Biodiversidade

Biodiversidade (neoloxismo do inglés Biodiversity, á súa vez do grego βιο-, vida, e do latín diversĭtas, -ātis, variedade), ou diversidade biolóxica, é o termo polo que se fai referencia á riqueza de seres vivos dun hábitat ou dun ecosistema, ou a todo o conxunto de seres vivos da Terra. A biodiversidade refírese tanto á riqueza en diversidade de especies, á súa diversidade intraespecífica, como á de grupos taxonómicos, á de grupos morfolóxicos e á de grupos funcionais. Así, o concepto abrangue as diferenzas de composición das individuos de especies (diferenzas xenéticas) e de especies de hábitats ata a variedade taxonómica e funcional das especies dun ecosistema.

Os patróns de biodiversidade dos hábitats e ecosistemas son resultado de procesos que van de mecanismos a curta escala, como a migración ou nacementos, a escalas de miles de millóns de anos, como os procesos especiación e evolución. O termo popularizouse logo da Conferencia Internacional do Río de Xaneiro de 1992 na que numerosos estados asinaron a Convención sobre a diversidade biolóxica[1].

Non se sabe con certeza o número total de diferentes especies existentes no planeta: a súa riqueza de especies. Estímase que podería haber máis de 30 millóns de especies, aínda que só se ben só se clasificaron algo máis de 2 millóns. Unha estimación de 2011 a cuantificouna en 8,74 millóns de especies, cunha marxe de erro de 1 millón [1].

A biodiversidade ten patróns bioxeográficos e temporais: a riqueza de especies varía segundo a latitude e os ecosistemas analizados e segundo os estadios das sucesións. Estímase que hábitats con maior diversidade son os bosques tropicais, os arrecifes de coral e as zonas de afloramento costeiro.

Lynx lynx poing
Imaxe dun Lince Lynx lynx, unha das cerca de 2 millóns de especies identificadas que conforman o patrimonio da Biodiversidade no mundo

Perda da biodiversidade

Cada día que pasa extínguense especies enteiras de seres vivos. Esta desaparición acentuouse nos últimos anos, debido a diferentes causas, entre as que destacan:

  • Destrución e fragmentación de hábitats, especialmente bosques e ecosistemas acuáticos, debido a incendios forestais, deforestación con fins madeireiros, construción de vías de comunicación, encoros etc.
  • Contaminación de augas, solos e atmosfera, producida polo desenvolvemento agrícola[2], industrial e urbano. Un dos seus efectos máis importantes é o cambio climático.
  • Caza incontrolada. A caza regrada e vixiada non ten por que causar danos ,pero a caza e a pesca abusiva exterminan especies ameazadas.
  • Introdución de especies exóticas fóra da súa área de distribución, o que pon en perigo as especies autóctonas. A venda de certos animais de compañía que se poñen de moda en determinados momentos, o coleccionismo de animais, e o comercio ilegal de especies protexidas supoñen unha gran perda de biodiversidade.

Necesidade de conservar a biodiversidade

Aínda que algunhas especies desaparecen por causas naturais, hai un gran número de razóns para evitar a súa desaparición por causas non naturais; entre elas destacan:

  • Razóns éticas. Respectar a diversidade de formas de vida e evitar as accións que poñan en perigo os seres vivos é necesario para preservar os recursos das futuras xeracións.
  • Razóns comerciais. A biodiversidade proporciona recursos que poden chegar a esgotarse. Moitos materiais que necesitamos habitualmente, como a madeira, o papel, os alimentos etc., obtéñense de organismos vivos. Algunhas substancias producidas por seres vivos utilízanse para curar ou previr enfermidades, como os antibióticos obtidos dos fungos. A maior parte dos materiais que utilizamos no vestir teñen unha orixe animal(peles, la etc.) ou vexetal (algodón, liño etc.). Outros materiais, coma o caucho, o aceite, as fibras, o papel e a resina obtidas de especies vexetais son fontes de materia prima para a industria.
  • Razóns estéticas ou recreativas. As plantas e os animais salvaxes son fonte de admiración para moitas persoas, teñen un alto valor estético e son obxecto de lecer. Por outro lado, posibilitan a obtención de ingresos do turismo, a caza controlada, os safaris fotográficos,etc.
  • Razóns científicas. Manter a biodiversidade permite coñecer mellor o funcionamento dos ecosistemas e o papel dos distintos seres vivos en cada un deles.

