Atanasio de Alexandría

Atanasio de Alexandría, nado en Alexandría no 295 e finado na mesma cidade o 2 de maio de 373, foi un relixioso exipcio, arcebispo de Alexandría e recoñecido pola Igrexa ortodoxa e pola Igrexa católica como un dos Pais da Igrexa. Defendeu a fe de Nicea contra o arianismo. Sufriu o exilio ata cinco veces por esta causa. É especialmente venerado pola Igrexa ortodoxa copta de fe monofisita. O Papa copto Shenouda III recibiu de Paulo VI as súas reliquias.

Atanasio de Alexandría
Ikone Athanasius von Alexandria
Nacemento295 e 296
 Alexandría
Falecemento2 de maio de 373
 Alexandría
NacionalidadeExipto e Imperio Bizantino
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónsacerdote católico, hagiographer e teólogo

Traxectoria

Tivo unha infancia turbada polas derradeiras persecucións promovidas polo emperador Maximiano contra os cristiáns. Lector e diácono, foi conselleiro fiel do arcebispo de Alexandría Alexandre, a quen acompañou no Concilio de Nicea, onde se proclamou o dogma na divindade do Verbo, do Fillo de Deus, homoousios, da mesma esencia que o Deus Pai, encarnado no home Xesús de Nazaret, salvador da humanidade da escravitude do pecado e da morte. Mais lonxe de acadarse a unidade, as discusións dogmáticas non fixeron senón exacerbarse.

Á morte de Alexandre, no ano 328, foi elixido bispo da cidade máis culta do Imperio romano, onde as disputas teolóxicas acadaban especial virulencia e desorientaban e dividían ao pobo cristián. Ario negaba a divindade do Verbo, para el o Fillo de Deus era unha criatura e, xa que logo, en Xesús falara, amara á humanidade e se entregara á morte, non Deus mesmo, senón un mediador creado por El.

Con teimosía, Atanasio decidiu extirpar estas ideas da súa Igrexa, mediante a predicación e a disciplina do clero do seu bispado. O Emperador Constantino que convocara Nicea, acabou buscando o favor dos arianos e impuxo á Igrexa de Alexandría a orde de permitir as actividades eclesiásticas de Ario. Atanasio foi inflexíbel, contestou que isto era entrar en contradición co pronunciado nun concilio e que ameazaba a fe do pobo crente.

Para Atanasio a Igrexa vivía da adhesión a Xesucristo vivo, verdadeiro Deus e verdadeiro home, e non de doutrinas morais ou de especulacións filosóficas ou cósmicas. Deste xeito, entra nun frenético labor teolóxico que ten como finalidade desactivar a forza argumental e espiritual dos seus adversarios. As súas predicacións en grego e en copto propiciáronlle a adhesión das xentes sinxelas da súa comunidade.

Moi cedo foi obxecto de aldraxes e calumnias incluídas a acusación de asasinato e despezamento, con fins de maxia, dun bispo meleciano. Atanasio puxo a funcionar a súa rede de adictos ata que se encontrou ao presunto asasinado, oculto nun convento do alto Exipto. Este fuxiu antes de ser apreixado, pero foi descuberto polos fieis de Tiro e identificado polo bispo desta cidade.

Os inimigos de Atanasio eran persoeiros da Corte imperial e urdiron un xuízo contra el. Atanasio desafiounos non presentándose perante o tribunal. Acusado de gravar a produción de liño, de non ter a idade canónica cando fora proclamado bispo e dos máis diversos vicios e delitos, viuse envolto en difamacións nun concilio en Tiro. Cando ía ser arrestado, conseguiu escapar embarcado, pero para volver a expoñerse na defensa do seu ideal.

Nas rúas de Constantinopla, reapareceu de súpeto para encarar ao propio emperador, quen foi incapaz de enfrontarse á súa impetuosidade. Desacostumado a un desafío destemido, devolveulle o seu favor.

