Bioxeografía

A bioxeografía é unha disciplina científica que ten por obxecto o estudo da distribución actual das especies de seres vivos, e dos seus ecosistemas, na Terra, as causas que a orixinaron, así como os procesos que a modifican e que a poden facer desaparecer.

Comprende dúas partes, en atención aos dous grupos fundamentais en que normalmente se consideran divididos estes seres: a xeografía botánica ou fitoxeografía (entendendo aquí o termo botánica en sentido amplo) e a xeografía zoolóxica o zooxeografía (aplicando o mesmo criterio amplo á zooloxía).

A bioxeografía é unha ciencia interdisciplinaria aínda que, formalmente, é unha rama da xeografía (Clasificación UNESCO 250501) e, dentro desta da xeografía física, é á vez parte fundamental da bioloxía, recibindo parte dos seus fundamentos de ciencias especializadas como a botánica, a zooloxía e outras ciencias biolóxicas.

O coñecemento da variación espacial nos números e tipos de organismos é tan vital para nós hoxe en día como o foi para os nosos primeiros antecesores humanos.

Un dos primeiros científicos que recoñeceu a importancia da distribución xeográfica das especies foi Charles Darwin, quen sinalou na súa revista The Zoology of Archipelagoes que sería bo examinalas.[2] E dous capítulos de On the Origin of Species están dedicados á súa distribución xeográfica.

A teoría científica da bioxeografía xorde da obra de Alexander von Humboldt (1769-1859),[3] Hewett Cottrell Watson (1804-1881),[4] Alphonse de Candolle (1806–1893),[5] Alfred Russel Wallace (1823–1913),[6] Philip Lutley Sclater (1829–1913) e outros biólogos e exploradores.[7]

Wallace03
Mapa coas rexións bioxeográficas no libro de Alfred Russel Wallace The Geographical Distribution of Animals. Os números dentro de cada unha indican as subrexións.
Alfred-Russel-Wallace-c1895
O naturalista, explorador, xeógrafo, antropólogo e biólogo galés Alfred Russel Wallace (1823-1913), considerado o pai da bioxeografía.[1]

Causas da particular distribución mundial dos seres vivos

A distribución dos seres vivos é o resultado da evolución biolóxica e da dispersión das estirpes, da evolución climática global e rexional e da evolución da distribución de terras e mares, debida sobre todo aos avatares da oroxénese e do desprazamento dos continentes.

A bioxeografía é tamén unha ciencia histórica, é dicir, que se ocupa do estudo de sistemas cuxa evolución seguiu unha traxectoria única, que debe estudarse en concreto, non pudendo obterse o seu coñecemento dedutivamente a partir de principios xerais. En particular, os seres vivos presentes nunha rexión non poden deducirse dos factores xeográficos, senón que deben ser examinados empiricamente. Os padróns de distribución das especies en distintas zonas xeográficas xeralmente pode explicarse por unha combinación de factores históricos, tales como: a especiación, a extinción. a deriva continental, as glaciacións, e as variacións do nível do mar, as vías fluviais, etc., en combinación coas restricións xeográficas que impoñen o illamento;, e as fontes de enerxía dispoñíbeis nos ecosistemas.

A superficie da Terra non é uniforme, non se dan nela as mesmas condicións en tódalas súas partes. A primeira distinción, e fundamental, é entre o medio subacuático e o medio subaéreo ou terrestre. En ambos os casos un primeiro factor fundamental é a dispoñibilidade de enerxía primaria, a que entra nos ecosistemas grazas aos produtores primarios, que é xeralmente a luz solar. A distribución deste factor segue un gradiente latitudinal, no que a enerxía e a temperatura son máximas nas rexións ecuatoriais e diminúen en dirección ás polares. Varía tamén a estacionalidade, que se vai facendo máis marcada canto máis nos afatemos do ecuador.

En ambientes terrestres o segundo gran factor é a distribución das precipitacións ou, máis ben, do balance entre precipitacións e evapotranspiración, cunha franxa intertropical e dúas temperadas caracterizadas pola máxima humidade.

Nos océanos o segundo gran factor é a distribución de nutrientes, moi desigual, con ecosistemas máis produtivos e diversos en augas relativamente frías, pero fertilizadas por afloramentos de nutrientes desde o fondo.