Datos

A finais da década dos 2010 está claro que a perda de biodiversidade estase a estender, e os seus efectos están encadeándose. En 2019 estímase que nos trinta anos anteriores tense perdido o 80% da masa viva de insectos, afectando pola cadea trófica a outros animais que dependen deles para a súa alimentación.[2]

Notas

  1. Biodiversité. Encyclopædia Universalis
  2. 2,0 2,1 "“Dicen que exageramos, pero si hemos perdido el 80% de los insectos, la palabra es 'catastrófico'”". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-02-27.
BirdLife International

BirdLife International é unha organización internacional dedicada á protección das aves e os seus hábitats. Trátase dunha federación de asociacións democráticas e independentes que teñen como obxectivo a conservación e o estudo das aves. Actualmente a rede mundial de BirdLife International conta con representantes en máis de 100 países.BirdLife International fundárona en 1922 os ornitólogos norteamericanos Gilbert Pearson e Jean Théodore Delacour co nome International Council for Bird Preservation (ICBP). Tratábase dun grupo de presión que deixou de actuar despois da Segunda Guerra Mundial. Volveu á actividade en 1983 co nomeamento dun director profesional e cambiou o seu nome en 1993 polo actual de BirdLife International.

Entre os seus Presidentes de Honor están a princesa Takamado do Xapón e a raíña Noor de Xordania.Os obxectivos de BirdLife International son:

Previr a extinción de todas as especies de aves

Mellorar o estado de conservación das aves

Conservar e mellorar os hábitats das aves do mundo

Conservar a través das aves a biodiversidade do planeta e a calidade de vida das persoas.BirdLife International é membro da Lista Vermella da IUCN e a súa autoridade oficial en materia de aves.BirdLife realiza cooperacións con máis de catro mil traballadores, dous millóns e medio de socios, dez millóns de seguidores e xestiona máis de 1 millón de hectáreas.BirdLife International ten programas de traballo conservacionistas nas seguintes partes do mundo, que son descritas como "rexións": África, as dúas Américas, Asia, Europa e Asia central, o Oriente Próximo e o Pacífico.En cada unha das rexións, BirdLife ten nove programas, algúns dos cales xa están ben establecidos e outros son de implantación máis recente e responden a asuntos específicos sobre a conservación. Ademais dos programas rexionais, hai programas "globais", que non son específicos dunha rexión, os cales axudan ás organizacións membros a traballar en prioridades comúns, proporcionan un marco de planeamento, aplicación e monitorización e avalían o traballo de conservación realizado. Os progamas de BirdLife son: o Programa Mariño e de Aves Mariñas, o Programa de Prevención das Extincións de Birdlife, o Programa de Aves e Rutas Migratorias, o Programa de Cambio Climático, o Programa de Bosques da Esperanza, o Programa de Apoderamento Local, o Programa de Especies Alleas Invasivas e o Programa de Áreas Importantes para a Biodiversidade e as Aves.BirdLife International publica unha revista chamada World Birdwatch, que contén novas recentes e artigos acreditados sobre aves, os seus hábitats, e a súa conservación arredor do mundo.

Bosque

Un bosque (da palabra xermánica busch: arbusto e por extensión monte de árbores), ou foresta (do latín foresta) se é de grande extensión, é unha superficie con gran densidade de árbores pero con presenza de estratos arbustivos, herbáceos e musgos máis ou menos importantes. Estas comunidades de plantas cobren grandes áreas do globo terráqueo e funcionan como hábitats dos animais, moduladores de fluxos hidrolóxicos e conservadores do solo, constituíndo un dos aspectos máis importantes da biosfera da Terra. Aínda que a miúdo consideráronse como consumidores de dióxido de carbono, os bosques maduros son practicamente neutros en canto ao carbono, e son soamente os alterados e os novos os que actúan como devanditos consumidores. De calquera xeito, os bosques maduros xogan un importante papel no ciclo global do carbono, como reservas estables de carbono e a súa eliminación comporta un incremento dos niveis de dióxido de carbono atmosférico.

