Atenas

Coordenadas: 37°58′N 23°43′L / 37.967, -23.717

Atenas
Αθήνα
Athens Montage L
Localización
Atenas en Grecia

Atenas
Atenas
PaísGrecia Grecia
PrefeituraBandera d'Àtica.svg Ática
Xeografía
Altitude70 - 338 m msnm
Superficie412 km²
Demografía
Poboación3 074 160 (2011)
Densidade7.462 /km²
XentilicioAteniense[1]
Outros datos
Código postal10x xx, 11x xx, 120 xx
AlcaldeGiorgos Kaminis
www.cityofathens.gr

Atenas[1][2] (en gregoΑθήνα, tr. "Athína"[aˈθina] (AFI)) é a capital da Grecia e tamén a capital da rexión de Ática. Ademais de ser unha cidade moderna, Atenas tamén é famosa por ter sido unha poderosa cidade-Estado e un centro de cultura moi importante nos tempos antigos.

En grego antigo, Atenas era chamada Athenai (Αθήναι) e, no século XIX, este nome foi retomado formalmente como nome da cidade. Desde o abandono oficial do grego Katharevousa na década de 1970, a forma popular Athina converteuse no nome oficial da cidade.

Xeografía

Acropolis at night (Athens)
Vista nocturna da Acrópole en Atenas.

Incluíndo os suburbios, Atenas ten unha poboación de máis de 4 millóns de habitantes, case un terzo da poboación total da Grecia. Atenas creceu rapidamente nos últimos anos e ven sufrindo problemas urbanos como superpoboación, atascos e polución do aire.

Atenas espállase pola planicie central de Ática, limitada ao oeste polo monte Aegaleo, ao norte polo monte Parnita, ao nordeste polo monte Penteli, ao leste polo monte Hímetus, e ao suroeste polo golfo Sarónico. Atenas expandiuse de modo que cubriu toda a planicie, sendo, por tanto, pouco probábel que a cidade medre en área de forma significativa no futuro debido as fronteiras naturais. A xeomorfoloxía de Atenas causa frecuentemente fenómenos de inversións térmicas, parcialmente causadas polo problema de polución (Os Ánxeles posúe unha xeomorfoloxía semellante e problemas decorrentes semellantes).

A terra é rochosa e de baixa fertilidade. O antigo local da cidade estaba centrado no outeiro rochoso da Acrópole. En tempos antigos, o porto de Piraeus (nome moderno: Pireas) era unha cidade á parte, sendo actualmente parte da grande Atenas.

O centro da cidade é a Praza Sintagma (Praza da Constitución), diante do antigo Pazo Real hoxe Parlamento de Grecia e con outros edificios públicos do século XIX. A maioría das partes antigas da cidade concéntranse ao redor deste centro.

Atenas foi sede dos Xogos Olímpicos de 2004, así como dos primeiros xogos olímpicos modernos, os xogos de Atenas, en 1896, e as olimpíadas intermedias de 1906.

Historia

A historia de Atenas representa a da polis por antonomasia, o berce e creación en Europa, e por extensión na civilización occidental, dese complexo organismo coñecido como cidade. Dito nacemento tivo lugar ao primeiro entre as brétemas do mito e a historia.

Prehistoria

Do final do neolítico, concretamente de 5520-4900 aC, aparecen vasillas na rexión da Ática e cara ao 3500-3200 aC deberon existir os primeiros asentamentos na Acrópole, outeiro rochoso de fácil defensa e con mananciais no medio dunha chaira tamén rica en correntes de auga, asentamentos que se mantiveron no bronce temperán e medio (3000-1500 aC)[3]. Semella que primeiro ocuparon as ladeiras do noroeste e suroeste e despois (3200-2000 aC) xa a cima cha do monte, rentes do solar do posterior Erecteión.

Seica houbo outro asentamento contemporáneo no veciño outeiro do Olimpeión (despois arrasado para a construción do templo homónimo). Tamén nesta época aparece un primitivo camiño cara ao noroeste (Vía das Panateneas na ágora en época clásica, onde asemade houbo un asentamento entre 2000-1500 aC).

Atenas micénica

En torno a 1400 aC o influxo da veciña cultura Micénica levou aos diferentes asentamentos da área ateniense a unha época de desenvolvemento e prosperidade, especialmente no sur da Acrópole. Especúlase coa característica distribución da poboación en diferentes aldeas coma posible orixe do nome da cidade en plural (Athenai, "as Atenas"). En todo caso arredor dun centro, o localizado no cumio do outeiro.

Alí vai aparecer a primeira estrutura de poder, un megarón (pazo micénico), en volta do 1300 aC. E de seguido fortifícase con murallas ciclópeas a meseta, engadindo embaixo outra que protexía o acceso oeste (enneapylon, nove portas) [4]. É o tempo dos míticos reis atenienses, de Cécrope ou Erecteo, fundadores, a Exeo e o seu fillo Teseo[5][6]. Ese mito foi alimentado nos séculos escuros que viñeron despois de 1200 aC cun despoboamento e empobrecemento progresivos tralo colapso da civilización micénica (invasión dos dorios; pobos do mar).

Poucos son os datos da idade escura. Seica a ocupación da área da posterior ágora foi sistemática e crecente. Tamén nesta época (comezos do século IX aC) semella terse consolidado o proceso coñecido coma sinecismo, ou cohabitación, unión do patrón histórico de múltiples núcleos na chaira ateniense nunha soa entidade política, a cidade-estado (século VIII aC).

A creación da polis

A recuperación económica coa volta das relacións comerciais no mar Exeo acompañou o proceso antedito. Tamén a cultura da man da escritura (a figura senlleira de Homero) e as demais artes.

