Auga doce

A auga doce é auga que contén cantidades mínimas de sales disoltos, especialmente cloruro sódico. O ser humano, cun proceso, pódea purificar e bebela o que se chama proceso de potabilización e a auga obtida denomínase auga potábel.

A auga doce que todos os seres vivos precisan para medrar e desenvolverse representa só o 3 % da auga de todo o planeta Terra (isto é, 42 millóns de km³ dun total de 1.400 millóns de km³ de auga). Ademais encóntrase desigualmente distribuída, concentrándose máis do 90 % desta nos casquetes polares, glaciares e masas de xeo.

Rio Sar Pontepedrina Santiago Galicia 070310 2
Auga doce do Río Sar, ao paso por Santiago de Compostela.
Auga

A auga é unha substancia cuxas moléculas están formadas por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno, xa que logo a súa fórmula é H2O. É abundante no Universo, inclusive na Terra, onde cobre gran parte da súa superficie e é o maior constituínte dos fluídos dos seres vivos. As temperaturas do planeta permiten a ocorrencia da auga nos seus tres estados físicos principais, pasando dun estado a outro nun ciclo continuo. A auga líquida, que en pequenas cantidades é incolora, mais en grandes volumes manifesta unha coloración azulada, pode atoparse como auga doce (en ríos, lagos, e montañas), ou como auga salgada nos mares e océanos que cobren case tres cuartos da superfície do planeta. No estado sólido, as masas de xeo concéntranse principalmente nas rexións polares e, no estado gasoso, o vapor de auga forma parte da atmosfera terrestre. A 0 °C (273 aproximadamente na escala Kelvin) atópase en estado sólido como xeo, e ferve a aproximadamente a 100 °C. O punto de xeación espontánea atópase preto dos 233 K.

A auga posúe unha serie de características peculiares, coma a dilatación anómala, a alta calor específica e a capacidade de disolver un gran número de substancias. De feito estas peculiaridades favoreceron o xurdimento nos océanos primitivos da vida e a súa evolución. Tódolos seres vivos existentes precisan dela para a súa supervivencia, constituíndo a base de todo organismo pluricelular. A maior parte dos animais e vexetais conteñen unha alta porcentaxe de auga, e son poucas as especies que poden sobrevivir nos lugares onde esta é escasa (desertos e outras zonas áridas).

Na natureza nunca se atopa en estado puro, senón mesturada con minerais e outras moitas substancias. Aínda que os océanos cobren a maior parte da superfície terrestre, a súa auga é inadecuada para o consumo humano por culpa da súa salinidade. Só unha pequena fracción dispoñíbel sobre a superfície dos continentes que contén poucos sales disolvidos, a auga doce, é apta para o consumo directo. Con todo, a súa distribución non é uniforme, o que fai que diversas rexións sufran de escaseza hídrica. As actividades humanas, principalmente a agricultura, necesitan grandes cantidades de auga que, ao seren retiradas do seu leito natural superficial ou dos acuíferos subterráneos, ten afectado negativamente na súa distribución sobre os continentes.

A polución hídrica prexudica a calidade da auga e, xa que logo, a biodiversidade, o abastecemento de auga e a produción de alimentos. Ademais, unha parte considerábel da poboación mundial aínda non ten acceso á auga potábel, o que trae diversos problemas de saúde. A auga é indispensábel no modo de vida da humanidade, de forma que está fortemente ligada á cultura de tódolos pobos da Terra. Diante dos problemas derivados do mal uso dos recursos hídricos, xorde unha nova consciencia de que é necesario utilizar a auga racionalmente.

A auga ten un importante papel en múltiples ámbitos: en bioloxía debido á xa mencionada importancia para a vida, en química pola súa composición e por ser unha molécula bipolar e de pH neutro, en xeoloxía polo seu importante papel na erosión das rochas etc.

Auga salobre

Auga salobre é aquela que ten máis sales disolvidos que a auga doce e menos que a auga do mar.

Ecorrexión

Unha ecorrexión ou rexión ecolóxica, é unha área bioxeográfica relativamente grande que se distingue polo carácter único da súa ecoloxía, clima, xeomorfoloxía, solos, hidroloxía, flora e fauna.

