Banda deseñada

Un cómic, historieta, tira cómica ou banda deseñada[1] é unha forma de arte visual que por medio de viñetas ilustradas forma unha historia secuenciada visualmente.

Profundando un pouco máis, pódese dicir que normalmente a banda deseñada, que se basea na síntese da linguaxe verbal, icónica e secuencial é un medio principalmente narrativo, aínda que é posible encontrármonos algunhas ligadas coa descrición, ensaio ou mesmo poesía (líricas).

A banda deseñada é denominada tamén literatura de imaxe, narrativa debuxada ou arte secuencial. O papel predominante na narración é o das imaxes; as palabras están subordinadas sendo posible a súa total desaparición.

Petit Sammy éternue
Little Sammy Sneeze (1904-06) por Winsor McCay.

Orixe

A orixe e nacemento da banda deseñada é, ás veces, discutida. Aínda así, para a banda deseñada xaponesa ponse como orixe ao artista Hokkusai, e xeralmente é aceptado que o primeiro cómic foi The Yellow Kid (1894), editado nos EUA. Foi nesta obra onde apareceron os globos da forma na que os coñecemos hoxe. Rapidamente popularizouse esta forma nos xornais dos EEUU, aparecendo obras dunha gran calidade artística como Little Nemo in Slumberland de Windsor McCay, recoñecido por moitos como a primeira obra mestra da BD. Ata os anos 40 houbo un crecemento moi importante, pasando de ser pequenas tiras infantís, a seriais con páxinas completas a todo cor nos xornais más importantes e a aparecer revistas e libros. Aínda que en principio era considerado infantil ou humorística, a BD creou series como Terry and the pirates que tiñan forza e drama suficiente para saírse desa clasificación. Entre os anos 20 e 60 a BD como forma de contar historias estendeuse por todo o mundo. Unha gran cantidade de países comezaron a producir BD para consumo propio, nacendo series que nos seus países de orixe son consideradas clásicos: O capitán Trueno, O guerreiro do anteface ou Mortadelo e Filemón en España, Astérix en Francia, Tintín en Bélxica, etc.

Denominacións

A expresión é un calco do francés bande dessiné, que tamén se usa no portugués. Porén, no Brasil esta denominación é practicamente descoñecida e coñécese coma história em quadrinhos. No castelán é coñecido pola denominación de cómic, igual ca en inglés. Tamén é popular en castelán o nome de tebeo, debido a unha revista de bandas deseñadas moi popular na posguerra chamada TBO. O caso do Brasil é análogo: a expansión da revista [falta cita] tamén levou a que se estendese o seu nome para este tipo de literatura.

Elementos

A imaxe

A unidade mínima teórica é a viñeta, recadro onde se enmarcan as imaxes. Nela temos o encadramento, a selección que se fai do espazo e a perspectiva, igualiño ca no cinema. Segundo se faga, poden aparecer diversos planos:

  • plano xeral: personaxes, local, edificio, obxectos.
  • plano enteiro: personaxes de corpo enteiro.
  • plano medio: personaxes cortados polo van.
  • primeiro plano: rostro dos personaxes
  • plano detalle: detalles do corpo humano.

Ademais, estes planos están vistos desde unha determinada altura. A isto chámaselle ángulo de visión:

  • normal: á altura dos ollos
  • picado ou vista de paxaro: visto de arriba a abaixo
  • contrapicado ou salto de ra: de abaixo a arriba.

O marco das viñetas pode ser simple, ornado, non existir marco delimitador ou mesmo que a imaxe ocupe toda unha páxina ou un fondo onde se sitúan outras viñetas.

Poden ter forma irregular, e a súa orde e forma inflúen no ritmo narrativo e na percepción tanto directa como en matices sentimentais da acción.