O que estuda a bioxeografía

A bioxeografía non estuda só a distribución de especies e taxons de categoría superior, as súas áreas, do que se ocupa a especialidade chamada coroloxía, senón tamén se ocupa da do estudo da distribución de ecosistemas e biomas. Aínda que a realidade é sempre complexa, a ciencia debe realizar operacións de simplificación para facela accesíbel ao estudo , sobre todo, para lograr descricións útiles.

Para a bioxeografía a tarefa é definir áreas relativamente homoxéneas e distintas das circundantes, que estén caracterizadas por valores máis ou menos uniformes dos factores bióticos e abiótiocos, e por ter unha biota e uns ecosistemas igualmente homoxéneos. Estas áreas, máis ou menos idealizadas, son susceptíbeis de seren presentadas cartográficamente.

Por outra parte, o estudo xeográfico da diversidade ambiental e ecolóxica debe contemplar as diferenzas de escala; posto que a área que nun mapa continental se presenta homoxéneo, por exemplo como bosque mediterráneo, é en realidade a unha escala inferior un mosaico de situacións, con ambientes especiais como bosques galería, nas beiras dos ríos, ou terreos salinos en concas endorreicas; o diferenzas debidas un relevo marcado, como a que hai entre zonas soleadas (nas ladeiras orientadas cara o sur) e avesedos (nas opostas).

Como ciencia interdisplinria ou sintética, a bioxeografía comprende conceptos relacionados coa xeografía, a bioloxía, a edaoloxía (a ciencia do solo), a xeoloxía, a climatoloxía, a ecoloxía e a evolución, entre outras disciplinas.

Conceptos fundamentais

Algúns conceptos fundamentais da bioxeografía son:

  • Evolución - os cambios na composición xenética das poboacións.
  • Extinción - a desaparición das especies.
  • Dispersión - o movemento das poboacións a lugares distantes do seu punto de orixe, relacionados coa migración.
  • Áreas con endemismos.
  • Vicariancia - a formación de barreiras á dispersión biótica e fluxo xénico, que tende a subdividir as especies e biotas, levando á especiación e á extinción.

Padróns e procesos

Para entender o padrón de distribución dos organismos cómpre ser consciente de que este padrón xorde da interacción de dous tipos de procesos. Procesos espacio-temporais de organismos vivos (bióticos) e do planeta (abióticos); son procesos que se producen diversamente no espazo ao longo do tempo. Estes procesos son de tres tipos principais: a extinción, a dispersión e a vicariancia.

  1. A extinción é o proceso no que unha poboación se divide despois dun evento de extinción central que, de certa forma, illa as poboacións restantes, e estas poden sufrir especiación por quebra de fluxo xénico.
  2. A dispersión é o conxunto dos procesos que posibilitan a fixación de individuos dunha especie nunha rexión diferente daquela onde vivían os seus proxenitores, e pode ocorrer a través da colonización de áreas afastadas e promover unha especiación por quebra de fluxo xénico.
  3. A vicarincia é un proceso evolutivo que se desencadea pola produción dun ou máis eventos xeolóxicos nunha área habitada por un determinado grupo. Se este grupo queda dividido e perde totalmente o contacto xenético (sexual), pode sufrir especiación.

O factor humano

A bioxeografía ten que ter en conta, para a interpretación do seu obxecto de estudo, as accións antopoxénicass, o factor humano. A humanidade alterou significativamente, e desde os seus albores, desde o paleolítico superior, desde o final do último período glacial, os ambientes terrestres; ena actualidade, tamén os oceánicos. Xa antes da actual explosión demográfica e industrial, era imposíbel encontrar nos continentes un só recuncho que non gardara memoria da alteración humana, aínda que a conciencia deste feito é recente. Actualmente é xa moi pequena a proporción de áreas que merezan seren chamadas "naturais", e o que encontramos no seu lugar son ambientes antropizados en diverso grao.

Divisións da bioxeografía: ecolóxica e histórica

A bioxeografía dividiuse en dúas ramas, a coñecida como bioxeografía histórica e a bioxeografía ecolóxica, cada unha delas apoiada nun destes elementos.

  • A bioxeografía ecolóxica estuda a biodiversidade no tempo e no espazo. Usando certas técnicas, como a teoría da tolerancia ecolóxica, baséase máis na distribución espacial dos seres vivos no momento actual.
  • A bioxeografía histórica enfócase máis no tempo, buscando como se foron dando as distribucións de especies até o seu estado actual.

Algúns consideran estas dúas ramas como irreconciliábeis; porén, cada unha é o complemento da outra.

