Autoestrada

Unha autoestrada é unha vía de circulación de automóbiles e vehículos terrestres de carga; é rápida e segura e admite un volume de tráfico considerable, e diferénciase dunha estrada en que a autoestrada dispón de dobre carril para cada sentido con calzadas separadas.

As primeiras vías construídas con esta configuración fixéronse en Italia durante os anos vinte do século XX. Dentro dos tipos de estradas representan as vías que máis tráfico rodado poden soportar e nas que este alcanza maiores velocidades polo que representan os eixos principais da rede viaria dun país desenvolvido.

Spain traffic signal s1
Sinal de autoestrada.
Chapela-autopista-ap9-hacia-vigo
Autoestrada AP-9 cara a Vigo.

Características

Para poder ser cualificada como autoestrada, unha vía de circulación debe reunir as seguintes características:

  • Dúas calzadas de circulación, unha para cada sentido, separadas entre si por unha franxa ancha de terreo ou por valas de protección.
  • Polo menos dous carrís de circulación en cada calzada.
  • Beiravías laterais en cada calzada, para que un vehículo poida deterse en caso de urxencia sen obstaculizar o tráfico.
  • Curvas pouco pronunciadas para que os vehículos non teñan que minorar a marcha ao circular por elas.
  • Ausencia de cruces a nivel, que se resolven mediante pasos superiores ou inferiores.
  • Entradas e saídas con carrís, separados dos principais, de desaceleración e de aceleración para que os vehículos que saen ou entran na autoestrada cambien a súa velocidade fóra dela.
  • As saídas e entradas están situadas case sempre no lado dereito no sentido da marcha, xa que o carril esquerdo é o de adiantamento e, polo tanto, o máis rápido.
  • O acceso aos inmobles lindeiros coa autoestrada non se realiza directamente desde a mesma a menos que se utilicen entradas e saídas como as antes descritas. Nas zonas urbanas é habitual a existencia de rúas paralelas situadas a cada lado denominadas "vías de servizo" ou "colectoras" que permiten o acceso aos inmobles que limitan coa autoestrada sen perturbaren o tránsito da mesma.

Galería de imaxes

Highway Galicia2

Peaxe.

Autoestrada entre Vilar de Calo e Solláns, Teo, Galiza

Autoestrada entre Vilar de Calo e Solláns, Teo.

Véxase tamén

Outros artigos

A-8

A autovía do Cantábrico (A-8) e autoestrada do Cantábrico (AP-8) é unha vía terrestre de dobre calzada e sentido que se estende ao longo do norte de España paralela á costa do mar Cantábrico que comeza en Bilbao na unión da AP-8 coa AP-68 e remata en Baamonde (provincia de Lugo) onde liga coa A-6. Ten unha lonxitude de 486 quilómetros. Na Rede de Estradas Europeas ten a denominación E-70.

A partir de Bilbao a autoestrada AP-8 pasa a denominarse A-8 (non ten peaxe) e continúa cara a Galicia pasando por Santander, Xixón e Avilés, na rolda de Xixón conecta coa AS-I (autovía Mineira) que comunica con Langreo, Mieres e León. Tamén na circunvalación xixonesa conecta coa AS-II (autovía Industrial) novo eixo de comunicación entre Xixón e Oviedo. Nos arredores de Xixón está o nó de Serín que conecta coa A-66 en dirección Oviedo e León. Fai a circunvalación de Navia e atravesa a ría de Ribadeo pola ponte dos Santos. En Vilalba liga coa autoestrada Vilalba-As Pontes-Ferrol. Termina en Baamonde desembocando na A-6 entre A Coruña e Lugo.

AG-55

A AG-55 ou Autoestrada da Costa da Morte, é unha vía de alta capacidade dependente da Xunta de Galicia. Une A Coruña con Baio e serve como alternativa á AC-552, coa que está conectada nos máis dos casos ao longo do seu percorrido, incluídas as localidades extremas. A AG-55 ten peaxe directa desde Coruña até Carballo leste e peaxe na sombra no resto dos tramos até Santa Irena.

AG-56

A autovía AG-56 é unha vía de altas prestacións une a Autoestrada do Atlántico á altura do Rial de Conxo (Santiago de Compostela) co corredor CG-1.5 na localidade de Gontade (Os Ánxeles, Brión). Ten unha lonxitude aproximada de 12 km e é propiedade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

AG-57

A autoestrada do Val Miñor, denominada oficialmente AG-57, é unha autoestrada de peaxe que vai desde a autovía urbana de Vigo (VG-20) até a estrada PO-552, no lugar de Rocamar (Baredo). Conta cuns 22,6 km, se ben orixinalmente estaban proxectados 25. Ten un ramal a Nigrán denominado AG-57N, duns 3,3 km.

