Baixa Limia - Serra do Xurés

Coordenadas: 41°52′41″N 8°5′42″O / 41.87806, -8.09500

Baixa Limia - Serra do Xurés
ES1130001-Cortes de A Carballeira (Entrimo)
Marco Legal
Figura de Protección: Parque natural, ZEC
Ano de constitución: 1993
Superficie: 20 920 ha
Lexislación:
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Provincia de Ourense
Concellos: Entrimo, Lobios e Muíños
Ríos:
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés é un parque natural e zona especial de conservación (ZEC) que abrangue tres concellos galegos denominado como tal en 1993, con 20 920 hectáreas e que en maio de 2009 foi declarado conxuntamente co parque limítrofe portugués Reserva da Biosfera pola UNESCO [1]. Está situado no Sur da provincia de Ourense, e estende a súa zona de actuación ás montañas dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, ata a fronteira con Portugal, limitando co Parque Nacional de Peneda-Gerês. Trátase dunha zona de montaña, na que o material xeolóxico predominante é o granito. Dentro dos seus límites están os circos glaciares situados a menor altitude da Península.

Flora

Parque Natural Baixa-Limia, Serra do Xurés 02
Parque Natural Baixa Limia

A flora do parque caracterízase polas amplas matogueiras e o bosque caducifolio, con cerquiño (Quercus pyrenaica), bidueiros (como Betula celtibérica), e elementos mediterráneos coma sobreiras, aparecendo o érbedo e o acivro en alturas máis elevadas. Existen varios endemismos vexetais, entre os que podemos citar o acereiro (Prunus lusitanica), especie que coloniza barrancos e outras áreas de gran humidade ou o lirio de monte ou lirio do Xurés.

Fauna

Entre os anfibios e réptiles podemos citar á píntega rabilonga, a lagarta ibérica e, a cóbrega viperina. Os dous encoros situados no parque son o hábitat de importantes poboacións de aves: mergullón pequeno, lavanco e tartaraña cincenta son algunhas delas. Tamén se observa a presenza de aguia real, falcón pequeno, azor, tartaraña, gabián, aguia cobreira, lagarteiro, cuco, peto real e cirrio común. Ademais de especies cinexéticas como xabarín, corzo, paspallás, lebre ou coello, os mamíferos están representados polo lobo, muraño común, tourón, londra, xeneta, gato montés e donicela. Nos cursos de auga aparece a troita.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés.
Parque Natural Baixa-Limia, Serra do Xurés

Parque Natural Baixa Limia, Serra do Xurés

Capa, capotillo, muradanas, prendas de abrigo, liño e la abatanados, Comarca da Limia, Xurés e parte da provincia ourensá

Roupa tradicional.

Véxase tamén

Notas

  1. "A Serra do Xurés, declarada Reserva da biosfera pola Unesco". Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2009. Consultado o 26 de maio de 2009.
A Illa

San Lourenzo da Illa é unha parroquia eclesiástica galega que se localiza no arciprestado da Baixa Limia da diocese de Ourense, e que ten as súas terras e os seus lugares repartidos entre dous concellos, o de Entrimo e o de Lobios. No ano 2014 tiña 288 habitantes dos que 140 eran homes e 148 mulleres.

As aldeas de Olelas, A Illa, Lantemil e a despoboada Reloeira pertencen ao concello de Entrimo; e Quintela e a tamén despoboada Buscalque pertencen ao concello de Lobios.

A aldea de Olelas está dentro do Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés, e cómpre destacar tamén que de Olelas son orixinarias as vacas cachenas.

Aquis Originis

Aquis Originis era unha das once mansio coas que contaba a Vía Nova, que era a vía que comunicaba Bracara Augusta con Astúrica Augusta nos tempos do imperio romano, e que cruzaba en diagonal a actual provincia de Ourense. As mansio eran hostais xestionados polo estado para o descanso dos viaxeiros que empregaban as calzadas romanas. A mansio estaba na parroquia de Río Caldo, no concello de Lobios, en pleno parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.Existe controversia sobre a situación da mansión. Se ben Antonio Rodríguez Colmenero identifica a mansión cos restos dunha vila situada nunha beira do río Caldo, o arqueólogo Manuel Xusto Rodríguez, que escavou o recinto da vila romana, entende que a Vía Nova non discorría por alí, senón uns metros máis arriba na aba do monte.

