Boreal

Dise da localización orientada cara ó norte, tamén chamada ártico ou setentrional. O nome procede do étimo en latín borealis, e polo tanto en contraposición ó austral. A súa orixe procede de que era o lugar de onde procedia o vento chamado bóreas (Boreas).

O hemisferio boreal é o hemisferio norte, a zona da Terra (ou corpo celeste do que se esteña a tratar) por riba do ecuador.

Andrómeda (constelación)

Andrómeda é unha constelación boreal situada ó Sur de Cassiopeia e preto de Pegasus. Toma o seu nome da princesa Andrómeda. As súas estrelas non son de gran brillo. Comparte unha estrela coa constelación de Pegaso, é a estrela branco-azulada da esquina noroeste do cadrado de Pegaso, denominada Alpheratz ou Sirrah e é a Alfa Andromedae. O obxecto astronómico máis importante da constelación é a Galaxia de Andrómeda que se atopa a máis de 2 millóns de anos luz e é visible a simple vista.

Aurora polar

Unha aurora polar (que pode ser austral ou boreal) prodúcese cando unha exección de masa solar choca cos polos norte e sur da magnetosfera terrestre, producindo unha luz difusa pero predominante proxectada na ionosfera terrestre, composta de partículas cargadas que emiten a cor ó tempo que varían a súa traxectoria ó interactuar co campo magnético terrestre e a atmosfera. As auroras son unha manifestación da 'temperie espacial'.

Balea de Groenlandia

A balea de Groenlandia, tamén coñecida como balea franca boreal, Balaena mysticetus Linnaeus, 1758, é unha especie de mamífero da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos, da familia dos balénidos, única representante actual do xénero Balaena.

A especie foi obxecto de activa caza, de xeito que a súa poboación estaba gravemente ameazada de extinción antes da moratoria de 1986 decretada pola CBI.

Na actualidade o número total de exemplares estímase nuns 24 900 en toda a súa área de distribución.

Ceo

O ceo é a parte do espazo que aparece sobre a terra como unha bóveda que limita co horizonte. O cénit é o punto do ceo que se corresponde coa vertical do lugar, e o seu oposto denomínase nadir.

En astronomía, ceo é sinónimo de esfera celeste: unha bóveda imaxinaria sobre a cal se distribúen o Sol, as estrelas, os planetas e a lúa. A esfera celestial divídese en rexións denominadas constelacións.

En meteoroloxía o termo ceo fai referencia á zona gasosa máis densa da atmosfera dun planeta.

Tamén aparecen fenómenos naturais como son as nubes, os arco da vella, aurora boreal e relampos (que se poden ver durante tormentas eléctricas). Como resultado das actividades humanas, a néboa vese a miúdo sobre cidades durante as primeiras horas do día.

Corona Borealis

Corona Borealis ou Coroa Boreal é unha pequena constelación boreal. As súas principais estrelas forman un arco semicircular. Esta é unha das 88 constelacións modernas, e foi tamén unha das 48 constelacións listadas por Tolomeo, quen referiu á constelación coma Coroa. A palabra Borealis foi engadida despois, en contraste coa Corona Australis, a Coroa Austral.

Non ten estrelas de primeira magnitude. A súa estrela máis brillante, α CrB (Alphecca, tamén coñecida coma Gemma) ten unha magnitude de 2,2 (lixeiramente variable) e é considerada membro difuso da asociación estelar da Ursa Major. A constelación contén moitas estrelas variables interesantes: dúas das máis coñecidas son R Coronae Borealis e T Coronae Borealis.

Estacións do ano

Para datos sobre estacións de ferrocarril en Galicia, véxase Lista de estacións de tren de Galicia

As estacións do ano son as 4 subdivisións do ano baseadas en padróns climáticos e con base astronómica. Debido á influencia da translación asociada á mudanza no eixo de inclinación da Terra, estas mudan ao longo do ano. As catro estacións do ano son:

Primavera (entre o equinoccio de primavera e o solsticio de verán).

Verán (entre o solsticio de verán e o equinoccio de outono).

Outono (entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno).

Inverno (entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primavera).

Hemisferio

Un hemisferio (do latín, e á súa vez do grego; hemi= medio e sphaira= esfera) é cada unha das metades en que un plano que pasa polo o seu centro divide unha esfera.

Na Terra considéranse os hemisferios a partir da Liña do Ecuador. Ao norte, o chamado hemisferio boreal ou hemisferio norte, e ao sur o chamado hemisferio austral ou hemisferio sur.

Tamén, a partir do Meridiano de Greenwich (lonxitude 0º), divídese á Terra nun hemisferio oriental e un hemisferio occidental.

Os mesmos conceptos aplícanse á esfera celeste.

Hemisferio norte

O hemisferio norte (ou boreal ou setentrional) é a metade da Terra ao norte do ecuador. Este hemisferio contén ó redor do 89-90% da poboación humana.

Nas rexións temperadas do hemisferio o inverno vai dende decembro ata febreiro e o verán vai dende xuño ata agosto.

