Brassica

Brassica é un xénero botánico da familia Brassicaceae, que comprende numerosas especies utilizadas polo ser humano como condimento ou alimento, de grande importancia na horticultura e na agricultura, como os nabos, repolos ou as verzas. O xénero é nativo do oeste de Europa, rexión mediterránea e rexións de clima temperado de Asia. Tamén inclúe plantas bravas. Son plantas importantes na gastronomía galega: repolo, nabo (nabiza, grelo), verzas etc.

Hai máis de 30 especies bravas e híbridos, e numerosos cultivares adicionais e híbridos de orixe cultivada. Moitas son anuais ou bienais, e algunhas son pequenos arbustos.

Hoxe en día o xénero é cultivado mundialmente. Nalgunhas especies, case todas as partes son comestíbeis, incluída a raíz, coma na rutabaga ou no nabo (carola, grelos e nabizas), os talos (col ravo), as follas (repolo, coia de Bruxelas), as flores (coliflor, brócoli), as sementes (mostaza e a colza Brassica napus). Algunhas formas con follaxe branca ou púrpura ou cabezas florais úsanse para ornamentar.

As especies de Brassica son consumidas polas larvas de varias especies de Lepidoptera (bolboretas e avelaíñas).

Por mor á súa importancia agrícola, as Brassica teñen moito interese científico. As estreitas relacións entre seis especies particularmente importantes (Brassica carinata, B. juncea, B. oleracea, B. napus, B. nigra e B. rapa) descríbense na chamada teoría do Triángulo de U.

xénero Brassica
Brassica rapa

Brassica rapa
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Fanerógama Magnoliophyta
Clase: Dicotiledónea Magnoliopsida
Orde: Brassicales
Familia: Brassicaceae
Xénero: Brassica
L. 1753
especies

véxase texto.

Especies

Dos case 1.000 táxones descritos, só unhas 40 especies e uns 80 táxones infra-específicos son considerados válidos e aceptados. Practicamente todos os outros son meros sinónimos.[1] A listaxe a seguir é un listado abreviado, con énfase na importancia económica.

Nomes obsoletos

  • B. kaber (mostaza brava): véxase Sinapis arvensis
  • B. alba ou B. hirta (mostaza branca ou amarela): véxase Sinapis alba

Notas

  1. Género Brasssica en The Plant List

Véxase tamén

Aceite de colza

O aceite de colza extráese das sementes de dúas especies desta planta Brassica napus e Brassica rapa (ou Brassica campestris).

A colza cultívase na India desde hai, polo menos, 4000 anos, onde se aproveitou a planta como forraxe e como fariña da semente. Desde a India pasou a cultivarse na China e, non antes do século XIV, a Europa, aínda que aquí non se estendeu como cultivo a grande escala ata os anos 1930, cando tamén comezou a cultivarse no Canadá. Actualmente, Europa e Canadá son os principais produtores de colza .

O obxectivo do cultivo é a produción de aceite e, como subproduto, de fariña de extracción que se utiliza como fonte proteica na alimentación animal.

Foi na China onde se comezou a extraer aceite das sementes da colza. Os primeiros aceites, naturais e sen refinar, tiñan un sabor amargo e desagradable, pero as modificacións introducidas posteriormente nas variedades cultivadas e no proceso de refinado conseguiron un aceite de sabor neutro.

A nivel mundial, a produción de aceite de colza representa o 15% do total de graxas comestibles, en terceiro lugar trala soia (30%) e a palma (23%). O aceite de colza, na súa variedade canola, é o máis consumido en Canadá e noutros países.

Francia, Inglaterra e Alemaña son os principais produtores de aceite de colza, mentres que Canadá, EEUU, México e Arxentina o son de aceite de canola. En España, a superficie destinada ó cultivo da colza descendeu en picado trala intoxicación ocorrida en 1981 vehiculada por este aceite: das 20.000 hectáreas que se cultivaban entón [2] baixou á metade en 1985 e a menos de 5.000 en 1986. Logo foi recuperándose para alcanza-las 24.000 ha en 1990, 70.000 en 1994 e 97.000 en 1996 [3], pero as cifras de 2009 volveron reducirse ás 21.740 ha [4]. En Galicia ou non se cultiva esta especie ou non representa cantidades significativas, xa que non se cita nas estatísticas de produción agraria.