Un primeiro e pequeno templo dedicado a Atenea foi construído na Acrópole no lugar do arruinado pazo micénico; ademais, outros altares de culto e tumbas dos míticos fundadores da cidade mostran o cambio de uso da meseta de residencial a sacro. O século VII aC viu unha súbita interrupción da bonanza (tal vez unha seca con fame e epidemias), pero sobre todo o fin da monarquía (683 aC) e a súa substitución pola orixinal estrutura social e de goberno que inda hoxe cimenta a nosa tradición intelectual: unha democracia de corte aristocrático con institucións que se reúnen en edificios ou prazas públicas: pritaneo, buleterion e ágora (en Atenas a asemblea de cidadáns reunirase, despois do 500 aC, no monte Pnice situado xunto ao outeiro do Areópago onde o tribunal de xustiza tiña a súa sede, ambos a carón da Acrópole polo oeste). Pronto recopiouse un corpo escrito de leis ou constitución (Dracón e Solón, arredor do 600 aC).

Precisamente baixo Solón iníciase o traslado da ágora vella da aba norte da Acrópole (ágora de Teseo, da que pouco se coñece [7] e algúns investigadores sitúan ao leste preto do Olimpeión) á súa posición clásica no noroeste, onde de sempre houbera un asentamento, por ser o paso da arteria principal (vía das Panateneas) e cruce de camiños da vila. Co tirano Pisístrato e os seus sucesores (segunda metade do século VI aC) continúase esa laboura e outras que contribúen ao enriquecemento da forma e imaxe da cidade.

Na Acrópole ten lugar unha grande actividade construtora. Antes do 625 aC o ancestral pequeno templo de Atenea é substituído por un novo en pedra, o antigo templo de Atenea Polias (protectora da polis) que se vai reformando e enriquecendo ao longo do século VI aC (580 aC e 520 aC períptero). Ao seu carón, en paralelo polo sur, eríxese tamén na primeira metade do mesmo século o Hecatompedón, substituído antes do 500 aC por un primeiro Pre-Partenón falido e pouco despois por un segundo (490 aC[8]) cuxa construción quedou interrompida pola invasión persa[9][10]. Ao recinto sacro dáselle unha entrada monumental (primitivos Propileos, de 575-550 aC ata 480 aC), e o conxunto da cidade arrodéase dunha primeira muralla (560-510 aC, 60 ha) que inclúe a grande expansión do norte en torno á nova ágora [11][12].

Fóra de murallas, ao sueste da Acrópole, eríxese no último cuarto do século VI aC o xigantesco Olimpeión (Templo de Zeus Olímpico, rematado en época romana). E a considerable distancia arredor da vila son fundadas a cargo do estado as gymnasia da Academia, o Liceo e o Kynosarges, de tanta importancia cultural na época helenística.

Esplendor da Atenas de Pericles

AkropolisAthens
Vista da Acrópole no tempo de Pericles.

En 479 aC, no fragor das guerras médicas, os persas destruíron a cidade arrasando os templos da Acrópole. Pero a vitoria final decantouse do lado grego coa hexemonía indiscutible de Atenas, que se converte nunha potencia marítima (porto do Pireo). O feito apuntalou a democracia coma forma exitosa de goberno da cidade-estado.

De seguido iniciouse a tarefa de reconstrución sostida pola riqueza engadida das minas de prata de Laureión recentemente descubertas. Denantes as defensas da cidade cun cinto de murallas moito máis amplo (murallas de Temístocles, 250 ha[13]) para acoller o grande incremento de poboación do rural da Ática transformada de agricultores en cidadáns da polis. Temístocles e despois Cimón tamén fortifican a ruta entre Atenas e os seus portos (o novo do Pireo e o primitivo de Falero[14]). Ademais fornecen a Acrópole dun novo muro de contención no canto do micénico.

Precisamente sobre eses novos baseamentos o sucesor de Cimón, Pericles, vai erixir a obra inicial e cumio dun gran proxecto edilicio e artístico sen precedentes. No 447 aC comezan as obras do Partenón (gran templo de Atenea Partenos, "a virxe", do arquitecto Ictino que albergaba a enorme estatua criselefantina de Fidias) segundo un plan premeditado para o conxunto da meseta sacra e onde cabe citar outras obras fundamentais para a historia da arquitectura: unha nova entrada monumental (Propileos de Mnesicles) que centra o eixo do recinto; antes da entrada, ao seu carón, o pequeno pero espléndido templo xónico de Atenea Niké ("a vitoriosa") de Calícrates; xunto as ruínas do antigo templo de Atenea Polias, o Erecteión, sobor da tumba e altar do lendario fundador da cidade; finalmente entre os Propileos e os templos levantábase a colosal estatua en bronce de Atenea Promakos tamén de Fidias, os reflexos de cuxo helmo disque era o primeiro que os navíos que se achegaban polo Exeo vían da metrópole [15].

Na cidade baixa, a ágora reconstrúese con stoás (paseos porticados con tendas), un novo buleterion e un gran templo no alto presidindo o conxunto, o Hefestión (inda que anterior ao plan de Pericles; foi chamado Teseión na época moderna) [16][17][18]. A vía das Panateneas amplíase rectilineamente ("dromos"), 20 m de ancho e seica con galerías comerciais, ata a nova muralla (barrio de Cerámicos) onde ábrense as portas máis importantes de Atenas: Dipilón e Sacra. Da primeira continuaba a vía ata a Academia, vía que convértese no lugar dos monumentos funerarios dos soldados e cidadáns egrexios do estado. Da segunda partía a homónima Vía Sacra ata Eleusis.

Por último na aba sur da Acrópole cabe destacar, inda que desaparecidos, os escenarios dos máis importantes acontecementos culturais do século: o Odeón de Pericles para as festas das Panateneas e o Teatro de Dioniso (agrandado en pedra no século IV aC) onde tiveron lugar as representacións das obras de Esquilo, Sófocles, Eurípides e Aristófanes.

As guerras do Peloponeso contra Esparta xunto a unha terrible epidemia de tifo que supuxo a morte mesmo de Pericles (430 aC) e a derrota final ateniense (404 aC) remataron un dos períodos máis esplendorosos da Historia [19].

Época helenística

A recuperación non chegou ata a metade do século IV aC pero a ameaza crecente do poder macedónico obrigou a un reforzamento das murallas (con foso na chaira e novo peche nos montes do oeste, Diateichisma [20]).

Stoa in Athens
Pórtico da reconstruída Stoa de Atalo na ágora.

En adiante Atenas reconverterase de centro de poder da rexión en centro de prestixio histórico, intelectual e artístico.

