Bandua

Bandua foi un dos principais deuses dos galaicos e lusitanos, considerado o deus da guerra e vinculado á tradición céltica centroeuropea. Está encadrado polos investigadores como un deus indoeuropeo da primeira función[1] (segundo estudos de Georges Dumézil). Estes deuses caracterízanse por usar a "maxia dos lazos", pola cal ataba aos seus inimigos ou vinculaban maxicamente aos seus seguidores.[2] A estrutura social de confrarías de guerreiros que vivían no monte adicados ao oficio da guerra e a caza xerou o culto, adoptando actitudes e maneiras que reproducen aspectos da divindade á que se vinculaban maxicamente.

Ara de Eiras
Ara de Eiras. Á dereita, foto manipulada para facilitar a lectura

Etimoloxía

Bhend, a raíz deste nome, significa 'atar'. Bandua sería 'o que ata', o que une aos que van combater xuntos. A idea dos lazos aparece de forma reiterada na iconografía galaica e irlandesa. Cando Cuchúlainn, o heroe mitolóxico máis famoso do Ciclo do Ulster, é ferido de morte se ata a unha pedrafita para morrer de pé. De Bandua derivan as voces “banda”, grupo organizado de xente armada, “bandidos”, grupo organizado de xente armada con fines delictivos; “bandeira”, estandarte con enorme poder vinculante; e o vocábulo “venda”, que non por casualidade serve para atar as feridas.[3]

Descrición

Segundo Marco Virgilio García Quintela, Catedrático de Historia Antiga da USC:

Estas divindades escuras vinculábanse aos camiños, polo peregrinar dos guerreiros tralo seu deus. A divindade da primeira función no seu aspecto sombrío ten connotacións "escuras" tanto no aspecto físico, coma social ou relixioso: fealdade, vellez e deformidade física, que se unen ó grotesco das posturas máxicas (cando Lugh encanta os inimigos danzando arredor do seu exército cun só pé, pechando un ollo e abrindo moito o outro, típico xesto para efectuar, na cultura galega rural, o "mal de ollo").

Xeralmente aparece con diferentes epítetos, Bandua aposolego, Bandua cadogus, Bandua aetobrigus, Bandua roudeacus, Bandua isibraiegus que fan referencia ó seu carácter militar. Nas fontes romanas aparece asociado con Marte. Apareceron mencións en gravados en numerosos lugares do noroeste peninsular, con menor frecuencia no resto da península, en Francia etc.

Segundo outras interpretacións, Bandua era un termo do vocabulario relixioso da Lusitania[5] que significaría divindade, porén, Untermann di que Bandua sería unha divindade menor dentro dun panteón primitivo. Autores coma Cocco (1957) afirman que Bandua era unha divindade acuática de orixe céltica, porque unha das súas aras apareceu preto das termas e dun río, e mesmo chega a afirmar que se trata dunha palabra traída polos campaniformes. Con todo o estudo máis serio pertence a Blanca García Fernández-Albalat, que interpreta a Bandua como unha divindade masculina da guerra, protectora e que ten a facultade de atar ou ligar cos seus lazos máxicos que paralizan, e por iso relacionada coa cohesión, interpretada ademais como divindade de bandas ou fratrías de guerreiros (Almagro-Gorbea), da vinculación destas ó seu xefe ou "devotio" e propulsora de toda a comunidade[6]; mentres Tranoy apunta que Bandua puido xogar un papel federador entre os grupos étnicos dos Bracarr cun carácter centralizador.[7] Para Javier Gómez Vila, Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola USC, "Bandua máis ca un deus da guerra propiamente dito sería o garante dos pactos ou da paz xurdida a raíz da contenda, sendo posible que aquelas comunidades envoltas nun proceso pacificador deste tipo realizaran esta clase de dedicatorias".[8]

Unha ara dedicada a este deus atopouse en Eiras, nas proximidades do castro de San Cibrao de Las, no concello de San Amaro, ara especialmente importante xa que parece conter o nome do castro, sendo deste xeito un dos poucos castros dos que coñecemos o seu nome, Lambrica, Lanobrica ou Lansbrica, dependendo das diferentes lecturas que se realizaron da inscrición. A única imaxe de Bandua é a da pátera da colección Calzadilla, que talvez proceda de Cáceres, datable na época dos Antoninos (S I-II D. de C.) e que amosa unha deusa en pé vestida cun manto e unha coroa mural, na man dereita sostén unha pátera e na esquerda unha cornucopia, nun dos flancos da "deusa" (na relixión céltica había deuses masculinos con desdobramentos femininos) aparecen unha árbore perdendo follas e noutro dúas aras acesas e no segundo plano uns penedos e outra ara e no terceiro plano outra ara acesa. No bordo do medallón atópase a inscrición :BAND(Hédera)ARAUGEL(punto), tratándose da deusa Fortuna asimilada a unha divindade prerromana.