Cachena

A cachena é unha raza de vacún de grande rusticidade, perfectamente adaptada ó medio no que se desenvolve onde aproveita uns recursos naturais para pacer que dificilmente serían aproveitados por outras razas bovinas. É un tipo de vaca galleira, cos cornos longos cara a arriba e abertos para os lados.

As cachenas son animais de pequeno tamaño e cornos de grandes proporcións. A súa área de orixe sitúase nas zonas montañosas dos concellos incluídos no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, especialmente na aldea de Olelas, e nas estribacións montañosas do homólogo parque nacional portugués de Peneda-Gerés.

Comarca de Baixa Limia

A comarca de Baixa Limia é unha comarca galega situada na provincia de Ourense. Pertencen a esta comarca os concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.

Limita ao oeste, ao sur e ao sueste con Portugal, ao norte coa comarca da Terra de Celanova e ao leste coa comarca da Limia.

Illas Briñas

As Illas Briñas son un subarquipélago galego na provincia de Pontevedra que forma parte do arquipélago de Cortegada, e con ela integradas no Parque nacional das Illas Atlánticas. Sitúanse a poñente das Illas Malveiras, ao oeste da Illa de Cortegada. Son dous illotes que suman no seu conxunto 5,5 hectáreas: A Briña e O Con Branco. A maior é a Briña (4 hectáreas), que é baixa, alargada e alternando area con zonas pedregosas. Está cuberta de vexetación herbácea e carece, como o espido Con Branco, de construcións.

Lagoa e areal de Valdoviño

A lagoa e areal de Valdoviño é un espazo natural galego declarado como zona húmida protexida e que ocupa 490 ha. da lagoa da Frouxeira e a praia da Frouxeira, Valdoviño.

Esta zona húmida forma parte da zona especial de conservación (ZEC) "Costa Ártabra" e da zona de especial protección para as aves (ZEPA) da "Costa de Ferrolterra - Valdoviño". É ademais unha das zonas húmidas galegas incluídas na Lista das zonas húmidas de importancia internacional, da Convención de Ramsar..

Limia

Limia pode referirse a:

Río Limia, un río ibérico que decorre por Galiza e por Portugal.

Comarca da Baixa Limia, unha comarca galega situada na provincia de Ourense

Comarca da Limia, unha comarca galega situada na provincia de Ourense

Xinzo de Limia, un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Limia.

Condado da Limia, a denominación dunha antiga rexión altomedieval e baixomedieval que se situaba na actual provincia de Ourense ademais de chegar ata Viana do Castelo, seguindo o curso do río Limia.

Baixa Limia - Serra do Xurés, un parque natural que abrangue seis concellos galegos e cinco portugueses

Xinzo de Limia, unha parroquia do concello ourensán de Xinzo de Limia.

Couso de Limia, Sandiás, unha parroquia do concello ourensán de Sandiás.

Prado de Limia, Muíños, unha parroquia do concello ourensán de Muíños.

Souto de Limia, Muíños, unha parroquia do concello ourensán de Muíños.

Solbeira de Limia, Xinzo de Limia, unha parroquia do concello ourensán de Xinzo de Limia.

Lirio de monte

O lirio de monte ou lirio do Xurés (Iris boissieri), é un lirio (xénero da familia Iridaceae ) moi escaso e endémico das montañas de Galiza e Norte de Portugal. Segundo a citas antigas, as poboacións situadas a menor altitude desapareceron. Áchase clasificado como “En Perigo Crítico” no Atlas y Libro Rojo de Flora Amenazada de España.

Paisaxe protexida

Unha paisaxe protexida é un espazo natural que polo seu valor estético, ou singularidade no aproveitamento humano do medio natural, se lle outorga unha protección. Esta figura e protección pretende conservar a paisaxe e os elementos socio-económicos que a orixinaron e a mantiveron.O marco lexislativo galego recoñece esta categoría seguindo a Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade española e o Convenio da paisaxe do Consello de Europa.

Parque Nacional de Peneda-Gerês

O Parque Nacional de Peneda-Gerês atópase no norte de Portugal, xunto a fronteira con Galicia.