Recursos e convencións gráficas

A banda deseñada desenvolveu unha serie de efectos visuais que non existen propiamente na realidade ou noutras artes e que a súa interpretación ven da intuición ou da sociedade:

Liñas cinéticas: indican o movemento dos personaxes, o dinamismo. Hainas de moitos tipos, desde liñas simples que indican a traxectoria do movemento ata grandes masas de liñas paralelas que indican que un fondo estase a mover.

Metáforas visuais: debuxos ou signos abstractos que suxiren unha acción ou estado de ánimo. Varían levemente duns estilos a outros e tamén dependen do mercado de orixe da BD en cuestión. Por exemplo: as estrelas ao redor dunha cabeza poden indicar mareo.

O texto

Os textos poden ser:

  • Diálogos: onde aparecen as voces dos personaxes (en castelán, bocadillos).
  • Os globos: espazos para expresións e pensamentos dos personaxes.
  • Textos de apoio: fóra dos globos ou inseridos entre as viñetas. Reforzan o papel do narrador.
  • Onomatopeas: palabras que representan ruídos e acostuman estar fóra dos globos, mais introducidas nas viñetas.

Estilos ao redor do mundo

Segundo a súa orixe, os cómic ou bandas deseñadas poden ser clasificados de moitas formas diferentes, pero habitualmente hai tres mercados que teñen predominancia tanto na aplicación de formatos de publicación como nos estilos:

EEUU-RU

O mercado anglosaxón está formado polos países de fala inglesa e que ten nos EEUU como o principal produtor. É un mercado que amosa predilección polas series de superheroes e de ciencia ficción. Despois dunha época (ata os anos 70-80) na que as tiras nos periódicos foron formato habitual e máis respectado, na actualidade os formatos habituais son o comic book (revista grampada dunhas 24-32 páxinas habitualmente, aínda que hai moitos exemplos de maior cantidade e que é especialmente utilizado para os superheroes), a novela gráfica (que é a adaptación do modelo de álbum europeo e que é habitualmente utilizado para obras independentes), a revista (máis común no Reino Unido, con exemplos como 2000 A.D.). Desde hai algúns anos os países iberoamericanos teñen unha forte dependencia deste mercado e son satélites del. Como autores máis coñecidos están Will Eisner, Jack Kirby, Neal Adamas, Milton Caniff ou os máis modernos Jim Lee.

Francia-Bélxica

O mercado franco-belga, tamén coñecido como europeo, xa que estes dous países, que comparten as editoriais e o mercado, son a cabeza da banda deseñada europea a nivel comercial. Exceptuando algún país como Italia (que ten tamén un bo mercado e produción propia estilisticamente recoñecible) os principais autores de BD europea traballan para editoriais franco-belgas. España, Alemaña e outros países xiran estilisticamente arredor de Francia, e aínda que debido á sensibilidade e os movementos propios de cada país hai variacións estilísticas, a banda deseñada europea ten un estilo narrativo e visual común. Aínda que os temas preferentes son a ciencia ficción e as aventuras, a banda deseñada europea mostra unha variedade de xéneros e un aprecio polas obras independentes e de autor moito maior que o mercado anglosaxón. Os formatos habituais son o álbum (libro en aproximadamente A4 de entre 48 e 96 páxinas) e a revista de prepublicación (chamada así porque as series saían por entregas nunha revista antes de ser publicadas en álbum, e que durante moitos anos foi o principal formato e está agora en clara decadencia), aínda que están cada vez máis presentes formatos imitados de outros países, como o comic book, o tomo recompilatorio xaponés (tankōbon) e dende hai pouco o modelo de revista de prepublicación xaponesa ou zashi. O mercado europeo ten tamén como calidade o feito de ser moi aberto a cómics de diferente orixe e non só á produción propia. Autores europeos importantes: Franquin, Jean Giraud, tamén coñecido como Moebius, Miguelanxo Prado, Hugo Pratt, Hergé ou Enrico Marini.

Xapón

Artigo principal: Manga.