Debido aos movementos da Terra, teoricamente os invernos do hemisferio norte deberían ser máis curtos e menos severos que os do hemisferio sur a latitudes equivalentes. Na práctica, os efectos moderadores dos océanos do hemisferio sur fan que sexan moi similares.

As rexións ao norte do Círculo Polar Ártico experimentan fases no verán nas que o sol nunca se pon, e fases no inverno nas que o sol nunca sae. A duración destas fases poden variar dende varios días nas zonas próximas ao círculo polar ata varios meses no Polo Norte.

Latitude

Latitude é un termo usado na xeografía e cartografía. No globo terrestre, é o ángulo que establece, co plano do ecuador terrestre, un raio que vaia dun determinado observador ou lugar ao centro da Terra. Na Liña do Ecuador a latitude é de 0º, no polo Norte é 90º (indicado 90º N) e no polo Sur é -90º (indicado 90ºS). Así, as latitudes positivas, 'por riba' do ecuador, corresponden ó hemisferio norte (chamado tamén hemisferio boreal), e as negativas, 'por baixo' do ecuador, ó hemisferio sur (ou austral).

Lince

A palabra lince pode ter varios significados:

En zooloxía lince é o nome que reciben as catro especies do xénero Lynx, da familia dos félidos:Lince común, tamén chamado lince europeo, lince boreal e lobo cerval;

Lince canadense, tamén chamado lince do Canadá, lince polar, lince azul e lobo cerval;

Lince ibérico.

Lince roxo.Tamén se denomina ás veces lince caracal, lince do deserto ou lince de Persia a outro félido, que non é un verdadeiro lince, o caracal.En astronomía, o Lince designa unha constelación.

A Academia dos Linces (en italiano Accademia dei Lincei) é a máis antiga academia científica de Europa.

Musca Borealis

Musca Borealis, a Mosca Boreal, foi unha pequena e feble constelación situada entre Aries, Triangulum e Perseus. Actualmente xa non forma parte das constelacións oficiais e as súas estrelas volveron á constelación de Aries. A súa estrela máis brillante era Bharani (41 Arietis), de magnitude aparente 3,61.

A historia e a orixe de Musca Borealis son confusos; o primeiro en introducila foi Petrus Plancius no 1612 baixo o nome de Apis, a abella. Máis tarde Jakob Bartsch cambioullo por Vespa (a avéspora) no seu atlas de 1624, nome que tamén lle foi dado nos seus comezos á actual Musca, a cal atopase ó sur de Crux. O astrónomo Johannes Hevelius rebautizouna coma Musca no seu atlas de 1690, se ben despois engadiulle o termo Borealis para distinguila da Musca Australis.

Musca Borealis foi rexeitada no século XVIII pola meirande parte dos astrónomos debido á confusión de nomes que orixinaba xunto con Musca (Australis), aínda que non por isto deixaron de aparecer asterismos coas mesmas estrelas. Por exemplo, as mesmas estrelas foron utilizadas no 1674 polo francés Ignace-Gaston Pardies para formar Lilium, a flor de lis de Francia, pero este asterismo nunca chegou a ser unha constelación.

Norte

Norte ou setentrión, símbolo N, é un dos catro puntos cardinais da Rosa dos Ventos, que ven orientado pola Estrela Polar. A orientación determinada polo norte tamén se adxectiva coma ártico, boreal ou setentrional. O seu punto cardinal oposto é o sur.

Plasma (estado da materia)

O plasma é o estado da materia que ocorre no interior do Sol e demais estrelas; que consiste nunha "sopa" de electróns libres e ións. A materia suxeita ao estado de plasma atinxe temperaturas tan altas que os seus átomos comezan a perder electróns e estes tórnanse libres.

A palabra plasma ven da medicina onde se utiliza para indicar unha perturbación ou estado non distinguíbel. O termo plasma na física, utilizouse pola primeira vez polo físico americano, Irving Langmuir no 1928, cando estudaba descargas eléctricas en gases.

Na superficie da Terra o plasma só se forma en condicións especiais. Debido a que a forza gravitacional da Terra é débil para reter o plasma, non é posíbel mantelo confinado por longos períodos como acontece no Sol. O Sol, así como todas estrelas que emiten luz, atópanse neste cuarto estado da materia. Na ionosfera terrestre, temos o xurdimento da Aurora boreal, que é un plasma natural, así como o lume. Son sistemas compostos por un gran número de partículas cargadas, distribuídas dentro dun volume (macroscópico) onde haxa a mesma cantidade de cargas positivas e negativas.

Este medio recibe o nome de Plasma, e chamouse polo físico inglés W. Clux do cuarto estado fundamental da materia, por conter propiedades diferentes do estado sólido, líquido e gasoso.

Esta mudanza de estado acontece da seguinte forma: ao adicionarmos calor ao sólido este transfórmase en líquido; se adicionarmos máis calor, este transfórmase en gas e se aquecermos este gas a altas temperaturas, obtemos o plasma. Sendo así, se colocarmos en orde crecente conforme á cantidade de enerxía que a materia posúe teremos:

SÓLIDO LÍQUIDO GASOSO PLASMA

A importancia do estudo de física de plasma dáse en función de que, a materia do universo é nun 99% materia ionizada en forma de plasma; ou sexa, no planeta Terra, onde a materia se atopa normalmente nos tres estados: sólido, líquido e gasoso, pódese dicir que en relación ao Universo, vivimos nun ambiente especial e raro.

