Bretwalda

Bretwalda (brytenwalda, bretenanwealda) é un termo anglosaxón, utilizado en tempos da Britania posromana e designaba un rei que detentaba unha supremacía temporal sobre os restantes.

Orixe do título

Os pobos anglosaxóns que invadiron Britania no século V non tiñan unidade política centralizada ningunha, senón que estaban divididos en tribos, moitas veces enfrontadas entre si. A necesidade de formar unha fronte común contra a resistencia dos britanos obrigou a conformar alianzas temporais entre eles, e é nese contexto que se deu o título de bretwalda -como indicador de supremacía- aos xefes ou reis escollidos polos restantes para exercer o mando supremo temporal.

Ese foi o título de Aethelberht, rei de Kent (594), dos reis de Northumbria Edwin (623), Oswald (634) e Oswiu (643), e do rei Penda de Mercia (626), entre outros xefes anglosaxóns.

A palabra bretwalda significa en realidade “líder britano”, polo que probabelmente o concepto mesmo, a institución e a dignidade que leva, fosen copiados dese pobo polos conquistadores.

É no período da Heptarquía Anglosaxoa (475-827), onde crece o uso do título[1]. O dominio do bretwalda non supuña formalmente a supremacía dun reino sobre os restantes, senón a dun rei sobre os seus veciños, sobre os seus pares, quen lle pagaban tributo e debían responder á súa convocatoria ás armas. O lazo, xa que logo, era persoal e rompía á morte do bretwalda. A elección dun xefe determinado para o posto no entanto adoitaba implicar o recoñecemento (e lexitimación) dun poder maior polo que indirectamente implicaba reflectir a hexemonía dun reino sobre outros nese contexto histórico determinado.

Lista de Bretwaldas

Entry for 827 in the Anglo-Saxon Chronicle, which lists the eight bretwaldas
Lista de bretwaldas na Crónica anglosaxoa.

Segundo Beda (Historia ecclesiastica gentis Anglorum) e a Crónica Anglosaxoa

Señores de Mercia

Listados só pola Crónica anglosaxoa

Notas

  1. É o nome dado ao conxunto de sete reinos establecidos polos pobos

Véxase tamén

Bibliografía

  • Beda O Venerable, Historia ecclesiastica gentis Anglorum, Ed. J. E. King, Londres, 1962

Véxase tamén

Ligazóns externas

Aethelbald de Mercia

Aethelbald de Mercia, finado en 757, foi rei de Mercia, reino situado no que hoxe constitúen as actuais Midlands inglesas, entre 716 e 757. Durante o seu longo mandato, Mercia converteuse no reino dominante entre os anglosaxóns e recobrou a posición preeminente da que xa gozara no século VII, baixo os reinados de Penda e Wulfhere; o dominio de Mercia en Inglaterra prolongouse até o final do século VIII.

Aethelberht de Kent

Aethelberht (tamén Æthelberht), nado cara ao 560 e finado o 24 de febreiro de 616, foi rei de Kent desde arredor do ano 558 ou 560 (a data máis temperá segundo Sprott, a última segundo William de Malmesbury) ata a súa morte.

Ceawlin de Wessex

Ceawlin (tamén chamado "Ceaulin" ou "Caelin"), morto c. 593, foi un Rei de Wessex, no que é agora o suroeste de Inglaterra.

Earpwald de Anglia Oriental

Earpwald, tamén Erpenwald ou Eorpwald, finado c. 627 ou 632, sucedeu ao seu pai Rædwald como gobernante de Anglia Oriental desde c. 624. Earpwald era un membro da familia dos Wuffingas, nomeado así por descender do rei Wuffa.

Pouco se sabe acerca da vida e do breve reinado de Earpwald. A principal fonte acerca deste período provén da Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum, escrita por Beda no século VIII. Pouco despois de ascender ao trono, Earpwald recibiu educación cristiá e foi bautizado en 627 ou 632. Pouco despois da súa conversión foi asasinado por Ricberht, un nobre pagán, que o sucedeu e gobernou Anglia Oriental durante tres anos. O motivo para o asasinato de Earpwald foi probabelmente tanto político como relixioso. Foi o primeiro rei inglés en morrer por mor da súa fe cristiá, sendo venerado pola igrexa posteriormente como santo e mártir.

Ecgberht de Wessex

Ecgberht (Egbert, Egberto Ecgbert), nado c. 770 e finado en xullo de 839, foi rei de Wessex desde 802 até a súa morte. Baixo o seu reinado, Wessex converteuse no máis poderoso dos reinos anglosaxóns, derrocando a supremacía de Mercia. Foi chamado Bretwalda ("gobernante de Britania"). O seu neto Alfredo o Grande foi o primeiro en usar o título de "rei dos anglosaxóns".