Parque natural

Un parque natural é, no marco lexislativo galego, un espazo natural declarado como parque por estar pouco transformado pola explotación ou pola ocupación humana e que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúe uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos, co cal a súa conservación merece unha atención preferente. Poden ser marítimos ou terrestres, e encontrarse na montaña, no mar, no deserto ou en calquera outro espazo definido xeograficamente.

Pena Corneira

Pena Corneira é un espazo natural de 998 hectáreas declarado monumento natural da comarca ourensá do Ribeiro, entre Avión, Carballeda de Avia e Leiro, e que se caracteriza por se asentar sobre un vasto macizo granítico senlleiro cun grande interese pola súa singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos. Carballeda de Avia o municipio que alberga unha maior superficie, seguido dos concellos de Leiro e Avión, todos na comarca do Ribeiro.No cumio do monte existe a a Pena Corneira, un penedo vertical de dez metros de altura.

Reserva da biosfera Gerês-Xurés

A reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés é a reserva da biosfera galego-portuguesa de 260 hectáreas de afluentes do río Limia, como o Vez, Homen e o Cávado, ao seu paso polas serras do Xerés, do Quinxo e da Santa Eufemia. Parte súa está en concellos galegos da Limia e Baixa Limia e en autarquías de Viana do Castelo, Braga e Vila Real das provincias portuguesas do Minho e Trás-os-Montes. É un espazo de montaña granítica, con picos como a Nevosa e a Fontefría, e de abundantes ríos que discorren case dun xeito rectilíneo. Esta reserva da biosfera ten un 24% da súa área na zona galega e dun total 260 mil ha. que están catalogadas como zonas núcleo, de máxima importancia de conservación.

Río Landro

O río Landro ou Landrove é un curso fluvial galego, pertencente á vertente cantábrica. Segue unha dirección S-N e desemboca na ría de Viveiro. Ten un percorrido de 42 km e a súa bacía esténdese por 268 km².

Río Lérez, ría de Pontevedra

O río Lérez pertence á vertente atlántica e na súa desembocadura forma a ría de Pontevedra.

Serra da Pena

A serra da Pena é unha das serras do sur de Galiza, localizada no extremo meridional do concello de Calvos de Randín. Ten unha grande área de migmatitas e algúns gneis "ollo de sapo", unha intrusión de granito de dúas micas e diques de aplita e pegmatita.

Na vexetación destacan os bosques de cerquiños así como os bidueiros, salgueiros, acivros, castiñeiros ou escambróns. Forma parte do espazo declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais "Baixa Limia-Serra do Xurés".

O punto de maior altitude é o Alto do Candal, con 1.424 metros sobre o nivel do mar.

Serra do Xurés

A Serra do Xurés (en portugués Serra do Gerês) é un macizo do norte de Portugal e o sur da provincia de Ourense, que forma un sistema montañoso coa serra da Peneda. Forma parte do Parque Nacional da Peneda-Gerês e do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés.

O cumio de maior altitude é o Pico da Nevosa (1548 m), xusto na Raia seca. O Alto do Borrageiro ten 1430 m.

Souto de Rozavales

O Souto de Rozavales, tamén nomeado Souto de Rozabales, é un monumento natural que se atopa no lugar ourensá do Souto de Rozavales, San Martiño de Manzaneda, Manzaneda. Foi declarado monumento natural polo Decreto 78/2000, do 25 de febreiro. Tamén o castiñeiro de Pumbariños, que está aí, se incluíu no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza.

Zona de especial protección para as aves

As Zonas de especial protección para as aves (ZEPA), son catalogadas polos estados membros da Unión Europea como "zonas naturais de singular relevancia para a conservación da avifauna ameazada de extinción", de acordo co establecido na directiva comunitaria 79/409/CEE e modificacións subseguintes («Directiva das Aves» da UE).A convención parte do recoñecemento de que as aves do territorio europeo son patrimonio común e han de ser protexidas a través dunha xestión homoxénea que conserve os seus hábitats. Por iso, nas zonas de protección prohíbese ou limítase a caza de aves, regúlase a posíbel comercialización; e asúmese a obriga dos estados de actuar para conservar os hábitats e preservar as condicións ambientais que as aves precisan para o seu descanso, reprodución e alimentación.

Espazos protexidos de Galicia
Parque Nacional:
Parque Natural:
Monumento Natural:
Rede Natura 2000:
Zona húmida protexida:
Reserva da Biosfera:
Outros:

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.