Baleira

Baleira é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE no 2015 tiña 1380 habitantes (1584 no 2009, 1684 no 2006, 1729 no 2005, 1778 no 2004, 1800 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é baleirés[5].

Coordenadas: 43°00′06″N 07°14′21″O / 43.00167, -7.23917

Baleira
Escudo de Baleira
Casa concello, O Cádavo, Baleira, Lugo 14
Casa do concello no Cádavo.
Situacion Baleira
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca da Fonsagrada
Poboación1.268 hab. (2018)
Área168,8 km²
Densidade7,51 hab./km²
Entidades de poboación12 parroquias
Capital do concelloO Cádavo
Política (2019 [2][3])
AlcaldeÁngel Enrique Martínez-Puga López (PPdeG)
Concelleiros
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 3
Eleccións municipais en Baleira
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes89,63%
Na rede
www.concellobaleira.es

Xeografía

A comarca da Fonsagrada encrávase nas Serras Orientais galegas, integrada por un releve moi accidentado e montañoso. A sucesión de montañas que conforma toda a comarca serve de fronteira natural entre Asturias e a meseta lucense. Limita coas serras de Cuias e de Uría no leste, no oeste coas do Miradoiro, Vaqueiriza e Puñago, e polo sur coas de Foncuberta e Llouxas. Estas serras, xunto coas de Lastra, Follabal e Invernal, situadas na parte central da comarca, conforman as cabeceiras dos principais colectores hidrográficos: os ríos Neira, Eo e Navia. As elevacións máis importantes encóntranse na serra do Pozo, con altitudes máximas no alto do Padornelo (958 m), Penas de Pasadama (1049 m) e o Monte Panda (833 m). Na serra da Lastra a altitude media é de 736 m, destacando os montes de Candón (923 m), O Chao (790 m), Candán (849 m) e Cordeira (858 m).

Outros cumios de importancia son o monte Lagúa (942 m), Bieira (1001 m), A Matanza (815 m), O Ramallo (913 m), Mermella (904 m), O Pradoiro (1029 m), Pena Corista (1000 m), Pozo da Lagoa (1000 m), Penas de Outeiro (823 m) e os montes Zarra e Teixeiro (758 m).

Hidroloxía

Ademais dos tres ríos principais, Navia, Eo e Neira, outros afluentes destes son o Córneas, Muíños, Fonte das Veigas, Trabeiro, Candal, Castiñeira, Veiga, Leñeiro, Os Mosquitos, Rego de Martín, río Pousada, río Vilares e río Cabana.

Climatoloxía

Toda a comarca, por ser unha zona interior de montaña de elevadas altitudes e relativamente afastada do mar, o que non permite un grande influxo oceánico, determina un clima de montaña, de temperaturas extremas, con invernos fríos e veráns curtos e moderados. Tamén hai numerosos factores locais que posibilitan a existencia de microclimas máis benignos, sobre todo nas zonas de escasa altitude ou nos pequenos vales ben orientados. Os microclimas ocasionan gran diversidade de biótopos que incrementan o valor ecolóxico da zona.

As precipitacións aproxímanse aos 1.754 mm. Dentro dun ano a media de días de choiva e de 120 a 130 días. As temperaturas oscilan entre 8 °C e 10 °C, chegando incluso aos 14 °C.

Vexetación

Hai variedades de interese excepcional, tanto polos endemismos coma polas comunidades vexetais existentes. Nas diferentes altitudes distribúense carballos, meloxos, bidueiros, teixos, faias, abrairas, abruñeiros e xardóns, que posibilitan a supervivencia invernal das especies animais, ás que lles ofrecen alimento e refuxio. A matogueira, formada por uces, xestas, carqueixas, piornos e carpazas, ocupa unha ampla superficie das serras, protexendo o chan das ladeiras e cumios da erosión. Na parte setentrional do municipio encóntrase o bosque da Marronda, espazo natural protexido pola súa riqueza forestal e ecolóxica.

Historia

Os primeiros vestixios arqueolóxicos datan da cultura castrexa. Son o castro de Degolada, castro de Esperela, castro de Albarelo, castro de Vilar dos Adrios ou Quintá, castro de Cubilledo e castro de Antiguallas.

