Baloncesto

O baloncesto (basketball en inglés) é un deporte colectivo inventado en 1891 polo profesor de Educación Física James Naismith, na Asociación Cristiá de Mozos de Springfield, EUA. Cada un dos dous equipos está formado por cinco xogadores. Ten como obxectivo pasar a pelota por dentro dunha cesta colocada nas extremidades da pista. Actualmente pode xogarse tamén en pistas ao aire libre. Neste deporte pódense facer os cambios de xogadores que o adestrador estime necesarios. As posicións máis comúns dos xogadores son: base, escolta, aleiro, ala-pivote e pivote. O base ten a función de dirixir o xogo.

Os xogadores poden camiñar na pista sempre que boten contra o chan a pelota a cada paso dado. Tamén é posíbel dar un pase, ou sexa, lanzar a pelota en dirección a un compañeiro de equipo.

Cesta ou canastra é o nome dado comunmente ao tiro de facer a pelota pasar por ese aro; entón márcanse puntos:

  • Dous puntos no caso do lanzamento entre a liña de fondo e a chamada liña dos 3 puntos
  • Tres puntos se o lanzamento viñer de fóra desa área
  • E un punto cando o lanzamento viñer dun tiro libre.

Unha grande habilidade no baloncesto é a puntería certeira. Polo tanto, os equipos deben facer puntos sempre do mesmo lado - é a media pista de ataque - e defender a cesta oposta - na media pista de defensa. Obviamente o equipo que defende tenta impedir que o equipo que ataca faga canastra, a través da marcación, da interceptación de pases ou ata mesmo do bloqueo ao lanzamento. No entanto, os contactos máis fortes púnense como falta. Se o xogador fixer cinco faltas, debe ser substituído e non pode volver á pista. A partir da cuarta falta colectiva dun equipo, o equipo adversario ten dereito a tiros libres toda vez que sufra unha falta. En caso de que estea no acto do lanzamento e a pelota entre na cesta, terá dereito a un tiro libre. No caso de a pelota non entrar na cesta, terá tantos tiros libres como o valor do lanzamento tentado ao sufrir a falta.

Basketball game
Xogador coa posesión da pelota

Actualmente o baloncesto internacional atópase organizado na FIBA - Federación Internacional de Baloncesto. A súas determinacións valen para todos os países onde se xoga o baloncesto, excepto para a liga profesional dos EUA, a NBA, que mantén regras propias un pouco diferentes das internacionais. A expectativa é que as dúas entidades aproximen cada vez máis os seus regulamentos.

Para xogos regulamentados pola FIBA, o tempo de xogo oficial é de 40 minutos, divididos en catro períodos iguais de 10 minutos cada un. Entre o 2º e 3º períodos, hai intervalo de 15 minutos, e invértense as pistas de ataque e defensa dos equipos; logo, cada equipo defende en dous períodos cada cesta. Ao contrario doutros deportes colectivos, non hai sorteo para definir quen ten a posesión de pelota no comezo do xogo: a pelota lanzase para cima por un árbitro, e un xogador de cada equipo (naturalmente o máis alto) colócase para saltar e tentar obter a posesión.

Non se permite saír dos límites da pista, e nos xogos oficiais tampouco se permite que o xogador leve a pelota para a pista de ataque e retorne para a pista de defensa. Alén diso, hai tamén unha limitación de tempo (24 segundos) para facer a cesta, e a prohibición de que o atleta salte e retorne ao chan coa posesión de pelota, sen executar lanzamento ou pase. As faltas cóbranse da lateral de pista, así como as demais violacións; no entanto, en caso de que un equipo cometa máis de 4 faltas nun período, as faltas do adversario pasan a cobrarse na forma de tiro libre: o xogador colócase nunha liña a 4,60 metros da cesta e lanza sen a marcación dos rivais. O tiro libre tamén se cobra cando un xogador sofre falta no momento en que está tentando un lanzamento - independentemente do número total de faltas do equipo adversario.

Alén da NBA, que se considera unha liga moi emocionante e espectacular, o principal torneo de clubs de baloncesto é a Euroliga. Se dun lado a NBA conta cos xogadores de maior poder defensivo e de forza, a Euroliga conta con xogadores máis cerebrais e técnicos. Xa entre as seleccións, o torneo máis importante aínda é o Olímpico.

