Bica

A bica é un biscoito doce típico de elaboración artesanal de gran difusión en Galicia. É utilizada nos almorzos ou como acompañante á hora do café. Pola súa textura esponxosa é ideal acompañada de queixos graxos e de curta maduración (como pode ser o queixo de tetilla). Tamén é habitual tomalo acompañado con licor café .

A bica que se fai en Ourense, máis en concreto nos concellos de Avión e Beariz, así como en toda a zona do Ribeiro non é unha bica doce. Faise con fariña de millo e é parecida a unha empanada. Cócese debaixo dun testo cuberto de brasas e parece máis unha empanada ca un pan. Pódese encher coma as empanadas, aínda que non é normal facelo. Na provincia de Pontevedra, polo menos nos concellos de Arbo e Crecente, faise tamén este tipo de bica, aínda que pódese cocer enriba dunha pedra da lareira ou encol da cociña de ferro. A cor da bica é amarela, e ten bastante codia, pois semella ser unha tortilla de patacas (redonda e esmagada). Sabe moi ben co caldo.

Bica ribeira sacra
Bica mantecada.

Festas

A festa da bica de Manzaneda celébrase o último domingo do mes de xullo no municipio da Pobra de Trives.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre gastronomía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Biscoito

Este artigo trata sobre o bolo doce esponxoso, para a pasta fina doce véxase galleta.

Un biscoito (do Latín: bis- e coctus cocido dúas veces) (tamén chamado de bolo esponxoso) é un bolo doce de miga mol e con moitos poros, que se fai no forno con fariña triga, ovos e azucre.

O significado de galleta (coma no inglés biscuit) caeu en galego en desuso, mais é dos máis documentados no século XIX Varios autores coma Luís Aguirre del Río, Francisco Javier Rodríguez, Juan Cuveiro Piñol ou mesmo a Real Academia Galega definían biscoito coma galleta ou pan sen fermentar, moi cocido ou cocidos dúas veces.

CERH

O Comité Europeo de Hóckey a Patíns ou CERH (en francés: Comité Européen de Rink-Hockey), é o principal comité técnigo do hóckey a patíns en Europa baixo a autoridade da European Confederation of Roller Skating (CERS), creado en 1976. O CERH forma parte da International Roller Sports Federation (FIRS).

O Comité Européen de Rink-Hockey orixinouse pola European Confederation of Roller Skating CERS coma o comité técnico, tamén coñecido como European Rink-Hockey Committee.

E.T. the Extra-Terrestrial

E.T. the Extra-Terrestrial é un filme estadounidense dirixido e producido por Steven Spielberg que foi estreado en 1982.

Eu conto, ti cantas

Eu conto, ti cantas... é un libro de Literatura infantil que reúne tres contos en verso de María Victoria Moreno, publicado en 2005. A 4ª edición é de xaneiro de 2018.

Festa da bica de Manzaneda

A festa da bica de Manzaneda é unha festa gastronómica que se celebra no concello da Pobra de Trives, na provincia de Ourense. Celébrase o último domingo do mes de xullo desde 1972 no monte de Cabeza de Manzaneda.

No evento repártense máis de 3.000 racións de bica entre os asistentes, ademais de licor café.

Festa gastronómica

Unha festa gastronómica é un evento celebrado co gallo de exaltar un determinado produto ou grupo de produtos alimenticios. Algunhas delas están declaradas Festas de interese turístico de Galicia ou de Interese turístico nacional.

As festas gastronómicas foron fomentadas co réxime franquista tras pasaren os efectos de racionamento da guerra civil española, e mesmo se declararon algunhas de interese turístico nacional (a festa do pemento da Arnoia ou a festa do polbo do Carballiño). A Xunta de Galicia seguiu con esta política e popularizáronse festas coma a festa do cocido de Lalín.

Gastronomía de Galicia

A gastronomía de Galicia ten unha gran tradición e variedade, sendo un dos aspectos de maior importancia na cultura e sociedade galegas.

