Balonmán

O balonmán é un deporte de pelota no que se enfrontan dous equipos, cada un de sete xogadores, seis son xogadores de campo e un é porteiro. Este deporte goza de certa popularidade en países como Galiza, España, Alemaña, Suecia e Francia entroutros.

Handball Bosnia Greece.jpeg
Partido de balonmán

Historia

Este xogo, segundo expertos,[quen?] remóntase á antigüidade. Crese que na Antiga Grecia xogábase un xogo que consistía en que unha pelota do tamaño dunha mazá non tocase o chan. Así mesmo foi descrito en, "A Odisea" de Homero. Este xogo coñecíase co nome de Xogo de Ucraína.

Aínda que o xogo que hoxe en día coñecemos como balonmán ten as súas orixes a finais do século XIX en Europa central. En 1892, Konrad Koch, profesor de ximnasia, inventou un xogo de características similares ao actual balonmán: o "Raffballspied" como forma de adestramento para os ximnastas. Pero é Max Heiser o considerado como pai do balonmán moderno.

Forma parte dos Xogos Olímpicos dende 1972 en categoría masculina e dende 1976 na feminina.

Obxectivo

O obxectivo do xogo é conseguir marcar máis goles que o rival na portería contraria, aínda que en balonmán existe o empate. Para conseguir un gol, os xogadores deben lanzar o balón dende fóra da área de 6 metros ou ben, saltando, tamén dende fóra, por encima desta e lanzando antes de caer. O balón debe exceder totalmente a liña de gol para que o tanto sexa válido. A pelota pode ser xogada con calquera parte do corpo desde as coxas cara arriba, coa excepción do porteiro, que pode usar tamén as pernas e os pés para defender a súa portería, a condición de que se atope dentro da súa propia área. Fóra da área, o porteiro é un xogador máis suxeito ás regras do xogo.

Un equipo pode cambiar libremente aos seus xogadores en todo momento, sen límite, coa única condición de que sempre haxa só sete xogadores no campo, é dicir, para que un xogador ingrese no terreo de xogo, é necesario que primeiro marche outro e que dito cambio se realice pola zona regulamentaria. En caso contrario, sanciónase a falta e exclúese ao xogador que entrou antes de tempo, ou nun lugar indebido, por 2 minutos.

Campo de xogo

Quadra-hand
Dimensións dunha cancha de balonmán indoor oficial

O campo mide 40 m de longo por 20 m de ancho, dividido en dous medios campos. Na liña de fondo de cada medio campo existe unha portería centrada respecto das bandas. As dimensións da portería son 3 m de ancho por 2 m de alto. O ancho dos postes e o longueiro é de 8 cm, medida que coincide co ancho da liña de gol. Dita portería atópase dentro dunha área de 6 m, trazada a partir de dous cuartos de círculo, con centro en cada un dos postes e raio de 6 m, unidos por unha liña paralela á liña de gol.

Por fóra da área de 6 m existe outra liña, esta descontinua, a 9 m da liña de gol. É a que se coñece como liña de golpe franco. Todas as faltas cometidas entre a liña de 6 m e a de 9 m son sacadas polo equipo atacante con todos os seus xogadores fóra dela e os defensores a 3 m do balón, salvo nas ocasións en que se sancione a infracción cun lanzamento de 7 metros, que se realiza dende unha liña centrada situada a un metro do area e a 7 m da portería. Existe ademais unha liña a 4 metros da liña de gol, a cal delimita o espazo no cal pódese colocar o porteiro nos lanzamentos de penalti.

Regras

Pódese avanzar co balón nas mans ata un máximo de tres pasos. A partir dese momento o xogador dispón de 3 segundos para lanzar, pasar o balón ou botar. Se se bota o balón, só cunha man por cada bote, pódese continuar en movemento ata que se deixe de botar. A partir dese momento pódense dar outros tres pasos e obrigatoriamente hai que lanzar ou pasar antes de tres segundos, xa que non está permitido a un xogador botar de novo o balón sen que este toque a outro xogador ou a portería.

A área da portería non pode ser invadida por ningún xogador excepto polo porteiro que defende a portería. Se un xogador atacante o fai, a xogada invalídase e o balón pasa a mans do equipo que defendía. Se un xogador do equipo que defende invade a área, sinalarase penalti.

Un xogador non pode exceder a liña de lanzamento ao executar un penalti e polo menos un pé ten que permanecer quedo no chan ata despois do lanzamento, se o pé móvese tense que sancionar falta de pé. Na execución do penalti, todos os xogadores, excepto lanzador e porteiro, deberán permanecer por detrás da liña de 9 m.

Se o equipo ataca,nte non demostra unha actitude ofensiva se lle pitará xogo pasivo e daráselle o balón ao equipo que defendía. Non hai un tempo definido para pitar xogo pasivo así que adoita haber controversia xa que o criterio arbitral, neste caso, inflúe moito.