Os bosques encóntranse en tódalas rexións en que é posible o seu crecemento, ata a altitude chamada "a liña das árbores" (liña tope imaxinara a partir da cal non se dá o crecemento, debido ó frío ou a escaseza de osíxeno) e excepto en zonas de baixa pluviosidade ou risco frecuente de incendios forestais. En xeral, os bosques conteñen un gran número de árbores de diferentes especies e alturas combinadas con capas de vexetación baixa, o que proporciona unha eficiente distribución da luz solar. Os bosques ás veces conteñen moitas especies de árbores dentro dunha pequena área (como a selva chuviosa tropical e o bosque temperado caducifolio), ou relativamente poucas especies en áreas grandes (por exemplo, a taiga e bosques áridos montañosos de coníferas). Un bosque, na súa forma natural, é o fogar de moitas especies animais e vexetais, e o peso da súa biomasa nun quilómetro cadrado dado é alto, comparado con outros ecosistemas. A maior parte desta biomasa áchase no subsolo nos sistemas de raíces e como detritos de plantas parcialmente descompostos. O compoñente leñoso dun bosque contén lignina, cuxa descomposición é relativamente lenta comparado con outros materiais orgánicos como a celulosa e outros carbohidratos.

A ciencia que estuda os bosques como explotación comercial denomínase silvicultura.

CITES

O Convenio CITES (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres) é un acordo internacional concertado entre os gobernos para asegurar que o comercio internacional de espécimes de animais e plantas salvaxes non ameace a súa supervivencia no seu medio natural. Foi asinado en Washington o 3 de marzo de 1973 por 21 países e entrou en vigor o 1 de xullo de 1975. Actualmente están adheridos 172 países, denominados Partes. A adhesión de España ao Convenio CITES efectuouse mediante o Instrumento de ratificación de 16 de maio de 1986.

Hoxe en día, o CITES ofrece diversos graos de protección a máis de 33.000 especies de animais e plantas.

Coral (animal)

Corais ou antozoarios son animais cnidarios e unha das marabillas do mundo submarino. Os corais constitúen colonias coloridas que crecen nos mares e poden formar recifes de grandes dimensións que albergan un ecosistema cunha biodiversidade e produtividade extraordinarias.

O maior arrecife de coral vivo atópase na Gran Barreira de Coral, na costa da Queensland, Australia. A maioría dos corais desenvólvense en augas tropicais e subtropicais, mais poden atoparse pequenas colonias de coral ata en augas frías, como ao longo da Noruega.

De feito, os corais son rochas vivas moi procuradas no comercio acuarista, unha das razóns de que estean ameazados. O coral é o exoesqueleto de colonias de cnidarios.

Destrución do hábitat

A destrucción do hábitat é o proceso polo cal un hábitat natural é transformado nun hábitat incapaz de manter as especies orixinarias do mesmo. As plantas e animais que o utilizaban son destruídas ou forzadas a emigrar, e como consecuencia hai unha redución na biodiversidade. A agricultura é a causa principal da destrución de hábitats. Outras causas importantes son a minería, a deforestación, a sobrepesca e a proliferación urbana. A destrución de hábitats é actualmente a causa máis importante da extinción de especies no mundo. É un proceso con poderosos efectos na evolución e conservación biolóxica. Entre as causas adicionais están a fragmentación de hábitats, procesos xeolóxicos, cambios climáticos, especies invasoras, alteracións dos nutrientes e as actividades humanas.

Os termos perda de hábitat e redución de hábitat úsanse nun sentido máis amplo incluíndo a perda de hábitat por outros factores tales como contaminación da auga e contaminación acústica.

Ecoloxía

A ecoloxía (do grego: οἶκος, "casa"; -λογία, "estudo de") é a disciplina científica da bioloxía que estuda as interrelacións entre os seres vivos e o seu ambiente: é «a bioloxía dos ecosistemas». Estuda como esas interaccións entre os organismos e o seu ambiente afectan á distribución ou a abundancia das especies, entre outras. O concepto de ambiente abrangue a características físicas e químicas (factores abióticos locais, climáticos ou xeolóxicos) e a especies que coexisten neses hábitats (factores bióticos).