O destino da produción, referida a este último ano, foi principalmente para alimentación animal (10.238 toneladas) e a fabricación de aceite (7.111 toneladas).

Brassica oleracea gongylodes

Brassica oleracea gongylodes, ou col ravo, é unha planta da familia das crucíferas. Denominada no norte de Europa moi frecuentemente como Kohlrabi (xerm. kohl + rabí). É unha variedade de col con gran parte á inchume que posúe a súa carne, de forma case esférica (xocosamente comparada co Sputnik pola súa similitude na forma).

O Kohlrabi foi creado por selección artificial para ser unha planta de crecemento de tipo meristema, a súa orixe na natureza é un cruzamento da planta salvaxe da col silvestre e o ravo branco salvaxe.

Brócoli

O brócoli ( pronunciación ) (Brassica oleracea var, italica), do latín brachium (brazo), é unha planta da familia das brasicáceas, antes chamadas crucíferas. Outras especies desta familia son o repolo, a coliflor ou as coles de Bruxelas.

O brócoli posúe abundantes cabezas florais carnosas de cor verde, dispostas en forma de árbore, sobre pólas que nacen dun groso talo comestíbel. É moi semellante á coliflor, mais verde no canto de branca. Dáse en climas frescos, polo que prospera pobremente durante os veráns calorosos. Habitualmente tómase fervido ou ao vapor, pero pódese consumir cru. Ten un alto contido de vitamina C, vitamina E e fibra solúbel.

Brócoli romanesco

O romanesco é a inflorescencia comestible da Brassica oleracea var. botrytis, unha variedade da especie Brassica oleracea á que pertencen tamén a coliflor, o brócoli, a col, o repolo ou a col de Bruxelas. É unha variedade verde de coliflor, da familia das brasicáceas, de forma singular. Como todas as especies desta familia, é rico en nutrientes, vitamina C, fibra soluble, potasio, fósforo, ácido fólico e carotenoides. Consómese cocido ou ao vapor normalmente, inda que tamén se pode utilizar como verdura crúa, en ensalada.

É orixinario de Italia, máis precisamente de Roma. En 1834 o poeta italiano que escribía en romanesco Giuseppe Gioacchino Belli menciona esta verdura nun poema e de aí vén o seu nome. Hai rexistros da súa utilización desde o século XVI, mais só nas últimas décadas veu sendo dispoñible e coñecido noutros países.

A súa forma xeométrica é moi decorativa, e a súa disposición espiralada é moi citada como exemplo de forma fractal na natureza, e ilustra as leis da filotaxia.A cantidade de inflorescencias do que se compón o brócoli romanesco é un número Fibonacci.

Cadmio

O cadmio é un elemento químico de número atómico 48 situado no grupo 12 da táboa periódica dos elementos. O seu símbolo é Cd. É un metal pesado, branco azulado, relativamente pouco abundante. É un dos metais máis tóxicos, aínda que podería ser un elemento químico esencial, necesario en moi pequenas cantidades, pero isto non está claro.

Col

A col ou coia é un termo botánico xeral que se refire a distintas variedades cultivadas a partir da especie Brassica oleracea (col brava ou col de pena). Son plantas do xénero Brassica pertencentes á familia das brasicáceas. Teñen grande importancia na alimentación, e moita na gastronomía galega, xa que hortícolas coma o repolo, as verzas, o brócoli, as coles de Bruxelas ou a coliflor son variedades desta mesma especie.

A col tamén recibe os nomes dialectais de coia, coella, coube e coubella.

Col chinesa

A col chinesa, coia chinesa ou repolo chinés (Brassica rapa, ssp. chinensis ; (en chinés); cantonés 黃芽白 wong ah bahk), (tamén hakusai, pak choy, pok choi, bae-chu (en Corea), bok choy ou pak choi, tamén ortografado pachoy en Europa Occidental) é unha variedade de col moi empregada como ingrediente dalgunhas cociñas dos países asiáticos, en especial na cociña chinesa. Trátase dunha verdura da especie Brassica rapa.

Col de Bruxelas

As couves de Bruxelas ou coias de Bruxelas (do Grupo Gemmifera de Brassica oleracea; o seu nome científico é Brassica oleracea var. gemmifera) é un grupo cultivar (sobre todo en inverno) das coles caracterizado polo seu pequeno diámetro (xeralmente de 2.5–4 cm de diámetro) que se asemella a repolos miúdos. O nome débese ao seu lugar orixinario de cultivo, non por mor a que sexan sonadas na vila de Bruxelas. É coñecida polo seu alto contido en Vitamina A e C e ácido fólico.

