Brasicáceas

As brasicáceas (Brassicaceae) ou crucíferas (Cruciferae) son unha familia de anxiospermas dicotiledóneas que se inclúen na orde Brassicales. Constitúen un grupo monofilético con arredor de 338 xéneros e 3.709 especies de plantas principalmente herbáceas distribuídas en todo o globo, porén se achan particularmente concentradas en áreas temperadas e frías.[2] Inclúen cultivos de importancia económica, tanto hortícolas, como ornamentais, oleaxinosos, forraxeiros e como condimentos. Así mesmo, inclúen a unha especie que se considera un organismo modelo en investigacións biolóxicas: Arabidopsis thaliana

Brasicáceas (Brassicaceae)
Eiruga (Eruca sativa)

Eiruga (Eruca sativa)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Brassicales
Familia: Brassicaceae Burnett

[1] (Cruciferae nom. cons.)

Xéneros

Véxase Xéneros e especies de Brassicaceae

Sinonimia
  • Drabaceae Martynov,
  • Erysimaceae Martynov,
  • Raphanaceae Horan.,
  • Sisymbriaceae Martynov,
  • Stanleyaceae Nutt.,
  • Thlaspiaceae Adans.

Descrición

Herbas anuais, bianuais ou perennes, con zume acuoso e frecuentemente picante, raras veces sufruticosas.

Plantas de follas alternas ou en roseta, simples ou divididas, sen estípulas.

Flores en cruz, hermafroditas, xeralmente actinomorfas, sen brácteas; cáliz con 4 sépalos libres dispostos en dous verticilos dímeros, ás veces co baseamento lixeiramente xiboso (polo xeral, só dous deles); corola cun verticilo de catro pétalos alternos cos sépalos, ás veces en dous grupos, C 2 + 2; androceo normalmente con 6 estames, dispostos en dous verticilos: un externo con dous estames curtos, e un interno con catro estames longos, con nectarios basais; xineceo súpero, sincárpico, bicarpelar, co ovario xeralmente dividido en dous lóculos mediante un septo (tamén chamado de disepimento) orixinado por crecemento das placentas. Inflorescencias en acios, corimbos ou umbelas.

Froitos de tipo capsular dehiscentes mediante dúas valvas, chamados sílicuas (poden ser latiseptas ou angustiseptas), ou excepcionalmente en lomentos, ás veces rematados nun bico estéril.

Usos

Nesta familia atópanse boa parte das verduras de inverno, Brassica e os seus cultivares, que se encontra distribuída por todo o mundo e consta de especies de crecemento anual, bienal ou perenne. Aínda que algúns membros teñen un alto contido de ácido erúcico, o que as converte en pouco axeitadas para consumir en grandes doses, todos os membros son comestíbeis; porén, uns saben mellor ca outros.

Evolución, filoxenia e taxonomía

O botanista austríaco August von Hayek,[3] a seguir polo botanista alemán Otto Eugen Schulz[4] e o austríaco Erwin Emil Alfred Janchen[5] forneceron a primeira teoría arredor da orixe da familia. Eles crían que se orixinara nas Américas a partir da subfamilia Cleomoideae de Caparidaceae a través da tribo Theylopodieae (Stanleyeae) das brasicáceas. Tal visión da escola xermana foi partillada por outros autores como o taxónomo iraquí, nacionalizado estadounidense, Ihsan Ali Al-Shehbaz[6][7] e o armenio Armén Tajtadzhián.[8] De feito, o americano Thomas Nuttall[9] xa tiña proposto contra o 1834 o nome Stanleyeae como unha familia distinta e intermedia entre as caparáceas e mailas crucíferas, que incluía os xéneros Stanleya e Warea.

Os estudos moleculares das brasicáceas, que se empezaron a publicar a partir do comezo do século XXI, demostraron claramente que —pola contra— as brasicáceas se orixinaran no Vello Mundo e que constitúen un clado irmán ás cleomáceas.[10][11][12][13]

A idade da familia é de 37,6 (24,2 a 49,4) millóns de anos. A análise filoxenética suxestiona que as brasicáceas sufriron un rápido período de diversificación, logo da temperá separación da tribo Aethionemeae. A familia semella que se orixinou nun clima cálido e húmido aproximadamente hai 37 millóns de anos. A rápida radiación que ocorreu con posterioridade seica estivo causada polo arrefriamento global durante o Oligoceno sumada a un evento de duplicación xenómica. Este evento puido permitir á familia adaptarse axiña durante ese período de cambio climático.[14]