Como o plasma está a altísima temperatura, a axitación dos seus átomos é tan grande que as colisións entre partículas é moi común, non podendo ser mantido cohesionado o átomo, a forza nuclear forte non é xa capaz de manter o núcleo atómico estábel e nin existen combinacións entre os electróns libres, entón tamén non temos a actuación da forza nuclear fraca.

Polo xeográfico

Os polos xeográficos son os dous puntos da superficie terrestre por onde a globo terrestre é atravesada polo eixe terrestre. Ao situado no extremo norte chámaselle polo norte, polo boreal ou polo ártico, e ao situado no extremo sur polo sur, polo meridional ou polo antártico.

Os polos (norte e sur) teñen ambos unha latitude xeográfica de noventa graos (norte e sur, respectivamente). Ao seren os puntos onde coinciden todos os meridianos, non teñen lonxitude xeográfica.

As latitudes polares son as situadas por riba (en termos de latitude) dos círculos polares, onde se sitúan as rexións polares, que coinciden a grandes trazos coa denominada zona fría ou de clima frío en climatoloxía.

Por extensión, pode falarse de polos en calquera esfera con eixe de rotación, especialmente para os planetas.

Rorcual boreal

O rorcual boreal, Balaenoptera borealis Lesson, 1828, é un unha especie de mamífero mariño da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos e familia dos balenoptéridos.

Despois de ser cazado a grande escala nos mares do sur a mediados do século XX, época na que se mataron uns 200 000 exemplares, o rorcual boreal é hoxe unha especie protexida internacionalmente.

Rosáceas

As rosáceas (Rosaceae) son unha familia de plantas (e árbores) da orde Rosales.

É unha das familias máis importantes, por número de especies (case 3000), a súa importancia económica, e a súa ampla distribución (cosmopolita). A familia Rosaceae inclúe a maior parte das especies de froitas de consumo masivo: mazá, pera, marmelo, pexego, ameixa, cereixa, amorodo, améndoa, amora, framboesa etc. Tamén inclúe moitas especies ornamentais, principalmente, as rosas, flores por excelencia, con importancia para a xardinaría e a industria de perfumaría.

A familia das rosáceas é grande, cuns 100 xéneros, nos que se reparten ao redor de 3.000 especies, cuxa distribución é case mundial, orixinarias sobre todo das rexións tépedas e subtropicais do hemisferio boreal. Os xéneros máis numerosos son: Potentilla (300 especies), Prunus (200), Rosa (100) e Spiraea (100).

Salicaceae

Salicaceae, as Salicáceas, son unha familia de plantas pertencente á orde Malpighiales. Compóñenas árbores ou arbustos caducifolios e dioicos. As follas son alternas, simples, estipuladas. Flores inconspicuas, unisexuais, aclamídeas, acompañadas de brácteas e reunidas en amentos (candeas) pénsiles ou erectos. Anemófilos e entomófilos (Salix); periantio copiforme ou nulo, androceo con 2 - 10 estames; xineceo bicarpelar sincárpico de carpelos abertos; numerosos óvulos; flores acompañadas de bracteas. Froitos en cápsula loculicida, que se abre mediante 2-4 valvas; con sememtes numerosas, pequenas, orladas de pelos (diseminación anemocora), con curto poder xerminativo. Reprodución vexetativa importante.

Comprenden unhas 300 especies de climas temperados e fríos, principalmente do hemisferio boreal. Forman lamigueirais e salgueirais de ribeira.

Taiga

A taiga (pronunciado /'taɪgə/ ou /taɪ'gə/, do ruso тайга́), tamén coñecida por bosque de coníferas, ou bosque boreal, é un bioma comumente atopado no norte de Alasca, Canadá, sur da Groenlandia, parte de Noruega, Suecia, Finlandia, Siberia e Xapón.

No Canadá, emprégase o termo bosque boreal para designar a parte meridional dese bioma, e o termo taiga é usado para designar as áreas menos arboradas ao sur da liña de vexetación arbórea do Ártico.

En Galiza, Portugal e no Brasil, o termo taiga é xeralmente empregado para designar os bosques rusos, en tanto que se usa bosque boreal ou bosque de coníferas para referirse aos bosques dos restantes países.

Zifio caldeirón

O zifio caldeirón, ou zifio caldeirón boreal, Hyperoodon ampullatus, é unha das dúas especies de cetáceos odontocetos do xénero Hyperoodon da familia dos zifíidos.

A especie foi definida en 1770 por Johann Reinhold Forster como Balaena rostrata e, posteriormente, en 1804 refefinida e reclasificada no xénero Hyperoodon por Lacépède, que a denominou Hyperoodon butskopf; pero, debido á regra da antigüidade, dada a primacía da súa descrición por Forster, o nome científico válido na actualidade é Hyperoodon ampullatus (Forster, 1770).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.