Augardente de herbas

A augardente de herbas, é unha bebida de alta graduación (aínda que menor cá da augardente branca), típica de Galiza, e tamén Cantabria e León, que se obtén a partir da destilación do bagazo (residuo da uva despois de espremela e tirarlle o mosto) xunto con herbas aromáticas , obtendo un licor dun ton intenso amarelo averdado característico.

Ten denominación de orixe local amparada na Denominación Xeográfica Augardente de Galicia no que tamén aparece a augardente branca, o licor café e o licor de herbas[1]. Segundo a devandita denominación, o seu contido en azucres debe ser inferior a 100 g/L[2]. As herbas empregadas na súa elaboración adoitan ser menta, macela, herba luísa, romeu, ourego, tomiño, coandro, flor de laranxeira, fiúncho, regalicia, noz moscada e canela[2].

Orujo de hierbas-2
Un gotiño de augardente de herbas.

Orixe

A destilación é unha práctica moi antiga, que xa empregaban os antigos exipcios, e que trouxeron a Galiza os árabes. Palabras coma alcohol (ou alcol), alambique (ou alquitara, a pota) son de orixe árabe. Crese que a destilación de bagazo entra en Galiza no século XVII a través das ordes relixiosas e o Camiño de Santiago[3].

A súa produción industrial actual está amparada pola denominación xeográfica protexida: Augardente de Galicia.

Consumo

Acostúmase consumir en forma de copiña despois dun xantar, ou mesturado co café. Noutrora os campesiños galegos, portugueses e brasileiros adoitaban tomalo despois do almorzo, antes do traballo no campo ao amencer, e aínda existen persoas de avanzada idade que conservan este costume.

Actualmente é moi frecuente o seu consumo en restaurantes de toda España despois das comidas, xa que dispón de propiedades dixestivas.

Notas

  1. Denominación de Orixe Augardente de Herbas
  2. 2,0 2,1 Orujo de Galicia - Definición
  3. Orujo de Galicia - Historia y tradición

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Augardente

A augardente (composta por auga, do latín aqua, -ae e ardente, do participio latino do verbo ardere) é o nome co que se designa un espectro de bebidas alcólicas destiladas, de entre 40 e 45 graos, que poden ser bebidas, xa sexa puras, engadidas con outras bebidas, aromatizadas ou mesturadas. Obtéñense por destilación do bagazo ou de determinados cereais, froitas ou sementes, como centeo, cebada, bagas de xenebreiro, cereixas, uvas, cana de azucre e o anís, entre outras. O nome deriva do latín aqua ardens, termo co que se chamaba ao alcol obtido por destilación.

Augardente de Galicia

Augardente de Galicia (Denominación Xeográfica) (en castelán Orujo de Galicia) protexe a augardente elaborada a partir de bagazos de viños colleitados nos viñedos situados no ámbito xeográfico de Galicia.

Os produtos a protexer son: augardentes de bagazo, comercializadas ben no ano da súa obtención ou despois dun período de repouso, e augardentes de bagazo envellecidas que deberán permanecer en envases de madeira durante un período mínimo dun ano.

Son augardentes de aroma e sabor intenso, fino e delicado, exento de elementos estraños; incoloro e de aspecto transparente e limpo nas augardentes de bagazo e ambarino-torrdo nas augardentes envellecidas. A súa graduación alcohólica oscila entre os 37,5 e 50% Vol.

Bagazo

O bagazo, bagaño, bagullo ou bullo é o residuo de certos froitos como a uva ou a oliva, despois de espremelos e sacarlles o líquido. En Galicia o bagazo das uvas emprégase para destilar augardente; o bagaño das uvas está formado pola casca dos bagos e as pebidas unha vez fermentado e prensado.

Denominación de Orixe Monterrei

A Denominación de Orixe Monterrei é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza.

Esténdese polo val do río Támega, ocupando algo menos de 500 hectáreas dos concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra e Verín; outras 13.000 tamén están dedicadas a viñedos, mais fora da denominación de orixe. As 24 adegas e 380 viticultores producen dous millóns de litros anuais de viño cualificado.Uva branca: verdello, dona branca, verdello louro

Uva tinta: mencía, bastardo, araúxa

Denominación de Orixe Ribeira Sacra

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. Os viñedos, cultivados en socalcos nas pendentes ladeiras dos ríos Miño e Sil, constitúen xa elas soas un atractivo turístico.

A D.O. Ribeira Sacra está dividida en 5 subzonas: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Sil-Ourense e Ribeiras do Miño. As variedades de uva usadas son:

Brancas preferentes: Albariño, Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca e Torrontés.

Tintas preferentes: Mencía, Brancellao, Merenzao, Tempranillo, Sousón e Caíño tinto.

Tintas autorizadas: Garnacha Tintorera e Mouratón.Os viñedos ocupan 1.242 hectáreas. As 95 adegas, que ocupan algo menos de 3.000 traballadores, producen máis de 2 millóns de litros anuais.

O amparo dos ríos achega un microclima á zona, que coa orientación sur das pronunciadas ladeiras favorecen a correcta maduración que as uvas necesitan para a elaboración duns caldos que en xa en época dos romanos eran descritos como Ouro líquido do Sil.

Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. O viño que produce a zona coñécese internacionalmente como ribeiro.

Denominación de Orixe Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas é unha das cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. Creouse en 1980, e foi recoñecida como Denominación de Orixe en 1988.

Denominacións de Orixe de Galicia

As denominacións de orixe de Galicia abranguen diversos produtos representativos da gastronomía de Galicia, clasificados como denominación de orixe protexida. Na actualidade existen 27 produtos galegos con este distintivo, que van dende os queixos aos mexillóns, pasando polos viños os licores, a carne, o pan e ata os grelos.

