contexto da guerra preindustrial e dunha poboación total de cerca de 2 millóns de británicos, estas son cifras moi elevadas.Baixo os emperadores do século II, Adriano e Antonino Pío, construíronse dous muros para defender a provincia romana dos caledonianos, cuxos reinos nas Highlands escocesas nunca foron controlados. Ao redor do 197, as reformas de Septimio Severo dividiron a Gran Bretaña en dúas provincias: Britannia Superior e Britannia Inferior. Durante as reformas de Diocleciano, a finais do século III, Britannia foi dividida en catro provincias baixo a dirección de un vicario, que administrou a Diocese dos Britanicos. Unha quinta provincia, Valentia, é testemuñada no século IV. Durante gran parte do período posterior da ocupación romana, Britania estivo suxeita a invasións bárbaras e a miúdo estivo baixo o control de usurpadores romanos imperiais e pretendentes imperiais. O fin do dominio romano en Britania ocorreu ao redor do 410. Considérase que os reinos nativos da Britania posromana se formaron entón.

Trala conquista dos británicos, xurdiu unha cultura romano-británica distintiva cando os romanos introduciron melloras na agricultura, planificación urbana, producción industrial, e arquitectura. A deusa romana Britannia converteuse na personificación feminina de Gran Bretaña. Despois das invasións iniciais, os historiadores romanos xeralmente mencionan a Gran Bretaña de pasada. Deste xeito, a maioría dos coñecementos actuais derivan de investigacións arqueolóxicas e evidencias epigrafcas ocasionaisalabando os logros en Britania dun emperador romano. Roman citizens settled in Britain from many parts of the Empire.

Dumnonia

Dumnonia é o nome latinizado dun reino ou conxunto de sub-reinos britanos da Britania posromana que existiu entre o século IV e o século VIII d.C., na península hoxe coñecida como Cornualles. Incluía a área coñecida posteriormente como Devon, así como partes de Somerset e, posiblemente, Dorset. A súa fronteira oriental estaba suxeita a continuos cambios.

Interprétase xeralmente que incluía "Cornubia" ou Cornualles, aínda que o reino de Cornualles estaba poboado por unha subtribo, os cornovii, que aparentemente posuíron un alto grao de independencia que mantiveron mesmo despois de que outras zonas de Dumnonia caesen baixo control anglosaxón, entre os séculos VII e X d.C.

Ebrauc

Ebrauc é o nome que se propón para un reino britón da Britania posromana, con base na cidade de York. Esta cidade chamábase en britónico Caer Ebrauc na Historia Brittonum de Nennio. Deriva do antigo nome romano de Eboracum. En galés moderno chámase aínda Efrog.

Ao final do poder romano, algúns historiadores pensan que a cidade puido ter florecido brevemente como capital dun reino independente, separado dun gran ‘Reino do Norte’, quizais en circa 470. A área que os britóns coñecían como Deifr, que significa augas (quizais referíndose á súa situación costeira, ou á abundancia de ríos), puido formar parte dese reino. É mellor coñecido polo seu nome anglo posterior de Deira.

A poesía galesa deste período indica que os britóns nativos do que os bardos chamaron "o vello norte" ou Yr Hen Ogledd eran terribelmente díscolo se eran máis felices loitando entre eles que enfrontándose aos seus comúns inimigos. Se o rei histórico do norte, Peredur ab Eliffer, gobernou en York (ver Peredur), entón a independencia deste reino non foi demasiado longa.

En 573, este Peredur, e o seu irmán, Gwrgi, entraron en guerra cos exércitos dun rei do norte chamado Gwenddoleu ap Ceidio e venceron na Batalla de Arfderydd (a moderna Arthuret en Cumberland, agora Cumbria). Suponse que un dos superviventes foi o personaxe histórico que xace debaixo do mago Merlín. Foi unha vitoria pírrica para eses príncipes do norte, pois, segundo os Annales Cambriae, morreron só sete anos despois cando as súas debilitadas forzas atacaron os anglos de Bernicia. Con todo, foro nos anglos de Deira os que despois ocuparon a rexión.

O control de Ebrauc polos britóns nativos foi por pouco tempo restaurado so o rei Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd quen cercou a zona e a cidade tras a batalla de Hatfield Chase en outubro de 632 durante a cal morreu o seu rival, Edwin de Northumbria. Tres anos máis tarde, Cadwallon foi expulsado por Oswald de Bernicia na batalla de Heavenfield e restableceuse o control anglo.

Galacia

A antiga Galacia (grego Γαλατία) foi unha área das terras altas da península de Anatolia, na moderna Turquía. Galacia recibe o nome dos invasores galos chegados dende Tracia, que se estableceron alí e se converteron na caste dominante no século -III, seguindo a invasión celta dos Balcáns no -279. Tamén foi chamada a "Galia" do leste, xa que os historiadores romanos chamaron ós seus habitantes Galli (Galo ou Celta). Os termo gálatas é un exónimo, e o termo co que se denominaban a si mesmos é descoñecido.

