Boeing B-17 Flying Fortress

O Boeing B-17 Flying Fortress (fortaleza voante) foi un famoso bombardeiro cuadrimotor pesado da Segunda Guerra Mundial. Fabricado dende 1935 e posto en servizo en 1937 coa forza aérea do exército dos Estados Unidos (USAAF) e a RAF de Gran Bretaña.

Efectuou milleiros de misións cos Aliados durante a guerra, sobre todo en Europa aínda que tamén tomou parte na campaña do Pacífico, demostrando ser un dos máis fiables bombardeiros da contenda xunto co Consolidated B-24 Liberator. As últimas versións deste bombardeiro estaban armadas con 13 metralladoras de 12,7 mm e podían cargar case 8.000 kg de bombas (dependendo do modelo).

B-17 Flying Fortress
B-17 on bomb run
Boeing B-17
Tipobombardeiro pesado
FabricanteBoeing
Primeiro voo28 de xullo de 1935
Introducidoabril de 1938
Principais usuariosUSAAF e RAF
Unidades construídas12.677

Historia

O B-17 baseouse no modelo B-299 de Boeing, que á súa vez viña dun prototipo anterior, o 294, de onde colleu a idea de utilizar catro motores, e nun modelo comercial de Boeing, o 247, de onde vén a construción totalmente metálica.

En total fabricáronse 12.677 aparatos para os Aliados. A maior parte foron construídos nas plantas de Boeing en Seattle e Wichita, pero non foi este o único fabricante: tamén foron producidos por Douglas Aircraft Company na súa planta de Long Beach, e a subsidiaria Vega de Lockheed Corporation. Ao redor dun terzo do total, uns 4.750, perdéronse en misións de combate. Durante estas misións tiraron 640.036 toneladas de bombas sobre brancos europeos.

Primeiros modelos

O primeiro prototipo, baseado no B-299, voou o 28 de xullo de 1935. Construiríanse 13 unidades da versión inicial de proba, denominada Y1B-17, con números de serie do 36-149 ao 36-161.

Boeing Y1B-17 in flight
Y1B-17 en voo

Destes 13 exemplares, o 36-151, posteriormente numerado como 37-369, foi designado como Y1B-17A, e sería o banco de probas para a primeira versión do bombardeiro, o B-17A de preserie. Neste aparato probáronse os motores Wright R-1820-51 (G5) Cyclone con compresores Moss-General Electric, que aumentaban a súa potencia e autonomía, permitíndolle levar máis carga.

O B-17B sería o primeiro modelo de serie, e construiríanse un total de 39 exemplares. A esta seguiulle unha segunda serie de produción con algunhas modificacións con respecto á anterior composta por 38 avións ordenados en 1939. Esta foi designada B-17C, e 20 deses bombardeiros foron enviados á RAF baixo a lei de Préstamo e Arrendo (lend-lease). Os avións que usaron as forzas aéreas estadounidenses volverían á fábrica en 1941 para ser convertidas á versión B-17D.

No mes de abril de 1940 encargáronse 40 B-17C máis. Esta nova serie presentaba diferenzas coa anterior, polo que foi designada B-17D. O primeiro avión desta serie voou o 3 de febreiro de 1941.

Produción en masa

A primeira versión en producirse masivamente foi a B-17E, da que se fabricaron 512 unidades. Incorporaba a novidade de dúas torretas con dobres metralladoras Browning M2 de 12,7 mm, unha en posición dorsal e outra en posición ventral. As primeiras 113 unidades levaron na posición ventral unha torreta comandada a control remoto, pero como esta revelou ser ineficaz, foi substituída por unha torreta Sperry en forma de burbulla, que o artilleiro operaba manualmente con manivelas e pedais; requiríase ser de tamaño moi pequeno para situarse alí, en posición fetal. Toda a parte traseira da fuselaxe foi redeseñada para solucionar un problema de "zona cega", incorporándose na cola outra torreta con dúas metralladoras, o que prolongou a fuselaxe en case dous metros. Aumentouse a capacidade de carga de bombas e de combustible, co que o modelo resultaba algo máis lento e pesado que o seu predecesor, pero moito mellor defendido. A primeira unidade voou o 5 de setembro de 1941, e a última saíu da fábrica de Boeing o 28 de maio de 1942. Debido ao aumento das posicións de defensa, a tripulación do B-17E era de dez homes: piloto, copiloto, bombardeiro, navegante, enxeñeiro de voo, radiooperador, artilleiro de cola, artilleiro ventral e dous artilleiros laterais. A metralladora frontal era operada normalmente polo navegante ou o bombardeiro cando non estaban dedicados ás súas tarefas específicas, e a torreta dorsal era operada usualmente polo enxeñeiro de voo.