Entón os arianos influentes pretenderon facer ver ao emperador o poder do bispo de Alexandría sobre o vital mercado do trigo exipcio e o seu boicot ao fornecemento da capital imperial. Constantino, presa da carraxe, ordenou a deportación de Atanasio a Tréveris. Este foi o seu primeiro desterro, que aproveitou para buscar o apoio da Igrexa latina ata ese momento non familiarizada coas sutilezas filosóficas dos debates orientais. Os cristiáns latinos vían reflectida a súa fe máis simple na claridade de ideas de Atanasio. O bispo de Roma Xulio I concedeulle o seu apoio. O emperador occidental Constante, fillo de Constantino, obrigou ao emperador de Bizancio Constancio, seu irmán, a rehabilitar a Atanasio. Este, lonxe de refuxiarse en Alexandría, percorreu Anatolia e a relevante Igrexa Siríaca co fin de fortalecer o seu partido.

Novamente desterrado, a súa popularidade de santidade, bondade e coraxe, acabou por debilitar a autoridade moral do emperador, quen tivo que pregarlle ata tres veces que se presentase perante el. Atanasio saíu desta proba fortalecido no seu prestixio, foi recibido no sínodo de Xerusalén e volveu aclamado á súa cidade.

Constancio acabou reunificando o Imperio no ano 353. Co gallo dunha acusación de alta traizón, o exército imperial intentou capturar a Atanasio quen, con grande apoio popular, conseguiu fuxir de novo.

Aínda que non contraatacou con calumnias e difamacións, Atanasio foi duro nos seus cualificativos. Tendo como acusadores aos aduladores do emperador, el non dubidou en atacar ao propio Constancio directamente como o emperador da herexía, e aos seus conselleiros dirixiulles duros epítetos pero sen caer nas falsas imputacións, tal como el as sufría. A súa dialéctica cinguiuse ao nivel dunha, certamente apaixonada e contundente, disputa teolóxica e pastoral. Atanasio afirmou tallante que: a Igrexa non é asunto do emperador. E hai quen ve nel un dos precursores na defensa da liberdade da comunidade eclesial fronte a un concepto omnímodo do poder na antigüidade. Tampouco se perturbou polas vacilacións do bispo de Roma Liberio temoroso de enfrontarse ao poderoso partido ariano e cómplice da expansión da herexía.

No ano 362 subía ao poder un emperador inimigo do cristianismo e partidario da restauración do paganismo Xuliano o Apóstata. Atanasio negouse a colaborar no que para el era a volta á idolatría e novamente foi desterrado, abandonando a cidade entre o adeus dunha desconsolada multitude que ameazaba cun levantamento violento. A esta calmouna e consolouna dicindo que a súa nova marcha era unha nube pasaxeira, como así foi, pero o novo emperador Valente volveríao a desterrar unha vez máis chegando a sumar en total 17 anos de desterro que non conseguiron dobregar a súa tenacidade.

Ensinanzas

Toda a obra de Atanasio pode concentrarse nesta frase súa extractada: O Verbo de Deus, apiadado da raza humana, compadecido da nosa debilidade, condescendente coa nosa corrupción, non aceptando que a morte dominase sobre nós, para que non perecese o que comezara e para que non fose inútil a obra do Pai, tomou un corpo, un corpo que non é diferente ao noso... O Verbo fíxose home para que nos fixésemos Deus; fíxose visíbel polo seu corpo para que teñamos unha idea do Pai invisíbel; aturou as aldraxes para que teñamos parte na inmortalidade.

Atanasio atribuíu tamén calidades divinas ao Espírito Santo, facendo progresar, xunto con Basilio o Grande a configuración dogmática do misterio da Santa Trindade. Se o Pai é fonte e luz e o Fillo río e resplandor, o home bebe e é alumado polo Espírito (Carta a Serapión).

O seu relato sobre a vida de Antón Abade, supuxo un pulo decisivo do monacato. O seu retrato do monxe exipcio como un home avezado nas loitas contra Satán, admirado pola súa bondade, humildade equilibrio e ascetismo e como vencedor de todas as tentacións demoníacas: a gloria, o poder, a luxuria, a anguria, a tristura e a desesperación, fixeron del unha das figuras claves do cristianismo popular.

