Briallos, Portas

San Cristovo de Briallos é unha parroquia que se localiza no concello de Portas. Segundo o INE en 2010 tiña 422 habitantes (227 mulleres e 195 homes), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 473 habitantes.

Ten unha extensión de 3,7 km², o que a converten na parroquia máis pequena de Portas. Até a creación dos concellos coa División territorial de España en 1833, pertenceu á xurisdición de Peñaflor.

Coordenadas: 42°33′07″N 08°38′19″O / 42.55194, -8.63861

Briallos.
Peto no Cruceiro, Briallos, Portas
Peto de ánimas no lugar do Cruceiro.
ConcelloPortas
Poboación422 hab. (2010)
Entidades de poboación16

Patrimonio

A igrexa parroquial de San Cristovo foi reconstruída en 1727. O 12 de abril do ano 2016 un raio impactou contra a espadana do campanario causando cuantiosos danos na estrutura do mesmo[1]. No interior do templo son interesantes os retablos do século XVIII.

A ermida de San Roque está situada no lugar de Castro. Nela celébranse as festas de San Roque e Nosa Señora de Lourdes.

Nas proximidades da estrada N-550 hai un cruceiro e un peto de ánimas, que ten unha talla e unha inscrición co texto Polas ánimas do purgatorio. Reformado por herdeiros de Manuel Herosa e familia ano de 1.898. Hai outros dous cruceiros en Outeiriño e outro na Bouza de San Blas.

O camiño portugués, ó saír de Coruto, intérnase na parroquia de Briallos onde o concello posúe un albergue de peregrinos.

Festas

A festa de máis sona nesta parroquia é a romaxe de San Brais que se celebra o 3 de febreiro. Celébranse misas durante todo o día nas que os devotos do Santo unxen a gorxa con aceite bendito. Ao finalizar cada acto litúrxico os asistentes mercan os tradicionais fanchucos benditos de San Brais.

O Rosario da Aurora celébrase o último sábado de maio na honra da Virxe Inmaculada. Sae en procesión Nosa Señora pasando polos distintos puntos dunha parte de Briallos, unha procesión longa na que se fan paradas en todos os lugares. A continuación celébrase unha misa cantada.

A festa de San Roque e A Nosa Señora de Lourdes celébrase na capela de San Roque a primeira fin de semana de setembro, o sábado na honra de San Roque e o Domingo na honra da Virxe de Lourdes.

En xullo celébranse as festas patronais na honra da Virxe do Carme, A Nosa Señora do Perpetuo Socorro, San Cristovo (patrón) e o Santísimo Sacramento. No día de San Cristovo as persoas adornan os seus vehículos para saír en procesión detrás do camión que porta a imaxe do Santo, o día seguinte, celébrase o Santísimo, con grandes alfombras florais que ocupan a estrada dende o adro da igrexa ata o cruceiro de pedra que se encontra na bouza de San Brais.

Lugares e parroquias

Parroquias de Portas

Véxase tamén

Outros artigos

    Barosa, Briallos, Portas

    Barosa é un lugar da parroquia de Briallos, no concello pontevedrés de Portas, na comarca de Caldas. Segundo o IGE, en 2013 tiña 33 habitantes (15 homes e 18 mulleres).

    Brais de Sebaste

    Brais de Sebaste, venerado coma san Brais, foi un médico e bispo (bispo de Sebaste) de Sebaste (Sebastensis armenorum) na Armenia (actual Sivas, Turquía), e mártir cristián. Fixo vida eremítica nunha cova no bosque do Monte Erciyes, que converteu na súa sé episcopal. Foi torturado e executado, finando o ano 316, na mesma vila de Sebaste (Imperio Romano), na época do emperador romano Licinio, durante as persecucións aos cristiáns a comezos do século IV.

    O seu culto espallouse por todo Oriente, e máis tarde por Occidente. Na Idade Media, chegáronse a contabilizar soamente en Roma 35 igrexas baixo a súa advocación. Venérase na Igrexa Católica o día 3 de febreiro; e nas Igrexas católicas orientais, Igrexas ortodoxas orientais (incluíndo a Igrexa apostólica armenia) o día 11 de febreiro.

    Simbolízase cunhas candeas cruzadas (recordo do rito instituído por Brais); tamén cun cardador de ferro na man (símbolo do instrumento de tortura)Considérase padroeiro dos doentes da gorxa (farinxe), e dos otorrinolaringólogos. É padrón da República do Paraguai, de dúas parroquias de Galicia, e da cidade de Dubrovnik (Croacia). Nesta cidade, a festa é emblemática e case milenaria (remóntase como mínimo ao ano 1190) e incorporouse en 2009 na listaxe do patrimonio cultural inmaterial da Humanidade pola UNESCO.O nome Brais é común en Galiza, onde convive coa variante castelá Blas.

    Outras linguas

    This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
    Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
    Images, videos and audio are available under their respective licenses.