Ecgric de Anglia Oriental

Ecgric, finado circa 636, foi un rei de Anglia Oriental, o reino anglosaxón independente que hoxe inclúe os condados ingleses de Norfolk e Suffolk.

Edwin de Northumbria

Edwin (tamén coñecido como Eadwine, Ēadwine ou Æduini en inglés antigo), nado c. 586 e finado o 12 de outubro de 633, foi rei de Deira e de Bernicia, coñecidos máis tarde conxuntamente baixo o nome de Northumbria. O seu reino durou desde 616 até a súa morte. Converteuse ao cristianismo e foi bautizado no ano 627. Tras a súa morte na Batalla de Hatfield Chase foi venerado como santo.

Edwin foi fillo de Aella, rei de Deira. A súa irmá Acha estivo casada con Aethelfrith, rei do veciño reino de Bernicia. Foi tío de Hereric (morreu c. 604), o cal foi pai da abadesa Hilda de Whitby e Hereswith, esposa do irmán do rei Anna de Anglia Oriental.

Inglaterra

Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co Mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co Océano Atlántico, Gales e o Mar de Irlanda. A súa capital é Londres, a maior área urbana do Reino Unido e unha das maiores da Unión Europea.

Inglaterra converteuse nun estado unificado no ano 927 e toma o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas asentadas no sur da illa durante os séculos quinto e sexto. Inglaterra tivo, e segue a ter, un impacto cultural e legal ao redor de todo o mundo, sendo o lugar de orixe da lingua inglesa, da Igrexa Anglicana e do Dereito Inglés, o cal puxo as bases do Dereito nos sistemas legais da maioría dos países do mundo. Ademais, en Inglaterra naceu a Revolución Industrial sendo o primeiro país do mundo en acadar a industrialización.

Nela atópase a Royal Society, a cal mantén fundacións da ciencia moderna experimental. Inglaterra ten a democracia parlamentaria máis antiga do mundo, polo tanto, moitas innovacións constitucionais, gobernamentais e legais, que teñen a súa orixe en Inglaterra, foron posteriormente adoitadas por outras nacións.

O Reino de Inglaterra (incluíndo Gales) continuou como un estado independente ate o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino Unido de Gran Bretaña.

Oswiu de Northumbria

Oswiu, nado c. 612 e finado o 15 de febreiro de 670, escrito tamén Oswio, Oswy, Oswig e Osuiu, foi rei de Bernicia desde 642 até a súa morte e monarca de feito de toda Northumbria desde 655. Oswiu foi o último rei dos que Beda mencionou que tiñan imperium, e a finais do século IX a Crónica Anglosaxoa refírese a Oswiu como Bretwalda.

Raedwald de Anglia Oriental

Raedwald, finado en 624, fillo de Tyttla, foi rei dos Anglos do Leste desde o 600 até o ano da súa morte.

Reino de Anglia Oriental

O Reino de Anglia Oriental (Ēast Engla rīce, "Reino dos anglos orientais"), un dos sete reinos tradicionais da chamada Heptarquía Anglosaxoa, foi fundado ao redor do ano 600 e cubría o territorio actualmente ocupado polos condados de Suffolk, Norfolk e Cambridgeshire.

Reino de Essex

O Reino de Essex (Ēst Seaxna, "saxóns orientais"), un do sete reinos tradicionais da chamada Heptarquía Anglosaxoa, foi fundado ao redor de 600 e cubría o territorio actualmente ocupado polos condados de Essex, Hertfordshire e Middlesex. O primeiro documento histórico sobre o reino remóntase á Historia Eclesiástica de Beda, que reflicte a chegada do bispo Melito a Londres en 604.

Reino de Kent

O Reino de Kent foi o primeiro reino en ser creado polos invasores xermánicos en Inglaterra, cousa que fixo que se convertese en relativamente poderoso no primeiro período anglosaxón. Kent parece que tivo un gran poder a principios do século VII con Ethelbert, que foi recoñecido como bretwalda. Foi o primeiro soberano anglosaxón en aceptar o cristianismo e o primeiro en introducir un código escrito de leis. Despois del, porén, o poderío de Kent comezou a declinar e a partir da metade do século semella que estivo dominado por reinos anglosaxóns máis fortes.

No 686 Kent foi conquistado por Caedwalla de Wessex, que puxo no trono ao seu irmán Mul. A este matárono nunha revolta, pero Caedwalla invadiu de novo o reino e devastouno.

Neste momento Kent caeu nun estado de desorde. Os de Mercia puxeron no trono un rei monicreque, Oswine, que, con todo, semella que só reinou dous anos, despois dos cales tomou o poder Wihtred. Este empeñouse en reconstruír o reino e no 694 fixo a paz con Wessex, pagando un resarcimento polo asasinato de Mul.

A historia de Kent posterior á morte de Wihtred no 725 é fragmentaria e cada vez máis escura. Durante os corenta anos que seguiron, dous ou mesmo tres soberanos reinaron ao mesmo tempo.