Obras

  • Escritos apoloxéticos e dogmáticos:
Tratado contra os xentís.
Tratado sobre a encarnación do Verbo.
Discursos contra os arianos.
Apoloxía contra os arianos.
Apoloxía ao emperador Constancio.
  • Escritos histórico-polémicos:
Apoloxía da súa fuxida.
Historia dos arianos.
  • Escritos esexéticos e ascéticos:
Comentarios aos Salmos.
Comentarios ao Xénese.
Comentarios ao Cantar dos Cantares.
Vida de Antonio.
  • Cartas.
Alexandre I, arcebispo de Alexandría

Alexandre de Alexandría, nado no ano 250 e finado no 326, boi arcebispo de Alexandría desde o ano 313 até a súa morte. Foi designado co nome de Alexandre (Ἀλέξανδρος), para suceder a Aquilas de Alexandría.

Arianismo

O arianismo foi unha doutrina cristolóxica desenvolvida por Ario de Alexandria no século IV, negaba que Cristo e Deus fosen da mesma natureza e vía o Fillo como un ser divino creado polo Pai, a primeira das criaturas vindas ao mundo pola vontade de Deus, pero inferior a el. Negaba, polo tanto, a "consustancialidade" do Pai e do Fillo. O Primeiro Concilio de Nicea (325) condeouno como unha herexía, despois de moitas discusións, pero sobreviviu entre os xermanos ata o século VIII.

Basilio o Grande

Basilio o Grande, nado en Cesárea, Capadocia, no 329 e falecido o 1 de xaneiro de 379, foi un bispo capadocio que protagonizou a loita contra a herexía ariana. É considerado un dos Pais da Igrexa, tanto pola Igrexa ortodoxa como para a Igrexa católica.

Credo

O Credo é o conxunto de verdades de fe cristiá definido, segundo as igrexas cristiás, pola tradición apostólica e desenvolvidas nos dous primeiros Concilios Ecuménicos (o Concilio de Nicea en 325 e o Primeiro Concilio de Constantinopla en 381). Denomínase así polo verbo que o inicia na súa versión latina.

Aceptan este credo a Igrexa Siríaca, a Igrexa Etíope Tewahedo, a Igrexa Apostólica Armenia, a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Apostólica Asiria e a Igrexa Ortodoxa. A Igrexa Católica afastouse destas Igrexas engadindo o filioque. As igrexas protestantes e a Igrexa Anglicana aceptan tamén estes credos na súa formulación pola Igrexa Católica.

Dámaso I, papa

Dámaso I, 37º papa da Igrexa católica entre 366 e a súa morte, en 384. San Dámaso para os cristiáns. En menos de vinte anos dunha intensa actividade conseguiu restituír á Igrexa de Roma o seu prestixio e a súa preeminencia.

Tivo como secretarios a Santo Ambrosio e a San Xerome entreo outros. A San Xerome encargoulle a redación dunha nova versión da Biblia, encargo que deu como resultado a coñecida como Vulgata, versión usada ata o século XX.

Espírito Santo

O Espírito Santo é, para a maioría de confesións cristiás, a terceira persoa da Santa Trindade. Verdade fundamental do cristianismo, contido dun dogma apuntado xa no Concilio de Nicea e definido definitivamente polo primeiro concilio de Constantinopla. Recóllese, xa que logo, no chamado símbolo niceno-constantinopolitano ou Credo. Os cristiáns que non aceptan esta doutrina chámanse non trinitarios.

Segundo esta doutrina Deus, na súa Unidade, é Amor e, xa que logo, Comuñón interpersoal. A expresión difusiva e gratuíta dese Amor é o Espírito, que fai experimentar ao crente a entraña da divindade. O Home, en canto criatura feita a imaxe e semellanza de Deus, arela unha comuñón plena cos seus irmáns e con Deus no Espírito. O cumprimento desa arela é a Salvación.

Evanxeos apócrifos

Os evanxeos apócrifos son escritos redactados e recompilados nos primeiros séculos do cristianismo que recollen ditos e feitos de Xesús de Nazaret, as súas ensinanzas, a natureza de Deus ou as ensinanzas dos Apóstolos e as súas vidas. Estes escritos non foron recoñecidos pola Igrexa Ortodoxa, a Igrexa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Apostólica Asiria, a Igrexa Apostólica Armenia, a Igrexa Etíope Tewahedo e a Igrexa Católica nin polo protestantismo como expresión da fe.