AP-7

A Autoestrada do Mediterráneo ou AP-7 é unha autoestrada española que comunica toda a costa mediterránea desde a fronteira con Francia ata Alxeciras. O primeiro tramo da autoestrada foi inaugurado en 1969 entre Barcelona e Granollers.

Son seis as concesionarias da explotación dos tramos de peaxe nesta autoestrada:

Acesa para o tramo La Jonquera - Tarragona.

Aumar para o tramo Tarragona - Alacant.

Ciralsa na circunvalación de Alacant.

Ausur para o tramo Crevillent - Cartagena.

Aucosta para o tramo Cartagena - Vera.

Ausol para o tramo Fuengirola - Guadiaro.

AP-9

A autoestrada do Atlántico ou AP-9 é unha autoestrada situada no oeste de Galicia. Comunica a cidade de Ferrol coa fronteira con Portugal, cruzando o oeste de Galiza de norte a sur, atravesando as provincias da Coruña e Pontevedra. No extremo sur da autoestrada, ao chegar a Portugal, convértese na A-3, con destino á capital portuguesa, Lisboa pasando polo Porto.

Comunica grandes cidades e vilas coma Ferrol, Narón, Neda, Fene, Pontedeume, Miño, Betanzos, A Coruña, Ordes, Santiago de Compostela, Padrón, Pontevedra, Vigo, O Porriño ou Tui.

Arganda del Rey

Arganda del Rey é un municipio da Comunidade de Madrid, situado na subcomarca da Alcarria de Alcalá (Comarca de Alcalá), na zona central de España. Ten 50.309 habitantes (Instituto Nacional de Estadística, 2008). Enlaza coa cidade de Madrid pola liña 9 de metro, pola autovía A-3 e pola autoestrada de peaxe R-3.

Autoestrada Central Galega

A Autoestrada Central Galega ou Autoestrada Santiago - Ourense é unha vía de altas prestacións que interconecta estas dúas cidades, enlazando a AP-9 coa A-52 respectivamente. A vía divídese en dous treitos, dende Santiago de Compostela ata o Alto de Santo Domingo (Dozón) é coñecida como AP-53, de peaxe e dependente do Ministerio de Fomento, mentres que dende Dozón ata o enlace coa A-52 preto de Ourense é coñecida como AG-53, dependente da Xunta de Galicia e ceibe de pago.

A finalidade da autoestrada é desconxestionar a saturada N-525. Entre xullo e agosto do 2008 a AP-53 acadou unha media de 6.000 vehículos diarios, mentres que a AG-53 acadou os 9.000 vehículos diarios ós oito meses da súa posta en servizo.

Autovía

Unha autovía é unha vía de dominio e uso público proxectada e construída fundamentalmente para a circulación de vehículos automóbiles.

Son autovías, en España, as estradas, que non reunindo todos os requisitos das autoestradas, teñen as seguintes características:

Deben ter calzadas independentes para cada sentido de circulación.

Deben ter limitado o acceso a e desde as propiedades lindeiras.

Non pode cruzar nin ser cruzada ao mesmo nivel por outras sendas, vías, liñas de ferrocarril ou tranvía nin por ningunha servidume de paso.A diferenza fundamental entre autovía e autoestrada é que esta última está especialmente proxectada, construída e sinalizada para a exclusiva circulación de automóbiles. Para ese efecto, un automóbil é un vehículo motor que circula sen carrís e sen conexión a unha fonte exterior de enerxía, excluíndose de tal cualificación os ciclomotores, coches de minusválidos e os tractores e demais maquinaria agrícola que, polo tanto, teñen prohibido circular polas autoestradas.

Chapa, Silleda

San Cibrao de Chapa é unha parroquia que se localiza no concello de Silleda. Segundo o padrón municipal de 2011 tiña 159 habitantes (73 mulleres e 86 homes), distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 171 habitantes.

Nesta parroquia conflúen as estradas N-525 (Ourense-Santiago de Compostela) e N-640 (Lugo-Vilagarcía de Arousa). Amais está atravesada pola autoestrada AP-53.

Chipaque

Chipaque é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na Provincia de Oriente, a 14 km de Bogotá pola autoestrada Bogotá - Villavicencio. Chipaque en muysccubun (lingua muisca) quere dicir «bosque do noso pai».