O mercado xaponés é o mellor implantado no seu país de orixe, cunha implantación social sorprendente desde o punto de vista occidental. A súa estética mestura en orixe a arte tradicional xaponesa (visible nos ukiyo-e) e a estética propia da banda deseñada e animación occidental, dando como produto unha estética propia moi característica. Produce unha cantidade e variedade de series inmensa. Na actualidade, a súa influencia déixase notar nos mercados de Corea e China, onde xurdiron produtos autóctonos cunha estética moi semellante e con formatos na maioría das ocasións idénticos. Os seus formatos son o zashi ou revista de prepublicación, habitualmente en papel moi barato e con moitas series e o tankōbon ou tomo recompilatorio, de menor tamaño. Autores recoñecidos son: Osamu Tezuka, Katsuhiro Otomo, Akira Toriyama, Jiro Taniguchi, Go Nagai, CLAMP.

Outros mercados

Aínda que na actualidade o mundo da BD depende destes tres vértices, estilisticamente e historicamente hai outros:

Arxentina

Durante os anos corenta, antes da a aparición da televisión, Arxentina tivo un crecemento moi importante na produción de Bd. Houbo unha gran cantidade de revistas, de diferentes xéneros e apareceron diferentes xeracións de debuxantes de gran recoñecemento internacional. Alberto Breccia, coñecido como un dos máis importantes debuxantes da historia e gran experimentador gráfico, Hugo Pratt, que aínda que era italiano formou o seu estilo na Arxentina, Francisco Solano López, que xunto co guionista Héctor Germán Oesterheld (considerado un dos mellores guionistas de banda deseñada do mundo) creou en 1957 a obra mestra ''El Eternauta''. Esta historia, situada en Bos Aires é o primeiro antecedente da «banda deseñada de autor», desenvolta despois en Europa. As diferentes crises económicas fixeron moito dano ao mercado e á viabilidade económica deste e a ditadura militar asasinou ou obrigou a exiliarse a unha gran cantidade de autores, deixando un mercado que é unha sombra do que foi e que depende cada vez máis do mainstream dos EUA.

España

España tivo un mercado moi estendido nos anos 40 e 60, con series como Capitán Trueno ou Zipi Zape. Non obstante, coa chegada da televisión o mercado comezou a decrecer e debido á ditadura, a época de transición á banda deseñada adulta e experimental, que en Francia, Italia, Xapón e Arxentina chegara nos anos 60 e 70 non chegou ata os anos 80, nos que despois dun gran crecemento da produción o mercado colapsou e case desapareceu a produción nacional. Na actualidade a grande maioría dos produtos son traducións de obras estranxeiras e os autores nacionais traballan habitualmente para editoriais francesas, italianas e norteamericanas.

Italia

Italia tivo un mercado moi forte en Europa, con fortes editoriais e series moi populares ligadas aos fumetti (banda deseñada en italiano). O estilo propio dos autores italianos, dentro de Europa, ten unha certa independencia. Nos últimos anos, as similitudes co mercado francés son maiores e moitos dos autores consagrados da BD italiana traballan para editoriais francesas.

China

O cómic chinés, quedou dividido na produción que facía a propia China (cunha produción estatalizada e illada dos produtos de outros países) e a que se facía en Hong Kong e Taiwán, máis libres e fortemente influenciadas por outros países. En Hong Kong e Taiwán tiveron unha forte influencia dos modelos anglosaxóns de BD ata os anos sesenta, nos que os debuxos animados e as BD do Xapón comezaron a ser traducidos e distribuídos alí. Outra influencia temática foron os filmes de artes marciais dos anos 60 e 70. Unha das series que marcou a estética do cómic chinés foi "Chinese Heroe" nos anos oitenta. A estética habitual da Bd chinesa actual é semellante á xaponesa, pero ten preferencia por un maior detalle e realismo e polo uso da cor (o manga xaponés é case sempre en branco e negro).