Fiz II, antipapa

Fiz II, finado en Roma o 22 de novembro de 365, foi un relixioso romano, antipapa de 355 a 365, entre os papados de Liberio e Dámaso I. Durante a Idade Media figurou entre os papas considerados lexítimos.

Hilario de Poitiers

Hilario de Poitiers nado en Poitiers aproximadamente no 310 e finado en 367 é un doutor da Igrexa Católica

Historia da filosofía

A Historia da filosofía describe e interpreta o percorrer da filosofía occidental desde as súas orixes na Grecia do século VI a.C. ata a actualidade. Considérase que a constitución da historia da filosofía como disciplina autónoma e específica só acontece desde principios do século XIX. Antes deste momento existen diversas publicacións de carácter histórico e filosófico, pero non posúen o rigor e cientificidade propios dos grandes historiadores da filosofía.

Igrexa etíope tewahedo

A Igrexa etíope tewahedo é unha Igrexa non caldedoniana de confesión monofisita, cuxas orixes remóntanse aos primeiros séculos do cristianismo. Conta con arredor de 40 millóns de fieis.

Igrexa ortodoxa copta

O Patriarcado ou Igrexa Ortodoxa Copta de Alexandría é unha igrexa fundada, segundo a tradición, polo apóstolo e evanxelista Marcos a mediados do século I (arredor do ano 60) con sé en Alexandría, sendo a principal igrexa cristiá en Exipto. É unha das igrexas ortodoxas orientais, separadas do que hoxe son a Igrexa católica e a Igrexa ortodoxa logo do Concilio de Calcedonia por discrepancias sobre a natureza de Cristo. O seu máximo xerarca é o Papa de Alexandría e Patriarca de Toda África na Santa Sé de San Marcos, dende 2012 Teodoro II.

Liberio, papa

Liberio I, nado en Roma, converteuse no 36º papa o 17 de maio de 352.

As polémicas mantidas cos arianos comportaron a elección de Fiz II como antipapa.

Liberio promoveu a construción da Basílica de Santa María a Maior de Roma, edificada sobre o perímetro que el mesmo trazou logo dunha nevada un 5 de agosto.

Faleceu o 24 de setembro de 366.

Padres da Igrexa

Padres da Igrexa ou pais da Igrexa é a denominación que se lles dá aos autores da antigüidade cristiá que a Igrexa ortodoxa e a Igrexa católica consideran referencias fundamentais para a definición das verdades en materia de fe e de moral.

Primeiro Concilio de Nicea

O Primeiro Concilio de Nicea foi un concilio ecuménico, aceptado por case toda a cristiandade (agás grupos coma os mormóns), que se celebrou no ano 325.

Nel condenouse o arrianismo, que afirmaba que Xesucristo era inferior a Deus Pai, e estableceuse o coñecido como Credo de Nicea.

O convocante deste concilio foi o emperador Constantino, algo que tivo unha grande carga simbólica, dado que ata había poucos anos (antes do Edicto de Milán de 313) os cristiáns eran sometidos a persecucións dentro do Imperio Romano.

Este concilio foi un dos dous que tiveron lugar na cidade de Asia Menor de Nicea, xunto co Segundo Concilio de Nicea (787).

Xulio I, papa

Santo Xulio, nado en Roma cara a 280, entronizado papa o 6 de febreiro de 337. E foino ata o 12 de abril de 352. Papa considerado moito tempo pola Igrexa cristiá apostólica como benevolente , sabe facer, igualmente, proba de firmeza. Toma a defensa de santo Atanasio de Alexandría contra os arios e semi-arios e os anti-niceanos. Reúne en 340-341, un sínodo en Roma contra o arianismo.

Yves Congar

Yves Congar, nado en Sedan, Ardenas en 1904 e finado en 1995, foi un teólogo católico, inicialmente perseguido polo Vaticano, foi un dos artífices intelectuais do Concilio Vaticano II. Xoán Paulo II creouno cardeal.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.