Brigantium

Brigantium pode referirse a:

A Coruña

A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia e bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.850 habitantes (2018); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².

A Coruña é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.A cidade érguese sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da zona urbana espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.

Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.

Arco Ártabro

O Arco Ártabro ou Golfo Ártabro é a denominación que o xeógrafo Otero Pedrayo deu ao litoral formado polas rías de Ferrol, ría de Betanzos-Ares e do Burgo, que se corresponde co que os xeógrafos grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron como Portus Magnus Artabrorum. Ten un ancho máximo de 5.800 m. e intérnase uns 5.600 m. cara á desembocadura do río Mero na praia de Santa Cristina (Perillo, Oleiros) e forma parte das chamadas Rías Altas (ou Rías Medias, segundo autores).

Desde unha concepción máis ampla deste accidente xeográfico, tamén se considera que o Golfo Ártabro abrangue todo o entrante que fai o océano na costa entre o Cabo Prior, en Ferrol, e o cabo de Santo Hadrián, en Malpica.

Atricondo

Atricondo foi unha mansión na antiga Vía Romana XX per loca maritima do itinerario de Antonino entre Glandimiro st. CLXXX e Brigantium m.p.. Descoñécese a súa posición exacta na vía pero suxeriuse que podería estar preto da lagoa de Alcaián antes de Coristanco ou que puidese estar ao saír da vía de Ardemil, Ordes, como no lugar do Castro Maior de Vizoño, Abegondo.

Betanzos

Betanzos é un concello e cidade da provincia da Coruña, pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE no ano 2017 tiña 12.941 habitantes (13.352 no 2015, 13.673 no 2010).

Betanzos foi unha vila creada polo rei Afonso IX, tras aceptar en 1219 o traspaso da poboación de Betanzos O Vello ao lugar de Castro de Untia. Betanzos viviu o seu auxe no baixo medievo, medrando polo comercio da pesca, o viño e dos fornos, e nela instauráronse fidalguías e gremios importantes. Foi declarada cidade do Reino de Galicia polo rei Henrique IV en 1465. Betanzos foi capital de provincia entre os séculos XVI e XVIII. As casas de Fonte de Unta, as súas murallas e portas, as súas igrexas como as de San Francisco e Azougue, a Torre de Lanzós ou a Torre do reloxo na igrexa de Santiago fan que sexa a referencia galega do gótico e unha cidade declarada conxunto histórico-artístico.Outro patrimonio de interese de Betanzos son as súas igrexas románicas de Brabío, Pontellas ou Tiobre; os edificios neoclásicos de San Antonio de Padua, o Arquivo do Reino de Galicia ou o pazo de Piadela; e conxuntos modernistas como a Casa Núñez, a escola de García Naveira ou o Parque do Pasatempo.

A súa ría, coa súa marisma, e os ríos Mendo e Mandeo, que pasan por Betanzos e bordean a cidade, son parte da zona especial de conservación (ZEC) Betanzos - Mandeo. A ribeira de Piadela e a súa parte do encoro forman parte do ZEC Encoro de Abegondo - Cecebre. Destacan destes espazos a súa diversidade de ribeira, e da marisma no caso do Betanzos-Mandeo. Betanzos forma parte da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é betanceiro, brigantino ou popularmente garelo.

Betanzos Club de Fútbol

O Betanzos Club de Fútbol é un club de fútbol galego da vila de Betanzos. Fundouse en 1951 e actualmente compite no Grupo 1 da Primeira Autonómica de Galicia.

O seu nome orixinal era Brigantium Club de Fútbol, ata que en 1992 cambiou polo actual.

Brigantium (publicación)

Brigantium, subtitulado Boletín do museo arqueolóxico e histórico de A Coruña, foi un boletín bilingüe anual editado polo Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón da Coruña.

Cambre, Cambre

Santa María de Cambre é unha parroquia que se localiza no norte do concello coruñés de Cambre, na comarca da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE 2016) ten 6.956 habitantes (3.414 homes e 3.532 mulleres). A parroquia ten 24 lugares.