Estuario

Os estuarios ou esteiros son rexións de costa entrantes, polo xeral longas e estreitas mais sempre cunha saída aberta ao mar, que decorren por unha chaira fluvial ou entran na terra ata o máximo do nivel da marea na boca dun río. Son zonas de transición de augas fluviais, doces, dun ou máis ríos e as augas mariñas, e salgadas.Neles dominan tanto os procesos mariños, como as mareas ou as ondas que lles traen augas salobres do océano, e as descargas de auga doce e sedimentación dos ríos. As entradas tanto do mar como das augas fluviais son unha fonte de entrada de nutrientes ao ecosistema que fan que sexan dos hábitats do planeta máis produtivos.Os estuarios formáronse en zonas de erosión fluvial ou glacial que se viron anegadas por augas no período de subida do nivel do mar do Holoceno, hai entre 10.000–12.000 anos. Nos primeiros estados da súa evolución os estuarios teñen unha forma determinada pola topografía costeira. Despois progresan a estados onde a erosión e a deposición de sedimentos se contrarrestan.Os estuarios clasifícanse polo xeral segundo a súa xeomorfoloxía e polos patróns de circulación das augas. Algún autores só usan estuario para referirse a vales somerxidos, mais algunhas outras definicións danlle o nome de esteiro incluso a formacións como as baías, as docas, os fiordes e as rías; aínda que nalgunhas desas augas só hai auga salgadas e non hai unha mestura coa auga doce. Así, as rías son esteiros formados por vales somerxidos, dun perfil transversal en forma de "V", mais nos que domina por completo unha circulación de auga salgada, agás nas súas zonas interiores de esteiro.Os bancos dos esteiros son das áreas máis poboadas do planeta. A presión antrópica supuxo a degradación do 60% dos hábitats do litoral dos esteiros. A degradación dos hábitats provén de factores como a traída de solo erosionado por deforestación, a chegada de sedimento grazas a eliminación da flora, a agricultura intensiva, a sobrepesca, a drenaxe de augas e ao recheo das zonas húmidas, aos procesos de eutrofización por un exceso de aporte de nutrientes que chegan cos desperdicios e o lixo de animais domésticos, a polución de ata mesmo metais pesados ou a contaminación por uso de produtos sanitarios para augas de espazos recreativos, entre outros.

Fauna Europaea

Fauna Europaea é unha base de datos en liña de nomes científicos e áreas dedistribución de todos os animais pluricelulares terrestres e de auga doce europeos.

A súa construción foi inicialmente promovida pola Unión Europea (2000-2004). O proxecto está coordinado pola Universidade de Ámsterdam.

Fondo Mundial para a Natureza

O Fondo Mundial para a Natureza (en inglés: World Wide Fund for Nature, WWF) é un organización non gobernamental de ámbito internacional fundada o 29 de abril de 1961. Os seus obxectivos son a conservación, investigación e restauración dos ecosistemas. Anteriormente chamouse World Wildlife Fund, nome que aínda é o oficial en Canadá e nos Estados Unidos. É a organización conservacionista independente máis grande do mundo, con 5 millóns de seguidores, traballando en máis de 100 países, e mantendo 1.300 proxectos de conservación e e restauración. É unha fundación, recibindo no 2010 o 57% dos seus fondos a partir do apoio individual e doazóns, o 17% de fontes de gobernos (como o Banco Mundial) e o 11% de corporacións.A misión do grupo é "deter a degradación do medio natural do planeta e construír un futuro no que os humanos vivan en harmonía coa natureza." Na actualidade, o seu traballo está concentrado na conservación de tres ecosistemas que conteñen a maioría da biodiversidade do planeta: os océanos e as costas, os bosques e os ecosistemas de auga doce. Entre outros temas, tamén se atende ás especies ameazadas, á contaminación e ó cambio climático actual.

Glaciar

O glaciar (do latín glacies) é unha grosa masa de xeo que se orixina na superficie terrestre por compactación e recristalización da neve, mostrando evidencias de fluxo no pasado ou na actualidade. A súa existencia é posíbel cando a precipitación anual de neve supera a evaporada en verán, polo cal a maioría se atopa en zonas próximas aos polos, aínda que existen noutras zonas montañosas, como por exemplo no territorio suízo. O proceso do crecemento e estabelecemento do glaciar chámase tamén glaciación. Consta de tres partes: cabeceira, lingua e val.

Un 10% da Terra está cuberta de glaciares, que almacenan uns 33 millóns de km3 de auga doce, namentres que durante as glaciacións se estendían por zonas de baixa altitude e en todas latitudes.