Arredor do ano 813, reinando Afonso II o Casto, librouse unha batalla cos mouros nas proximidades de Esperela, no lugar do Campo da Matanza. Segundo a lenda, onde chegou o sangue costa abaixo, edificouse unha igrexa. Neste último lugar descubríronse a principios de século varias sepulturas con restos humanos e anacos de armaduras e esporas. Recordando este feito existía na fachada do concello un escudo que representaba a un soldado cristián atacando uns árabes.

En 1809 arrasaron o municipio os exércitos napoleónicos mandados por Soult, que perseguían ao xeneral inglés sir John Moore. Incendiaron A Fontaneira, pero os veciños de Baleira, dirixidos por Xosé María Páramo e Montenegro xunto cos veciños de Neira de Xusá e Castroverde, fixéronlles fronte. O exército francés foi perseguido sen cuartel polos termos do municipio e seguindo unha liña paralela con algunhas poboacións como Puñago, Pradeda e o Cádavo, pola cima da Serra da Vaqueiriza, deixando trazada unha pequena corredoira no camiño que, tempo despois coñeceríase como camiño francés e que, coincide co de peregrinación a Santiago dende A Fonsagrada (outro nome que tamén se lle dá e o de Camiño Primitivo).

Durante a Idade Media e o antigo Réxime as parroquias repartíanse entre as xurisdicións de Baleira, Castroverde, Neira de Rei e Pena Maior, sen contar o couto de Córneas. O concello de Baleira formouse en 1813.

Sociedade e economía

Millares abril 2006
Lugar de Millares na parroquia da Braña.

O concello mantivo a súa poboación relativamente estable entre 1860 e 1950; pero na década de 1960 comezou a declinar a poboación, acentuándose este descenso nos últimos tempos (ver cadro). É unha das zonas da provincia que máis emigración tivo, presentando hoxe en día unha densidade de poboación moi baixa (9,5 habitantes/km²). A adversidade climática, unha estrutura da terra moi fragmentada, a falla de axudas e a aspiración a mellorar o nivel de vida adverso, foron as causas principais que motivaron o desprazamento rural.

Baleira posúe unha economía de carácter rural, baseada no sector primario, onde a principal actividade é a gandeira e a forestal. A respecto da agricultura, pódese falar dunha economía de autoconsumo, con pouco espazo cultivado e na súa maior parte dedicado a horta, patacas ou millo para o gando, coa excepción de algúns viñedos que se cultivan aproveitando os microclimas máis quentes da rexión. Nos vales do Eo e do Neira, as explotacións están dedicadas na súa maior parte á produción de carne, o que fai que abunden as pradarías e os pasteiros. O sector gandeiro é a base económica do municipio, ocupando o 73,9 % da poboación activa. Caracterizase por un claro predominio das explotacións de gando bovino. Sobre todo das razas rubia galega e asturiana dos vales, de aproveitamento cárnico; aproximadamente o 5,8 % son explotacións de produción láctea de pequeno tamaño, entre 8 e 10 cabezas. O gando porcino e ovino completan a explotación gandeira, que case sempre esta ao servizo do autoconsumo.

Escudo, antiga casa concello, O Cádavo, Baleira, Lugo 09
Escudo na antiga casa do concello.

Dentro da explotación madeireira hai que destacar o importante valor do sub-sector. Aínda que escaso, destaca a existencia de fábricas transformadoras da madeira, ferro e aluminio; hai documentada a existencia de algunhas minas de ferro, zinc e de ouro localizada en Mendreiras, parroquia de Martín. O sector secundario é practicamente nulo, sendo o seu principal expoñente a construción que apenas está representada. O sector terciario experimentou nos derradeiros 20 anos un importante desenvolvemento, que se reflicte no aumento de servizos administrativos, financeiros e comerciais, todos eles concentrados na capitalidade municipal. A posta en marcha da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca, dentro do Plan de Desenvolvemento Comarcal de Galicia, está supoñendo un apoio eficaz para a revalorización dos recursos naturais destas zonas de montaña.

Poboación

Censo total 1380 (2015)
Menores de 15 anos 72 (5,22 %)
Entre 15 e 64 anos 773 (56,01 %)
Maiores de 65 anos 535 (38,76 %)
Evolución da poboación de Baleira entre 1860 e 2012 -
 1860  1900  1930  1940  1950  1960  1981  1991  1995  2001  2002  2003  2004  2012
  5423   4768   4667   5401   4703   4202   2610   2024   2130   1888   1845   1800   1778   1448
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1860 e 2012, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Arquitectura

Construcción en A Degolada, Baleira
Construción característica da zona na parroquia da Degolada.