No eido urbano é de resaltar como a característica composición ordenada e regular con eixos e simetrías do urbanismo helenístico superponse a idiosincrásica falla de trazados regulares na historia urbana ateniense ata entón (o casarío dos barrios era un desordenado e caótico labirinto de rúas). As actuacións máis importantes eríxense na ágora onde aparecen novas e suntuosas stoás [21] (Stoa de Atalo, 150 aC [22]). As competicións atléticas das Panateneas que alí tiñan lugar trasládanse a un estadio construído ao leste da cidade entre dous outeiros a beira do río Illisos (Estadio Panatenaico, recuberto en mármore no século II aC e sede dos primeiros Xogos Olímpicos modernos en 1896). Estaba situado a carón do barrio do Liceo que creceu á vez que a fama da escola onde ensinaba filosofía Aristóteles, mentres o seu mestre Platón fixo o propio na Academia, no outro extremo da cidade.

Atenas romana

No ano 86 a.C. os romanos de Lucio Cornelio Sila conquistaron e saquearon a cidade cunha gran desfeita. Pero de seguido, as elites políticas, intelectuais e artísticas de Roma comezaron a visitala doando fondos para a restauración dos monumentos e Atenas recuperou axiña o seu antigo brillo. En adiante a protección dos benefactores do Imperio supuxo un factor esencial no seu enriquecemento urbano.

Novamente foi a zona da antiga ágora o lugar privilexiado para as novas intervencións [23]. O edificio senlleiro vai seres o Odeón de Agripa erixido no medio da praza xunto a outros edificios e templos. Esta ocupación do espazo vital de mercadores e artesáns derivou na construción dunha nova ágora (ágora romana, 19-11 aC) un cento de metros ao leste constituíndo o primeiro mercado específico de Atenas [24][25] (ao seu carón erixíase a coñecida Torre dos Ventos, preservada ata hoxe). O tramo da vía das Panateneas que remataba no Dipilón flanqueouse tamén con novas stoas [26].

O máis grande benfeitor de Atenas vai ser o emperador Hadriano (117-138 dC): Amplía a cidade ao leste cunha nova muralla que abrangue o barrio do Liceo (os Muros Longos do oeste xa estaban abandonados) [27] pero a súa maior obra será o remate do enorme Olimpeión preclásico [28] (e os atenienses dedícanlle un arco de acceso). Tamén constrúe unha Biblioteca rentes da ágora romana que reforma [29], ademais de moitas outras melloras (acueduto), pequenos templos e edificios incertos (un posible Panteón ao leste da biblioteca).

Finalmente, completando a aba sur da Acrópole, engadiuse as antigas infraestruturas culturais do Odeón de Pericles e Teatro de Dionisos e á Stoa de Eumene helenística o novo Odeón de Herodes Ático (161 dC) [30].

Declive e fin dunha civilización

No ano 267 os hérulos invaden e saquean Atenas. Das ruínas e despoboamento a cidade comprimíuse ata quedar confinada no centro funcional do tempo, a ágora romana e a súa contorna, cunha pequena muralla (muro Postheruliano, 280).

Non obstante volveu a recuperarse no século IV coa actividade das escolas filosóficas, a ocupación novamente do antigo territorio e a reparación das murallas exteriores e outros edificios da época romana (Biblioteca de Hadriano, 402-410). Nas ruínas do Odeón de Agripa na antiga ágora erixiuse un Gymnasium (arredor do ano 400) [31][32].

Pero no ano 529 o emperador Xustiniano manda pechar as escolas filosóficas atenienses, derradeiro sostén da antiga fama da cidade. O progreso do cristianismo coma relixión do imperio tamén puxo fin aos cultos pagáns (decreto de Teodosio II, ano 437) e os templos foron reconvertidos en igrexas [33]. Xustamente xa a comezos do século V construírase no patio da Biblioteca de Hadriano a Megale Panagia (posible Catedral de Atenas, tetraconcha aínda que reformada no século VI [34][35]).

Bizantina e medieval

Despois de sufrir un tempo de incursións de ávaros e tribos eslavas, pouco antes do ano 750 Atenas foi elevada de bispado a metrópole da igrexa ortodoxa, sinalando o comezo dun período de renacemento construtor amparado no do Imperio Bizantino (trátase en todo caso sempre de igrexas de modestas dimensións, xa coa característica planta central de cruz grega con cúpula). O patrón urbano mantense no substancial e non se modificará ata a época actual [36][37]. Un complemento da muralla interior foi levantado arredor da base da Acrópole (o Rizocastro, segunda metade do século XI, que aproveitaba na ladeira sur os muros do Odeón de Herodes Ático e a Stoa de Eumene [38]).

Non foi casual o reforzar a defensa da cidade: a incursión normanda (1147), a destrución sarracena (1181) e o ataque de Leo Sgouros (1203) deixaron exhaustos aos atenienses e así, a conquista por parte dos francos da cuarta cruzada (1204), produciuse sen resistencia. Durante dous séculos e medio Atenas vai pertencer a sucesivos señoríos herdeiros do Imperio Latino.

A cidade queda reducida á muralla romana (postheruliana) máis o Rizocastro, abandonada á ruína a antiga exterior e o territorio entrambas (menos de 40 ha, máis pequena que a vila do século VI aC [39]). Os señores latinos (Duques de Atenas: sucesivamente francos burgundios, cataláns, florentinos e venecianos) vanse establecer na Acrópole converténdoa nun fortín, co Partenón coma catedral de Nosa Señora e os Propileos coma pazo-castelo ducal con dúas torres [40].

Baixo dominio otomán

En 1456 os otománs conquistan a cidade sen destrucións (aparte das murallas). Admirados polos vellos monumentos tentan preservala vila coma capital provincial modélica. Reconvirten o Partenón na gran mesquita cun minarete no canto da engadida torre cristiá [41].

Louis François Sébastien Fauvel-athens-before1800
Planta de Atenas nas murallas de 1778.
Ac.oldathens
Vista do Partenón en ruína arrodeado de casas no final do período otomán.

Pero a propia debilidade do Imperio Otomán non poderá impedir o declinar de Atenas ata se converter no século XVII nunha pequena poboación [42]. Mesmo o casarío volveu a ocupar o cumio da Acrópole por primeira vez dende a idade escura [43].