As grandes rexións bioxeográficas

Rexións bioxeográficas terrestres

Ecozones
As grandes rexións bioxeográficas terrestres (segundo Wallace)      Rexión neártica      Rexión paleártica      Rexión neotropical      Rexión etiópica ou afrotropical      Rexión oriental ou indomalaia      Rexión australiana

A bioxeografía divide a parte continental da Terra en oito grandes rexións bioxeográficas:

O conxunto das rexións paleártica e a neártica constitúe pra moito autores a rexión holártica.

Rexións bioxeográficas mariñas

As rexións bioxeográficas mariñas están delimitadas por zonas climáticas e por correntes oceánicas, que poden servir de fronteiras para varios tipos de seres vivos.

Estas grandes rexións poden aínda subdividirse, e recentemente úsase o concepto de grande ecosistema mariño como a unidade de estudo e conservación das especies mariñas.

Historia da bioxeografía

Unha pregunta que podemos facer cando consideramos a historia da bioxeografía é en que medida a relixión influíu (ou continúa influíndo) nas ideas que nela se formulan. Desde un certo punto de vista, a idea dun centro de creación das especies e, a partir de aí, a súa dispersión ao resto del planeta foi o eixe das primeiras ideas sobre a distribución dos seres vivos, e aínda cando aparentemente estas ideas quedaron atrás coa aparición dos naturalistas, moitos continuaron tendo unha noción de que o eixe principal da distribución era a dispersión, e esta idea estaba influída indirectamente poas ideas relixiosas e filosóficas.

Século XVIII

Os primeiros descubrimentos que contribuíron ao desenvolvemento da bioxeografía como ciencia comezaron a mediados do século XVIII, cando os europeos exploraron o mundo e descubriron a biodiversidade da vida. Durante este século a maioría das visión do mundo formáronse ao redor da relixión e por moitos teólogos baseándose na Biblia. Carolus Linnaeus, na metade do século XVIII, iniciou as maneiras de clasificar os organismos a través da exploración de territorios descoñecidos. Cando se deu de conta de que as especies non eran tan perpetuas como el cría, desenvolveu a explicación da montaña para explicar a distribución da biodiversidade. Cando a Arca de Noé varou no monte Ararat e as augas descenderon, os animais dispersáronse en diferentes direccións na montaña. Isto demostraría a existencia de diferentes especies en diferentes climas, demostrando que as especies non eran constantes.[8]

Século XIX

Non foi até a introdución das ideas vicariancistas de Alfred Russel Wallace no sécuulo XIX cando o enfoque empezou a cambiar verdadeiramente. É entón cando comeza unha nova etapa na historia da bioxeografía, acompañada polo novo paradigma da bioloxía, a teoría da evolución, aínda que algúns autores xa formulan ideas evolucionistas antes que Darwin, pero sen telas concretado ou só citándoas como exemplos illados. E sen dúbida a evolución cambiou a bioxeografía como cambiou a todas as demais ramas da bioloxía. A bioxeografía de Darwin e Wallace predominaría durante case un século, aniquilando a idea da dispersión nesta ciencia e circunscribíndoa basicamente a aspectos ecolóxicos.

Século XX

O fin da chamada bioxeografía darwinista termina coa aparición da bioxeografía contemporánea, na que se buscan os factores que anteriormente se deixaban fóra como produtos do azar; ademais, como en todas as ciencias, cambia polo desenvolvemento tecnolóxico e do pensamento, neste caso tómase en conta a teoría da tectónica de placas, disponse da tecnoloxía para a análise filoxenética e rexéitanse algunhas teorías que se consideran obsoletas.

Isto foi, para a bioxeografía, unha revolución científica, que significou un cambio de paradigma. Los resultados son numerosos enfoques distintos, baseados en diferentes criterios de busca e análise. Entre os que destacan son, sobre todo, a panbioxeografía e a bioxeografía cladista. Esta última basea o seu método en tres piares: o método cladista, a tectónica de placas e a crítica do modelo dispersionista feita por León Croizat, sendo considerada como unha das principais escolas actuais da bioxeografía histórica. En parte polo impacto que tivo o cladismo na sistemática, a cal está intimamente relacionada coa bioxeografía, xa que incluso son áreas nas que traballan os mesmos autores.

Europe biogeography countries
Rexións bioxeográficas de Europa.