En todo o termo municipal sucédense as mostras de vestixios pertencentes á cultura castrexa: castros de Antiguallas, Vilar dos Adrios o Quintá, entre outros.

Entre a arte sacra destaca a igrexa de San Miguel da Braña do século XI.

A igrexa de San Pedro da Esperela foi reconstruída sobre restos románicos no século XVIII. Da primitiva fábrica conservase o presbiterio e un arco de medio punto. No interior destacan dous retablos barrocos e dous cálices de prata cincelada, datados no século XVIII. Da súa estrutura externa sobresae a torre de sillería de granito; Santiago de Córneas, construída no século XVIII e con retablo barroco de dous corpos e tres rúas no seu interior.

A igrexa de Santa Maria Madalena de Reizós data de finais do século XVII ou principios do século XVIII. No seu interior destacan un retablo maior barroco e varias esculturas, algunha delas datada no século XVIII.

Outras igrexas son a de Santiago de Cubilledo (s. XVIII), Fontaneira (s. XVIII), Esperela (s. XVIII) e Santa María de Retizós (s. XVII-XVIII). O patrimonio relixioso complétase con varias capelas coma as de Castro, Vilarín, Cabreira, Castelo e Santa Bárbara.

Ademais, dentro do patrimonio civil destacan a casa-pazo de Albaredo, en Córneas, e a casa de Luaces en Vilarelle. E na arquitectura popular destacan as pallozas, cabozos e trobos espallados por todo o municipio, así como os hórreos de Córneas, Martín e Vilar de Adrios.

Feiras, festas e tradicións

A feira do Cádavo celébrase o día 12 de cada mes.

Festas

  • Festa de San Cristovo no Cádavo (12 de agosto);
  • Festa de San Lourenzo en Pousada (10 de agosto);
  • Festa de San Ramón en Córneas-Gasalla (31 de agosto);
  • Festa de Santiago en Martín e A Fontaneira (Romaría de San Bernabeu) o 25 de xullo.
  • Festa de San Bernabeu da Xesteira (parroquia de Martín) 12 xuño.
  • Festa de San Xoán na Lastra (24 de xuño).
  • Festa de Santa Mariña de Librán (17 de xullo).
  • Festa de Santa Mariña de Fonteo (15 de agosto).
  • Festa de San Miguel na Braña (29 de setembro).

Turismo

Antiga casa concello, O Cádavo, Baleira, Lugo 10
Antiga casa do concello no Cádavo.

A través do Plan Leader de desenvolvemento rural da Unión Europea, estase habilitando unha ruta turística na fraga da Marronda, un dos bosques de faias máis importantes de Europa, sen contar un bo número doutras especies. A ruta iníciase no Cádavo e vai até Sampaio, pasando por Fonteo onde se localiza o nacemento do río Eo. O percorrido visita varios lugares: Cortevella, Martín e Mendreiras e pódese facer cun percorrido medio de 18 a 25 km segundo conveña.

Dende o ano 2011 Baleira conta coa ruta homologada de sendeirismo PR-G 145 "Ruta da Marronda - Alto Eo". É unha ruta sendeirista circular de 21 km.

Ademais, como ruta cultural-turística, pasa por este concello o Camiño de Santiago (a Ruta do Camiño Primitivo), o máis utilizado polos peregrinos durante a Alta Idade Media. Merece a pena tamén deterse nas numerosas mostras de arquitectura rural da zona: cabozos e pallozas.

Na gastronomía, o cocho e os seus derivados, o mel, a caza e a pesca están representados nos pratos típicos do lugar, sempre acompañados de salsas a base de balocas e cogomelos, colleitados nos espazos naturais de gran riqueza forestal e ecolóxica.

No apartado etnográfico, durante as longas noites de inverno, arredor da lareira creábase o ambiente propicio para transmitir o rico patrimonio que a literatura popular da zona posúe. Os veciños reuníanse á caída do serán para contar historias de casa en casa ou ir de "polavila", como se coñece a tradición que transmite verbalmente a cultura ancestral destas terras.

