Asfalto

O asfalto é un material viscoso, pegañento e de cor negra, usado como aglomerante en mesturas asfálticas para a construción de estradas ou autoestradas. Tamén é empregado en impermeabilizantes. Está presente no petróleo cru e composto case por completo de betume. O seu nome recorda o Lago Asfaltites (o Mar Morto), na cunca do río Xordán.

Ademais do sitio mencionado, atópase en estado natural formando unha mestura complexa de hidrocarburos sólidos en lagoas dalgunhas concas petroleiras, como sucede no lago de Guanoco, o lago de asfalto máis extenso do mundo (Estado Sucre, Venezuela), con 4 km² de extensión e 75 millóns de barrís de asfalto natural.

Asphalt
Asfalto en estrada
23ª edición dos Óscar

A 23.ª entrega dos premios Óscar tivo lugar o día 29 de marzo de 1951 no RKO Pantages Theatre dos Ánxeles. O mestre de cerimonias foi Fred Astaire.

Aeroporto Internacional John F. Kennedy

O Aeroporto Internacional John F. Kennedy (IATA: JFK, OACI: KJFK, FAA LID: JFK) orixinalmente coñecido como o Aeroporto Idlewild, é un aeroporto internacional localizado en Queens ao sueste da cidade de Nova York, Estados Unidos, a uns 20 km de Manhattan.

O aeroporto está operado pola Port Authority of New York and New Jersey (Autoridade Portuaria de Nova York e Nova Jersey), que tamén opera tres aeroportos na área metropolitana da cidade de Nova York (o Newark Airport, o LaGuardia e o Teterboro), mais o John F. Kennedy é o máis grande de todos. É a base de operacións de JetBlue Airways e o aeroporto de entrada principal internacional para Delta Air Lines e American Airlines.

O JFK é o aeroporto con maior cantidade de entradas de pasaxeiros internacionais en Estados Unidos e tamén en cargo.

As saídas internacionais de JFK representaron o 17 % de todos os pasaxeiros que viaxaron transoceánicamente no 2004, a porcentaxe máis grande nos Estados Unidos. No 2000, dirixiu por termo medio 50 000 pasaxeiros internacionais ao día. A ruta que conecta este aeroporto co de Heathrow en Londres é a ruta máis transitada en voos internacionais de Estados Unidos con máis de 2,9 millóns de pasaxeiros no ano 2000.

Aínda que é coñecido como o aeroporto con maior número de pasaxeiros internacionais, tamén dirixe voos nacionais, a maior parte á costa oeste. No 2005 o aeroporto dirixiu máis de 41 millóns de pasaxeiros, que sumados aos 33 millóns de Newark Liberty e os 26 de LaGuardia suman aproximadamente 100 millóns de pasaxeiros, facendo sito que o espazo aéreo de Nova York sobrepase ao de Chicago como o máis ocupado dos Estados Unidos.

Aeroporto Internacional Logan

O aeroporto internacional Logan (IATA: BOS, OACI: KBOS), oficialmente coñecido como aeroporto internacional General Edward Lawrence Logan, é un aeroporto internacional estadounidense situado na veciñanza de East Boston en Boston, Massachusetts. Cobre unha área de 965 hectáreas, ten seis pistas e catro terminais, e emprega a unhas 16 000 persoas. É o aeroporto máis grande da rexión de Nova Inglaterra e o 17º máis concorrido dos Estados Unidos, con 36,2 millóns de pasaxeiros en 2016. O aeroporto chámase así na honra do xeneral Edward Lawrence Logan.

O aeroporto serve como centro de conexións para Delta Air Lines e como cidade focal para JetBlue, sendo as compañías con máis operacións. As aeroliñas rexionais regional Cape Air e PenAir realizan todas as súas operacións dende Boston. American Airlines tamén realiza moitas das súas operacións dende o aeroporto. Todas as grandes aeroliñas estadounidenses ofrecen voos dende ou cara Boston aos seus principais centros de conexións. Tamén é un destino para case todas as grandes aeroliñas europeas.

O aeroporto ten servizos frecuentes a destinos de toda Norteamérica, Sudamérica, o Caribe, o Atlántico Norte, Oriente Medio, Europa e Asia. Recentemente Logan está tendo un rápido crecemento en tráfico internacional, con novas rutas engadidas por aeroliñas como Aeroméxico, Air Europa, Avianca, Cathay Pacific, Copa Airlines, El Al, Emirates, Hainan Airlines, Japan Airlines, LATAM Airlines, Norwegian Air Shuttle, Primera Air, Qatar Airways, Scandinavian Airlines, TAP Portugal, Thomas Cook Airlines, Turkish Airlines, WestJet Encore e WOW air, ademais de incrementar o tráfico de rutas previas cara Canadá. Europa, Asia e Oriente Medio. Este feito está convertendo a Boston nun dos aeroportos que máis medra nos Estados Unidos.

