Benigno Andrade García

Benigno Andrade García, alcumado o Foucellas, nado o 22 de outubro do 1908 no lugar das Foucellas, no concello de Mesía, e agarrotado o 7 de agosto de 1952, na Prisión Provincial da Coruña, foi un militante da CNT[2] e guerilleiro anti-franquista. Fillo de Andrés Andrade Lata e Francisca García Paz casada en segundas nupcias e que xa tiña un fillo. Foucellas tiña dous irmáns: Consuelo (falecida antes de 1952) e José Couceiro García (residente dende 1952 en Arxentina). Estaba casado con María Pérez Mellid, nada en Arxentina e de nacionalidade española e arxentina. Tivo dous fillos con María Pérez: Pepiña e Sergio, e outros dous que foron criados por María Novo García, curmán de Foucellas: Benigno e Carmen que vivían en Ru, Vilasantar.[3] Viviu 16 anos fuxido ata que foi detido no lugar da Costa, en Oza-Cesuras nun enfrontamento coa Garda Civil. Foucellas medía 1,67 metros de estatura, tiña o pelo negro, ollos castiñeiro, boca regular, barba pechada, cara alongada e nariz regular. Segundo descrición da Garda Civil.

Benigno Andrade é un dos nomes míticos do antifranquismo armado en Galicia[4]. Foi condeado en consello de guerra sumarísimo a tres penas de morte "como o maior criminal dos últimos anos", segundo recolle a sentenza. Enviou unha carta pregando clemencia á filla de Franco, Carmen Franco. Na súa resposta dixo non poder "meterse en asuntos políticos".

Benigno Andrade García
Nacemento22 de outubro de 1908
 As Foucellas
Falecemento7 de agosto de 1952
 A Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónanarcosindicalista, sindicalista, guerreiro, mineiro e político
CónxuxeMaría Pérez Mellid
FillosPepiña (1936) e Sergio (1939)[1]

Traxectoria

As Foucellas Mesía
As Foucellas, Mesía.

Nacido no lugar das Foucellas, do que tomou o alcume, na parroquia de Cabrui, Mesía. Estudou na escola primaria da localidade e desde moi novo traballou nos labores do campo, de xornaleiro, tamén traballou nunha leitería[5], trasladouse a León para traballar nas minas de carbón de Fabero, Ponferrada. En 1934 foi vivir a Curtis coa súa nai e traballar na madereira Torres de Curtis en xullo de 1936.

Casado con María Pérez, tivo dous fillos, Josefa e Sergio. A familia vivía en Bodeus, nunha casa fronte á estación de ferrocarril de Curtis. A súa muller traballaba na casa do médico da localidade, Manuel Calvelo, quen xunto coa súa muller Isabel Ríos, en 1934 dirixían a célula comunista de Curtis, chamada Sociedade Republicana Radio Comunista en Curtis, coa que simpatizaba Foucellas. A súa irmá Consuelo traballaba no cuartel da Garda Civil.

Posteriormente afiliado á CNT, ao estalar a guerra civil enrolouse nunha columna que se dirixía á Coruña, para atoparse coa cidade xa tomada polos grupos golpistas, polo que retornou a Curtis. Interveu nunha requisa de armas en Fisteus e noutra de dinamita na estación de Teixeiro e, temendo represalias dos sectores fascistas, botouse ao monte. Durante a guerra estivo enfermo de difteria e pasouna convalecente e escondido en diversos lugares do concello. Durante ese tempo foi chamado a filas e declarado prófugo.

Xa recuperado e aínda non buscado activamente pola Garda Civil, púxose á fronte, sobre o ano 1941, dunha partida guerrilleira que actuaba sobre todo na zona de Sobrado dos Monxes e Arzúa, formada principalmente por prisioneiros republicanos fuxidos dos batallóns de castigo disciplinario que existían naquela época en Galicia. O 15 de marzo de 1945 foi asasinado o cabo da Garda Civil Manuel López Bello, en Curtis. Días despois Foucellas resulta ferido coa súa propia arma indo a cabalo. Os amigos lévano ao sanatorio de San Nicolás, na Coruña, onde é operado e resgardado. É por esta altura cando se conta que ía a Riazor ver o Deportivo vestido de crego para evitar sospeitas. Benigno Andrade participa do Exército Guerrilleiro de Galicia. En 1947 parte para Pontevedra, para organizar a Vª Agrupación[2], da que foi o principal combatente. En outubro de 1949 escapa a unha emboscada da Garda Civil tendida a Riqueche, xefe do destacamento Cortizas.