Tribos

  • Aethionemeae. Consiste en dous xéneros e 57 especies distribuídas principalmente por Medio Oriente e Europa oriental. O xénero Aethionema é o de maior número de especies (56) e a súa área de distribución está centrada en Turquía, con algunhas especies que se estenden cara o leste até Turkmenistán e deica o oeste até a Península Ibérica e Marrocos.
  • Camelineae. Esta tribo inclúe 12–13 xéneros e unhas 240 especies que se distribúen pincipalmente en Eurasia, con algúns representantes en América do Norte e Australia-Nova Zelandia. O xénero máis coñecido desta tribo é Arabidopsis (11 especies), seguido por Camelina e mais Capsella en canto ao número de especies (11 e 5, respectivamente).
  • Boechereae. Case exclusivamente de América do Norte xa que só unha especie, Boechera furcata, medra no extremo oriental de Rusia. A tribo inclúe sete xéneros e aproximadamente 110 especies, a maioría das cales pertencen ao xénero Boechera.
  • Halimolobeae. Inclúe cinco xéneros e unhas 40 especies distribuídas en América, principalmente no centro e norte de México. Os xéneros con maior riqueza de especies son Mancoa e Pennellia.

Notas

  1. 1835.Outlines of Botany 854, 1093, 1123.
  2. Rollins, R.C. Brassicaceae Burnett Flora of Nicaragua.
  3. Hayek A. (1911) Entwurf eines Cruciferensystems auf phylogenetischer Grundlage. Beih. Bot. Centralbl. 27: 127–335.
  4. Schulz O. E. (1936) Cruciferae. In: Engler A., Harms H. (eds.) Die naturlichen Pflanzenfamilien, vol. 17B. Verlag von Wilhelm Engelmann, Leipzig, pp. 227–658
  5. Janchen E. (1942) Das System der Cruciferen. Oesterr. Bot. Zeit. 91: 1–18.
  6. Al-Shehbaz I. A. (1973) The biosystematics of the Genus Thelypodium Cruciferae. Contr. Gray Herb. 204: 3–148.
  7. Al-Shehbaz I. A. (1985a) The genera of Thelypodieae (Cruciferae; Brassicaceae) in the southeastern United States. J. Arnold Arbor. 66: 95–111.
  8. Takhtajan A. (1997) Diversity and classification of flowering plants. Columbia University Press, Nova York.
  9. Nuttall T. (1834) A description of some of the races or little known plants indigenous to the United States, from the dried specimens in the herbarium of the Academy of Natural Sciences in Philadelphia. J. Acad. Nat. Sci. Philad. 85: 61–85.
  10. Hall J. C., Sytsma K. J., Iltis H. H. (2002) Phylogeny of Capparaceae and Brassicaceae based on chloroplast sequence data. Amer. J. Bot. 89: 1826–1842.
  11. Koch M. (2003) Molecular phylogenetics, evolution and population biology in Brassicaceae. In: Sharma A.K., Sharma A. (eds.) Plant genome: biodiversity and evolution, vol. 1a (phanerogams). Science Publishers, Enfield, NH, USA, pp. 1-35.
  12. Mitchell-Olds T., Al-Shehbaz I. A., Koch M., Sharbel T. F. (2005) Crucifer evolution in the post-genomic era. In: Henry R. J. (ed.) Plant diversity and evolution: genotypic and phenotypic variation in higher plants. CAB International, pp. 119–13
  13. Beilstein M. A., Al-Shehbaz I. A., Kellogg E. A. (2006) Brassicaceae phylogeny and trichome evolution. Amer. J. Bot.
  14. Thomas L. P. Couvreur , Andreas Franzke , Ihsan A. Al-Shehbaz , Freek T. Bakker , Marcus A. Koch , & Klaus Mummenhoff. 2010. Molecular Phylogenetics, Temporal Diversification, and Principles of Evolution in the Mustard Family (Brassicaceae) Mol Biol Evol 27: 55-71.

Véxase tamén

Acetil coencima A

O acetil coencima A, acetil coenzima A, acetilcoencima A, acetilcoenzima A ou acetil-CoA é un tioéster formado por un grupo acetilo de dous carbonos unido ao coencima A. Como os dous compoñentes se unen por un átomo de xofre (S) pertencente ao coencima, ás veces aparece escrita como acetil-S-CoA. É unha molécula moi importante no metabolismo celular. A súa función principal é levar os átomos de carbono das moléculas que se están a oxidar na respiración ao ciclo do ácido cítrico ou de Krebs para producir enerxía.