Aeroporto de Bremen

O aeroporto de Bremen (IATA: BRE, ICAO: EDDW) é un aeroporto internacional que serve á cidade e ao estado de Bremen, no norte de Alemaña. Está situado a 3,5 km ao sur da cidade e no ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 2 573 501 pasaxeiros. Nel operan principalmente voos cara destinos metropolitanos e de ocio en Europa e serve como base para Germania e Ryanair.

Aeroporto de Bruxelas

O aeroporto de Bruxelas (IATA: BRU, ICAO: EBBR) é un aeroporto internacional belga situado a 12 km ao nordés de Bruxelas. No ano 2015 máis de 23 millóns de pasaxeiros pasaron polas súas instalacións, converténdoo no 21º aeroporto máis concorrido de Europa. As súas instalacións atópanse repartidas entre os municipios de Zaventem, Machelen e Steenokkerzeel, na rexión flamenga de Bélxica. É sede dunhas 260 compañías que empregan ao redor de 20 000 persoas e serve como base principal a Brussels Airlines e TUIfly Belgium.

A compañía que opera o aeroporto é coñecida como Brussels Airport Company N.V./S.A.; antes do 19 de outubro de 2006 o seu nome era BIAC (Brussels International Airport Company), que foi creada pola lei belga a través da fusión de BATC (Brussels Airport Terminal Company) cos departamentos de operacións en terra. Dende o ano 2011 o aeroporto ven sendo propiedade do Ontario Teachers' Pension Plan (39%), Macquarie Group (Macquarie European Infrastructure Fund I e Macquarie European Infrastructure Fund III) (36%) e o estado belga (25%).O 22 de marzo de 2016 a zona de saídas do aeroporto quedou seriemente danada por dous estoupidos nun ataque terrorista. O aeroporto pechouse ata o día 3 de abril, cando reabriu con instalacións temporais funcionando a menos do 20% da súa capacidade anterior. Dende entón foi reestablecendo o seu normal funcionamento, chegando a un récord de pasaxeiros o día 29 de xullo, cando pasaron polo aeroporto 90 000 persoas.

Aeroporto de Liexa

O aeroporto de Liexa (IATA: LGG, ICAO: EBLG), anteriormente chamado aeroporto de Liexa-Bierset, é un aeroporto internacional situado a 9,3 km ao oeste da cidade belga de Liexa, en Valonia. Está centrado principalmente no transporte de carga. A finais do ano 2015 era o 8º maior aeroporto de carga de Europa e o 22º do mundo.

Aeroporto de Lisboa

O aeroporto Humberto Delgado, tamén coñecido como aeroporto de Lisboa ou Aeroporto da Portela (IATA: LIS, OACI: LPPT) é un aeroporto internacional portugués situado na freguesía de Portela de Sacavém, no concello de Loures, próximo á cidade de Lisboa. É o maior aeroporto portugués en número de pasaxeiros, sendo tamén o que rexista un maior volume de tráfico.

Aeroporto de Menorca

O Aeroporto de Menorca (en catalán: Aeroport de Menorca) (IATA: MEH, OACI: LEMH) é un aeroporto internacional que serve á illa de Menorca nas Illas Baleares no mar Mediterráneo, preto da costa de España. O aeroporto está localizado a 4,5 km ao suroeste de Maó, e foi inaugurado o 24 de marzo de 1969, cando todos os servizos civís foron trasladados do veciño Aeródromo de San Luis. Agora ten 16 portas ligadas por pasarelas ao edificio principal da terminal, e no ano 2011 serviu a 2 576 209 de pasaxeiros.

Aeroporto de Roma-Fiumicino

O aeroporto de Roma-Fiumicino, chamado oficialmente aeroporto internacional Leonardo da Vinci, (IATA: FCO, ICAO: LIRF) é un aeroporto internacional en Roma e o principal aeroporto de Italia. É un dos máis concorridos de Europa en número de pasaxeiros, con 41,7 millóns no ano 2016. Está situado en Fiumicino, a 35 km ao oeste do centro histórico de Roma.

O aeroporto serve como principal centro de conexións de Alitalia, a aeroliña italiana máis grande, e tamén é un centro de conexións de Vueling. En número de pasaxeiros é o oitavo aeroporto máis concorrido de Europa e no ano 2015 situouse no posto 36 de todo o mundo.

Aeroporto de Talín

O aeroporto de Talín (IATA: TLL, ICAO: EETN), tamén coñecido como aeroporto Lennart Meri Talín, é o aeroporto máis grande de Estonia e serve como centro de conexións para a súa aeroliña nacional, Nordica. Tamén é un centro de conexións secundario para airBaltic e LOT Polish Airlines. Tamén era a sede da defunta aeroliña nacional Estonian Air. Está situado a 5 km ao sueste do centro de Talín, na ribeira leste do lago Ülemiste. Anteriormente era coñecido como aeroporto de Ülemiste.