Aplicacións modernas da bioxeografía

A bioxeografía hoxe incorpora moitos campos diferentes incluíndo, pero non limitándose, a xeografía física, a xeoloxía, a botánica, a zooloxía e a bioloxía xeral. O enfoque principal que hoxe fai un bioxeógrafo é sobre que factores ambientais e o que inflúe o home na distribución dunha especie concreta en estudo. En canto ás aplicacións da bioxeografía como ciencia de hoxe, os avances tecnolóxicos permitiron dispoñer de imaxes vía satélite e o seu procesamento na Terra.[9]

Dous tipos principais de imaxes de satélite que son importantes dentro da bioxeografía moderna son o Global Production Efficiency Model (GLO-PEM) (Modelo de eficiencia de produción global) e a General Information Sensing (GIS) (Detección de Información Xeral).
O GLO-PEM utiliza imaxes de satélite da "observacións de vexetación repetitivas, espacialmente contiguas e tempos específicos." Estas observacións fanse a escala mundial.[10] Os GIS poden mostrar certos procesos na superficie da Terra, como localización de baleas ubicaciones, a temperatura superficial do mar e a batimetría.[11] Os científicos actuais tamén utilizan os arrecifes de coral para afondar na historia da bioxeografía a través de arrecifes fósiles.

Notas

  1. Smith, Charles (2006): "Introduction to Alfred Russel Wallace: Evolution of an Evolutionist. The Alfred Russel Wallace Page. Western Kentucky University.
  2. MacArthur Robert H. and Wilson Edward O. (1967): The theory of island biogeography. Princeton, New Jersey: Princeton University Press. ISBN 978-0-691-08836-5.
  3. von Humboldt (1805): Essai sur la geographie des plantes; accompagne d'un tableau physique des régions equinoxiales. Levrault, París.
  4. Watson H. C. (1847–1859): Cybele Britannica: or British plants and their geographical relations. Longman, London.
  5. de Candolle, Alphonse (1885): Géographie botanique raisonnée &c. Masson, Paris.
  6. Wallace A. R. (1876): The geographical distribution of animals. Macmillan, London.
  7. Browne, Janet (1983). The secular ark: studies in the history of biogeography. New Haven: Yale University Press. ISBN 0-300-02460-6.
  8. .Cox, C. Barry and Peter D. Moore (2010): Biogeography: an ecological and evolutionary approach. 8th Edition. Hoboken, New Jersey, USA: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 978-0-470-63794-4.
  9. "The New Biogeography and its Niche in Physical Geography". D. Watts Geography, Vol. 63, No. 4, Annual Conference 1978 (Novembro de 1978), pp. 324-337.
  10. Stephen D. Prince and Samuel N. Goward (1995): "Global Primary Production: A Remote Sensing Approach" Journal of Biogeography, Vol. 22, No. 4/5, Terrestrial Ecosystem Interactions with Global Change, Volume 2 (Jul.-Sep., 1995), pp. 815-835.
  11. Jønsson, Knud A. & Fjeldså, Jon (2006): "Determining biogeographical patterns of dispersal and diversification in oscine passerine birds in Australia, Southeast Asia and Africa". Journal of Biogeography 33 (7): 1155–1165.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Albert, J. S. & R. E. Reis (2011): Historical Biogeography of Neotropical Freshwater Fishes. University of California Press, Berkeley. 424 pp.
  • Albert, J.S.; Crampton, W.G.R. (2010). "The geography and ecology of diversification in Neotropical freshwaters". Nature Education 1 (10): 3.
  • MacArthur, Robert H. (1972). Geographic Ecology. New York: Harper & Row.
  • McCarthy, Dennis (2009). Here be dragons: how the study of animal and plant distributions revolutionized our views of life and Earth. Oxford & New York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-954246-8.

Outros artigos

Ligazóns externas

Alfred Russel Wallace

Alfred Russel Wallace, nado en Usk (Monmouthshire) o 8 de xaneiro de 1823 e finado en Broadstone (Dorset) o 7 de novembro de 1913, foi un naturalista explorador e biólogo, xeógrafo e antropólogo galés e inglés. Wallace é coñecido sobre todo por desenvolver el só o concepto de evolución por selección natural, central na teoría biolóxica da evolución, e publicalo en conxunto con Charles Darwin en 1858. Foi pioneiro na bioxeografía evolutiva.

Alóctono

Alóctono (en grego: allos, "outro", chthon, "terra"), fai referencia a calquera ente (biolóxico ou non) que non é indíxena do lugar onde se atopa.