A súa familia sufriu o acoso das autoridades. A súa muller e a súa tía foron encadeadas logo de que se lles atopase unha carta de Foucellas. Cando morreu a súa muller desterrada en Valladolid, a súa filla tiña doce anos e vivía soa en Curtis. Pepiña colleu o tren e foi soa ver a Fernando Hierro, gobernador civil da Coruña, para suplicarlle que a Garda Civil deixase de acosala.[6] Con 16 anos trala morte da súa avoa exilouse en París.

Fusil de Foucellas no Museo Militar da Coruña
Mauser de Foucellas modelo 1910 e calibre 7, no Museo Militar da Coruña.

Nos anos 1950 e 51, xa moi minguados os destacamentos guerrilleiros, trasládase á zona de Betanzos, en compañía de Manuel Vilar Arnoso, Manolito, que lle servía de único enlace. O 9 de marzo de 1952 é detido no lugar da Costa, en Oza dos Ríos, resultando mortos Manolito e outro guerrilleiro, e o Garda Civil Cesáreo Díez; e ferido nunha perna Benigno.

Foi levado ao cuartel da Garda Civil en Betanzos. Terribelmente torturado pola Garda Civil, confesou a axuda que lle prestaran moitos alcaldes dereitistas da zona. Foi xulgado en consello de guerra o 26 de xuño de 1952 e condenado a morte, sentenza executada o 7 de agosto do mesmo ano, na prisión da Coruña, mediante garrote vil e sendo soterrado nunha fosa común do cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

As últimas palabras aos seus fillos antes de morrer foron:

A muller de Foucellas foi separada dos seus fillos, morreu nun hospital de Valladolid. A súa filla quedou a cargo dunha avoa pobre que non se podía facer cargo do fillo o cal tivo que ir vivir con outro familiar. Pepiña con 12 anos facía traballos de costura polas casas cobrando 10 pesetas e a comida. Trala morte da súa avoa en 1957 marchou a Francia con 6.000 pesetas deixadas por un tío seu. Non volvería a Galiza ata 32 anos despois.[8] Está casada e vive en Alacant.

A vida de Benigno Andrade está escurecida pola lenda forxada polo pobo, que lle atribuíu toda clase de actos, até o extremo de que os guerrilleiros galegos foron chamados "Foucellas" en xeral. Atribuíronselle multitude de actuacións, aínda que é certo que moitos bandoleiros e delincuentes comúns culpaban a Foucellas dos seus propios crimes, debido á súa gran fama.

A primeira vez que oficialmente recoñeceron a Foucellas como loitador ou guerrilleiro da Guerra Civil foi en 1992 coa inauguración do Museo Militar Rexional da Coruña, onde se expón o seu fusil.

Galería de imaxes

Homenaxe a Foucellas na Costa.
Homenaxe a Foucellas na Costa. 
Cuartel da Garda Civil en Betanzos, actualmente Museo das Mariñas.
Cuartel da Garda Civil en Betanzos, actualmente Museo das Mariñas. 
Casa de Manuel Calvelo e Isabel Ríos en Curtis.
Casa de Manuel Calvelo e Isabel Ríos en Curtis. 
Casa da familia de Foucellas en Bodeus, Curtis.
Casa da familia de Foucellas en Bodeus, Curtis. 
Casa de Foucellas en Mesía.
Casa de Foucellas en Mesía. 

Notas

  1. "Memoria viva de Foucellas".
  2. 2,0 2,1 Máiz, Bernardo; op.cit. páx. 166
  3. "Memorial democrático [ANDRADE]".
  4. Redondo Abal, F. X. (2006): Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Edicios do Castro, serie: Documentos. ISBN 84-8485-231-8 /
  5. http://www.vieiros.com/nova/24049/o-foucellas-guerrilleiro-e-mito-popular
  6. "Homenaje al mito guerrillero". El País (en castelán). 23 de outubro de 2008.
  7. Rivera Rey, Alberto. "Foucellas, o mito que se apagou hai 60 anos". Consultado o 29 de xullo de 2013.
  8. "Acto en Ordes recordando a Ponte y a Foucellas".