Os Propileos, que se usaban coma polvoreira, estouparon por un raio en 1640 pasando o seu cometido ao Partenón. En 1687 os venecianos sitiaron a cidade e un canonazo destruíu grandemente o antigo templo (as ruínas de hoxe en día) [44]. Unha pequena mesquita foi construída no baleiro provocado [45]. En 1778 os otománs levantaron unha muralla de seu arredor da cidade de entón con materiais de monumentos destruídos [46]. A puntilla foi o permiso concedido en 1801 ao embaixador inglés Lord Elgin para arramplar cos mármores dos frontóns do Partenón.

A construción da capital grega

En 1833, definitivamente independente, Atenas é proclamada capital do Reino de Grecia. O monarca elixido polos seus devanceiros bizantinos, Otón I, era un príncipe bávaro e entre os primeiros cometidos vai encargar o levantamento arqueolóxico da cidade e un plan de ampliación para a nova capital do reino (Atenas contaba por entón con apenas 10 000 habitantes). Así os responsables da nova Atenas van ser alemáns e o estilo oficial un neoclasicismo bastante ríxido pero elegante.

Concretamente dous discípulos (S. Kleanthes e E. Schaubert) do máis prestixioso arquitecto xermano da época, Karl F. Schinkel (quen tamén vai firmar un proxecto para o Pazo Real na Acrópole [47]), levarán a cabo un primeiro plan que outro ilustre arquitecto neoclásico, Leo von Klenze, revisará un ano despois (1834). O plan definitivo mantivo as liñas básicas do primeiro inda que cunha visión máis práctica e menos ambiciosa: cinguindo polo norte a cidade histórica estrutúrase en dous eixos (cara ao Pireo e cara ao Stadio, con prazas intermedias onde dispúñanse edificios representativos) que córtanse en ángulo recto (Praza Omonia) cuxa bisectriz constitúe o terceiro, principal norte-sur, que apunta ao acceso da Acrópole [48]. Un último eixo horizontal (rúa Ermou) atravesaba a cidade vella de leste a oeste. A peza urbana que máis costou localizar foi o Pazo Real. Primeiro en Omonia, despois en Kerámikos e finalmente, na revisión de Friedrich von Gärtner, no extremo leste de Ermou (Praza Sintagma) entre a Acrópole e o Monte Licabeto, vai sinalar un novo centro para a capital no seu futuro desenvolvemento [49].

Desenvolvemento que foi lento (40 000 habitantes en 1860 [50]; 100 000 habitantes en 1890 [51]) marcado pola ausencia de actividade industrial (concentrada no Pireo). Nesas décadas procedeuse a limpeza do cumio da Acrópole dos elementos medievais (a torre e fortín francos) e as casas e mesquita otomás. Tamén chegaron o ferrocarril e os servizos dunha cidade moderna.

Século XX

3D View of Athens
Vista simulada en 3D da área metropolitana de Atenas, (NASA).

Avanzado o novo século, en 1921, a derrota na guerra Greco-Turca provocou a repatriación de miles de gregos da costa xónica de Anatolia. A maioría asentáronse en Atenas producindo o primeiro paso [52] (o segundo foi o gran fluxo dende o rural trala IIGM) da conversión da capital en metrópole caótica e deslavazada de crecemento rápido e alta polución en que se ten convertido hoxe en día, estendéndose por toda a chaira de Ática [53].

Foi co gallo dos Xogos Olímpicos de 2004 (e xa cos non conseguidos de 1996), cando se implementaron todo tipo de medidas a vez que se executaron modernas obras de infraestrutura (metro) paliando en gran medida os problemas.

Administración e goberno

Atenas é a capital de Grecia pero tamén é a capital da Periferia de Ática e da Prefectura de Atenas. A cidade é a capital do país desde 1834 ao se trasladar desde Nafplion, a capital provisoria durante a Guerra de Independencia Grega.

Municipio de Atenas

Athens dimotiko diamerisma
Distritos do municipio de Atenas[54]
1- Cidade de Atenas, 97570 habitantes
2- Dafni, 110.069 habitantes
3- Ilioupoli, 48.305 habitantes
4- Vyronas, 87.672 habitantes
5- Kaisariani, 95.234 habitantes
6- Zografou,147.181 habitantes
7- Galatsi, 179.483 habitantes

A cidade moderna de Atenas consiste nun conglomerado de distintas vilas e aldeas que gradualmente converxeron unha única gran metrópole, a maior parte desta expansión aconteceu durante a segunda metade do século XX. A Gran Atenas divídese en 55 municipios, o maior é o Municipio de Atenas ou Dimos Athinaion, que ten unha poboación de 745.514 habitantes e divídese en sete distritos municipais ou demotika diamerismata, que se utilizan a efectos administrativos aínda que popularmente a cidade divídese en barrios, cada un coa súa propia historia e características, entre eles están Pangrati, Ambelokipi, Exarcheia, Ano Patissia, Kato Patissia, Ilissia, Ano e Kato Petralona, Mets, Koukaki e Kypseli.