Os ecosistemas están compostos por partes que interactúan dun xeito dinámico (a nivel espacial e temporal), e que inclúen aos organismos e aos factores abióticos. Os procesos dos ecosistemas, como a produción primaria, a pedoxénese, o ciclo de nutrientes ou a formación de hábitats, regulan o fluxo de enerxía e materia no ambiente. Estes procesos susténtanse en organismos que evolucionaron características morfolóxicas ou funcionais específicas, que son a biodiversidade. A biodiversidade pódese cuantificar ou definir en base á diversidade de xenes, especies, grupos taxonómicos ou grupos funcionais e que é a base de múltiples servizos do ecosistema.

Algúns dos primeiros conceptos da ecoloxía xurdiron con filósofos gregos como Hipócrates ou Heródoto e os seus estudos da natureza, describindo a bioxeografía ou as interaccións entre especies. O definición da teoría evolutiva, cos conceptos de adaptación e a selección natural, asentaron as bases para o inicio dunha disciplina, que acadou só a súa forma a finais do século XIX e comezos do XX cos avances na bioloxía evolutiva e a xenética. Comprender como a biodiversidade afecta a función ecolóxica foi o principal enfoque dos estudos ecolóxicos no seu nacemento, e arestora un dos fundamentais. Os ecólogos tratan de explicar as interaccións entre individuos e especies, a adaptación aos hábitats, a distribución dos organismos no ambiente, o fluxo de materia e enerxía nos ecosistemas e a sucesión ecolóxica.

Os conceptos da ecoloxía aplícanse na bioloxía da conservación e manexo de recursos naturais (como na agricultura, a silvicultura ou a pesca), a planificación urbana (ecoloxía urbana) e ocupación humana dos ecosistemas ou á economía. Os ecosistemas determinan os procesos que sustentan o capital natural (como a biomasa, os recursos de combustibles ou as fontes para elaboración de medicamentos), determinan os ciclos bioxeoquímicos globais e os hídricos e teñen un impacto humano a nivel histórico e económico.

Encyclopedia of Life

Encyclopedia of Life (Enciclopedia da Vida), abreviadamente EOL é un proxecto de enciclopedia cooperativa en liña, que ten como propósito construír unha enciclopedia que conteña un artigo para cada unha das especies de seres vivos existentes no planeta Terra.

Cada artigo podeá contener sons, vídeos, imaxes, gráficos e textos.Dispoñía inicialmente dun fondo de 50 millóns de dólares provenientes de cinco grandes institucións científicas, encabezadas pola Fundación McArthur.

A páxina web de internet da enciclopedia contén información do proxecto, FAQs e páxinas de demostración.O comité directivo do proxecto está composto por membros veteráns de:

o Consorcio da Biblioteca da Herdanza da Biodiversidade,

o Museo Field de historia natural,

a Universidade de Harvard,

a Fundación McArthur,

o Laboratorio de Bioloxía Mariña,

o Xardín Botánico de Missouri,

a Fundación Alfed P. Sloan e

o Instituto Smithsoniano.O proxecto non permite achegas directas dos usuarios, como ocorre na Wikipedia.

Global Biodiversity Information Facility

A Global Biodiversity Information Facility (GBIF) é unha organización internacional que trata de que os datos científicos sobre biodiversidade estean dispoñíbeis na Internet usando servizos web. Os datos son proporcionados por moitas institucións de todo o mundo, e a estrutura da información da GBIF fai que estes datos sexan accesíbeis e permite buscas nun único portal. Os datos dispoñíbeis a través do portal da GBIF son principalmente datos de distribución de plantas, animais, fungos e microorganismos, e datos de nomes científicos.

A misión da GBIF é facilitar o acceso libre e aberto aos datos de biodiversidade do mundo para propiciar un desenvolvemento sustentábel. As prioridades, cun énfase en promover a participación e traballar con socios, inclúen mobilizar datos sobre biodiversidade, desenvolver protocolos e estándares para asegurar a integridade científica e a interoperabilidade, construír unha arquitectura informática que permita a interconexión de distintos tipos de datos provenientes de fontes dispares, promover a construción de capacidades e catalizar o desenvolvemento de ferramentas analíticas para unha mellor toma de decisións.