Está moi establecida a celebración de grandes comidas, ben en familia, ben en eventos, actos ou encontros. En Galiza teñen lugar gran número de festas gastronómicas, a maioría delas no verán. Un dos seus maiores estudosos foi o escritor Álvaro Cunqueiro.

Os petiscos, a diferenza doutros lugares, son consistentes e non se reducen a unhas simples olivas ou patacas; adoitan ser gratuítos ou de moi baixo prezo, sobre todo na provincia de Lugo, onde a súa gratuidade, ao ser acompañados por un viño ou unha cervexa, é unha tradición convertida xa nun reclamo turístico. Ademais dos petiscos, tamén son frecuentes as tapas.

María Victoria Moreno

María Victoria Moreno Márquez, nada en Valencia de Alcántara (provincia de Cáceres) o 1 de maio de 1939 e finada en Pontevedra o 22 de novembro de 2005, foi unha editora, tradutora, conferenciante, escritora de literatura infantil e xuvenil galega e profesora de ensino secundario en institutos de Lugo, Sanxenxo e Pontevedra. O seu texto máis coñecido é Anagnórise (Galaxia, 1988), vinte veces reeditado e traducido a varias linguas. Algúns trazos fundamentais da súa obra son o lirismo, a conversión dos animais en protagonistas e a crítica a un ensino reseso.En 2018 foi a figura protagonista do Día das Letras Galegas, sendo a cuarta muller, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño, que levou ese recoñecemento na historia da celebración.

O pan na cultura popular galega

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do pan na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Recóllese non só a información referida expresamente ó pan, senón tamén a referida á fariña e a actividades directamente relacionadas, como sementar, segar, etc.; as referidas ó millo e á broa recóllense no artigo o millo na cultura popular galega.

Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén denomina o millo aínda na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades.

O tabaco na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada do hábito de fumar tabaco na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Ponte Sampaio, Pontevedra

Santa María de Ponte Sampaio é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o INE no 2008 tiña 1.111 habitantes (590 mulleres e 521 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.244 habitantes.

Toma o seu nome da ponte sobre o río Verdugo que a une coa parroquia de Arcade (Soutomaior). Por ela pasa a vía portuguesa do camiño de Santiago, e nela foi librada a Batalla de Ponte Sampaio, decisiva na guerra da Independencia española contra os franceses o 7 e 8 de xuño de 1809.

Desde 1833 até abril de 1960 foi concello de seu xunto coa parroquia da Canicouva.

Nesta parroquia están a illa da Insuíña e o illote do Castelo, na desembocadura do río Verdugo.

Refraneiro galego sobre o burro

Á burra e á muller polo pico lles entra a fermosura.

Á burra e á muller, a paus hainas que tanguer.

A burro froxo, arrieiro tolo que lle malle o lombo.

A burro morto, cebada ó rabo.

A burro novo, aparello vello.

A burro pardo, arrieiro arroutado.

A burro vello, a millor cebada e o pior aparello.

A burro vello, albarda nova.

A burro vello, múdalle o alimento e darache o pelexo.

A burro vello, pouco verde.

A carne de burro non é transparente.

A carne de man a calquera burro ña dan.

A conta do burricón comémo-lo requeixón .

A conta dos burros comen os agudos .

Á muller beilar e ao burro ornear, o diaño debeillo ensiñar .

A vergonza era verde e comeuna un burro.

Alá vai, alá vai, o burro tras da nai .

Alá vai, alá vai, o burro tras de súa nai.

Arrieiro rabudo, malla na albarda e malla no burro.

As amatas do meu burro fixeron de min albeitar.

Asegún sea o burro ten que ser a albarda.

Asno morto, a cebada ó rabo.

Bachiller en artes, burro en todas partes.

Ben burro é quen burro ten, pero inda é máis burro quen, podendo, non o ten.

Ben burro é quen tendo burro viaxa a pé.

Ben sabe o burro onde ornea.

Ben sabe o burro onde ornea, cando quer el ornear.