Distrito Kween

Kween District é un distrito da Rexión Leste de Uganda. A poboación capital atópase en Binyiny, unha das dúas municipalidades do distrito.

Limita co Distrito Nakapiripirit polo norte, co Distrito Amudat polo nordeste, co Distrito Bukwa polo leste, coa República de Kenya polo sur, co Distrito Kapchorwa polo oeste e co Distrito Bulambuli polo noroeste.

O distrito comezou a funcionar como tal o 1 de xullo de 2010, anteriormente formaba parte do Distrito Kapchorwa. Conxuntamente co Distrito Kapchorwa e co Distrito Bukwa, forma parte da subrexión Sebei. Atópase ao norte do Monte Elgon, a unha altitude media de 1.900 msnm.

Segundo o censo do ano 2002 tiña unha poboación estimada de 67.171 habitantes.Está cruzado pola Autoestrada Mbale-Moroto na súa zona oeste, con dirección norte-sur.

El Rosal, Cundinamarca

El Rosal é un concello colombiano situado no departamento de Cundinamarca. Forma parte da provincia de Sabana Occidente. Sitúase a vinte quilómetros de Bogotá, D. C., a capital da nación.

El Rosal é chamado "O Xardín da Sabana", e o seu acceso dende Bogotá dáse pola Rúa 80, ou Autoestrada Medellín. Conta cunha importante produción agroindustrial.

La Vega, Cundinamarca

La Vega, oficialmente San Juan de La Vega, é un concello colombiano do departamento de Cundinamarca, que se atopa na Provincia do Gualivá, a 54 km de Bogotá, e a 45 minutos da mesma pola autoestrada que conduce a Medellín. A temperatura media anual está entre os 22 e os 24 ºC.

Maçanet de la Selva

Maçanet de la Selva é un concello da provincia de Xirona, en Cataluña, pertencente á comarca da Selva. En 2014 tiña unha poboación de 6.963 habitantes.

Limita cos concellos de Sils e Riudarenes ao norte, Massanes ao oeste, Fogars de Tordera, Tordera e Lloret de Mar ao sur e Vidreres ao leste.

Está ben comunicado por estrada e ferrocarril. Atópase a carón da autoestrada AP-7 que vai paralela á costa mediterránea. Por ferrocarril, na estación de Maçanet-Massanes conflúen as liñas Barcelona-Mataró-Maçanet e Barcelona-Granollers-Xirona-Portbou.

Sant Andreu de Llavaneres

Sant Andreu de Llavaneres, coñecido tamén como Llavaneres, é un concello español da provincia de Barcelona, en Cataluña, pertencente á comarca do Maresme. Segundo datos do INE tiña 10.406 habitantes en 2011.

Está situado a 36 km ao norte de Barcelona, á beira da costa mediterránea onde conta co porto deportivo Port Balís. Está entre o mar situado ao leste e o Parque Natural do Montnegre e o Corredor ao oeste. A poboación ten boas comunicacións coa capital grazas á liña 1 de Rodalies de Barcelona, así como a autoestrada C-32 e a N-II.

Sant Celoni

Sant Celoni é un municipio español de Cataluña, pertencente á provincia de Barcelona. Forma parte da comarca do Vallès Oriental e é a poboación principal da comarca natural ou subcomarca do Baix Montseny.

Atópase a medio camiño entre Barcelona e Xirona, no eixo de comunicacións (estrada, autoestrada e ferrocarril) que comunica Barcelona coa Francia a través de la Jonquera, ao pé do Montseny e do Montnegre, espazos de gran riqueza e beleza paisaxística e na conca do río Tordera.

Sibaté

Sibaté é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na Provincia de Soacha, a 27 km ó sur de Bogotá. Forma parte da área metropolitana de Bogotá, segundo o censo DANE 2005.

A Sibaté chégase a través da Autoestrada Sur. O concello é recoñecido pola súa produción de amorodos, patacas e chícharos. Na área rural atópase o encoro do Muña.

Tocancipá

Tocancipá é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na Provincia de Sabana Centro, a 22 km de Bogotá, saíndo pola Autoestrada Norte (no correximento de Briceño inicia a Concesión Briceño-Tunja-Sogamoso).

Tocancipá é recoñecido polo Parque Jaime Duque e o Autódromo de Tocancipá, onde se realizan diferentes competencias de automobilismo e motociclismo. Neste lugar foi onde xurdiu o recoñecido piloto bogotano Juan Pablo Montoya. Este autódromo forma parte da área metropolitana de Bogotá, polo cal é un sitio de acceso doado dende o norte da cidade até o Autódromo, pola Autoestrada Norte.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.