A GBIF trata de formar ligazóns informáticas entre recursos de datos dixitais de todo o espectro da organización biolóxica (de xenes a ecosistemas), e conectar estes con problemas importantes para a ciencia, a sociedade e a sustentabilidade usando xeoreferenciación e ferramentas de información xeográfica. Traballa en asociación con outras organizacións internacionais como a asociación do Catálogo da Vida, Biodiversity Information Standards (TDWG), Consortium for the Barcode of Life (CBOL), a Encyclopedia of Life (EOL) e GEOSS.

INaturalist

iNaturalist é un proxecto científico e cidadán e unha rede social conectada de naturalistas, científicos e biólogos co obxectivo de construír e mapear a biodiversidade en todo o globo compartindo observacións. As observacións poden ser engadidas a través da páxina web ou dende unha aplicación móbil. As observacións achegan valiosos datos abertos a unha gran variedade de proxectos investigadores científicos, museos, xardíns botánicos, parques, e outras organizacións. Os usuarios de iNaturalist contribuíron con máis de dous millóns de observacións dende o súa creación no 2008, e o proxecto foi chamado "un líder das aplicacións móbiles de historia natural". e o proxecto está considerado como "líder entre as aplicacións móbiles de historia natural."

Lugar de importancia comunitaria

Os Lugares de importancia comunitaria (LIC) son zonas de Europa designadas de interese comunitario pola súa potencial contribución a restaurar o hábitat natural, incluíndo os ecosistemas e a biodiversidade da fauna e flora silvestres. Emanan da directiva 92/43/CEE da Unión Europea. Estes lugares, seleccionados polos diferentes estados membros sobre a base de estudos científicos, pasarán a formar parte das Zonas especiais de conservación, que se integrarán na Rede Natura 2000.

Mar Arxentino

O mar arxentino é un sector do océano Atlántico que cobre a plataforma continental adxacente ás costas da República Arxentina. Definido como unha rexión ecolóxica, o mar arxentino é un mar epicontinental, e comprende a zona desde a boca do estuario do Río da Prata polo norte (paralelo 35º Sur) ata a illa dos Estados polo sur, e desde a costa arxentina ata a isobata dos 200 metros de profundidade, que inclúe ás illas Malvinas. Definido como un límite político, coincide coa zona económica exclusiva definida pola Arxentina na súa porción continental e as illas Malvinas, incluíndo parte do banco Namuncurá ou Burdwood (aproximadamente 56º 30' Sur). É dicir ata as 350 millas náuticas (370´4 km) da liña de base costeira. O seu ancho varía entre 210 quilómetros fronte a Mar da Prata e 850 na latitude das Illas Malvinas. A liña costeira prolóngase por 4.725 km. Ao leste do Mar Arxentino esténdese a aínda máis extensa e moito máis profunda conca Arxentina.

Mar de Groenlandia

O mar de Groenlandia é a parte máis setentrional do océano Atlántico Norte, inmediatamente ao sur do océano Ártico. Está localizado entre a costa oriental de Groenlandia, as illas Svalbard, a illa de Jan Mayen e Islandia. O mar de Groenlandia defínese a miúdo como parte do océano Ártico, e ás veces como parte do océano Atlántico. Comprende aproximadamente 1 205 000 km² e a súa profundidade media é duns 1.450 m. O punto máis profundo, 5.600 m, foi atopado na fosa Molloy («Molloy Deep»), no estreito de Fram, entre o nordés de Groenlandia e as Svalbard.

National Biodiversity Network

A National Biodiversity Network (NBN) é unha iniciativa colaborativa xurdida no Reino Unido cuxo obxectivo é facer dispoñible información sobre a biodiversidade a través de varios medios de comunicación, incluíndo a Internet vía NBN Gateway, o portal da base de datos de NBN.

Cóidase que unhas 60 000 persoas achegan habitualmente información de biodiversidade no Reino Unido e en Irlanda. A maioría deste esforzo é voluntario e é organizado a través de 2 000 sociedades nacionais. O goberno do Reino Unido e as súas axencias tamén recollen dato de biodiversidade e un dos elementos principais para a interpretación destes datos é a rede de Local (Biological) Records Centres.

Paisaxe protexida

Unha paisaxe protexida é un espazo natural que polo seu valor estético, ou singularidade no aproveitamento humano do medio natural, se lle outorga unha protección. Esta figura e protección pretende conservar a paisaxe e os elementos socio-económicos que a orixinaron e a mantiveron.O marco lexislativo galego recoñece esta categoría seguindo a Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade española e o Convenio da paisaxe do Consello de Europa.