Calquera acción en que se impida con falta unha acción clara de gol será considerada penalti.

Sancións

O balonmán é un deporte de contacto, pero nobre. Está permitido o contacto "de cara" é dicir, peito con peito, usando as mans sen agarrar, a fin de obstruír o ataque do equipo rival, pero nunca están permitidos os empurróns, sexan do tipo que sexan. Estas faltas sanciónanse con golpe franco, excepto aquelas que son unha clara ocasión de gol, que son sancionadas co lanzamento de 7 metros. As accións máis duras, agarróns por detrás, agresións etc. poden ser sancionadas primeiro cunha amoestación (cartón amarelo). O equipo só pode ter 3 cartóns amarelos, a seguinte falta que o árbitro crea que merece sanción, esta será de 2 minutos, non podendo sacarse xa máis cartóns amarelos. Esta sanción quere dicir que o equipo debe xogar durante 2 minutos cun home menos en pista. Un xogador que acumula tres exclusións recibe a tarxeta vermella (descualificación) e non pode volver ao terreo de xogo. No seu lugar, aos 2 minutos poderá entrar un compañeiro. O cartón vermello pode ser directo, a consideración dos árbitros (casos de agresións que poñan en perigo ao xogador contrario). Tamén existe a expulsión en casos de agresións moi graves.

Véxase tamén

Ligazóns externas

A Graña, Ferrol

Santa Rosa de Viterbo da Graña é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Ferrol, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2013 tiña 448 habitantes (245 mulleres e 203 homes) distribuídos nunha soa entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 541 habitantes.

Limita ao norte coa parroquia de Brión, ao leste coa Cabana, ao oeste con Brión e ao sur coa ría de Ferrol. O topónimo fai mención a unha antiga explotación gandeira ou agrícola.

A Sociedade Cultural Deportiva e Recreativa Y da Graña desenvolve actividades como o fútbol, remo, balonmán ou tenis de mesa.

Balonmán Ártabro Novo Mesoiro

O Club Balonmán Ártabro Novo Mesoiro foi un equipo de balonmán da cidade da Coruña, Galiza. O club naceu en 2013 e desapareceu en 2017 por motivos económicos.

Bera Bera Rugby Taldea

O Bera Bera Rugby Taldea é un club polideportivo da cidade de Donostia. Posúe diferentes seccións, entre as que destacan as de rugby e a de balonmán feminino, nas que o club se encontra na elite das ligas de España.

Club Balonmán Cangas

O BM Cangas do Morrazo ou Frigoríficos do Morrazo por motivos de patrocinio, é un equipo galego de balonmán da localidade pontevedresa de Cangas fundado en 1961. Actualmente xoga na División de Honra A, tamén coñecida como Liga ASOBAL logo dunha tempada na que ascendeu por terceira vez da División de Honra B nunha fase de ascenso organizada no seu campo, o pavillón do Gatañal. O BM Cangas está considerado un clásico da Liga ASOBAL. Tralo primeiro ascenso en 1995 estivo ata 2006 ininterrompidamente.

Complexo Deportivo das Travesas

O Complexo Deportivo das Travesas é un recinto polideportivo situado na parroquia viguesa de Freixeiro, construído en 1968 e con capacidade para 3.500 persoas.

Serve de feudo ao Real Club Celta Indepo de baloncesto e máis ao Octavio Pilotes Posada de balonmán.

Copa EHF

A Copa EHF foi unha competición entre clubs de balonmán europeos organizada pola Federación Europea de Balonmano (EHF), que se disputou anualmente dende a tempada 1993-94 ata a 2011-12 e na que competían representantes das Ligas Europeas de Balonmán, se ben dende a tempada 1981-82 se disputou baixo o nome de Copa IHF e nela competiron equipos non europeos. Estaba considerada a terceira competición a nivel continental pola categoría dos clubs que participaban nela, trala Liga de Campións e a Recopa de Europa.

Nas súas orixes, estaba organizada pola Federación Internacional de Balonmán (IHF), ata a tempada 1992-93 e participaban tamén clubs non europeos. Durante este período a competición era denominada Copa IHF.

A partir da tempada 1993-94, o número de representantes das ligas mellor valoradas na clasificación da EHF aumentou, polo que a competición se pechou a equipos europeos e pasou a ter a denominación actual.

A partir da tempada 2012-13, deixou de disputarse trala unificación desta coa Recopa, dando como resultado a EHF European Cup, unha Copa á que van os mellores equipos non clasificados para a Liga de Campións ademais dos campións das copas nacionais. Un dos cambios máis importantes da competición foi que a final comezou a disputarse a un só partido e en campo neutral. Finalmente a competición continuou denominándose Copa EHF.