O aeroporto ten unha única pista de asfalto/formigón, 08/26, que mide 3 480 × 45 m e é o suficientemente longa para que operen avións de fuselaxe ancha como o Boeing 747. Dende o 29 de marzo de 2009 é coñecido oficialmente como aeroporto Lennart Meri Talín, na honra do líder do movemento de independencia estono e segundo presidente do país Lennart Meri. No ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 2 203 536 pasaxeiros.

Aeroporto de Toronto-Pearson

O aeroporto internacional de Toronto Pearson (IATA: YYZ, ICAO: CYYZ), chamado oficialmente aeroporto internacional Lester B. Pearson, é un aeroporto que serve á cidade canadense de Toronto, en Ontario, ademais de servir tamén á súa área metropolitana e á Golden Horseshoe, unha aglomeración urbana de 9,2 millóns de persoas. O aeroporto atópase a 22,5 km ao noroeste do centro de Toronto, estando case todas as súas instalacións na citi adxacente de Mississauga, estendéndose unha pequena parte cara Etobicoke, o distrito máis occidental de Toronto. O aeroporto foi bautizado na honra do nativo de Toronto Lester Bowles Pearson, Premio Nobel da Paz e 14º Primeiro Ministro do Canadá.

O aeroporto de Pearson é o máis grande e concorrido do Canadá. No ano 2016 pasaron polas súas instalacións 44 335 198 pasaxeiros en 456 536 operacións, facéndoo o 32º aeroporto máis concorrido do mundo en tráfico de pasaxeiros, o 22º en pasaxeiros internacionais e o 15º en número de operacións. Pearson é tamén o segundo aeroporto con máis pasaxeiros internacionais de toda Norteamérica, despois do Aeroporto Internacional John F. Kennedy de Nova York.Pearson é o principal centro de conexións para Air Canada. Tamén é un centro de conexións para a aeroliña de pasaxeiros WestJet e a de carga FedEx Express, e serve como base operativa para Air Transat e Sunwing Airlines. O aeroporto Pearson está operado pola Greater Toronto Airports Authority (GTAA) que forma parte do Sistema Nacional de Transportes do Canadá.

Varias aeroliñas operan unha extensa rede de voos domésticos sen escalas dende Pearson cara todas as principais cidades de todas as provincias do Canadá. No ano 2017 operaban en Pearson máis de 75 aeroliñas, cuns 1 100 saídas diarias a máis de 180 destinos de todos os continentes.

Aeroporto de Valencia

O Aeroporto de Valencia (en valenciano: Aeroport de València), denominado tamén Aeroporto de Manises, é un aeroporto xestionado por AENA situado entre os termos municipais de Manises e Quart de Poblet, nas proximidades da cidade de Valencia. O tráfico que soporta é maioritariamente regular e estatal aínda que o tráfico de vos chárter medra cada ano. Os destinos con maior tráfico son Madrid, que acapara preto da metade do seu tráfico, Palma, Barcelona, Sevilla e Eivissa. Ten conexión co Aeroporto de Santiago de Compostela.

No ámbito internacional París, Milán, Londres, Múnic e Nova York son os destinos máis importantes.

Aeroporto de Ámsterdam-Schiphol

O aeroporto de Ámsterdam-Shiphol (IATA: AMS, ICAO: EHAM), en neerlandés Luchthaven Schiphol e en inglés Amsterdam Airport Schiphol (pronuncia [ˈsxɪpɦɔl]) é o maior aeroporto de Holanda e o quinto da Unión Europea por número de viaxeiros, 54 millóns en 2014. Shiphol está situado a 15 km de Ámsterdam e comunicado coa cidade por autoestrada (E19), trens rexionais (baixo o aeroporto está a estación de tren con ligazón coa estación de Amsterdam Centraal), autobuses e taxis. Ten vos directos dende o Aeroporto da Lavacolla.

Schiphol é centro de conexión para KLM e a súa afiliada rexional KLM Cityhopper, ademais de para Corendon Dutch Airlines, Martinair, Transavia e TUI fly Netherlands. O aeroporto tamén serve como centro de conexións europeo para Delta Air Lines e como base para easyJet, Small Planet Airlines e Vueling.

Aeroportos de Galicia

Esta é unha lista de aeroportos en Galicia, clasificados por localización.

