Bohemia

Bohemia[1] (en checo: Čechy; en alemán: Böhmen) é unha rexión histórica de Europa Central, tendo a súa capital na cidade de Praga. Ocupa 52.750 km² e ten máis de seis millóns de habitantes. Forma parte da República Checa xunto ás rexións de Moravia e Silesia.

CZ-cleneni-Cechy-wl
Bohemia na República Checa.
Flag of Bohemia
Bandeira bohemia.

Xeografía

Limita ao norte con Polonia, ao sur con Austria, ao leste, con Moravia e Silesia, e ao oeste con Alemaña. É unha chaira rodeada de elevados sistemas montañosos, delimitada polas Montañas dos Xigantes, a Selva de Bohemia e os Montes Metalíferos, tamén coñecidos como Erzgebirge ou Krušné hory. Os principais cursos fluviais son o río Moldova e o río Elba e mailos seus afluentes, o río Vltava e o río Ohře.

Historia

Wappen Königreich Böhmen
Escudo do Reino de Bohemia.

O topónimo de Bohemia deriva dos boios, un pobo celta que habitaba aquela zona cara ao século V a. C. Os boios foron expulsados pola tribo xermánica dos marcómanos cara ao século I. Entre os séculos V e VIII Bohemia foi ocupada polos eslavos e, máis tarde, polos ávaros.

Durante o século IX o cristianismo foi introducido na rexión, que daquela formaba parte da Gran Moravia. A primeira dinastía bohemia, a familia dos Přemyslidas, fíxose co poder no século X.

En 950 Bohemia foi obrigada a recoñecer a supremacía alemá, converténdose en parte do Sacro Imperio Romano. En 1212, por medio da Bula de Ouro de Sicilia, o emperador Federico II creou o Reino de Bohemia. O reino estivo rexido pola casa de Luxemburgo entre 1310 e 1437. Durante a última etapa deste período os husitas, grupo relixioso seguidor de Jan Hus, rebeláronse contra a Igrexa católica, o que comportou unha intervención internacional e un longo período de conflitos bélicos, as guerras husitas, que remataron en 1436 cun acordo entre os bohemios e a igrexa.

A maioría das cuestións políticas e relixiosas implicadas na loita ficaron sen solucionar, pero o movemento husita estimulou sentimentos pre-nacionalistas entre os bohemios, o que supuxo un freo á inicial tendencia cara á xermanización.

Entre 1471 e 1526 Bohemia foi gobernada por unha liñaxe de reis húngaros, período no que non houbo conflitos significativos malia que a situación relixiosa foi tensa. En 1526 Fernando I (da Casa de Habsburgo) foi elixido Rei de Hungría e Bohemia. Baixo o mandato desta dinastía, que se prolongou até 1918, a historia de Bohemia estivo vencellada á historia de Austria.

Durante a Reforma (1517-1648), os Habsburgo católicos reprimiron o crecente movemento protestante en Bohemia. A Primeira defenestración de Praga, no que os bohemios, furiosos, botaron a dous representantes dos Habsburgo pola ventá abaixo, foi a causa inmediata da guerra dos Trinta Anos (1618-1648).

A batalla da Montaña Blanca (1620) supuxo a restauración da monarquía dos Habsburgo, que viu seguida da implacable erradicación do protestantismo, a supresión dos privilexios nacionais e o uso obrigado do alemán como lingua oficial.

As reformas de Xosé II, que reinou entre 1765 e 1790, comportaron un renacemento dos sentimentos nacionalistas en Bohemia. Despois de 1848, ano en que se sufocou unha rebelión nacionalista, a loita pola autonomía checa dentro do Imperio Austro-Húngaro continuou.

Coa caída do Imperio trala I Guerra Mundial, en 1918 Bohemia converteuse en provincia da recentemente creada Checoslovaquia.

En marzo de 1939, logo da ocupación militar de Checoslovaquia polas tropas de Adolf Hitler, creouse o protectorado de Bohemia e Moravia. Coa fin da II Guerra Mundial, volveuse integrar en Checoslovaquia. O 1 de xaneiro de 1993 pasou a formar parte da República Checa.

Economía

As principais actividades económicas da rexión son a industria, a agricultura e a mineiría.