O baloncesto en cadeira de rodas é unha modalidade bastante coñecida entre os deportes para persoas discapacitadas.

O Mini Baloncesto é a forma de disputa do deporte para nenos con menos de 12 anos. Foi desenvolvido como unha forma divertida de descubrir o baloncesto. Algunhas regras son diferentes do baloncesto tradicional. A altura da cesta (do aro ata o solo) é de 2,60 m. O tempo de xogo recomendado pola FIBA é de 2 (dous) períodos de 20 minutos; no entanto, algúns Estados introduciron adaptacións a esta regra visando un maior desenvolvemento do xogo. No Río de Xaneiro, por exemplo, úsanse 3 (tres) períodos de 5 minutos. Xa en Sao Paulo se empregan 2 (dous) períodos de 7 minutos.

Tamén como recomendación da FIBA, visando a participación do maior número de xogadores, existe unha regra referente á substitución de atletas: "cada xogador debe xogar no mínimo en dous períodos, excepto aqueles que tiveren sido substituídos por lesión, descualificación ou que teñan cometido 5 faltas persoais." Esta regra tamén sofre adaptacións nalgúns Estados. Outra gran diferenza cando se compara co baloncesto tradicional obsérvase ao final do xogo, en caso de que o partido presente empate, este é o resultado final, non se debendo xogar ningunha prorrogación.

Demencia Estudiantes 01
Seareiros que forman parte da "Demencia" do Estudiantes
Basketballs ondisplay2 lithuania
Pelotas de baloncesto.

Obxectivo do xogo

O obxectivo do xogo é introducir a pelota no cesto do equipo adversario (marcando puntos) e, simultaneamente, evitar que esta sexa introducida no propio cesto, respectando as regras do xogo. O equipo que obtiver máis puntos no fin do xogo vence.

A competición é dirixida por:

  • Tres árbitros, que teñen con función aseguraren o cumprimento das regras do xogo.
  • Un marcador e o seu auxiliar, que teñen como funcións encher previamente o boletín de xogo, onde rexistran os puntos marcados, as faltas persoais e técnicas etc.
  • O cronometrista, que verifica o tempo de xogo e os descontos de tempo
  • Un operador de vinte e catro segundos, que controla os 24 segundos que cada equipo dispón para a posesión ininterrompida da pelota.

Posicións

Son usadas, xeralmente, tres posicións: alas, pivotes e armador (ou base). Na maioría dos equipos temos dous alas, dous pivotes e un armador.

  • Armador ou base é como o cerebro do equipo. Arma as xogadas e xeralmente comeza coa pelota.
  • Alas ou extremos xogan polos cantos. A función do ala muda bastante. Pode axudar o armador, ou facer cestas.
  • Pivotes ou postes son, na maioría das veces, os máis altos do equipo.

Regulamento (FIBA)