Cidades irmandadas

Predecesor:
Ningunha
EU Insignia
Capital Europea da cultura

1985
Sucesor:
Italia Florencia

Notas

  1. 1,0 1,1 [Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ateniense.
  2. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1303. ISBN 9788482887524. Atenas (Grecia)
  3. Planta da Acrópole coa posición dos achados neolíticos; Archaeology of the city of Athens, varios autores [1]
  4. Planta da Acrópole micénica; ibídem na versión en grego
  5. Recreación da Acrópole micénica co Megaron dende o oeste; Ancient Athens 3D, Dimitris Tsalkanis [2][Ligazón morta]
  6. O pazo micénico visto dende o leste; ibídem, D.Tsalkanis[Ligazón morta]
  7. Plano coa posición da vella e nova ágora
  8. Plantas comparativas do Pre-Partenón I e II co templo clásico (III) [3]
  9. Esquema cos sucesivos templos na cima da Acrópole (ao fondo os Propileos)
    A1 ancestral templo de Atenea s.VIII aC
    A2 Antigo Templo de Atenea Polias a.625-520 aC
    E Erecteión
    U Hecatompedón 570-566 aC
    n1 Pre-Partenón I a.500 aC
    n2 Pre-Partenón II 490 aC
    n Partenón
    [4]
  10. Recreación da Acrópole antes da destrución persa vista dende o noroeste: O Templo de Atenea Polias a esquerda
    e o Pre-Partenón II en construción a dereita; ao fondo tamén en obra o Olimpeión
    [5]
  11. Atenas na muralla de Pisístrato; Ancient Athens 3D, D.Tsalkanis
  12. Vista da Atenas do século VI aC dende o noroeste: a ágora en primeiro termo,
    ao fondo o Templo de Atenea Polias dominando a Acrópole; ibídem, D.Tsalkanis
    [6]
  13. Planta de Atenas nas murallas de Temístocles
  14. Muros Longos entre Atenas e o Pireo; nótese o plan reticular de Hipódamo de Mileto para esta última [7]
  15. Reconstrución a vista de paxaro do conxunto da Acrópole en época clásica [8]
  16. Planta da ágora clásica
  17. Recreación da vía das Panateneas dende a ágora clásica ata a Dipilón (barrio de Kerámikos) [9]
  18. Vista do lado occidental da ágora clásica co Hefestión ao fondo; Ancient Athens 3D, D.Tsalkanis [10]
  19. Recreación da Atenas clásica a vista de paxaro con paseo virtual; Univ. de Minesota [11]
  20. Plano de Atenas na época Helenística
  21. Planta da ágora na mesma época
  22. A Stoa de Atalo (reconstruída) na ágora coa Acrópole ao fondo
  23. Planta da ágora antiga en época romana
  24. Plano da antiga ágora, a ágora romana e a vía á Porta Dypilon
  25. Perspectiva de conxunto da ágora de Atenas en época romana; ao fondo a biblioteca de Hadriano xunto á ágora romana [12]
  26. Maqueta da Atenas romana dende o noroeste
  27. Planta de Atenas coa ampliación ao leste de Hadriano
  28. Reconstrución virtual do Olimpeión de Hadriano
  29. Vista da Biblioteca de Hadriano xunto á ágora romana; Ancient Athens 3D, D.Tsalkanis [13]
  30. Reconstrución axonométrica da ladeira sur da Acrópole en época romana (o Odeón de Herodes estaba teitado) [14]
  31. Planta de Atenas ao final do século IV
  32. Plano da ágora antiga no final do período romano
  33. Mapa de Atenas coas primeiras igrexas (en negro)
  34. Plantas da Megale Panagia do s. V e da reforma basilical do s. VI
  35. Reconstrución virtual da Megale Panagia tetraconcha no patio da Biblioteca de Hadriano; D.Tsalkanis [15]
  36. Planta da Atenas no alto medievo co espallamento das igrexas bizantinas [16]
  37. Recreación a vista de paxaro da Atenas bizantina
  38. O Rizocastro na ladeira meridional nunha maqueta da Acrópole medieval [17]
  39. Planta da Atenas baixomedieval
  40. Reconstrución virtual da Acrópole no fin do Medievo; Ancient Athens 3D, D.Tsaltanis [18]
  41. Idem no comezo da época otomá; ibídem, D.Tsaltanis
  42. Representación de época da Atenas otomá
  43. Mapa de Atenas nos séculos XVI e XVII
  44. Vista do sitio de Atenas coa destrución do Partenón; F.Fanelli, 1687 [19]
  45. Recreación da Acrópole tralas destrucións do século XVII; D.Tsaltanis [20]
  46. Vista de Atenas en 1810 dende o norte; R.Temple
  47. Proxecto (non realizado) de Pazo Real na Acrópole; Karl F. Schinkel, 1834 [21]
  48. Plan para a Cidade das Atenas; revisión final segundo F. von Gärtner, 1836 [22]
  49. Vista de época dende o Licabeto do Pazo Real ante a Praza Sintagma e a cidade vella, coa Acrópole ao fondo [23]
  50. Mapa de Atenas, 1862
  51. Mapa de Atenas, 1881
  52. Mapa de Atenas, 1930
  53. "Vista de paxaro dos suburbios atenienses". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2012. Consultado o 28 de marzo de 2013.
  54. [24] Arquivado 06 de outubro de 2014 en Wayback Machine.
  55. "Los Angeles Sister Cities". City of Los Angeles. www.lacity.org. Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2007. Consultado o 2007-01-03.
  56. "Chicago Sister Cities". City of Chicago. www.chicagosistercities.com. Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2007. Consultado o 2007-01-03.
  57. "Beijing Sister Cities". City of Beijing. www.ebeijing.gov.cn. Consultado o 2007-01-03.

Véxase tamén

Outros artigos

Aegean Airlines

Aegean Airlines SA (en grego: Αεροπορία Αιγαίου Α.Ε.) é a aeroliña grega máis grande en número de pasaxeiros transportados, en destinos e en tamaño de frota. É membro de Star Alliance dende xuño de 2010 e realiza voos regulares e chárter dende Atenas e Tesalónica a outros grandes destinos gregos, ademais de varios europeos. O seu principal centro de operacións é o aeroporto internacional de Atenas, cun centro secundario no aeroporto internacional de Tesalónica. Tamén usa outros seis aeroportos gregos como bases estacionais durante o verán. As súas oficinas principais atópanse en Kifisia, un suburbio de Atenas.

O 21 de outubro de 2012 Aegean Airlines anunciou que chegara a un acordo para mercar Olympic Air, e a compra foi aprobada pola Comision Europea un ano despois, o 9 de outubro de 2013. Ámbalas dúas aeroliñas continúan operando baixo marcas distintas. Ademais, Aegean Airlines participou nas fases finais da licitación para a privatización de Cyprus Airways, a aeroliña nacional de Chipre. Tras a bancarrota de Cyprus Airways, Aegean Airways estableceu un centro de conexión no aeroporto de Larnaca, iniciando así voos regulares dende e cara a illa e enchendo o oco deixado polo peche da compañía chipriota.

