Boi (crustáceo)

O boi de mar ou simplemente boi (Cancer pagurus, Linné 1758 [2]) é un crustáceo comestible da orde dos decápodos, de grande interese comercial en Galicia. En galego recibe tamén os nomes de noca, isqueiro ou esqueiro[3].

É a especie do xénero Cancer que alcanza maiores tamaños, cun cacho de ata 20 cm de longo e 30 cm de ancho, e pesos de ata 4–6 kg, se ben son absolutamente inusuais estes tamaños.

Boi de mar
Cancer pagurus

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Infraorde: Brachyura
Familia: Cancridae
Xénero: Cancer
Especie: C. pagurus
Nome binomial
'Cancer pagurus'
Linnaeus, 1758
Sinonimia [1]
  • Cancer fimbriatus Olivi, 1792
  • Platycarcinus pagurus H. Milne-Edwards, 1834
  • Platycarcinus pagurus Couch, 1838
  • Cancer luederwaldti Rathbun, 1930

Sinonimia

Ademais do nome común de boi, ou boi de mar, recibe tamén os nomes de:

  • Boi de altura
  • Boi de fondío
  • Cangro
  • Esqueiro: denominación baseada do uso que daban os mariñeiros ás súas pinzas para conservar seca a esca [4].
  • Noca, noco, nócara, nócaro, nocla, nocra.
  • Vaca, vaca do mar (a femia)

Os exemplares máis pequenos denomínanse caghón, raeiro ou reeiro.

Descrición

Boi.crab2

Boi de mar (vista superior)

Cancer pagurus (eggs)

Boi de mar femia (vista inferior)

Como corresponde á denominación taxonómica da Orde, posúe dez patas, entre as que destaca o primeiro par, dotado dunhas pinzas grandes e moi fortes, coas puntas negras (quelípodos) e dentes romos nas marxes internas. Atribúese o nome común á semellanza destas pinzas cos cornos dun boi[5].

As outras son finas, con pelos (ou sedas) ríxidos, curtos e abundantes, sen espiñas, e rematadas en uñas agudas e simples.

O cacho é ovoide, máis ancho ca longo, de cor castaña avermellada, variando segundo o tempo trascorrido trala última muda; os exemplares novos tiran a púrpura. A superficie superior do cacho é lisa, cun fino granulado. Mostra no bordo anterior 9-10 festóns a modo de anchos dentes a cada lado, separados por fisuras pechadas. O ventre é de cor máis clara, case brancuxa.

O abdome queda recollido baixo o cefalotórax, e permite unha fácil identificación do sexo do exemplar: nos machos é estreito e ten 5 segmentos; nas femias é ancho, redondeado e con 7 segmentos.

Bioloxía e hábitat

Trátase dunha especie de fondo, que vive a profundidades que oscilan entre os 30 metros, no verán, e os 100, no inverno, sobre fondos areosos ou rochosos. Os exemplares máis novos, ata 5–6 cm, viven na zona intermareal. Depreda sobre outros invertebrados que colonizan o fondo mariño.

Habita en toda a costa atlántica europea, desde o norte de Marrocos ó norte de Noruega (ata uns 70 º N); existen rexistros, pero escasos e antigos, na costa norte do Mediterráneo.

A cópula ten lugar trala muda das femias, que almacenan o seme durante períodos de ata 12-14 meses. A posta de ovos realízase a partir de outono, quedando recollidos polo abdome e os seus apéndices baixo o corpo da femia durante 6-8 meses. As larvas eclosionan no verán e teñen hábitos peláxicos ata que ós 2-3 meses, tras varias mudas, establécense xa no fondo, cun tamaño duns poucos milímetros e xa coa forma característica. É de crecemento moi lento: alcanzan a madurez ó cabo de 5-6 anos de idade, cando chegan a tamaños de 12 cm de lonxitude.

Pesca

Boi de mar 02-05
Bois xa cocidos. Á esquerda, unha femia; á dereita, un macho.

Captúrase mediante nasas, cebadas con peixe, ou con artes de arrastre, se ben tamén se poden coller na baixamar baixo as rochas. O talle mínimo son 10 cm (no eixo menor) e a veda está aberta entre novembro e xuño.

Nos últimos anos aumentaron considerablemente as importacións de exemplares procedentes doutros países europeos, como Francia, Reino Unido ou Irlanda. A orixe francesa era a máis frecuente nos primeiros anos desta importación, polo que hoxe, a denominación no mercado distingue comercialmente os bois da ría (de orixe galega) e bois de Francia (de orixe foránea). O galego distínguese porque ten máis pelo nas patas e máis dentes nas pinzas có foráneo.

As capturas desta especie en Galicia [6] oscilaron considerablemente nos últimos anos: na década 2000-2009 hai un mínimo de 2.795 kg en 2001 a un máximo de 22.210 kg en 2005. En 2009, capturáronse 15.733 kg, cun valor de 98.946 euros.

Respecto a cifras totais no mundo, só témo-los datos da FAO referidos a 1999, con pouco máis de 40.000 toneladas, destacando o Reuno Unido, con case 20.000, e Francia, con 8.500.

Comercialización e gastronomía

Pode comercializarse de diversas formas: vivo ou cocido (e, neste caso, fresco ou conxelado).

Adoitan prepararse na cociña simplemente cocidos, con sal, ou preparados en salpicón. Gastronomicamente valóranse máis as femias, por teren máis carne e ser esta máis firme.

Notas

  1. Mario J. de Kluijver & Sarita S. Ingalsuo. "Cancer pagurus". Macrobenthos of the North Sea. Universiteit van Amsterdam. Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2011. Consultado o August 4, 2010.
  2. Sinonimia Cancer oblongus, Cancer fimbriatus ou Cancer luederwaldti.
  3. RAG
  4. "En las Rías bajas se hacía también este aparato [o esqueiro] con las tenacillas o brazos del crustáceo llamado BOI en Pontevedra (Eladio Rodríguez).
  5. "Denom. metafórica debida a la similitud de sus pinzas con las astas del buey" (Ríos Panisse).
  6. Datos correspondentes ás notas de venda emitidas polas lonxas ou centros autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros frescos.

Véxase tamén

Bibliografia

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).

Ligazóns externas

Boi

O termo boi pode referirse a:

O macho da vaca, tamén coñecido como touro;

O boi, crustáceo mariño.

Noca

O termo noca pódese referir a:

Caluga, parte posterior do pescozo.

Boi, crustáceo mariño da orde dos decápodos, esqueiro, isqueiro, boi de mar.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.