Quimicamente é un tioéster formado polo coencima (un derivado dun nucleótido e unha vitamina cun grupo -SH) e o ácido acético (o acilo). O grupo acilo pode proceder de diversas substancias. O acetil-CoA prodúcese principalmente durante a segunda fase da respiración celular aerobia na descarboxilación do piruvato, que ten lugar na matriz mitocondrial nos eucariotas, ou durante a beta-oxidación dos ácidos graxos.

O acetil-CoA é tamén un importante compoñente na síntese bioxénica do neurotransmisor acetilcolina. A colina, en combinación con acetil-CoA, convértese por acción do encima colina acetiltransferase en acetilcolina e coencima A libre.

Avelaíña

A avelaíña, matacandís ou velairiña é un insecto próximo á bolboreta. Ambas son da orde dos lepidópteros. Teñen hábitos nocturnos, se ben é certo que tamén hai especies crepusculares e diúrnas.

Moitas especies de avelaíñas son moi ben coñecidas no seu estadio larvario a causa dos danos que causan á froita e outros produtos da agricultura, ou mesmo aparellos domésticos como roupa e libros, dada a voracidade das eirugas.

Brócoli

O brócoli ( pronunciación ) (Brassica oleracea var, italica), do latín brachium (brazo), é unha planta da familia das brasicáceas, antes chamadas crucíferas. Outras especies desta familia son o repolo, a coliflor ou as coles de Bruxelas.

O brócoli posúe abundantes cabezas florais carnosas de cor verde, dispostas en forma de árbore, sobre pólas que nacen dun groso talo comestíbel. É moi semellante á coliflor, mais verde no canto de branca. Dáse en climas frescos, polo que prospera pobremente durante os veráns calorosos. Habitualmente tómase fervido ou ao vapor, pero pódese consumir cru. Ten un alto contido de vitamina C, vitamina E e fibra solúbel.

Brócoli romanesco

O romanesco é a inflorescencia comestible da Brassica oleracea var. botrytis, unha variedade da especie Brassica oleracea á que pertencen tamén a coliflor, o brócoli, a col, o repolo ou a col de Bruxelas. É unha variedade verde de coliflor, da familia das brasicáceas, de forma singular. Como todas as especies desta familia, é rico en nutrientes, vitamina C, fibra soluble, potasio, fósforo, ácido fólico e carotenoides. Consómese cocido ou ao vapor normalmente, inda que tamén se pode utilizar como verdura crúa, en ensalada.

É orixinario de Italia, máis precisamente de Roma. En 1834 o poeta italiano que escribía en romanesco Giuseppe Gioacchino Belli menciona esta verdura nun poema e de aí vén o seu nome. Hai rexistros da súa utilización desde o século XVI, mais só nas últimas décadas veu sendo dispoñible e coñecido noutros países.

A súa forma xeométrica é moi decorativa, e a súa disposición espiralada é moi citada como exemplo de forma fractal na natureza, e ilustra as leis da filotaxia.A cantidade de inflorescencias do que se compón o brócoli romanesco é un número Fibonacci.

Capsella

O xénero Capsella pertence á familia das brasicáceas. A especie máis común é o panqueixo ou herba dos dentes (Capsella bursa-pastoris).

Col

A col ou coia é un termo botánico xeral que se refire a distintas variedades cultivadas a partir da especie Brassica oleracea (col brava ou col de pena). Son plantas do xénero Brassica pertencentes á familia das brasicáceas. Teñen grande importancia na alimentación, e moita na gastronomía galega, xa que hortícolas coma o repolo, as verzas, o brócoli, as coles de Bruxelas ou a coliflor son variedades desta mesma especie.

A col tamén recibe os nomes dialectais de coia, coella, coube e coubella.

Dicotiledóneas

Magnoliopsida é un taxón de plantas que foi empregado en sistemas de clasificación moi populares como o de Cronquist (Cronquist 1981, 1988), os subtaxóns que o conforman coinciden coas dicotiledóneas (chamadas deste xeito por teren durante as primeiras etapas do desenvolvemento dous cotiledóns), que polo tanto é un sinónimo deste taxón. Polo tanto chámaselles dicotiledóneas ás plantas que teñen un embrión con dous cotiledóns que ó desenvolvérense darán lugar a dúas folliñas.

As dicotiledóneas forman unha das grandes clases nas que se dividen as anxiospermas, a outra é monocotiledóneas.