Corea

O manhwa ou cómic coreano, que na actualidade está moi fortemente influenciado pola produción xaponesa (ata o punto de que as BD coreanas habitualmente confúndense coas xaponesas).

Iugoslavia

Iugoslavia tivo unha época dourada nos anos 30 no que á produción de BD se refire. Houbo unha gran xeración de autores que, atentos á produción que viña dos EEUU produciu series moi populares. Despois da guerra o goberno comunista prohibiu gran cantidade de BD, pero despois dos anos 60, a diferenza de outros países comunistas, Iugoslavia permitiu a entrada de cómics doutros países. Isto permitiu que coa influencia e coñecemento de obras internacionais xurdira unha nova xeración de prata e unha serie de autores que estaban dentro da innovación da BD en Europa. Despois da guerra dos Balcáns moitos dos seus autores exiliáronse a Francia e EEUU. Nos últimos anos xurdiron novas revistas e o mercado está a crecer.

En Galiza

Nos últimos anos a banda deseñada galega goza de moi boa saúde acaparando grande aceptación tanto dentro coma fora das nosas fronteiras.[Cómpre referencia] Son moitos os autores e colectivos que teñen participado en certames internacionais chegando mesmo a seren premiados en varias ocasións (Salò Internacional del Cómic de Barcelona, Festival de Banda Deseñada de Angoulême etc.) Neste sentido destaca a figura de Miguelanxo Prado sendo un dos primeiros en destacar xa nos anos 80 participando na fundación da revista galega Xofre e en múltiplas revistas españolas do underground. Xa nos 90 con obras como Trazo de xis coa que obtería diversos premios, como o Alph-Art ao mellor álbum estranxeiro do Festival de Angoulême, Prado pasa por ser o autor galego máis recoñecido.

Na década de 1990 terá grande importancia na difusión da banda deseñada no país a denominada explosión manga, avivada polo éxito entre o público infantil e xuvenil de diversas series de animación xaponesas baseadas en BD. Así na TVG comezaríanse a emitir series coma o Dr Slump ou As bolas máxicas que axiña acadaron unha grande popularidade que non deixaría de medrar ata a aparición do programa Xabarín Club dentro do cal, alén de emitir series baseadas en manga se emitiron filmes baseados en Astérix, a serie do Corto Maltés ou mesmo un espazo dedicado especificamente á banda deseñada. Tamén comezan a destacar neste final de século a realización de diferentes xornadas e salóns de exposicións dedicados á BD en diferentes vilas e cidades galegas, entre os cales se podería destacar o Viñetas desde o Atlántico que se celebra tódolos anos na Coruña durante o verán.

Xa a finais dos 90 e no comezo do século XXI comezarían a ter grande importancia o desenvolvemento de revistas dedicadas ao cómic.[Cómpre referencia] En 1999 nace Golfiño a cal, en dúas etapas diferentes, durou ata 2004 e na cal participaron case todos os autores galegos do momento. Pouco despois, en 2001, naceu a revista BD Banda en torno á cal se irá xestando un colectivo homónimo dedicado activamente á difusión e promoción da novena arte en Galiza. Xa en 2003 naceu o fanzine Barsowia cunha orientación estética máis "alternativa" e que é editado polo colectivo Polaqia. Entre os autores a destacar estarían Miguelanxo Prado, José Domingo, David Rubín, Kiko da Silva, Jacobo Fernández Serrano, Alberto Guitián, Emma Ríos, Victor Rivas, Leandro, Tirso Cons, Javi Montes, Manel Cráneo etc.