Automóbil deportivo

Un automóbil deportivo é un automóbil pequeno, geralmente para dous pasaxeiros, deseñado para circular a altas velocidades. Ao contrario que un automóbil de carreiras, un automóbil deportivo está pensado para ser conducido na vía pública. Adoita ter mellor aceleración, velocidade máxima, adherencia ao asfalto, e maior sistema de freada que outros automóbiles, o cal lógrase mediante motores, freos, suspensión, caixa de cambios, pneumáticos, chasis e carrozaría especiais. As carrozarías asociadas a un deportivo son cupé e descapotable.

Tradicionalmente reservábase este cualificativo para vehículos de marcas connotadas, prezos elevados e altas prestacións; ou ben para vehículos con motores de alta cilindrada. En atención estrita á súa definición, débese considerar que existen vehículos con características deportivas en practicamente todos os segmentos.

Campionato de Galicia de Rally

O Campionato de Galicia de Rally é unha competición de rally sobre asfalto que organiza cada ano a Federación Galega de Automobilismo en Galicia, dende 1979. O campionato disputase en rallys de asfalto. O primeiro gañador foi Celestino Pardo a bordo dun Seat 124 e o último foi Alejandro Pais cun Mitsubishi Lancer Evolution X. O piloto que máis veces gañou o certame foi Germán Castrillón posuidor de seis títulos seguido de Manuel Senra con cinco títulos.

Entre 1975 e 1978 celebrouse en Galicia o Campionato de Galicia de Automobilismo que combinaba probas de rally e subidas. Non foi ata 1979 cando o campionato naceu de maneira oficial.

Circuíto de Barcelona-Cataluña

O Circuíto de Barcelona-Cataluña (en catalán: Circuit de Barcelona-Catalunya), coñecido tamén como Circuíto de Cataluña ou Circuíto de Montmeló, é un autódromo situado na poboación de Montmeló, na provincia de Barcelona, España. Inaugurado no ano 1991, ten un aforamento de 131.000 espectadores, e acolle diversas competicións entre as que destacan o Gran Premio de España de Fórmula 1 e o Gran Premio de Cataluña do MotoGP.

Debido a que é un dos circuítos máis utilizados para os ensaios dos diferentes equipos de Fórmula 1, a gran maioría dos pilotos está moi familiarizados co mesmo.

O Circuíto de Barcelona-Cataluña é unha instalación pública, cuxa titularidade pertence á Generalitat de Cataluña. Está xestionado polo Real Automóbil Club de Cataluña (RACC).

O circuíto sufriu unha pequena remodelación a principios de 2007, ao introducirse unha chicana na curva do estadio, reducindo a velocidade desa curva. A escapatoria desa chicana é de asfalto, a diferenza das típicas escapatorias de grava, e instalaron un sistema novo de absorción de impactos, que aseguran a integridade do piloto ata velocidades de 200 km/h.

Circuíto de Monza

O Autodromo Nazionale Monza é un autódromo situado nas proximidades de Monza, en Italia, ao norte de Milán.

O circuíto é recoñecido por albergar o Gran Premio de Italia de Fórmula 1, e caracterízase pola alta porcentaxe do trazado que os pilotos percorren co acelerador a fondo, debido ás longas rectas. A marca actual da pista, en carreira, foi marcado en 2004 por Rubens Barrichello, cun tempo de 1:21.046. Cabe destacar, que neste circuíto bateuse a velocidade máxima dun monopraza nun gran premio con 372,6 km/h, durante os adestramentos libres do Gran Premio de Italia de 2005, polo piloto Juan Pablo Montoya.

Construído no parque da Villa Reale di Monza nunha contorna boscosa. O autódromo consta de tres pistas: o trazado de 5,793 km usado para os Grandes Premios, a pista Junior que se estende ao longo de 2,405 km. e un circuíto oval peraltado de velocidade de 4,25 km. con pendentes empinadas infrecuentes durante moitas décadas e que agora está en descomposición. As características da pista principal de Gran Premio inclúen a Curva Grande, a Curva di Lesmo, a Variante Ascari e a Curva Parabolica. A curva de alta velocidade, Curva Grande, atópase logo da Variante del Rettifilo que se atopa ao final da recta principal ou Tribuna Rettifilo, e adoita ser tomada a tope polos coches de Fórmula Un.

Queroseno

O queroseno é un hidrocarburo líquido, inflamable e incoloro, empregado principalmente como combustible para avións de reacción, que foi descuberto polo farmacéutico polaco Ignacy Łukasiewicz.

Obtense a partir da destilación fraccionada do petróleo a 150 °C e a 275 °C (nun rango de cadeas de carbono de C12 a C15).

O queroseno que se destila directamente do cru de petróleo require algún tipo de tratamento para reducir o seu contido de xofre e a súa corrosión. O queroseno tamén pode obterse por medio dun proceso de rotura molecular, convertendo as moléculas orgánicas complexas dos hidrocarburos pesados noutras máis simples para conseguir hidrocarburos lixeiros, como o propio queroseno.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.