Esta especie de división podería ter sido a que fixo de Kent o primeiro obxectivo do crecente poder de Offa de Mercia, que no 764 conseguiu a supremacía sobre Kent, á fronte do cal puxo soberanos monicreques.

Semella que desde principios dos anos setenta do século VIII Offa tentara reinar directamente sobre Kent, provocando unha rebelión. Produciuse unha batalla, en Otford (776), e malia non coñecermos o resultado, as circunstancias dos anos posteriores suxiren que os que venceron foron os rebeldes de Kent: Ecgberht II e despois Ealhmund semellan ter reinado de maneira independente de Offa durante case unha década. Este estado de cousas, porén, non durou moito e Offa estableceu solidamente a súa autoridade sobre Kent no 785, sobre o cal Mercia reinou directamente ata o 796.

Tras a morte de Offa, vista a momentánea febleza de Mercia, en Kent estopou unha rebelión: Eadbert II Praen subiu temporalmente ao poder. O sucesor de Offa, Coenwulf, reconquistou Kent no 798, poñendo no trono a Cuthred. Tras a morte de Cuthred no 807, Coenwulf reinou directamente sobre Kent, pero a autoridade de Mercia veuse substituída pola de Wessex no 825, despois da batalla de Ellandun: o rei monicreque de Mercia, Baldred foi expulsado.

Cando no 892 toda Inglaterra meridional foi unida so o cetro de Alfredo o Grande, Kent estaba no bordo do desastre. Máis ou menos un século atrás os pagáns viquingos comezaran as súas correrías, atacando en primeiro lugar Lindisfarne, na costa de Northumbria, matando os monxes e devastando a a badía. Este estado de cosas continuou ata o 878, cando Alfredo os venceu: seguiu un acordo, que permitiu o seu asentamento na Anglia oriental e no nordeste. Porén, os seus compatriotas daneses estaban aínda en movemento e no curso dos anos oitenta do século IX, Haesten, un líder guerreiro de grande experiencia, reunira unha enorme forza na Francia setentrional, cercando París e tomando posesión da Bretaña.

Máis de 350 naves viquingas levantaron a áncora de Boulogne cara o sur de Kent no 892. Un exército enorme (entre as 5 e as 10.000 persoas, incluídos mulleres e nenos, atacaron un forte saxón preto da igrexa de San Rumwold, Bonnington, matando a todos. O ano seguinte construíron unha xigantesca fortaleza propia en Appledore. Fronte a isto, os daneses da Anglia oriental e doutras zonas, rotos os pactos estipulados co rei Alfredo, rebeláronse, uníndose ás ordes dos invasores. Tras unha pequena correría, todas a súas forzas movéronse contra os ingleses, combatendo en moitas batallas, e só desistindo ao cabo de catro anos. Algúns retiráronse á Anglia oriental, mentres que outros volveron á Francia setentrional.

Despois da invasión de Guillerme o Conquistador e no curso da Idade Media, en Kent houbo diversas rebelións, entre as cales a Gran sublevación, guiada por Wat Tyler e a continuación, en 1450, a rebelión de Jack Cade.

Reino de Northumbria

Northumbria (en saxón antigo: Norþanhymbra; en nórdico antigo: Norðimbraland, nome que reflicte a súa localización ao norte do río Humber) foi un dos reinos menores dos anglos, mencionado no século XII por Henrique de Huntingdon como parte da Heptarquía anglosaxoa-xuta, os dominios establecidos polos pobos xermánicos que comezaron a invadir Gran Bretaña a finais do século V, cando xa había case 70 anos que fora abandonada polas lexións romanas.

Fundada por anglos baixo o mando de Æthelfrith (Ethelfrith) no que hoxe é o nordés inglés no ano 593 a partir da unión doutros dous reinos menores, Bernicia e Deira, floreceu no século VII, chegando a estenderse polas Terras Altas escocesas e Gales, desde o Humber até o Forth. Tivo a súa capital en Whitby, sede do coñecido sínodo homónimo que decidiu en favor do rito cristián romano fronte ao irlandés para ser implantado en terras británicas.

O territorio northumbrio foi ocupado polos daneses no século IX e integrouse ao reino de Inglaterra en 829, da man das conquistas de Ecgberht de Wessex.

O condado que se formou despois, estaba limitado ao sur polo río Tees e ao norte polo río Tweed (o que hoxe en día é similar á rexión moderna do Nordés de Inglaterra) e foi recoñecido como parte de Inglaterra polo Tratado de York de 1237 entre Inglaterra e Escocia. Berwick-upon-Tweed, que se sitúa ao norte do Tweed, foi definido como súbdito das leis de Inglaterra pola Acta de Gales e Berwick de 1746. O territorio que unha vez foi parte de Northumbria durante o seu apoxeo é administrado hoxe en día por rexións diferentes como Nordés de Inglaterra (Bernicia), Yorkshire e Humber (Deira), Noroeste de Inglaterra (Cumbria), os Scottish Borders, West Lothian, Edimburgo, Midlothian e East Lothian.