Faba de Lourenzá

A faba de Lourenzá é unha variedade de feixón con Indicación Xeográfica Protexida da zona de Lourenzá.

Gastronomía de Galicia

A gastronomía de Galicia ten unha gran tradición e variedade, sendo un dos aspectos de maior importancia na cultura e sociedade galegas.

Está moi establecida a celebración de grandes comidas, ben en familia, ben en eventos, actos ou encontros. En Galiza teñen lugar gran número de festas gastronómicas, a maioría delas no verán. Un dos seus maiores estudosos foi o escritor Álvaro Cunqueiro.

Os petiscos, a diferenza doutros lugares, son consistentes e non se reducen a unhas simples olivas ou patacas; adoitan ser gratuítos ou de moi baixo prezo, sobre todo na provincia de Lugo, onde a súa gratuidade, ao ser acompañados por un viño ou unha cervexa, é unha tradición convertida xa nun reclamo turístico. Ademais dos petiscos, tamén son frecuentes as tapas.

Indicación Xeográfica Protexida

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) é un nome empregado para designar un produto agrícola, alimenticio ou doutro tipo, que posúe unha orixe xeográfica determinada e cuxa calidade ou reputación débese ao devandito lugar de orixe. Habitualmente, consiste no nome da localidade, rexión ou país de orixe de tales produtos.

Debido a que as calidades do produto proveñen do medio xeográfico no que se elaboran, a indicación xeográfica supón un viorto entre o produto e o lugar de orixe.

Licor

O licor é unha bebida alcólica doce, xelmente mesturada con froitas, herbas, condimentos, flores, sementes, raíces, cascas de árbores ou cremas. O termo vén do latín liquifacere, liquefacer, disolver, en referencia ás mesturas que se empregan na fabricación da bebida. Os licores non acostuman a ser envellecidos por moito tempo, aínda que poden quedar algún tempo descansando até que adquiran o sabor ideal. A descrición máis común de licor é a dunha bebida doce, de alto contido alcólico. Servido en pequenas copas, é ideal durante ou despois da sobremesa, aínda que pode tomarse só, ou poden servirse durante un cóctel.

Licor café

O licor café (ás veces licor de café) é un licor a base de café, azucre e augardente, que pode ser consumido só ou como ingrediente de sobremesas ou cócteles. Apareceu en Xamaica no século XVII. Moi popular en Galicia, especialmente no sur, faise a partir da augardente de bagazo.

Pode tomarse con xeo, ou quente cunha nube de nata. Existen numerosas variedades, aromatizadas con moitos outros ingredientes, como a vainilla.

Pan de Cea

O pan de Cea é un tipo de pan con Indicación Xeográfica Protexida que se fai en panadarías do concello de San Cristovo de Cea, na provincia de Ourense. A característica deste pan é a fariña, elaborada con trigo da terra. Tamén é moi importante a súa elaboración artesanal. A festa deste pan celébrase no mes de xullo.

Pemento de Arnoia

O pemento de Arnoia é unha variedade de pemento (Capsicum annuum L.) con Indicación Xeográfica Protexida, orixinaria do concello ourensán da Arnoia e cultivada principalmente ao longo da comarca do Ribeiro. Unha cooperativa comezou a comercializalos no ano 1969, e aproveitando a concentración da oferta, celébrase dende entón a festa do pemento da Arnoia, declarada de interese turístico, a primeiro fin de semana (de xoves a domingo) do mes de agosto.

Pemento do Couto

O pemento do Couto é unha variedade de pemento (Capsicum annuum L.) con Indicación Xeográfica Protexida, orixinaria da comarca coruñesa de Ferrolterra. Toman o seu nome do mosteiro do Couto (Narón), lugar onde os monxes comezaron a selección e cultivo destes pementos.O derradeiro domingo do mes xullo, celébrase no concello de Narón a Festa do Pemento do Couto.

Queixo do Cebreiro

O Queixo do Cebreiro é un queixo DO galego producido nos concellos de Baralla, Becerreá, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro.

Elabórase basicamente con leite de vaca ó que se lle pode engadir leite de cabra en cantidades non superiores a un 40%. É un queixo graxo cunha consistencia que depende do grao de maduración. A pasta é graúda e a codia fina.

É de cor branca ou amarela, segundo a maduración. Ten un sabor lixeiramente ácido e picante. A súa forma lembra un gorro de cociñeiro ou a un fungo. Os peregrinos que percorrían o camiño encargáronse desde vello de dalo a coñecer e hai documentación que acredita a súa existencia desde o século XVIII. A produción está limitada a unhas 20-28 toneladas anuais porque as explotacións da zona son poucas e de pequeno tamaño: en 2009 eran sete os gandeiros rexistrados, con dúas queixerías. Nese ano a produción total foi de 24.206 kg.

Ribeiro (viño)

Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Ribeiro.

Co nome xenérico de ribeiro coñécese a distintos tipos de viños, cultivados historicamente na comarca do Ribeiro. Na actualidade, o viño ten a súa propia denominación de orixe, que delimita zonas, tipos de uva e que promove a produción e a exportación da bebida.

Torta de Santiago

A torta de Santiago (nome oficial "Tarta de Santiago") é unha sobremesa tradicional e Indicación Xeográfica Protexida da cociña galega (orixinaria da capital, Santiago de Compostela) que pode atoparse en case todo o territorio español. Os ingredientes principais desta torta son a améndoa e os ovos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.