Boletín Oficial del Estado

O Boletín Oficial del Estado (ou, na forma abreviada, BOE) é o diario oficial do Estado Español do que se encarga a Axencia Estatal do Boletín Oficial del Estado, dependente do Ministerio da Presidencia, e no que se publican as normas xurídicas e outras disposicións e actos de inserción pública obrigatoria.

O seu obxectivo é poñer á disposición de tódolos administrados os textos legais de obrigado cumprimento, sendo esta publicación o requisito imprescindible para a entrada en vixencia desas normas. Por tal motivo é unha publicación de referencia para todo xurista e persoa relacionada coa Administración central, aínda que afecte a tódolos cidadáns.

BOE logo

Funcións da Axencia Estatal

  • Impresión, distribución e venda do Boletín Oficial del Estado.
  • Impresión, distribución e venda do Boletín Oficial del Registro Mercantil.
  • Publicación de repertorios, compilacións, textos legais e separatas de disposicións de especial interese.
  • Publicación de estudos científicos ou técnicos dos distintos órganos da Administración central ou de entidades públicas ou privadas coas que existan convenios.
  • Creación de bases de datos lexislativas a partir do BOE ou doutras publicacións lexislativas.
  • Distribución e comercialización das súas propias publicacións ou das editadas por outras Administracións e organismos oficiais.

Historia

En 1661 naceu a Gazeta, o primeiro periódico de información xeral que se publica en España. En 1697 pasou a chamarse a Gaceta de Madrid, co mesmo ámbito xeralista, pero o rei Carlos III, en 1762, asume a publicación e convérteo no medio de información oficial que reflicte a política e as decisións do Goberno. Co tempo, entre 1808 e 1814, aparecen diferentes Gacetas nalgunhas outras localidades, que coexisten coa Gaceta real.

Por fin, en 1836 establécese o principio legal de que os Decretos, Ordes e Instrucións que dite o Goberno só serán de aplicación a partir da súa publicación na Gaceta, converténdose así no actual órgano de expresión lexislativa e regulamentaria. En 1886 modifícase a estrutura da Gaceta, que perde a súa condición xeralista, e pasa a publicar exclusivamente documentos de índole legal e administrativa, regulándose os distintos tipos de normas (Lei, Real decreto, Real orde, Resolución etc.) e a súa prioridade lexislativa.

Trala sublevación de 1936, o Goberno de Francisco Franco creou a denominación de Boletín Oficial del Estado, mentres que o Goberno republicano seguía publicando a Gaceta, e mantivo este nome ata 1961, cando pasou a denominarse Boletín Oficial del Estado-Gaceta de Madrid. En 1986 recuperou o nome definitivo de Boletín Oficial del Estado.

En 1997, apróbase a publicación do BOE nas linguas cooficiais, aparecendo en 1998 en catalán e en galego, e no 2000 en valenciano.

O 31 de decembro de 2008 publicouse por última vez en formato papel, pasando a ser accesible só por Internet e con carácter gratuíto, mantendo os mesmos efectos administrativos e coa mesma consideración de oficial e auténtico. Aínda así manterase unha edición impresa limitada á Biblioteca Nacional e ó Ministerio da Presidencia, como copias de seguridade e de recordo, garantindo así a continuidade como parte do patrimonio documental da Administración Xeral do Estado.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

31 de decembro

O 31 de decembro é o 365º día do ano do calendario gregoriano e o 366º nos anos bisestos. É o derradeiro día do ano.

Baltasar Garzón

Baltasar Garzón Real, nado en Torres (Xaén) o 26 de outubro de 1955, é un xuíz español. Foi xuíz dende 1981 e maxistrado do Xulgado Central de Instrución n.º 5 da Audiencia Nacional dende 1988 até 2012 (agás dende maio de 1993 até maio de 1994), tivo ó seu cargo a investigación dalgúns dos delitos de maior relevancia que se produciron en España durante aquela época: crimes contra a humanidade, terrorismo, terrorismo de Estado, narcotráfico, corrupción política e delincuencia económica.