Ben vai a vella na burra cando é súa .

Boi corvo, burro combo e cabalo fondo.

Burra vella non aprende andadura e, se a aprende, pouco lle dura.

Burro cargado de ouro consígueo todo.

Burro de moitos, cómeno os lobos.

Burro lavado, xabrón perdido.

Burro pexado non salta valado.

Burro que entra na leira allea, sairá dela carregado de leña.

Burro sexa quen con burro leirea.

Burro sexa quen ser burro queira.

Burro sexa quen a burro protexa.

Burro vello tamén quer a sua cebada.

Cando está o pelexo á porta sinal de que a burra é morta.

Cando nace a vasoira nace o burro que a roa.

Cando o burro pode, a burra non quer.

Cando o burro vén ó lugar, todos o queren montar.

Cando todos che digan que es burro, ornea.

Cando un burro ornea o outro baixa a orella.

Cando un burro ornea, sempre hai outro que escoucea.

Canto máis burro, máis peixe.

Chanzas con burros acaban en couces.

Contos de probes, peidos de burras vellas.

Cos burros viven os agudos.

Cousas de burros acaban en couces.

Dame un maridiño rico, aínda que sexa un borrico.

De burro abaixo non hai pior besta.

De burro para baixo non hai besta de menos monta.

De Lugo, nin boa besta nin bo burro.

De Lugo, nin boa besta nin bo burro, mais montadores, os millores.

De pequeno, rei; de mozo, capitán; de casado, burro; e de vello, can.

De pequeno, rei; de mozo, galán; de casado, burro; e de vello, can.

Deixade ao mestre, ainda que sexa un burro.

Des que a besta vai no po, xó, burra, xó!.

Des que o burro entra no illó, ¡xo burro, xo!

Dixo o burro ó mulo: arre alá, orelludo.

Díxolle o burro ás coles: 'pax vobis'.

Díxolle o burro o mulo: tírate alá, orelludo.

Do burro abaixo non hai menos besta.

Dous Xans e un Pedro fan esta-lo burro quedo.

É como os burros da Limia, que apañan o viño e beben auga.

En Lugo, nin boa besta nin bo burro.

En marzo, nin o rabo do burro mollado.

Este mundo é un fandango, e quen nono baila é un asno.

Fainas o burro e págaas a albarda.

Hai cabalos tolos e burros cordos .

Hai moitas burras do mesmo pelo.

Hai moitos burros da mesma cor do coiro.

Hai moitos burros do mesmo pelo.

Home casado, burro escarallado.

Home casado, burro estropeado.

Home casado: home pretudo, xordo coma un mudo e orellas coma un burro.

Home mozo que non troula, nin fuma, nin xoga, nin bebe, nin bica, nin cuspe no curro, máis que home é burro .

Home que non troula, nin fuma, nin xoga, nin bebe, nin bica, nin cuspe no curro, máis ca home é burro.

Ir a cabalo do burro, e andar ó seu precuro .

Ir cabaleiro no burro, e andar ó seu precuro .

Ir por besta e volver por burro é un viaxe papudo .

Lavar a cabeza a un burro, gastar tempo e xabón.

Leite de cabra e leite de burra danse camiño da sepultura.

Mágoas alleas matan os burros .

Máis fácil é ó burro ornear que ó sabio responder.

Máis fácil é ó burro perguntar, que ó sabio responder.

Máis que cen de pardal, vale unha de asnal .

Máis val burro vivo que sabio morto.

Máis val un burro vivo que un cento mortos.

Máis val unha asnal ca cento de pardal.

Máis vale pequeno e agudo que grande e burro.

Maldicións de burro nunca ao ceo chegan.

Muller casada? burra e amolada.

Muller que do cuco fiou, ou era moi burra ou cucar desexou.

Na provincia de Lugo non hai boa besta nin bo burro, pero manteadores, dos millores.

Nin bo Pedro, nin bo burro negro, nin bo lameiro por riba do rego.