Aeroporto de Atenas-Eleftherios Venizelos

O aeroporto de Atenas-Eleftherios Venizelos (IATA: ATH, ICAO: LGAV) é o principal aeroporto internacional da cidade de Atenas e da rexión de Ática. É o aeroporto máis concorrido de Grecia e serve de centro de conexións e base principal para Aegean Airlines ademais de outras aeroliñas gregas. No ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 20 017 530 pasaxeiros, sendo o 28º aeroporto máis concorrido de Europa.

Aristóteles

Aristóteles de Estaxira (en grego antigo , Ἀριστοτέλης, Aristotélēs), nado no ano 384 a.C. e finado no ano 322 a.C., foi un importante filósofo grego, un dos maiores pensadores de todos os tempos. As súas reflexións filosóficas (por un lado orixinais e por outro reformuladoras da tradición grega) acabaron por configurar un modo de pensar que se estendería por séculos. Prestou inigualábeis contribucións para o pensamento humano, destacando en ética, política, física, metafísica, lóxica, psicoloxía, poesía, retórica, zooloxía, bioloxía, historia natural e outras áreas de coñecemento. É considerado por moitos o filósofo que máis influíu no pensamento occidental.

Aristóteles escribiu cerca de 200 tratados sobre unha enorme variedade de temas transformando case todas as areas do coñecemento que tocou, recoñecido como pai e fundador da lóxica e da bioloxía pois foi o primeiro en realizar as primeiras investigacións. Entre moitas das contribucións, destacan a teoría da xeración espontánea na que se sostiña que moitas formas de vida aparecían de maneira espontánea a partir de materia inerte, ata o ano 1668, cando o químico francés Pasteur postulou a lei da bioxénese, pola cal a teoría de Aristóteles apoiada máis tarde da súa creación por pensadores como Descartes, Bacon ou Newton quedaba totalmente no recordo. Outros traballos seus son a teoría do principio de non contradición, os conceptos de categoría, substancia, acto, potencia e primeiro motor inmóbil. Ademais disto, cabe destacar que Aristóteles foi discípulo de Platón e doutros pensadores como Eudoxo durante os vinte anos que estivo na Academia de Atenas. Foi mestre de Alexandre Magno no reino de Macedonia e na última etapa da súa vida fundou o Liceo en Atenas onde ensinou ata un ano antes da súa morte.

Atenea

Atenea é a filla de Zeus e de Metis, chamada posteriormente polos romanos Minerva. É unha das seis deusas principais do panteón grego clásico. Deusa da sabedoría, gardiá da xustiza e das leis. Aínda que é unha deusa virxe actúa como nai adoptiva de heroes como Perseo e Teseo, e é adorada desde moi antigo como patroa de Atenas, onde se construíu o Partenón, o Erecteión e os Propileos para adorala. Nos mitos clásicos nunca tivo consorte ou amante, e por iso a miúdo era coñecida como Atenea Partenos ("virxe").

Represéntase coa armadura hoplítica, é dicir, coa lanza, o casco e a éxida (especie de coraza de pel de cabra). Na éxide hai representada a cabeza da gorgona Medusa, que lle dera Perseo. O seu nacemento foi accidentado, pois Zeus, tras deixar preñada a Metis, e para evitar os celos da súa esposa Hera, cómea. Co paso do tempo Zeus sofre unhas incribles dores de cabeza. Acode a Hefesto, quen lle abre a cabeza coas súas ferramentas de ferreiro, de onde nacerá Atenea, xa adulta e armada.

Biblioteca Nacional de Grecia

A Biblioteca Nacional de Grecia (en grego: Εθνική Βιβλιοθήκη της Ελλάδος) foi fundada en 1832 e sitúase en Atenas. O edificio desta institución, de estilo neoclásico, foi deseñado polo arquitecto danés Theophil von Hansen, como parte dunha triloxía que tamén incluíu a Academia e a antiga Universidade de Atenas. É pública e o seu director é Aikateríni Kordoúli.

Eleusis

Eleusis (grego: Ελευσίνα - Elefsina, grego antigo: Ἐλευσίς - Eleusis) é unha vila e concello de Ática Occidental, Grecia. Está localizada a 18 km ó noroeste de Atenas, no Golfo Sarónico.

Eleusis é o centro administrativo da unidade periférica de Ática Occidental. É coñecida por ser o lugar dos misterios eleusinos, un dos eventos relixiosos máis famosos da relixión da Grecia antiga, e o lugar de nacemento de Esquilo, un dos tres grandes dramaturgos da antigüidade. Hoxe, Eleusis é un gran centro industrial coa maior refinería de petróleo de Grecia.

Grecia

Grecia ( pronunciación ) (en grego: Ελλάδα/Elláda, [eˈlaða] (AFI), escoitar ou Ελλάς/Ellás), oficialmente República Helénica ( pronunciación ) (en grego: Ελληνική Δημοκρατία/Elinikí Dimokratía, [eliniˈci ðimokraˈti.a] (AFI)) é un país do sueste meridional europeo, situado ao sur da Península Balcánica. Fai fronteira con Albania, Macedonia do Norte e Bulgaria polo norte e con Turquía polo leste. O Mar Exeo atópase no leste e sur da Grecia continental, mentres o Mar Xónico se atopa no leste, a través do cal ten ligazóns con Italia, e con Albania. Tanto no seu leste coma no seu oeste, Grecia posúe unha gran cantidade de illas, sendo a maior a Illa de Creta.

Grecia atópase na conxuntura de Europa, Asia e África. A Grecia actual constitúese como herdeira do patrimonio da Grecia antiga, o Imperio Romano o Imperio Bizantino, e o Imperio Otomán. Así mesmo, Grecia é o berce da democracia, a filosofía occidental, os Xogos Olímpicos, a literatura occidental e historiografía, as ciencias políticas, os principios matemáticos, e o drama occidental incluíndo a traxedia e a comedia.

A Grecia actual é un país do primeiro mundo, membro da Unión Europea dende 1981, da Unión económica e monetaria dende 2001, da OTAN dende 1952, da OCDE dende 1961, e da Axencia Espacial Europea dende 2005. Atenas é a súa capital; Salónica e Patras son xunto a capital, as principais cidades do país.