Galia romana

A Galia romana consistiu nunha área do goberno provincial no Imperio romano, no que hoxe son Francia, Bélxica, Luxemburgo, Suíza e o oeste de Alemaña. O control romano da área durou máis de cincocentos anos.

Gŵyl Fair y Canhwyllau

Gŵyl Fair y Canhwyllau (en galés, "Festa das candeas de Mary") é o nome dunha festividade galesa celebrada o 2 de febreiro. É o equivalente galés da festividade goidélica do Imbolc. É unha variación da cerimonia pre-protestante das candeas levadas nunha procesión. A cerimonia cristiá está inspirada nos festivais pagáns da chegada da primavera, e algúns dos vellos ritos que continuaron en partes de Gales suxiren un ritual mesmo máis antigo.

Imbolc

Imbolc é unha das catro principais festas do calendario celta, asociado co ritual da fertilidade, que foi modificado, ocupado e convertido[Cómpre referencia] polo cristianismo no día de Santa Bríxida. Historicamente a festa é tamén se coñecida en Escocia coma Latha Fhèill Brìghde, en Irlanda coma Lá Fhéile Bríde e en Gales coma Gwyl Ffraed. O Imbolc asóciase co 1 de febreiro aínda que o festival celta comeza o 31 de xaneiro.

Inglaterra anglosaxoa

A historia da Inglaterra anglosaxoa cobre o período da Inglaterra medieval temperá, desde o fin da Britania romana e o establecemento dos reinos anglosaxóns no século V ata a conquista normanda en 1066. Os séculos V e VI son coñecidos arqueoloxicamente como a Britania posromana, ou en historia popular como a «Idade Escura»; desde o século VI, desenvólvense reinos distintivos máis extensos, coñecidos como a heptarquía. A chegada dos viquingos a finais do século VIII trouxo consigo cambios a Britania, e as relacións co continente eran importantes xusto ao termo da Inglaterra anglosaxoa, tradicionalmente asociado co comezo da conquista normanda.

Lailoken

Lailoken foi un profeta tolo da antiga Britania posromana de finais do século VI. A Vida de San Kentigern fala dun home tolo, que chamaban Laleocen que viviu na aldea de Peartnach (Partick) ou preto dela no reino de Strathclyde. Laleocen profetizou a morte do rei Rhydderch Hael.

A causa da súa descrición como un home salvaxe e vidente que estaba a vivir nos bosques do sur de Escocia identifícano en ocasións con Myrddin Wyllt, o prototipo do mago Merlín da lenda artúrica.. Myrddyn está asociado particularmente coa Batalla de Arfderydd en Cumberland (agora Cumbria) e a área xusto ao norte, na raia na moderna Escocia. Myrddyn loitaba no bando dos vencidos e tras a batalla toleou.

No texto galés Cyfoesi Myrddin a Gwenddydd ei Chwaer (A conversa de Merlín e Gwendydd, a súa irmá), Gwendydd refírese a Merlín como Llallawg e o seu diminutivo Llallogan.

Jarman tamén asocia a Llallogan ~ Laloiken con Merlin A historia do século XV Lailoken and Kentigern afirma que "algúns din que o seu nome era Merlynum".

Lingua nórica

A lingua nórica era unha das linguas célticas continentais. Suponse que se falaba na rexión do que posteriormente constituíu a provincia romana de Noricum. Só está testemuñada por dúas inscricións fragmentarias que non ofrecen suficiente información para tirar delas demasiadas conclusións sobre a natureza e características desta lingua.

Lughnasadh

Lughnasadh é unha festa celta celebrada o 1 de agosto, durante a tempada de maduración da colleita local de froitas, ou durante o plenilunio preto do punto medio entre o solsticio de verán e o equinoccio de outono.

Mitoloxía celta

A mitoloxía celta é unha serie de relatos da aparente relixión dos celtas na idade de ferro. Ó igual que outras culturas indoeuropeas neste período, os primeiros celtas mantiveron unha mitoloxía politeísta e unha estrutura relixiosa. Entre o pobo celta en estreito contacto con Roma, como os galos e os celtiberos, esta mitoloxía non sobreviviu ó imperio romano, debido á súa conversión ó cristianismo e á perda dos seus idiomas orixinais, aínda que ironicamente foi a través de fontes romanas e cristiás, contemporáneas, que coñecemos detalles sobre as súas crenzas.

En contraste, a comunidade celta que mantivo as súas identidades políticas ou lingüísticas (tales coma as tribos de escotos e bretóns das Illas Británicas) transmitiu xeralmente vestixios remanentes das mitoloxías da idade de ferro, as cales foron rexistradas a miúdo de forma escrita na Idade Media.

Mitoloxía galesa

A mitoloxía galesa son os mitos e lendas propias do pobo galés. Componse en parte das tradicións folclóricas desenvolvidas en Gales, e por polas tradicións britanas anteriores ó final do primeiro milenio. Moitos dos contidos pertencen ó período pre-cristián, que sobreviviron nunha forma alterada a través de manuscritos medievais galeses como o Libro Vermello de Hergest, o Libro Branco de Rhydderch, o Libro de Aneirin e o Libro de Taliesin.