  • Equipo - Existen dous equipos, cada un con 5 participantes (en xogo), máis 7 suplentes.
  • Comezo do xogo – O Xogo comeza co lanzamento da pelota ao ar, polo árbitro, entre dous xogadores adversarios no círculo central. A pelota só pode tocarse cando alcance o punto máis alto. O equipo que non gañou a posesión de pelota ten a frecha de posesión alterna ó seu favor.
  • Duración do xogo – Catro períodos de 10 minutos de tempo útil cada un, cun intervalo de 15 minutos entre o segundo e o terceiro período, e con intervalos de dous minutos entre o primeiro e o segundo período e entre o terceiro e o cuarto período. O cronómetro só avanza cando a pelota se atopa en xogo, isto é, sempre que o árbitro interrompe o xogo, o tempo párase de inmediato.
  • Reposición da pelota en xogo - Despois de sinalar unha falta, o xogo recomeza cun lanzamento fóra das liñas laterais, excepto no caso de tiros libres. Despois da marcación de punto, o xogo prosegue cun pase realizado atrás da liña do campo do equipo que defende.
  • Como xogar a pelota - A pelota sempre se xoga coas mans. Non se permite andar coa pelota nas mans ou provocar o contacto da pelota cos pés ou pernas.
  • Puntuación - Un cesto é válido cando a pelota entra no cesto, por cima, e pasa a través del. Un cesto de campo vale 2 puntos, a non ser que teña sido conseguido por detrás da liña dos 3 puntos (valendo, polo tanto, 3 puntos); un cesto de tiro libre vale 1 punto.
  • Empate – Os xogos non poden terminar empatados. O desempate alcánzase a través de períodos suplementarios de 5 minutos.
  • Resultado – O xogo é gañado polo equipo que marque maior número de puntos no tempo regulamentario.
  • Lanzamento libre – Na execución, os xogadores ocupan os respectivos espazos ao longo da liña de marcación, non poden deixar os seus lugares ata que a pelota saia das mans do executante do tiro libre; non poden tocar a pelota na súa traxectoria para o cesto, ata que esta toque no aro.
  • Penalizacións de faltas persoais – Se a falta for cometida sobre un xogador que non está en acto de lanzamento, a falta será cobrada por unha reposición de pelota lateral. Se a falta for cometida sobre un xogador no acto de lanzamento, o cesto conta e debe, aínda, ser concedido un tiro libre. No caso de que o lanzamento non encestase, o lanzador irá executar o(s) tiro(s) libres correspondentes ás penalizacións (2 ou 3 tiros libres, conforme se trate dunha tentativa de lanzamento de 2 ou 3 puntos).
  • Regra dos 5 segundos - Cada xogador dispón de 5 segundos para repor a pelota en xogo.
  • Regra dos 3 segundos - Un xogador non pode permanecer máis de 3 segundos dentro da área restritiva do adversario, en canto o seu equipo estea de posesión de pelota.
  • Regra dos 8 segundos - Cando un equipo gaña a posesión da pelota na súa zona de defensa, debe, dentro de 8 segundos, facer pasar a pelota para a zona de ataque.
  • Regra dos 24 segundos - Cando un equipo está de posesión da pelota, dispón de 24 segundos para a lanzar ao cesto do adversario.
  • Pelota presa – Considérase pelota presa cando dous ou máis adversarios tiveren unha ou ambas as mans sobre a pelota, ficando esta presa. A posesión de pelota será do equipo que tivese a frecha de posesión alterna ao seu favor.
  • Transición de campo – Un xogador cuxo equipo está na posesión de pelota, na súa zona de ataque, non pode lanzar a pelota para a súa zona de defensa.
  • Dribles - Cando se dribla pódese executar o número de pasos que pretenda. O xogador non pode bater a pelota coas dúas mans simultaneamente, nin efectuar dous dribles consecutivos (bater a pelota, agarrala coas dúas mans e volver a batela).
  • Pasos – O xogador non pode executar máis de dous pasos coa pelota na man.
  • Faltas persoais – É unha falta que implica contacto co adversario, e que consiste nos seguintes parámetros: Obstrución, Cargar, Marcar pola retagarda, Deter, Asegurar, Uso ilegal das mans, Empurrar.
  • Falta antideportiva – Falta persoal que, no entender do árbitro, foi cometida intencionalmente, con obxectivo de prexudicar o equipo adversario.
  • Falta técnica – Falta cometida por un xogador sen supoñer contacto persoal co adversario, como, por exemplo, contestación das decisións do árbitro, usando xestos ou actitudes ofensivas, ou mesmo cando non levante inmediatamente o brazo, despois de lle sinalar falta.
  • Falta do equipo – Se un equipo cometer nun período un total de cinco faltas, para todas as outras faltas persoais sufrirá a penalización de dous lanzamentos libres.
  • Número de faltas – Un xogador poderá facer un máximo de 5 faltas durante o xogo.

Recinto de xogo

Basketball backboard and basket bitmap
Táboa da canastra

O recinto oficial de xogo é unha superficie rectangular con 28 metros de lonxitude (liñas laterais) e 15 metros de largura (liñas finais), limitado por dúas liñas laterais e dúas liñas de fondo.

Basketball court dimensions
Campo de baloncesto (dimensións en metros)

Xunto a cada liña final está colocada unha táboa, onde se fixa o cesto, que se atopa colocado a 3,05 metros do chan. A medición faise a partir do bordo interior das liñas limite. A superficie do campo é dura, rectangular, plana e sen obstáculos.

Historia

O primeiro xogo

O primeiro xogo de baloncesto disputouse o 20 de xaneiro de 1892 e visto apenas por funcionarios da ACM. O 11 de marzo aconteceu un xogo coa presenza de público externo.

Duascentas persoas viron os alumnos venceren os profesores por 5 a 1. A novidade ficou confinada na ACM por dous anos, ata que a Unión Atlética Amadora formalizou as regras. O primeiro partido de baloncesto feminino aconteceu o 4 de abril de 1896. A Universidade Stanford venceu á Universidade de California.