Os cultivos máis importantes son o millo, trigo, vide e lúpulo. En Bohemia creouse a cervexa de curta fermentación tal e como hoxe se coñece.

A industria, especialmente nos centros de Mladá Boleslav, Praga, Plzeň e Liberec, producen automóbiles (a empresa Skoda, inicialmente dedicada á fabricación de armas, e pertencente na actualidade ao grupo alemán Volkswagen), ferro e aceiro, produtos químicos, maquinaria, téxtiles e comestibles.

Bohemia posúe importantes xacementos de carbón, grafito, ferro, prata e uranio.

  1. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419.
15 de decembro

O 15 de decembro é o 349º día do ano no calendario gregoriano e o 350º nos anos bisestos. Quedan 16 días para rematar o ano.

Bandeira da República Checa

A bandeira da República Checa (en checo: státní vlajka České republiky) está formada por dúas franxas horizontais de igual anchura, sendo de cor branca a superior e de cor vermella a inferior, cun triángulo isóscele de cor azul que se espalla até a metade ao longo do rectángulo (un erro común é facelo máis curto), cuxa base coincide co bordo da hasta da bandeira. A bandeira foi herdada de Checoslovaquia logo da disolución da unión do país coa actual Eslovaquia.

Carlos IV de Luxemburgo

Carlos IV (en alemán: Karl IV, en checo: Karel IV, en latín: Carolus IV) nado en Praga o 14 de maio de 1316 e finado na mesma cidade o 29 de novembro de 1378, foi un emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, da Casa de Luxemburgo, e rei de Alemaña, Bohemia, Borgoña e Italia.

Checoslovaquia

Checoslovaquia (en checo e eslovaco: Československo ou Česko-Slovensko) foi un estado fundado trala fin da Primeira Guerra Mundial e a desmembración do Imperio Austrohúngaro, do cal formaba parte o Reino de Bohemia, no Tratado de Versalles. Durou dende 1919 ata 1993, e comprendía ás actuais República Checa e Eslovaquia. En 1938, Chequia pasou a fomar parte do Terceiro Reich co nome de Bohemia e Eslovaquia continuou a ser independente cun goberno pro-nazi.

Fernando I, Sacro Emperador Romano-Xermánico

Fernando I de Habsburgo, nado en Alcalá de Henares o 10 de marzo de 1503 e finado en Viena o 25 de xullo de 1564, foi Sacro Emperador Romano-Xermánico de 1556 até a súa morte.

Guerra dos Trinta Anos

A guerra dos Trinta Anos foi unha guerra europea librada principalmente na Europa central entre os anos 1618 e 1648. Aínda que inicialmente se tratou dun conflito relixioso entre católicos e protestantes, o motivo central foi a disputa entre as potencias europeas por conseguiren unha situación de equilibrio ou ben, no caso doutras, por conseguiren unha situación de hexemonía (neste caso a casa dos Habsburgo en España e a casa de Austria, que eran católicos). A guerra dos Trinta Anos acabou coa paz de Westfalia e a paz dos Pireneos. Con todo, tamén pode describirse non como unha soa guerra, senón dunha longa serie de conflitos desenvolvidos principalmente en Europa central.

Esta guerra pódese dividir en 4 etapas :

A revolta de Bohemia.

A intervención danesa.

A intervención sueca.

A intervención francesa.

Habsburgo

A casa de Habsburgo (en alemán Hapsburg), tamén chamada casa de Austria, e a súa familia sucesora en Austria, os Habsburgo-Lorena (Habsburg Lothringen), é unha das familias máis importantes da Historia de Europa, que gobernou sobre varios países. A familia tivo a súa orixe no século XII e o nome deriva de Habichtsburg, o castelo do falcón, a súa morada oficial, construído no 1020, na actual Suíza. En tempos actuais, o cabeza da dinastía foi o príncipe Otón de Habsburgo (1912-2011), e o xefe da casa, o seu fillo o arquiduque Carlos de Habsburgo-Lorena, desde 2007.