Nin bo Pedro, nin bo burro negro, nin bo lameiro por riba do rego, nin de sabugueiro un bo vencello, nin de cuñado un bo consello.

Nin burro orneante, nin home rallante.

Ningún burro se quedou calvo.

Non é o mel pra boca do burro .

Non está feito o mel pra boca de burro.

Non hai Pedro bo, nin burro negro, nin lameiro por riba do rego.

Non levarán por ben o burro á auga se el non ten gaña.

Non merques burro de recoeiro, nin cases con filla de mesoneiro.

Non poder dar no burro e dar na albarda.

Non se sabe o que pode ensinar á muller a bailar e ó burro a ornear.

Non tentes dar auga ó burro se non a quere.

O burriño de san Sadorniño cada día máis cativiño .

O burriño de Vicente ten a carga e non a sente.

O burriño de Xosé leva rabo e non o ve.

O burro diante, pra que a recua non se espante.

O burro diante, pra que non se espante.

O burro do vilán é mulo no vran.

O burro do xitano, en vendo o pan alonga o paso .

O burro do xitano, en vendo o pau alonga o paso.

Ó burro e ó carro, a carga ó rabo.

O burro non anda senón coa albarda e a carga.

O burro ó sol fai sombra.

O burro pequeniño sempre é borriquiño.

O burro que máis traballa, máis axiña cansa.

O burro que moito carga, logo rompe o aparello.

O burro sofre a carga, mais non a sobrecarga.

O burro traseiro que zarre o boqueiro.

O can oubea e o burro ornea .

O día que me casei, un burriño aluguei .

O fillo do burro ben sabe ornear .

O home cuco vive do home burro.

O home, cando é rapaz é rei; de mozo, capitan; de casado, burro, e de vello can.

O home, de meniño rei, de mozo, galán, de casado, burro, e de vello can.

O primeiro de abril van os burros a onde non deben ir .

O que burro vai á Roma, burro vén á volta.

O que che é burro tanto é eiquí como en Lugo.

Ó que é burro, Diolo mate.

O que é burro, tanto é aquí como en Lugo.

O que é burro, verte as papas.

O que está acolleito cando chove, é ben parvo se se move; e se se molla, é ben burro se se anoxa.

O que nace burro, burro morre.

Ó que o burro gaba, tal fillo lle naza.

O que ós vinte non é home e ós corenta non é rico, ten algo de borrico.

O que ós vinte non é home, ós trinta non se casa, ós cuarenta non ten casa e ós cincuenta non é rico, ¡arre borrico!

O que perde o burro e atopa a albarda, xa non sofre tanta perda.

O que se para ó lado do fuso, ou é burro ou non ten uso.

O que ten besta e anda a pé, ben burro é .

O que ten besta e anda a pé, máis besta é .

O que ten burro e vai a pé, ben burro é.

O que vive probe e morre rico, é ben borrico.

Onde burros andan, alí escoucean.

Onde cai o burro dánselle os paus.

Onde canta un crego e ornea un burro, alí nunca falta un peso duro .

Onde canta un crego, moe un muíño e ornea un burro, nunca faltará un duro.

Onde os burros andan, alí escoucean.

Onde vai o burro vai a albarda.

¿Onde vas Sindo? A levar este burro ao pilón.

Orneos de burro non chegan ó ceo.

Polo san Pedro, burro quedo.

Polo San Pedro, o burro quedo.

Polo san Xoán, calquera burro gaña o pan.

Por algo Deus non lle deu cornos ós burros.

Por culpa do burro mallan na albarda.

Por non andar, ornear.

Porque un burro dea un couce non se lle ha corta-la pata.

Posto no burro, atura-las azoutas.

Prá boca do burro non se fixo o mel.

Prós enfermos do peito, o leite de burra é remedio feito.

Que queira que non queira, o burro ha de ir á feira.

Quen a burros favorece, couces merece.

Quen ós vinte anos non se casa, i ós trinta non tèn casa, i ós corenta non é rico, ese é un borrico .

Quen perde o burro e atopa a albarda, iso gaña.