O cego dos Vilares, tamén coñecido coma o cego da Fontaneira (ou Florencio da Fontaneira) foi un home moi querido polos lugareños e recordado dende a súa morte. Marchaba polas aldeas onde o requirían cantando romances e lendarias historias.

Tamén era coñecida unha parella que aparecía ás veces nas festas cunha meniña, que era a encargada de contar os contos ao son da música que tocaban os maiores; case sempre eran coñecidos polo nome da "Ramboia", pois era con esa cantinela coa que case sempre empezaban.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Baleira.
Camino Primitivo

Albergue de peregrinos do Cádavo na parroquia da Esperela.

Mirador de a Cortevella

Mirador da Área recreativa da Cortevella.

Estatua Francisco Acal Eiros, O Cádavo, Baleira, Lugo 15

Estatua de Francisco Acal Eiros, antigo alcalde do concello.

Av. Dr. Escobar, O Cádavo, Baleira, Lugo 20

Avda. Dr. Escobar no Cádavo.

Placa altimetrica, O Cádavo, Baleira, Lugo 19

Placa altimétrica da casa do concello.

Tapa alcantarillado, O Cádavo, Baleira, Lugo 21

Tapa do sumidoiro do Cádavo.

Lugares de Baleira

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Baleira ver: Lugares de Baleira.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2019". resultados.eleccioneslocaleseuropeas19.es. Consultado o 27 de maio de 2019.
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Baleira". www.fegamp.gal. Consultado o 14 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  5. Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 41. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7

Véxase tamén

Ligazóns externas

A Braña, Baleira

San Miguel da Braña é unha parroquia do concello lugués de Baleira. No ano 2013 tiña 61 habitantes, agrupados en 3 entidades de poboación (Abrairas, con 13 habitantes, A Braña con 16 e Millares con 32), cunha densidade media de 11 hab/km².

A Degolada, Baleira

San Lourenzo da Degolada é unha parroquia do concello de Baleira. Pertence o arciprestado de Valdepedroso e ten unha poboación de 29 habitantes agrupados en 4 entidades, cunha densidade media de 7,2 hab./km² no 2013.

Limita ao norte con Paradavella (no concello da Fonsagrada), ao sur con Freixo (tamén na Fonsagrada), ao leste co concello da Fonsagrada e, ao oeste coa Lastra. As entidades de poboación son O Castro (7), O Couto (16), A Degolada (3) e Eiros (3). Ten unha altitude media de 740 msnm.

A Esperela, Baleira

San Pedro da Esperela é unha parroquia do concello de Baleira. En 2013 tiña 317 habitantes agrupados en 16 entidades de poboación, cunha densidade media de 21 hab/km².

As 16 entidades de poboación son O Cádavo (161), O Candín (3), O Castro de Valdería (abandonado), Cimadevila (18), Corveira (16), A Esperela (10), A Lóngara (abandonado), Os Penedos (abandonado), Perrelos (7), Pradeda (9), Puñago (23), Sanguñedo (7), O Touzón (4), Valdería (25), Valín (8) e Vilaselle (26).

A Fontaneira, Baleira

Santiago da Fontaneira é unha parroquia do concello de Baleira. Os seus 102 habitantes distribúense en 8 entidades de poboación: O Estornín (9), A Fontaneira (25), Pandelo (8), A Pasada (14), O Sesto (6), O Trabeiro (7), O Vilar dos Adrios (21) e Xestoso (12) no 2013.

A Lastra, Baleira

San Xoán da Lastra é unha parroquia do concello de Baleira. Os seus 68 poboadores agrúpanse en dúas entidades: A Lastra (56) e O Sollío (12) no 2013.

Antiguallas, Córneas, Baleira

Antiguallas é un lugar da parroquia da Córneas no concello lugués de Baleira na comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE, en 2011 tiña 15 habitantes (7 homes e 8 mulleres).

Comarca da Fonsagrada

A comarca da Fonsagrada é unha comarca galega situada na provincia de Lugo cuxa capital é A Fonsagrada. A esta comarca pertencen os concellos de Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. No ano 2014 tiña 5.563 habitantes (IGE) e unha superficie é de 679,6 quilómetros cadrados. O concello da Fonsagrada é o de maior poboación da comarca.