Como cultivo moderno que é, en Galiza introduciuse hai poucas décadas como alimento. O sabor é semellante ao do repolo e os grelos.

Coliflor

A coliflor (Brassica oleracea var. botrytis) e unha variedade de col (Brassica oleracea) da familia das Brassicaceae. Outras variedades da mesma planta son o brócoli, o repolo, as verzas ou as coias de Bruxelas, todas elas importantes hortalizas e esenciais na gastronomía galega. Existen en galego algunhas variedades dialectais coma: culliflor, culiflor e coubeflor (en portugués couve-flor).

Trátase dunha planta anual pero encóntrase no seu mellor momento entre os meses de setembro e febreiro, aínda que se pode dispor dela durante todo o ano. Parécese ó brócoli e está emparentada con el.

A planta está composta por unha cabeza redondeada, denominada masa, que é a única parte comestible, rodeada de grosas follas verdes. A cor da masa pode ser branca amarelada, verde o violeta segundo a variedade cultivada, pero se ten manchas, inflorescencias separadas ou partes brandas na masa, significa que está vella. O seu tamaño pode alcanzar os 30 centímetros de diámetro e pode chegar a pesar más de 2 kg. Ten un sabor suave e, en ocasións, lixeiramente dulzón.

Colza

A colza (Brassica napus) é unha planta de cuxas sementes se extrae o aceite de colza. As follas da planta serven tamén de forraxe para o gado.

No Canadá desenvolveuse unha variedade baixo o nome de Canola, que é unha contracción da expresión inglesa "Canadian oil low acid" ("aceite canadense de baixo contido en ácido") referindose ao ácido erúcico. Esta variedade de colza presenta unha proporción inferior á normal en ácido erúcico e glicosinolatos, produtos de toxicidade media presentes no aceite de colza estándar. Foi desenvolvida por investigadores canadenses a partir de 1960 [2].

Grelo

O grelo é un sinónimo de xermolo que se aplica en moitas partes de Galicia exclusivamente ao gromo do nabo (Brassica rapa). Porén, ás veces é tratada coma Brassica rapa subsp. rapa, Brassica rapa ruvo, Brassica rapa rapifera, Brassica ruvo, ou Brassica campestris ruvo.

A aparencia é a dun gromo máis ou menos groso do que saen algunhas follas e, no extremo, as flores.

Emprégase para preparar o caldo galego e outros pratos típicos, como o lacón con grelos.

O grelo é comestíbel mentres está tenro. Cando abrocha a flor, o grelo endurécese e xa non é posíbel o seu consumo, pois non amolece por moito que se coza.

Un bo sistema para saber se o grelo é mol ou non consiste en darlle un corte transversal no seu extremo. Se o centro está moi branco (branco neve) o grelo xa non é comestíbel a causa da súa dureza.

Hai que denotar a diferenza do grelo e as nabizas: estas últimas son as primeiras follas, tenras, que produce o nabo.

Do nabo sal a nabiza,

Da nabiza sal o grelo,

son tres persoas distintas

e un solo Dios verdadeiro.No mes de xaneiro de 2008, a Real Academia Galega aceptou o termo greleiro como Persoa ou entidade que se dedica ao cultivo dos grelos ou que negocia con eles, despois de que o grupo Gadisa o propuxese.

Lombarda

A lombarda ou col lombarda (Brassica oleracea var. capitata f. rubra) é unha coia semellante a un repolo roibo de follas rubias violáceo característico. Esta cor débese á presenza dun pigmento chamado antocianina. A forza desta cor pode depender en gran medida da acidez (pH) do solo, as follas medran máis arroibadas en solo de medio acedo, mentres que nos alcalinos son máis azuis.

Mostaza

O termo mostaza pode referirse a:

Varias especies da familia das brasicáceas, así como os seus grans, a saber:Mostaza branca, Sinapis alba.

Mostaza negra, xebra ou Brassica nigra.

Mostaza parda, ou Brassica juncea.O nome dun condimento feito a partir da semente da mostaza, utilizado na cociña e na gastronomía de moitos países. Véxase: Mostaza (condimento).