Paleontoloxía

A paleontoloxía (do grego παλαιός "antigo", ὅν, ὄντος "o ser" e λόγος "tratado", é dicir, "tratado dos seres antiquísimos") é a ciencia que trata do estudo dos organismos desaparecidos, a partir dos seus restos fósiles, é dicir, dos restos mineralizados de seres vivos ou vestixios de vida de organismos que existiran durante a historia da vida na Terra. Os científicos que traballan nela denomínanse paleontólogos.

Encádrase dentro das Ciencias naturais, posúe un corpo de doutrina propio e comparte fundamentos e métodos coa Xeoloxía e a Bioloxía, coas que se integra estreitamente.

Entre os seus obxectivos están, ademais da reconstrución dos seres vivos pretéritos, o estudo do seu orixe, dos seus cambios no tempo (evolución e filoxenia), das relacións entre eles e coa súa contorna (paleoecoloxía, evolución da biosfera), da súa distribución espacial e migracións (paleobioxeografía), das extincións, dos procesos de fosilización (tafonomia) ou da correlación e datación das rochas que os conteñen (bioestratigrafía).

A Paleontoloxía permite entender a actual composición (biodiversidade) e distribución dos seres vivos sobre a Terra (bioxeografía) -antes da intervención humana-, achegou probas indispensables para a solución de dúas das máis grandes controversias científicas do pasado século, a evolución dos seres vivos e a deriva dos continentes, e, de cara ao noso futuro, ofrece ferramentas para a análise de como os cambios climáticos poden afectar ao conxunto da biosfera.

Reserva da biosfera

As reservas da biosfera son ecosistemas terrestres ou costeiros ou mariños, ou unha combinación dos mesmos, que se recoñecen no plano internacional do Programa sobre o Home e a Biosfera (MAB, Man and the Biosphere Programme), que é iniciativa da UNESCO.

Dentro da Rede Mundial de Reservas da Biosfera do programa MAB creáronse ata o 2017 669 reservas da biosfera. Están en 120 estados da UNESCO e 20 deles son reservas transfronteirizas.Con esta designación, o programa MAB, iniciativa da UNESCO, pretende que se leve a cabo unha demarcación, xestión e conservación destes ecosistemas e da súa biodiversidade e culturas. Nunha reserva da biosfera débese incluír unha zona núcleo, área centrais protexida e con especial interese de conservación da súa biodiversidade, unha zona tampón, área de transición arredor das área núcleo na que se limitan as actividades non relacionadas coa súa conservación, e unha zona de transición, na que se promoven as actividades de conservación de biodiversidade e unha economía sustentable. Isto faise co obxectivo de manter un desenvolvemento sustentábel dos recursos naturais e as comunidades humanas que habitan nelas. Este esforzo require investigación, seguimento, educación e preparación.

The Plant List

The Plant List é unha lista de nomes botánicos de especies de plantas creada polos Royal Botanic Gardens, Kew e o Missouri Botanical Garden lanzada en 2010. Pretende ser completa, é dicir, conter todos os nomes das especies coñecidas.

Existe tamén un proxecto complementario chamado International Plant Names Index (IPNI, Índice de Nomes de Plantas Internacional), no cal os xardíns de Kew están tamén implicados. O IPNI ten como obxectivo proporcionar detalles da publicación do nome e non pretende determinar cales son os nomes aceptados para as especies. Os novos nomes que se publican son engadidos automaticamente desde o IPNI ao World Checklist of Selected Plant Families (Lista de Comprobación Mundial de Familias de Plantas Seleccionadas), unha base e datos que é a base de The Plant List.

Unión Internacional para a Conservación da Natureza

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), (en inglés: International Union for Conservation of Nature and Natural Resources, IUCN), é unha organización internacional dedicada á conservación dos recursos naturais.

Fundada en 1948, ten a súa sede en Gland (Suíza). A IUCN reúne 78 estados, 112 axencias de goberno, 735 ONGs e miles de expertos e científicos de 181 países.

A misión da IUCN é influenciar, estimular e asistir sociedades en todo o mundo na conservación da integridade e biodiversidade da natureza, e asegurar que calquera uso dos recursos naturais sexa equitativo e ecoloxicamente sustentábel.

