Asasinato de Robert F. Kennedy

O asasinato de Robert F. Kennedy, senador dos Estados Unidos e irmán do presidente dos Estados Unidos John F. Kennedy, ocorreu pouco despois da medianoite do 5 de xuño de 1968 nos Ánxeles, no estado de California. Pouco antes do atentado, Kennedy estaba cos seus seguidores celebrando a vitoria nas eleccións primarias do estado de California, realizadas en plena carreira electoral para decidir quen sería o candidato demócrata nas eleccións presidenciais do mes de novembro daquel mesmo ano. Kennedy foi tiroteado mentres camiñaba pola cociña do Hotel Ambassador, onde se atopaba seguindo os resultados. As lesións producidas polo atentado foron graves abondo para provocar a súa morte, que se produciu no Hospital The Good Samaritan vinte e seis horas máis tarde. Sirhan Sirhan, un inmigrante de orixe palestina de 24 anos, foi declarado culpable do asasinato de Kennedy e condenado a morte, sentenza que foi posteriormente conmutada pola cadea perpetua.

A capela ardente do corpo de Kennedy instalouse en Nova York, concretamente na catedral St. Patrick, o cal permitiu que fose visitada por un gran número de persoas durante os dous días que precederon a un multitudinario funeral. O seu corpo atópase soterrado preto do seu irmán John no Cemitirio Nacional de Arlington. A súa morte supoxo un aumento da protección dos candidatos presidenciais por parte do Servizo Secreto dos Estados Unidos. Hubert Humphrey, vicepresidente saínte, foi nomeado candidato demócrata á presidencia, pero finalmente foi derrotado por Richard Nixon.

Do mesmo xeito que a morte do seu irmán, o asasinato de Robert Kennedy e as circunstancias que o envolven deron pé a un gran número de hipóteses e teorías conspiratorias. É un dos dous únicos senadores estadounidenses asasinados (o outro foi Huey Long).

Robert F. Kennedy 1964.jpeg
Kennedy en 1964.

Véxase tamén

Outros artigos

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.