A primeira pelota de baloncesto

En 1894, a empresa Chicope Falls, de Springfield, Massachusetts, fabricou a primeira pelota específica de basket. Antes, usábase unha de fútbol.

Termos e xestos técnicos

Asistencia

Asistencia é un pase certeiro que atopa outro compañeiro de equipo, libre de marcación, e acaba convertido nunha cesta. Para os americanos, o xogador que fai asistencias é tan ou máis importante que o xogador que marca os puntos.

Drible

  • Drible de progresión – Utilizado fundamentalmente para saír dunha zona conxestionada e avanzar no terreo.
  • Drible de protección - Serve fundamentalmente para abrir liñas de pase e para garantir a posesión de pelota.

Pase

O pase ten como obxectivo a colocación da pelota nun compañeiro que se atope en mellor posición, para a creación de situacións de finalización ou para a progresión no terreo de xogo. Existen varios tipos de pase: peito, picado, por cima con 2 mans, lateral con 1 man, por tras das costas etc.

  • Pase de peito - Como o nome indica, coa pelota á altura do peito esta lánzase frontalmente na dirección do albo. Neste movemento os polgares son os que darán a forza ao pase e as palmas das mans deberán apuntar para fóra no final do xesto técnico.
  • Pase picado - Moi semellante ao pase de peito, tendo en conta que o branco inicial é o solo. O resalto da pelota terá un obxectivo común ao do pase de peito, isto é, a man branco do colega ou as zonas próximas do peito.
  • Pase de ombro (ou de béisbol) - É utilizado nas situacións que solicitan un pase cumprido. A pelota lánzase como no lanzamento dunha pelota no béisbol (de aí o nome). É un tipo de pase cunha traxectoria tensa (sen arco), e en dirección ao branco.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

13 de outubro

O 13 de outubro é o 286º día do ano do calendario gregoriano (287º nos anos bisestos). Quedan 79 días para finalizar o ano.

Ala-pivote (baloncesto)

Ala-pivote (en inglés: power forward), tamén denominado poste baixo, ou 4 na terminoloxía empregada polos adestradores, é unha das 5 posicións dun equipo nunha pista de baloncesto. Son, polo xeral, xogadores altos que xogan preto do aro, hábiles no rebote e con bo tiro en posicións dentro da zona.

A súa característica principal adoita ser a potencia, desempregando en ocasións funcións de pivote. A súa estatura adoita estar entre os 2,03 e os 2,08 metros, sendo case sempre grandes defensores.

Ala (baloncesto)

Ala ou á (inglés: small forward ou forward), tamén 3 na terminoloxía empregada por adestradores, é unha das 5 posicións dun equipo nunha pista de baloncesto.

Asociación de Clubs de Baloncesto

Para a liga de baloncesto homónima véxase: Liga ACB.A Asociación de Clubs de Baloncesto, a miúdo coñecida polas súas siglas ACB é unha organización deportiva que aglutina e defende os intereses dos clubs profesionais do baloncesto español.

Base (baloncesto)

Base (inglés: point guard ou playmaker), tamén chamado 1 na terminoloxía usada polos adestradores, é unha das 5 posicións dun equipo nunha pista de baloncesto. É o xogador que dirixo ao equipo na pista, ordena as xogadas e normalmente é a extensión do adestrador no terreo de xogo. Xeralmente é o xogador máis habilidoso do equipo, habitualmente o máis baixo de todos, aínda que hai excepcións. Na NBA, os casos extremos en canto á estatura atopámolos por un lado en Muggsy Bogues, que apenas medía 1,60 metros, e por outro lado a Magic Johnson, con 2,06 metros. Caracterízanse por ter unha boa visión de xogo, seren rápidos e manexar moi ben o balón.

CB Málaga

O Club Baloncesto Málaga S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Unicaja Málaga, é un equipo profesional de baloncesto con sede na cidade de Málaga (España) que actualmente compite na Liga ACB e na Euroliga.

Club Baloncesto Breogán

O Club Baloncesto Breogán S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Leite Río Breogán, é un club de baloncesto profesional da cidade de Lugo (Galicia). Fundado en 1966 polos irmáns Juan e José Ramón Varela Portas, ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1970, converténdose nun dos equipos máis importantes da historia do baloncesto estatal, ocupando a novena posición na clasificación histórica de clubs. Con participacións en competicións europeas, actualmente compite na Liga LEB tras descender en 2019 desde a Liga ACB, competición da que é un dos equipos fundadores.

Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor celeste cun pantalón da mesma cor, aínda que nalgunhas tempadas este foi branco ou azul mariño. A súa pista de xogo, despois de trasladarse dende o Pavillón Municipal, é o Pazo dos Deportes, tamén sede oficial do club, que conta con capacidade para 7.500 espectadores, estando entre as dez canchas europeas con mellor media de asistencia. O seu actual presidente é Jesús Lázare, mentres que o director xeral é Tito Díaz. O club tamén dispón dun filial na liga EBA, o Club Estudiantes, contando ademais con múltiples equipos que xuntan a rapaces de tódalas idades, formando unha das mellores canteiras do Estado.

Escolta (baloncesto)

Escolta (en inglés: shooting guard), tamén denominado 2 na terminoloxía empregada polos adestradores, ou "ala baixo", é unha das 5 posicións dun equipo nunha pista de baloncesto. A súa función consiste, por un lado, en dar apoio ao base á hora de subir o balón, e por outro, desempeñar as funcións de tirador de longa distancia. As súas características xerais son as dun xogador habilidoso, cun bo manexo do balón, capaz de penetrar entre a defensa e cun bo tiro exterior. Fisicamente é un xogador máis dotado có base, rápido e con bos fundamentos técnicos. Habitualmente poden xogar tanto na posición de base coma na de ala. Non existe unha normal escrita sobre a súa estatura, pero o máis habitual é que se atopen entre 1,91 e 2,03 metros.

Euroleague

A EuroLeague, tamén comunmente coñecida como Euroliga, é a actual máxima competición de clubs de baloncesto de Europa e está organizada pola Unión de Ligas Europeas de Baloncesto (ULEB) dende o seu nacemento na tempada 2000-2001, substituíndo á extinta Copa de Europa de Baloncesto. Naquel entón, as asociacións de clubs españois, italianos e gregos impulsaron unha ruptura coa Federación Internacional de Baloncesto (FIBA), organizadora da histórica Copa de Europa, para crear unha nova competición no marco da ULEB (que a xestiona mediante a empresa Euroleague S.L.) e, así, tentar obter maiores ingresos económicos.

En novembro de 2004 comezou unha nova etapa para a Euroliga pois a ULEB e a FIBA resolveron as súas disputas. Un dos acordos alcanzados foi o recoñecemento da Euroliga como máximo torneo europeo de clubs por parte de FIBA Europa. A competición é retransmitida por televisión en 197 países e mesmo pode ser vista por 200 millóns de espectadores chineses cada semana, así como nos Estados Unidos, en NBATV.

FIFA

A Fédération Internationale de Football Association ou Federación Internacional de Fútbol (FIFA) é a institución que dirixe internacionalmente as asociación deportivas de fútbol. Fundouse o 21 de maio de 1904 e ten a súa sede en Zúric, en Suíza. Forma parte do FA Board Internacional, organismo encargado de modificar as regras do xogo. Ademais, a FIFA organiza os campionatos mundiais de fútbol nas súas distintas modalidades.

A FIFA agrupa 209 asociacións ou federacións de fútbol de distintos países, contando con 17 países afiliados máis cá Organización das Nacións Unidas, e catro menos que a Federación Internacional de Baloncesto.

Federación Internacional de Baloncesto

A Federación Internacional de Baloncesto (en francés: Fédération Internationale de Basket-ball), máis coñecida baixo o seu acrónimo francés FIBA (pronunciado [ˈfibʌ]), é unha asociación de federacións nacionais encargada de organizar e gobernar as competicións internacionais de baloncesto.

Orixinalmente coñecida como Fédération Internationale de Basket-ball Amateur, en 1989 eliminou a derradeira palabra do seu nome oficial, aínda que seguiu mantendo as iniciais. A súa sede actual está en Xenebra, Suíza, e o seu presidente é Bob Elphinston, de Australia.

Fútbol Club Barcelona (baloncesto)

O Futbol Club Barcelona é un equipo profesional de baloncesto que actualmente xoga na liga ACB. Sección de baloncesto do Futbol Club Barcelona, foi fundada en 1926, polo que é o equipo máis antigo da competición. O Barça xoga os seus encontros como local no Palau Blaugrana, sendo o seu actual presidente Josep Maria Bartomeu.