As Categorías de Áreas de Manexo Protexido que existen son as seguintes:

Ia - Reserva Estrita da NaturezaÁrea de terra e/ou mar que posúe algún ecosistema, aspecto e/ou tipo xeolóxico ou fisiolóxico, importante ou representativo, dispoñíbel primariamente para investigación científica e/ou monitoramento ambiental.Ib - Área SalvaxeGrande área de terra e/ou mar non modificada ou pouco modificada, que mantén o seu carácter e influencia naturais, sen habitación permanente ou significativa, que é protexida e manexada de modo a preservar a súa condición natural.II - Parque NacionalÁrea natural de terra e/ou mar, destinada a:

protexer a integridade ecolóxica dun ou máis ecosistemas para a xeración actual e as futuras;

excluír a exploración ou ocupación inimiga dos propósitos indicados para a área;

fornecer unha base para oportunidades espirituais, científicas, educativas, recreativas e de visita, que deben ser todas ambiental e culturalmente compatíbeis.III - Monumento NaturalÁrea contendo unha, ou máis, características naturais ou culturais que son de valor significativo ou único debido á súa rareza, calidades representativas ou estéticas, ou significado cultural inherente.IV - Área de Manexo de Hábitat/EspecieÁrea de terra e/ou mar suxeita a intervención activa co propósito de manexo para garantir a manutención de hábitats e/ou satisfacer as necesidades de especies específicas.V - Paisaxe/Costa ProtexidaÁrea de terra ligada á costa e ao mar, onde a interacción entre persoas e natureza ao longo do tempo produciu unha área de carácter distinto con valor estético, ecolóxico e/ou cultural significativo, xeralmente con grande diversidade biolóxica. Salvagardar a integridade desta interacción tradicional é vital para a protección, manutención e evolución de tal área.VI - Área Protexida de Manexo de RecursosÁrea que contén predominantemente sistemas naturais non modificados, manexada para garantir protección e manutención a longo prazo da diversidade biolóxica, aínda que suplindo ao mesmo tempo un fluxo sustentábel de produtos naturais e servizos para satisfacer as necesidades da comunidade.

África

África ( pronunciación ) é o segundo continente en poboación e extensión, despois de Asia. A súa área é de 30.249.096 km², incluíndo as illas adxacentes, o que representa o 20% da superficie da Terra. Con 1 200 millóns de persoas no ano 2016, representa o 16% da poboación mundial. Limita ao norte co mar Mediterráneo, ao oeste co océano Atlántico, ao sur coa conxunción dos océanos Atlántico e Índico e ao leste co mar Vermello e o océano Índico. O continente inclúe a illa de Madagascar e varios arquipélagos. Conta con 54 estados soberanos plenamente recoñecidos, nove territorios e dous estados independentes de facto non recoñecidos ou con recoñecemento limitado. A maioría do continente e dos seus países atópanse no hemisferio norte, mais cunha parte substancial no hemisferio sur.A poboación media de África é a máis nova de entre tódolos continentes; cunha media de idade no 2012 de 19,7 anos, mentres que no resto do mundo a media era de 30,4. Alxeria é o país africano máis grande en superficie, e Nixeria o que conta coa maior poboación. África, particularmente a zona central leste, está considerada a orixe da humanidade e da árbore Hominidae (homínidos) segundo unha das hipóteses científicas da evolución humana (a da "arca de Noé"), pola descuberta alí dos restos máis antigos dos antecesores humanos, datados darredor duns sete millóns de anos, como poden ser Sahelanthropus tchadensis, Australopithecus africanus, A. afarensis, Homo erectus, H. habilis ou H. ergaster; e o Homo sapiens atopado en Etiopía duns 200.000 anos. África é atravesada polo ecuador e conta con numerosas áreas climáticas, sendo o único continente en ter climas temperados nas súas zonas norte e ur.Africa alberga unha gran diversidade étnica, cultural e lingüística. A finais do século XIX, os países europeos colonizaron case toda África; a maioría dos actuais estados de África xurdiron dun proceso de descolonización durante o século XX. As nacións africanas cooperan a través da Unión Africana, cuxa sede está en Adís Abeba.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.