Os Habsburgo foron:

Soberanos de Austria (como duques 1282-1453, arquiduques 1453-1804 e emperadores 1804-1918),

Soberanos de Alemaña como reis de romanos e emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico (1273-1308 e 1440-1806),

reis de Hungría (1437-1439, 1445-1457, 1526-1918),

reis de Croacia (1437-1439, 1445-1457, 1526-1918),

reis de Bohemia (1306-1307, 1437-1439, 1453-1457, 1526-1918),

reis de España (1516-1700),

reis de Portugal (1580-1640),

reis de Galicia e Lodomeria (1772-1918),

grandes príncipes de Transilvania (1690-1867),

grandes duques de Toscana (1737-1801; 1814-1860).Outras coroas controladas brevemente pola casa foron:

rei de Sardeña (1713-1720),

duque de Parma (1814-1847),

duque de Módena (1814-1859),

emperador de México (1864-1867).

Leopoldo II de Habsburgo

Leopoldo II de Habsburgo, nado en Viena o 5 de maio de 1747 de finado o 1 de marzo de 1792, foi arquiduque de Austria (desde o seu nacemento) e gran duque de Toscana (1765-1790), e emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, e rei de Hungría e de Bohemia (1790-1792) ao falecer o seu irmán Xosé II.

Lingua checa

O checo é unha das linguas eslavas do oeste de Europa, xunto co polaco, eslovaco e o sorabo. Falado por un total duns 12 millóns de persoas, principalmente na República Checa (nas dúas provincias da Bohemia e Moravia e na parte meridional da Silesia) por cerca de 9,5 millóns de persoas. Hai tamén comunidades illadas nos países veciños: en Austria hai unha comunidade de 20.000 falantes en Viena, en Romanía hai seis lugares onde o checo é a lingua propia como resultado dunha inimigración no século XIX, en 2002 eran case 4000, na Voivodina o checo é oficial no concello de Bela Crkva, onde se sitúa a pequena aldea de Češko Selo, na cal a maioría dos seus 46 habitantes son de lingua checa. Existen importantes minorías formadas por inmigrantes en Alemaña, Estados Unidos, Eslovaquia e outros países.

O checo utiliza o alfabeto latino con sinais diacríticas para a súa escrita. A fonoloxía do checo pode ser difícil para falantes doutras linguas. Por exemplo, algunhas palabras non parecen ter vogais: ztvrdl (endurecido), scvrkl (afondado), blb (bobo), vlk (lobo), e smrt (morte). Hai un exemplo popular disto na frase "strč prst skrz krk" que significa "meter un dedo na túa gorxa".

As linguas checa e eslovaca son mutuamente intelixíbeis e próximas na escrita, mais difiren fonética e gramaticalmente. A maioría dos adultos eslovacos e checos son capaces de comprenderse mutuamente sen dificultade, tendo estado en contacto coas dúas linguas por medio da radio e da televisión nacionais, ata a partición de Checoslovaquia no 1993. Aqueles que non viviron esta situación, en particular os máis novos, poden experimentar dificultades de comprensión.

Luteranismo

O luteranismo é o movemento relixioso cristián que comezou coas ensinanzas teolóxicas de Martiño Lutero no século XVI que serviron de base á Reforma protestante que conduciu á súa separación da igrexa católica e a formación do protestantismo. A certeza bíblica que tivo de que Deus non xulga as persoas polas súas obras, boas ou malas, senón máis ben a causa da súa fe, proporciona a Lutero a raiz fundamental do seu pensamento. Así, o luteranismo inspírase en tres principios angulares: a xustificación pola fe, o sacerdocio universal e a autoridade da Biblia.

O ataque comezado por Lutero baséase no concepto de xustificación pola fe, que negaba toda teoría romana sobre os méritos da salvación e a mediación dos santos. Denunciou tamén as que consideraba falsas seguridades de salvación ofrecidas por Roma a través da venda de indulxencias e a obtención dos perdóns.

O luteranismo rexeita a primacía e autoridade romana do papado. Nega a tradición dogmática e a existencia do purgatorio. O movemento protestante iniciado por Lutero afirma o valor único das Escrituras, e a supremacía da fe en Xesucristo. Lutero desenvolve a doutrina do Sacerdocio Universal, onde afirma que as Escrituras son intelixibles para tódolos crentes e que cada un, libremente, pode examinalas. Lutero busca transformar a cada crente no seu propio sacerdote.