Presentouse como candidato independente a deputado nas listas do PSOE en 1993 e, ó constituírse o executivo, foi nomeado delegado do Goberno no Plan Nacional sobre Drogas, con rango de secretario de Estado. En maio de 1994 abandonou ámbolos dous cargos.O 22 de febreiro de 2012 foi expulsado da carreira xudicial logo de ser condenado polo Tribunal Supremo a once anos de inhabilitación por un delito de prevaricación cometido durante a instrución do caso Gürtel. Dende entón, exerceu, entre outros cargos, o de asesor do Tribunal Penal Internacional da Haia ou o de director da defensa xurídica do fundador de Wikileaks, Julian Assange. O 29 de novembro de 2012 recibiu de mans da presidenta da Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, o seu documento de identidade de residente estranxeiro na Arxentina. Alí foi coordinador de asesoramento internacional na secretaría de Dereitos Humanos do Ministerio de Xustiza, até que renunciou ó posto en xaneiro de 2016, logo do fin do mandato de Kirchner. En Colombia, asesorou á Fiscalía Xeral. En Ecuador foi designado coordinador da Veeduría Internacional á Reforma da Xustiza, cuxo informe final foi presentado o 13 de decembro de 2012.

Casa da Aduana da Coruña

A Aduana Real é un edificio de estilo clasicista situado no barrio da Pescadería da Coruña.

Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) é o colexio profesional oficial de arquitectos de Galicia. Forma parte do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.

Diario Oficial de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) é o diario oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se divulgan con carácter oficial as normas xurídicas e outros actos da administración e do goberno galego para que produzan os efectos xurídicos correspondentes.

Día da Ciencia en Galicia

A instauración do Día do Científico Galego foi unha iniciativa do presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Profesor Ernesto Viéitez Cortizo, para que servira de homenaxe de recoñecemento a aqueles científicos que, ben nacidos en Galicia, ben nacidos en calquera outra parte, pero realizaran a súa carreira científica en Galicia, houberan contribuído ao desenvolvemento do coñecemento e da innovación de maneira notábel e significativa.

O día 6 de xullo de 2006 reuniuse o Pleno da Academia nas instalacións do Real Club de Mar de Aguete, Marín (Pontevedra) e, no punto cuarto da Orde do Día, o presidente propón ao Pleno "a posibilidade de instaurar, con carácter anual, o Día do Científico Galego, como recoñecemento e homenaxe a todas as personalidades relevantes que traballaran no campo da investigación científica". A iniciativa foi acollida con satisfacción por todos os académicos.

Tívose claro que a data idónea era a do 23 de abril, porque a constitución oficial da RAGC publicouse no Boletín Oficial del Estado (BOE) o 23 de abril de 1977. O primeiro día celebrouse o 23 de abril de 2008.

O 18 de decembro de 2014 a denominación pasa a ser Día da Ciencia en Galicia, aprobado o troco polo pleno da RAGC. Este troco faise porque, segundo o seu propio comunicado, "reflexa dun modo máis directo o obxectivo da celebración, que non e outro que a promoción social da Ciencia en Galicia".

Día das Canarias

O Día das Canarias é un día festivo en todas as illas das Canarias, que se celebra o 30 de maio. Conmemórase con este día o aniversario da primeira sesión do Parlamento das Canarias, con sede na cidade de Santa Cruz de Tenerife, levada a cabo o 30 de maio de 1983, uns dez meses despois de publicarse o Estatuto de Autonomía das Canarias no Boletín Oficial del Estado. Este primeiro parlamento foi presidido por Pedro Guerra Cabrera. O Estatuto das Canarias publicouse o 10 de agosto de 1982, e, a semellanza doutros estatutos das demais comunidades autónomas de España, recoñecía unha maior autoxestión do arquipélago canario dentro de España.

Eduardo García-Rodeja Fernández

Eduardo García-Rodeja Fernández, nado o 11 de febreiro de 1922 en Oviedo e finado o 13 de setembro de 2005 en Santiago de Compostela, foi un matemático español. É considerado un dos principais impulsores do desenvolvemento da Matemática en Galicia no século XX.

Eleccións xerais de España de 2015

O domingo 20 de decembro de 2015 celebráronse eleccións a Cortes Xerais en España. Foron as duodécimas desde a transición á democracia e as primeiras con Filipe VI como Rei de España.

Os 36.510.952 cidadáns con dereito a voto, 34.635.680 residentes no país e 1.875.272 no estranxeiro, decidiron a renovación de 558 dos 616 escanos que conforman as Cortes Xerais: os 350 do Congreso dos Deputados e os 208 de elección directa do Senado. Tras estas eleccións comenzará a XI lexislatura das Cortes Xerais.