O nome dun ton de cor amarela, ou amarelo mostaza.

O nome dun gas utilizado como arma química, o Gas mostaza ou Yperita.

Mostaza (condimento)

A mostaza refírese ao condimento elaborado a partir da semente moída e macerada de diferentes especies de plantas da mostaza (do xénero Sinapsis, familia das crucíferas, que tamén inclúe as coias e mailos nabos), que se emprega coma condimento picante.

O termo fai referencia tamén á semente miúda de mostaza, usada coma especia e que se emprega frecuentemente nalgunhas gastronomías, como por exemplo: a alemá, a india ou a francesa, entre outras.

En Galiza non é frecuente o uso de mostaza, nin coma especie nin coma mollo, en ningún prato tradicional. Con todo, o seu uso estase a espallar coa penetración da chamada comida rápida (xunto co ketchup e a maionesa) e receitas de orixe francesa.

Mostaza branca

A mostaza branca (Sinapis alba) é unha planta anual da familia das Crucíferas. Ás veces é coñecida como Brassica alba, Brassica hirta ou mostaza amarela. Cultívase comercialmente en practicamente todo o mundo polo interese das súas sementes para a industria alimentaria, mais probablemente é orixinaria da rexión mediterránea.

As flores amarelas da planta deste tipo de mostaza producen un tipo de vaíñas (sílicuas) veludas que conteñen as sementes, nas que atoparemos aproximadamente media ducia de grans por vaíña. A colleita da semente da mostaza faise xusto antes de que as vaíñas maduren por completo e abran. As sementes desta especie de mostaza son redondas e de consistencia dura, de en torno ó milímetro ou 2 mm. de diámetro, e dunha cor que pode ir do beige ou o amarelo ó marrón claro.

Nabo

O nabo (Brassica rapa L.), é unha planta da familia das crucíferas ou brasicáceas (a familia das coles e os repolos) cultivada comunmente como hortaliza nos países de climas temperados de todo o mundo pola súa suculenta raíz napiforme, e tamén para o consumo das súas follas. As variedades de raíz tenra utilízanse para o consumo humano, mentres que as maiores se destinan a forraxe para o gando.

Os nabos son moi populares en Europa, en particular nas rexións máis frías, xa que se poden almacenar durante varios meses despois da colleita. Tamén poden crecer en forma silvestre. En Galiza foi un dos cultivos máis estendidos como indica a microtoponimia; hoxe en día o consumo humano da raíz (chamada comunmente carola, cachola ou carocha) non é común, porén si seguen a ser moi populares as nabizas e grelos (follas e rebentos respectivamente da mesma planta).

Repolo

O repolo (Brassica oleraceae var. capitata) é unha variedade de col, planta comestible da familia das brasicáceas. É unha herbácea bienal, cultivada como anual, cuxas follas poden ser ovais, oblongas ou lisas e forman unha cabeza moi característica.

As diferentes variedades foron obtidas a partir da especie brava, coñecida xa desde hai séculos, a través dos cruzamentos e da selección para as adaptar a condicións climáticas diferentes.

Emprégase moito na gastronomía galega, especialmente polo inverno, en caldos e cocidos.

Rutabaga

A rutabaga (Brassica napobrassica, o Brassica napus var. napobrassica), é unha raíz comestíbel que se orixinou nun cruzamento ente o repolo (Brassica oleracea var. viridis) e o nabo (Brassica rapa). Cultívase especialmente no norte de Europa e América do Norte, onde forma parte da gastronomía popular. Non é un cultivo popular hoxe en día en Galiza.

Verza

Este artigo trata sobra a hortaliza, para a alga véxase verza de mar.

A verza, tamén coñecida coma col galega, coia galega ou verza galega, é unha variedade de col (Brassica oleracea var. acephala), de toco bastante alto e follas largas, usada no típico caldo de verzas da Galiza e de Portugal e tamén na confección da sopa coñecida como caldo verde, típica de Portugal. Tamén é popular en Asturias, Cantabria e o País Vasco e Navarra, así como no norte de Castela e León (Burgos, Palencia, León).

Caracterízase (e de aí o nome da variedade, acephala) porque as follas non forman a cabeza terminal típica das coles, senón que van nacendo ao longo do talo ou canoto.

Tamén se lle chama verza á folla das coias en xeral.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.