Quen ten burro e non vai nel, máis burro é el.

Se che dixeren dous que es burro, ornea.

Se non fora polo rabo empreñaba a burra.

Se os burros ornean moito, non sairás enxoito.

Se tódolos burros trouxeran albarda, os albardeiros moito gañaban.

Segundo sexa o burro, ten que ser a albarda.

Tres Xans e un Pedro fan estar o burro quedo.

Turra, turra, Xan, pola burra. Pedro non quero que son caballero.

Val máis burro ser, que con burros debater.

Val máis pequeno agudo que grande e burro.

Vale máis cativo agudo que grande burro.

Vale máis pan duro, que consello de burro

Vezouse o burro nas verzas, e non deixou verdes nin secas.

Xogan os burros e páganas os arrieiros.

Roscón

O roscón ou pan de ovo é un bolo de pan doce en forma de rosca (aínda que tamén pode ser en forma de barra ou trenza) feito con ovos, leite, fariña, manteiga e azucre, típico dos xantares de domingo e das festas de Galicia, especialmente por Pascua e Reis (tradicionalmente tamén pola matanza e as vodas). Tamén é típico nalgunhas zonas de España (e por influencia Hispanoamérica), Portugal, Francia e Bélxica, especialmente o día de Reis.

O roscón orixinal tería sido un simple biscoito (tipo bica) en forma de rosca. O roscón típico actual adoita ser un doce mesto e pesado, vernizado con ovo, que se adorna con froita confeitada ou cristalizada de varias cores (cereixas, laranxas, ameixas, peras etc.), e montes de azucre.

Nalgúns casos (raramente en Galicia) pode encherse de nata, crema, chocolate, cabelo de anxo etc. No do día de Reis métenselle "sorpresas" no interior (figuriñas e un feixón).

Serra da Martiñá

A serra da Martiñá é unha pequena serra encadrada na dorsal galega, moi preto da serra do Faro, entre as provincias de Lugo e Ourense. Xeoloxicamente está conformada principalmente por granitos.

As importantes diferenzas de altitude favorecen a presenza de diferentes ecosistemas: bosques caducifolios nas abas e turbeiras nos cumios.

O punto de maior altitude é o monte Martiñá (tamén coñecido como O Castro), con 1042 metros sobre o nivel do mar.

Tronco de Nadal

Este artigo trata sobre unha torta, para a tradición pagá de Nadal galega véxase o artigo Tizón de Nadal.

O tronco de Nadal (en francés Bûche de Noël) é unha sobremesa típica, servida na Noiteboa ou final do ano en Francia, Bélxica, Canadá, Líbano, Vietnam e moitos outros países francófonos. Como o propio nome indica, o bolo é comunmente preparado, presentado e gornecido para que aparente un tronco listo para ser queimado, como se usaba o tizón de Nadal nos antigos festivais galegos e europeos de lumes do solsticio de inverno.O toro tradicional fabrícase con bolo xenovés (tipo bica) ou outro biscoito; xeralmente cocido nun asadeiro ou bandexa grande e rasa (de brioche), conxelada, enrolada na forma dun cilindro e conxelada novamente polo lado de fóra. A combinación máis común é bolo esponxoso amarelo, conxelado e recheo con chocolate e crema de manteiga; con todo, existen moitas variacións da receita orixinal, podendo incluír masas de bolo de chocolate, ganache e expreso ou sabores diversos, glacés e recheos. Os toros sérvense frecuentemente co anaco final tallado e fixado na parte superior do bolo ou de lado para se asemellar a un tronco serrado, e a textura da casca de árbore faise con crema de manteiga para resaltar o realismo. Isto obtense invariabelmente arrastrando un garfo en cobertura de glacé. Estes bolos decóranse con frecuencia con azucre refinado para semellar a neve; pólas de árbores, sementes, e cogomelos feitos con merengue.

Pode ser considerado unha variante da torta coñecida coma brazo de xitano.