Foron convocadas polo Rei, a proposta do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e previa deliberación do Consello de Ministros, mediante a expedición do real decreto de disolución das Cortes Xerais e convocatoria de eleccións, que entrou en vigor un día despois mediante a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, en cumprimento do artigo 115 da Constitución e do 42, apartado primeiro, da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeneral.Ese mesmo día celebráronse eleccións locais parciais en 30 municipios e en 113 entidades de ámbito territorial inferior al municipio que tralas eleccións do 24 de maio tiveron que ser repetidas pola falta de candidatos.O vencedor das eleccións foi o Partido Popular, presidido e liderado polo presidente Mariano Rajoy, que obtivo no Congreso dos Deputados unha maioría simple de 123 escanos (63 menos que en 2011) e un 28,72 % dos sufraxios, seguido do Partido Socialista Obrero Español de Pedro Sánchez, que obtivo o 22,01 % dos votos, o que se traduciu en 90 deputados (20 menos que nos anteriores comicios, o seu peor resultado na actual democracia). O partido liderado por Pablo Iglesias, Podemos, presentouse por primeira vez a unhas xerais e obtivo 42 deputados (un 12,76% dos votos), que sumado ás coalicións electorais autonómicas En Comú Podem (12 parlamentarios, 3,72 % dos votos), Compromís-Podemos-És el moment (9, 2,69 %) e En Marea (6, 1,64 %), todas elas vinculadas a Podemos e outras formacións de esquerda, deron un total de 69 deputados e o 20,66 % dos votos. O outro partido emerxente, Cidadáns - Partido da Cidadanía, con Albert Rivera á fronte, obtivo 40 deputados (un 13,93 % dos votos). O resto do arco parlamentario quedou configurado por Esquerra Republicana de Catalunya-Catalunya Sí (9, 2,39 %), Democràcia i Llibertat (8, 2,25 %), o Partido Nacionalista Vasco (6, 1,20 %), Unidad Popular: Izquierda Unida, Unidad Popular en Común (2, 3,67 %), Euskal Herria Bildu (2, 0,87 %) e Coalición Canaria-Partido Nacionalista Canario (1, 0,33 %). Unión Progreso y Democracia, Unión Democrática de Cataluña, o Bloque Nacionalista Galego —que se presentaba na candidatura Nós— e a coalición Geroa Bai, que tiveron representación na x lexislatura, non obtiveron ningún escano.No Senado, o Partido Popular mantivo a maioría absoluta, con 124 escanos dos 208 de designación libre en xogo, aínda que perdeu 12. O Partido Socialista Obrero Español perdeu uno, obtendo 47, seguido de Podemos (9), Esquerra Republicana de Catalunya-Catalunya Sí (6, seis máis que en 2011), Democràcia i Llibertat (6), o Partido Nacionalista Vasco (6), En Comú Podem (4), En Marea (2) e Compromís-Podemos-És el moment, Cambio-Aldaketa, Coalición Canaria-Partido Nacionalista Canario e a Agrupación Socialista Gomera (todos eles cun representante).

Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas de Vigo

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas é o centro da Universidade de Vigo que imparte estudos, tanto de títulos de grao como de posgrao, en Enxeñaría de minas.

Estatuto de Autonomía de Melilla

O Estatuto de Autonomía de Melilla é a norma institucional básica da cidade autónoma de Melilla, en España. Trátase dunha lei orgánica aprobada o 13 de marzo de 1995 e que se publicou no Boletín Oficial del Estado o día seguinte, xunto ao equivalente da cidade de Ceuta.

Estableceu ao municipio como cidade autónoma, pois antes era un municipio pertencente á provincia de Málaga. Foi consecuencia dun proceso de 17 anos que se orixinou a partir Disposición Transitoria Quinta da Constitución de 1978 que permitía a posterior constitución de Ceuta e Melilla en comunidades autónomas.

Falange Española Tradicionalista y de las JONS

Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET y de las JONS, en galego: Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista) era o nome do partido único da España franquista creado o 19 de abril de 1937, a iniciativa da xefatura do denominado Estado Nacional, por fusión dos distintos partidos e movementos que apoiaban a sublevación militar (denominada Alzamento Nacional) que iniciou a guerra civil española, e que non desapareceron realmente, senón que se articularon nas denominadas familias do franquismo.

FET y de las JONS concibiuse como a rama política do denominado Movimiento Nacional, concepto máis amplo co que se definía ao complexo mecanismo totalitario de inspiración fascista que pretendía ser a única canle de participación na vida pública española. O seu discurso político expresaba tamén a mestura de elementos ideolóxicos e retóricos fascistas, ultranacionalistas, militaristas, tradicionalista, conservadores, católicos (ou nacionalcatólicos), monárquicos etc.

N-559

A N-559 ou Conexión A-52 / N-120 é unha estrada nacional convencional que conecta a A-52 coa N-120 no limiar entre as comarcas do Condado e a da Paradanta. Atravesa os concellos das Neves, A Cañiza, Mondariz e Covelo, cun percorrido de 5,61 quilómetros.

