Arxila expandida

A arxila expandida, tamén coñecida polos nomes de arlita ou ripiolita, é un árido cerámico de gran lixeireza, que se emprega na construción como recheo funcionando como illante térmico. Pola súa constitución oca tamén illa acusticamente.

Ademais tamén ten o seu uso na enxeñaría para drenaxes, de filtro na depuración de augas, como tamén na xadinería.

Hydroton
Bólas de arxila expandida.

Fabricación

Baixo a acción de temperaturas elevadas, certas arxilas posúen a propiedade de incharse mentres desprenden gases e se amolecen, ao mesmo tempo que forman unha capa exterior por vitrificación da superficie.

A arxila homoxeneizada pulverízase até converterse en po impalpable. Logo ponse nun prato granular con adición de auga e, por efecto de forza centrífuga, granúlase a arxila en forma de pequenas bólas. Cócese en fornos rotatorios a temperaturas de 1200 °C, onde a arxila sofre expansión e comezo de vitrificación.

Despois do arrefriado, obtense un produto lixeiro, duro, de textura celular moi pronunciada, de cor parda a arroibada e interiormente negra, onde se aprecian os alvéolos.

Composición

A súa granulometría pode variar desde os 10-16mm, até diámetros inferiores aos 5mm. En xeral, canto máis grande sexa o tamaño do gran (máis expandido), menor será a densidade do material, que oscila entre os 325 kg/m3 e os 750 kg/m3. Esta densidade é até cinco veces inferior que a da arxila común, que é darredor dos 1.500 kg/m3.

Aplicacións

A característica máis notable da arxila é a súa relación entre peso e capacidade resistente. Por esta cualidade, emprégase fundamentalmente como material de recheo de baixo peso en situacións nas que se precisa unha certa resistencia mecánica. O uso máis típico deste material consiste en crear pendentes para conducir a agua en cubertas planas. O método de aplicación máis usado é mesturar a arxila con aproximadamente un 15-20% de cemento. Co mesmo propósito emprégase como recheo en forxados e soleiras. E tamén unha solución habitual en obras de enxeñaría civil como recheo en escavacións.

Tamén se utiliza en formigóns lixeiros, con densidades que poden chegar a ser tan baixas como 500 kg/m3 (cinco veces menores que o formigón común), se ben os formigóns lixeiros empregados con fins estruturais non adoitan presentar densidades inferiores aos 1.300-1.500 kg/m3.[1]

Debido á súa porosidade, estes formigóns deben recubrirse con formigón convencional ou mediante outras técnicas para evitar a oxidación das armaduras interiores.

Algúns prefabricados tamén incorporan arxila expandida, como é o caso das bovedillas alixeiradas, para o forxado, ou bloques para cerramento, como tamén pantallas acústicas ou losetas.

Notas

  1. Carlos Enrique Diaz Reyes. "Tipos de hormigón". Consultado o 29 de setembro de 2011.
Cerámica

A cerámica é a arte que fabrica obxectos como olas, xerras, tellas etc. en terracota que sufriron unha transformación fisicoquímica irreversible no curso dunha cocción a temperaturas máis ou menos elevadas (de 700 °C a 1100 °C) despois de lles dar a forma mediante un moldeado. Na historia da humanidade é a primeira arte do lume e atópase antes da metalurxia e do vidro. A palabra abarca tanto a tecnoloxía como os obxectos feitos con ela. Certos tipos de cerámicas son representativas dunha época e dunha cultura.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.