Véxase tamén

Bibliografía

  • Astray Rivas, M. (1992): Síndrome del 36 - La IV Agrupación del Ejército Guerrillero de Galicia. A Coruña: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-584-3
  • Lamela, L. (1993): Foucellas - El riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952). A Coruña: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-608-4
  • Máiz, B. (1988): Galicia na II República e baixo o franquismo. Vigo: Ed. Xerais. ISBN 84-7507-320-4.
  • Pereira, D. e Fernández, E. (2004): O anarquismo na Galiza. Santiago de Compostela: Edicións Positivas. P. 27-28.
  • Pons Prades, E. (1977): Guerrillas españolas (1936-1960). Barcelona, Ed. Planeta. ISBN 84-320-5634-0
  • Redondo Abal, F. X. (2006): Botarse ao monte. Censo de guerrilleros antifranquistas en Galiza (1939-1965). Sada: Ediciós do Castro. Serie Documentos. ISBN 84-8485-231-8

Outros artigos

Ligazóns externas

22 de outubro

O 22 de outubro é o 295º día do ano do calendario gregoriano (296ºnos anos bisestos). Quedan 70 días para finalizar o ano.

7 de agosto

O 7 de agosto é o 219º día do ano do calendario gregoriano e o 220º nos anos bisestos. Quedan 146 días para finalizar o ano.

Antonio Ulloa Regueiro

Antonio Ulloa Regueiro, coñecido como Torallo, nado en Torallo (parroquia de Agüeira, Becerreá) en 1905 e finado en 1942, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Arturo López Delgado

Arturo López Delgado, Arturín, nado en Correxais (Vilamartín de Valdeorras) e finado o 6 de agosto de 1942, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

As Foucellas, Cabrui, Mesía

As Foucellas é un lugar da parroquia de Cabrui, no concello coruñés de Mesía, na comarca de Ordes. Segundo o IGE en 2016 tiña 7 habitantes (3 homes e 4 mulleres) o que supón unha diminución con respecto ao ano 1999 cando tiña 8 habitanes.

Neste lugar naceu, en 1908, o guerrilleiro antifranquista Benigno Andrade García "O Foucellas".

Benjamín García Diéguez

Benjamín García Diéguez, O Largo, nado en Barbeitos (Negrelos, Rodeiro) en 1916 e finado en Pontevedra en 1940, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Eduardo Pérez Vega

Eduardo Pérez Vega, Tameirón, nado no Tameirón (A Gudiña) en 1914, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

José María Díaz Pan

José María Díaz Pan, coñecido como Jaime, nado en Oleiros e finado en Vilarmaior en 1951, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

José Neira Fernández

José Neira Fernández, O Neira, nado en Mera de Arriba (Ortigueira) en 1909, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Lisardo Freixo

Lisardo Freijo López, coñecido como Tenente Freixo, nado en Doncos (As Nogais) e finado en Aranga o 26 de xuño de 1946, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Manuel Agrasar Cajaraville

Manuel Agrasar Cajaraville, Barbarroxa, nado en Padrón e finado en Teo o 19 de maio de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Manuel Castro Tellado

Manuel Castro Tellado, nado en Mosteiro (Pol) e finado en Castro de Rei o 13 de xaneiro de 1947, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Manuel Díaz Pan

Manuel Díaz Pan, coñecido como Rogelio, nado en San Pedro de Nós (Oleiros) e finado en Frades o 21 de abril de 1947, foi un guerrilleiro galego.

Manuel García Rodríguez

Manuel García Rodríguez, Porco, nado en Langullo (parroquia de Cesuris, Manzaneda) e finado en Ourense o 3 de setembro de 1959, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Manuel Simón Campos

Manuel Simón Campos, Xanote, nado en Lavadores en 1914 e finado o 21 de maio de 1947, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Salvador Valcárcel Montenegro

Salvador Valcárcel Montenegro, Recaré, nado en Quinzán das Peras (parroquia de Argozón, Chantada) e finado en Adá o 11 de abril de 1939, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Xosé Castro Veiga

Xosé Luís Castro Veiga, O Piloto, nado en Boelle, Arxemil (O Corgo) o 11 de febreiro de 1915 e finado en San Fiz de Asma (Chantada) o 10 de marzo de 1965, foi o derradeiro guerrilleiro da loita antifranquista, morto pola Garda Civil preto do encoro de Belesar.

Guerrilleiros
antifranquistas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.