Parque

Un parque é ou ben unha área natural, semi-natural ou unha plantación que se emprega para lecer e xogo de persoas ou ben unha área de protección da vida salvaxe ou hábitats.

Os parques como os parques urbanos ou xardíns urbanos son espazos verdes para a o lecer e que se atopan dentro de cidades, urbanizacións ou outros puntos de interese similares.

Outros parques destínanse á protección de grandes áreas naturais conservadas ou con certo interese de conservacións. Tanto poden ser espazos de gran tamaño, onde abundan especies ou ecosistemas de interese de conservación ou protección, como pequenas áreas cun interese paisaxístico, xeolóxico ou de conservación biolóxica. Algunhas destes parques puideron ser declarado polos estados como áreas e interese e protexidas, ben sexan terreos públicos ou privados.Exemplos de parque ou xardíns urbanos galego son a Alameda de Santiago de Compostela o lucense Parque de Rosalía de Castro, e o dun parque nacional galego declarado como lugar protexido é o das Illas Atlánticas.

Regulamento Electrotécnico para Baixa Tensión

Regulamento Electrotécnico para Baixa Tensión, tamén chamado REBT 2002, é unha normativa do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de España. Ata a entrada en vigor desta nova normativa empregábase o Regulamento 2413 de 1973. O actual REBT 2002 é o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto de 2002. publicado no Boletín Oficial del Estado número 224, do 18 de setembro de 2002. Entrou en vigor de xeito obrigatorio o 18 de setembro de 2003.

O regulamento afecta a instalacións eléctricas de xeración, distribución e consumo de corrente eléctrica alterna de 1000 volts ou inferiores e as de corrente continua de 1500 volts ou inferiores.

Tenente

Tenente, anteriormente lugartenente, é un oficial dun exército, garda nacional ou forza aérea. Polo xeral, está ao mando dunha sección.

Tribunal Constitucional de España

O Tribunal Constitucional de España é o órgano xurisdicional que culmina o poder xudicial, cuxa principal función é a de actuar como máximo intérprete da Constitución.

Na práctica a súa transcendencia ven dada por que constitúe o principal control dos poderes do Estado en materia constitucional (poder executivo, poder lexislativo, e do propio poder xudicial, revisando os seus actos cando atentan contra o disposto na Constitución.

En particular, ten competencia para coñecer:

Do recurso e da cuestión de inconstitucionalidade contra leis e disposicións normativas con forza de lei (p. ex. Decretos leis e decretos lexislativos).

Do recurso de amparo por violación de dereitos fundamentais e das liberdades públicas.

Dos conflitos constitucionaís de competencia entre o Estado e as Comunidades Autónomas o dos habidos por estas entre si.

Dos conflitos entre os órganos constitucionais do Estado.

Dos conflitos en defensa da autonomía local.

Da declaración sobre a constitucionalidade dos Tratados Internacionais.

Das impugnaciones previstas no número 2 do artigo 161 da Constitución.

Da verificación dos nomeamentos dos maxistrados do Tribunal Constitucional, para xulgar se os mesmos reúnen os requisitos que require a Constitución e a presente Lei que rexe tales nomeamentos .

Das demais materias que lles atribúe a Constitución e as Leis Orgánicas.Para coñecer do recursos interpostos contra os regulamentos, é competente a xurisdición contencioso-administrativa e non o Tribunal Constitucional, xa que ao seren normas emanadas da Administración pública (a través da potestade regulamentaria), que carecen de rango de lei, non cabe recurso de inconstitucionalidade. O tribunal con competencia última nesa materia sería o Tribunal Supremo ou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no caso de que se recorra un regulamento emanado do goberno galego.

Os Tratados internacionais, porén, si cabe recorrelos por inconstitucionalidade perante o Tribunal Constitucional, porque a Constitución española outorgalles forza de lei a partir do momento en que se incorporan ao dereito estatal.

As sentenzas do Tribunal Constitucional serán publicada no Boletín Oficial del Estado cos votos particulares, se os houbese. Ditas sentenzas entran en vigor o día seguinte ao da súa publicación e non cabe recurso contra as mesmas.

As sentenzas que declaren a inconstitucionalidade dunha lei oo dunha norma con forza de lei, teñen plenos efectos contra todos. Salvo que a sentenza dispoña outra cousa, subsistirá a vixencia da lei ou da norma na parte non afectada pola inconstitucionalidade.

Vigozoo

Vigozoo é o nome oficial do parque zoolóxico de Vigo, chamado popularmente A Madroa (lugar da parroquia de Candeán onde se atopa). Ostenta a categoría xurídica de organismo autónomo municipal.[Cómpre referencia]

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.