Vilabade, Castroverde

Santa María de Vilabade é unha parroquia que se localiza no concello de Castroverde. Segundo o IGE en 2011 tiña 73 habitantes (45 mulleres e 28 homes), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 83 habitantes.

Vilariño de Conso

Vilariño de Conso é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Viana. Segundo o IGE en 2018 tiña unha poboación de 535 persoas (771 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é vilariñés.

Vilarromarís, Oroso

San Tomé de Vilarromarís é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Oroso. Segundo o IGE en 2013 tiña 275 habitantes (142 mulleres e 133 homes) distribuídos en 3 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 278 habitantes.

Ártemis

Para a planta chamada artemisa véxase o artigo:Herba de Nosa Señora.

Na mitoloxía grega, Ártemis éra a deusa da caza e das bestas salvaxes. É a irmá xemelga de Apolo e filla de Leto e Zeus. Posteriormente, chegouse a identificar con Hécate, a deusa dos mortos, que recibe como sacrificio humano a Ifixenia, filla de Agamenón. Este, antes de partir a Troia, ten que ofrecer á súa propia filla en sacrificio á deusa para que os ventos que lle impiden saír da cidade de Micenas cesen. Isto comportará o odio da súa esposa Clitemnestra que, á volta da guerra, dará morte ó seu marido coa axuda do seu amante Existo. Do mesmo xeito, tamén se asimilou a Selene, deusa da Lúa, que bica pola noite ó pastor Endimión, castigado por Xuno a durmir trinta anos. O templo máis importante da deusa estaba na cidade xonia de Éfeso, considerado unha das sete marabillas da Antigüidade, foi construído no ano 356 a.C. cun impoñente tamaño e unha profusa decoración helenística. Asemade, foi destruído no ano 262 d.C. polos godos. As lendas máis importantes nas que participa de forma activa a deusa son as seguintes:

O castigo de Níobe. Níobe era filla de Tántalo e tivo seis fillos e seis fillas, mentres que Leto tivera tan só dous: Apolo e Ártemis. Entón a mortal comezouse a mofar da "escasa" fertilidade da deusa e, ante este ultraxe, os dous xemelgos responderon cunha cruel matanza, acabando Apolo cos seis fillos e Ártemis coas seis fillas, aínda que fontes máis tardías aseguran que a deusa salvou a unha das rapazas de Níobe converténdoa en sacerdotisa para o seu templo.

O príncipe Acteón. Certo día, a deusa Ártemis estaba a se bañar nun río totalmente espida. Entón, Acteón, que estaba cazando e se achegara ó escoitar uns ruídos, apartou as pólas que cubrían á deusa, véndoa espida. Ela, moi anoxada, rociouno con auga e converteuno nun cervo que, de seguido, foi perseguido e morto polos seus propios cans de caza. Deste episodio, danos boa conta Ovidio nas Metamorfoses.

A deusa adóitase representar armada con alxaba, arco e frechas, que comparte co seu irmán Apolo. Considérase a fundadora e deusa principal para a lendaria tribo das Amazonas que, como a deusa, dedicábanse á caza e á loita.

Tamén é protectora da virxindade e castidade femininas, as cales protexeu contra o cazador Orión do que a deusa se namorou mandándolle un escorpión para que o matara unha vez que este a intentara violar. Como deusa, pode chamar a atención a súa falta de piedade que, nun primeiro momento, salta á vista. Pero esta falta de bondade ou piedade non é tan evidente en realidade, pois tamén proporcionaba unha doce morte ás mulleres no parto cando as cousas se complicaban.

En Roma, asimilouse a Diana, coa que compartía multitude de semellanzas e, unha vez inserida nesta civilización, tamén se lle atribúen novos mitos, destacando a súa participación na obra cumio de Virxilio, a Eneida, onde en todo momento axuda e defende á amazona Camila, a cal, unha vez morta por Arrunte, é vingada pola deusa. En Roma, construíuselle un templo no Aventino e a súa festa celebrábase nos idos de agosto, isto é, o día trece.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.