Asociación Socio-Pedagóxica Galega

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) é unha asociación de carácter pedagóxico e sociocultural fundada en 1976 co obxectivo de fornecer recursos educativos en galego[1]. Conta con máis dun millar de socios. O seu lema inicial, Na procura dun ensino galego, expresa a intencionalidade da entidade de lograr un sistema educativo galego na expresión e nos contidos curriculares, organizado desde o coñecemento do propio país, e ao seu servizo.

ASPG

Historia e características

Actividades socioculturais

Nos proxectos socio-culturais a actividade está encamiñada a conseguir a normalización plena da lingua e cultura galegas en todos os ámbitos da vida social de Galiza.

Elaborouse unha enciclopedia da Literatura galega que deu como resultado 50 volumes coas obras máis representativas da literatura galega, acompañadas dos correspondentes fascículos, a cargo de especialistas. Quincenalmente, durante tres anos, desde xaneiro de 1996 até outubro de 1998, foron aparecendo libros e fascículos, con tiraxes medias de 3.000 exemplares, até constituíren 5 tomos sobre o percorrido literario galego até a actualidade.

No 1999 a AS-PG comezou a colaboración co concello de Pontevedra na programación do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra, e mantense esa colaboración na actualidade. Nos anos 2006 e 2007 esta iniciativa, en colaboración coa Consellería de Cultura e as respectivas entidades locais, organizou catro Semanas do libro e a lectura nos concellos de Carballo, Viveiro, Ribadavia e Pontedeume. Posteriormente sumáronse Moaña, Allariz, Tui, Barbadás, Meira e Oleiros, entre outros. As semanas constan de varias actividades paralelas, dende exposicións de libros infantís e xuvenís até obradoiros para o alumnado dos centros de ensino da zona, cursos de formación para o profesorado e actividades de animación á lectura abertas ao público xeral.

De normalización e dignificación do idioma

A AS-PG participa e promove, de forma exclusiva ou en colaboración con outras entidades, en proxectos de normalización e dignificación do idioma galego. Entre estas iniciativas cabe salientar Ciberlingua[2] e Correlingua (nos que participan outras entidades) e o proxecto Tíralle da lingua. Este último está dirixido a escolares e profesorado de todo Galicia, e consta dunhas xornadas de expresión oral celebradas en Compostela a inicios do curso e un concurso de relato oral dirixido a escolares no que veñen participando uns 2.000 alumnos na fase final, que ten lugar no Teatro Principal de Santiago. En 2011 celebrouse a XI edición.

Así mesmo a AS-PG forma parte da plataforma Queremos Galego!. A AS-PG foi unha das principais valedoras da normativa de mínimos do galego, publicando en 1980 as Orientacións para a escrita do noso idioma.

Outras actividades

  • Proxecto Terra, que se vén realizando co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para a difusión do patrimonio arquitectónico.
  • Congreso Manuel María. Literatura e nación. A Coruña 2005
  • Simposio sobre Lugrís Freire, celebrado na Coruña no ano 2006.
  • Congreso de Música Tradicional Galega, celebrado en Compostela en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos.
  • Congreso pola recuperación da memoria histórica, celebrado en Pontevedra.
  • Simposio Ricardo Carvalho Calero. Memoria do século, A Coruña 2000

Actividades pedagóxicas

As actividades pedagóxicas da AS-PG, para achegar os docentes ou aspirantes á docencia á globalidade da cultura galega e mesmo universal, desde unha perspectiva galega, son constantes, exemplificadas desde 1976 polas Xornadas do Ensino. Moitos docentes galegos participaron coa AS-PG na elaboración de material necesario para o desenvolvemento de currículos nos distintos niveis educativos.

A AS-PG abordou o emprego dos medios audiovisuais nas aulas e forneceunas de materiais audiovisuais xa na década dos 80. A literatura, a arte e o patrimonio en xeral, mesmo temas de ciencias naturais, da etnografía e da física, víronse acollidas en vídeos ou CD-ROM.

Desde o ano 2010 tamén organiza o certame de curtametraxes Curtas para Rosalía.

Actividades socioeducativas

Aprender para educar

A AS-PG leva a cabo programas de intervención socioeducativa con colectivos de pais, fomentando a súa participación na vida dos centros educativos, a intercomunicación como fórmula para mellorar as expectativas do sistema educativo, así como iniciativas destinadas ao alumnado, levadas a cabo fóra do centro educativo e que complementan a súa formación e o desenvolvemento da súa personalidade.

Estas actividades, baixo a denominación Aprender para educar, iniciáronse en Compostela, onde se desenvolveron durante tres anos e continuaron en Lugo, Cambre, Carballo, Zas, Melide, A Coruña, Burela, Meira e Culleredo, entre outros.