Xéneros

Ficción:

Aventuras

  • Misterio e serie negra
  • Romántica

Histórica

Fantástico:

  • Ciencia ficción:
  • Space opera
  • Superheroes
  • Fantasía heroica

Terror

  • Terror clásico
  • Terror moderno

Erotismo e pornografía

  • Erótica
  • Banda deseñada SMBD e Ero-gore
  • Manga erótico (hentai)

Sátira e Humor

  • Animais falantes
  • Vangarda, underground e alternativa
  • Banda deseñada expresionista

Non ficción:

  • Biografía
  • Crónica e reportaxe
  • Ensaio

Autores destacados

Títulos destacados

Notas

  1. Acéptanse tanto cómic, historieta, tira cómica como banda deseñada como equivalentes, se ben, segundo a lingua, prímase máis unha ou outra denominación. Na Galipedia, no seu momento, estaba abondo máis desenvolta a versión de B.D., polo que se pasou o contido da entrada de cómic á de B.D.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Albert Uderzo

Albert Uderzo, nado en Fismes en abril de 1927 é un debuxante e, posteriormente, guionista de historietas francés. A súa serie de maior sona é "Astérix", creada en 1959 co guionista René Goscinny.

Batman

Batman (en galego, O home morcego) é un superheroe de banda deseñada, que apareceu por primeira vez na historia O estraño caso do sindicato químico da revista Detective Comics #27 en maio de 1939. Foi creado polo artista Bob Kane e o escritor Bill Finger, aínda que só Kane recibiu crédito oficial. Ao principio Batman non era máis que un dos personaxes que aparecían en Detective Comics, pero co tempo converteuse en protagonista de cómics e filmes, compartindo o éxito con outro personaxe de DC Comics, Superman. Tempo despois, outro personaxe comezou a acompañar a Batman nas súas aventuras, Robin, rapaz cunha personalidade alegre e aberta que contrastaba co escuro carácter de Batman. Varios personaxes ocuparon o rol de Robin ao longo das series de Batman: Dick Grayson, Jason Todd e na actualidade, Tim Drake.

Batman tivo varias adaptacións tanto para a radio como para o cine e a televisión, tanto animadas, como o Batman de 1969, como non. As dúas primeiras adaptacións para o cinema, Batman e Batman volve foron dirixidas por Tim Burton en 1989 e 1992 respectivamente, a última adaptación para o cinema dirixiuna Christopher Nolan no ano 2005 co título de Batman empeza e O cabaleiro escuro.

Buck Rogers no século XXV

Buck Rogers no século XXV é unha serie de televisión de ficción científica norteamericana creada por Glen A. Larson e producida por Universal Studios baseada no personaxe de Buck Rogers creado en 1928 por Philip Francis Nowlan e que aparecera en banda deseñada e do que se fixeran versións para a radio e a televisión. A Televisión de Galicia emitiu a serie en 1986.

Fantasía

O xénero fantástico, comunmente chamado fantasía, é un xénero artístico de ficción no cal os elementos principais do argumento son imaxinarios, irreais e sobrenaturais.

No seu sentido máis amplo, o xénero fantástico áchase presente na literatura, cine, banda deseñada, videoxogos, xogos de rol, pintura, escultura, drama e, sobre todo, na mitoloxía e relatos antigos, onde tivo a súa orixe. Caracterízase por non dar prioridade a unha representación realista que respecte as leis de funcionamento do mundo real. Nese sentido adóitase dicir que o xénero fantástico é subversivo, pois viola as normas da realidade.

Xeralmente distínguese doutras formas artísticas como a ciencia ficción, na que tamén se subverten os mecanismos de funcionamento da realidade coñecida, aducindo que a causa dos fenómenos observados en obras de corte fantástico sempre teñen que ver con forzas sobrenaturais mentres que na ciencia ficción hai causas científicas, con explicacións que buscan a racionalidade dentro da súa ruptura coa orde coñecida.

Galería de imaxes de Galicia

Galería de imaxes de Galicia.

Guionista

O guionista é o autor dun guión literario, tanto para unha produción de audiovisuais ou a radio, ou para banda deseñada. O guión pode ser unha creación orixinal ou unha adaptación doutra obra pre-existente.