Copa do Rei de balonmán

A Copa do Rei de balonmán é unha competición española de balonmán entre clubs, organizada desde 1991 pola ASOBAL (Asociación de Clubs Españois de Balonmán), e que se disputa cada ano desde 1957. É a segunda competición máis importante do balonmán español, tras a Liga ASOBAL.

División de Honra Prata de balonmán

A División de Honra Prata (ata 2008 División de Honra B) é a segunda categoría do balonmán no estado español e a primeira organizada pola Federación Española de Balonmano. Actualmente é disputada por 16 equipos.

A partir da tempada 2008-09 modificouse o sistema de ascenso á Liga ASOBAL. Antes os dous primeiros equipos ao finalizar a liga (30 xornadas) ascendían directamente, mais agora ascende directamente o primeiro clasificado, xogándose a segunda praza de ascenso os equipos clasificados entre o 2º e o 5º posto nun play-off. Os 3 últimos clasificados descenden á Primeira Nacional automaticamente.

Fútbol Club Barcelona (balonmán)

A sección de balonmán do Futbol Club Barcelona foi creada o 29 de novembro de 1942 e actualmente compite co nome de FC Barcelona Intersport por motivos de patrocinio. É o club máis laureado do mundo en balonmán, ao ser o equipo que máis títulos acumula do Estado español e de Europa. Viviu a súa época dourada nos anos 90, cando baixo a dirección de Valero Rivera, triunfou en tódalas competicións nas que participou, incluíndo cinco Copas de Europa de xeito consecutivo entre os anos 1996 e o 2000 e foi coñecido como o Dream Team do balonmán. No ano 2011 volveuse coroar como o mellor equipo de Europa oa conquistar a súa oitava Copa de Europa.

O pavillón no que o FC Barcelona xoga os seus partidos como local é o Palau Blaugrana, con capacidade para 8.250 espectadores.

Fútbol sala

O fútbol sala, futsal, futsala ou fútbol de salón, é un deporte derivado da unión de outros deportes: o fútbol, que é a base do xogo; o waterpolo; o voleibol, o balonmán e o baloncesto. Tomando destes non só parte das regras, senón tamén algunhas técnicas de xogo.

Os xogadores deste deporte precisan dunha gran habilidade técnica e dominio sobre o balón, así como velocidade e precisión na execución tanto ao recibir, pasar ou realizar xestos técnicos.

Inicialmente rexido pola Federación Internacional de Fútbol de Salón (FIFUSA), hoxe existen dous entes mundiais, a Asociación Mundial de Futsal (AMF) e a Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA). Esta última transformou unha modalidade deportiva denominada "Fútbol 5" moi similar ao fútbol sala da FIFUSA, cando a mesma se extinguiu, aínda que hoxe este fútbol 5 ou "showbol" se practica en México (fútbol rápido) e Estados Unidos (Indoor Soccer).

A pesar dos esforzos tanto da AMF e a FIFA por unificar esta modalidade e de ser recoñecidos polo Comité Olímpico Internacional, ningunha das dúas entidades conseguiu o seu propósito, deixando como consecuencia o estancamento desta disciplina, xa que en Europa e Sudamérica practícanse con regras similares pero distintas e en algúns casos utilizando os mesmos deportistas para eventos de ambas entidades, posto que a FIFA prohibe aos seus deportistas practicar o futsal da AMF.

A selección feminina galega foi a subcampioa mundial da AMF World Futsal Championships celebrada en 2008, por detrás de Cataluña.

Liga ASOBAL

A Liga ASOBAL é o nome que recibe a Liga española de balonmán, competición entre clubs de balonmán máis importante de España. Organizada dende o ano 1990 pola ASOBAL (Asociación de Clubs de Balonmán de España), é a herdeira da antiga liga española de balonmán que, entre 1958 e 1990, e coa denominación de División de Honra, organizou a Federación Española de Balonmán. Antes, entre 1951 e 1958, disputouse a liga denominada Primeira División Nacional, que foi a primeira liga de balonmán disputada en España, aínda que na modalidade de balonmán a once.

A Liga ASOBAL está considerada a mellor liga de balonmán do mundo. Aa competición, que disputan 16 equipos, consiste nunha liga na que se enfrontan todos os equipos entre eles a dobre volta, e cun total de 30 xornadas. Cada equipo suma dous puntos por vitoria e un punto por empate. Ao final da liga proclámase campión o equipo que sumara máos puntos.

O FC Barcelona é, con 19 títulos, o club que en máis ocasións gañou a Liga ASOBAL, por diante do BM Granollers que a gañou dez veces.

Liga de Campións da EHF

A Copa de Europa de Balonmán, tamén denominada Liga de Campións (Champions League en inglés) é o nome que recibe a máxima competición de clubs de balonmán a nivel europeo. Está organizada pola EHF (European Handball Federation), e reúne aos mellores equipos das principais ligas do balonmán europeo.