Proxecto e-ducando

O proxecto e-ducando, é un proxecto de vocación social a través do cal a AS-PG pretende abordar a progresiva implantación da educación dixital, facilitando un acceso óptimo e seguro das xeracións máis nova ás tecnoloxías da información e, ao mesmo tempo, permitindo un maior coñecemento por parte do conxunto da sociedade das súas potencialidades e perigos. Aínda que non forma parte deste proxecto, si se pode relacionar con el o proxecto denominado Espazos web de interese socioeducativo, na medida en que pretende abordar as posibilidades educativas e de recursos que se achan en Internet. Neste portal AS-PG procura ofrecer un catálogo temático de recursos que se poden encontrar na web con fins socioeducativos. Para conseguir iso, o portal conta coa posibilidade de colaboración dos propios usuarios.

Belvís, rede socioeducativa

Presentada publicamente o 29 de setembro de 2011, dentro das XXXV Xornadas de Verán da Coruña, Belvís, rede socioeducativa defínese como unha rede social dirixida a crear un medio de comunicación entre profesionais do ensino ou persoas preocupadas pola educación, unha rede na que teñen cabida o profesorado e tamén as familias.[3]

Os portais de xogos

A AS-PG elaborou un conxunto de xogos pensando na xente moza e na que non é tanto, co obxectivo de contribuír a galeguización dun espazo vital, o do lecer e o xogo, que na actualidade sofre unha importante carencia de posibilidades pensadas desde Galiza.

Trivial.Gz

O trivial.gz foi o primeiro dos xogos postos na rede pola AS-PG. O seu éxito foi inmediato e a súa tecnoloxía foi mesmo presentada en congresos internacionais. Foi presentado o 10 de abril de 2006 no Xuventude Galicia.net. Permite desenvolver campionatos.

CataPalabras

O CataPalabras é un xogo no que poden participar de dous a catro xogadores. Consiste basicamente en que cadaquén escriba palabras que encaixen en certas categorías elixidas ao azar (froitas, animais etc) e que comecen por unha letra determinada obtida tamén aleatoriamente a través dun dado de 20 caras. O obxectivo é conseguir a puntuación máis elevada posible, que dependerá da cantidade de palabras correctas que se escriban e do número de persoas que escriban a mesma palabra, posto que as palabras repetidas non puntúan.

Letrad@s.gz

O xogo letrad@s.gz consiste en formar palabras de dúas ou máis letras e colocalas no taboleiro cuadriculado (15x15), horizontal ou verticalmente, de xeito que poidan ser lidas de esquerda a dereita ou de arriba a abaixo. Despois da xogada inicial, cada palabra débese ligar con algunha das que xa están no taboleiro.

Xogo da curuxa

O xogo da curuxa é, polo de agora, o derradeiro dos xogos postos na rede pola AS-PG. O xogo está baseado no xogo da oca. Consiste en lanzar o dado e ir movendo a ficha ao longo dun taboleiro en espiral formado por cadros, tendo algúns deles asociadas accións especiais como bonificacións ou castigos. A diferenza do xogo clásico, cando o xogador cae nun cadro deberá superar unha proba para poder ficar nel, evitar un castigo etc. Gaña a partida o primeiro xogador en chegar até o último cadro e superar a súa proba. Obterá ademais unha bonificación de 25 puntos.

Recoñecementos

Ademais dos recoñecementos recibidos como entidade a actividade da AS-PG mereceu tamén os seguintes premios no campo audiovisual:

  • Primeiro premio de vídeo da Secretaría Xeral para as Comunidades Exteriores da Xunta de Galicia pola realización do vídeo O Románico de Galicia (1990).
  • Premio á mellor produción de vídeo educativo convocado pola Secretaría de Estado do Ministerio de Educación e Ciencia pola realización do vídeo A Cultura dos Castros (1994).
  • Premio á mellor produción de vídeo científico concedido pola Universidade de Zaragoza dentro da Bienal de cine e vídeo científico de Zaragoza pola realización do vídeo A mensaxe das Estrelas (1995).
  • Premio ao mellor CD-Rom pola produción multimedia Arte Barroca no certame bienal instituído polo Cabido Insular de Gran Canaria (1999).

Notas

  1. Presentación da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). (2012). Revista Ensaio 11. A Coruña: Centro de Formación e Recursos da Coruña.
  2. "Ciberlingua, arquivo da páxina, 2004". Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2013. Consultado o 03 de xullo de 2013.
  3. http://belvis.as-pg.com

Véxase tamén

Ligazóns externas

A Viñeta de Schrödinger

A Viñeta de Schrödinger é unha revista de banda deseñada en galego promovida en 2018 pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e dirixida por Kiko da Silva.

O primeiro número conta con historias autoconclusivas de Miguelanxo Prado, Aldara, Kohell, Miguel Porto, Zaida Novoa, Joan Casaramona, Fonso Barreiro, Miriam Iglesias, Pablo Prado, Fran Bueno, Miguel Rojo, Víctor Rivas, Antonio M Fraga, Fernando Llor e Kiko da Silva.

O nome de Schrödinger puxéronllo porque “A BD galega, a lingua e a cultura galega é como o gato de Schrödinger, está aí, estamos seguros de que está, que ten que estar, mais algúns cren que está morta, mentres nós cremos que está máis viva ca nunca. Pasa o mesmo coas revistas, que semellan esquecidas nun momento onde proliferan as novelas gráficas”.