Jack Kirby

Jack Kirby, nado o 28 de agosto de 1917 en Nova York e morto o 6 de febreiro de 1994 en Thousand Oaks (California), foi un dos máis influentes, recoñecidos e prolíficos artistas do cómic nos Estados Unidos. De nome real Jacob Kurtzberg, fillo de pais xudeus austríacos afincados en Nova York, foi tamén editor e escritor de cómics. Debido á súa capacidade creativa, Stan Lee púxolle o alcume de "O Rei".

Literatura

A literatura é a arte de escribir. Segundo aparece no Dicionario de Autoridades de 1734, a literatura é "o coñecemento e ciencias das letras". En xeral, pódese entender como literatura calquera tipo de texto. Mesmo hai quen defende que se pode incluír calquera tipo de traballo baseado en símbolos, como a banda deseñada, as imaxes ou a escultura. Porén, considérase polo xeral que a literatura só son os textos escritos dunha certa calidade e de certos xéneros, excluíndo a banda deseñada, a novela romántica ou a "policías", por exemplo. Os temas son moi variados.

Considérase un xénero literario cada unha das manifestacións formais das obras literarias segundo unha clasificación que ten en conta a estrutura e o contido. Dende Platón e Aristóteles até case o século XIX, foron estabelecidos como básisoc tres xéneros, que partían da imitación e da descrición da natureza. Da primeira xorde o xénero dramático (traxedia, drama, comedia), da segunda o lírico (poesía) e da súa fusión, a épica.

Manga

O manga (漫画 ou tamén マンガ, まんが) é o nome habitual para referirse á banda deseñada xaponesa. No Xapón considérase manga equivalente a cómic, pero en cambio aquí só se consideran cómics manga os que proceden do Xapón. O significado literal da palabra manga é 'debuxos caprichosos' ou 'garabatos'. Foi un representante do Ukiyo-e, Hokusai Katsushika, quen acuñou o termo manga ao combinar os kanji correspondentes a 'informal' (man) e 'debuxo' (ga).

A relación entre a banda deseñada e os debuxos animados no Xapón é moi grande, xa que a maioría das producións animadas do país están baseadas en series de BD de éxito, a diferenza da banda deseñada americana e europea que son máis independentes do mundo da animación e viceversa.

Marvel Comics

Marvel Comics é unha editorial estadounidense de banda deseñada, con sede en 387 Park Avenue South, en Nova York. Entre as súas revistas máis famosas encontramos os Catro Fantásticos, Spiderman, Hulk, Capitán América e X-Men. É unha das dúas empresas estadounidenses máis importantes, xunto a DC Comics, dende a década de 1960. Actualmente, conta con máis de 4.700 personaxes.

O 31 de agosto de 2009, a empresa The Walt Disney Company anuncia a compra da marca Marvel Entertainment por 4.000 millóns de dólares[Cómpre referencia], traspasando así preto de 5.000 personaxes ao mundo Disney Enterprises, Inc..

Mickey Mouse

Mickey Mouse é un personaxe de debuxos animados e emblema da compañía Disney. Creado en 1928, é un rato antropomórfico. Walt Disney prestou a súa voz ó personaxe desde 1929 ata 1946, cando foi substituído polo técnico de son Jimmy MacDonald. Desde 1983 a voz é de Wayne Allwine. Ó longo dos anos Mickey apareceu en debuxos animados, tiras cómicas, videoxogos, e converteuse na icona da compañía Walt Disney.

Miguelanxo Prado

Miguelanxo Prado Plana, nado na Coruña en 1958, é un autor de banda deseñada galego, con obras que van desde a crítica social e as relacións persoais contemporáneas até a ciencia ficción.