Grecia antiga

Chámase Grecia antiga ao período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo. Considérase como o alicerce da civilización occidental. A cultura grega exerceu unha poderosa influencia sobre o Imperio Romano, que levou consigo unha versión propia a moitas partes de Europa.

A civilización dos antigos gregos tivo unha influencia enorme sobre a lingua, política, sistemas educativos, filosofía, ciencia e as artes, dando lugar ao Renacemento da Europa Occidental e rexurdiu de novo durante varios movementos "neoclásicos" durante os séculos VIII e XIX en Europa e en América.

Grecia antiga é o termo utilizado para describir os territorios de lingua grega na antigüidade clásica. Refírese non só á península xeográfica da Grecia actual senón tamén ás culturas helénicas ocupadas polos gregos desde antigo: Chipre e as Illas Exeas, o mar Exeo, a costa da Anatolia (coñecida por eles como Xonia), Sicilia e o sur de Italia (coñecidas como Magna Grecia) e as colonias gregas dispersas polas costas da Cólquida, Iliria, Tracia, Exipto, Cirenaica, o sur da Galia, o leste e nordeste da Península Ibérica e a Táurica.

Guerra do Peloponeso

A guerra do Peloponeso designa o conflito que durou de -431 a -404, enfrontando a Atenas, que transformara a liga de Delos (destinada na súa orixe a resistir aos persas) nun imperio sometido ao seu poder, e a Esparta, potencia oligárquica e conservadora, cuxo exército terrestre era a forza militar máis poderosa da época, e que dirixía a Liga do Peloponeso, así como a Beocia.

Hixinio, papa

Hixinio, logo chamado santo Hixinio, nado quizais en Atenas e falecido posiblemente en Roma en 142, foi bispo de Roma.

Liga de Delos

A Confederación de Delos ou Liga de Delos foi unha agrupación dos cidadáns atenienses cos habitantes das illas do mar Exeo e os gregos das costas de Asia Menor, as cidades-estado da antiga Grecia (que chegaron a ser máis de 200). A súa sede atopábase na illa de Delos.

Pericles

Pericles, nado no ano 495 a. C. e morto no 429 a. C., foi un importante político e orador ateniense. Gran dirixente, home honesto e virtuoso, foi un dos principais estrategos da Antiga Grecia. Recibiu o alcume de o Olímpico, debido á súa impoñente voz.

Platón

Platón, nado en Atenas no ano 428 a. C. (un ano despois da morte do estadista ateniense Pericles) foi un importante filósofo grego. O seu nome verdadeiro era Aristoclés, mentres que Platón (Πλάτων en grego) era o seu alcume.

Teseo

Teseo (en grego Θησεύς Theseus) era fillo de Etra e de Exeo, rei de Atenas, aínda que tamén se dixo que o pai foi Poseidón, o deus do mar, de feito Etra uniuse na mesma noite aos dous.

Xogos Olímpicos

Para os Xogos Olímpicos na Antigüidade véxase este artigo.

Para os Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016 véxase este artigo.Os Xogos Olímpicos (XX. OO.) (Jeux Olympiques en francés, e Olympic Games en inglés), ou Olimpíadas son o maior evento deportivo internacional multidisciplinario no que participan atletas de diversas partes do mundo. Os Xogos Olímpicos son considerados a principal competición do mundo deportivo, con máis de duascentas nacións participantes. Existen dous tipos: os Xogos Olímpicos de Verán e os Xogos Olímpicos de Inverno, que se realizan cun intervalo de dous anos, segundo a Carta Olímpica: «Os Xogos da Olimpíada celébranse durante o primeiro ano dunha Olimpíada, e os Xogos Olímpicos de Inverno durante o seu terceiro ano».Os Xogos Olímpicos modernos inspiráronse nos do século VIII a. C. organizados polos antigos gregos na cidade de Olimpia, entre os anos 776 a. C. e o 393 d. C. No século XIX, xurdiu a idea de realizar uns eventos similares aos organizados na antigüidade, os que se concretarían principalmente grazas ás xestións do nobre francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin. O barón de Coubertin fundou o Comité Olímpico Internacional (COI) en 1894. Desde entón, o COI converteuse no órgano coordinador do Movemento Olímpico, coa Carta Olímpica que define a súa estrutura e autoridade.

A primeira edición dos chamados Xogos Olímpicos da era moderna levaronse a cabo en Atenas, capital de Grecia, a partir do 6 de abril de 1896. Desde aquela oportunidade, foron realizados cada catro anos en diversas cidades do mundo, sendo as únicas excepcións as edicións de 1916, 1940 e 1944, debido ao estalido da primeira e segunda guerra mundial.

A evolución do movemento olímpico durante os séculos XX e XXI deu lugar a varias modificacións nos Xogos Olímpicos. Algúns destes axustes inclúen a creación dos xogos de inverno para deportes invernais, os Xogos Paralímpicos para atletas con algún tipo de discapacidade e os Xogos Olímpicos da Mocidade para atletas adolescentes. Os Xogos Olímpicos de inverno realizáronse por primeira vez en 1924, na localidade francesa de Chamonix. Orixinalmente realizados como parte do evento de verán, o COI considerounos como un evento separado retroactivamente, e desde esa data comezaron a realizarse no mesmo ano que os xogos orixinais. Posteriormente, co fin de potenciar o desenvolvemento dos eventos invernais, o COI decidiu desfasar a realización dos Xogos invernais a partir de Lillehammer 1994. Desde esa data, os Xogos Olímpicos de Inverno realízanse nos anos pares entre dous Xogos de Verán. Os primeiros Xogos Olímpicos da Mocidade de Verán celebráronse en Singapur en 2010, mentres que os Xogos Olímpicos da Mocidade de Inverno celebráronse en Innsbruck en 2012.

O COI tivo que adaptarse a unha variedade de avances económicos, políticos e tecnolóxicos. Como resultado, os Xogos Olímpicos afastáronse do amateurismo puro, segundo o previsto por Coubertin, para permitir a participación dos atletas profesionais. A crecente importancia dos medios de comunicación de masas iniciou o tema de patrocinio das empresas e a comercialización dos Xogos. Grandes boicots realizáronse durante a Guerra fría nos Xogos de 1980 e 1984.