Arquipélago Malaio

O arquipélago Malaio, tamén coñecido como Sueste Asiático Marítimo, Sueste Asiático Insular ou Insulindia é un grande arquipélago situado entre a parte continental do Sueste asiático e Australia, entre os océanos Índico e Pacífico. O grupo, con máis de 25.000 illas, é o maior arquipélago do mundo por área. Inclúe territorios dos estados de Indonesia, Filipinas, Singapur, Brunei, Malaisia (a zona oriental) e Timor Leste. Nalgunhas definicións inclúese tamén a illa de Nova Guinea e iso implica engadir o estado de Papúa Nova Guinea.

Asterales

A orde das Asterales reúne a plantas dicotiledóneas, incluíndo a familia Asteraceae, a que pertencen as margaridas ou os xirasois.

É unha orde cosmopolita, incluíndo diversas especies herbáceas, aínda que inclúe un pequeno número de árbores (Lobelia) e arbustos.

As Asterales poden ser caracterizadas a un nível morfolóxico e molecular. As sinapomorfías inclúen a utilización do oligosacárido inulina no almazenamento de nutrintes, e os estames apareceren densamente agregados en volta do carpelo ou mesmo fundidos nun tubo en torno do estilete.

Bioma

Un bioma (dos grego «bios», vida), tamén chamado paisaxe bioclimática ou áreas bióticas (e que non debe confundirse cunha ecozona ou unha ecorrexión), é unha determinada parte do planeta que comparte o clima, flora e fauna. Un bioma é o conxunto de ecosistemas característicos dunha zona bioxeográfica que está definido a partir da súa vexetación e das especies animais que nel predominan. É a expresión das condicións ecolóxicas do lugar no plano rexional ou continental: o clima e o chan determinarán as condicións ecolóxicas ás que responderán as comunidades de plantas e animais do bioma en cuestión.

En función da latitude, a temperatura, as precipitacións e a altitude, en definitiva, e das características básicas do clima, pódese dividir a terra en zonas de características semellantes; en cada unha desas zonas desenvólvese unha vexetación (fitocenose) e unha fauna (zoocenose) que cando están relacionadas, definen un bioma, que comprende as nocións de comunidade e a interacción entre chan, plantas e animais.

Hai diferentes sistemas para a clasificación de biomas, que en xeral adoitan dividir a terra en dous grandes grupos — biomas terrestres e biomas acuáticos-, cun número non demasiado grande de biomas. A escala planetaria, a selva tropical densa, a sabana, a estepa, os bosques temperados e a tundra, son os grandes biomas que caracterizan a biósfera e que teñen unha repartición zonal, é dicir, que non superan certos valores latitudinais. A escala rexional ou continental, os biomas son difíciles de definir, en parte porque existen diferentes patróns e tamén porque as súas fronteiras adoitan ser difusas (véxase o concepto de ecotono).

Os biomas a miúdo son coñecidos polos seus nomes locais. Por exemplo, un bioma de herbais coñécese como pradería en América do Norte, sabana en África, estepa en Asia, pampa en Suramérica e veld en Suráfrica.

Os biomas terrestres son descritos pola ciencia da bioxeografía. Por extensión, fálase de microbioma para designar a esfera da vida microbiota.

O concepto de bioma non debe confundirse con outros conceptos similares como o de ecozona —grandes extensións da superficie da terra onde as plantas e os animais desenvólvense en relativo illamento durante longos períodos de tempo, separados uns doutros polas características xeolóxicas, tales como océanos, grandes desertos, altas montañas ou cordilleiras, que forman barreiras á migración de plantas e animais—, hábitat —área que é habitada por unha especie particular de animais ou plantas— ou ecosistema—complexo dinámico composto por plantas, animais e microorganismos, e a natureza morta que os rodea actuando en interacción en tanto que unidade funcional—. As distintas ecorrexións do mundo agrúpanse tanto en biomas como en ecozonas.

Bioxeografía de illas

A bioxeografía de illas é un campo da bioxeografía que examina os factores que afectan a riqueza de especies das comunidades naturais illadas. A teoría foi desenvolvida para explicar a os patróns de riqueza de especies nas illas. Despois destas, a teoría empregouse a montañas rodeadas de desertos, lagos rodeados de terra seca, masas forestais fragmentadas e ata en hábitats naturais rodeados de contornas degradadas polos homes. Arestora emprégase como unha referencia para calquera ecosistema rodeado de ecosistemas únicos. Este campo de estudo comezárono na década dos 1960s os ecólogos Robert MacArthur e E.O. Wilson, que acuñaron de feito o termo de illa bioxeográfica, xa que este tería pretendía predicir o número de especies que existen en calquera illa, ou hábitat illado, creada de novo.