As dicotiledóneas están formadas por 5 grupos monofiléticos, o maior de eles foi chamado Eudicotyledoneae (eu- quere dicir "verdadeiro"). As eudicotiledóneas comprenden o 75% das especies de anxiospermas[Cómpre referencia], e posúen moitos dos caracteres que antes se atribuíran ás dicotiledóneas, como o pole tricolpado (e os derivados deste).

Froito

En botánica, o froito é o órgano procedente da flor, ou de partes dela, que contén ás sementes ata que estas maduran e logo contribúe a ciscalas. Desde un punto de vista ontoxenético, o froito é o ovario desenvolvido e maduro das plantas con flor. A parede do ovario se engrosa ao transformarse na parede do froito e denomínase pericarpo, cuxa función é protexer ás sementes. Con frecuencia participan tamén na formación do froito outras partes da flor ademais do ovario, por exemplo o cáliz ou o receptáculo.O froito é outra das adaptacións, conxuntamente coas flores, que contribuíu ao éxito evolutivo das anxiospermas. Así como as flores atraen insectos para que transporten pole, tamén moitos froitos tratan de atraer animais para que dispersen as súas sementes. Se un animal come un froito, moitas das sementes que este contén percorren o tracto dixestivo do animal sen sufrir dano, para despois caer nun lugar idóneo para a súa xerminación. Con todo, non todos os froitos dependen de ser comestibles para dispersarse. Outros, como os figo chumbo, dispérsanse aferrándose ao pelame dos animais. Algúns forman estruturas aladas para poder dispersarse co vento, como os pradairos. A variedade de tipos de froitos que desenvolveron as anxiospermas a través da súa evolución permitiulles invadir e conquistar todos os hábitats terrestres posibles.Nas plantas ximnospermas e nas plantas sen flores non hai verdadeiros froitos, aínda que a certas estruturas reprodutivas como os piñóns dos piñeiros, comunmente tomáselles por froitos.Moitas plantas cultívanse porque dan certos froitos comestíbeis e a miúdo fragrantes, saborosos e apetecíbeis chamados froitas.

Mostardeira brava

A mostardeira brava (Thlaspi perfoliatum) é unha especie dea familia das brasicáceas.

Mostaza

O termo mostaza pode referirse a:

Varias especies da familia das brasicáceas, así como os seus grans, a saber:Mostaza branca, Sinapis alba.

Mostaza negra, xebra ou Brassica nigra.

Mostaza parda, ou Brassica juncea.O nome dun condimento feito a partir da semente da mostaza, utilizado na cociña e na gastronomía de moitos países. Véxase: Mostaza (condimento).

O nome dun ton de cor amarela, ou amarelo mostaza.

O nome dun gas utilizado como arma química, o Gas mostaza ou Yperita.

Nabiza

A nabiza, tamén chamada rabiza, é a folla tenra do nabo (Brassica rapa L.) planta da familia das crucíferas ou brasicáceas.

As nabizas son as primeiras follas do nabo, antes de que esta planta entre en floración, xa que daquela denomínanse grelos, que teñen características organolépticas diferentes.

En Galicia é a verdura típica do outono para facer o caldo galego, e tamén se utiliza como ingrediente dos primeiros cocidos, e mesmo do Lacón con grelos.

A dicir de Eladio Rodríguez, as nabizas son as

E segundo Emilia Pardo Bazán, falando do caldo galego, di

Nabo

O nabo (Brassica rapa L.), é unha planta da familia das crucíferas ou brasicáceas (a familia das coles e os repolos) cultivada comunmente como hortaliza nos países de climas temperados de todo o mundo pola súa suculenta raíz napiforme, e tamén para o consumo das súas follas. As variedades de raíz tenra utilízanse para o consumo humano, mentres que as maiores se destinan a forraxe para o gando.

Os nabos son moi populares en Europa, en particular nas rexións máis frías, xa que se poden almacenar durante varios meses despois da colleita. Tamén poden crecer en forma silvestre. En Galiza foi un dos cultivos máis estendidos como indica a microtoponimia; hoxe en día o consumo humano da raíz (chamada comunmente carola, cachola ou carocha) non é común, porén si seguen a ser moi populares as nabizas e grelos (follas e rebentos respectivamente da mesma planta).

Panqueixo

Para a flor amarela tamén chamada panqueixo ver o artigo: Cáncaro.

O panqueixo, herba dos dentes ou herba dos montes (Capsella bursa-pastoris) é unha planta herbácea anual da familia das brasicáceas. Planta comestible, consómense en ensalada as súas follas tenras, que son de pequeno tamaño e con forma de corazón. Tamén se utiliza tradicionalmente como planta medicinal pola súa capacidade para controlar as hemorraxias.