As historias en prosa dos libros Branco e Vermello son coñecidas como Mabinogion, un título dado polo seu primeiro tradutor, Lady Charlotte Guest, e tamén usado polos tradutores posteriores. Poemas como Cad Goddeu (A batalla das árbores) e listas de textos mnemotécnicos como as Tríades da Illa de Bretaña e os Trece Tesouros da Illa de Bretaña, tamén conteñen material mitolóxico. Estes textos tamén inclúen partes da Materia de Bretaña e a historia tradicional da Bretaña romana.

Outras fontes son a compilación histórica en latín do século IX Historia Britonum (A historia dos bretóns) e a crónica do século XII de Geoffrey de Monmouth Historia Regum Britanniae (A historia dos Reis de Bretaña), así como folclore posterior como The Welsh Fairy Book de W. Jenkyn Thomas 1908.

A historia galesa, antes da invasión romana, era transmitida oralmente polos druídas ós seus aprendices. Debido ás invasións por parte dos romanos e saxóns, a historia e a mitoloxía confúndense por falta de fontes escritas.

Reino de Dyfed

O Reino de Dyfed foi un reino situado no suroeste de Gales e cuxa época está comprendida entre a Britania posromana e a Alta Idade Media.

Dyfed, ou na súa forma en latín Demetia, foi un dos antigos reinos que poboaban Gales antes da Conquista Normanda. Xurdiu como sucesión da antiga civitas romana da tribo dos Demetae. Crese que, orixinalmente, ocupou a área delimitada polos ríos Teifi, Gwili e Tywi, aínda que puido estenderse se cadra até a fronteira con Brycheiniog. Equivalía a, aproximadamente, 2284 quilómetros cadrados. Esta zona incluía Pembrokeshire e a parte occidental de Carmarthenshire, incluíndo a poboación de Carmarthen. Consistía en polo menos sete cantrefi (tipo de división da terra en Gales): Cemais, Deugleddyf, Emlyn, Cantref Gwarthaf, Pebidiog, Penfro e Rhos. Durante a chamada "Era dos Santos", Dyfed puido ter até sete bispos, un por cada cantref. Posteriormente, o reino estendeuse até cubrir Ystrad Tywi, incluíndo Cydweli e Gwyr. Esta área foi conquistada por Ceredigion a finais do século VII, para formar o reino de Seisyllwg.

No século X, Hywel Dda uniu Dyfed e o contiguo reino de Seisyllwg baixo o seu dominio. O novo reino coñeceuse como Deheubarth e abarcaba aproximadamente a área do moderno condado de Dyfed.

Talhaern tad Awen

Talhaern Tad Awen ou Talhaearn Tad Awen (traballou a mediados do século VI), foi, segundo as fontes medievais galesas, un famoso poeta britón da Britania posromana. Sitúase como un dos máis antigos poetas que compuxo e recitou en galés. Os poetas máis coñecidos, Aneirin e Taliesin, que poderían ser contemporáneos seus algo máis novos, tamén pertencen a esta xeración, a primeira das que os estudosos modernos coñecen como Cynfeirdd ("primeiros poetas"). Mentres os manuscritos galeses medievais conservan versos compostos ou atribuídos a estes, non pasa o mesmo con Talhaearn e de feito a súa fama inicial parece terse esvaecido na Idade Media posterior.

Uther Pendragon

Uther Pendragon (tamén coñecido como Uter Pendragon, Uterpandragón, o Uthr, das voces galesas Wthyr Bendragon, Uthr Bendragon, Uthyr Pendraeg) é un rei mítico da Britania posromana e pai do Rei Artur.

Existen algunhas referencias de menor importancia a Uther que aparecen en poemas en galés antigo, pero a súa biografía foi escrita por vez primeira por Godofredo de Monmouth no seu libro Historia Regum Britanniae. Foi esa biografía a que se empregou nas versións que se fixeron posteriormente.

É un individuo bastante ambiguo na literatura e é descrito como un rei forte e defensor do pobo. De acordo coas lendas artúricas, Uther, a través das circunstancias e coa axuda de Merlín, consegue a muller do seu inimigo Gorlois, Igraine, e déitase con ela. Deste xeito, o Rei Artur é un fillo ilexítimo.

Vortigern

Vortigern (pronunciado en inglés ˈvɔrtɨɡɝːn; tamén escrito Vortiger e Vortigen, e en galés Gwrtheyrn) foi un caudillo do século V na Britania posromana, un gobernante entre os britanos. A súa existencia é considerada probábel, aínda que a información sobre el está cuberta pola lenda. Dise que convidou os anglosaxóns a se instalaren en Gran Bretaña como mercenarios, só para velos sublevarse e establecer os seus propios reinos. Isto gañoulle unha mala reputación; co tempo, foi lembrado como un dos peores reis dos britanos en posteriores lendas.

Reinos
Rexións
Persoas
Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.