Coroloxía

A coroloxía (do grego antigo χῶρος chōros, "sitio", "lugar", " espazo" e λόγος logos, "estudo") é unha ciencia, dentro da bioxeografía, que estuda a distribución actual das plantas sobre a superficie terrestres e a causa desa citada distribución.

Distribución (bioloxía)

En bioloxía chámase distribución, área de distribución ou área de dispersión á repartición xeográfica dos seres vivos, animais ou vexetais, na superficie do globo, buscando un modelo que a defina, así como procurar a mellor maneira de explotar os recursos sen sobreexplotalos, e para anticipar os efectos do cambio climático, se é posíbel..

Especiación parapátrica

A especiación parapátrica ou parapátrida é un modo de formación de novas especies a partir de poboacións dunha mesma especie que viven en zonas de distrtibución que non se solapan significativamente, polo que, aínda que viven en zonas que son adxacentes, só aparecen xuntos nunha estreita zona de contacto, o que pode causar especiación en especies irmás co tempo. En bioxeografía este tipo de distribución das especies denomínase parapatría. Esta distribución xeográfica oponse á simpatría (viven na mesma área, solapándose) e alopatría ou peripatría (dous casos en que viven en distintas áreas).

Un exemplo, de incipiente especiación parapátrica son as poboacións da planta Anthoxanthum odoratum que viven en zonas mineiras contaminadas por metais pesados, xunto con poboacións adxacentes que viven un pouco máis lonxe en zonas xa non contaminadas. As poboacións que viven na zona contaminada desenvolveron adaptacións xenéticas para resistir a esa contaminación e ademais produciuse unha diferenza na época de floración con respecto ás poboacións de zonas non contaminadas, e un aumento da frecuencia de autopolinización, polo que na práctica se produce un illamento reprodutivo entre as poboacións, o que poderá co tempo dar lugar á formación de dúas especies irmás por especiación parapátrica.

Especiación peripátrica

A especiación peripátrica ou peripátrida é un modo de formación de novas especies ou especiación a partir de poboacións periféricas pequenas. Os termos peripátrico e peripatría úsanse en bioxeografía para referirse aos organismos cuxas áreas de distribución son adxacentes pero non se solapan, polo que permanecen illados; por exemplo nunha illa oceánica en comparación co continente. Tales organismos están xeralmente estreitamente relacionados (por exemplo, son especies irmás), e as súas distribucións son o resultado de especiación peripátrica.

Na especiación peripátrica fórmanse novas especies en poboacións periféricas illadas pequenas; é similar á especiación alopátrica en que as poboacións están illadas e o intercambio de xenes entre elas está impedido. Porén, na especiación peripátrica unha das poboacións é moito máis pequena que a outra, cousa que non ocorre na alopátrica típica. Unha posible consecuencia da especiación peripátrica é que unha especie ancestral moi estendida xeograficamente faise parafilética, converténdose nunha paraespecie. O concepto de paraespecie é, por tanto, unha consecuencia lóxica do concepto evolutivo de especie, polo cal unha especie da lugar a unha especie filla. A evolución do oso polar a partir do oso pardo é un exemplo ben documentado de especie viva que deu lugr a outra especie viva por medio da evolución dunha poboación localizada nas marxes da súa área de distribución ancestral.A especiación peripátrica foi proposta orixinalmente por Ernst Mayr, e está relacionada co efecto fundador, porque pequenas poboacións vivas poden sufrir pescozos de botella selectivos. A deriva xenética suponse que xoga un importante papel na especiación peripátrica.

Especie introducida

En bioxeografía, unha especie introducida, especie foránea, especie alóctona ou especie exótica é unha especie non nativa do lugar ou da área na que se considera introducida. Exemplares de diferentes especies foron transportados polos seres humanos, xa sexa accidental ou deliberadamente, a unha nova localización onde a especie pode ou non chegar a estabelecerse. As especies introducidas poden danar ou non o ecosistema no que se introducen, alterando ou non o nicho ecolóxico doutras especies. Se unha especie resulta daniña, producindo cambios importantes na composición, a estrutura ou os procesos dos ecosistemas naturais ou seminaturales, pondo en perigo a diversidade biolóxica nativa (en diversidade de especies, diversidade dentro das poboacións ou diversidade de ecosistemas) entón é denominada especie invasora. Por mor dos seus impactos nos ecosistemas onde foron introducidas, algunhas destas especies son consideradas enxeñeiros de ecosistemas.