Ravo

O ravo, de nome científico Raphanus sativus, é unha hortaliza bianual da familia das Brasicáceas, cultivado polos seus característicos hipocotilos, (a parte do talo situado baixo os cotiledóns) de consistencia carnosa. O ravo consómese normalmente cru, sobre todo en ensaladas. O termo designa tamén por extensión á planta que o produce. Os seus froitos preséntanse nunha especie de cápsulas chamadas sílicuas.

Repolo

O repolo (Brassica oleraceae var. capitata) é unha variedade de col, planta comestible da familia das brasicáceas. É unha herbácea bienal, cultivada como anual, cuxas follas poden ser ovais, oblongas ou lisas e forman unha cabeza moi característica.

As diferentes variedades foron obtidas a partir da especie brava, coñecida xa desde hai séculos, a través dos cruzamentos e da selección para as adaptar a condicións climáticas diferentes.

Emprégase moito na gastronomía galega, especialmente polo inverno, en caldos e cocidos.

Sinigrina

A sinigrina é un glicosinolato que pertence á familia dos glicósidos que se encontra nalgunhas plantas da familia das brasicáceas como as coles de Bruxelas, brócoli, e en sementes de mostaza negra (Brassica nigra) entre outras moitas. Cando os tecidos da planta que conteñen sinigrina son esmagados, relados ou danados, o encima da planta mirosinase degrada a sinigrina orixinando aceite de mostaza (alil isotiocianato), que é responsable do sabor picante da mostaza e do ravo picante (Armoracia rusticana). As sementes da mostaza branca, Sinapis alba, orixinan unha mostaza moito menos picante porque esta especie contén un glicosinato diferente chamado sinalbina.

O nome químico da sinigrina é alilglicosinolato ou 2-propenilglicosinolato.

A sinigrina é tamén alelopática (os seus produtos químicos inflúen no crecemento doutros organismos)..

Sílicua

A sílicua é un froito simple, seco e dehiscente (con valvas que abren trala súa maduración), caracterizado por ter unha cápsula formada por dous carpelos soldados que, unha vez madura, ábrese, deixando as sementes ó descuberto. As sementes aparecen enganchadas a unha especie de tabique central ou replo que permanece trala caída das valvas. Os froitos de moitas das brasicáceas como a mostaza, o ravo, a col silvestre ou a colza son exemplos de sílicuas; aínda que tamén hai outras familias achegadas ás brasicáceas que tamén teñen este tipo de froito, como as papaveráceas ou as fumariáceas.

As sílicuas teñen xeralmente forma alongada. As que son curtas, máis ou menos do mesmo ancho que largo (ou como moito, o dobre de longas que anchas), denomínanse silículas (este é o tipo de semente da Lunaria ou o da Lobularia maritima).

Ácido 11-eicosenoico

O ácido 11-eicosenoico, tamén chamado ácido gondoico, é un ácido graxo monoinsaturado omega-9, que se encontra en diversos aceites vexetais e de noces; especialmente no aceite de jojoba e tamén en graxas animais. É un dos ácidos eicosenoicos.

É un composto que é sólido a baixas temperaturas e funde a 23-24 °C. É insoluble en auga e soluble en etanol e metanol.Foi illado por primeira vez en 1934 polos científicos xaponeses Y. Toyama e T. Ishikawa do aceite dos delfínidos caldeiróns. Tamén se atopa en aceites de sementes de Cardiospermum halicacabum, mostaza e outras brasicáceas; é especialmente abundante no aceite de Carmelina sativa; tamén se atopa no aceite de peixes do xénero Brevoortia, o bacallau atlántico e no fígado do Squalus acanthias e nas feces de Delphinapterus leucas (beluga o balea branca).

Ácido erúcico

O ácido erúcico é un ácido graxo monoinsaturado (cun só dobre enlace no carbono 13) e omega-9 (co dobre enlace no 9º carbono empezando polo final), designado como 22:1ω9 e coa fórmula CH3(CH2)7CH=CH(CH2)11COOH. É abundante nas sementes da planta Erysimum, e o aceite de colza ten un contido do 20 ao 54% de ácido erúcico (os aceites de colza alimentarios teñen o 2% ou 5%), e o aceite de mostaza ten un 42%. A xeometría do seu dobre enlace é cis, polo que tamén se chama ácido cis-13-docosenoico. Ten un isómero trans chamado ácido brasídico.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.