A data simbólica da reforma foi o 31 de outubro de 1517 e para 1555 o luteranismo estaba firmemente asentado no norte, centro e leste de Alemaña, en Escandinavia, Letonia, Bohemia e Transilvania e a contrarreforma católica impediu que se establecera ou expulsou o luteranismo de gran parte do leste e o sur de Europa.

No século XVII en paralelo no luteranismo apareceron dúas tendencias contrapostas, o sincretismo que se circunscribía á teoloxía e que avogaba por unha concordia entre as igrexas, distinguindo entre verdades fundamentais que eran patrimonio de todas as confesións e secundarias, a outra tendencia foi o pietismo que avogaba por un reavivamento da relixiosidade popular combinando a énfase luterana na doutrina bíblica coa énfase puritana na piedade individual e unha vida cristiá vigorosa.

Na actualidade hai setenta millóns de fieis membros de igrexas luteranas que se agrupan en tres asociacións de igrexas luteranas, a Federación Luterana Internacional (66 millóns de fieis), o Consello Luterano Internacional e a Conferencia Evanxélica de Confesión Luterana, asemade catrocentos millóns de protestantes teñen a súa orixe na doutrina de Lutero.

Moravia

Moravia (Morava en checo e eslovaco) é unha das tres partes que conforman a República Checa, xunto con Bohemia e a Silesia checa. Limita ó O con Bohemia, ó S con Austria (estado de Baixa Austria), ó SL, L e NL coas rexións eslovacas de Trnava, Trenc(ín e Žilina respectivamente, ó NL e N coa Silesia checa, e ó N coa Silesia polaca.

O seu nome vén do río Morava, preto do cal se estableceu un grupo de eslavos pouco antes do ano 600. Os habitantes de Moravia falan diversos dialectos do checo.

Actualmente Moravia está dividida nas rexións de Moravia Meridional, Zlín, e parte das rexións de Moravia-Silesia, Olomouc, Pardubice, Vysoc(ina e Bohemia Meridional. A súa capital e principal cidade é Brno.

Plzeň

Plzeň ou Pilsen pronunciación é unha cidade de Bohemia, na República Checa. É a capital da Rexión de Plzeň e a cuarta cidade máis poboada do país. Está localizada a 90 km ó oeste de Praga, no punto onde converxen os ríos Radbuza, o Mže, o Úhlava e o Úslava.

A cidade é coñecida internacionalmente pola cervexa Pilsner. Plzeň foi seleccionada en setembro de 2010 por un xurado oficial para ser xunto coa cidade belga de Mons as capitais europeas da cultura no 2015.

Praga

Praga (en checo: Praha, [ˈpraɦa] (AFI), escoitar) é a capital da República Checa e da rexión histórica de Bohemia. Con anterioridade foino do Reino de Bohemia e de Checoslovaquia. A cidade ten aproximadamente 1,3 millóns de habitantes, o que a converte na cidade máis poboada do país. A área metropolitana de Praga conta cunha poboación de 2,3 millóns de habitantes. Dende 1992 o casco histórico da cidade é Patrimonio da Humanidade. A súa beleza e patrimonio histórico convértena nunha das vinte cidades máis visitadas do mundo, con máis de 4,1 millóns de visitantes en 2009. A rexión de Praga é a quinta máis rica das 271 da Unión Europea, superando nun 172% a media comunitaria.

Situada á beira do río Moldava, Praga desenvolveuse a partir do século IX converténdose nunha das capitais máis importantes de Europa nos séculos XVIII e XIX. Con todo, no século XX, sufriu as dúas guerras mundiais e os réximes nazi e soviético. Trala Revolución de Veludo e a caída do Muro de Berlín a cidade tivo que facer fronte a unha dura adaptación cara a unha economía de mercado. Polas súas características Praga está considerada como unha cidade global de clase gamma, á altura de Ámsterdam ou Washington e superando a grandes metrópoles como Roma, Estocolmo ou Pequín. Praga tamén é coñecida como "a cidade dos cen pináculos", "a cidade dourada", "o París dos anos 20 nos anos 90", "a nai de tódalas cidades" e "o corazón de Europa".