Golfo de Botnia

O Golfo de Botnia (sueco; Botniska viken, finlandés; Pohjanlahti) é o brazo máis setentrional do Mar Báltico. O golfo atópase entre a costa occidental da Finlandia e a costa oriental de Suecia. Ao sur do golfo sitúanse as illas Åland e o seu mar.

Un dos aspectos máis característicos do golfo e que posúe unha baixa salinidade o que permite que moitos peixes de auga doce vivan nel. Posúe unhas augas moi frías e pouco profundas, chegando a conxelarse durante uns meses ao ano na zona norte do golfo. A súa superficie é de 116.300 km², ten 725 km de lonxitude, entre 80 e 240 km de ancho e unha profundidade media de 60 m, sendo o seu máximo de 295.

Entre Umeå e Vaasa o Golfo de Botnia forma a parte máis estreita.

Lago

Un lago (do latín lacus) é un accidente xeográfico constituído por unha grande extensión de auga (ou nalgún caso doutro líquido), en xeral auga doce, rodeada de terra e sen movemento fluído (isto é, sen corrente). Esa auga pode provir:

da choiva;

dunha nacente local; ou

de cursos de auga, como ríos que desauguen nesa depresión.Normalmente, a auga dos lagos é auga doce, mais existen no mundo algúns importantes lagos salgados, como o Gran Lago Salgado da América do Norte ou o Mar Morto no Oriente Medio (Israel e Palestina).

Nalgúns casos, o termo lago úsase para describir unha bacía que, aínda estando baldeira a maior parte do tempo, pode chegar a encherse de auga en condicións estacionais de chuvias fortes.

As dimensións dos lagos son moi variábeis, desde algúns metros ata varias centenas de quilómetros, como son os Grandes Lagos da América do Norte ou os Grandes Lagos Africanos.

Aos lagos de pequenas dimensións chámaselles 'estanques', e os máis pequenos aínda, 'pozas', 'poceiras' ou 'charcas'.

Os lagos maiores, sen saída marítima, son tamén chamados mares interiores, como o mar Caspio; regra con moitas excepcións, falando tamén de Mar Morto e do Gran Lago Salgado.

A súa profundidade tamén varía desde algúns centímetros ata varias centenas de metros - o Lago Baikal, na Siberia, é o máis profundo do mundo, con 1743 metros.

A orixe dos lagos é variábel e depende da xeomorfoloxía do terreo. Poden ser de orixe tectónica, ou sexa, teren sido formados por fenómenos xeolóxicos, ou poden ter sido formados pola erosión do terreo, ben por fenómenos climáticos, ou ben pola acción de ríos ou glaciares. En zonas como a Antártida, poden existir lagos sub-glaciares, isto é, debaixo do xeo, como o Lago Vostok.

Un lago pódese formar nun cráter antigo, como a caldeira do 'Cráter Lake', nos Estados Unidos de América.

É importante non confundir un lago cunha planicie de inundación, que ten unha orixe e unha dinámica diferente. Á volta dun lago, porén, pode existir unha planicie de inundación.

O estudo ecolóxico dos lagos é a limnoloxía.

Con moita frecuencia, o lago ten un 'emisario', por onde a auga se coa en sentido ao mar.

Lagoa

Unha lagoa é unha masa de auga depositada nunha depresión ou vagoada do terreo de tamaño inferior a un lago.

En Galicia existiu ata o seu desecamento a partir do ano 1958 unha das lagoas de auga doce máis grandes da Península Ibérica: a lagoa de Antela.

Mar Negro

O mar Negro (en abkhaza: Амшын Еиқәа, xeorxiano: შავი ზღვა, turco: Karadeniz, en póntico: Μαύρον Θάλασσα, Εύξεινος Πόντος, búlgaro: Черно море, romanés: Marea Neagră, ruso: Чёрное море, ucraíno: Чорне море, en tártaro de Crimea: Qara deñiz) é un mar que posúe unha saída moi angosta ao Mar Mediterráneo e que separa Europa Oriental de Asia Occidental e esta limitado polos montes Pónticos, ao sur, e polo Cáucaso a leste. Este mar está, en última instancia, relacionado a través de varios estreitos co océano Atlántico, vía mar Mediterráneo e mar Exeo: o estreito do Bósforo conéctao ao mar de Mármara e o estreito dos Dardanelos ao mar Exeo (parte do mar Mediterráneo); ademais, outro estreito, o de Kerch, úneo ao mar de Azov.