Extensión do seu culto

Atopáronse na península ibérica arredor de trinta altares que presentan un teónimo coa raíz Band. A maior concentración de aras romanas adicadas a esta divindade atópase en Castelo Branco (Portugal) e Brozas, Cáceres, que conta con catro inscricións relativas a Bandua, na provincia de Ourense cinco (Eiras-San Amaro, dúas en Rairiz de Veiga,[9][10][11] Retorta-Laza e Mixós-Verín), unha en Catoira e Palas de Rei. En Portugal, nove inscricións repartidas por Castelo Branco (Penamacor, Fundão, Covilhã (outras dúas en Braganza, dúas en Arlindo de Sousa (Aveiro), tamén en Ribeira da Pena (Vilareal), Torrao (Mêda), outras dúas en Aveiro, en Portalegre, Coímbra, Évora e Alenquer (Lisboa).[12]

No presente, a Bandua réndeselle culto dentro do neodruidismo, particularmente pola Irmandade Druídica Galaica, entidade relixiosa recoñecida oficialmente desde 2015,[13] que o describe como:

Propúxose que San Trocado, un dos sete baróns apostólicos responsables da introdución do cristianismo en Hispania, e cuxas reliquias se atopan na igrexa de Santa Comba de Bande (Ourense), pode ser unha versión cristiá de Bandua.[15]

Notas

  1. Segundo os indoeuropeos, os deuses de primeira función eran as divinidades relacionadas coa maxia e a xustiza; os deuses de segunda función eran as divinidades relacionadas coa forza física, o liderado, a vitoria e a sabedoría; os deuses de terceira función eran as divinidades relacionadas coa paz, a beleza física, as colleitas, o bestiario, a prosperidade, a riqueza e a abundancia, o amor e a sensualidade.
  2. García Fernández-Albalat, Blanca (1999). Las rutas sagradas de Galicia, perduración de la religión celta de la Galicia Antigua en el folclore actual (en castelán). A Coruña: Deputación da Coruña.
  3. Pena, André. "Nosas Tradicións Celtas do Ciclo de Inverno". www.oarqueologodenaron.wordpress.com. Consultado o 3 de marzo de 2017.
  4. García Quintela, Marco Virgilio (1999). Mitología y mitos de la Hispania Prerromana. Akal. ISBN 84-460-1015-1.
  5. J. de Hoz
  6. García Fernández-Albalat, Blanca (1990). Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania Antiguas. Ediciós do Castro. ISBN 9788474924756.
  7. "Trocado de Bande" Ladislao Castro Pérez,Vía Láctea editorial 1996.
  8. Gómez Vila, Javier (2009). Epigrafía romana de la provincia de Lugo. Lulu.com. ISBN 978-1445226095.
  9. En Rairiz de Veiga, Bandua é recoñecido como deus do Vexillum e compañeiro de Marte: «deo vexilor [um] martis socio banduae»
  10. Peralta Labrador, Eduardo (2003). Los cántabros antes de Roma (en castelán). Real Academia de la Historia.
  11. CIL II, *00215.
  12. En Codosedo, Alenquer e Xinzo de Limia, o nome Bandua está identificado co epíteto Aetobrico(m)
  13. "Irmandade Druídica Galaica: É oficial".
  14. "As Deidades Galaicas". Consultado o 5 de marzo de 2017.
  15. Castro Pérez, Ladislao (1992). Los torques de los dioses y de los hombres (en castelán). A Coruña: Concello da Coruña.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Deuses
Heroes
Imaxinario popular
Lugares
Eventos
Fontes
Supra-rexional
Britania
Gallia Aquitania
Gallia Belgica
Gallia Celtica
Gallia Cisalpina
Gallia Narbonensis
Xermania Inferior
Gallaecia

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.