Reino de Bohemia

O Reino de Bohemia (en checo: České království, en alemán: Königreich Böhmen; en latín: Regnum Bohemiae) foi un país de Europa Central, membro independente de facto do Sacro Imperio Romano Xermánico, do Imperio Austríaco a partir do 1805 e do Imperio Austrohúngaro, logo do Compromiso Austrohúngaro entre 1867 e 1918. Tras a derrota do Imperio Austrohúngaro na Primeira Guerra Mundial ambos, o reino e o imperio, foron disoltos e o reino de Bohemia pasou a formar parte da recentemente creada República de Checoslovaquia.

República Checa

A República Checa (en checo: Česká republika), tamén coñecida como Chequia (en checo: Česko) é un país de centro de Europa, limitado ao norte por Polonia, ao leste por Eslovaquia, ao sur por Austria e ao noroeste por Alemaña. Xunto con Polonia, Eslovaquia e Hungría, integra o Grupo Visegrád. Está formada polas rexións históricas de Bohemia, Moravia e Silesia. Bohemia, ocupa a parte occidental do país, está rodeada de montes baixos e forma unha cunca regada polos ríos Labe (Elba) e Vltava (Moldava). Moravia, ocupa parte oriental, está regada polo río Morava. Silesia, situada ao norte de Moravia, fai fronteira con Polonia.

O Estado Checo, ou as terras da Coroa de Bohemia, como era coñecido até 1918, formouse a finais do século IX. Despois da Batalla de Mohács en 1526, o Reino de Bohemia foi integrado na monarquía dos Habsburgo xunto con Austria e Hungría. A república independente de Checoslovaquia formouse en 1918, tralo colapso do Imperio Austrohúngaro trala Primeira Guerra Mundial. Despois de que no Pacto de Múnic (asinado pola Alemaña nazi, Francia, Reino Unido e Italia) se estabelecese unilateralmente a incorporación de Checoslovaquia á Alemaña, e por gratitude pola consecuente liberación da maior parte da República polo Exército Vermello, o Partido Comunista obtivo maioría relativa (38 %) nas eleccións de 1946.

Dous anos despois, en 1948, Checoslovaquia converteríase nunha ditadura por mor dun golpe de estado. En 1968 a crecente insatisfacción culminou cunha tentativa de reformar o réxime. Os acontecementos, coñecidos como a Primavera de Praga de 1968, terminou coa invasión por parte dos exércitos dos países do Pacto de Varsovia (coa excepción de Romanía); as tropas permaneceron no país até a Revolución de Veludo de 1989 cando o réxime se derrubou. O 1 de xaneiro de 1993, Checoslovaquia dividiuse pacificamente en dous estados, a República Checa e Eslovaquia. O 1 de maio de 2004 pasou a formar parte da Unión Europea.

Hoxe a República Checa é unha democracia representativa pluripartidista. O presidente Václav Klaus é o actual xefe de Estado, sendo Petr Nečas o Primeiro Ministro e Xefe de Goberno. O Parlamento ten dúas cámaras: a Cámara de Deputados e o Senado. Dende a súa creación a República Checa fixo reformas económicas como as privatizacións rápidas. O crecemento do seu Produto Interior Bruto (PIB) situouse en torno ao 6 % até o estalido da recente crise económica mundial. O país foi o primeiro membro da antiga COMECON en acadar o status de país desenvolvido segundo o Banco Mundial. O seu Índice de Desenvolvemento Humano (2010) sitúa a Chequia como unha nación cun "desenvolvemento humano moi alto".

Sexismundo, Sacro Emperador Romano-Xermánico

Sexismundo de Luxemburgo, nado en Núremberg o 15 de febreiro de 1368 e finado en Znaim o 9 de decembro de 1437, foi emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico de 1410 a 1437 e rei de Hungría e Bohemia, e derradeiro monarca da dinastía Luxemburgo.

Xosé II de Habsburgo

Xosé II (nome completo Joseph Benedikt Anton Michael Adam), nado o 13 de marzo de 1741 no Pazo de Schönbrunn (Austria) e finado o 20 de febreiro de 1790 en Viena (Austria), foi Emperador do Sacro Imperio Romano entre 1765 e 1790 e rexente das posesións dos Habsburgo entre 1780 e 1790.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.