Cubilledo, Baleira

Santiago de Cubilledo é unha parroquia do concello lugués de Baleira. Limita coas parroquias da Braña, Fonteo, Librán, A Fontaneira e A Lastra, xunto co concello da Fonsagrada. Pertence ó arciprestado de Valdepedroso, e tiña 101 habitantes en 2013 agrupados en 16 entidades de poboación, cunha densidade media de 4 hab/km². A súa altitude media é de 530 m.

As entidades de poboación son as seguintes: A Andoriña (2), Cabreira (9), Castrelo (1), O Castro (13), Cubilledo (1), Esgrade (7), A Espiña (abandonada), Ladride (2), Padornelo (4), O Real de San Paio (3), San Paio (10), Suagranda (1), Trembedo (6), Os Vilares (3), Vilarín de Cubilledo (30) e Vilauriz (9).

Córneas, Baleira

Santiago de Córneas é unha parroquia do concello lucense de Baleira.

Fonteo, Baleira

Santa María de Fonteo é unha parroquia do concello de Baleira. Segundo o IGE en 2013 tiña 64 habitantes.

Librán, Baleira

Santa Mariña de Librán é unha parroquia do concello lugués de Baleira que pertence a comarca da Fonsagrada e ó arciprestado de Valdepedroso. No ano 2013 tiña 132 habitantes, distribuídos en 14 entidades de poboación.

Martín, Baleira

Santiago de Martín é unha parroquia do concello lugués de Baleira, pertencente ao arciprestado de Luaces. A súa altitude media é de 400 metros.

Montouto, Córneas, Baleira

Montouto é un lugar da parroquia da Córneas no concello lugués de Baleira na comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE, en 2011 tiña 12 habitantes (8 homes e 4 mulleres).

Pedrafita de Camporredondo, Baralla

San Xoán de Pedrafita de Camporredondo é unha parroquia que se localiza no concello de Baralla. Delimitada polas parroquias da Fontaneira (do concello de Baleira) polo Norte; Penarrubia polo Sur; Córneas (tamén de Baleira) polo Este e Pousada polo Oeste. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 72 habitantes (37 homes e 35 mulleres), distribuídos en 5 entidades de poboación,o que supón unha diminución en relación ao ano 1999, cando tiña 76 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 45 habitantes, sendo 23 homes e 22 mulleres.

Pousada, Baleira

San Lourenzo de Pousada é unha parroquia do concello de Baleira, pertencente ó arciprestado de Valdepedroso. En 2013 tiña seus 126 habitantes distribuídos en oito núcleos de poboación: Airexe (15), O Lago (1), Pousada (16), O Queirogal (25), A Quintá (7), Rego de Pereira (9), Teilalle (3) e Vilar (50).

Retizós, Baleira

Santa María Madalena de Retizós é unha parroquia do concello de Baleira. No 2013 tiña 91 habitantes, repartidos en catro entidades de poboación: O Alledo (deshabitado), A Muíña (24), Retizós (33) e San Romao (34), sendo a densidade media nese ano de 14,8 hab/km².

Pertence ao arciprestazgo de Luaces, e limita ao norte coas parroquias de Martín e Milleirós (esta do concello de Pol), ao sur coa da Braña, ao leste con Cubilledo, e ao oeste con Milleirós, Caraño (as dúas do concello de Pol) e Montecubeiro (do concello de Castroverde). Ten unha superficie de 7,24 km².

Serra da Lastra

A serra da Lastra é unha das serras orientais de Galiza, ten orientación norte-sur e está localizada entre os concellos da Fonsagrada e de Baleira.

O punto de maior altitude é O Padornelo, con 958 metros sobre o nivel do mar.

Serra do Mirador

A serra do Mirador atópase na fronteira dos concellos de Pol, Castroverde e Baleira, onde se pode ver unha vista panorámica das terras dos tres concellos. O punto máis alto desta serra está localizado no monte Pradairo a 1.034 metros de altitude.

O sector occidental está conformado por xistos, calcarias e dolomías, o central de bandas paralelas de pelitas e areíscas envolvidas por faixas estreitas de cuarcitas.

Na parte oriental nace o río Eo e o seu afluente o río Martín, así como tamén varios regos das súas cabeceiras.

Vilarín de Córneas, Córneas, Baleira

Vilarín de Córneas é un lugar da parroquia da Córneas no concello lugués de Baleira na comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE, en 2011 tiña 14 habitantes (9 homes e 5 mulleres).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.