Filoxenia molecular

A filoxenia molecular (ou filoxenética molecular) é unha rama da filoxenia que analiza as diferenzas moleculares hereditarias, principalmente nas secuencias de ADN, para obter información sobre as relacións evolutivas entre os organismos. O resultado dunha análise de filoxenia molecular exprésase nunha árbore filoxenética. A filoxenia molecular é un aspecto da sistemática molecular, un termo de significado amplo que tamén inclúe o uso dos datos moleculares en taxonomía e bioxeografía.

Fitoxeografía

A fitoxeografía é a disciplina que estuda a distribución xeográfica das plantas, constitúe unha parte da bioxeografía. Os primeiros traballos fitoxeográficos tiveron a súa base nas nocións desenvolvidas por Charles Flahault e Henri Gaussen.

Liña de Wallace

A liña de Wallace é unha liña que marca a fronteira entre tipos de fauna trazada en 1859 polo naturalista británico Alfred Russel Wallace e nomeada así por Thomas Henry Huxley, que separa as ecozonas de Asia e Wallacea, unha zona transicional entre Asia e Australia. Ao oeste desa liña viven organismos relacionados coas especies asiáticas; ao leste, vive unha mestura de especies de orixe asiática e australiana. Wallace decatouse desta clara división durante as súas viaxes polas Indias Occidentais no século XIX.

A liña discorre a través de Indonesia, entre Borneo e Sulawesi (Célebes), e a través do estreito de Lombok entre Bali e Lombok. A distancia entre Bali e Lombok é pequena, duns 35 km. As distribucións de moitas especies de aves teñen como límite esta liña, xa que moitas aves non cruzan nin sequera os estreitos máis curtos de augas oceánicas abertas. Algúns morcegos teñen distribucións que cruzan a liña, pero os animais terrestres máis grandes están xeralmente limitados a vivir a un dos lados da liña; son excepcións os macacos, porcos e tarseiros en Sulawesi. Outros grupos de plantas e animais mostran padróns que difiren cos límites marcados pola liña, pero o padrón xeral global é forte e razoablemente consistente coa liña. A flora non segue a liña de Wallace na mesma extensión que a fauna. Un xénero de plantas que non cruza a liña é o xénero australiano Eucalyptus.

Neotrópico

Neotrópico, Rexión Neotropical e Ecozona Neotropical son termos utilizados en bioxeografía e ecoloxía para identificar a rexión tropical do continente americano, unha das oito ecozonas terrestres que dividen a superficie da Terra.

Paleontoloxía

A paleontoloxía (do grego παλαιός "antigo", ὅν, ὄντος "o ser" e λόγος "tratado", é dicir, "tratado dos seres antiquísimos") é a ciencia que trata do estudo dos organismos desaparecidos, a partir dos seus restos fósiles, é dicir, dos restos mineralizados de seres vivos ou vestixios de vida de organismos que existiran durante a historia da vida na Terra. Os científicos que traballan nela denomínanse paleontólogos.

Encádrase dentro das Ciencias naturais, posúe un corpo de doutrina propio e comparte fundamentos e métodos coa Xeoloxía e a Bioloxía, coas que se integra estreitamente.

Entre os seus obxectivos están, ademais da reconstrución dos seres vivos pretéritos, o estudo do seu orixe, dos seus cambios no tempo (evolución e filoxenia), das relacións entre eles e coa súa contorna (paleoecoloxía, evolución da biosfera), da súa distribución espacial e migracións (paleobioxeografía), das extincións, dos procesos de fosilización (tafonomia) ou da correlación e datación das rochas que os conteñen (bioestratigrafía).

A Paleontoloxía permite entender a actual composición (biodiversidade) e distribución dos seres vivos sobre a Terra (bioxeografía) -antes da intervención humana-, achegou probas indispensables para a solución de dúas das máis grandes controversias científicas do pasado século, a evolución dos seres vivos e a deriva dos continentes, e, de cara ao noso futuro, ofrece ferramentas para a análise de como os cambios climáticos poden afectar ao conxunto da biosfera.