O Movemento Olímpico consta de Federacións Internacionais de cada deporte, Comités Olímpicos Nacionais e Comités Organizadores de cada edición. O COI é responsable da elección da cidade sede. Segundo a Carta Olímpica, a cidade anfitrioa é responsable da organización e o financiamiento dos Xogos. O programa olímpico, composto polos deportes disputados nos Xogos, tamén está determinado polo COI. Existen diversos símbolos e cerimonias olímpicas, como a bandeira e a facho olímpico, así como as cerimonias de apertura e clausura. Preto de 13 000 atletas compiten nos Xogos Olímpicos de Verán e Inverno en 33 deportes diferentes e en aproximadamente 400 eventos. Os gañadores do primeiro, segundo e terceiro lugar en cada evento reciben medallas olímpicas: ouro, prata e bronce, respectivamente.

Os Xogos Olímpicos constitúen unha oportunidade para o país e a cidade sede de darse a coñecer ao mundo.[Cómpre referencia]Na actualidade case todos os países están representados nos Xogos Olímpicos. Isto provocou diversos problemas: dopaxe, subornos e actos de terrorismo. Cada dous anos, os Xogos Olímpicos e a súa exposición aos medios, proporcionan aos atletas descoñecidos a oportunidade de alcanzar a fama nacional e internacional, ao tempo que lles fai estar suxeitos a múltiples presións, o cal fai que algúns deles utilizen substancias dopantes para mellorar os seus logros, moitas veces poñendo en perigo a súa saúde. O Comité Olímpico Internacional estableceu dende 1968 os chamados controis anti-dopaxe que poden ser realizados en calquera momento a petición do COI e que poden desencadear a descualificación inmendiata do atleta que dea positivo nese control.

Xogos Olímpicos de 1896

Os I Xogos Olímpicos da era moderna foron realizados en Atenas (Grecia), berce dos xogos da antigüidade, entre os días 6 e 15 de abril de 1896, coa participación de 241 atletas, todos homes, representando catorce países, grazas ao empeño visionario do francés Pierre de Frédy, o Barón de Coubertin, idealizador do renacemento dos xogos existentes na Grecia antiga, mentor do movemento olímpico e fundador do Comité Olímpico Internacional.

Sen ningunha experiencia na organización de semellante evento, os organizadores dos primeiros xogos case arruínan a propia competición, por mor da diversidade de datas, pois os gregos utilizaban entón o antigo calendario xuliano paralelo ó convencional usado pola civilización occidental, facendo que existise unha diferenza de doce días entre ambos, o que atrapallou a inauguración dos Xogos e a chegada dos atletas dos diversos puntos do planeta.

A cerimonia de inauguración acabou acontecendo nun domingo de Pascua, co discurso de apertura proferido diante de cen mil espectadores polo propio Xurxo I, de Grecia, após a inauguración dunha estatua –que existe aínda hoxe– na entrada do estadio Panathinaikos, principal palco das competicións e unha marabilla arquitectónica toda de mármore, en homenaxe ó rico financeiro ateniense Georgius Averoff, responsable da restauración e modernización do estadio e financiador da organización do evento, o que impediu a súa cancelación antes mesmo de iniciado, debido ás penosas condicións do erario real grego.

Os países representados polos seus atletas en Atenas e que se converteron nos pioneiros na participación dos Xogos Olímpicos foron: Alemaña (dezanove atletas), Australia (1), Austria (3), Chile (1), Dinamarca (3), Exipto (1), Estados Unidos(14), Francia (13), Hungría (7), Italia (1), Reino Unido (10), Suecia (1), Suíza (3) e a anfitrioa Grecia con 168 atletas. (*)

As nove modalidades deportivas disputadas foron: atletismo, ciclismo, esgrima, ximnasia, halterofilia, loita, natación, tenis e tiro.

Obs.: Dous dos atletas que son actualmente contados como gregos, representaban á entón cidade autónoma de Esmirna. Alén diso, non se sabe a identidade de 68 dos atletas gregos, debido ó feito de seren moitos cidadáns que participaron en eventos sen haber un cadastro adecuado. Alén destes estados, Bélxica e Rusia tamén estiveron representadas nas cerimonias dos Xogos de 1896 mais os seus atletas nunca chegaron a competir.

Xogos Olímpicos de 1906

En 1906 realizouse unha edición extraordinaria dos Xogos Olímpicos, co pretexto de conmemorar o 10º aniversario do comezo dos xogos en 1896, na cidade de Atenas. Esta edición dos Xogos Olímpicos de 1906, que sería a cuarta, non é considerada oficial polo Comité Olímpico Internacional por ter sido realizada fóra do ciclo de catro anos denominado Olimpíada.

Xogos Olímpicos de 2004

Os XXV Xogos Olímpicos de Atenas celebráronse do 13 de agosto ao 29 de agosto de 2004. Durante 17 días xuntaron a delegados de 202 países e máis de 11.000 atletas.

As súas mascotas oficiais foron Atenea (Αθηνα) e Febo (Φοίβος), chamados así en hora da deusa Atenea e do seu irmán Apolo, antigos protectores da cidade.

O símbolo do evento foi a coroa de loureiro, dado o seu significado na Grecia antiga e nos seus primeiros Xogos Olímpicos.

Despois dun difícil período de controversias sobre e capacidade de Grecia de realizar os Xogos, causado polo atraso nas obras planeadas pola organización do evento, Atenas contou cunha popularidade nunca antes observada nos Xogos Olímpicos. Tivo un seguemento masivo a través dos medios de comunicación.

Ática

Ática (grego: Αττική, Attikḗ ou Attikī́) é unha rexión histórica que abarca a cidade de Atenas, a capital de Grecia. A rexión histórica céntrase na península Ática, que se proxecta no mar Exeo. A moderna rexión administrativa de Ática é máis ampla que a rexión histórica e inclúe as Illas Sarónicas, Citera, e o municipio de Troizinia no Peloponeso continental. A historia da Ática está estreitamente ligada á de Atenas, que, desde o período clásico, foi unha das cidades máis importantes do mundo antigo.

Capitais europeas da cultura

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.