É o segundo club de España en baloncesto en número de títulos conseguidos, e un dos de maior prestixio de Europa. O equipo viviu os seus mellores anos nas décadas de 1980 e 1990, pero o seu maior éxito, a Euroliga, conseguiuno en 2003 e 2010. Ademais dun total de 7 títulos europeos, gañou dezaoito ligas e vinte e tres Copas do Rei.

Liga ACB

A Liga ACB, coñecida por motivos de patrocinio como Liga Endesa, é a principal liga de baloncesto profesional de España. Administrada pola Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB), está composta por 18 equipos, dos cales os oito primeiros ao finalizar a tempada se clasifican para xogar os playoffs polo título e os dous últimos descenden á Liga LEB Oro, sendo substituídos polo campión desta competición e o vencedor dunha rolda de playoffs.

Desde a súa fundación participaron na liga un total de 49 equipos. De todos os equipos participantes, sete conseguiron alzarse co título de campións, destacando o Real Madrid con 35 títulos e o FC Barcelona con 18. O equipo madrileño dominou o campionato cando este estaba organizado pola Federación Española de Baloncesto (FEB) desde a década de 1950 até a de 1970. Nos anos 1980, coa fundación da ACB, o dominio repartiuse entre os madrileños e os barceloneses, aínda que con outros campións como o Baskonia, o Joventut, o Baloncesto Málaga, o Bàsquet Manresa e o Valencia Basket.

A Liga ACB é unha da competicións de deporte profesional en pavillón, contando cunha asistencia media aos seus partidos durante a temporada 2018–19 de 6.236 espectadores. Isto supón que sexa a novena competición do mundo en asistencia en deportes cubertos e a cuarta liga profesional de baloncesto do mundo, tan só por detrás da National Basketball Association (NBA), a EuroLeague e a Women's National Basketball Association (WNBA).

Liga LEB

A Liga Española de Baloncesto (LEB) é unha competición de baloncesto organizada pola Federación Española de Baloncesto. É a categoría anterior á máxima categoría profesional, a Liga ACB. Disputouse por primeira vez co nome de LEB na tempada 1996-1997. Anteriormente o seu equivalente recibía o nome de Primeira División.

Na actualidade consta de dúas categorías, LEB Ouro e LEB Prata. Os equipos poden contar con dous xogadores extracomunitarios, é dicir, con nacionalidades que non pertenzan a país algún da Unión Europea e con tres "cotonous", xogadores procedentes de países caribeños e africanos cun convenio especial coa UE.

NBA Draft

O Draft da NBA (en inglés: NBA Draft) corresponde ao procedemento polo cal, a finais do mes de xuño de cada ano, as franquías que forman parte desta liga de baloncesto estadounidense incorporan aos seus equipos xogadores menores de vinte e tres anos, procedentes das universidades norteamericanas ou das ligas doutros países.

Obradoiro Club de Amigos do Baloncesto

O Obradoiro Club de Amigos do Baloncesto, denominado Monbus Obradoiro por razóns de patrocinio, é unha entidade deportiva profesional adicada ó baloncesto, con sede na cidade galega de Santiago de Compostela. O club foi fundado en 1970, e na actualidade compite por sexta ocasión na máxima categoría do baloncesto nacional.

Pivote (baloncesto)

Pivote (en inglés: center), tamén denominado centro nalgunhas zonas de América Latina, ou 5 na terminoloxía empregada polos adestradores, é unha das 5 posicións dun equipo nunha pista de baloncesto. Son, polo xeral, os xogadores máis altos dun equipo, xogando en posicións preto do aro, tanto en ataque coma en defensa. O seu principal rol dentro do equipo é o de rebotear en ambas canastras, e o de intimidación en defensa.

Real Madrid Baloncesto

O Real Madrid Baloncesto, coñecido comunmente como Real Madrid, é un equipo profesional de baloncesto con sede na cidade de Madrid (España). É a sección de baloncesto do Real Madrid Club de Fútbol, creada en 1932 da man de Angel Cabrera. É o club máis laureado de España e do baloncesto FIBA, e o único xunto ao Club Baloncesto Estudiantes de Madrid e ao Club Joventut de Badalona que, unha vez nela, nunca baixou da máxima categoría do baloncesto español.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.