B17-F-45-VE
Lockheed Vega B-17F

As experiencias operativas dos B-17E no Pacífico levaron a unha serie de melloras que resultaron no modelo B-17F. Se ben a aparencia externa deste modelo é igual á do B-17E, salvo porque a proa transparente do novo B-17F está composta dunha única peza de plástico, realizáronse máis de 400 modificacións internas. Instalouse unha nova torreta, montaxes externas para bombas, novas hélices, filtros para as tomas de aire dos carburadores, un sistema de osíxeno mellorado, un sistema dual de freos, máis equipo fotográfico, un enlace electrónico para o piloto automático e novas montaxes esféricas para a metralladoras no morro. Os seus motores eran os novos Wright R-1820-97 Cyclone, capaces de ofrecer potencias de 1380HP por breves períodos. Instalouse tamén un tren de aterraxe máis robusto, que permitiu elevar a carga máxima a 29.056 kg e posteriormente a 32.688 kg.

O primeiro B-17F (41-24340) voou o 30 de maio de 1942. A introdución constante de pequenos cambios na liña de produción deste modelo obrigou a empregar un esquema de designación por bloques para facilitar o mantemento. Ao mesmo tempo, a incorporación doutros fabricantes á produción fixo necesaria unha distinción adicional. Os primeiros 50 foron B-17F-1-BO ("1" polo lote de produción, "BO" por Boeing). A partir do cuarto lote, a cantidade de cada un foi irregular; o último bloque producido por Boeing fue o 130-BO.

Construíronse en total de 3.405 B-17F. Deles, Boeing produciu 2.300, Douglas fabricou 605 na súa planta de Long Beach (California) (lotes (B-17F-1-DL a -85-DL), e a división Vega de Lockheed produciu 500 en Burbank, no mesmo estado. Os B-17F construídos polas tres compañías non tiñan diferenzas externas (só eran recoñecibles polos seus números de serie) e presentaban lixeiras variacións nos detalles internos, particularmente no armamento. Outras moitas modificacións no armamento se fixéronse directamente sobre o terreo: o famoso "Memphis Belle" tiña por exemplo 4 metralladoras calibre .50 montadas na proa.

Cara o final da produción do B-17F, decidiuse agregar unha torreta Bendix con dúas metralladoras por debaixo da proa, para aumentar a capacidade defensiva. Os cambios programados para o lote 135-BO dos B-17F eran tantos que xustificaba un cambio de denominación, a B-17G. As metralladoras nos laterais do morro, introducidas nas últimas series de B-17F, mantivéronse, pero nunha nova disposición escalonada. A partir das subseries 80-BO, 45-DL e 35-VE incorporouse a montaxe denominada "Cheyenne" para as metralladoras de cola, con mira por reflector, que acurtou a lonxitude total en 12,7 cm. O modelo B-17G foi o que se produciu en maior cantidade. Cando a produción rematou finalmente en 1945, fabricáranse 8.680 B-17G: 4.035 construídos por Boeing, 2.395 por Douglas e 2.250 por Lockheed Vega.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Boeing

The Boeing Company é un dos principais fabricantes de avións e equipos aeroespaciais do mundo. O seu nome completo é Boeing Commercial Airplanes Co. e a súa sede central atópase na cidade de Chicago. As súas maiores fábricas están situadas nos arredores da cidade de Seattle, no estado de Washington.

Consolidated B-24 Liberator

O Consolidated B-24 Liberator foi un bombardeiro pesado estadounidense usado durante a Segunda Guerra Mundial. Comezou a deseñarse a principios do ano 1939 para ofrecer prestacións superiores ás do B-17, e realizou o seu primeiro voo o 29 de decembro dese ano. Foi o avión estadounidense máis fabricado durante a guerra, construíndose 18.482 exemplares en total.

A súa produción en masa chegou ao seu punto máis alto a partir de 1943 coa axuda da Ford Motor Company, ao comezar a fabricarse na súa nova fábrica de Willow Run, onde chegou a fabricarse un B-24 por hora e 650 por mes en 1944. Outras fábricas seguiríanlle pouco despois. Na actualidade continua sendo o avión militar estadounidense máis fabricado.

Adoita a ser comparado co máis coñecido Boeing B-17 Flying Fortress, pero o B-24 tiña un deseño máis moderno, máis veloz, cun maior alcance, e podía cargar máis bombas; porén, era máis difícil de pilotar e tiña unhas características de voo en formación máis pobres.