Actualmente, Northumbria é a rexión Nordés de Inglaterra. O nome úsase nos títulos da Policía de Northumbria (a cal administra Northumberland e Tyne e Wear) e a Universidade de Northumbria (situada en Newcastle), e tamén foi adoptado pola Xunta de Turismo de Inglaterra para referirse ao Nordés de Inglaterra.

Reino de Sussex

O Reino de Sussex ou Reino dos saxóns do Sur (en inglés antigo: Sūþseaxna rīce) foi unha colonia saxoa e posteriormente un reino independente dos saxóns na costa sur de Inglaterra fundado no século V, tras a retirada dos romanos da illa de Britania. Foi un dos estados da denominada Heptarquía Anglosaxoa, período da historia inglesa entre os séculos V e IX. Aínda que é considerado un dos sete reinos principais da Heptarquía, a súa importancia política foi menor mesmo que a dalgúns reinos considerados secundarios como Hwicce ou Lindsey. A historia do reino está chea de lagoas e os reinos veciños de Wessex e Mercia exerceron o seu dominio sobre Sussex desde mediados do século VI até a súa incorporación definitiva ao reino anglosaxón no 825.

Wessex

Wessex foi un dos sete reinos principais (Heptarquía anglosaxoa) que precederon ó reino de Inglaterra. O nome vén de West Saxons e está situado no sur/suroeste de Inglaterra. Existiu como reino dende o século VI ata a aparición do estado inglés no século IX e como condado entre 1016 e 1066. Wessex foi precisamente o reino que conseguiu unificar Inglaterra ó someter os demais reinos anglosaxóns baixo a súa soberanía. Non volveu ter unha existencia oficial dende entón, pero permanece como un termo familiar. Acostuma estar asociado coas novelas e poesías de Thomas Hardy e hai xente [Cómpre referencia] que defende que sexa restaurado como unha rexión de Inglaterra.

Ælle de Sussex

Ælle (tamén Aelle ou Ela) (pronunciado /'ælə/ en inglés) aparece nas fontes temperás como o primeiro rei dos saxóns do sur e o fundador do reino de Sussex, reinando na rexión inglesa de Sussex desde aproximadamente o ano 477 até talvez o ano 514 como máximo. A información sobre este monarca é bastante limitada e non se pode afirmar con certeza se Ælle existiu realmente.

Segundo as fontes, Ælle e tres dos seus fillos chegaron procedentes do continente europeo ao lugar onde se atopa Selsey Bill —o lugar exacto atópase baixo o mar e é probabelmente un banco de area coñecido como the Owers— e combateron contra os britanos. Dise que en 491 os saxóns lograron unha vitoria fronte aos nativos no lugar onde se atopa a localidade de Pevensey, onde mataron o último dos seus opoñentes. Aínda que os detalles que contan estas tradicións non poden ser verificados, os nomes dos lugares de Sussex evidencian claramente que esa zona foi pronto colonizada e de forma exhaustiva polos saxóns, apoiando a idea de que foi unha das súas primeiras conquistas.

Segundo Beda, monxe de Northumbria autor da crónica do século VIII Historia ecclesiastica gentis Anglorum, Ælle foi o primeiro rei anglosaxón que logrou manter o seu "imperium" ou señorío sobre o resto de reinos anglosaxóns. Na Crónica anglosaxoa de finais do século IX (duns catrocentos anos máis tarde), Ælle é presentado como o primeiro bretwalda ou gobernante de Britania, aínda que non hai probas de que nese tempo xa existise ese título. A morte de Ælle non está rexistrada e non se coñece quen o sucedeu como rei de Sussex.

Óengus I

Óengus, fillo de Fergus (en picto: *Onuist map Urguist; en irlandés antigo: Óengus mac Fergusso, "Angus mac Fergus"), foi rei dos pictos dende 732 até a súa morte en 761. O seu reinado pode ser reconstruído a partir dos detalles de diferentes fontes.

Óengus converteuse en xefe e rei dos pictos despois dun período de guerra civil a finais da década de 720. Durante o seu reinado, o reino veciño de Dál Riata foi subxugado e o reino de Strathclyde foi atacado con menos éxito. O gobernante máis poderoso de Escocia durante máis de dúas décadas, estivo involucrado en guerras en Irlanda e Inglaterra. Os reis da familia Óengus dominaron as terras pictas até 839, cando unha desastrosa derrota contra os viquingos provocou un novo período de inestabilidade que rematou coa chegada ó poder de Cináed mac Ailpín.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.