Mar de Aral

O mar de Aral é un mar interior da Asia Central, situado entre os 53° e os 56° de latitude norte e entre os 58° e os 62° de lonxitude leste. Está situado entre Casaquistán ao norte e Uzbekistán ao sur, é un grande lago de auga doce que estivo considerada como a cuarta extensión de auga doce da Terra.

Na actualidade está en grave degradación ao ser desviada durante décadas a auga dos dous ríos tributarios, Amur Daria e Sir Daria, con fins agrícolas, o que provocou que perdera unha grande parte da súa superficie e maior aínda do seu volume de auga.

En 1960 cubría 68 000 km², sendo o 4º maior lago do mundo. En 2000, a súa superficie xa estaba dividida en dúas partes. A separación entre o Pequeno mar ao norte e o Grande mar ao sur data de 1989. A evolución actual predí a desaparición total do segundo por volta de 2025.

Mar de Galilea

O mar de Galilea é un lago de auga doce.

Medusa

A medusa ou augamar é un animal invertebrado que pertence ó grupo dos cnidarios. Atópanse en todos os océanos do planeta, dende a superficie até as profundidades. Algunhas medusas habitan en auga doce. As medusas vagaron polos mares dende hai 500 millóns de anos, ou se cadra, dende hai 700 millóns ou máis. As especies actuais presentan unha morfoloxía moi semellante ás especies fósiles.Viven afastadas da costa, pero poden achegarse en cantidades variables por mor das correntes de auga. A chegada de medusas á costa é un fenómeno natural que se produce durante a primavera e o verán.

Pato

Pato ou parrulo é o nome común para varios tipos de aves da familia dos anátidos. Son na súa maioría aves acuáticas de auga doce e salgada, nadadoras ou mergulladoras, que se somerxen total ou parcialmente para conseguir o alimento, e que presenta cores moi variadas que adoitan seren máis vistosas nos machos e xeralmente apencadas nas femias.Son menores en tamaño que os seus parentes os cisnes e os gansos.

Os patos aliméntanse dunha variedade grande de fontes alimenticias, como herbas, grans, plantas acuáticas, peixes, insectos etc.

Os patos domésticos son criados pola súa carne, ovos e as súas plumas.

Os machos de especies do hemisferio norte teñen coloridas plumaxes que mudan en verán, o que lles outorga unha aparencia máis feminina nesa época. En moitas especies, os machos adultos pasan épocas sen voaren porque buscan protexer o seu hábitat, para o que teñen suficiente alimento de reserva. Normalmente, posteriormente á muda da pluma, hai unha migración.

Río

Un río é un accidente xeográfico consistente nun curso natural e permanente de auga doce, que flúe por un leito e que desemboca no mar, nun lago, noutro río, en este caso denomínase afluente. Algunhas veces terminan en zonas desérticas onde as súas augas pérdense por infiltración e evaporación. Cando o río é de pouco caudal recibe o nome de regato

A potamoloxía é o estudo científico dos ríos mentres que a limnoloxía é o estudo das augas continentais en xeral.

Recentemente atopáronse ríos extraterrestres de hidrocarburos líquidos en Titán. Así mesmo hai canles noutros planetas que poden indicar o posible paso de ríos, especialmente canles de desaugadoiro en Marte. Estes ríos serven para teorizar sobre a existencia en planetas e lúas de zonas habitables estelares.

Salmo (xénero)

Salmo é un xénero de peixes osteíctios, o tipo da orde dos salmoniformes e máis da familia dos salmónidos.

Comprende numerosas especies, os salmóns e troitas do Atlántico e do Vello Mundo, que son peixes mariños e de auga doce, distribuídos polos océanos e mares de todo o mundo agás o océano Pacífico, así como especies que só viven en auga doce en Europa e Asia.Algunhas especies, como Salmo salar (o salmón do Atlantico) e Salmo trutta (a troita común) teñen unha ampla distribución xeográfica, mentres que a maioría dos outros taxa son formas endémicas dalgunhas concas determinadas.

Xeneticamente son parentes moi próximos, e con anatomía semellante, dos salmóns e troitas do Pacífico, do xénero Oncorhynchus, aínda que a análise de ADN mitocondrial amosou que ambos os dous xéneros son diferentes.

Salmón atlántico

O salmón atlántico[Cómpre referencia] (Salmo salar) ou dentón[Cómpre referencia] é un peixe da familia dos salmóns, Salmonidae, que vive no norte do océano Atlántico e nalgúns dos ríos que desembocan nel.

Troita

A troita, Salmo trutta fario, é un peixe osteíctio de auga doce, unha forma de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.