Segunda guerra mundial

A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou á maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente a máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países. Nun estado de "guerra total", os principais participantes adicaron a súa capacidade económica, industrial e científica ó completo ó esforzo de guerra, eliminando as distincións entre recursos militares e civís. Marcada polas mortes masivas de civís, incluíndo o Holocausto no que faleceron uns 11 millóns de persoas e os bombardeos estratéxicos de centros industriais e de poboación nos que faleceron ó redor dun millón de persoas, incluíndo os bombardeos de Hiroshima e Nagasaki, tivo como resultado final un total de entre 50 e 58 millóns de mortes. Isto fixo da segunda guerra mundial o conflito militar con maior número de mortos na historia da humanidade.

En 1937 o Imperio do Xapón pretendía dominar Asia e o Pacífico e xa estaba en guerra coa República da China, mais a data de inicio da guerra mundial dátase xeralmente no 1 de setembro de 1939 coa invasión de Polonia por parte de Alemaña e as subsecuentes declaracións de guerra de Alemaña a Francia e o Reino Unido. Dende finais de 1939 ata comezos de 1941, mediante unha serie de campañas militares e tratados, Alemaña conquistou ou pasou a controlar gran parte da Europa continental, e formou a alianza do Eixe xunto con Italia e o Xapón. Por medio do Pacto Molotov-Ribbentrop de agosto de 1939, Alemaña e a Unión Soviética dividiron e anexionaron territorios dos seus veciños europeos, incluíndo Polonia, Finlandia, Romanía e os países bálticos. A guerra continuou entre as principais potencias europeas do Eixe e a coalición do Reino Unido e a Commonwealth, con varias campañas no norte e leste de África, a batalla aérea de Inglaterra, a campaña de bombardeo do Blitz, a campaña dos Balcáns e a continuada batalla do Atlántico. En xuño de 1941 as potencias europeas do Eixe comezaron unha invasión da Unión Soviética, abrindo o maior teatro de guerra terrestre da historia, o que bloqueou a gran parte das súas forzas nunha guerra de desgaste. En decembro de 1941 o Xapón atacou os Estados Unidos e invadiu territorios europeos no océano Pacífico, conquistando con rapidez gran parte do Pacífico occidental.

O avance do Eixe detívose en 1942 cando o Xapón perdeu a batalla de Midway preto de Hawai, e cando Alemaña sufriu sendas derrotas no norte de África e Stalingrado. En 1943, tras unha serie de derrotas alemás na Fronte Oriental, a invasión Aliada de Sicilia e Italia deron como resultado a rendición de Italia. Xunto coas vitorias Aliadas no Pacífico, o Eixe perdeu a iniciativa da guerra e levou a cabo unha retirada estratéxica en tódalas frontes. En 1944 os Aliados Occidentais invadiron a Francia ocupada por Alemaña, mentres que a Unión Soviética recuperou o territorio perdido e comezou unha invasión de Alemaña e os seus aliados. Durante os anos 1944 e 1945 os xaponeses sufriron varios reveses no continente asiático, no sur e centro da China e en Birmania, mentres que os Aliados conseguiron debilitar á Armada Xaponesa e capturaron varias illas chave do Pacífico Occidental.

A guerra en Europa concluíu coa invasión de Alemaña por parte dos Aliados Occidentais e da Unión Soviética, culminando na captura de Berlín e a subsecuente rendición incondicional de Alemaña o 8 de maio de 1945. Trala Declaración de Potsdam dos Aliados o 26 de xullo de 1945 e o rexeitamento do Xapón da rendición baixo os seus termos, os Estados Unidos lanzaron bombas atómicas nas cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki o 6 e o 9 de agosto respectivamente. Cunha inminente invasión do arquipélago xaponés, a posibilidade de novos bombardeos atómicos e a declaración de guerra da Unión Soviética e a invasión de Manchuria, o Xapón rendeuse o 15 de agosto de 1945.

A segunda guerra mundial alterou os aliñamentos políticos e a estrutura social do mundo. Estableceuse a Organización das Nacións Unidas co obxectivo de fomentar a cooperación internacional e previr conflitos futuros semellantes, e as grandes potencias mundiais vitoriosas —os Estados Unidos, a Unión Soviética, a China, o Reino Unido e Francia— convertéronse en membros permanentes do seu Consello de Seguridade. A Unión Soviética e os Estados Unidos xurdiron como superpotencias mundiais, preparando o escenario da guerra fría que duraría 46 anos. Ó mesmo tempo a influencia mundial das potencias europeas diminuíu considerablemente, dando lugar a descolonización de Asia e África. A maioría de países que viron a súa industria danada pola guerra comezaron diversos esforzos para unha recuperación económica, e a integración política, especialmente en Europa, xurdiu como un esforzo para atallar conflitos evitando posibles guerras e co obxectivo de crear unha identidade común europea.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.