Mitoloxía

A mitoloxía é o conxunto de lendas e mitos que pertencen á tradición dun pobo, dunha civilización ou dunha relixión, e que explican a súa natureza, a súa historia e os seus costumes.Como unha colección de historias, a mitoloxía é unha parte vital de calquera cultura. Existen varias orixes dos mitos, como a personificación da natureza, a personificación e explicación de fenómenos ou a esaxeración de feitos históricos. Malia que o termo é complexo polo seu significado implícito, o proceso de creación dunha mitoloxía non se adscribe só a prácticas primitivas, senón que abrangue tamén historias contemporáneas, lendas urbanas e os mitos ficticios creados por novelas e banda deseñada de fantasía. A mitoloxía dunha cultura colectiva axuda a xerar identidade e pertenza de grupo, compartir experiencias relixiosas, modelos de comportamento e aprender leccións de moral.

O estudo dos mitos data da antigüidade. As clasificacións dos mitos gregos de Evémero, o Fedro de Platón, e Sallustius foron desenvolvidas polos neoplatonistas e revividos polos mitógrafos do Renacemento. A mitoloxía comparada do século XIX reinterpretou o mito como unha contraparte primitiva e errada da ciencia (E. B. Tylor), a "disease of language" (Max Müller), ou unha malinterpretación do rito máxico (James Frazer).

Algunhas teorías actuais rexeitaron o conflito entre o valor do mito e do pensamento racional, vendo os mitos, mais que inexactos feitos históricos, como expresións para un entendemento xeral das verdades psicolóxicas, culturais e sociais.

Novela gráfica

Novela gráfica é un formato de publicación destinado a un público con guión dun só autor e que contén unha historia única, onde se fusionan o debuxo e a narrativa e se presentan temas profundos e historias extensas. Ademais, nun sentido diacrónico, é un movemento vangardista do século XXI herdeiro da historieta alternativa e con difusión internacional, que abrangue tanto banda deseñada estadounidense (Charles Burns, Daniel Clowes, Gary Panter, Joe Sacco, Seth) como francófono (Guy Delisle, Marjane Satrapi) e mesmo español (Paco Roca, Luís Durán...), israelí (Rutu Modan) e xaponés (Jiro Taniguchi), cuxa figura central é Chris Ware. Como tal, implica unha revolución das historias abordadas, alén da revolución gráfica producida desde os anos 70. Pode considerarse, neste senso, "como o último (até agora) dos varios intentos feitos pola banda deseñada de asaltar a fortaleza da respetabilidade cultural". Toda esta polisemia levou a confusións e contradicións entre os diversos autores, expertos e lectores. Recoñécese como a primeira novela gráfica á obra O Eternauta (1957) de Héctor Germán Oesterheld; aínda que a primeira obra auto proclamada como novela gráfica foi Contrato con Deus (1978) de Will Eisner; a cal popularizou o termo.

Reimundo Patiño

Reimundo Patiño Mancebo, nado na Coruña en 1936 e finado o 21 de agosto de 1985, foi un pintor e debuxante de banda deseñada galego.

René Goscinny

René Goscinny, nado en París o 14 de agosto de 1926 e finado o 5 de novembro de 1977, foi un guionista de historietas.

Western (cinema)

O western é un dos xéneros cinematográficos máis populares do cinema estadounidense. A palabra western, orixinariamente un adjectivo derivado de West (Oeste, en inglés), substantivouse para facer referencia ás obras, fundamentalmente cinematográficas, aínda que tamén literarias (véxase Novela do Oeste) e de banda deseñada (véxase Banda deseñada do Oeste, que están ambientadas no antigo Oeste estadounidense.

En galego, western é un anglicismo, de amplo uso, aínda que non aceptado de momento polo Dicionario da Real Academia Galega, polo que debe escribirse sempre en cursiva, como se fai con todo estranxeirismo.

Non existe ningunha outra voz para facer referencia ao concepto que a palabra western representa, polo que habitualmente moitos falantes usan expresións como "película do oeste" ou "película de vaqueiros".

Xosé Lois González Vázquez

Xosé Lois González Vázquez, alcumado O Carrabouxo, nado en Ourense en 1949, é un debuxante galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.