Campamento romano da Ciadella

O campamento romano da Ciadella (ás veces chamado A Cidadela de xeito erróneo) foi un asentamento militar activo entre os séculos II e IV, sito no tramo viario entre Brigantium e Lucus Augusti, entre as actuais parroquia galegas da Ciadella (Sobrado) e Vilariño (Vilasantar). Nel mantíñanse entre 500 e 600 militares da Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, que tiña a súa sede en Lucus Augusti. Esta unidade auxiliar do exército imperial romano tivo como función a vixilancia da Vía XX, traballo que desempeñou entre os anos 123 e 395.

Castro de Elviña

O Castro de Elviña é un castro galaico, posteriormente romanizado pertencente á coñecida como Cultura castrexa do noroeste peninsular. Está situado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, próximo ao actual Campus de Elviña da Universidade da Coruña, nunha pequena elevación que domina as terras dos vales de Elviña e Mesoiro, no concello da Coruña.

Curtis

Curtis é un concello da comarca de Betanzos, na provincia da Coruña limítrofe coa provincia de Lugo. Segundo o IGE no 2014 tiña unha poboación de 4048 habitantes (4159 no 2012, 4214 no 2011, 4228 no 2010). O concello ten dous importantes núcleos de poboación separados 12 km: Teixeiro, onde está a casa do concello, e Curtis que tamén é o nome histórico do concello. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «curtense».

Gallaecia

A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaban en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Itinerario de Antonino

O denominado Itinerario Antonino ou Itinerario de Antonino é unha recompilación de rutas do Imperio Romano. Deste itinerario soamente se conserva a copia procedente da época do emperador Diocleciano (século IV), mais suponse que foi redactado en torno ó século III.

En cada ruta identificábanse mansións (paradas de postas) coas súas correspondentes millas (sinaladas por un ou varios miliarios). Nun principio pensouse que era unha especie de guía de viaxes, mais polas súas características, semella ser feito co fin de facilitar a localización das mansións con fins recadatorios.

Ons, Brión

Santa María de Ons é unha parroquia que se localiza no noroeste do concello de Brión. Segundo o IGE en 2013 tiña 220 habitantes (117 mulleres e 103 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución continuada en relación aos anos 2004, cando tiña 308 habitantes, e 1999, con 348.

Preferente Galicia

A Preferente Galicia é a quinta categoría de fútbol de Galicia. É a división inmediatamente inferior á Terceira División e por encima da Primeira Galicia. É unha categoría non profesional e a súa organización corre a cargo da Federación Galega de Fútbol. Anteriormente coñeceuse como Serie A Rexional e despois como Rexional Preferente e Preferente Autonómica.

Sobrado

Sobrado é un concello situado no sueste da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Melide. Segundo o IGE no 2015 tiña 1911 habitantes (2139 no 2010, 2289 no 2006, 2316 no 2005, 2360 no 2004, 2400 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «sobradés».

Topónimos galegos en -obre

En Galicia, especialmente no Golfo Ártabro e no Val do Ulla, existe un grupo de topónimos rematados en -obre. Segundo Moralejo, están son continuacións medievais e modernas (en -bre, -be, -ve) de formas antigas en -bris. Están relacionadas xa que logo as terminacións -briga (v. Nemetobriga ou Brigantium), -brix, -bris, -bria e -bre (precedido de vogal: -abre, -ebre, -ibre, -obre e -ubre; ou consonante, i.e. -mbre).

Vía XX

A Vía XX, per loca maritima, era unha calzada romana, recollida no itinerario de Antonino. Unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) bordeando o litoral atlántico da Gallaecia e pasando polas cidades de Brigantium e Lucus Augusti, onde se unía á Vía XIX que comeza na vertente atlántica até Brigantium, que actualmente sería A Coruña ou Betanzos. Certos relevos tamén os menciona o Anónimo de Rávena.Dela consérvanse varios miliarios.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.