Rexión Indomalaia

A rexión indomalaia é unha das oito ecozonas en que se dividiu o planeta. Abrangue a maior parte do Asia do sur e do sueste.

Anteriormente coñecíase en bioxeografía como rexión Oriental. A ecozona indomalaia esténdese desde Afganistán e Paquistán ao subcontinente Indio, o sueste de Asia e as provincias chinesas tropicais e subtropicais de Guangxi, Yunnan e Hainan. Cobre as maiores illas de Indonesia ata as illas de Bali ao sur, e Borneo ao norte, ao leste das cales se encontra a liña de Wallace, que delimita a fronteira desta ecozona coa de Australasia. A rexión indomalaia tamén inclúe as Filipinas, as terras baixas de Taiwán e as illas xaponesas de Ryukyu.

Wallacea

Wallacea é o nome dunha área bioxeográfica que abrangue un grupo de illas da zona leste de Indonesia, que están separadas por estreitos de augas profundas tanto das plataformas continentais de Asia coma de Australia. Comprende a illa de Sulawesi, que é a máis grande do grupo, e as illas de Lombok, Sumbawa, Flores, Sumba, Timor, Halmahera, Buru, Seram, e moitas illas pequenas.

As illas de Wallacea están situadas entre Sondalandia (a Península Malaia, Sumatra, Borneo, Xava, e Bali) ao oeste, e Oceanía Próxima incluíndo Australia e Nova Guinea ao sur e leste. A área total de Wallacea é de 347.000 km².

Xeografía

A xeografía (provén do latín geographĭa e este dende o grego «γεωγραφία» xeografía 'descrición da terra', composto de "η γη" (hê gê) a Terra e "γραφειν" [graphein] describir, debuxar) é a ciencia que ten por obxectivo o estudo e a representación gráfica da superficie terrestre así como a distribución espacial de fenómenos significativos na paisaxe. Tamén estuda a relación recíproca entre a superficie terrestre e a Lúa e o Sol (xeografía matemática), e entre os humanos e o ambiente (xeografía humana). Un dos temas centrais da xeografía é a relación home-natureza. A natureza enténdese aquí como as forzas que xeraron ou contribúen a moldear o espazo xeográfico, é dicir, a dinámica e interaccións que existen entre a atmosfera, litosfera, hidrosfera e biosfera.

O primeiro autor en utilizar a palabra Xeografía foi Eratóstenes (276-194 a. C.) nunha obra hoxe en día perdida. Con todo, a fundación da xeografía atribúeselle ao tamén considerado pai da Historia, Heródoto (484-425 a. C.). Para os gregos é a descrición racional da Terra, e particularmente para Estrabón, é o estudo das distintas rexións humanas como base para a formación do político.

Existen catro tradicións históricas na investigación xeográfica, as cales son: a análise espacial de fenómenos naturais e humanos, os estudos do territorio (do lugar á rexión), o estudo da relación entre o home e a súa contorna, e a investigación das ciencias da Terra.A Xeografía moderna é unha disciplina cuxo obxectivo primordial é a explicación de toda unha serie de fenómenos naturais e sociais e non se refire só á localización deses fenómenos, senón que tamén estuda como son e como cambiaron para chegar a ser o que son. A Xeografía divídese en dúas ramas principais, a saber, xeografía física e xeografía humana.

A xeografía humana ocúpase do estudo das persoas e as súas comunidades, culturas, economía e interaccións co medio ambiente mediante o estudo das súas relacións co espazo e o lugar e a través del.

A xeografía física ocúpase do estudo de procesos e patróns na contorna natural como a atmosfera, a hidrosfera, a biosfera e a xeosfera.

Isto quere dicir que a xeografía é unha ciencia que se cuestiona simultáneamente polas pegadas deixadas polas sociedades (desenvolvemento dos espazos) ou a natureza (oroxénese das montañas, impacto do clima, etc.); así mesmo, a dinámica e organización espacial das sociedades e á súa vez as do medio físico (como o cambio climático ou o aumento do nivel medio do mar). É por iso que a Xeografía interésase nos fundamentos (físicos e humanos) así como nas dinámicas (demográficas, socio-económicas, culturais, climáticas, bioxeográficas, xeomorfolóxicas) que teñen lugar nas distintas rexións. Doutra banda esta disciplina comezou a integrar aos poucos diversos campos culturais, como a pintura paisaxista, a literatura descritiva e inclusive o cine.

Campos de estudo da bioloxía

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.