A competición celébrase anualmente dende a tempada 1956-57, aínda que ao longo dos anos foi modificado o sistema de competición. Nos primeiros anos participaban unicamente os campións de cada unha das ligas nacionais adscritas á EHF. Actualmente reúne aos mellores clasificados das principais ligas, non só aos campións. O club con máis títulos da Copa de Europa de Balonmán é o FC Barcelona da Liga ASOBAL, con nove títulos, e o actual campión é precisamente o FC Barcelona.

OAR A Coruña

O OAR Ciudad, OAR A Coruña, ou sinxelamente OAR Coruña é un club de balonmán galego da cidade da Coruña fundado en 1952 que xoga na 1ª División Estatal do balonmán español.

Palau Blaugrana

O Palau Blaugrana é o pavillón cuberto, propiedade do Futbol Club Barcelona, onde disputan os seus partidos oficiais os primeiros equipos das seccións de baloncesto, balonmán, hockey sobre patíns e fútbol sala do FC Barcelona.

Está situado na Avenida Arístides Maillol, no barrio de Les Corts de Barcelona, e no interior do complexo que acolle o estadio do Camp Nou. Xunto ao "Palau Blaugrana" están as oficinas do club, así como a tenda oficial do FC Barcelona e o Palau de Gel.

Pavillón Municipal de Santa Isabel

O Pavillón Municipal de Santa Isabel é un recinto deportivo de Santiago de Compostela, pertencente ó Complexo Deportivo de Santa Isabel, e xestionado polo concello. Ten capacidade para acoller 1.290 persoas sentadas. Ata a construción do Pavillón Multiusos Fontes do Sar en 1998, o de Santa Isabel foi o principal pavillón cuberto multiusos da cidade, e nel teñen xogado como locais ducias de encontros os principais equipos de baloncesto e fútbol sala santiagueses, como Obradoiro CAB ou Lobelle FS, entre outros.

Actualmente o pavillón acolle encontros de baloncesto e fútbol sala en categorías rexionais, aínda que a súa superficie de parqué podería acoller competicións de voleibol e balonmán se fose preciso.

Pavillón Polideportivo da USC

O Pavillón Polideportivo da Universidade de Santiago de Compostela é un recinto deportivo pechado e cuberto, disposto para a práctica de baloncesto, fútbol sala, voleibol, balonmán, esgrima ou bádminton. Inaugurado en 1981, forma parte do Complexo Deportivo Universitario da USC, situado no Campus Vida. O pavillón ten capacidade para unhas 1.000 persoas sentadas nas bancadas, e o seu aproveitamento principal é o desenvolvemento das distintas ligas universitarias.

O edificio está situado a carón do Estadio de Atletismo da USC, do Edificio Monte da Condesa e da Facultade de Física.

Nos últimos anos houbo queixas sobre algunhas goteiras que ten o tellado do pavillón, o cal provocou que a Universidade deseñase un plan de renovación que terá como obxectivo a reforma do pavillón e doutras instalacións deportivas universitarias.

Penalti

O penalti é o máximo castigo que se pode aplicar en diversos deportes de balón, consistente nun lanzamento sen barreira, dende unha distancia prefixada, coa clara oportunidade de obter un gol e coa única oposición do porteiro de equipo rival.

En tódolos deportes nos que existe o penalti, a pena indicarase no momento en que un xogador aborte unha ocasión de gol cunha acción non regulamentaria, como por exemplo tocar o balón coa man dentro da área propia en fútbol, interromper unha acción dentro da liña de 7 metros en balonmán ou, na maioría de deportes, cometer unha falta a un rival nas proximidades da liña de gol ou portería.

Para a execución, tanto o lanzador da pena, como o porteiro, como o resto de xogadores de ámbolos dous equipos, teñen que situarse nunhas distancias prefixadas no terreo de xogo.

Nalgúns deportes, se ó final do tempo regulamentario os dous equipos están empatados, resólvese o encontro cunha quenda de penaltis.

Sociedad Deportiva Octavio

O Octavio Pilotes Posada é un equipo de balonmán de Vigo que milita no grupo A da Primeira Estatal, o terceiro chanzo do sistema de ligas do balonmán español, o cal acolle unicamente clubs galegos: catorce pontevedreses e dous coruñeses. Xoga como local no Complexo Deportivo das Travesas de Freixeiro, con capacidade para 4.500 persoas.

Sociedad Deportiva Teucro

A Sociedad Deportiva Teucro é un equipo de balonmán de Pontevedra. Compite na Liga Asobal, tras o ascenso acadado na campaña 2014/15, despois de 6 tempadas na División de Honra Prata. O seu filial, a Sociedad Deportiva Teucro San Narciso, compite no grupo A da Primeira Estatal (terceiro nivel da pirámide de ligas españolas).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.