Adela Figueroa

Adela Clorinda Figueroa Panisse, nada en Lugo o 6 de decembro de 1948, é unha bióloga, activista e escritora galega.

Cheikh Fayé

Cheikh Fayé, nado no ano 1962 na comunidade rural de Gade Escale, departamento de Diourbel, é un mestre e escritor senegalés radicado en Galiza. O 11 de xullo de 2017 presentou o seu primeiro ensaio titulado Ser Modou Moudou e editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, sendo o primeiro escritor senegalés que escribe e publica en lingua galega.

Correlingua

Correlingua é o termo co que se coñece a celebración dunha serie de carreiras reivindicativas en prol dos dereitos da lingua galega que transcorren polas distintas comarcas de Galiza.

O Correlingua inspírase na Korrika, unha carreira reivindicativa que recorre Euskal Herria a prol da lingua éuscara.

Curtas para Rosalía

Curtas para Rosalía é un certame de curtametraxes organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Establécense dous premios: un premio de 2000 € máis diploma á mellor curtametraxe, e un premio de 1000 € máis diploma á mellor obra realizada ou dirixida por persoas menores de 30 anos.

Domingo Blanco Pérez

Domingo Blanco Pérez, nado en Cariño en 1947, doutor en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, é un especialista en poesía popular galega.

Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego.

Jenaro Marinhas del Valle

Jenaro Marinhas del Valle, nado na Coruña o 25 de novembro de 1908 e finado na Coruña o 23 de decembro de 1999, foi un novelista, poeta, ensaísta e dramaturgo galego.

Luís González Tosar

Luís González Tosar, nado en Buenos Aires o 25 de agosto de 1952, é un escritor galego, residente en Santiago de Compostela.

O Ensino

O Ensino foi unha revista de pedagoxía e lingüística editada en Ourense entre 1980 e 1986. Tivo un ámbito galego, unha periodicidade irregular e publicáronse en total 29 números.

Estaba editada por Promocións Culturais Galegas e promovida pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Estaba escrita integramente en galego e contou con bloques temáticos dedicados á lingua, pedagoxía, didáctica, sociolingüística, literatura e historia, que respondían ás posicións do profesorado de esquerdas, próximo ó nacionalismo.

Entre os colaboradores habituais cómpre destacar a Valentín Paz Andrade, Francisco Rodríguez, Manuel María, Pepe Barro ou Xaquín Marín.

A partir de 1984 continuou publicándose baixo a dirección da Associaçom Sócio-Pedagógica Galaico-Portuguesa, fracción escindida da AS-PG, e ampliou a difusión a Portugal e Brasil.

Olga Novo

María Olga Novo Presa, máis coñecida como Olga Novo, nada en Vilarmao (A Pobra do Brollón) o 29 de xaneiro de 1975, é unha poeta e ensaísta galega.

Premio Rosalía de Castro de Lingua

O Premio Rosalía de Castro de Lingua recoñece o traballo de persoas ou entidades que contribúen á normalización lingüística da lingua galega. Está convocado pola Deputación da Coruña e o seu nome honra a memoria de Rosalía de Castro.

Rafael Dieste

Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor republicano galego do exilio, que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra valdeira (1927) e Dos arquivos do trasno (1926), tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. Atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego. Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.

Superoito

Superoito é unha banda galega de rock formada no 2013 entre Ordes e Santiago de Compostela. Está formada por Iván R. Paderne (cantante e guitarrista), Diego Falque (baixista solista e coros) e Glenn G. Carbajal (batería).

Xan Fraga

Xan M. Fraga Rodríguez, nado en Carballo en 1958, é un historiador galego.

Xornadas de Lingua e Literatura

As Xornadas de Lingua e Literatura están organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino. En 2018 chegaron á súa XVII edición. Están dirixidas ao profesorado non universitario de Galicia.

Os seus obxectivos son ofrecer ferramentas didácticas para a docencia da lingua e literatura galegas e a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística.

Xosé Antón Bao

Xosé Antón Bao Abelleira, nado en Lugo o 29 de marzo de 1964, é un político galego, ex-tenente alcalde do concello de Lugo. Foi un dos homes fortes do Bloque Nacionalista Galego na provincia de Lugo. Durante un tempo, foi presidente do Club Baloncesto Breogán, aínda que de xeito provisional, por ser a Deputación o principal accionista do club.

Xosé Lesta Meis

Xosé Francisco Lesta Meis, nado en Eirís de Arriba (Oza, A Coruña) o 16 de marzo de 1887 e finado en Eirís de Abaixo o 22 de decembro de 1930, foi un escritor e xornalista galego, vencellado aos intelectuais da Xeración Nós e aos escritores relacionados coas Irmandades da Fala.

Ánxel Romero Cerdeiriña

Ánxel Romero Cerdeiriña, nado en Riós o 3 de decembro de 1901, foi un notario, escritor e político galego.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.